9 abr 2006


El niño raro (V. Aleixandre)

Aquel niño tenía extrañas manías.
Siempre jugábamos a que él era un general que fusilaba a todos sus prisioneros.

Recuerdo aquella vez que me echó al estanque
porque jugábamos a que yo era un pez colorado.

Qué viva fantasía la de sus juegos.
Él era el lobo, el padre que pega, el león, el hombre del largo cuchillo.

Inventó el juego de los tranvías,
y yo era el niño a quien pasaban por encima las ruedas.

Mucho tiempo después supimos que, detrás de unas tapias lejanas,
miraba a todos con ojos extraños.


O tema da violencia nos nenos foi tratado moitas veces na literatura. Nas nosas letras, por exemplo, velaí o conto "O xogo da guerra", de Carlos Casares (en Vento ferido) ou o poema "Xogo ruín", de Luís Pimentel, con ese remate contundente: "Creceu e foi de aqueles". A min este poema de Vicente Aleixandre, de Historia del corazón (1954), tamén me lembra o mundo dos versos de Pimentel: estarían os dous a referirse a unha común simboloxía coas súas metáforas. Vostede que opina?
(Na imaxe, como contraste, "Xesús cos nenos" de E.Nolde)

8 abr 2006


ESCOLMA DE CEN POEMAS (n.2)

Marinha, ende folegares
teño eu por desaguysado
e soon muy maravilhado
de ti por non rebentares,
ca che tapo eu (d’) aquesta minha
boca a ta boca, Marinha,
e d’estes narizes meus
tapo eu, Marinha, os teus,
e das mâos as orellas,
os olhos das sobrencelhas;
tapo-t’ ao primeyro sono
da mha pissa o teu cono,
como me non veja nenguû,
e dos collôes o cuû;
como non rebentas, Marinha?

Empecei esta miña escolma de Cen Poemas de Autores Galegos cun texto moi dramático: o poema de Pimentel. Cambiando totalmente de rexistro, hoxe vai outro que teño entre as máis grandes xoias das letras galegas de todos os tempos. Este novo poema está dedicado a unha tal Marinha e as súas artes amatorio-sexuais (está recollido na Antoloxía de poesía obscena dos trobadores galego-portugueses que preparara Xosé Bieito Arias Freixedo en Ed. Positivas, 1993). Este autor, seguindo a Rodrigues Lapa, sitúao atribuído a Afonso Eanes do Cotón, en cambio a edición da Lírica profana galego-portuguesa do Centro Ramón Piñeiro prefire a autoría de Pero Viviaez, trobador portugués nobre con bens no sur de Galiza (reproducimos o texto desde a edición do C.R.Piñeiro).
O poema enmárcase no caudaloso río de poesía de escarnio e maldizer medieval (que se continuaría na sátira das cantigas populares dos Séculos Escuros, no Curros de O Divino Sainete, Celso Emilio, Manuel María e un longo etc.). É un texto magnífico, pechado, inmellorable (velaí ese xogo do “folegares”, xogando coas formas do fol para “moverse rítmicamente como un fol, durante o coito, ó mesmo tempo que se exhalan suspiros”). Velaí o seu forte alento humorístico e lúdico que se ten relaciondo coa orixe populare vulgar do poeta (se fose Eanes do Cotón). Velaí a gracia da descrición do acto con todos os seus detalles e partes participantes: o cono, a pissa, o cuu, os collôes, os ollos, a boca, as orellas, etc. Tamén se podería dicir que se trata dun poema misóxino, onde a muller está obxectualizada e degradada (correción política), pero eu prefiro cargar as tintas no seu tono lúdico e provocador. E por que non dicir tamén que expresa a anguria do home que pon todo o que pode no seu esforzado labor e aínda así se sorprende ante as capacidades receptoras da muller?. Ah, e o verso final… non mo negarán, maxistral!!! (Na imaxe, un debuxo anónimo de 1880).


EBA segue vivo...
Onte fixen de novo (cantas veces irán xa? incontábeis) o Roteiro A Esmorga de Eduardo Blanco Amor, que puxeramos en marcha nos comezos dos 90 dende o Clube Alexandre Bóveda coa colaboración do Concello de Ourense. Foi o primeiro roteiro literario de Galiza -hoxe hai algúns máis-, ideado conxuntamente por Afonso Monxardín e este cronista e coa colaboración técnica básica de Benito Losada e Ángeles Fdez. e artística de Manolo Figueiras.
Desta vez fixen o roteiro cos alumnos do IES Auga da Laxe de Gondomar e foi por petición da amiga Concha Costas, que veu pasar un par de días ás terras ourensás cos seus alumnos (tamén estiveron en Trasalba, Allariz, etc.). Deilles a miña visión do mundo blancoamoriano pisando de novo as rúas do casco antigo que no seu día camiñaron o Bocas, o Castizo e o Milhomes e conteilles algunhas cousas de EBA e da microhistoria ourensá que non están nos libros. Creo que marcharon moi satisfeitos e case todos leran xa a novela, que lles gustara moito: sen dúbida, EBA segue vivo nos seus libros e na nosa memoria ...

O UNIVERSO POLIMORFO DE VIRXILIO
(Andoliña sábado 8 abril)
Levaba moitos anos Virxilio sen expoñer a súa obra en Auria. E non por falla de propostas. Agora, comisariada por José Paz, podemos ver unha ampla antolóxica, tamén con pezas novas, no Centro Simeón da Deputación ourensá. Na inauguración, Virxilio, un dos nosos grandes, dixo: “non teño nada que dicir, eu só pinto”. E tiña razón porque todo o que pode ser enunciado con palabras está xa nos seus cadros: tal é a riqueza de significados da súa obra. Houbo artistas na historia que teorizaron sobre a arte, de Leonardo a Kandisky, de Van Gogh a Delacroix. Virxilio preferiu calar, facendo verdade así o atinado título desta mostra: A balada silente do mariñeiro.
Pero nós si podemos falar e dicir, unha vez máis, que na obra de Virxilio está todo: a tradición e a vangarda, a color e o debuxo, o misterio e a realidade, o campo e a cidade, a ledicia dos cafés urbanos e a insondábel beleza dos marisqueiros no medio da ría. Hai todo un universo virxiliano, popularizado na arte de masas a través dos moitos carteis que fixo na súa vida ou das letras capitulares da Enciclopedia Galega. Un mundo polimorfo, cheo de vida e simbolismos, capaz de pechar no espazo dun lenzo o espírito dun tempo e das súas xentes.
(Imaxe: No café, 1996. Acrílico sobre táboa. 61 x 60 cm)

7 abr 2006


Homenaxe a Julio Losada
(Andoliña 7 abril)

Hoxe é o día de Julio Losada en Ourense. Coñecido ourensán propietario do Café Miño, home liberal e progresista, axudou a refuxiados republicanos na Guerra Civil e foi durante moitos anos o centro de moitas tertulias no Liceo.

Julio Losada vai ser homenaxeado pola Asociación de Amigos da República da cidade. Quizais fóra do marco ourensán moitos non o coñezan, pero quero lembrarlles que foi tamén amigo fiel e confidente de Carlos Casares: nas súas columnas Carlos relembraba acotío a fonte inesgotable de anécdotas e lembranzas doutro tempo que Julio repartiu sempre con xenerosidade.
Os promotores deste acto queren así simbolizar o papel das persoas que cos seus actos e o seu exemplo transmitiron uns principios de compromiso e resistencia fronte ao réxime franquista. Antes houbo outros recoñecementos: o galeguista Luís Taboada, Camilo de Dios (en nome dos maquis galegos), os veciños de Cambedo, o pobo castigado da raia portuguesa, ou o vello militante comunista Clemente Jiménez, entre outros. Julio Losada convértese así, con esta merecida homenaxe, nun novo fío da memoria. Desa memoria que quixeron, con todo o seu pulo, enterrar coas armas e coa propaganda. Pero fracasaron.

6 abr 2006


LUGRÍS, O COMPROMISO COA TERRA
(Andoliña, xoves 6 abril)
O pasado martes pasei a xornada na Coruña, vendo boas exposicións (Diego Rivera, Seoane, etc.) e presentando os materiais que Política Lingüística dedica a Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas, materias estes (dúas exposicións e unidades didácticas) da autoría do amigo Afonso Monxardín e do cronista que aquí asina. “O compromiso coa terra”, así titulamos o traballo, define ben o roteiro vital dun galeguista republicano, progresista e pioneiro en tantos campos: no teatro, na normalización do galego, coa súa gramática, etc.
No vello e fermoso Instituto Eusebio da Guarda estaba tamén Manuel Lugrís Rodríguez, sobriño-neto do escritor, con quen Afonso tivo contacto nestes meses e que nos aportou moitas fotografías. Moito me alegrei de coñecelo en persoa: hai catro meses morría o meu pai e A Nosa Terra publicaba un fermoso artigo lírico na súa lembranza, asinado por Lugrís Rodríguez, compañeiro seu no grupo do Bloque de Monte Alto e amigo con quen deu moitas paseadas e compartiu moitas horas de conversa polas rúas coruñesas. Eu, mentres tanto e sen coñecer inicialmente esa relación de parentesco, estaba xa a traballar sobre o seu avó. Así é a vida: circular, sorprendente, sempre interesante.
(Na imaxe, retrato de Manuel Lugrís Freire. O seu sobriño-neto garda un sorprendente parecido físico co escritor).

5 abr 2006


Unha escolma persoal: cen poemas (1)

Inicio agora, neste blog, unha escolma persoal de poemas de autores galegos. Unha escolma tan persoal que non necesita explicitar a súa razón de ser: algúns versos estarán aí pola súa indiscutíbel calidade, outros sinxelamente porque no seu momento foron capaces de comunicarme algo moi especial, outros porque dalgún xeito forman parte da miña biografía (e de moitas outras persoas da miña quinta).
A maioría deles estarán en galego, pero haberá excepcións. E unha delas é este poema, o primeiro da miña escolma, que non podía, de ningún xeito, quedar fóra.
Poucas veces un poeta foi quen de deitar tanta autenticidade na súa expresión: versos estarrecentes, contundentes, profundos, obsesivos, que nunca se foron da miña cabeza desde a primeira vez que foron lidos. Aí está toda a filosofía do mundo: no corpo inerte dun neno no depósito de cadáveres, nese "trocito de silencio/ que te llevas de este mundo".
Se a alguén lle interesa, o poema é comentado brevemente no volume de Luz Pozo Garza, "A bordo de Barco sin Luces ou o mundo poético de Luís Pimentel" (Ed. Sotelo Blanco, 1990, pp. 22-23). Eu, que non son poeta, creo que despois de escribir versos coma estes unha voz tan auténtica como a de Pimentel xa xustificou o seu paso polo mundo.

En el depósito de cadáveres hay un niño

Ya se marchó el ministro del Señor
-visita de cumplido-
y su hisopo lleno de rutina.
Tú creías que era un sonajero,
y quedaste muerto jugando con la lluvia.

El depósito de cadáveres es grande para ti.
Y la negra mesa.
Y tu sombra.
Y el silencio de cemento húmedo.

