9 dic 2006



Máis cidades

literarias (7)

(Andoliña sábado 9 decembro. Nas imaxes, Xela Arias e Xosé María Álvarez Cáccamo)

Vicente Risco evocou en 1920, no seu famoso U…ju…juu…(Poema futurista),
unha Coruña que miraba cara ás brétemas de Irlanda e un Vigo que esculcaba "os raña-ceos de Nova York": era un canto simbólico á modernidade das cidades e non é difícil encontrar imaxes semellantes noutros poetas, por exemplo en Fran Alonso cando escribe: "Vigo dende aquí parece Nova York./ Coma nas películas dos sábados./ E sorrime, desde enfronte, cinicamente,/ fermosa e altiva, a cidade das miñas penas,/ a piques de engulirme".

Marga Romero falou en Mariñán das cidades dos poetas e tivo moi presente Vigo, dende o Vesteiro Torres, que canta Tui e Vigo, mis dos patrias ata Amizade con Mowgli de Cristal Méndez Queizán. No intermedio dese longo camiño hai unha xeira de grandes voces como Xulio Sigüenza, Luz Pozo Garza (Vemos fuxir o corvo torvo, Badía de Vigo, Illas Cíes), Xosé Luis Franco Grande, Xosé María Álvarez Cáccamo (Os documentos de sombra), Xela Arias, etc. A cidade que cantou así Xohana Torres: "Ouh capital do mar, durísima cidade/ de violencia interior como nos leitos,/ altas querervos, grúas, franqueadas na canle,/ as casas como redes caídas polas augas".

Mujeres de negro
PAN POR PAN sábado 9 decembro

Na literatura, tan importante como contar os feitos é describir o ambiente, o estado espiritual e sentimental dunha época. Logrouno moi ben Josefina Aldecoa en “Historia de una maestra”: ese percorrido polas duras escolas españolas dos anos 20, a chegada da República, os debates no maxisterio entre tendencias pedagóxicas neutras e outras máis politizadoras. As páxinas sobre a Revolución de Asturias no mundo dos mineiros de León son, aínda que breves, dunha delicadeza narrativa excepcional. Trala morte de Ezequiel, o mestre republicano, fusilado nos inicios da guerra, Aldecoa fixo continuar a historia na voz de Juana, a filla nacida o mesmo 14 de abril de 1931: a novela “Mujeres de negro” foi o resultado desa continuación. Nela figura esta frase contundente que tan ben retrata aquela época: “Tengo miedo de no poder vivir en una cárcel, porque ya todo es una cárcel”.
(Imaxe de Junakovic)

8 dic 2006

CARTA ABERTA DE UN EX-PRESO PALESTINO AO PRESIDENTE DE IRÁN

Apareceu o mércores pasado no suplemento cultural de La Vanguardia e quíxeno pegar aquí, pero non encontrei a ligazón na rede. Pareceume un documento moi interesante e agora aparece íntegro nesta web. Velaí só un anaco do texto:

La larga condena que he cumplido me ha proporcionado la oportunidad de leer libros y artículos que, fuera de la cárcel, están fuera de nuestro alcance debido a nuestras normas sociales y a nuestra ideología. Estos materiales ofrecen un conocimiento más profundo de la historia del régimen nazi y del genocidio que perpetró. A principios de la década de 1990, leí artículos de pensadores palestinos como Edward Said y Azmi Bishara, y descubrí hechos y posiciones que contradecían las mías y las de muchos otros palestinos. Sus escritos me despertaron la curiosidad y las ansias de saber más, de modo que procedí a leer testimonios de supervivientes del holocausto y de la ocupación nazi. Estos testimonios, por cierto, no eran sólo de judíos, sino también de personas de otras nacionalidades. Cuanto más leía, más me daba cuenta de que el holocausto es un hecho histórico, y descubrí las monumentales dimensiones del crimen de la Alemania nazi contra los judíos, otros grupos sociales y nacionales, y la humanidad en general. Averigüé que la Alemania nazi aspiraba a instaurar un nuevo orden mundial dominado por la raza aria pura mediante la aniquilación física de las razas impuras y la esclavización de otras naciones. Descubrí hasta qué punto los aparatos de Estados normales - burocracias, sistemas judiciales, autoridades educativas y sanitarias, ayuntamientos, redes ferroviarias y otros- habían participado y colaborado en la puesta en práctica de este nuevo orden mundial. En teoría este objetivo, así como las victorias del ejército nazi-alemán ocupante de la época, también pusieron en peligro la vida de árabes y musulmanes.El crimen es monumental, sin importar el verdadero número de víctimas: judías y no judías. Todo intento por negarlo priva a aquel que lo niega de su propia humanidad y lo pone a la misma altura de los perpetradores. Todo aquel que niegue el hecho de que este desastre provocado por el hombre no tuvo lugar, no debe sorprenderse de que otros nieguen el sufrimiento y la persecución de su propio pueblo a manos de los ocupantes extranjeros o tiranos del propio país.
Historia de una maestra
(Pan por Pan venres 8 decembro)

