23 jul 2006


Nin escritores nin militares.

Resulta curiosa a enquisa do CIS que divulgaban onte os xornais. Xa saben: a de médico/a e as profesións sanitarias son as máis recomendadas polos pais aos fillos. Médicos, profesores, arquitectos, informáticos, albaneis e fontaneiros, por esta orde, son as preferidas. Os heroes da TV levan agora bata sanitaria. Por baixo, xa veñen policías, escritores, empresarios, xuíces, avogados, periodistas e militares (fin da cola). Na mentes dos pais pesará, supoño, que sexan profesións ben pagadas ou de certo prestixio: por iso sorprende o dos profesores, citada no mesmo traballo en caída libre en canto a prestixio social. De feito, os mozos xa din moi claras as razóns para non querer ser mestres: “agora os alumnos pórtanse moi mal...”. Está tamén polo chan o prestixio de xuíces e xornalistas. E dos escritores? Que queren que lles diga? O raro é que saian citados xa na enquisa...
(Imaxe: detalle do óleo No Moulin da Galette, 1892, de Ramón Casas)

22 jul 2006

Rosalía editada en Brasil
Por vías non habituais chegoume (á redacción de La Región en Ourense) un volume de versos que vén de moi lonxe, dende San Paulo (Brasil). Trátase dunha escolma de Rosalía de Castro, traducida ao portugués baixo o título Poesía e publicada pola Editora Brasilense. A autora da escolma é Ecléa Bosi, do Instituto de Psicoloxía desa cidade, a quen non teño a honra de coñecer. A primeira saída do libro data de 1966, daquela da man de Xosé Velo como editor, e logo foi reeditado 21 anos despois. A señora Bosi traduciu tamén a Ungareti, Montale e Leopardi, e agradézolle moito o envío, que me permite, dende unha mirada brasileira e unha sonoridade tan próxima, reencontrarme coa nosa gran Rosalía. O libro inclúe unhas notas introdutorias sobre a escritora no seu tempo e os poemas que lle dedicaron Curros e García Lorca. Quede constancia desta achega que contribúe a espallar polo mundo a imaxe de Rosalía, sen dúbida unha das voces líricas máis poderosas do século XIX europeo. Velaí: Deixa que nesse cálice aonde bebes/ as doçuras da vida/ caia gota de fel, uma somente,/ que meu dorido coraçâo destila./ Compreenderás entâo/ que a dor pode abrandar as pedras frias,/ mas que abrandar nâo pode/ almas de ferro e peitos homicidas.

21 jul 2006




Da cinefilia dos dictadores :
Velaí tres fotos que tiñan que ir co artigo que vai máis embaixo (esoutro día non mas deixou colgar o sistema).

ESFURACADE AS CIDADES VENERÁBEIS...
(Andoliña venres 21 xullo)
Aínda hoxe, case cen anos despois, sorprende a radicalidade verbal dos futuristas italianos como Marinetti e Boccioni, do que falei onte: “¡Metede lume ás prateleiras das bibliotecas! ¡Desviade o curso das canles para asolagar os museos! ¡Empuñade as picarañas, os machados, os martelos e esfuracade sen piedade as cidades venerábeis!”. Gabábanse de non querer saber nada do pasado e facían gala dese espírito de autodestrucción nacido dos “nosos corazóns que non senten cansazo ningún, porque se alimentan con lume, con odio e con velocidade!”. Burlábanse dos poetas do “claro da lúa”, das academias e dos museos-cimiterios. Vicente Risco dá conta moi cedo do seu delirio dende as páxinas de “El Miño” ourensán (“De mi retablo”, xuño 1910). Despois o propio Risco xogou a facer poemas futuristas como o famoso “U... ju...ju” (“A Nosa Terra”, febreiro 1920).
Ignoro se Risco sabería que nin a gastronomía era inocente: segundo leo nun traballo sobre Boccioni, tamén atacaban as pastas italianas. Achacaban ao seu consumo excesivo a mala dixestión e a pesadume dos italianos e propuñan substituílas por unha dieta lixeira baseada en alimentos sintéticos. Por sorte, nisto ninguén lles fixo caso!
(Imaxe: Boccioni, Debuxo da súa nai, 1909)