Tú y yo nos entenderemos eternamente.

Llega hasta aquí una canción herida
que se cae y se levanta.
Viene del misterio de los remansos,
en el río, bajo los chopos,
donde las barcas atadas
vigilan las estrellas que quieren ahogarse.

La ciudad no sabe nada de estas cosas,
y en tu cuerpo aún ha quedado
una luz tenue que alumbra el depósito:
la muerte, que ha untado tus mejillas
de una cosa demasiado seria.

Pero en sus ojos aún existen
diminutos jardines encendidos
por los que jamás anduvieron tus pies,
tu pequeñita sombra.

Estás conmigo,
con las manos cerradas, apretadas,
sin querer soltar ese trocito de silencio
que te llevas de este mundo.

(Luís Pimentel, Barco sin Luces, 1960).

Da nosa lingua e das estratexias do BNG: un artigo de X.M. Sarille
Quero chamar a atención sobre o artigo "Política rexionalista para a linga", publicado o martes 4 de abril en "El Correo Gallego" por Xosé Manuel Sarille, un dos históricos da Mesa de Normalización, na súa sección "Política rexionalista para a lingua". O artigo parte do recente estudo do Consello da Cultura Galega e con tino recoñece que facer estudos cuantitativos sobre a lingua non é facer política lingüística ("tampouco a política económica consiste en facer estudos sobre a economía senon en activar medidas políticas concretas para dirixila e lograr resultados").
No remate da súa columna Sarille fai unha interpretación moi crítica da ausencia de políticas lingüísticas no goberno actual e do que el considera unha mudanza das estratexias existentes ata agora no BNG. Paga a pena reproducir este parágrafo que, creo eu, tamén di en voz alta o que en voz baixa están a dicir moitos militantes nacionalistas país adiante:
"Resulta positiva a publicación destes datos? Nin si nin non, porque non inflúen na conduta dos falantes e porque a política que se aplica desde os gobernos é xorda, vai por libre e non ten en conta estas estatísticas. E porque o gran problema non é saber polo miúdo como está o campo de xogo. O problema é que non se vai xogar ningún partido. No último medio ano produciuse un cambio fundamental. A nova cúpula do BNG adoptou outra visión do idioma. Xa non son aquelas executivas que pretendían facer unha política lingüística semellante á de Jordi Pujol, de recuperación decidida e serena. Agora fan unha política semellante á do centrismo rexionalista, tipo PNG e CG. Este é o gran dato sociolóxico, porque pode ser a puntilla pra o idioma galego. Demasiada viaxe para chegar a isto".

VILLALONGA, UNHA NOVELA, UN TEMPO
(Andoliña mércores 5 abril)
Por suposto, non lin todos os libros que garda a miña biblioteca… quén me dera! De cando en vez déixome asolagar por ese cachón de páxinas doutro tempo e recupero algunhas que agardan esperando polo seu lector: ten tamén o seu aquel coller un libro das estanterías, case ao chou, e rescatalo así no seu espírito vital. Fixeno estes días con A morte dunha dama, a primeira novela de Llorenç Villalonga, publicada en 1931 e que provocou un gran escándalo no seu día na sociedade mallorquina ao retratar con trazos firme e certeiro a un tempo o proceso inevitábel de decadencia da súa delicada aristocracia.
Lera hai moitos anos Bearn, a súa obra mestra, pero este primeiro reto non lle queda atrás. Qué marabilla na descrición dun tempo e dunha atmosfera! Arredor dunha cama onde morre unha señora fidalga todo o acontecer dun mundo tan solemne como decadente: o seu universo literario está moi próximo ás narrativas de Lampedusa e de Otero. O xenial escritor mallorquín foi moi crítico co rexionalismo da época (velaí a aguda sátira da poeta Aina Cohen nesta novela), vestiu a camisa azul e logo foi moi amigo do franquista Juan Aparicio. Todo iso é certo e está para sempre na súa biografía. Pero escribía tan ben...!

4 abr 2006


A REVOLTA DOS MOZOS EN FRANCIA
(Andoliña martes 4 abril)
Trala revolta autodestructiva das “banlieus” hai uns meses, o polémico contrato do primeiro emprego (CPE) auspiciado polo primeiro ministro Dominique de Villepin logrou poñer en pé de guerra a boa parte do tecido social francés: sindicatos, estudantes, profesores universitarios, etc. As universidades rodeadas pola policía, a Sorbona pechada e as manifestacións masivas na rúa (entre un e tres millóns de franceses na rúa o martes) fixo falar a algúns dun novo maio do 68.
Pero o suxeito social parece ter mudado abondo desde aquela. Jean-Robert Pitte, rector da Sorbona, contrario a estas mobilizacións, afirma que “moitos estudantes de 20 anos teñen unha mentalidade de 60 e iso é triste. Os estudantes teñen hoxe un discurso ideolóxico dun arcaísmo incríbel, un discurso arqueomarxista fóra do tempo. Aspiran a que todo llelo dea resolto o Estado. Rexeitan o risco, todo o que esixe un esforzo de superación”. Quizais sexa así, pero cando menos protestan e iso é unha posición activa. A lexislación sobre o emprego dos mozos en España, din os informes, é menos favorábel que a que proxecta a polémica reforma laboral francesa. Pero, aquí, iso interesa menos: todo o mundo está ocupado en debater arredor do “botellón”.
(Na imaxe, un combativo cartel de Rodchenko, das vangardas rusas)

PAN POR PAN martes 6 abril
Todos no mundo podemos equivocarnos. Ata unha empresa tan forte e poderosa como Coca Cola. Vostedes xa verían ese anuncio de Fanta entre surrealista e extravagante que fai un xogo sobre uns amigos na praia e unha Fanta que desaparece e regresa “como centollo de ocho patas”. Pois ben, o Concello de O Grove protestou ante Coca Cola porque o que sae no anuncio non é un centolo, senón un boi de mar. Metedura de zoco que de inmediato detectaron os CSI de O Grove onde o centolo é unha imaxe rexistrada polo concello como insignia da súa festa do marisco: a empresa xa prometeu rectificar. O boi de mar (de nome científico cancer pagurus) é máis liso na súa cuncha e ten forma ovalada, con unllas negras nas pinzas, mentres o centolo (maja squinado) é máis redondeado e rugoso na parte superior da cuncha. En calquera caso, o certo é que os dous bichiños, ben preparados, están moi ricos…

3 abr 2006

ESTADOS UNIDOS, ARXENTINA
Inmigrantes. O Senado de Estados Unidos ten que decidir en datas próximas o futuro de 11 millóns de “ilegais” establecidos nese país. O debate está moi vivo e centos de miles de hispanos están a manifestarse en moitas cidades contra a nova lei de inmigración, que non só pecharía esta saída vital aos países do sur senón que mesmo prevé a construción dun muro de mil cen quilómetros de fronteira con México (por certo, caeu o muro de Berlín e cada vez hai máis muros por todas partes, que sucede?). No debate xóganse moitas posicións pero as máis extremas optan por modelos de visas temporais non renovábeis para os ilegais e por converter en delito axudar ou empregar aos sen papeis. O problema é de fondo calado e divide á sociedade norteamericana e afectará ás súas relacións cos países do centro e sur do continente: 8 millóns dos chamados “ilegais” son de orixe latinoamericana. Cecilia Muñoz, vicepresidenta do Consello Nacional de La Raza, un lobby latino, declaraba estes días que moitos inmigrantes sen papeis son tratados como escravos, tamén, entre eles, os que traballan na reconstrución da cidade de Nova Orleáns. Pola súa banda a industria hostaleira necesita dese capital humano (son inmigrantes un 50 por cento dos seus traballadores) e todas as tendencias indican que esa relevancia medrará no futuro. Ademais disto hai 32 millóns de latinos residentes no país que xa naceron nos EEUU e con todos os papeis en regra: xentes moi afectadas, emocionalmente, por este debate e que ademais votan nas eleccións a Presidente.
Arxentina. 30 anos pasaron xa do golpe militar que en 1976 instaurou o terrorismo doe Estado na Arxentina, con Videla, Massera, Agosti como xefes militares á cabeza. Xenerais que están condenados, pero que se beneficiaron do perdón concedido polo goberno de Menem: agora o presidente Kirchner insta ao Supremo para que derrogue os indultos ás Xuntas Militares. Os tempos cambiaron en Latinoamérica e xorden moitas voces contra o imperio da impunidade da ditadura. Sorpréndeme tamén o silencio na maioría dos medios galegos arredor das vítimas galegas da represión en Arxentina: son máis de 300 os galegos que padeceron en carne propia as poutadas da represión militar. Consuelo Castaño, presidenta da Comisión de Españoles Desaparecidos (a maioría deles galegos), contou a resposta de Fraga cando lle pediron axuda ao respecto: “Eso tiene que quedar muerto en el pasado”.

1 abr 2006

Sánchez Dragó reivindica a José Antonio e a División Azul
Fuchicando en Internet en busca de datos sobre Llorenç Villalonga (que, ademais de xenial escritor, foi falanxista), encontreime con esta sorprendente reivindicación do escritor Sánchez Dragó aló por 2003 nun congreso internacional sobre José Antonio. O no seu día profeta de non sei qué movidas contraculturais fala sen pelos na lingua, se os redactores da páxina web non manipulan esa información (a quen lle interese, está en * http://www.falange-autentica.org/article.php?sid=285 * )Sánchez Dragó no hizo en absoluto un discurso complaciente y advirtió a su auditorio que diría cosas duras, que a muchos de los presentes no les iban a agradar. Atípico, independiente, siempre polémico, el escritor ejerció así esa misma libertad de expresión que él ha posibilitado en su espacio en torno a José Antonio y exigió, ante todo, respeto para sus opiniones, “un valor éste del respeto -aseguró- que se hace necesario reclamar hoy, frente a ese otro concepto tan equívoco de la ‘tolerancia’ con el que pretenden sustituirlo”. El autor de “Gárgoris y Habidis, una Historia Mágica de España” aseguró que “siempre ha habido en realidad dos Falanges” y explicó que una de ellas -“el falangismo auténtico”- le merece muy buena opinión, mientras que la otra -lo que llamó “el pseudofalangismo piñarista y franquistoide”- le merece, por el contrario, muy mala opinión.
leyó algunos de sus artículos de temática joseantoniana y falangista. Entre ello, su controvertido “Viaje al Fin de la Noche”, publicado en 1985 en “Diario 16”, en el que contraponía la “Misa Blanca” organizada el 20 de noviembre por Falange en recuerdo de José Antonio, y la que calificó como “Misa Negra” promovida ese mismo día por los seguidores de Franco. También recordó el mensaje que, bajo el título “Contra el Discurso Dominante”, envió en 1988 al I Congreso Ideológico de FE-JONS, a petición de varios militantes de la línea más renovadora de dicho partido, precisamente algunos de los promotores de la actual Falange Auténtica. Otro de los textos objeto de referencia fue el que publicó en la revista “Época”, planteando la necesidad de un “cuarto Discurso del Teatro de la Comedia”, tras los que pronunciaron el dirigente anarcosindicalista Ángel Pestaña, el filósofo José Ortega y Gasset y el fundador de la Falange. Finalizó con su “políticamente incorrecta” reivindicación de la División Azul, una “gesta española anticomunista”, a la que, a su juicio, la historia “vino a dar luego la razón”.

