28 mar 2006

Sobre ETA e as "organizacións armadas"
Interesante, provocador e polémico o artigo do amigo Monxardín hoxe en GALICIA HOXE.

Blanco Amor nas aulas (PAN POR PAN martes 28 marzo)
Levo máis de 20 anos dando clases de Literatura Galega a alumnos de ensino medio. Nesa longa andaina teño utilizado textos de escritores de todo tipo: de autores clásicos xa falecidos, de autores de hoxe e aínda vivos, de escritores estranxeiros traducidos ao galego, etc. Entre todos eles, sempre que acudín a Eduardo Blanco Amor (“Os biosbardos”, “A esmorga”, algún anaco de “Xente ao lonxe”) nunca me defraudou. Quizais porque sexa un escritor que eu trate con maior empatía, non o nego. Pero tamén porque é moi doado entrar no seu mundo auriense: os alumnos len na clase a aventura da arrasadeira e ás veces escoitan na casa esas mesmas historias en primeira persoa, vividas polos seus pais ou avós. Ou recoñecen os tempos en que o pan centeo era o pan dos pobres. Ou recuperan ese tesouro da lingua: lampantín, pequeneiro, feituco, lerchona, churriana, carafuncho, acrequenarse, esfurricando, etc. (Imaxe: debuxo de Xohán Ledo para a edición de "Os biosbardos" en Galaxia).

27 mar 2006


QUE NINGUÉN ESTRAGUE A ESPERANZA
(Publicado en La Región, 27 marzo 2006)
O comunicado. O comunicado de ETA abriu fiestras de esperanza e ilusión en moitos sectores da sociedade vasca e española. Hai indicios dunha nova linguaxe, alentos que permiten albiscar un camiño novo para o futuro, sen armas nin extorsión nin chantaxes. Oxalá poida ser posíbel canto antes. De certo, hai varios factores que levan a este resultado e nos últimos anos habería que falar, sen dúbida, da presión policial, do apoio do Estado francés, da mobilización da sociedade (sobre todo tras o mafioso e cruel asasinato por entregas de Miguel Ángel Blanco), da propia consolidación da autonomía vasca no seu marco político co nacionalismo do PNV no goberno durante tantos anos. Pero todo iso, teño eu esa convicción, non houbese chegado para rematar con ETA. A banda podería sobrevivir, aínda nun nivel de baixa intensidade, provocando sufrimento e dor a varias xeracións máis. Foi o 11 de marzo (e antes o 11-S en Nova York) o que amosou ata para as mentes máis fanáticas que o terrorismo non só é un camiño asasino, dunha crueldade sen límites, senón que ademais é por definición absurdo e inútil. O monstro etarra debeuse ver no espello do espanto producido polo integrismo islámico e quizais así recoñeceu unha parte das sombras do seu propio horror.
O proceso. O proceso non será nada doado. O IRA pechou a estratexia violenta en 1994, van aló doce anos, e aínda hai problemas moi graves na comunidade do Ulster, difíciles de cicatrizar. Pero hai sinais positivos. Por exemplo, a firmeza e prudencia que amosa Rodríguez Zapatero (onte mesmo na entrevista de “El País”): semella claro que ten unha folla de ruta definida, interlocutores dispostos e imaxinación suficiente para levar a bo termo todo o proceso. Pode ser Zapatero o que consiga o que non logrou nin Felipe González nin José María Aznar (que tamén quixo negociar, estes días os xornais lembran as súas palabras abertas a falar “con el movimiento vasco de liberación, y quiero que los españoles lo sepan”). Cómpre, ademais, o concurso de todas as forzas políticas, incluído o Partido Popular: Rajoy non pode facer outra cousa que amosar o seu apoio ás negociacións que dirixa o goberno (sería suicida calquera outra estratexia), aínda sabendo que un final feliz, tan arelado por todos, sería unha baza electoral para o PSOE.
O problema humano. Será moito máis difícil resolver o problema humano para o día despois da paz. Quedarán demasiadas feridas abertas, que non poden cicatrizar sen grandes doses de xenerosidade e intelixencia. O escritor Andrés Trapiello, antes aínda do comunicado etarra, reflexionaba sobre isto e daba unhas pistas sensatas de por onde se debe encamiñar a futura convivencia. Paga a pena reproducir as súas palabras: “Non sabemos se os presos de eta estarán na rúa antes do 2010, como aseguraba con repulsiva xactancia un dos seus secuaces. Parece pouco probábel, pero en todo caso non debería preocuparnos se nos acordos se inclúen uns cantos parágrafiños de letra pequena, deste tipo: como nalgúns países de Europa respecto do xenocidio, perseguirase por lei a quen negue a natureza e pasado criminais da banda (non foron gudaris, nunca foron heroes). Os excarcerados, convictos de asasinato, non poderán ser obxecto de homenaxes e exaltacións políticas ou municipais (nin dantxaris nin imposición dos seus nomes a rúas da localidade). Tampouco poderán desempeñar cargo público ningún, nin beneficiarse de axudas estatais. Nin exercer o ensino, agás que medie expresa condena do terrorismo, e non poderán instalar os seus negocios nas mesmas casas das vítimas. Calquera cidadán poderá recordar libremente como, cando e onde queira as vítimas, así como o nome dos verdugos e o historial delictivo da banda (extorsións, negocios suxos, conivencias, chantaxes, crimes propios de toda mafia). Etcétera. Ou sexa, nada, a letra pequena”.
(Imaxe: V. Zubiarre, "Figuras").