BOCCIONI E O DELIRIO FUTURISTA
(Andoliña xoves 20 xullo)
Se a lectura xa é relaxante de por si, ler libros de arte é para min especialmente enriquecedor e atractivo: nestes días despachei tres volumes sobre Ramón Casas, Joaquín Sorolla e Umberto Boccioni, todos eles dun tempo tan marabilloso nas artes e nas letras, aqueles días en que todo se inventaba en París, Berlín ou Viena. Boccioni foi un dos líderes do futurismo italiano. Confeso que lles teño certa manía a estes artistas sobre todo por aquela frase horrorosa de Marinettii no manifesto de 1909: “Queremos glorificar a guerra –única hixiene do mundo”. Despois de ler tal alegato é moi difícil ser neutral ante a súa beleza da velocidade e os delirios do dinamismo futurista.
Moitos dos artistas futuristas morreron na primeira guerra mundial ou remataron no fascismo italiano. Boccioni, que foi dos primeiros, tamén escribiu “Desexamos sangue, desexamos mortos”. Teñen creacións artísticas excepcionais, pero esas dúas frases seguen a revolverme o estómago cada vez que as leo. Por certo, varios dos grandes cadros e esculturas deste pintor retratan cabalos en marcha ou desbocados, como “A cidade que sobe”. Ironías do destino: Boccioni morre en 1916, vítima dunha caída do cabalo nos arredores de Verona.

19 jul 2006

DA CINEFILIA DOS DICTADORES
Chaplin e a caricatura de Hitler (1)
Incorporo á miña filmoteca persoal o DVD de “O gran dictador” (1940), a xenial parodia de Charles Chaplin. Sempre revisito os clásicos con certo tremor, pero este non perdeu a súa frescura nin a súa corrosiva denuncia, polo medio máis eficaz e que goza de meirande permanencia: o humor. A capacidade de xerar emocións pervive mesmo no coñecido discurso final de Chaplin, un alegato pacifista e de democracia radical: “Síntoo, pero non quero ser emperador. Non quero gobernar nin conquistar a ninguén. Gustaríame axudar a todo o mundo: a xudeus, xentís, negros, brancos…” O que segue non só está vivo senón que podería servir, aínda hoxe, a 65 anos de distancia, para interpretar a realidade en que vivimos: tan pouco cambiou o mundo?
Hitler viu a película en dous pases persoais que pensaría ao verse reflectido nese espello cruel?. En España “The Great Dictator” non se puido ver ata a morte de Franco: quizais alguén máis se podía dar por aludido. E aínda daquela o humorista gráfico Siro López padeceu un consello de guerra por reproducir, en galego, o citado discurso no xornal “El Ideal Gallego”, naquelas excelentes páxinas dominicais que preparaba daquela a Asociación Cultural O Facho.