UNHA VEZ UN HOME DEITOUSE…
(Andoliña 1 abril)
Uma vez um homem deitou-se, todo, en cima da terra. A areia lhe servia de almofada. Dormiu toda a manhã e quando se tentou levantar não conseguiu. Queria mexer a cabeza: não foi capaz. Chamou pela mulher e pediu-lhe ajuda”. A muller chegou e viu que tiña prendida a cabeza por unha chea de raíces: “marido, você criou raízes”. Outros viñeron para cortar esas raíces pero comprobaron que se o facían delas saía sangue sen parar. Puxéronse a excavar arredor e viron que eran moi fondas: aquelas raíces que saían da cabeza eran tan longas e xigantescas que podían dar a volta ao mundo.
Así comeza un breve e fermoso conto de Mia Couto, o gran escritor mozambicano, que hoxe quero homenaxear aquí. Titúlase “Raízes” e está publicado nos seus Contos do nascer da terra (Ed. Caminho, 1997). A fábula segue… Que facer con aquela cabeza enchoupada na terra? A muller do home xuntou un grupo de sabios e estes concluíron que era imposible liberar o home enraizado sen transmutar o planeta enteiro. Un deles suxeriu transferir aquela cabeza e levala ata a lúa. “E foi assim que, por estreia, um homem passou a andar com a cabeça na lua. Nesse dia nasceu o primeiro poeta”.

(Na imaxe, o maxistral "Apolo e Dafne" de Bernini)

Leandro Carré Alvarellos: obra inédita e esquecida
Recén cociñado, recén saído do forno, cheirando a pan novo espiritual, o amigo Henrique Alvarellos faime chegar o volume co título que antecede, que recolle peziñas de teatro, contos, ensaios e lendas do autor (entre 1915 e 1972). Leandro Carré (A Coruña, 1888-1976) foi un destacado galeguista, autor dunha extensa e variada obra (dramaturgo, ensaísta, novelista), cofundados das Irmandades da Fala, director-propietario da editorial Lar, fornecedor de proxectos históricos como a unificación da lingua, dinamizador da Real Academia Galega e das relacións con Portugal. Con todos estes avais, como está tan esquecida a súa figura na nosa cultura? O libro conta tamén cun estudo introductorio de Xosé M. Maceira Fernández e reproduce contos e ensaios tan interesantes como "Pola creación dun teatro galego do noso tempo" ou "Conceito da literatura galega". Na imaxe, unha foto do escritor na súa mocidade (ca.1910) presente no libro. Volveremos sobre el, seguro.

Un precursor do mundo dos blogs: Xan da Coba
Téñoo citado máis dunha vez como un exemplo de amor á prensa e á comunicación: a famosa anécdota de Xan da Coba, o xenio do disparate ourensán, redactando e imprimindo un xornal do que el era "único lector". Transcribo a anécdota, tal como a contaba Carlos Casares, por se algún dos meus amábeis e posíbeis lectores/as aínda non a coñecese. E pensei eu nestes días: el non sería, o Xan da Coba, un precursor da blogosfera? De feito cumpriu co soño de facer "o seu" periódico, como facemos tanto a cotío. Nós temos máis sorte, iso si, porque recibimos a voz escrita e o apoio dos nosos lectores cando nos escriben, cousa que el non puido gozar. Pero o seu amor pola comunicación, malia que fose só con si memso, é indiscutíbel e envéxabel:

Tamén parece probado que don Xan editaba un periódico chamado “El Gracioso”, do cal aseguraba que era propietario, director, redactor, impresor, distribuidor e único lector. Tiña o poeta na casa unha pequena imprentiña de man, na que traballaba toda a noite compoñendo de caixa a única folla, impresa por un só dos lados, de que constaba o periódico. Cando remataba a composición, imprimía un só exemplar, circunstancia que viña coincidir coa hora do almorzo. Entón saía da casa para dirixirse a un dos cafés elegantes da cidade, pechaba a porta e por debaixo dela metía o periódico. A continuación marchaba e non volvía ata media mañá, despois de pasar por un par de tertulias e de atender á moita xente que o paraba pola rúa.
De volta, abría a porta, vía o periódico no chan e exclamaba “¡Ah, xa chegou a prensa!”. Entón collía a folla de “El Gracioso”, acomodábase nun sillón e púñase a lelo. Don Xaquín Lorenzo aseguraba ter visto un par de exemplares daquel semanario na casa de don Julio Cuevillas, tío de Florentino, e Marcos Valcárcel cítao no seu coñecido estudio sobre a prensa ourensá. Por outro lado no famoso debuxo de don Xan que publicou “Galicia Moderna” o 15 de agosto de 1897, entre os atributos do poeta figura escrito o nome de “El Gracioso”, sen que aquel protestara, cousa que si fixo, en cambio, pola presenza no debuxo da figura de San Roque.
Hai que concluír, polo tanto, que aínda que non chegara ata nós ningún exemplar do periódico, este debeu existir. O escrúpulo con que don Xan examinou o citado debuxo de “Galicia Moderna” explícao o feito de que non só se queixou a Labarta da inclusión do San Roque, senón que tamén le recriminou que noutra parte da mesma viñeta aparecese unha coroa de homenaxe cunha cinta na que figura como remitente Paco Roque, o célebre poeta de Celanova, contemporáneo de don Xan, con quen este compartiu o parnaso do disparate. Eso quere dicir que don Xan estaba de acordo co resto dos elementos que figuraba no debuxo, incluída a mención de “El Gracioso”.
(Carlos Casares, “Vida, obra e milagres de Xan da Coba” (libro compartido con Xesús Alonso Montero), en Biblioteca de Autores Galegos, Diario 16 de Galicia, 1992.)

No Hospital Materno-Infantil de Ourense
Foi unha experiencia ben fermosa e enriquecedora.
Estiveron connosco (non saen todos na foto) Verónica, Francisco Xavier, Cristina, Andrea, Paula, outra Andrea, Noemi, Alejandro e Rubén, todos nenos e nenas de 8 a 14 anos, e Antonio David, que ten catro, e un bebe coa súa nai. Algúns tiñan febre, a algunha tiveron que pinchala no medio da nosa visita, outras tiñan colocado o suero, pero estiveron alegres e pasárono ben; algúns ata sabían rematar algún dos poemas que limos, algún outro leu connosco, todos respostaban cando preguntabamos algo. Tamén andaban por alí (sequera en espírito e coas nosas voces) Ramón Cabanillas, Luís Amado Carballo, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Neira Vilas, Rafael Alberti, Federico García Lorca, Juan Ramón Jiménez e "o demo coxo" e uns cantos lobos dos nosos contos populares. Tereixa Devesa e Loli Conde, que na foto están agachadas en medio dos nenos, coma sempre maxistrais. E Delfín Caseiro emocionounos a todos rematando co anaco de "O Principiño" de Saint-Exupèry do seu diálogo co raposo: o certo é que quedamos todos "domesticados", nenos e adultos. Graciñas a todo o persoal do Hospital, enfermeiros, médicos, profesores, ao amigo David Simón, director do SERGAS e entusiasta deste encontro e a Carlos Bermello Arce que se ocupou da infraestructura e foi quen tirou as fotos. Non esqueceremos esta experiencia. Creo que haberá que repetila máis veces...

31 mar 2006


PAN POR PAN (La Región 31 marzo)
Hai uns días fallouse a VII edición do Premio Risco de Creación Literaria. O gañador foi Xurxo Sierra Veloso, con Os mércores de Fra. Non teño a sorte de coñecelo en persoa, pero si a través dese novo espazo virtual que é o mundo dos blogs, desde o que dialogamos de cando en vez: el é o responsábel de rei de copas, onde nos deita uns suxestivos textos literarios baixo a rúbrica Os de Silvaoscura: un territorio mítico para o escritor que ten raíces nas terras familiares de Ramirás. Antes deste premio tiña publicadas dúas novelas, Os ollos do rei de copas (1994) e Licor de abelá con xeo (2005). Lin nestes días a súa segunda novela, que me gustou pola súa capacidade narrativa, a axeitada construción dos personaxes e un simpático sentido do humor con moito de ironía sobre o propio mundo literario: precisamente a trama xira arredor dun premio en nome dun escritor egrexio da vila de Pousadoiro.
(Imaxe: debuxo de Laxeiro)

30 mar 2006


2 de abril, Día da Literatura Xuvenil e Infantil
Celebrarémolo un pouquiño antes en Ourense...


De verdade todos temos un prezo?
(Andoliña xoves 30 marzo)
"Moza, ti vales moito", "tanto tes, tanto vales", "todos temos un prezo", "hai lugares onde a vida non vale nada" e outras semellantes son expresións que se usan a cotío como se todo se puidese avaliar a prezos de mercado, incluídos no paquete os seres humanos. Pois ben, na tolería deste mundo ultracapitalista en que vivimos xa se pode saber "canto valemos": hai unha páxina web que che facilita un cuestionario de 40 preguntas no que tes que responder desde o teu estado físico e profesional ata os vicios que padeces ou datos tan relevantes como se tes estrabismo, moita peluxe no corpo ou se perdes pelo. Adiviñen qué se pregunta respecto ao tema xenital e outras perspectivas relacionadas co sexo: www.humanforsale.com.
En fin, segundo leo no suplemento cultural de La Vanguardia (por certo, para min un dos mellores da prensa do Estado), seica tamén conta para ben o ter sentido do humor, certa sensibilidade artística ou facer actividades benéficas e solidarias. Cubertas as citadas 40 cuestións, o programa da web dáche en segundos a posibilidade de saber o teu prezo exacto en dólares. Si, a min tamén me pica a curiosidade, pero eu non o vou cubrir: temo pola miña autoestima.
(Tomo prestada esta imaxe dun blog portugués: www.100-stress.blogspot.com)

29 mar 2006

Pois eu alegreime
Despois de publicar o post sobre o laicismo na escola, pasoume algo curioso. Onde traballa o cronista auriense, hai varias mozas que levan sempre veo, inmigrantes, que se están a integrar con gran esforzo no noso mundo (cun labor encomiábel dos profesores de apoio que traballan con elas). Hoxe, casualidades da vida, unha delas e por primeira vez deixouse ver sen veo (cando menos na escola). E eu alegreime...

Da necesidade do laicismo na escola (Pan por Pan mércores 29 marzo)
O sociólogo francés Alain Touraine é un dos ensaístas máis relevantes do noso tempo, autor de obras como “¿Qué es la democracia?” ou “¿Cómo salir del liberalismo?”. A revista “Cuadernos de Pedagogía” publicou unha entrevista con este pensador na que di algunhas das verdades do barqueiro: “A escola é a célula fundamental da nosa sociedade. O resto son apéndices”. Explica as causas da revolta das “banlieus” de París como “unha situación de desintegración dos integrados; son persoas integradas pero nunha sociedade tan desintegrada que viven do roubo, a droga, o traballo informal. É unha situación case de suicidio”. E pronúnciase no debate do veo con radicalidade: non ao veo, si ao laicismo. Sen negar a diversidade cultural na escola, este é o momento da laicidade, a cidadanía e a independencia de todos os poderes relixiosos
(Na imaxe, a Flora de Tiziano).


