6 jul 2006


O cosmonauta perdido.
(Pan por Pan xoves 6 xullo)
Tiven un compañeiro na mili que cría en todo o relacionado co mundo esotérico: abducións, corpos astrais, posesións diabólicas, extraterrestres, etc. Eu non son quen de entender ese grao de credibilidade, pero sen dúbida existen milleiros e milleiros de persoas como aquel meu amigo: a proba é que a SER e a Cuatro teñen programas de gran audiencia deste estilo, comandados por Iker Jiménez. Segundo leo no cultural de “La Vanguardia”, esoutro día este artista da fantasía columpiouse abondo coa historia dun cosmonauta ruso, Ivan Istochnikov, seica perdido no espazo por abdución. O simpático do tema é que, por ignorancia ou ousadía, Iker Jiménez estaba a repetir unha lenda urbana nacida dunha serie de fotografías de Joan Fontcuberta, creador hai anos da vida e morte ficticia do tal cosmonauta: velaí como sorrí contento aló onde estea “perdido”.

Corrupción, cemento, novela negra
(Andoliña xoves 6 xullo)
No xénero da novela negra hai unha serie de arquetipos case inevitábeis: o detective amargado e borracho, a vampiresa fatal que manipula as vontades dos homes, a crueldade e brutalidade do gánster e dos mafiosos, o móbil económico que conduce a acción narrativa. Diego Ameixeiras respecta estes tópicos en O cidadán do mes e trasládaos a un Ourense que nas súas novelas non é a cidade tranquiliña na que vivimos, senón unha urbe sobresaltada polos atentados dun chamado Grupo Independentista Armado e polas poutadas do exército da corrupción, con matóns a soldo para levar a cabo os seus plans.
O poder está asociado ao cemento e ao formigón e, nesta novela, ao promotor dun chamado Centro Comercial Milenio que se constrúe nas inmediacións do desaparecido Camiño do Vao e beira dos Salesianos. No mesmo lugar onde se ergueu un centro comercial hai poucos anos, co apoio do Partido Popular e do BNG e co rexeitamento dun amplo sector da cidadanía ourensá. En calquera caso, o tema é de extrema oportunidade: velaí a desfeita que se anuncia nas paisaxes da costa galega e que mesmo tivo xa episodios de violencia e atentados contra bens de concelleiros nacionalistas nas terras de Nigrán.
(Imaxe da pintora portuguesa Adriana Molder).

5 jul 2006


‘O cidadán do mes’, de Ameixeiras
(Andoliña mércores 5 xullo)
Hai unhas semanas gañaba o último premio Xerais Diego Ameixeiras, autor das novelas policíacas Baixo mínimos e O cidadán do mes, arredor das andainas do detective Horacio Dopico. Debemos engadir o seu nome á nosa serie sobre Ourense: universo literario pois ámbalas dúas están ambientadas na miña cidade e con profusión de riscos topográficos. Poderíase elaborar un plano urbano auriense seguindo os pasos do protagonista: dende a Cruz Alta ata o Parque Miño, dende a rúa dos viños ata Barrocás e o Polvorín, con incursións na Derrasa e na Chavasqueira e protagonismo para lugares de culto das novas xeracións como o Café Auriense ou o Rock Club.
Creo que ningunha obra literaria ata agora recolleu un abano tan amplo de espazos ourensáns, axuntando o Ourense histórico e medieval (o que coñeceu a Xeración Nós) cos novos barrios, froito da emigración e da especulación urbanística, nacidos de xeito ben desordenado nas décadas dos anos 60 e 70. Os espazos climatolóxicos tamén son importantes: se en A esmorga a choiva e a friaxe eran dominantes no curso da novela, agora quedamos enchoupados polas suores da calor abafante dun agosto ourensán, tan real por certo.