A cinefilia de Hitler e Stalin (2)
Por desgraza non sabemos qué pensou Hitler da grotesca caricatura de “O gran dictador”, que viu en dous pases persoais. Hitler gustaba das apoloxías da raza aria de Leni Riefenstahl e de alegatos antisemitas como “O xudeu Süss”. Polo camiño rematou coa fecunda semente do cine expresionista e de Alemaña fuxiron os grandes mestres: Pabst, Fritz Lang, Max Ophüls, Siodmak, Billy Wilder, etc. moitos deles xudeus e demócratas. O nazismo perseguiu con toda a súa forza todo aquilo que anatematizou como “arte dexenerada”.
Tamén Stalin tivo paixóns cinéfilas. Potenciou o estéril realismo socialista e a épica de mitos como “Chapaiev, o guerrilleiro vermello”. Pero, segundo Simoni Sebag Montefiore, o dictador fíxose coa filmoteca de Goebbels e rematou seducido polo cine de vaqueiros, de Chaplin e Tarzán. En todas as súas casas había salas de proxección e el mesmo interveu como actor, productor, guionista e director en varias cintas da época. Eisenstein tivo serios problemas coa segunda parte de “Iván o terríbel”, anque Stalin non o mandou fusilar, como pedían outros. Disque antes de ver cada película bromeaba así: “Vexamos que tal está. Se non nos gusta, fusilamos ao director”.
Franco, Raza, ese home (3)
As cinefilias de Hitler e Stalin, tamén de Goebbels, que xa comentei, son un risco curioso que une aos dictadores por riba das diferencias ideolóxicas. Tamén Franco era afeizoado ao cine e facíase proxectar en privado moitas películas. Os seus gustos confundiríanse cos que a censura impuxo aos españois durante décadas; as primeiras películas franquistas, en plena guerra, locen títulos ben transparentes: “Alma y nervio de España”, “Frente de Vizcaya y 18 de julio”, etc.
Franco quixo aportar o seu grao de area á nova arte co guión de “Raza” (1941), asinado por Jaime de Andrade, seudónimo do dictador. A película estúdase xa como compendio do seu pensamento e tamén achega autobiográfica, desde unha lectura psicoanalítica do destino da familia Churruca. Alfredo Mayo encarnou aquel Franco de cine e o real chorou abondo cando viu a película. Saénz de Heredia, que dirixira “Raza”, asinou logo a haxiografía “Franco, ese hombre”, éxito de taquilla que se exhibiu durante moitos anos (ata o propio ocaso biolóxico do protagonista). Pero, segundo conta Paul Preston na súa biografía do líder nacional-católico, a este non lle gustou. E cando a viu, cun aquel misterioso, só comentou: “Demasiados desfiles”.
A maoísta que choraba coa Diviña (4)
Os estudantes das universidades europeas coñecimos os discursos de Mao Ze Dong no Foro de Ienán como o “summum” progresista das artes desde o marxismo: en realidade, aqueles textos eran só unha defensa do realismo socialista e da submisión dos intelectuais aos partidos comunistas. Tampouco a Revolución Cultural, que provocou ríos de tinta nos anos 60, foi aquela gran primavera de ideas que se nos contou; na mesma Compostela algúns militantes de grupúsculos maoístas, velaí Organización Comunista de España-Bandeira Roxa deixaron as Facultades para proletarizarse porque os estudantes debían confundirse cos obreiros e “enchouparse de pobo”.
Mentres os gardas vermellos esparexían o horror, a esposa de Mao, Jiang Quin, exactriz paranoica, choraba seguido cada vez que vía a Greta Garbo, a Diviña, en “A raíña Cristina de Suecia”, a súa película preferida. En 1979 Deng Xiaoping viaxou aos Estados Unidos e nunha cea coñeceu a Shirley MacLaine. A actriz contoulle que entrevistara a un físico nuclear chinés deportado ao campo a cultivar tomates e que este lle manifestara sentirse máis feliz na horta que no laboratorio: “Mentiulle, dixo Xiaoping, iso era o que lle obrigaban a dicir a el…”.
(Andoliñas 16 ao 19 marzo 2005)

Portela, o libro, a cultura
(Andoliña mércores 19 xullo)
"Cada libro de especulación e de ciencia que saia en galego será un bloque que se poña para o futuro do idioma", escribía Manuel Portela Valladares en 1923 na revista Nós, que dirixía Vicente Risco. Portela non foi militante orgánico do galeguismo, pero coñecía ben a importancia da cultura e do desenvolvemento do ensaio para que Galiza puidese ter conciencia de seu. A cita segue sendo válida: queda aínda moito por facer na normalización lingüística e cultural. E creo, ademais, que segue a ser un labor de resistencia: iso din algúns datos.
O noso consumo cultural mantén índices minguantes en moitos campos: no 2005 descenderon os espectadores de teatro e cine no noso país, segundo o Anuario da Sociedade de Autores. Aparecen novos campos de posibilidades inéditas para a cultura e a lingua: aí está internet, onde moitos estamos a facernos presentes e onde tanta xente traballa con entusiasmo. Pero segue a ser unha minoría na rede, quizais a mesma minoría repetida que xa se fai presente no consumo cultural. Moitos outros, a maioría, úsana só para usos e utilidades que ben pouco teñen de culturais, xa saben. Teremos, pois, que seguir insistindo, cos mesmos azos de Portela Valladares, aló por 1923. (Imaxe: debuxo de Egon Schiele)