Lin varias novelas de Josefina Aldecoa e é unha autora á que lle teño gran estima. Por exemplo, “Historia de una maestra” é unha magnífica crónica doutros tempos, os dos meus avós. Cando nas escolas dos arredados e montesíos pobos de España os nenos morrían de fame e ignorancia. De cando España tiña colonias en África. E a mestra, destinada en Guinea, pensaba: “Mis esfuerzos por enseñarles ciencias o geografía o historia chocaban con una incomprensión que iba más allá del idioma. Eran despiertos pero no podían comprender la Prehistoria. ¿Acaso no vivían en ella? ¿Hasta qué punto les añadiría felicidad el descubrimiento de los avances técnicos que invadían el mundo civilizado? (...) Había un desajuste entre los programas oficiales que hablaban de una cultura ajena y la necesidad de aprender cosas relacionadas con su medio ambiente, sus orígenes, su propia cultura”.

Máis cidades literarias (6)

Contáronme que na exposición conmemorativa da Real Academia Galega na Coruña estaba exposta unha bandeira do Celta, como mostra da galeguidade que impregnou a sociedade daquela época. E contáronme que, ante certas suspicacias, moi logo houbo que colocar ó seu carón outra bandeira do Deportivo. A anécdota, se non é certa, semella verosímil, así que, despois de falar da Coruña literaria, tócalle agora a quenda ó Vigo das nosas letras. Cidade á que, dende logo, ninguén lle pode discutir máxima veteranía literaria: en versos inmortais foi a máis cantada polos trobadores medievais da ría de Vigo.
Nos últimos anos, a cidade viguesa deveu nun fecundo topoi da memoria urbana máis comprometida. Entre outras, velaí A rúa do noxo (1977), de Eliseo Alonso, viaxe nos anos da fame polo barrio da Ferrería; Peito de vimbio (1988), de Álfonso Álvarez Cáccamo; Amor de tango (1992), de María Xosé Queixán, evocación dende o comezo do século XX ata a represión bélica; Panificadora, de Xosé Cid Cabido, premio Blanco Amor 1994; Cemiterio de elefantes (1994), de Fran Alonso; Os ollos do rei de copas (1994), de Xurxo Sierra Veloso, ou Os xenerais de África (1999), de Vítor Vaqueiro (na imaxe).

7 dic 2006


Busquen o seu apelido
Andoliña xoves 8 decembro

Se teñen tempo, doulles unha idea. Tecleen en internet este enderezo: www.usc.es/ilgas/. Dende a columna de recursos poden ir ata a Cartografía dos Apelidos Galegos que veñen de colgar na rede a Universidade de Santiago e o Instituto da Lingua Galega: aí están os 50.000 apelidos que existen no noso país distribuídos por concellos. Seica os máis comúns son os Rodríguez, Fernández, González e López. Pero a cartografía permite tamén dar cos apelidos galegos menos usuais e este é un dato valioso para planificar medidas que impidan que se perdan no futuro algúns dos apelidos máis nosos.
Dende esa páxina xa poden esculcar o que queiran: de Valcárcel, por exemplo, hai 2.197 referencias, concentradas na provincia de Ourense, na Estrada e no centro-sur de Lugo ( Monforte, Proba de Brollón). De Touriño, 1338 cinguidos á zona de Cuntis e Arousa. De Quintana, 1639, dominantes en Allariz, pero con bastantes tamén en Ribadeo e Sarria. De Beiras só 266, todos en Compostela e arredores. De Cabezas hai 644 na área coruñesa. O amigo Ferro Ruibal xa me falara deste proxecto hai un par de semanas, pero eu non sabía que era tan divertido.
Busquen o seu apelido: non se aburrirán.
(Na imaxe un detalle do Inferno, do Bosco)