4 jul 2006


Vermellos e verdes nos simios

(Andoliña martes 4 xullo)

Dúas notas máis sobre os estudos do primatólogo Frans de Waal sobre bonobos e chimpancés en relación coa especie humana. Quedoume engadir esoutro día que ningunha sociedade de simios se organiza en torno á familia nuclear como as sociedades humanas: a educación nesa contorna permitiu unha infancia longa dos nenos, que o seu cerebro acade un tamaño maior que o doutros primates e que o comportamento humano se basee máis na aprendizaxe que no instinto.
Quizais lles debamos tamén algo no que se refire ás emocións e aos sentimentos que asociamos ás cores. E non se pode discutir a pegada das cores no noso mundo emocional: nos hospitais domina a cor azul, queren vendernos en verde os produtos bautizados ecolóxicos ou naturais e todo iso non é casual. Pois ben, o verde é tamén a cor da selva e o vermello a cor do sexo e o do sangue. Para os humanos o verde é un elemento sedante e, en cambio, o vermello, estimulante: bandeiras vermellas, vermellos de Van Gogh, iconas da industria do sexo, etc. Segundo Frans de Waal, as nosas preferencias estéticas estarían relacionadas tamén coa nosa primitiva historia como primates: por algo a Darwin caricaturizábano na súa época con corpo de mono.

O galego, patrimonio común, artigo de Afonso Vázquez-Monxardín
(Galicia Hoxe, Camiño do Vao, martes 4 xullo 2006)
O movemento de recuperación e actualización da identidade galega ten unhas raiceiras culturais moi fondas. Tense dito que no século XIX, coa instauración do estado moderno, Cataluña foi reinventada pola burguesía comercial e industrial, o País Vasco por cregos que defendían os seus foros e a lei vella -ou sexa o antigo réxime- e Galicia, polos homes da cultura que mergullados en arquivos e nas aldeas do país, toparon unha lingua e cultura moi viva cuxa traxectoria ignoraban, pero na que albiscaron futuro.
E eu estou tan encantado de que nos inventaran o país os intelectuais como daquelas intencións tan fermosas e avanzadas do Manifesto das Irmandades de Lugo en 1918 (voto feminino, preocupacións estéticas...) tan lonxe, desde logo, do rancio españolismo uniformista de despois da guerra de Cuba, como do pensamento racista, involucionista e clericalista de Sabino Arana, por poñer dous exemplos que non me entran polo ollo. Moitos consideramos a cultura o noso máximo sinal de identidade, e, se cadra, o único chamado a permanecer por sempre no mundo globalizado. E a lingua é, obviamente, a columna mestra á que se cingue a hedra da cultura.
Dito isto, quero, en voz alta, facer unha libre reflexión sobre lingua, cultura e nacionalismo galego, pois persoas pouco ilustradas poden confundir termos e caeren nunha sinonimia tan perigosa como errada. Permítanme que empece cunha pequena anécdota persoal. Corría o ano de 1984 e impartía eu, ilusionado, un curso de iniciación de galego no concello do Carballiño cando unha señora me atallou nun local público preguntándome se eu era o que impartía clases "dese castrapo, desa trangallada coa que a Xunta quere matar o galego...". Alucinado, pregunteille cun sorriso forzado e amable, cal era a súa graza e a que se dedicaba. "Chámome tal e son costureira", dixo. "Pois si, sonlle eu o profesor -contesteille-, pero perdoe, só lle falo do tema con profesionais. Eu a vostede non lle discutiría de corte e confección e vostede, a min, non me discute de lingua, e menos se empeza faltando". Recoñezo que fun ousado e groseiro -desculpe señora se me le-, pero direi no meu descargo que era eu moi novo e canso estaba xa dalgunhas actitudes.
Aquela sincera señora -estaba, sóubeno logo, nunha asociación desas do galego aportuguesado- obnubilada polo seu amor á lingua, cría estar en posesión dunha ciencia infusa nacida do corazón que mesmo lle permitiría descualificar traballos alleos e falar de ortografías como se fosen xogadores para meter ou sacar nun partido de fútbol. Igualmente, ata hai pouco calquera cachorro nacionalista pouco lido, e grazas á súa "coherencia ideolóxica", atrevíase a denigrar a obra literaria de Carlos Casares ou os ensaios de Xesús Alonso Montero, por citar só dúas bichas históricas. ¿Engánome?
Permítanme que lles diga, meus señores, que furgando na historia da cultura e da literatura galegas, fíxense vostedes, hai tamén escritores de todas as ideoloxías. E non me chama a atención, porque a lingua é o que é, un patrimonio común de todos: altos e baixos, gordos e fracos, louros e morenos, tolos e cordos, nacionalistas e non nacionalistas, de dereitas e de esquerdas. E todos eles teñen a súa participación no mundo da escrita galega. Desde Euxenio Montes a Álvaro Cunqueiro. Desde Celso Emilio a Manuel María. ¿Ou alguén quere unha lingua só para unha ideoloxía? Sería suicida. O galego é un código para que nos entendamos, soñemos e recreemos o mundo. Naceu hai mil anos e viviu ata nós. Agora, é a nosa responsabilidade proxectalo no futuro dos nosos fillos. Desde a historia, desde o feito nestes últimos vinte, trinta, corenta anos debemos ir con Manuel Antonio, sempre "máis alá". Co bo Plan de todos.