17 jul 2006


Xavier Senín

Únome ás consideracións que fai Brétemas sobre a remuda de Xavier Senín. No que tiven ocasión de tratalo, que tampouco foi moito, sempre me pareceu un home afábel e honesto, traballador e comprometido co país: de seguro que seguirá nesa liña estea onde estea destinado.

Dúas pequenas xoias de Arthur Schnitzler

A conspiración dos pobos contra os poderosos é un feito ocasional; o normal no mundo é a conspiración dos poderosos contra os pobos. Aínda na guerra máis sanguenta, o rei dun país séntese máis achegado ao rei do país inimigo que ao seu cabaleiro maior, o seu primeiro ministro ou o seu axuda de cámara, aínda que sexa inconscientemente. (289)

É unha sorte que polo xeral só coñezamos ben aos nosos pais, e como moito aos nosos avós. Se soubésemos tanto dos nosos antergos un pouco máis arredados, non habería defecto de carácter nin vileza que non quixeramos justificar achacándoos á herdanza. (43)

(A.Schnitxler, Relaciones y Soledades, ed. de Joan Parra, Edhasa, 1998. E a imaxe antibelicista é de Otto Dix, 1933).

16 jul 2006


Que pasou na Galiza de 1930?
Como todos os domingos (descansarei en agosto), sae hoxe a miña serie "Cen anos de historia cultural" en GALICIA HOXE.
Aquel ano de dinamismo político e anuncios de cambios (os que virían un ano despois) foi tamén o ano de Arredor de si, de Otero Pedrayo; de Señardá, de Iglesia Alvariño; de Vieiros, de Carballo Calero e de Versos a tres cas o neto, de Eugenio Montes. Tamén o do volume da Vila de Calvos de Randín, de Cuevillas e o Xocas. E o da fundación da primeira Asociación de Escritores Galegos, con sede en Ourense, ou da película La tragedia de Xirobio, insdpirada nun conto das "Cousas" de Castelao. E tamén o ano da morte de Manuel Antonio e de Lesta Meis (para compensar nacían na mesma andaina Uxío Novoneyra e Basilio Losada): moitos máis datos na ligazón.
(Na foto, Manuel Lugrís Freire e Alexandre Bóveda e outros galeguistas nunha homenaxe diante da tumba de Xoán Vicente Viqueira, 1930).

14 jul 2006


CENSO DE GRANDES HISTORIAS
(Andoliña venres 14 xullo)
Estou de acordo cos que pensan que todas as grandes historias están xa contadas. E isto é así dende os tempos das mitoloxías clásicas, as letras grecolatinas e a Biblia: cada xeración só pode aspirar a interpretar dende a modernidade os grandes mitos de todos os tempos. Por iso produce certa incomodidade escoitar declaracións de novos autores (escritores, cineastas, etc.) que din pouco menos que veñen reinventar o mundo. Pobriños, teñen demasiada tradición detrás...
E por iso relacionaba onte o argumento de Superman, e doutras películas de ciencia-ficción, coa historia de Xesucristo. Nun magnífico libro (“La semilla inmortal”, de Xavier Balló e Jordi Pérez, Anagrama) emparéntanse todas as grandes películas, de diversas épocas, coa matriz máis arredada na que se inspiran: por exemplo, “Vértigo” ou “Frenético” son dúas boas películas que remiten ao descenso aos infernos de Orfeo. Historias como o “Scarface” de Hawks que interpretaba Paul Muni veñen do Macbeth de Shakespeare. E os “Tempos Modernos” de Chaplin beben de “O castelo” de Kafka.
Os autores dese libro censan un total de 21 grandes historias. E non creo que haxa máis, de certo, en toda a literatura universal. (Imaxe: Lauren Bacall)