6 dic 2006


Dúas fotos de Xosé Abad

A foto que vai máis embaixo, nunha das excelentes portadas de LUZES DE GALIZA ( a quinta, n.4, outono de 1986), era de Xosé Abad. Tamén esta que ía na contraportada do mesmo número. Entre os moitos valores daquela revista, que dirixía Manuel Rivas e patrocinaba Ediciós do Castro, estaba o seu moi coidado deseño, a calidade das ilustracións, o labor dos artistas (pintores, debuxantes, fotógrafos...) que colaboraron nela. Fotógrafos como Xurxo Lobato, Delmi Álvarez, Moncho Rama, Vari Caramés, Chus García, Xulio Correa, Xoán Piñón, Manuel Sendón, Manuel Vilariño, Xosé Luís Suárez Canal, Caruncho, o citado Xosé Abad, etc. formaron parte do equipo que colaboraba naquela magnífica iniciativa cultural.










MÁIS CIDADES LITERARIAS (5)
Andoliña mércores 6 decembro

Hai moitas cidades literarias na Coruña dos nosos escritores. Ó carón dos poetas épicos do século XIX está Xurxo Souto e o rock bravú e tamén obras como “As rulas de Bakunin” de Antonio Riveiro Coello ou algúns relatos de Xosé M. Martínez Oca (“Os culpables”). E non esquezamos a forte tradición coruñesa dalgúns autores da literatura castelá de orixe galega: dende a Marineda da Pardo Bazán, con esa marabilla de novela social que é “La Tribuna”, ata a “Volvoreta” de Wenceslao Fernández Flórez.
Tamén nos poetas, por suposto. Dende o Curros Enríquez que canta “Ao pobo cruñés” ata a malograda Luísa Villalta e o seu poemario “En concreto” ou os seus versos sobre a desaparición do barrio do Papagaio, con fotos de Maribel Longueira. Nese camiño, a presenza coruñesa está viva nas voces, entre outras, de Luz Pozo Garza, Tomás Barros, Álvarez Torneiro, González Garcés, Cesáreo Sánchez, Ánxeles Penas, Xavier Seoane, Manuel Rivas, Lino Braxe, Fernán Vello, Francisco Salinas, e un longo etcétera. E naquela magnífica experiencia que foi a revista “Luzes de Galiza” e que ergueu o facho de Galicia como cidade atlántica. Dende A Coruña.

O misterio.
(Pan por Pan mércores 6 decembro)

Velaí un diálogo escoitado nunha emisora de radio local: “Bien, riquiña, tu me dirás”. “Quiero saber de salud y de amor”. “Pues, ya ves, yo te veo en las cartas buena estrella…”. Así empeza unha consulta de astroloxía que logo segue nunha longa sucesión de vaguidades. Comprobo nos últimos tempos un rexurdir deste tipo de espazos nas radios e televisións: territorios que explotan a industria do misterio e o esoterismo.
De pouco vale a crítica racional contra as supersticións, que veñen de vello: dende os tempos do Padre Feijoo e de Sarmiento. Sobreviven con forza todo tipo de agoiros. E non só entre a poboación menos formada. Sospeito que todo isto ten que ver con dúas cousas: unha, o medo, arma moi poderosa para dirixir as condutas. E outra, a necesidade dalgunhas persoas de falar con quen sexa, nunha sociedade non moi feliz nas súas formas de comunicación.

5 dic 2006


Luchino Visconti
PAN POR PAN martes 5 decembro

Pasei a tarde gris do domingo vendo “O gatopardo” de Luchino Visconti. Xa a tiña visto varias veces, pero comprobei que garda toda a súa fascinación orixinal. Poucas veces se retratou con tal acerto a decadencia duns poderes e a súa transformación noutros, nun proceso case natural. Afonso Tancredi (Alain Delon) pasa de militar na guerrilla garibaldina a xustificar logo o fusilamento dos seus compañeiros que non aceptan a nova orde burguesa. Inspirada na novela de Lampedusa, a película de Visconti debería ser de visión obrigada nas Universidades: quizais tamén nas aulas dos Institutos.
Contan que Togliatti, secretario dos comunistas italianos e amigo de Visconti, viu a película nun pase privado co director. Para algúns críticos a escena do baile, que dura un tercio da cinta, é moi longa. Pero Togliatti díxolle a Visconti: "Non cortes nin un metro da película". E tiña razón.