3 jul 2006

ETA maquilla a súa derrota
(Galicia Hoxe luns 3 xullo)
O proceso de paz. Hai uns días estivo en Auria o xornalista Gorka Landáburu, que falou no salón de Caixa Galicia sobre o proceso de paz no País Vasco. Gorka Landáburu é tamén unha das vítimas de ETA, pois sufriu un atentado con graves consecuencias nun ollo e nun brazo e, como tantos cidadáns vascos, ten que acompañarse de escoltas. Por iso a súa opinión é especialmente importante e, en primeiro lugar, revela que as vítimas de ETA son un colectivo plural e tamén diverso nas súas posicións ideolóxicas: Landáburu apoia o proceso de paz iniciado por Rodríguez Zapatero e confía en que chegue a bo fin.
A orixe do proceso. Destacou algunhas cousas singulares na súa intervención o xornalista vasco, sobre todo no coloquio. Por exemplo, a constatación de que este proceso, que será lento e traballoso, non vén de agora: ETA tomou xa esa decisión no 2005 e na mesma tiveron un protagonismo fundamental Arnaldo Otegi e Josu Ternera, este cun peso simbólico moi forte na estrutura etarra. Nos últimos anos houbo arredor de 70 xuntanzas clandestinas entre Batasuna e o PSOE vasco, dixo Landáburu, e logo Zapatero non fixo máis que ratificar o proceso. Tamén ten moi claro Landáburu por qué ETA inicia agora, á marxe do que digan os seus comunicados máis duros, un proceso negociador: a banda está convencida do abandono da loita armada, pero, como é lóxico, quere saír desa espiral de violencia sen unha imaxe total de fracaso. Noutras palabras, ETA quere maquillar a súa derrota e isto é moito máis significativo que a chulería de individuos como Txapote (o asasino de Miguel Ángel Blanco).
As dificultades. As dificultades serán moitas, niso todo o mundo está de acordo. Dificultades entre as partes negociadoras, entre os apoios políticos e entre a propia sociedade vasca e os militantes abertzales: hai arredor de 300 mozos novos no País Vasco francés, exiliados por accións de kale borroka, dispostos a volver en calquera momento se son chamados para reiniciar a violencia. No plano social, non convén esquecer que o País Vasco é moi pequeno e non hai unha soa familia que non conte con vítimas do terrorismo ou con presos etarras: será imposíbel (non se debería tampouco) esquecer todo iso. Abondo sería que nun prazo medio (unha ou dúas xeracións) eses mundos fosen quen de dialogar e convivir en paz. As outras dificultades tamén son coñecidas: o principal partido da oposición, con moitos votos detrás, está a facer todo o posíbel para que fracase o proceso. Landáburu foi moi crítico con Rajoy e o Partido Popular, lembrando que tamén Aznar negociou no seu momento, sen que daquela o PSOE fixese outra cousa ao respecto que apoiar o Goberno.
Que se vai negociar? Por parte de ETA é obvio: só pode ofrecer o abandono da violencia e das armas, no camiño da integración na vida política democrática do mundo abertzale. Por parte do Goberno, dixo Landáburu, non haberá nin negociación nin prezos políticos. Pero si se falará dos presos: do achegamento ao País Vasco dos máis de cincocentos presos etarras en cárceres españolas e logo tamén dos 150 presos en Francia e dun milleiro de exiliados en diferentes países. Logo, en función de como vaia o proceso, haberá excarceracións tamén, de xeito gradual pero inevitábel. Esa é a opinión de Gorka Landáburu, que me limitei a transmitir como intermediario: el aposta pola esperanza. Se así o fai el, que foi vítima de ETA, comprometido coa sorte do pobo vasco na historia, haberá que darlle un voto de confianza aos que cren que é posíbel rematar coa barbarie etarra.