13 jul 2006


O mundo que vén. (Pan por Pan xoves 13 xullo)
Cando eu era pequeno, cría en moitas cousas nas que agora non creo e adoitaba dicir que os meus números preferidos eran o 7 e o 11. O segundo deles supoño que porque vivía daquela nun número 111 dunha rúa desta cidade: os nenos pensan así as cousas. Agora algúns lograron converter o 11 nun número maldito: dende os Estados Unidos á India pasando por Madrid ou Londres. No mundo que vén certas cousas perden o seu sentido: a inocencia dos nenos, a solidariedade comunal, o respecto polo medio natural. Os que de verdade mandan no mundo non barallan estas claves, non contan nas súas gráficas de resultados. E a resposta dos integristas (neste caso islámicos) só aporta autodestrucción, terrorismo e fanatismo: miran cara o pasado e o escurantismo. Houbo tempos peores, dende logo. Pero eu pensaba que os nosos netos vivirían tempos mellores. Empezo a dubidalo.
(Imaxe: Kim Novak)

Entre Xesús e Superman, dicía Eco
(Andoliña xoves 13 xullo)
"Entre Superman e Xesucristo hai analoxía, ambos son un poder superior; a comparación é atinada e a súa historia pode ser extrapolada", declara na prensa Brandon Routh, o novo actor chamado a encarnar a Superman para substituír o malogrado Christopher Reeve.
É unha declaración que semella provocadora, pero que resulta pouco orixinal: hai anos o mesmo Umberto Eco dedicou un ensaio a esta analoxía Cristo versus Superman, que en España publicou a revista El Viejo Topo. O esquema do heroe da capa voadora é unha historia mesiánica literal: un neno salvado dun cataclismo galáctico, educado por uns pais adoptivos, descobre de adulto a súa orixe e superpoderes e ponos ao servizo da comunidade. Tamén fai milagres e sempre ten éxito contra o Mal. No cómic orixinal chegouse a facer morrer e resucitar o personaxe: o único que lle faltaba para remitir máis fielmente á historia de Xesús. De certo, as historias mesiánicas son moi habituais no cómic e no cine: aí están, por citar só algunhas do xénero da ciencia-ficción, E.T., Star Wars, Encontros na terceira fase, ou Starman, entre outras. E as que virán no futuro. Porque aquilo de coñecer o argumento, cando menos en parte, sempre funciona.
(Na imaxe, Simone Simon, a inesquecíbel muller panteira de J. Tourneur, 1943).

12 jul 2006


COMO SE CONSTRÚE UNHA NACIÓN
(para os posibeís interesados que vivan na contorna de Ourense-O Carballiño)

O xoves 13 de xullo terá lugar unha conferencia na Casa de Cultura de O Carballiño a cargo do historiador Marcos Valcárcel co título “Galiza, 1906-1936: como se constrúe unha nación”, organizada pola Agrupación Cultural Avantar dentro dos actos conmemorativos do Día da Patria Galega.

Ao longo da mesma o escritor ourensán percorrerá un amplo roteiro da historia cultural, social e política de Galiza dende o rexionalismo ata os días da guerra civil, abordando aspectos moi diferentes da súa realidade sociocultural: a normalización da lingua, a literatura, a música e os coros populares, o teatro e o cine, os deportes, o pensamento nacionalista, a prensa republicana e agraria, os monumentos e homenaxes, os lugares da memoria, etc.

Esta charla irá acompañada dunha montaxe audiovisual en power point con máis de cen fotografías históricas relativas a ese período, moitas delas pouco coñecidas ou inéditas (procedentes da prensa e dos fondos da Real Academia Galega).