Máis cidades literarias (4)
Andoliña 5 decembro


A cidade da Coruña non ten a mesma fama que Ourense ou que Compostela como topoi literario, pero o certo é que hai un bo mangado de obras de estirpe e de paisaxes coruñesas. A máis recente é a magnífica novela que nos deu recentemente Manuel Rivas, Os libros arden mal, presentada con acerto como a novela da Coruña dos anos 30: por exemplo, ese magnífico retrato da fin dun mundo, o da democracia e da liberdade, na escena que narra, con todo detalle e emoción, o espolio da casa de Casares Quiroga. O acento coruñés está moi presente en Expediente Artieda, de Luís Rei Núñez, premio Xerais 2000, crónica da resistencia urbana antifranquista na posguerra; en A canción do verán, de Vicente Araguas, dende a perspectiva dunha certa burguesía capitalina, ou en The Corunna Boats de Xelís de Toro.

Pero estes autores tiveron egrexios predecesores, hai máis de cen anos. Velaí a Alberto García Ferreiro que cantou en Leenda de groria (1890) a defensa da cidade dos ataques de Drake en 1589. Ou, cun tema idéntico, Os Calaicos (1894), un dos grandes poemas épicos de Vaamonde Lores. Ata o padre xesuíta Xosé Rubinos escribiu O poema da Coruña (1933), tamén moi fiel ó modelo épico e clásico.

4 dic 2006

























Cen anos de Historia Cultural: 1945

Foi o ano da revista Posío, e de Galeuzka, e de Xelmírez... E dun premio para Fermín Bouza Brey. E cando morreu o arquitecto Antonio Palacios.
E moitas máis cousas: aquí.
(Nas imaxes, portadas das dúas revistas citadas e o premiado Bouza Brey, nos Xogos Florais, do brazo da filla de Franco, Carmen Franco Polo, madriña daqueles actos).


3 dic 2006


María Mariño.
(Pan por pan, domingo 3 decembro)

No pasado mes de xuño a Real Academia Galega escollía ó escritor a homenaxear no Día das Letras Galegas 2007: escritora neste caso, a terceira na historia da data, tras Rosalía e Herrera Garrido. A escollida foi María Mariño (1907-1963), poeta de Noia que viviu no Caurel, amiga de Avilés de Taramancos e de Uxío Novoneyra, que só publicou en vida o volume “Palabra no tempo”. Agora Edicións Xerais vén de editar a súa “Obra Completa”, cun estudo introdutorio de Victoria Sanjurjo. Os seus versos falan dos grandes temas da poesía de sempre: o paso do tempo, a natureza, o amor e a morte. Cun forte acento telúrico, evocaba así a súa morte:

“Encóllome para entrar de novo en ti, Mundo.
Acurrucada rógoche que deas altura á miña
cabida,
que flote en ti, que en ti se esparza,
e nas túas áas me acollas,
amplias e sinxela, e digas a berro limpo:
Nace de min!”.

2 dic 2006

I Festival Internacional de Poesía de Betanzos

Agasállaronme en Mariñán co libro que leva o nome do título deste post (publicado polo Concello de Betanzos e a Deputación coruñesa). No mesmo están representados moitos grandes poetas: María Victoria Atencia (España), Bernardo Atxaga (País Vasco), Casimiro de Brito (Portugal), William Cliff (Bélxica), Antonio Colinas (España), Ángela García (Colombia), Abdul Hadi Sadoun (Iraq), Juan Carlos Mestre (España), Conceiçao Lima (Sâo Tomé e Príncipe), Fransces Parcerisas (Catalunya), Farruco Sesto (Venezuela-Galicia), Lase Söderberg (Suecia) e os galegos Salvador García Bodaño e Luz Pozo Garza. Os poemas dos non galegos están publicados en versión bilingüe, con traduccións de Luciano Rodríguez e Miguel Anxo Fernán Vello (Na imaxe, Lucrezia Panciachiti, de Bronzino).
Como mostra, transcribo aquí dous dos poemas de María Victoria Atencia, que me gustaron especialmente:

EPITAFIO PARA UNHA RAPAZA

Porque che foi negado o tempo da alegría
o teu corazón descansa tan alleo ás rosas.
O teu sangue e carne foron o teu vestido máis rico
e non soubo a terra do firme do teu paso.