Por fin!, en marcha unha escolma dos poetas da Costa da Morte
Os meus amigos poetas da Costa da Morte contarán en moi pouco tempo cunha ampla escolma dos poetas daquelas terras, cun amplo abano de 26 poetas que van desde Pondal (1835) ata María Lado (1979), segundo informa unha nova publicada na Voz de Carballo. A entidade comarcal Neria vaise facer cargo da súa elaboración ou financiación e na andaina participan poetas como Miro Villar e Modesto Fraga. Noraboa aos poetas fisterráns por esta xoia que arelamos todos os galegos amantes da poesía. (Na imaxe, retratos de tres grandes voces fisterrás: Alexandre Nerium, Modesto Fraga e Miro Villar).

28 mar 2006

Sobre ETA e as "organizacións armadas"
Interesante, provocador e polémico o artigo do amigo Monxardín hoxe en GALICIA HOXE.

Blanco Amor nas aulas (PAN POR PAN martes 28 marzo)
Levo máis de 20 anos dando clases de Literatura Galega a alumnos de ensino medio. Nesa longa andaina teño utilizado textos de escritores de todo tipo: de autores clásicos xa falecidos, de autores de hoxe e aínda vivos, de escritores estranxeiros traducidos ao galego, etc. Entre todos eles, sempre que acudín a Eduardo Blanco Amor (“Os biosbardos”, “A esmorga”, algún anaco de “Xente ao lonxe”) nunca me defraudou. Quizais porque sexa un escritor que eu trate con maior empatía, non o nego. Pero tamén porque é moi doado entrar no seu mundo auriense: os alumnos len na clase a aventura da arrasadeira e ás veces escoitan na casa esas mesmas historias en primeira persoa, vividas polos seus pais ou avós. Ou recoñecen os tempos en que o pan centeo era o pan dos pobres. Ou recuperan ese tesouro da lingua: lampantín, pequeneiro, feituco, lerchona, churriana, carafuncho, acrequenarse, esfurricando, etc. (Imaxe: debuxo de Xohán Ledo para a edición de "Os biosbardos" en Galaxia).

27 mar 2006


QUE NINGUÉN ESTRAGUE A ESPERANZA
(Publicado en La Región, 27 marzo 2006)
O comunicado. O comunicado de ETA abriu fiestras de esperanza e ilusión en moitos sectores da sociedade vasca e española. Hai indicios dunha nova linguaxe, alentos que permiten albiscar un camiño novo para o futuro, sen armas nin extorsión nin chantaxes. Oxalá poida ser posíbel canto antes. De certo, hai varios factores que levan a este resultado e nos últimos anos habería que falar, sen dúbida, da presión policial, do apoio do Estado francés, da mobilización da sociedade (sobre todo tras o mafioso e cruel asasinato por entregas de Miguel Ángel Blanco), da propia consolidación da autonomía vasca no seu marco político co nacionalismo do PNV no goberno durante tantos anos. Pero todo iso, teño eu esa convicción, non houbese chegado para rematar con ETA. A banda podería sobrevivir, aínda nun nivel de baixa intensidade, provocando sufrimento e dor a varias xeracións máis. Foi o 11 de marzo (e antes o 11-S en Nova York) o que amosou ata para as mentes máis fanáticas que o terrorismo non só é un camiño asasino, dunha crueldade sen límites, senón que ademais é por definición absurdo e inútil. O monstro etarra debeuse ver no espello do espanto producido polo integrismo islámico e quizais así recoñeceu unha parte das sombras do seu propio horror.
O proceso. O proceso non será nada doado. O IRA pechou a estratexia violenta en 1994, van aló doce anos, e aínda hai problemas moi graves na comunidade do Ulster, difíciles de cicatrizar. Pero hai sinais positivos. Por exemplo, a firmeza e prudencia que amosa Rodríguez Zapatero (onte mesmo na entrevista de “El País”): semella claro que ten unha folla de ruta definida, interlocutores dispostos e imaxinación suficiente para levar a bo termo todo o proceso. Pode ser Zapatero o que consiga o que non logrou nin Felipe González nin José María Aznar (que tamén quixo negociar, estes días os xornais lembran as súas palabras abertas a falar “con el movimiento vasco de liberación, y quiero que los españoles lo sepan”). Cómpre, ademais, o concurso de todas as forzas políticas, incluído o Partido Popular: Rajoy non pode facer outra cousa que amosar o seu apoio ás negociacións que dirixa o goberno (sería suicida calquera outra estratexia), aínda sabendo que un final feliz, tan arelado por todos, sería unha baza electoral para o PSOE.
O problema humano. Será moito máis difícil resolver o problema humano para o día despois da paz. Quedarán demasiadas feridas abertas, que non poden cicatrizar sen grandes doses de xenerosidade e intelixencia. O escritor Andrés Trapiello, antes aínda do comunicado etarra, reflexionaba sobre isto e daba unhas pistas sensatas de por onde se debe encamiñar a futura convivencia. Paga a pena reproducir as súas palabras: “Non sabemos se os presos de eta estarán na rúa antes do 2010, como aseguraba con repulsiva xactancia un dos seus secuaces. Parece pouco probábel, pero en todo caso non debería preocuparnos se nos acordos se inclúen uns cantos parágrafiños de letra pequena, deste tipo: como nalgúns países de Europa respecto do xenocidio, perseguirase por lei a quen negue a natureza e pasado criminais da banda (non foron gudaris, nunca foron heroes). Os excarcerados, convictos de asasinato, non poderán ser obxecto de homenaxes e exaltacións políticas ou municipais (nin dantxaris nin imposición dos seus nomes a rúas da localidade). Tampouco poderán desempeñar cargo público ningún, nin beneficiarse de axudas estatais. Nin exercer o ensino, agás que medie expresa condena do terrorismo, e non poderán instalar os seus negocios nas mesmas casas das vítimas. Calquera cidadán poderá recordar libremente como, cando e onde queira as vítimas, así como o nome dos verdugos e o historial delictivo da banda (extorsións, negocios suxos, conivencias, chantaxes, crimes propios de toda mafia). Etcétera. Ou sexa, nada, a letra pequena”.
(Imaxe: V. Zubiarre, "Figuras").


POETAS (Carlos Reigosa)
ASISTÍ el viernes en Vigo a un recital poético organizado por el PEN Club de Galicia y Caixanova Literaria. El resultado no pudo ser más esplendoroso. Una extraordinaria hornada de poetas en gallego y en portugués ofrecieron una muestra singular de talento y ambición nada comunes. Sobre todo los gallegos. Sus voces se sucedieron sin desentonar en un nivel alto, granado, preciso y vigoroso. Sus versos -tres poemas por cabeza- siguen sonando aún en mi memoria. El verbo exacto y sin corsés de Vicente Araguas, el brío lozano y prometedor de Modesto Fraga, la sabiduría polifónica de Luis González Tosar, la densidad cardinal y medular de Román Raña, la profundidad rítmica -contenida y esencial- de Xiao Roel, la intensidad versátil y el dominio poético de Gonzalo Navaza, la sencillez honda y penetrante de Domingo Tabuyo, el poso ilustrado y juicioso de Manuel Vilanova, la amplitud oceánica de Miro Villar y la frescura luminosa de la jovencísima Yolanda López. Disfruté de verdad. Como pocas veces. Xosé Luis Méndez Ferrín, el grande, disculpó su ausencia, pero sus espaldas estuvieron bien cubiertas por este grupo intergeneracional que nos regaló con una poesía que sonaba a música. Un placer superior.
(Remataron en Vigo as Xornadas sobre Xornalismo e Literatura organizadas polo PEN. Brétemas publica unha breve crónica da mesa redonda sobre Xornalismo electrónico, foros, e-books e blogs. E Carlos Reigosa, que tamén participou neste encontro, publica hoxe na Voz esta columna sobre o recital de poetas que tivo lugar o venres).



A habitación do fillo (Nani Moretti)
Dramática, conmovedora, nada melodramática (no mal sentido da palabra), auténtica... Quizais o máis que pode chegar o cine de hoxe ata o territorio da autenticidade: falo de "A habitación do fillo", de Nani Moretti, unha película chea de verdade, para o meu gusto. Vina aínda hai uns meses en DVD e tíñalle gañas porque lera moi boas críticas cando a estrearan. Se alguén aínda non a viu e ten o aparato de video en bo estado, que aproveite: a TVG vaina botar a esas horas prohibitivas ás que estamos xa acostumados (00,40).

26 mar 2006


PARA A HISTORIA DA MISOXINIA (Pan por Pan domingo 26 marzo)
A escritora Anna Caballé, autora de múltiples estudos sobre a muller e a literatura, vén de publicar unha Breve historia de la misoginia (Lumen). Libros coma este serven para comprobar, unha vez máis, que ata persoas intelixentes e creativas poden dicir babecadas xigantescas. Como Valle Inclán cando afirmou que “en la presente civilización no tienen nada que hacer las mujeres”. Ou Afonso X o Sabio, o gran poeta, que consideraba a muller “a confusión do home, besta que nunca se farta, perigo que non garda medida”. A misoxinia é consubstancial ao fascismo, velaí a Pilar Primo de Rivera: “las mujeres nunca descubren nada. Les falta, desde luego, el talento creador reservado para Dios a inteligencias varoniles”. A escritora catalana optou por unha “Breve historia” pero podería publicar varios tomos. E deles habería varios con opinións de santos e altas autoridades da Igrexa de todos os tempos.
(Imaxe do pintor David Alfaro Siqueiros)

Noraboa a Xurxo Sierra Veloso, premio Risco de Creación Literaria
O compañeiro do mundo blogueiro Xurxo Sierra Veloso vén de facerse co VII Premio Risco de Creación Literario, concedido na miña cidade e por un xurado do que formaban parte os profesores e críticos Anxo Tarrío e Camiño Noia, entre outros. O orixinal premiado leva o título "Os mércores de Fra" (véxase a información que publica GALICIA HOXE) e antes xa publicara as novelas "Os ollos do rei de copas" (Ed.do Cumio, 1994) e recentemente "Licor de abelá con xeo" (Ed. Sotelo Blanco).
Está é a súa ficha literaria na web da Editorial Sotelo Blanco:
Xurxo Sierra Veloso (Caracas, 1969). Licenciado en Filoloxía Galega, traballa na Escola de Maxisterio de Zamora. Foi director e presentador de Os mundos de Horacio Oliveira, programa radiofónico de contidos literarios, e responsable da edición de “Era un son de buguina”, escolma poética do escritor muradán Agustín González López. Publicou a novela Os ollos do rei de copas (1994). Con Licor de abelá con xeo foi finalista do Premio Lueiro Rey de Novela Curta no ano 2005.
Noraboa de corazón por ese de seguro merecido premio.