1 jul 2006


Da conduta dos bonobos e chimpancés
(Andoliña sábado 2 xullo)
O primatólogo Frans de Waal, da Universidade de Atlanta (Estados Unidos), anda a estudar o comportamento dos bonobos e dos chimpancés para logo comparalos coas propias condutas do ser humano. E, segundo leo na revista Magazine, seica non somos tan diferentes. Coma eles, somos animais grupais, capaces de ser educados na tolerancia e sometidos a enfrontamentos habituais para definir unha xerarquía masculina: nisto parecémonos aos machos do chimpancé, "se non temos motivo de conflito importante, pelexamos por babecadas". En cambio, a xerarquía feminina dalgunhas sociedades, onde por exemplo se valora máis o papel das avoas, estaría máis perto do mundo dos bonobos, que se organizan en sociedades matriarcais.
A dos bonobos é unha sociedade pacífica e hipersexual, máis aínda que nos humanos: os machos non compiten polas femias, compártese a comida e as tensión se disipan con contactos sexuais. A estratexia da nosa especie ao respecto foi reducir as tensións entre os grupos recluíndo a vida sexual á esfera privada para facela menos visíbel. Polo menos era así ata os últimos tempos. Un mundo ben curioso este: o dos primates. Case tanto como o dos seres humanos.

30 jun 2006


O PATRIMONIO DOS NOSOS AFIADORES
(Andoliña venres 30 xuño)
Florencio de Arboiro, de nome Florencio Martínez Vázquez, debe ser o maior coleccionista de rodas de afiar de España. Dende hai 30 anos colecciona e restaura rodas, das que posúe unha magnífica colección de máis de 150 exemplares, algunhas do século XIX. No ano 1999 exhibiu en Ourense a mostra “Afiadores polo mundo”; ademais, preside e promove a asociación Ben-Cho-Shey, que traballa dende hai varios anos na investigación dos nosos oficios tradicionais.
Vén de inaugurarse en Albacete, no Museo Municipal de la Cuchillería, unha ampla mostra desta colección, acompañada dun breve pero suxestivo catálogo. No mesmo recóllese a historia do oficio dos afiadores, vinculados ás terras ourensás de Nogueira de Ramuín, e a descrición técnica dos seus elementos de traballo fundamentais (roda, chifro, etc.), así como algunhas notas sobre a súa xerga, o barallete (que estudara o propio Ben-Cho-Shey) ou sobre o proceso de dignificación deste oficio-símbolo que nos representa aos galegos no Hermitage de San Petersburgo a través do cadro de Antonio de Puga. Unha iniciativa digna de aplauso, que chega agora ata terras da Mancha e que amosa canto queda aínda por facer na salvagarda do noso patrimonio popular.
(Imaxe sacada do catálogo: Afiador español. Século XIX (Pagé, Camille, La coutellerie depus l' origine jusqu' à nos jours).