POETAS (Carlos Reigosa)
ASISTÍ el viernes en Vigo a un recital poético organizado por el PEN Club de Galicia y Caixanova Literaria. El resultado no pudo ser más esplendoroso. Una extraordinaria hornada de poetas en gallego y en portugués ofrecieron una muestra singular de talento y ambición nada comunes. Sobre todo los gallegos. Sus voces se sucedieron sin desentonar en un nivel alto, granado, preciso y vigoroso. Sus versos -tres poemas por cabeza- siguen sonando aún en mi memoria. El verbo exacto y sin corsés de Vicente Araguas, el brío lozano y prometedor de Modesto Fraga, la sabiduría polifónica de Luis González Tosar, la densidad cardinal y medular de Román Raña, la profundidad rítmica -contenida y esencial- de Xiao Roel, la intensidad versátil y el dominio poético de Gonzalo Navaza, la sencillez honda y penetrante de Domingo Tabuyo, el poso ilustrado y juicioso de Manuel Vilanova, la amplitud oceánica de Miro Villar y la frescura luminosa de la jovencísima Yolanda López. Disfruté de verdad. Como pocas veces. Xosé Luis Méndez Ferrín, el grande, disculpó su ausencia, pero sus espaldas estuvieron bien cubiertas por este grupo intergeneracional que nos regaló con una poesía que sonaba a música. Un placer superior.
(Remataron en Vigo as Xornadas sobre Xornalismo e Literatura organizadas polo PEN. Brétemas publica unha breve crónica da mesa redonda sobre Xornalismo electrónico, foros, e-books e blogs. E Carlos Reigosa, que tamén participou neste encontro, publica hoxe na Voz esta columna sobre o recital de poetas que tivo lugar o venres).



A habitación do fillo (Nani Moretti)
Dramática, conmovedora, nada melodramática (no mal sentido da palabra), auténtica... Quizais o máis que pode chegar o cine de hoxe ata o territorio da autenticidade: falo de "A habitación do fillo", de Nani Moretti, unha película chea de verdade, para o meu gusto. Vina aínda hai uns meses en DVD e tíñalle gañas porque lera moi boas críticas cando a estrearan. Se alguén aínda non a viu e ten o aparato de video en bo estado, que aproveite: a TVG vaina botar a esas horas prohibitivas ás que estamos xa acostumados (00,40).

26 mar 2006


PARA A HISTORIA DA MISOXINIA (Pan por Pan domingo 26 marzo)
A escritora Anna Caballé, autora de múltiples estudos sobre a muller e a literatura, vén de publicar unha Breve historia de la misoginia (Lumen). Libros coma este serven para comprobar, unha vez máis, que ata persoas intelixentes e creativas poden dicir babecadas xigantescas. Como Valle Inclán cando afirmou que “en la presente civilización no tienen nada que hacer las mujeres”. Ou Afonso X o Sabio, o gran poeta, que consideraba a muller “a confusión do home, besta que nunca se farta, perigo que non garda medida”. A misoxinia é consubstancial ao fascismo, velaí a Pilar Primo de Rivera: “las mujeres nunca descubren nada. Les falta, desde luego, el talento creador reservado para Dios a inteligencias varoniles”. A escritora catalana optou por unha “Breve historia” pero podería publicar varios tomos. E deles habería varios con opinións de santos e altas autoridades da Igrexa de todos os tempos.
(Imaxe do pintor David Alfaro Siqueiros)

Noraboa a Xurxo Sierra Veloso, premio Risco de Creación Literaria
O compañeiro do mundo blogueiro Xurxo Sierra Veloso vén de facerse co VII Premio Risco de Creación Literario, concedido na miña cidade e por un xurado do que formaban parte os profesores e críticos Anxo Tarrío e Camiño Noia, entre outros. O orixinal premiado leva o título "Os mércores de Fra" (véxase a información que publica GALICIA HOXE) e antes xa publicara as novelas "Os ollos do rei de copas" (Ed.do Cumio, 1994) e recentemente "Licor de abelá con xeo" (Ed. Sotelo Blanco).
Está é a súa ficha literaria na web da Editorial Sotelo Blanco:
Xurxo Sierra Veloso (Caracas, 1969). Licenciado en Filoloxía Galega, traballa na Escola de Maxisterio de Zamora. Foi director e presentador de Os mundos de Horacio Oliveira, programa radiofónico de contidos literarios, e responsable da edición de “Era un son de buguina”, escolma poética do escritor muradán Agustín González López. Publicou a novela Os ollos do rei de copas (1994). Con Licor de abelá con xeo foi finalista do Premio Lueiro Rey de Novela Curta no ano 2005.
Noraboa de corazón por ese de seguro merecido premio.