(Ilustro cunha imaxe pouco coñecida, pese ao enorme significado que tivo na nosa historia cultural: o enterro dos restos de Curros na Coruña, 1908, foto dos fondos da RAG)

Urbanismo ou abuso nas costas?
(Andoliña 12 xullo)
A Xunta de Galicia acaba de anunciar medidas contra a ocupación indiscriminada do litoral galego e a degradación da paisaxe pola masificación do turismo nas zonas de praia. De certo, as novas sobre unha posíbel ‘marbellización’ das costas galegas son cada día máis preocupantes. Fálase de milleiros e milleiros de novas vivendas para turistas, que os promotores xustifican en atención á demanda existente. Ninguén vai negar que a construción sexa un dos motores do país ou que lles dea traballo a moitos milleiros de familias, pero semella lóxico actuar con moito coidado a este respecto. Por varias razóns.
Porque a paisaxe destruída non é recuperábel. Porque sobran exemplos de prevaricación ligados ao mundo inmobiliario (non só na contorna de Marbella). Porque só 8 concellos adaptaron as súas normas á Lei do solo e abondan tamén os concellos sospeitosos de conceder licenzas irregulares. Porque mesmo se ten chegado ao atentado (velaí Nigrán) contra os que se opoñen a este modelo corrupto de urbanismo. Porque hai un mínimo de 46 puntos negros neste imperio do cemento, segundo datos de Greenpeace. E os cidadáns esiximos, co noso dereito, todos os controis necesarios para non matar a galiña dos ovos de ouro. (Imaxe do pintor "noso" Sucasas)

11 jul 2006


Parlamento Europeo.
Na semana pasada a eurocámara aceptou o emprego do galego na comunicación cos cidadáns e condenou como institución o franquismo. Xa saben quen votou en contra, contra o uso do galego e contra a condena ao franquismo: o Partido Popular Europeo. O mesmo que moveu Roma con Santiago con recursos para apear ao nacionalista Camilo Nogueira do seu escano europeo en favor dun “popular” de Cantabria: xa sabemos para qué valeu ese cambio. (Imaxe do pintor Guido Reni, “Susana e os vellos”).

Sentido común.
Hai ideas tan lóxicas, tan de sentido común, que o único estraño é saber por qué non se poñen antes en práctica. Como a que anunciou esta semana a Xunta, a través da Consellería de Política Territorial: o Noitebús, unha posibilidade de transporte barato que permitirá aos mozos no verán facer os seus traxectos ás zonas de lecer nun transporte público e sen coller o automóbil propio. Por 1,5 euros poderá moverse, entre as dez da noite e as oito da mañá, en roteiros de marcha como Baiona-Vigo, Pontevedra-Sanxenxo, Ribeira-Padrón ou Malpica-Santa Comba, entre outros. A inmensa traxedia que o alcohol e o automóbil deixan cada fin de semana nas estradas galegas esixe algo máis que o laio repetido e as condolencias inútiles. A iniciativa da Xunta é de sentido común e pode aforrar moitas vidas: con que salvase só a un só dos nosos mozos xa merecería o noso aplauso.
(Imaxe: aínda que non veña a conto, a fermosura sublime de Juliette Binoche)