25 mar 2006


FALANDO SOBRE O XORNALISMO LITERARIO
Na miña columna de GALICIA HOXE (Andoliña sábado 25 marzo) falo tamén dos encontros de xornalismo literario e conto algunha cousa mais (na imaxe, o inmortal J.Pla):
Na tardiña do xoves, cando Galiza quedaba asolagada polas augas que caían a cachón, estiven en Vigo, nas xornadas do PEN Clube sobre Xornalismo e Literatura. Compartín mesa redonda con Xosé Carlos Caneiro, Tucho Calvo e Jose Viale Moutinho e foi un encontro moi agradábel. Falouse alí de moitas cousas, pero houbo plena coincidencia en afirmar que un autor é tan escritor cando escribe nun xornal como cando constrúe as súas obras de ficción narrativa. Antes Margarita Ledo delimitara moi ben as lindes entre o xornalismo e a literatura, mesmo acudindo a clásicos como Jack London: a verdade é norma no xornalismo e debe trasladarse con testemuñas directas ao lector, cousa que non se esixe no territorio da literatura. Tamén criticou a profesora de Xornalismo o papel dos medios que eluden o tratamento informativo rigoroso dalgúns temas conflitivos, desprazados para ser abordados polos seus columnistas: pensaba, creo, na prensa de Madrid.
Eu lembrei, entre outras cousas, aquelas palabras de Pla sobre o labor dun escritor, nos seus libros ou nos xornais: o que debe facer un escritor, máis que dar opinións, é describir a atmosfera do seu tempo. Para opinar, dicía Pla, xa temos abondo co bispo e co gobernador.

24 mar 2006

Xornalismo literario: unha lembranza de Antón Villar Ponte
A tardiña do xoves estiven en Vigo, nas xornadas sobre Xornalismo e Literatura que organizou o PEN Clube e que continúan ata o sábado. Tocoume compartir mesa redonda con Xosé Carlos Caneiro, o escritor portugués Jose Viale Moutinho e Tucho Calvo, que facía de moderador, pero que tamén interveu a cotío. Falouse de moitas cousas: de xornalismo, de literatura, de censura, da invisibilidade do libro galego, da indiferencia dos responsábeis dos medios respecto dos seus propios columnistas, da diglosia nas páxinas de opinión, etc. Moitas cousas sobre as que se poderá volver en calquera momento.
Na sala predominaban os escritores: estaban alí (por reproducir a atmosfera do lugar) Modesto Fraga, Luís González Tosar, Gonzalo Navaza, Luciano Rodríguez, Ursula Heinze, Carlos Reigosa, Arturo Lezcano, Margarita Ledo (que inaugurou cunha conferencia as xornadas), María Xosé Queizán (que se amosou no coloquio moi cabreada porque xa non a deixan escribir na "Voz", ela di que por censura), e varios escritores portugueses que non tiven a honra de coñecer (perdón polos inevitábeis esquecementos).
Na miña intervención, creo que moi crítica sobre as relacións da prensa galega co feito cultural, botei man dun vello artigo de Antón Villar Ponte, de 1923, que, con matices, case se podería publicar a respecto de moitos dos medios que temos hoxe. Por certo, a presenza de varios xornalistas e escritores vencellados á "Voz" fixo que saísen en defensa ardorosa do medio no que traballan/colaboran, afirmando que non se séntían aludidos polas críticas de Villar Ponte que eu reproducín alí. Ben, pois imos ver ese texto que non gustou a todos. Vostedes dirán se é excesiva a miña afirmación anterior sobre a "actualidade" deste texto:

Un último exemplo chega para constatar a intelixencia analítica e a persistencia de Antón Villar Ponte nesta loita contra o xornalismo máis mediocre do seu tempo. É o artigo “Los defectos de la prensa gallega”, publicado nun especial do Galicia de Vigo (25-VII-1923), facendo balance do primeiro ano do diario de Paz Andrade, “uno de los diarios más imparciales y hasta ahora más modernos entre todos los de nuestra tierra”. Expoño en esquema os seus argumentos básicos contra o modelo de xornalismo dominante naquela hora:
· Falta de independencia (“pocos son los periódicos de nuestra tierra que no están entregados a la devoción de un hombre o a la disciplina de un partido político...”)..
· Mimetismo e dependencia dos xornais madrileños (“hay que esperar los juicios de la prensa madrileña para saber los juicios de la prensa gallega”).
· Dominio no estilo xornalístico do “verbalismo huero” e da mediocridade: “El periodismo lleva aquí al adocenamiento”.
· Rexeitamento a todo o que é novo e moderno, imposición dos xornalistas vellos: “siguen considerando maestros de periodismo a fósiles de la pluma”.
· Falta de personalidade e de carácter no xornalismo galego: “Tener personalidad en Galicia es lo peor que puede ocurrir a quien aspire a vivir del periodismo. (...) La elocuencia del lugar común y la ductilidad del léxico al servicio de los intereses creados son las principales bases para el éxito del periodista gallego”.
Galería de personaxes de hoxe
(Andoliña venres 24 marzo)
Velaí unha galería de personaxes de hoxe. O primeiro deles é un home brután, machista, que cuspe un taco tras doutro mentres corta anacos de xamón entre berros. O segundo, un mozo que é consumidor de sexo impulsivo, incapaz de controlarse, curtiño de entendedeiras e ao que lle sae mal todo aquilo no que se mete. O terceiro dos nosos convidados vai de chulangueiro que presume do seu dominio coas mulleres, que, por outra parte, se burlan del canto queren. O cuarto, un home indeciso, incapaz de seguir a velocidade mental da súa compañeira, que pasa os días no psicólogo consultando os seus múltiples problemas emocionais. O quinto, un froiteiro de longos mostachos, que só pensa en explotar aos traballadores e estafar os clientes, ademais de ser racista contumaz e odiar aos inmigrantes...
A lista podería seguir con outros 30 personaxes máis: vostedes recoñecerían varios arquetipos masculinos en populares series de televisión actuais. Xa sei que a televisión non é a realidade, pero... Para moita xente a TV si é un espello da sociedade. Polo que resulta inevitábel preguntar: Todos os guionistas deste país son mulleres a exercer algunha demorada vinganza polos agravios doutrora?
UNIVERSITARIOS, A FUE DE COMPOSTELA
(Andoliña xoves 23 marzo)
Hai períodos na historia especialmente dinámicos e por iso atractivos para os historiadores: velaí os anos 30, aínda que aquela arela de esperanza rematase nun dramático asolagamento de sangue. Pouco antes da Segunda República os estudantes de Compostela máis ideoloxizados xa berraban “¡Viva Unamuno!” e loitaban contra a dictadura de Primo de Rivera. Logo fixeron campaña para galeguizar a Universidade e en pro dunha escola laica e pública. Moitos eran poetas, escribían sobre a música galega, estudaban a Galiza medieval e se apaixonaban coa figura de Prisciliano. Ese era o espírito daquel tempo.
Toda esa experiencia quedou plasmada na revista “Universitarios” (1932-1933), a revista da Federación Universitaria Escolar (FUE), reeditada hai uns meses polo Centro Ramón Piñeiro, e que dirixía daquela o mozo galeguista Francisco Fernández del Riego. Pero aí estaban tamén Luís Seoane e Carlos Maside coas súas magníficas ilustracións, e Ricardo Carballo Calero, Arturo Cuadrado, Fermín Bouza Brey, Xosé Outeiro Espasandín, Antonio Fraguas, Xurxo Lourenzo, Carlos Martínez Barbeito e moitos outros nomes: outra xeración de luxo da nosa historia cultural, sen dúbida. (Debuxo de Luís Seoane na portada do n.2, o último, desta revista).

22 mar 2006


Franco, honoris causa: nós xa llo quitamos
Veño de asinar na web que promove a campaña para quitarlle o doutorando honoris causa concedido ao dictador no ano 1965 (www.cansendono.net). Contan en Vieiros que seica non hai regulamentos nisto dos honoris causa e vai ser difícil quitarllo: pois, é igual, apetecíame asinar, e ademais os cidadáns xa lle quitamos hai moito tempo ao vello todas as súas distincións. No 65 eu tiña sete anos e non sabía destas cousas pero agora podo opinar, non?
Lembran tamén en Vieiros que en 1965 aínda ecoaban as protestas internacionais, tras as execucións de Grimau, Delgado e Granados. Malia todo, o entón reitor da USC, Ángel Jorge Echeverri, recoñeceulle a Franco "elementos esenciais como son a fe, a esperanza e a caridade", chegando a exclamar "¡Que belas accións ten realizado o noso doutorando!". Poderíase publicar un tomo ben gordo só cos ditirambos dirixidos ao dictador por moitos escritores e poetas (tamén algúns galegos, como estudou Alonso Montero).
O único ditirambo que merece Franco é algún dos moitos que lle dedicou o poeta Delgado Gurriarán; por exemplo:
"Franco, Franquiño/ piquirrichiño,/ refugallo de homes,/ selso de feixismo./ Alacrán con mando,/ sapo con estrelas,/ arañón con cruces,/ cobra pezoñenta./ Franco, Franquiño/ piquirrichiño:/ nas nádegas de Hitler/ puxeche o fouciño./ E o "duce" da Italia/ tamén llas bicache,/ pra que te fixeran/ o que ti soñache".
Por certo, tal como lembra o debuxo de Seoane en "Trece estampas de la traición", Franco e a Igrexa católica española servíronse mutuamente, durante moitas décadas, para os seus propios fins: cando é que vai pedir perdón a Igrexa española por esta criminal complicidade, como debera facer unha institución cristiá?


Máis sobre a caricatura
No catálogo da VIII Bienal da Caricatura hai un traballo meu sobre o labor nestes anos dos caricaturistas galegos. Reproduzo aquí unha parte sustancial do mesmo, acompañado dunha imaxe de Pepe Carreiro que amosa o poder provocador e subversivo da caricatura:
Caricaturas en tempos difíciles
Na anterior Bienal da Caricatura corrían tempos difíciles, lembran? Eran os tempos do Prestige, dos inicios da guerra de Iraq e de todo un cachón de mobilizacións de resposta cívica nas que o sentido do humor, desde unha perspectiva crítica, e mesmo a arte da caricatura tampouco estiveron ausentes. Os “caretos” de Fraga, Aznar, Rajoy e outros políticos gobernantes estaban todos os días nas rúas, acompañados de milleiros e milleiros de galegos que respostaban así, coa súa presenza social, a campaña de mentiras e ignominias que deitaban moitos medios de comunicación oficiais e oficiosos. Eses tempos pasaron e quizais iso influiu tamén no labor diario dos caricaturistas; creo que houbo un certo relaxamento da tensión crítica nos últimos meses e o espello dos artistas da caricatura tamén reflectiu esa realidade: poderán comprobalo, se estou eu no certo, os propios espectadores das exposicións desta Bienal.
Ese proceso é lóxico, a cada marea sucede un certo acougamento, pero non nos debe facer esquecer a necesidade da capacidade crítica e transgresora dos artistas do humor e da caricatura. Unha capacidade que debe manterse esperta, receptiva e en perpetua tensión: quizais o feito de que moitos dos nosos caricaturistas se sitúen na esquerda social do país poida producir tamén un certo desconcerto: qué facemos agora que é a esquerda a que está a gobernar o país? Temos tamén que caricaturizar e satirizar os erros e incoherencias das medidas políticas e das actitudes dos novos gobernantes? Creo que a resposta é obvia e eu non a poñerei por escrito, pero os artistas que realmente son fieis a si mesmos e ao seu compromiso coa realidade, saben que as libertades se conquistan todos os días e o pincel (ou o ordenador) non pode nin debe repousar aínda cando aqueles que nos gobernan sexan agora máis amigos ou máis simpáticos.
Ademais, os caricaturistas van ter algúns problemas engadidos. Desaparecido (case) da escena estatal José María Aznar, desprazado cara o Vaticano o señor da Coruña Francisco Vázquez e retirado Manuel Fraga nas augas lamacentas dun Senado pouco mediático, os artistas encóntranse coa realidade da desaparición do escenario de figuras con tantas posibilidades como os mencionados ou outros como o “leonado” do nacionalismo Xosé Manuel Beiras que, por suposto, non se retirou de nada e ten moito que dicir e que aportar aínda ao futuro do noso país, aínda que os focos apunten agora noutra dirección. Xurdirán outros nomes sen dúbida, pero haberá que agardar: por exemplo, agás as figuras de Pérez Touriño e Anxo Quintana, a maioría dos nosos novos gobernantes non teñen aínda un perfil consolidado na arte da caricatura, agás quizais os nomes de Ánxela Bugallo, Méndez Romeu e Alfredo Suárez Canal.