Aquí comeza a sementeira e acaba xustamente
-como se enterra un vencido ao final do combate-,
onde a auga en novembro mollará a túa tenrura
e o ladrido dun can teña voz de presaxio.

Queda a túa vida toda ao tacto da morte,
que ás sementes pode e sega os broches,
quedáchete en casulo sen abrir, e xa nunca
saberás do estalido floral da primavera.

TAN CORAZÓN ADENTRO

APRETAD mi cabeza contra la desmemoria
ahora que he de perderme y no adónde voy:
acostumbro mis días a un tramo sin apoyos
de amor que no conoce tregua
ni más razón de ciencia trascendida
que aqueste modo, amor, de penetrarme
tan corazón adentro y tan tú solo.



















Discuten en Compostela... (artigo escrito dende as vísceras)

Discuten hoxe en Compostela o futuro do país. Ou diso se trataría, que xa o dubido tamén. O Bloque ten moitos problemas enriba e dalgúns nin sequera se falará hoxe en Compostela. Por exemplo, dunha política cultural ás veces tan sectaria e absurda (velaí a Exposición Memorial da Liberdade, p. ex.). Nin se falará dese concelleiro ourensán que presentou na miña cidade unha moción polo método "corto e pego" criticando á Xunta de Galicia pola "súa pasividade" (no cachondeo do pleno decatáronse de que se quería referir á Xunta do PP e non a que goberna agora: é tan doado copiar unha moción de hai anos e soltala sen máis). Por certo, este concelleiro foi elixido no seu momento como candidato con serias dúbidas "dos que mandaban" de que fose atinada tal proposta: en cambio outros fomos vetados sen ningún xeito de explicación. O sistema sabe ben o que se debe promover e o que non...

Nin creo que se fale tampouco da "desorganización da organización", nin do imperio da mediocridade nin das xerarquías "democráticas" que controlan o poder interno. Nin dun discurso tan plano que se limita a utilizar metáforas do fútbol para analizar a evolución política do país ou a inaugurar locais con Play Station para entreter ós rapaciños.

Eu non estarei alí, en Compostela. Nin hoxe nin mañá. E o que máis me sorprende a min mesmo é que, despois de 30 anos de militancia nacionalista (nos inicios na clandestinidade), non chego a sentir ningunha nostalxia: o peso da desilusión é así de contundente.

Cita con Blanco Amor
(Andolilña sábado 2 dec.)

Andou o Eduardo Blanco Amor mundo adiante e dedicou toda a súa obra literaria (e parte da xornalística) a falar de Ourense. Onte foi homenaxeado na súa Auria natal nunha serie de actos convocados polo PEN Club. Dende hai tres anos repítese esta cita con Blanco Amor, organizada por Luís González Tosar e que este ano contou con Víctor Freixanes como orador no cemiterio de San Francisco: ao seu arredor varios mozos e mozas de institutos ourensáns leron os seus propios textos de evocación do creador de A esmorga.
Por escribir moito da súa cidade non tería dereito a esta e a moitas homenaxes que recibe, pero si por ser un dos nosos creadores máis universais. Nas súas obras fixo aboiar un mundo de personaxes marxinais, ocultas pola Boa Sociedade: daquela eran esmorgantes ou prostitutas, hoxe o autor ourensán escribiría, creo, unha novela na que quizais fosen enfermos de sida os protagonistas. Onte celebramos tamén o Día Mundial contra a marxinación destes enfermos: dúas datas ben unidas polo azar. Blanco Amor reclamaría os dereitos que a estes cidadáns lles corresponden: por exemplo, o local do Comité Antisida que lle negan algúns veciños do barrio de San Francisco ourensán.
(Na imaxe, unha das mellores fotos de Blanco Amor. E todas son magníficas!)
Manuel Vilanova
O xoves pasado, 30 novembro, a "Revista das Letras" de Galicia Hoxe publicou un número especial dedicado a A esmeralda branca, de Manuel Vilanova, libro do que xa falamos aquí. O monográfico inclúe o texto de presentación que eu preparei para o Encontro de Escritores Ourensáns no Liceo, do que tiro só un pequeno anaco:

Ten Manuel Vilanova coñecemento do segredo que converte a paixón e o silencio reflexivo en auténtica poesía. Foi el dotado das claves para manexar a linguaxe de símbolos que á vez oculta e desvela a realidade das cousas: esmeralda, nácara, auga, a Meiga omnipresente, o poder dos agoiros, as aves e os gatos, etc. Ten Manuel Vilanova a voz solemne, a musicalidade sempre perfectamente medida, o acento dos himnos que constrúen unha patria, a épica poderosa da poesía como celebración, a Historia convertida en sentimento, a erudición en bágoas e desgarro se fose necesario...
Recolle Vilanova as mellores voces dos grandes poetas que antes que el transitaron por estes vieiros, fúndeos nunha soia voz auténtica, plenamente persoal, e achégalle a eses ecos a súa mensaxe cálida, a placidez do seu evocar luces e sombras, paisaxes de sempre que se revelan como novas ó abeiro dos seus versos. É tamén Vilanova un gran paisaxista, un artista das cores e dos matices fuxidíos, un alumno exemplar de Otero, Cabanillas, ou Silvio Santiago, que converteron a palabra en paleta de gamas infinitas:
Contra o abrente, dentro da zona
dos Chaos, onde D. Ramón fala co esplendor do gando
expandense os vales da Peroxa de Coles, de contornos máis dubidosos,
por toda esta terra, entre o fume das lareiras
e o esplendor do val, se pasas algún día
na canción aberta de maio
é fácil albiscar a súa sombra.
Como o millo colorado
ten o gran vermello.

Poucos poetas tamén existen no noso país, e nos outros países, con tan fondo alento na linguaxe das hierofanías. Os mitos e os ritos son o territorio natural do poeta, que converte en mito a historia e é quen de anular o paso do tempo,ó cabo intranscendente, inicuo e absurdo cando de poesía se trata. Como lle sucedera ó monxe da paxariña que cantou o noso rei Afonso, nos versos de Vilanova hai outra realidade que escapa do ritmo asasino das agullas do reloxo. Está o poeta no segredo dos mitos e el mesmo nos confesa:
Os símbolos, a medida que traballan en nós,
Forman novos trazos no rostro,
Guían o noso ollar cara ás profundidades do espírito
E forzan as nosas mentes a movérense nas direccións máxicas.

E por iso a poesía é nos grandes poetas maxia, invocación sagrada, esconxuro, medicina e alimento necesario. Pregúntase Vilanova polo seu presente antiquísimo, polo sentido exacto con que viviron os primeiros homes de Barbantes, cando había xacios dos ríos,/ as mulleres que vivían nas augas e chamaban polos homes, / eran loiras, tiñan longos peitos e podían mudar en gatos; por ese intre máxico en que se empezou a enterrar os homes e alguén ergueu unha pedra chantada no chan para comunicarse cos espíritos supremos e deixar testemuño a xentes que virían despois, despois do soño de moitos séculos:
Hai entón no dolmen un salto cualitativo, unha nova concepción da vida?
Un pantócrator da vida fora o dolmen
ao longo deste tempo
que os homes de hoxe xa non ven,
pois non nos enterran con gatos.

(Pódese acceder ó especial completo, en PDF, dende a web de GALICIA HOXE)
Burreña
(Unha desas xoias coas que nos agasalla Bieito Iglesias cada semana. En El Correo Gallego, xoves 30 novembro: a infancia, patria do escritor, que tanto repetía don Eduardo, neste caso en versión antitética a Platero y yo)