9 jul 2006



Gerry Admans e os negros que se reivindican como irlandeses (fotos dende Irlanda de Afonso Vázquez Monxardín)
Dende Irlanda, onde está cos seus alumnos do Instituto nun programa de verán, o amigo Afonso envíanos estas fotos de Dublín, rigorosa exclusiva para a prensa galega e dixital. Veñen con estas liñas (eu preguntáballe "se se estaba a facer máis nacionalista..."):
Pois non creo que me faga máis nacionalista.Certamente este é un pobo nacionalista e non estou seguro de que me guste.Amables como poucos, agradables, serviciais, comunicativos, etc. Moito mellor cós ingleses, sen dúbida. Pero en canto se poñen a lembrar o feito polos ingleses... perden o norte.É verdade que os ingleses os trataron como aos cans. Unha colonia máis dentro dun imperio amplo. Negador da súa relixión, da súa esencia, causante directo de millóns de mortes de fame... con fusilamentos a esgalla nos anos dez, con historia terribles que gozan contando.Non creo que sexa san que o primeiro monumentos uqe nos levasen a ver sexa o cárcere de Kilmailham onde os ingleses prenderon e machacaron aos irlandeses e onde estes -desde o estado libre. machacaron aos do IRA mentres o IRA mataba a Martin Collins , que se podería dicir Yoyes... Menos mal que nun recuncho apartado dun parque lle ergueron non hai moito un busto a Collins... Pero o certo é que pasan cousas curiosas. Onte en Dublín encontreime con Gerry Adams. Había unha manifestación de negros irlandeses -recén chegados- que pedían diante do parlamento que non lles aplicasen a lei de estranxeiría local aos que tivesen fillos nados en Irlanda... Ver aqueles negros abaneando bandeiras irlandesas e dicindo proclamas do orgullo irlandés era simpático. Cando chegue Gerry Adams, non había máis ca un xornalista despistado e eu. Gerry dirixiuse cun megáfono de manifa aos presentes e dixo cousas bonitas... Todos somos irlandeses, de onte e de hoxe... etc. Pareceume boa xente. Iame sacar unha foto con el pero acabouseme a batería. Cousas que pasan. Mándoche as tres fotos que fixen no momento. Rigorosa exclusiva mundial para o teu blog.

8 jul 2006


Poucos nomes en galego
(Andoliña sábado 7 xullo)
Alejandro e Lucía foron, en toda España, os nomes favoritos dos pais para os seus fillos, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Os antropónimos varían devagariño e os preferidos mantéñense durante varios anos. Entre os máis usados están Daniel, Pablo, David, Javier, María, Paula, Marta, Claudia, Carla, Andrea, etc. Os nomes dos culebróns televisivos aínda están nun segundo plano. Consulto a páxina web do INE, porque nela constan os resultados por autonomías. E aí xorde a sorpresa, que tampouco é tanta. En Cataluña aparecen Marc, Álex, Arnau, Jordi, Eric, Adriá, etc. No País Vasco dominan os Iker, Unai, Ander, Mikel, Eneko (nenos) e Irati, Ane, Naroa, Nahia, Leire, Uxue (nenas). Que pasa en Galiza? Seguro que o adiviñan. Á cabeza están Pablo e Lucía, o masculino leva sete anos de líder e o feminino é o favorito dende hai catro anos. Dos dez nomes máis usados no 2005 só hai dous exclusivamente galegos: Brais e Uxía, postos noveno e décimo. En cambio figuran como escollidos nomes tan fermosos como Alexandre, Hadrián ou Martiño, pero todos na súa forma castelá (Adrián tamén é correcto en galego). Un país que se nega a si mesmo? Dende logo, nada que ver cos cataláns e vascos.
("Lección difícl", imaxe do pintor W. Bouguereau)

PAN POR PAN sábado 8 xullo
Son escéptico sobre as axendas do estado do mundo que ofrecen os grandes medios de comunicación. Un encontro de diplomáticos e politólogos en Toledo desmitifica moitos dos tópicos que circulan sen reservas: por exemplo, a ameaza militar de China que, segundo din outras voces, está sendo esaxerada polos medios. Ou o problema de Irán que semella nas portas dunha confrontación. A realidade sería outra: Irán non iniciou unha guerra nos últimos 300 anos e colabora a fondo co mundo occidental en Iraq e en Afganistán. Segundo Edward Luttwack, experto en estratexia de Washington, o presidente iraniano xoga a carta nuclear por razóns electorais e o auténtico problema do país é interno: o perigo demográfico dos 20 millóns de iranianos de orixe turca que habitan o nordeste do país e queren separarse. Oxalá teñan razón os expertos e non vexamos novas operacións do deserto en Oriente Medio.
(Imaxe: "Espido con colar", August Macke, 1910)