29 jun 2006


ANTES DE NACER MILLADOIRO
(Andoliña xoves 29 xuño)
No ano 1994 o grupo Milladoiro recibiu o premio Casa dos Poetas de Celanova. Tocoume daquela facer a súa “laudatio” na vila de Curros e, ademais de consultar algúns papeis, tiven que remexer no faiado da memoria, o mellor arquivo. E lembrei as orixes do grupo (aquel memorábel concerto no Auditorio da Salle) e algúns detalles da súa prehistoria, que esoutro día compartía eu en Trasalba con Manuel Bragado. Por exemplo, a lembranza de Roi Xordo, grupo constituído no ano 1976 na liña da canción rebelde daqueles días, que só durou uns meses. Estaba formado por músicos de “Bem-Virá” e do Movemento da Canción Popular Galega; velaí: Antón Seoane e Rodrigo Romaní, a cantante Pilocha, Pi da Bahía e Quico de Cariño e o brasileiro Ze Luiz.
Cantaban poemas de Méndez Ferrín, Manuel María, Neira Vilas e Cabanillas. Eles mesmos (a memoria volve de novo á Salle compostelá) escribiron e musicaron un Himno da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega), que por algures teño traspapelado e que comezaba “Galego, é hora xa/ labrego, pra ti tamén; / que pide a patria/ todas as mans”. Tamén reclamaban “berros de luz” e “bandeiras en pé”. E remataban contundentes: “A loitar! A loitar! A loitar!”. Que tempos!
(Imaxe: Jolie Coeur, de Dante Gabriel Rossetti, 1867)

28 jun 2006


Aracataca non será Macondo
(Andoliña mércores 28 xuño)
Que pensarían os meus veciños se alguén propuxese mudar o nome da miña cidade polo de Auria, tal como a chamaba Eduardo Blanco Amor e tal como logo usamos, de prestado, outros autores? Ou mesmo suxerir unha rolda de topónimos posíbeis con denominacións literarias como Ouréns, Augas Quentes ou Serenou, entre outras? Non creo que os meus veciños aceptasen e farían ben. Como fixeron os habitantes de Aracataca, o pobo colombiano que inspirou o Macondo literario dos Cien años de soledad de Gabriel García Márquez.
O alcalde do lugar, barallando que iso sería bo para o turismo, someteu a referendo o cambio de nome, pero só acudiu a votar a terceira parte dos electores, aínda que apoiaba o cambio a maioría dos votantes catacas, que é o seu xentilicio. Aracataca é a raíz do universo literario do Nobel colombiano, que inmortalizou así un espazo que hai un par de séculos aínda estaba ocupado polos indios chimilas, como conta Dasso Saldívar na súa biografía de García Márquez, El viaje a la semilla. Pero Macondo é moito máis que un lugar concreto do mapa e xa ten turistas abondo, turistas entusiastas, dispersos por todo o mundo, que seguiremos a viaxar polas páxinas desta novela inmortal. (Imaxe do pintor manierista Domenico Becafumi)

27 jun 2006


Milladoiro (e Castelao) en Trasalba
(Andoliña martes 27 xuño)
Estivo brillante o profesor Xesús Alonso Montero o domingo pasado en Trasalba, coa súa evocación das cartas entre Castelao e Otero: sublime, moi especialmente, a imaxe que nos ofreceu de don Ramón e da súa nai dona Eladia camiñando co sacho cara ó lugar máis querido da súa horta a coller un saquiño de terra para mandar a Bos Aires e enterrala no sartego de Castelao. Magnífica igualmente a "laudatio" que fixo Manuel Bragado da ampla historia de Milladoiro, premio Trasalba 2006: moi ben documentada, certeira na recolleita de datos, profunda en subliñar o significado do grupo na nosa cultura onte (dende 1978) e de hoxe (e de mañá). Moi ben tamén Víctor Freixanes, mestre de cerimonias (nalgún momento semellaba un clon do finado Sixto Seco), e Anxo Quintana, dende o plano institucional, que demostrou sen complexos que lle gusta a música de Milladoiro.
En nome do grupo homenaxeado, que ten paseado o nome de Galiza por todo o mundo, Antón Seoane preparou unha intervención reivindicativa, densa e reflexiva, como diagnóstico (algo lle axudou a súa profesión de psiquiatra) dun país doente de hipersomnia e desmemoria. Esperanza e galeguidade: as voces de Trasalba no 2006.
(Hoxe vai a foto enteira de Blanco Amor, realizada en Compostela en 1958, con Luis Meneses, o neno violinista, no medio)