25 mar 2006


FALANDO SOBRE O XORNALISMO LITERARIO
Na miña columna de GALICIA HOXE (Andoliña sábado 25 marzo) falo tamén dos encontros de xornalismo literario e conto algunha cousa mais (na imaxe, o inmortal J.Pla):
Na tardiña do xoves, cando Galiza quedaba asolagada polas augas que caían a cachón, estiven en Vigo, nas xornadas do PEN Clube sobre Xornalismo e Literatura. Compartín mesa redonda con Xosé Carlos Caneiro, Tucho Calvo e Jose Viale Moutinho e foi un encontro moi agradábel. Falouse alí de moitas cousas, pero houbo plena coincidencia en afirmar que un autor é tan escritor cando escribe nun xornal como cando constrúe as súas obras de ficción narrativa. Antes Margarita Ledo delimitara moi ben as lindes entre o xornalismo e a literatura, mesmo acudindo a clásicos como Jack London: a verdade é norma no xornalismo e debe trasladarse con testemuñas directas ao lector, cousa que non se esixe no territorio da literatura. Tamén criticou a profesora de Xornalismo o papel dos medios que eluden o tratamento informativo rigoroso dalgúns temas conflitivos, desprazados para ser abordados polos seus columnistas: pensaba, creo, na prensa de Madrid.
Eu lembrei, entre outras cousas, aquelas palabras de Pla sobre o labor dun escritor, nos seus libros ou nos xornais: o que debe facer un escritor, máis que dar opinións, é describir a atmosfera do seu tempo. Para opinar, dicía Pla, xa temos abondo co bispo e co gobernador.

24 mar 2006

Xornalismo literario: unha lembranza de Antón Villar Ponte
A tardiña do xoves estiven en Vigo, nas xornadas sobre Xornalismo e Literatura que organizou o PEN Clube e que continúan ata o sábado. Tocoume compartir mesa redonda con Xosé Carlos Caneiro, o escritor portugués Jose Viale Moutinho e Tucho Calvo, que facía de moderador, pero que tamén interveu a cotío. Falouse de moitas cousas: de xornalismo, de literatura, de censura, da invisibilidade do libro galego, da indiferencia dos responsábeis dos medios respecto dos seus propios columnistas, da diglosia nas páxinas de opinión, etc. Moitas cousas sobre as que se poderá volver en calquera momento.
Na sala predominaban os escritores: estaban alí (por reproducir a atmosfera do lugar) Modesto Fraga, Luís González Tosar, Gonzalo Navaza, Luciano Rodríguez, Ursula Heinze, Carlos Reigosa, Arturo Lezcano, Margarita Ledo (que inaugurou cunha conferencia as xornadas), María Xosé Queizán (que se amosou no coloquio moi cabreada porque xa non a deixan escribir na "Voz", ela di que por censura), e varios escritores portugueses que non tiven a honra de coñecer (perdón polos inevitábeis esquecementos).
Na miña intervención, creo que moi crítica sobre as relacións da prensa galega co feito cultural, botei man dun vello artigo de Antón Villar Ponte, de 1923, que, con matices, case se podería publicar a respecto de moitos dos medios que temos hoxe. Por certo, a presenza de varios xornalistas e escritores vencellados á "Voz" fixo que saísen en defensa ardorosa do medio no que traballan/colaboran, afirmando que non se séntían aludidos polas críticas de Villar Ponte que eu reproducín alí. Ben, pois imos ver ese texto que non gustou a todos. Vostedes dirán se é excesiva a miña afirmación anterior sobre a "actualidade" deste texto:

Un último exemplo chega para constatar a intelixencia analítica e a persistencia de Antón Villar Ponte nesta loita contra o xornalismo máis mediocre do seu tempo. É o artigo “Los defectos de la prensa gallega”, publicado nun especial do Galicia de Vigo (25-VII-1923), facendo balance do primeiro ano do diario de Paz Andrade, “uno de los diarios más imparciales y hasta ahora más modernos entre todos los de nuestra tierra”. Expoño en esquema os seus argumentos básicos contra o modelo de xornalismo dominante naquela hora:
· Falta de independencia (“pocos son los periódicos de nuestra tierra que no están entregados a la devoción de un hombre o a la disciplina de un partido político...”)..
· Mimetismo e dependencia dos xornais madrileños (“hay que esperar los juicios de la prensa madrileña para saber los juicios de la prensa gallega”).
· Dominio no estilo xornalístico do “verbalismo huero” e da mediocridade: “El periodismo lleva aquí al adocenamiento”.
· Rexeitamento a todo o que é novo e moderno, imposición dos xornalistas vellos: “siguen considerando maestros de periodismo a fósiles de la pluma”.
· Falta de personalidade e de carácter no xornalismo galego: “Tener personalidad en Galicia es lo peor que puede ocurrir a quien aspire a vivir del periodismo. (...) La elocuencia del lugar común y la ductilidad del léxico al servicio de los intereses creados son las principales bases para el éxito del periodista gallego”.
Galería de personaxes de hoxe
(Andoliña venres 24 marzo)
Velaí unha galería de personaxes de hoxe. O primeiro deles é un home brután, machista, que cuspe un taco tras doutro mentres corta anacos de xamón entre berros. O segundo, un mozo que é consumidor de sexo impulsivo, incapaz de controlarse, curtiño de entendedeiras e ao que lle sae mal todo aquilo no que se mete. O terceiro dos nosos convidados vai de chulangueiro que presume do seu dominio coas mulleres, que, por outra parte, se burlan del canto queren. O cuarto, un home indeciso, incapaz de seguir a velocidade mental da súa compañeira, que pasa os días no psicólogo consultando os seus múltiples problemas emocionais. O quinto, un froiteiro de longos mostachos, que só pensa en explotar aos traballadores e estafar os clientes, ademais de ser racista contumaz e odiar aos inmigrantes...
A lista podería seguir con outros 30 personaxes máis: vostedes recoñecerían varios arquetipos masculinos en populares series de televisión actuais. Xa sei que a televisión non é a realidade, pero... Para moita xente a TV si é un espello da sociedade. Polo que resulta inevitábel preguntar: Todos os guionistas deste país son mulleres a exercer algunha demorada vinganza polos agravios doutrora?
UNIVERSITARIOS, A FUE DE COMPOSTELA
(Andoliña xoves 23 marzo)
Hai períodos na historia especialmente dinámicos e por iso atractivos para os historiadores: velaí os anos 30, aínda que aquela arela de esperanza rematase nun dramático asolagamento de sangue. Pouco antes da Segunda República os estudantes de Compostela máis ideoloxizados xa berraban “¡Viva Unamuno!” e loitaban contra a dictadura de Primo de Rivera. Logo fixeron campaña para galeguizar a Universidade e en pro dunha escola laica e pública. Moitos eran poetas, escribían sobre a música galega, estudaban a Galiza medieval e se apaixonaban coa figura de Prisciliano. Ese era o espírito daquel tempo.
Toda esa experiencia quedou plasmada na revista “Universitarios” (1932-1933), a revista da Federación Universitaria Escolar (FUE), reeditada hai uns meses polo Centro Ramón Piñeiro, e que dirixía daquela o mozo galeguista Francisco Fernández del Riego. Pero aí estaban tamén Luís Seoane e Carlos Maside coas súas magníficas ilustracións, e Ricardo Carballo Calero, Arturo Cuadrado, Fermín Bouza Brey, Xosé Outeiro Espasandín, Antonio Fraguas, Xurxo Lourenzo, Carlos Martínez Barbeito e moitos outros nomes: outra xeración de luxo da nosa historia cultural, sen dúbida. (Debuxo de Luís Seoane na portada do n.2, o último, desta revista).

22 mar 2006


Franco, honoris causa: nós xa llo quitamos
Veño de asinar na web que promove a campaña para quitarlle o doutorando honoris causa concedido ao dictador no ano 1965 (www.cansendono.net). Contan en Vieiros que seica non hai regulamentos nisto dos honoris causa e vai ser difícil quitarllo: pois, é igual, apetecíame asinar, e ademais os cidadáns xa lle quitamos hai moito tempo ao vello todas as súas distincións. No 65 eu tiña sete anos e non sabía destas cousas pero agora podo opinar, non?
Lembran tamén en Vieiros que en 1965 aínda ecoaban as protestas internacionais, tras as execucións de Grimau, Delgado e Granados. Malia todo, o entón reitor da USC, Ángel Jorge Echeverri, recoñeceulle a Franco "elementos esenciais como son a fe, a esperanza e a caridade", chegando a exclamar "¡Que belas accións ten realizado o noso doutorando!". Poderíase publicar un tomo ben gordo só cos ditirambos dirixidos ao dictador por moitos escritores e poetas (tamén algúns galegos, como estudou Alonso Montero).
O único ditirambo que merece Franco é algún dos moitos que lle dedicou o poeta Delgado Gurriarán; por exemplo:
"Franco, Franquiño/ piquirrichiño,/ refugallo de homes,/ selso de feixismo./ Alacrán con mando,/ sapo con estrelas,/ arañón con cruces,/ cobra pezoñenta./ Franco, Franquiño/ piquirrichiño:/ nas nádegas de Hitler/ puxeche o fouciño./ E o "duce" da Italia/ tamén llas bicache,/ pra que te fixeran/ o que ti soñache".
Por certo, tal como lembra o debuxo de Seoane en "Trece estampas de la traición", Franco e a Igrexa católica española servíronse mutuamente, durante moitas décadas, para os seus propios fins: cando é que vai pedir perdón a Igrexa española por esta criminal complicidade, como debera facer unha institución cristiá?