As augas están máis calmas na Galiza e no conxunto español e aínda na Europa todo. Pero, qué sucede fóra? As cousas están ben complicadas e, mira ti, seica unha das causas son unhas inocentes caricaturas. Non é este o momento de reflexionar a fondo arredor da crise das caricaturas de Muhamad (Mahoma) e as desorbitantes consecuencias políticas que un suceso tan intranscendente tiñeron en certas áreas xeopolíticas do mundo, por suposto co necesario labor de axitación do integrismo musulmán máis fanático e irracional (que fose un medio de dereitas quen publicase os famosos debuxos non fai mudar tampouco a cerna da cuestión). No terreo da política internacional e da diplomacia non sobra ningún tipo de cautelas, sen dúbida, e entendemos as reaccións tan comedidas de moitos dos nosos políticos europeos. Que entendemos, pero non compartimos na súa filosofía máis profunda. Porque a liberdade de expresión é unha conquista irrenunciábel da civilización occidental e unha condición sine qua non para o exercicio real da democracia como forma de goberno. Hai problemas moi graves no mundo –de explotación colonial, de fames e xenocidios de pobos enteiros, de miserias e subdesenvolvementos condeados a perpetuarse e eternizarse- e quizais, non sei, a arte das caricaturas non mereza tantas palabras como lle temos adicado nos últimos meses. Pero a liberdade de expresión, como núcleo e ADN da nosa personalidade, non pode ser soterrada baixo a intransixencia de ningún tolo fanático, sexa este da relixión, etnia ou cultura islámica, católica, xudía ou o que sexa.
Podémolo dicir poñendo boa cara e mesmo, se fose preciso e en tempos de antroido (cando escribo estas liñas), cun gran sorriso no medio da nosa faciana. Pero, de certo, temos que dicilo. Con toda a contundencia. Con toda a nosa verdade.

21 mar 2006

Celebrouse onte o Día Mundial da Poesía con actos en diferentes lugares de Galiza e do mundo. O PEN Clube galego convocou unha cita moi relevante en Compostela (Antonio Gamoneda, Xosé Luís Méndez Ferrín, António Salvado, Xoana Torres) na que se leu a seguinte mensaxe, que paga a pena reproducir:

Mensaxe de Koichiro Matsuura (director xeral da UNESCO) no Día Mundial da Poesía

O mundo cambia constantemente, no tempo e no espazo, día a día e dun lugar a outro. Os seres humanos non somos a excepción, porque tamén estamos en perpetua transformación.
Para empezar, a nosa vida individual é un exercicio de adaptación. A través das colectividades, os pobos e as sociedades, as culturas e as civilizacións cambian ao longo da Historia. Os seres humanos somos axentes dinámicos do cambio: transformamos o noso entorno e, ao facelo, transformámonos a nós mesmos, poñendo así en tela de xuízo a noción sinxela dunha natureza humana fixa e inmutábel. Sen embargo, a condición humana persiste con tenacidade e cando, a través do tempo e a distancia, nos recoñecemos noutros seres e eles recoñécense en nós, non estamos á vez recoñecendo que algo permaneceu? Hai algo que poida dar razón simultánea do cambio e a inmutabilidade?
Por suposto que si. Ese algo é a poesía. As nosas linguas son, por suposto, diferentes, como diversos son os xeitos en que colocamos as palabras, frases e oracións, así como a forma e a métrica dos nosos versos. Pero a través dos seus modos e ritmos múltiples, a poesía remítenos ao diálogo entre o cambio e a permanencia na vida mesma.
Mediante a linguaxe, expresamos as nosas distintas crenzas, valores e experiencias. A pluralidade dese río de identidades constitúe a humanidade. A poesía é unha ponte entre persoas e grupos, que nos axuda a comprendernos mutuamente e a entendernos a nós mesmos. A poesía expresa - ás veces de forma sinxela, outras con fonda complexidade- os nosos temores, esperanzas, arelas e presentimentos. Nas súas máis eximias manifestacións, a poesía é capaz de revelar verdades que captan a esencia da nosa común humanidade e a súa beleza lémbranos os cumios artísticos que a especie é quen de acadar.
(Imaxe: retrato dunha xove, de Besnard Paul Albert)


Caricaturas a esgalla en Auria
(Andoliña martes 21 marzo)
Está a se celebrar en Ourense a oitava Bienal da Caricatura, unha cita con moitos anos detrás, que naceu da man do Clube Alexandre Bóveda e que hoxe desenvolve a Casa da Xuventude. Nesta ocasión recupérase un artista histórico esquecido, o compostelán Lino G. Rubido, do que soubemos polo libreiro Xesús Couceiro; e figura como artista convidado o portugués André Carrilho. Toda a cidade acolle un amplo abano de caricaturas de todos os países e estilos.
A monográfica do autor galego está dedicada a Xaquín Marín, 50 anos en liña cunha mostra que leva meses percorrendo Galiza. Xaquín Marín, director do Museo de Humor de Fene, é un dos grandes do humor gráfico do país, xa o temos dito. Debuxaba xa nos tempos de La Codorniz e Hermano Lobo e ten paseado a súa obra por boa parte do mundo (México, Bretaña, etc). Coas súas imaxes podería facerse unha crónica abondo completa do que sucedeu na nosa terra desde hai cinco décadas. Como di o escritor Ramón Loureiro no texto que lle dedicou no catálogo da Bienal, cos seus deseños o artista ferrolán "fai mellores os días, a maxia dos seus debuxos e dos seus lenzos permite navegar entre as malas horas nunha barca de soños…"

20 mar 2006


Martes 21 marzo, Día Mundial da Poesía: recital poético no Liceo ourensán arredor do libro-escolma de Fran Alonso, Poetízate.
Non todos os días se xuntan trinta mozos e mozas a recitar poesía. Por iso tomeime a liberdade de poñer aquí os seus nomes e os dos poetas aos que lles van poñer voz.

Un detalle importante: a maioría dos poemas foron escollidos polos propios alumnos e alumnas.

Instituto de Celanova
Iria Méndez Rodríguez: "Xan", de Rosalía de Castro
"No máis fondo", de Ramón Cabanillas
Uxía Vázquez Rodríguez : "Cunetas", de Luís Pimentel
"Daquelas que cantan", de Rosalía de Castro
Arancha Álvarez Rivera: "Por qué miña almiña?", de Rosalía de Castro, e "Sós", de Manuel Antonio

Instituto de As Lagoas
Sabrina Amoeiro Nogueiras: "Taberna" e "Lúa", de Luís Amado Carballo
Patricia Alvarez López: "Definición", "Nunha cena de amigos", de Aquilino Iglesia Alvariño
Elena González González: "Con auga de sede vella", de Alvaro Cunqueiro
Elena Glez Glez/ Gabriel Gavela: "O pozo que non hai", de Alvaro Cunqueiro
Gabriel Gavela González: "Deitado frente ao mar", de Celso Emilio Ferreiro
Gema Pérez Lorenzo: "Marzo, 1972", de Celso Emilio Ferreiro
Celia Parra Díaz: "As pontes", de Pura Vázquez

Instituto Eduardo Blanco Amor
Patricia Gómez Salgado: "Envellecer", de Ana Mª Fernández
Nuria González Nóvoa: "As copias do rexistro", de Marilar Aleixandre
Laura Figueiredo Araujo: "Lapidadas", de Marica Campo
Anxela Crespo Fernández: "Lingua que rexeitaron os meus pais", de Antón Tovar
"Reclamo a liberdade pro meu pobo", de Mendez Ferrín
Instituto de A Carballeira
Marta García Vázquez: "Os mitos adoptan posturas de tipos duros", de Miro Villar
Diego Álvarez Casal Amada: "Labro versos para ti sen sosego", de Miro Villar
Jacobo González Padreda: "Cuspe", de Antón Lopo
Jorge Vázquez Escudero: "Como algodón (o corpo) no contacto esponxoso", de Miro Villar
Laura Blanco: "Os líquidos íntimos", de Olga Novo
Sandra Campos: "Soa", de Antía Otero

Instituto Xesús Ferro Couselo
Alba Cid Fernández (Lerá poemas propios)
Judit Rodríguez Rodríguez
Sandra Vázquez Cañoto
Silvia Cid López
Tamén recitarán Teresa Devesa, da Sección de Literatura do Liceo; a profesora Carme Lorenzo e o poeta Fran Alonso, que pechará o recital.
Teresa Devesa: "Diario dun poeta cidadán", de Ramiro Fonte e "Ás veces digo amor", de Pilar Pallarés.