26 jun 2006


Ciclo da Terra, de Millán Picouto
A Sección de Literatura do Liceo de Ourense e Edicións Linteo
comprácense en convidalos á presentación da obra de
Millán Picouto
Ciclo da Terra.
Nun acto que terá lugar no Liceo ourensán o martes 27 de xuño do 2006, coa participación do editor e profesor Manuel Ramos e do propio poeta.

Desde hai varios anos Edicións Linteo está a publicar, en volumes como adoita esta casa ben fermosos e coidados, a Obra Completa do poeta e dramaturgo Millán Picouto. O presente volume tivo como antecedentes os titulados Ciclo de Venus e Ciclo de Mercurio.
Pola súa banda, Ciclo da Terra contén as obras
Prisciliano en Tréveris, Os corvos, As andoriñas e María Soliña.

Trasalba 2006

Mañá contareivos da magnífica xornada de Trasalba 2006, o domingo, en homenaxe ao grupo Milladoiro.
Hoxe só quero agasallarvos con este anaco dunha coñecida foto feita por Eduardo Blanco Amor en 1958, en Compostela, foto que reutilizou Milladoiro na portada dun seu disco (e a Fundación Otero Pedrayo nos convites deste ano). Como xa contou algún xornal, o neno do violín, que tocaba co seu pai e cun irmán chámase Luís Meneses e hoxe ten moitos máis anos, claro: a sorpresa é que apareceu o domingo en Trasalba e alí mereceu un cálido e moi merecido aplauso.
Hai xa bastantes anos (1993) o Clube Cultural Alexandre Bóveda
publicamos un fermoso volume de fotos de Blanco Amor (hoxe creo que esgotado), acompañado de textos que contextualizaban cada unha das fotos (e diso encargámonos Ángeles Fernández, da Biblioteca da Deputación de Ourense, e eu mesmo).
Para esta foto dos músicos ambulantes, escollimos un texto do xornal arxentino no que escribía Eduardo Blanco Amor, que reproduzo agora (permitídeme tamén dedicarlle esta cita á amiga do blogomillo en Buenos Aires, que defende a súa galeguidade coa forza da súa poderosa palabra, Débora Campos (Fíos Invisibles):

En medio de la plaza del Obradoiro, flanqueado por los pétreos encajes del hospital plateresco, por la acuñada música del arco de San Jerónimo, por la elegante lógica neoclásica del Seminario de Rajoy y por el vuelo de las torres gemelas, advertí que se me habían terminado las palabras interiores y comencé a sentir la ciudad como una dulce y potente música, como si todo yo flotase en una torrencial y unánime melodía, como si fuese a diluirme en ella, a perderme en sus sofocantes túneles sonoros de lejanos acordes simultáneos que nacían de cada una de las piedras nocturnas... ("Mi invención de Compostela", de Blanco Amor, en LA NACIÓN, Buenos Aires, Domingo 3, agosto, 1941.

25 jun 2006


Galería de badocos.
(Pan por Pan domingo 25 xuño)
Pensei que ninguén lograría nunca superar os xeitos do meu badoco preferido: xa saben ese que vai coas ventás do coche baixadas, a música chunda-chunda a tope para que se escoite a dous quilómetros e abaneando a cachola sen parar cando se detén diante dun semáforo. Pois no universo das realidades horteras sempre hai quen gañe: é o caso do badoco motorizado cunha moto destas de catro rodas para andar polo monte (chámanlles “quads”, creo), que logo vai a todo meter polo centro urbano, facendo un ruído insoportábel, cun casco estilo dos tonechos e mirando as mozas da beirarrúa da dereita e da beirarrúa da esquerda: aquí vai o guapo do barrio... Ademais non adoita parar diante dos semáforos en vermello. Supoño que no monte estes cacharros son unha ruína para o medio natural. No mundo urbano, o maior esperpento da gran badoquería.
(Imaxe: unha lectora de Courbet que se conserva en Washington)