Máis sobre a caricatura
No catálogo da VIII Bienal da Caricatura hai un traballo meu sobre o labor nestes anos dos caricaturistas galegos. Reproduzo aquí unha parte sustancial do mesmo, acompañado dunha imaxe de Pepe Carreiro que amosa o poder provocador e subversivo da caricatura:
Caricaturas en tempos difíciles
Na anterior Bienal da Caricatura corrían tempos difíciles, lembran? Eran os tempos do Prestige, dos inicios da guerra de Iraq e de todo un cachón de mobilizacións de resposta cívica nas que o sentido do humor, desde unha perspectiva crítica, e mesmo a arte da caricatura tampouco estiveron ausentes. Os “caretos” de Fraga, Aznar, Rajoy e outros políticos gobernantes estaban todos os días nas rúas, acompañados de milleiros e milleiros de galegos que respostaban así, coa súa presenza social, a campaña de mentiras e ignominias que deitaban moitos medios de comunicación oficiais e oficiosos. Eses tempos pasaron e quizais iso influiu tamén no labor diario dos caricaturistas; creo que houbo un certo relaxamento da tensión crítica nos últimos meses e o espello dos artistas da caricatura tamén reflectiu esa realidade: poderán comprobalo, se estou eu no certo, os propios espectadores das exposicións desta Bienal.
Ese proceso é lóxico, a cada marea sucede un certo acougamento, pero non nos debe facer esquecer a necesidade da capacidade crítica e transgresora dos artistas do humor e da caricatura. Unha capacidade que debe manterse esperta, receptiva e en perpetua tensión: quizais o feito de que moitos dos nosos caricaturistas se sitúen na esquerda social do país poida producir tamén un certo desconcerto: qué facemos agora que é a esquerda a que está a gobernar o país? Temos tamén que caricaturizar e satirizar os erros e incoherencias das medidas políticas e das actitudes dos novos gobernantes? Creo que a resposta é obvia e eu non a poñerei por escrito, pero os artistas que realmente son fieis a si mesmos e ao seu compromiso coa realidade, saben que as libertades se conquistan todos os días e o pincel (ou o ordenador) non pode nin debe repousar aínda cando aqueles que nos gobernan sexan agora máis amigos ou máis simpáticos.
Ademais, os caricaturistas van ter algúns problemas engadidos. Desaparecido (case) da escena estatal José María Aznar, desprazado cara o Vaticano o señor da Coruña Francisco Vázquez e retirado Manuel Fraga nas augas lamacentas dun Senado pouco mediático, os artistas encóntranse coa realidade da desaparición do escenario de figuras con tantas posibilidades como os mencionados ou outros como o “leonado” do nacionalismo Xosé Manuel Beiras que, por suposto, non se retirou de nada e ten moito que dicir e que aportar aínda ao futuro do noso país, aínda que os focos apunten agora noutra dirección. Xurdirán outros nomes sen dúbida, pero haberá que agardar: por exemplo, agás as figuras de Pérez Touriño e Anxo Quintana, a maioría dos nosos novos gobernantes non teñen aínda un perfil consolidado na arte da caricatura, agás quizais os nomes de Ánxela Bugallo, Méndez Romeu e Alfredo Suárez Canal.

As augas están máis calmas na Galiza e no conxunto español e aínda na Europa todo. Pero, qué sucede fóra? As cousas están ben complicadas e, mira ti, seica unha das causas son unhas inocentes caricaturas. Non é este o momento de reflexionar a fondo arredor da crise das caricaturas de Muhamad (Mahoma) e as desorbitantes consecuencias políticas que un suceso tan intranscendente tiñeron en certas áreas xeopolíticas do mundo, por suposto co necesario labor de axitación do integrismo musulmán máis fanático e irracional (que fose un medio de dereitas quen publicase os famosos debuxos non fai mudar tampouco a cerna da cuestión). No terreo da política internacional e da diplomacia non sobra ningún tipo de cautelas, sen dúbida, e entendemos as reaccións tan comedidas de moitos dos nosos políticos europeos. Que entendemos, pero non compartimos na súa filosofía máis profunda. Porque a liberdade de expresión é unha conquista irrenunciábel da civilización occidental e unha condición sine qua non para o exercicio real da democracia como forma de goberno. Hai problemas moi graves no mundo –de explotación colonial, de fames e xenocidios de pobos enteiros, de miserias e subdesenvolvementos condeados a perpetuarse e eternizarse- e quizais, non sei, a arte das caricaturas non mereza tantas palabras como lle temos adicado nos últimos meses. Pero a liberdade de expresión, como núcleo e ADN da nosa personalidade, non pode ser soterrada baixo a intransixencia de ningún tolo fanático, sexa este da relixión, etnia ou cultura islámica, católica, xudía ou o que sexa.
Podémolo dicir poñendo boa cara e mesmo, se fose preciso e en tempos de antroido (cando escribo estas liñas), cun gran sorriso no medio da nosa faciana. Pero, de certo, temos que dicilo. Con toda a contundencia. Con toda a nosa verdade.