19 mar 2006



Tivo Franco apoio popular?
Na Alemaña dos últimos anos hai un debate moi vivo, potenciado por algúns historiadores, sobre as complicidades pasivas e activas de moitos cidadáns alemáns con Hitler e o nazismo: sabían os alemáns o que pasaba? beneficiáronse algúns ou moitos alemáns do sucedido e do expolio aos xudeus? Os historiadores din que si.
Téñome feito a mesma pregunta respecto a España e Franco. O mércores pasado estivo en Vigo Carme Molinero, historiadora, par falar do franquismo e das súas políticas sociais. Da crónica que publicou F.Franco no Faro (falou no Clube Faro de Vigo) fago este resume esquemático:
1. Franco combinou a represión cunha política de captación e adhesión das masas por medio dun discurso social e dunha retórica populista.
2. Un réxime que dura 40 anos non pode sobrevivir sen un forte apoio popular.
3. Nos discursos de Franco a política social ten unha alta presenza como argumento recurrente.
4. Dirixentes do réxime como Serrano Súñer e Girón de Velasco eran conscientes dun feito: tras aniquilar o movemento obreiro da República, o réxime necesitaba unha retórica e unha proposta alternativa que o lexitimase no mundo social. Os medios de comunicación colaboraron con esta retórica, uns polas boas e outros porque non lles quedaba máis remedio.
5. Neste contexto hai que considerar as políticas de Girón no Ministerio de Traballo, o Seguro Obrigatorio de Enfermidade (por primeira vez tiveron a percepción dunha seguridade cara o futuro, antes non había nada), a Organización Sindical e a súa Obra do Fogar (unha política de vivenda que construiu realmente pouco, pero que se soubo vender cunha vistosidade evidente).
6. A exaltación do asistencialismo foi un excelente vehículo de propaganda ao servizo do imaxinario franquista.
Con estas ideas sobre a mesa, a pregunta é: tivo o réxime de Franco un forte apoio popular? As masivas manifestacións da Praza de Oriente e as colas ante o seu cadaleito foronun espellismo ou respondían a unha realidade social? Queda algo de todo iso no substrato do noso tecido social?
(Na imaxe, o asasino retratado por Luís Seoane en Trece estampas de la traición, Buenos Aires-Montevideo, 1937, reeditado por Ed.do Castro).

O miragre da música
(Pan por Pan, 19 marzo 2006)
Escoito na radio (“Pioneros”, en Radio 3) unha canción mítica da miña mocidade, “Michelle, ma belle”, a popular balada dos Beatles. Lennon e McCartney querían cantar en francés, parcialmente, di o locutor, e inspiráronse en Nina Simone, dato que descoñecía e que recollo con entusiasmo, porque é unha das miñas cantantes de culto. O programa evoca tempos que están ben lonxe, pero a música salta o valado das crueis cronoloxías e permítenos regresar, sequera por uns minutos, a aquel punto perdido do horizonte do pasado. Nin a literatura nin as artes plásticas, con todo o seu poder expresivo, posúen esa velocidade para transmitir sentimentos e resucitar lembranzas: o labor xenial dun escritor ou dun pintor sempre demanda unha mínima reflexión intelectual. A música pola contra atrapa nun pulo vertixinoso eses fíos invisíbeis da memoria, dun xeito case instintivo e incontrolábel. Ese é o seu milagre.

18 mar 2006


A POESÍA NON MORDE
O 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía e os ourensáns amantes das letras teñen, como todos os anos, unha cita no Liceo, ás 17,30 h., para asistir á presentación e recital poético arredor do libro "Poetízate" de Fran Alonso (publicado por Ed. Xerais). Estarán connosco o autor desta excelente escolma poética e o editor Manuel Bragado. Pero os protagonistas da xornada serán os mozos e mozas dos institutos ourensáns que recitarán poemas de escritores galegos de todos os tempos, dende Rosalía de Castro e Manuel Antonio ata Olga Novo e Antía Otero. Participarán nesta nova xeira da Sección de Literatura do Liceo ourensán alumnos e alumnas dos Institutos de As Lagoas, Eduardo Blanco Amor, A Carballeira, Xesús Ferro Couselo e Celanova, ademais de Teresa Devesa e outras persoas.
Para animar e convidar a todos os interesados neste faladoiro (acompañado, como sempre, do tradicional café con pastas), reproduzo unha parte do interesante limiar deste libro-escolma, do autor, tamén poeta, Fran Alonso.
Se pensas que a poesía é un xénero difícil, direiche que estás equivocado, que hai poemas complexos como tamén hai poemas moi doados de entender. O certo é que canto máis poesía se lea, mellor se comprende, porque para estar en forma coa poesía, como no deporte, precisamos adestramento. (…) Ademais, non creo que ninguén teña que obsesionarse con entender a poesía. O importante, dígocho de verdade, non entendela senón gozala, sentila e, en todo caso, intuíla. Ademais, os lectores tamén temos un papel activo nos libros e cada un interpretamos o que se di en función da nosa sensibilidade e das nosas circunstancias. Non hai verdades absolutas; moito menos na literatura. Así que o fundamental non é comprender o que se nos di senón sentir o ritmo do poema, a súa sonoridade, os xogos de palabras que ás veces nos deslumbran, as fascinantes imaxes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Facer da poesía un pracer, en definitiva.

Unha sabia decisión sobre as Burgas
(Andoliña sábado 18 marzo 2006)

Supoño que a moitos lectores lles pasaría o mesmo que a min cando leron as novas que onte traían os xornais sobre as Burgas. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, declarou Ben de Interese Cultural (BIC) ese recinto, o que durante 20 meses paralizará algúns proxectos á espera dun plan especial para garantir a protección patrimonial de toda a zona, isto é, un proxectado Hotel Balneario que xa empezou moi mal e algunha idea perdida sobre o vello cárcere do Progreso que nunca se concretou con prazos e financiamento.
Eu pensei: E logo non eran xa as Burgas un Ben de Interese Cultural? Pero en que mundo vivimos? As raíces romanas da nosa cidade, o hábitat que foi crisol cultural da nosa historia ao longo dos séculos, o humus literario que enchoupou a escrita de Lamas Carvajal, Álvarez de Nóvoa ou Blanco Amor… O noso sinal de identidade no mundo: a cidade das augas quentes. Hai uns meses levamos un bo susto cando as Burgas deixaron de botar o seu caudal: iso non volverá pasar.
As cousas hai que facelas ben (a empresa Xardín das Burgas xa deu probas de que ese non é o seu caso). Ben por Cultura e a súa conselleira, Ánxela Bugallo, e ben por esta prudente decisión!
(Imaxe: postal antiga das Burgas, como as coñeceían un Lamas Carvajal xa velliño ou Blanco Amor aínda neno).

17 mar 2006


Vila de Calvos de Randín: Cuevillas e Xoaquín Lorenzo
(ANDOLIÑA venres 17 de marzo)

No ano 2004 celebrouse o Día das Letras Galegas dedicado a don Xoaquín Lorenzo e insistimos daquela na necesidade de reeditar algunhas das súas obras máis esquecidas. Un ano e medio despois o Museo do Pobo Galego e outras institucións publicaron, en edición facsímile, os volumes Vila de Calvos de Randín (1930), de don Xoaquín e don Florentino Cuevillas (cun limiar de Xosé Carlos Sierra nesta reedición), e Parroquia de Velle (1936), obra conxunta de Cuevillas, Xoaquín Lorenzo e Vicente Fernández Hermida. Son obras que pretendían, na liña dos traballos de Seminario de Estudos Galegos, ofrecer unha visión global da realidade galega: a súa prehistoria, xeografía, etnografía, folclore e literatura popular, socioloxía, etc.
Mesmo o lector non especializado encontrará datos ben curiosos: por exemplo, no volume de Calvos de Randín, os autores gaban a tolerancia relixiosa cos pastores evanxelistas no partido de Bande e condenan a blasfemia que, engadían, os campesiños sempre fan en castelán. E xa denuncian as formas foráneas que "pouco a pouco van matando a nosa enxebre arquitectura rural", desde os chalés suízos ás varandas americanistas: o que hoxe chamamos feísmo urbanístico.
(Foto: Florentino Cuevillas e Vicente Risco no castro de Sam Cibrán de Las)

16 mar 2006


Santiago Carrillo: "Cando tiña 5 anos, en Asturias, e non tiña conciencia política, cando me chamaban galego, sentíame insultado".
Estivo Carrillo en Auria, convidado polo Foro La Región. O salón de Caixanova a sobardar de xente, a metade tivo que quedar fóra. Un militante de IU ao meu carón, todo cabreado: logo nas eleccións non sacamos nin 400 votos, nin nos votan os que están aquí. Cousas da sociedade mediática, sen dúbida. O público era moi diverso, por idades (bastante xente nova, cousa rara nestes actos) e por ideoloxías (cargos políticos do PSOE, antigos militantes de esquerda revolucionaria, cadros nacionalistas da CIG, incluído o líder provincial Etelvino Blanco; ninguén coñecido do PP).
Carrillo falou da situación política actual. Non dixo grandes cousas novas, pero o público respostou con entusiasmo e aplausos convencidos, como nos touros. Fala sosegado, de vagariño, moi seguro do que di. Dálle moita caña ao PP, á xerarquía eclesiástica e sobre todo a Aznar: faino a el en persoa responsábel de romper o consenso e o clima democrático dende a aperta das Azores e a guerra de Iraq. Defende nidiamente que España é un Estado plurinacional e así debe ser recoñecido: di que no espírito da Constitución é o mesmo falar de nacións que de nacionalidades.
Tamén foi moi contundente na defensa de Cataluña contra todos os estereotipos e os ataques da dereita e de parte dos baróns autonómicos socialistas (é Cataluña a que aporta financiación extra ao resto do Estado e non ao revés, como se nos quere dicir). Fala contra os prexuízos e lembra a imaxe que tiñan os galegos non hai moitos anos: humildes, pobres, avaros... El mesmo en Asturias de neno, con cinco anos e sen conciencia política, lembra: "cuando me llamaban gallego, me sentía insultado, así era en aquellos tiempos". Fai fincapé na necesidade de recoñecer esa pluralidade nacional e as diferentes forzas políticas que a representan: os nacionalismos periféricos. Engade: algúns baróns do PSOE están tolos cando falan de cambiar a lei para eliminar do Parlamento os nacionalismos periféricos, existen e deben estar aí.
Defende a Zapatero nas súas políticas con ETA e aposta por "Paz por presos", así de claro. Ata semella sentir certa nostalxia por Fraga, di que cando menos tiña máis "sentido político" que a maioría dos que hoxe dirixen o PP, a dereita que califica de antidemocrática. Ante unha pregunta no coloquio, tamén defende a liberdade de expresión para todos, incluso para personaxes como Pío Moa ou César Vidal, demagogos con carisma de historiadores: "para min só son uns golfos" di Carrillo e engade que sempre estivo convencido de que Pío Moa era un confidente da policía de Conesa no Grapo. (Na imaxe, Carrillo cando novo).

ANDOLIÑA xoves 16 marzo
F. AYALA, DA REALIDADE E DA IMAXINACIÓN

Hoxe cumpre 100 anos o escritor granadino Francisco Ayala García-Duarte. O mérito non é sobrevivir ata esa cifra redonda. O seu mérito foi ofrecernos, ao longo deses anos, unha ampla obra literaria, tanto na ficción narrativa como no ensaio sociolóxico, de moi alta calidade. O centenario de Ayala debera ser tamén un feito a celebrar desde Galiza: non só pola súa vizosidade literaria, senón polas súas relacións, en terras americanas, cos nosos escritores exiliados como Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste, entre outros.
Di nunha entrevista Ayala que aínda non sabemos ben qué cousa é a realidade, e engade: a realidade para min é a imaxinación. Tamén nestes días contou Darío Villanueva unha anécdota deste escritor a propósito da súa novela “Muertes de perro”, unha sátira da ditadura escrita no exilio e situada nunha imaxinaria república centroamericana. Tras dar unha conferencia en Nova York, achegouse a Ayala un xornalista nicaraguano e díxolle: “Pero ¡qué bien conoce usted mi país! Yo puedo ponerle su nombre real, sin equivocación, a cada uno de los personajes de su novela”. Porque somos os lectores moitas veces os que non queremos soltar amarras coa realidade. (Retrato de Francisco Ayala por ULISES, de "El Cultural"-El Mundo).