24 jun 2006


Memoria da cidade. (Pan por Pan sábado 24 xuño)
Por razóns que non veñen agora a conto, debín ser o primeiro ourensán en coñecer a nova da homenaxe que vén de merecer Olga Gallego, honrada coa medalla Castelao. Alegreime entón e manifesto de novo esa ledicia, porque esa decisión recoñece o seu labor na recuperación da memoria da nosa cidade. Un labor de toda unha vida, co seu traballo no Arquivo Histórico, no Museo e no grupo Marcelo Macías e cos seus traballos de investigación (velaí o seu estudo do Ourense medieval e da Idade Moderna, 2001). Vai estar ben acompañada Olga Gallego, ao recoller este galardón, ao carón de Ángel Carracedo, médico especialista en Xenética Forense, e do mestre e galeguista Avelino Pousa Antelo, que preside a Fundación Castelao. Para recuperar o prestixio das medallas Castelao, reduciuse o número de premiados este ano. Pero todos eles cos merecementos necesarios.
OS CAMIÑOS DA VIDA
Na morte de Fernando Pérez

Así lembraba Ferrín, onte no "Faro de Vigo", a figura de Fernando Pérez:
"Veleiquí a morte, esa única verdade, que se presenta e nos roza coa súa asa de xelo. Chega para paralizar alguén que nos é próximo e, nun intre, percibimos que se interrompe unha persoa. Aquilo que é era un eu complexo e un organismo deixa de ser e as súas sustancias pasan a se diluir na materia eterna. Esa personalidade éranos amiga, e entón notamos unha falta irremediábel. Vimos de Sarria, de lle dar a despedida para sempre a Fernando Pérez López. Mais, con todo, sabemos que a morte non poderá nunca riparnos totalmente o amigo, o camarada. A súa memoria permanecerá en nós en canto vivamos e será consolo ao que, neste caso, se une un seu xesto de lección permanente.Hai homes e mulleres insustituíbeis. Nas obras colectivas, nos movementos comunais, na vida das organizacións constituidas para mudar o mundo, e aínda para o facer mudar de base, hai homes e mulleres únicos. E hainos que non escribiron e que, aínda facéndoo, publicaron poucos textos ou fixeron poucos discursos orais, pero a súa man está detrás doutros que asinaban obras e doutros que contribuían a elas con diversas aportacións. Rosalía, Murguía, escribiron e asinaron os seus traballos, son únicos e a Galicia de hoxe sería outra sen o seu contributo. Alexandre Bóveda e Lois Soto escribiron moi pouco pero o seu labor incesante e a súa función motora e aglutinadora convertenus en esteos sobre os que descansa a idea de nación na que participa a porción de pobo galego que se nega á asimilación e carece de vocación suícida.Do mesmo modo non podemos imaxinarnos o espazo político da esquerda nacionalista realmente existente sen a presenza reflexiva e activa de Fernando Pérez. Esa é a razón pola que as persoas do seu arredor van notar a ausencia de Fernández Pérez á hora das realizacións de intervención no seo da sociedade e na hora de pensar para a mudanza. Podo decer que él foi un elemento fundamental na Historia de Galicia de finais do século XX e principios do XXI. E, aínda despois de morto, no máis fondo da memoria de clase, de poesía, de arte, de política, o pensamento marxista de Fernando Pérez seguirá a marcar un camiño. Fernando Pérez foi inseparábel de todos os procesos críticos que en Galicia tiveron lugar desde o intre en que o nacionalismo maioritario diu en abandonar os principios do marxismo, aceptou a lóxica do capital e recuperou o rexionalismo de Brañas en lugar do republicano de independencia, proceso de degradación que contou coa oposición contundente de Fernando Pérez. El estivo na fundación da ANPG, e logo distanciouse e participou no labor de reconstrucción permanente do sindicalismo galego. E integrou as Redes Escarlata, na Aula Castelao de Filosofía, o movemento de solidaridade con Cuba, alén de outras frontes que agora terán que aprender a funcionar sen el. Destas e mais cousas falouse en Sarria, cando unha moitedume se despedía para sempre dos despoxos corporais de Fernando Pérez.