21 mar 2006

Celebrouse onte o Día Mundial da Poesía con actos en diferentes lugares de Galiza e do mundo. O PEN Clube galego convocou unha cita moi relevante en Compostela (Antonio Gamoneda, Xosé Luís Méndez Ferrín, António Salvado, Xoana Torres) na que se leu a seguinte mensaxe, que paga a pena reproducir:

Mensaxe de Koichiro Matsuura (director xeral da UNESCO) no Día Mundial da Poesía

O mundo cambia constantemente, no tempo e no espazo, día a día e dun lugar a outro. Os seres humanos non somos a excepción, porque tamén estamos en perpetua transformación.
Para empezar, a nosa vida individual é un exercicio de adaptación. A través das colectividades, os pobos e as sociedades, as culturas e as civilizacións cambian ao longo da Historia. Os seres humanos somos axentes dinámicos do cambio: transformamos o noso entorno e, ao facelo, transformámonos a nós mesmos, poñendo así en tela de xuízo a noción sinxela dunha natureza humana fixa e inmutábel. Sen embargo, a condición humana persiste con tenacidade e cando, a través do tempo e a distancia, nos recoñecemos noutros seres e eles recoñécense en nós, non estamos á vez recoñecendo que algo permaneceu? Hai algo que poida dar razón simultánea do cambio e a inmutabilidade?
Por suposto que si. Ese algo é a poesía. As nosas linguas son, por suposto, diferentes, como diversos son os xeitos en que colocamos as palabras, frases e oracións, así como a forma e a métrica dos nosos versos. Pero a través dos seus modos e ritmos múltiples, a poesía remítenos ao diálogo entre o cambio e a permanencia na vida mesma.
Mediante a linguaxe, expresamos as nosas distintas crenzas, valores e experiencias. A pluralidade dese río de identidades constitúe a humanidade. A poesía é unha ponte entre persoas e grupos, que nos axuda a comprendernos mutuamente e a entendernos a nós mesmos. A poesía expresa - ás veces de forma sinxela, outras con fonda complexidade- os nosos temores, esperanzas, arelas e presentimentos. Nas súas máis eximias manifestacións, a poesía é capaz de revelar verdades que captan a esencia da nosa común humanidade e a súa beleza lémbranos os cumios artísticos que a especie é quen de acadar.
(Imaxe: retrato dunha xove, de Besnard Paul Albert)


Caricaturas a esgalla en Auria
(Andoliña martes 21 marzo)
Está a se celebrar en Ourense a oitava Bienal da Caricatura, unha cita con moitos anos detrás, que naceu da man do Clube Alexandre Bóveda e que hoxe desenvolve a Casa da Xuventude. Nesta ocasión recupérase un artista histórico esquecido, o compostelán Lino G. Rubido, do que soubemos polo libreiro Xesús Couceiro; e figura como artista convidado o portugués André Carrilho. Toda a cidade acolle un amplo abano de caricaturas de todos os países e estilos.
A monográfica do autor galego está dedicada a Xaquín Marín, 50 anos en liña cunha mostra que leva meses percorrendo Galiza. Xaquín Marín, director do Museo de Humor de Fene, é un dos grandes do humor gráfico do país, xa o temos dito. Debuxaba xa nos tempos de La Codorniz e Hermano Lobo e ten paseado a súa obra por boa parte do mundo (México, Bretaña, etc). Coas súas imaxes podería facerse unha crónica abondo completa do que sucedeu na nosa terra desde hai cinco décadas. Como di o escritor Ramón Loureiro no texto que lle dedicou no catálogo da Bienal, cos seus deseños o artista ferrolán "fai mellores os días, a maxia dos seus debuxos e dos seus lenzos permite navegar entre as malas horas nunha barca de soños…"

20 mar 2006


Martes 21 marzo, Día Mundial da Poesía: recital poético no Liceo ourensán arredor do libro-escolma de Fran Alonso, Poetízate.
Non todos os días se xuntan trinta mozos e mozas a recitar poesía. Por iso tomeime a liberdade de poñer aquí os seus nomes e os dos poetas aos que lles van poñer voz.