15 mar 2006


VIII Bienal da Caricatura
Hoxe inaugúrase en Auria, na Casa da Xuventude ás 19h. (logo no Museo Municipal e noutras salas) a VIII Bienal da Caricatura, cargada de cousas interesantes.
Unha cita imprescíndible desta Bienal, iniciada no seu día polo Clube Alexandre Bóveda e hoxe impulsada pola Casa da Xuventude ourensá, é o seu Catálogo (adxuntamos a portada), con traballos teóricos diversos e reproduccións dunha escolma do mellor dos artistas presentes. No deste ano 2006 o portugués Osvaldo Macedo de Sousa reflexiona sobre a arte da síntese e da integración de André Carrilho, que é o artista convidado. Siro López escribe sobre un caricaturista esquecido de Compostela, Lino González Rubido, que é o artista histórico desta edición e que se puido recuperar grazas ao labor do libreiro Xesús Couceiro. Macedo de Sousa tamén intervén cun texto sobre "A luta dos trabalhadores (pelo humor)", arredor da exposición internacional, con obras de Carlos Laranjeira, Zé Oliveira, Jugoslav Vlahovic, Haddad, Zlatkovsky, etc. Luís Martínez-Risco, da Fundación Risco, presenta as caricaturas sobre Vicente Risco de autores como Castelao, Conde Corbal, Huici, Laxeiro, Xurxo Fernández, Prego de Oliver e outros. Tamén hai unha mostra sobre nova caricatura (Matías), os premios deste ano do VIII Concurso galego de Caricaturistas Noveis, e a ampla mostra dos caricaturistas galegos habituais nos medios de comunicación: Abraldes, Aguilera, Calros Silvar, Dávila, Estévez, Fernando Quesada, Gogue, José Tomás, Kiko da Silva, Leandro, Miguelanxo Prado, Nachortas, Omar, Orballo, Pepe Carreiro, Pinto e Chinto, Santy, Siro, Tonivsaski, Valcárcel, Xaquín Marín e "Carrabouxo". Como todos os anos, correspóndeme a min o artigo respecto a esta última mostra ("Caricatura en tempos difíciles"), onde non deixo de facer os comentarios que eu estimo pertinentes sobre o estado do mundo hoxe e o barullo das caricaturas de Mahoma (Muhammad sería o correcto en galego, seica).


ANDOLIÑA
Autonomía: no faiado da memoria
Ademais de ver a Francisco Vázquez falando en galego en prol dun Estado federal, houbo máis imaxes sorprendentes na serie de TVE-2 sobre a historia da Autonomía galega. Velaí a Francisco González Amadiós, un dos líderes do PSOE galego naquela hora, defendendo o "Estatuto da aldraxe" da UCD cando se decidiu liquidar a proposta do Estatuto dos 16. Co tempo, o propio Panchulo, hoxe xa falecido, ingresaría no BNG e sería moi crítico coa estratexia socialista. Desapareceron da escena política outros nomes como Fernando Solla, do Partido do Traballo de España, ou mudaron de papel outros como Avelino Pousa Antelo, daquela (1978) na cabeza do Partido Galeguista.
O documental amosou tamén a indiferenza das bases sociais que se mobilizaron o 4 de decembro de 1977 pero desapareceron logo do escenario. Así, o Día Nacional de Galicia, no Obradoiro, 25 de xullo de 1978, apadriñado pola Xunta e case todos os partidos, foi un fracaso de asistencia (as imaxes non menten), mentres o BN-PG, oposto entón á autonomía, ateigaba a Quintana e vencía simbolicamente naquela loita de manifestantes. Que sucedería se fose adiante o Estatuto dos 16, que impulsaban o POG, PCG, PTE e PG? Iso xa nunca o saberemos...
(Cartel de Luís Seoane para a campaña do Estatuto de 1936. Castelao, Seoane e Camilo Díaz Baliño aportaron a súa arte á causa do galeguismo republicano, con deseños de gran excelencia e eficacia).

14 mar 2006


Xosé Manuel Beiras, Galego Egrexio
O pasado sábado a Fundación Premios da Crítica de Galicia acordou nomear Galego Egrexio ao catedrático de Estructura Económica da Universidade compostelá, Xosé Manuel Beiras. Sabia decisión dos amigos do Premio da Crítica e sabia a escolla do lema "Pensar+facer: país", pois iso mesmo é o que fixo Beiras ao longo da súa dilatada vida. Pensar o país, facer o país: elaborar o pensamento necesario para entender a nosa Terra, poñer as pezas imprescindíbeis na acción para que ese soño se fixera algún día realidade. Quizais non viviu a mellor das épocas para gozar da plasmación práctica dese Pensar e Facer, pero o futuro recoñecerá en Beiras un dos chanzos fundamentais da Galiza contemporánea.Aproveito para dicir que non me gustan nada as comparacións que se fan estes días, sobre todo por certos xornalistas, entre Beiras, Fraga e Francisco Vázquez, presentándoos aos tres como políticos en retiro e dunha mesma caste. Admito que os tres foron políticos de peso, pero pouco máis. Fraga foi un ministro do franquismo que se axeitou á nova realidade sen formatear o seu disco duro e iso evidenciábase cada vez que abría a boca, por exemplo, para falar das mulleres e dos homosexuais. Francisco Vázquez era un avogado laboralista ao que o mesmo Beiras recomendou nunha ocasión como un dos futuros líderes do PSOE galego, nos inicios da transición e cando este partido non tiña votos nin cadros políticos: o que veu despois é ben coñecido e non é o perfil que se identifica cun político de esquerda e, moitísimo menos, cun político comprometido co seu país, Galiza (el xa non admitiría esta fórmula: o seu país é España, a poder ser con acento inglés). E Beiras, con todas as súas luces e sombras, como calquera figura pública, é, sen dúbida, OUTRA COUSA.(Caricatura de Gogue)
Presentación en Ourense, hoxe mesmo, do libro "Liquidación de existencias", de Marcos Lorenzo.
O martes 14 de marzo de 2006, ás 20:15 horas, no Café Cultural Auriense (praza do Correxedor, Ourense), será presentado o libro Liquidación de Existencias, de Marcos Lorenzo, editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas.O acto contará coa presenza do escritor e xornalista Camilo Franco, Xavier Paz, editor, e mais o autor. "Liquidación de Existencias" é un texto que une pensamentos, humores e poemas, sen atender a fronteiras estilísticas ou temáticas de ningún tipo. A medio camiño entre o dietario de autor, ao modo dun Nietzsche, Benjamin ou Pessoa, e a antropoloxía experimental, sen referentes claros por estas latitudes, este libro inaugura o xénero aforístico en Galiza. A través deste collage, o autor persegue acceder a unha comprensión persoal e integral do mundo no que estamos inmersos, propoñendo aos lectores unha nova forma de interpretar a nosa realidade.Prologado por Antón Baamonde, o libro está escrito en galego e en castelán e inclúe ilustracións de Antonio Fernández Seoane e do propio Marcos Lorenzo.Marcos Lorenzo (1970, A Coruña) é economista e antropólogo. Foi socio e fundador da cooperativa cidadanía, e exerceu como consultor nos campos da participación cidadá e da economía social. Na actualidade coordina diversos programas, tanto estatais coma europeos, orientados á integración de persoas inmigrantes. No mundo da contracultura ten sido redactor das revistas Anima+l e Ómnibus, e dirixido a Sociedade 'Patafísica do Atlántico.
«A experiencia de ler Liquidación de Existencias é similar á de situarse ante un muro cheo de graffitis: ese fragmento dispoñible da vida urbana que o artista non oficial escolle para enviar a súa mensaxe coma quen tira unha botella ao océano, na esperanza de atopar, no viandante casual, o interlocutor apropiado, alguén a quen aquel trazo lle xere unha resposta.»Antón Baamonde
«Estamos, pois, diante dun libro proteico, con agudeza no xuízo e sutileza nas apreciacións. [...] Unha obra para abrir a mente, con vida, sen respostas.»Armando Broz e Xamie Subiela (revista Grial, n.º 168)
«No ambiente desmitificador das vangardas -surrealismo e dadaísmo, sobre todo- dános unha imaxe crítica do mundo que nos rodea sen ningún tipo de inhibición e politicamente incorrecta. [...] O acedume de Lorenzo non deixa fóra nin vellos nin novos.»Manuel Rodríguez Alonso (revista electrónica Vieiros, 25/2/06)

O autor, contento coa súa bitácora
Así de contento maniféstase hoxe o autor desta bitácora, no seu miniartigo diario de "La Región" de Ourense:
PAN POR PAN martes 14 marzo
Pois xa ven, dende o pasado venres ando pola blogosfera. Non, non se asusten: non se trata de ningún territorio extraplanetario nin tampouco dun ataque de irracionalismo feroz que me levase a algunhas das múltiples sectas que andan polo mundo. A cousa non vai diso. Trátase, sinxelamente, dun espazo virtual, o de Internet, dende o que se comunican millóns de persoas todos os días: o meu currunchiño nesa inmensidade que mete medo leva un nome en homenaxe a Vicente Risco (http://www.asuvasnasolaina.blogspot.com/), que xa utilicei como cabeceira dunha sección semanal neste xornal hai uns anos. Montalo foi doado, cunha pequena axuda de Afonso Monxardín, e eu mesmo estou asombrado da acollida interactiva do meu blogue nestes dous primeiros días. Estou coma un neno cun xoguete novo, case tan contento como esta bailarina aquí ao carón, do artista arxentino Diego Manuel Rodríguez.

ANDOLIÑA martes 14 marzo
E PACO VÁZQUEZ FALABA EN GALEGO
A segunda canle de TVE inaugurou o sábado unha serie documental sobre a historia da Autonomía galega entre 1975 e os nosos días, realizada sobre un guión do xornalista Agustín Díaz (que contou en directo aquelas andainas na prensa) e do profesor Portero Molina e cos fondos documentais da propia TVE. Do xa visto, chamáronme a atención varias cousas. Por exemplo, o exótico de certas imaxes perdidas no faiado da memoria como un moi novo Francisco Vázquez falando en galego en defensa dun federalismo ideal para España.
Comprobamos tamén como algúns políticos daquela hora tiñan dificultades para ler un texto breve en galego. Moitos deles falaban en castelán, sobre todo da dereita gobernante (Meilán Gil, por exemplo). En honor á verdade lembremos tamén o emprego habitual do galego doutras figuras máis galeguistas naquel proceso, á marxe da súa ubicación ideolóxica, como Antonio Rosón ou Paz Andrade.
Camilo Nogueira, dirixente entón do Partido Obreiro Galego, autonomista crítico, dicía algo que non perdeu actualidade: o Estatuto galego non pode ter menos competencias nin status xurídico que o catalán e o vasco. E outras curiosidades das que falaremos mañá.
(Imaxe: Francisco Vázquez nun deseño de Pepe Carreiro).