Unha noite destas sentín ornear contra a Alameda. Tal música, por insólita nun recanto urbano d'As Hortas, provocoume certa estrañeza, a mesma que experimentei noutras épocas ao escoitar o beo dunha ave rara -a noitebra ou cabra do aire-, que voa como os paxaros pero berra como os exemplares de gando ovino ou caprino. Veu resultando que algún desalmado abandonou un burrico de caste zamorano-leonesa, atándoo a unha árbore dos xardíns composteláns.
O sucedido tróuxome ao acordo un outro asno que cabalguei de neno, desde a casa dos avós á escola (este menda asistía ás leccións e o animal rillaba no toxo arnal dunha leira inmediata). Imitaba aos heroes dos telefilmes (de Bonanza) que, en lugar de acudir ao colexio, galopaban ata o saloon. Tratábase dun burro centelludo, que paraba ás veces cheirando excrementos dos conxéneres e que me conducía tarde ás aulas. Se eu caía da albarda, divertíase pisándome cos cascos e facía por morderme. Como era baixiño, o garapaldo da caída non revestía gravidade, e das mordedelas defendíame facilmente cunha vara. O convivio co xumento desenganoume das cursilerías de Platero y yo, que a mestra me daba a ler. Había un remedio santo para que andase dereitiño e obediente: sacarlle ao penso. Esfameado e sedento, parecía manso como unha malva; despois de roer unhas espigas de millo, volvíase ruín e malicioso. As ensinanzas derivadas deste método condutista convencéronme de que a relación coas bestas equídeas debe gardar unha distancia prudencial, sen caer no sentimentalismo. Do contrario córrese o risco de ilustrar unha locución latina: Asinus asinum fricat (o asno raña ao asno). Así e todo estou en débeda cos burros, zamoranos ou non, por aquel servizo de portarme endeica a escola, pois, antes de contar coa cabalgadura, quen me levaba ao lombo era a avoa Josefa.
Preguntaranse vostedes a qué viña tanta ansia de escolarización, cando entón non existía a brincadeira de baterlle ao profesorado nin tiñamos móbil para gravar a fazaña. Tantos traballiños para chapar a Enciclopedia Álvarez, intuitiva, sintética y práctica? Foi a maneira de acceder máis adiante a Castelao, Marx ou Nabokov.

Chove...
PAN POR PAN sábado 2 decembro

Hai máis de cen anos Rosalía escribía nos xornais contra as chuvias que asolagaban as terras de Padrón. O noso refraneiro é rico en matices sobre chuvias torrenciais, aínda que “nunca choveu que non escampara”. A natureza é caprichosa e logo os seres humanos empeñámonos en complicar as cousas: cantos dos lugares asolagados nestes días están edificados en zonas inundables? Cantos levan nomes relacionados con xuncos e xunqueiras, que delatan a súa orixe fluvial? Os expertos son contundentes: estamos en pleno cambio climático; virán, cada vez máis, chuvias extremas, ademais concentradas en poucos días. Iso vai esixir gastar moitos cartos en tomar medidas para protexer bens individuais e colectivos (outro saco sen fondo como os bosques acosados polos incendios). E cambiar os proxectos, demasiado frecuentes, de urbanismo especulativo e salvaxe. Non será doado...

1 dic 2006


ALGUNHAS CIDADES LITERARIAS (3)
(Andoliña venres 1 decembro)
Cando escribían López Ferreiro e Otero Pedrayo as súas novelas sobre Compostela, non se inventara aínda o concepto de novela negra, que sería un dos recursos máis adoptados nos 80, sobre todo dende o éxito de “Crime en Compostela” (1984), premio Xerais, onde Carlos Reigosa logra facer da cidade a coprotagonista da obra. Tamén recolleu éxitos “O crime da rúa da moeda vella”, de Román Raña, premio Blanco Amor, e o mesmo vale para moitos relatos de Suso de Toro, Marilar Aleixandre ou de Bieito Iglesias, quen optou polo rexistro satírico das xentes da capital en “A vida apoteósica”.
E só unhas liñas para os poetas: á cabeza Salvador García Bodaño e “Tempo de Compostela” (1978). “El Correo Gallego” editou a magnífica colección “Poeta en Compostela” con títulos como “Crear o mar en Compostela” de Marta Dacosta ou “Love me tender” de Ana Romaní. Nesa mesma xeira poética navegaron Manuel María, Rábade Paredes e Helena Villar, Rafa Villar, María Lado, Antón Lopo, María do Cebreiro, Bernardino Graña, Lupe Gómez, Césareo Sánchez, Estevo Creus, Eduardo Estévez, Yolanda Castaño, Carlos Negro, Olalla Cociña, Xavier Queipo, Helena de Carlos e Marilar Aleixandre.

(Nota: a serie seguirá, en Galicia Hoxe e aquí, dende o martes próximo: teño a vontade de reseñar todas as grandes cidades literarias galegas, e algunhas das pequenas).