Un detalle importante: a maioría dos poemas foron escollidos polos propios alumnos e alumnas.

Instituto de Celanova
Iria Méndez Rodríguez: "Xan", de Rosalía de Castro
"No máis fondo", de Ramón Cabanillas
Uxía Vázquez Rodríguez : "Cunetas", de Luís Pimentel
"Daquelas que cantan", de Rosalía de Castro
Arancha Álvarez Rivera: "Por qué miña almiña?", de Rosalía de Castro, e "Sós", de Manuel Antonio

Instituto de As Lagoas
Sabrina Amoeiro Nogueiras: "Taberna" e "Lúa", de Luís Amado Carballo
Patricia Alvarez López: "Definición", "Nunha cena de amigos", de Aquilino Iglesia Alvariño
Elena González González: "Con auga de sede vella", de Alvaro Cunqueiro
Elena Glez Glez/ Gabriel Gavela: "O pozo que non hai", de Alvaro Cunqueiro
Gabriel Gavela González: "Deitado frente ao mar", de Celso Emilio Ferreiro
Gema Pérez Lorenzo: "Marzo, 1972", de Celso Emilio Ferreiro
Celia Parra Díaz: "As pontes", de Pura Vázquez

Instituto Eduardo Blanco Amor
Patricia Gómez Salgado: "Envellecer", de Ana Mª Fernández
Nuria González Nóvoa: "As copias do rexistro", de Marilar Aleixandre
Laura Figueiredo Araujo: "Lapidadas", de Marica Campo
Anxela Crespo Fernández: "Lingua que rexeitaron os meus pais", de Antón Tovar
"Reclamo a liberdade pro meu pobo", de Mendez Ferrín
Instituto de A Carballeira
Marta García Vázquez: "Os mitos adoptan posturas de tipos duros", de Miro Villar
Diego Álvarez Casal Amada: "Labro versos para ti sen sosego", de Miro Villar
Jacobo González Padreda: "Cuspe", de Antón Lopo
Jorge Vázquez Escudero: "Como algodón (o corpo) no contacto esponxoso", de Miro Villar
Laura Blanco: "Os líquidos íntimos", de Olga Novo
Sandra Campos: "Soa", de Antía Otero

Instituto Xesús Ferro Couselo
Alba Cid Fernández (Lerá poemas propios)
Judit Rodríguez Rodríguez
Sandra Vázquez Cañoto
Silvia Cid López
Tamén recitarán Teresa Devesa, da Sección de Literatura do Liceo; a profesora Carme Lorenzo e o poeta Fran Alonso, que pechará o recital.
Teresa Devesa: "Diario dun poeta cidadán", de Ramiro Fonte e "Ás veces digo amor", de Pilar Pallarés.

19 mar 2006



Tivo Franco apoio popular?
Na Alemaña dos últimos anos hai un debate moi vivo, potenciado por algúns historiadores, sobre as complicidades pasivas e activas de moitos cidadáns alemáns con Hitler e o nazismo: sabían os alemáns o que pasaba? beneficiáronse algúns ou moitos alemáns do sucedido e do expolio aos xudeus? Os historiadores din que si.
Téñome feito a mesma pregunta respecto a España e Franco. O mércores pasado estivo en Vigo Carme Molinero, historiadora, par falar do franquismo e das súas políticas sociais. Da crónica que publicou F.Franco no Faro (falou no Clube Faro de Vigo) fago este resume esquemático:
1. Franco combinou a represión cunha política de captación e adhesión das masas por medio dun discurso social e dunha retórica populista.
2. Un réxime que dura 40 anos non pode sobrevivir sen un forte apoio popular.
3. Nos discursos de Franco a política social ten unha alta presenza como argumento recurrente.
4. Dirixentes do réxime como Serrano Súñer e Girón de Velasco eran conscientes dun feito: tras aniquilar o movemento obreiro da República, o réxime necesitaba unha retórica e unha proposta alternativa que o lexitimase no mundo social. Os medios de comunicación colaboraron con esta retórica, uns polas boas e outros porque non lles quedaba máis remedio.
5. Neste contexto hai que considerar as políticas de Girón no Ministerio de Traballo, o Seguro Obrigatorio de Enfermidade (por primeira vez tiveron a percepción dunha seguridade cara o futuro, antes non había nada), a Organización Sindical e a súa Obra do Fogar (unha política de vivenda que construiu realmente pouco, pero que se soubo vender cunha vistosidade evidente).
6. A exaltación do asistencialismo foi un excelente vehículo de propaganda ao servizo do imaxinario franquista.
Con estas ideas sobre a mesa, a pregunta é: tivo o réxime de Franco un forte apoio popular? As masivas manifestacións da Praza de Oriente e as colas ante o seu cadaleito foronun espellismo ou respondían a unha realidade social? Queda algo de todo iso no substrato do noso tecido social?
(Na imaxe, o asasino retratado por Luís Seoane en Trece estampas de la traición, Buenos Aires-Montevideo, 1937, reeditado por Ed.do Castro).