23 jun 2006


O reino do absurdo. (Pan por pan venres 23 xuño)
Onte espertei co detector de absurdos aceso. E deime conta que era absurdo que os alumnos acudisen aos centros educativos co seu teléfono móbil: a xunta debería vetar o emprego deste dispositivo nos colexios, como se fai co tabaco, aínda que dubido que se atreva a facelo. O móbil non é un elemento educativo, todo o contrario: mesmo pode facilitar agresións e humillacións de alumnos acosados e gravados. E no instituto non lles fai falta para nada. Tamén é absurdo, escoito isto na radio, o anuncio que di: a DXT e a casa Ford lémbranlle que non se debe usar o móbil conducindo máis dun minuto. Refírese a un aparello deses de mans libres, pero é o mesmo: se é un perigo falar por teléfono no automóbil, vaino ser tanto nun minuto como en quince segundos. E a ocasión dun accidente pode xurdir en moito menos tempo. Por desgraza.
(Imaxe: retrato de S.Rohner)

FALEMOS GALEGO. EN POSITIVO
Unha achega de Helena Villar, "Palabras únicas", que podedes consultar no blog irmán www.blogoteca.com/falemosgalego/

O tempo, a natureza, a felicidade
(Andoliña venres 23 xuño)
A Dúas de TVE emitiu estes días uns excelentes documentais da BBC sobre o sentido do tempo na natureza: puidemos ver a disciplina prusiana dos cangrexos cos seus movementos determinados pola lúa ou a puntualidade rigorosa desas curiosas cigarras que reaparecen, xusto cada 17 anos, nin un máis nin un menos, nunha vila inglesa. A natureza, sempre sorprendente, sempre chea de preguntas.
Tamén o home ten o seu reloxo biolóxico; de feito, é o bicho máis obsesionado coa idea do tempo: mellor dito, co soño de superalo e de vivir por riba dos marcos que impuxo, ata agora, a natureza. Ningún ser humano viviu máis de 122 anos, aseguran certeiros no documental (moito menos do que contan os relatos bíblicos e lendarios), pero podería chegarse ao horizonte dos 500 anos, como mera hipótese, se antes somos quen de manipular os xenes como xa se fixo cun verme en laboratorio. O home non renunciará ao soño de superar ese límite temporal: e logo canto vivían os nosos antergos hai unhas décadas?
Mentres tanto, é mellor vivir tranquilos: disque unha persoa feliz e optimista pode ampliar a súa vida uns 20 anos máis (de 85 a 105, por exemplo). Só queda saber que é o imprescindíbel para ser feliz.

21 jun 2006


A Igrexa contra a Educación para a Cidadanía
(Pan por Pan, mércores 21 xuño)
A xerarquía eclesiástica non deixa de sorprendernos. Un día reúnese para afirmar a unidade de España (tema teolóxico clave, non?), outro proclama que a materia de Educación para a Cidadanía é un ataque á familia: palabras do arcebispo de Toledo. Esta materia debe promover unha reflexión ética en pro dunha educación sentimental do individuo (saber xestionar as súas propias emocións) e da súa participación na vida política. Todo ben necesario no mundo no que vivimos. Díxoo moi clariño José A. Marina: “A educación para a cidadanía pretende ensinar a convivir. Tamén a convivir en familia. Quere ensinar que a democracia é un proxecto ético, que todo dereito implica un deber, que debemos buscar a xustiza en todas as relacións –incluídas as familiares- e que debemos respectar as crenzas doutras persoas, sempre que se manteñan no marco ético”. Nin máis nin menos.
(Imaxe: Lucas Cranach, The Adoring Husband, 1530)