O miragre da música
(Pan por Pan, 19 marzo 2006)
Escoito na radio (“Pioneros”, en Radio 3) unha canción mítica da miña mocidade, “Michelle, ma belle”, a popular balada dos Beatles. Lennon e McCartney querían cantar en francés, parcialmente, di o locutor, e inspiráronse en Nina Simone, dato que descoñecía e que recollo con entusiasmo, porque é unha das miñas cantantes de culto. O programa evoca tempos que están ben lonxe, pero a música salta o valado das crueis cronoloxías e permítenos regresar, sequera por uns minutos, a aquel punto perdido do horizonte do pasado. Nin a literatura nin as artes plásticas, con todo o seu poder expresivo, posúen esa velocidade para transmitir sentimentos e resucitar lembranzas: o labor xenial dun escritor ou dun pintor sempre demanda unha mínima reflexión intelectual. A música pola contra atrapa nun pulo vertixinoso eses fíos invisíbeis da memoria, dun xeito case instintivo e incontrolábel. Ese é o seu milagre.

18 mar 2006


A POESÍA NON MORDE
O 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía e os ourensáns amantes das letras teñen, como todos os anos, unha cita no Liceo, ás 17,30 h., para asistir á presentación e recital poético arredor do libro "Poetízate" de Fran Alonso (publicado por Ed. Xerais). Estarán connosco o autor desta excelente escolma poética e o editor Manuel Bragado. Pero os protagonistas da xornada serán os mozos e mozas dos institutos ourensáns que recitarán poemas de escritores galegos de todos os tempos, dende Rosalía de Castro e Manuel Antonio ata Olga Novo e Antía Otero. Participarán nesta nova xeira da Sección de Literatura do Liceo ourensán alumnos e alumnas dos Institutos de As Lagoas, Eduardo Blanco Amor, A Carballeira, Xesús Ferro Couselo e Celanova, ademais de Teresa Devesa e outras persoas.
Para animar e convidar a todos os interesados neste faladoiro (acompañado, como sempre, do tradicional café con pastas), reproduzo unha parte do interesante limiar deste libro-escolma, do autor, tamén poeta, Fran Alonso.
Se pensas que a poesía é un xénero difícil, direiche que estás equivocado, que hai poemas complexos como tamén hai poemas moi doados de entender. O certo é que canto máis poesía se lea, mellor se comprende, porque para estar en forma coa poesía, como no deporte, precisamos adestramento. (…) Ademais, non creo que ninguén teña que obsesionarse con entender a poesía. O importante, dígocho de verdade, non entendela senón gozala, sentila e, en todo caso, intuíla. Ademais, os lectores tamén temos un papel activo nos libros e cada un interpretamos o que se di en función da nosa sensibilidade e das nosas circunstancias. Non hai verdades absolutas; moito menos na literatura. Así que o fundamental non é comprender o que se nos di senón sentir o ritmo do poema, a súa sonoridade, os xogos de palabras que ás veces nos deslumbran, as fascinantes imaxes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Facer da poesía un pracer, en definitiva.

Unha sabia decisión sobre as Burgas
(Andoliña sábado 18 marzo 2006)

Supoño que a moitos lectores lles pasaría o mesmo que a min cando leron as novas que onte traían os xornais sobre as Burgas. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, declarou Ben de Interese Cultural (BIC) ese recinto, o que durante 20 meses paralizará algúns proxectos á espera dun plan especial para garantir a protección patrimonial de toda a zona, isto é, un proxectado Hotel Balneario que xa empezou moi mal e algunha idea perdida sobre o vello cárcere do Progreso que nunca se concretou con prazos e financiamento.
Eu pensei: E logo non eran xa as Burgas un Ben de Interese Cultural? Pero en que mundo vivimos? As raíces romanas da nosa cidade, o hábitat que foi crisol cultural da nosa historia ao longo dos séculos, o humus literario que enchoupou a escrita de Lamas Carvajal, Álvarez de Nóvoa ou Blanco Amor… O noso sinal de identidade no mundo: a cidade das augas quentes. Hai uns meses levamos un bo susto cando as Burgas deixaron de botar o seu caudal: iso non volverá pasar.
As cousas hai que facelas ben (a empresa Xardín das Burgas xa deu probas de que ese non é o seu caso). Ben por Cultura e a súa conselleira, Ánxela Bugallo, e ben por esta prudente decisión!
(Imaxe: postal antiga das Burgas, como as coñeceían un Lamas Carvajal xa velliño ou Blanco Amor aínda neno).