16 jul 2009



M. DE BRAN

( Galicia Hoxe:16-07-09)

A farsa do bilingüismo en Galicia

Señoras e señores españolistas de Galicia que predicades ós catro ventos o bilingüismo en castelán e en galego, ¿como vos imos crer se sempre falades da imposición do galego, que nunca existiu, e estades impoñendo o castelán desde hai anos e anos, o que é unha triste realidade?

Os profesores do ensino obrigatorio sabemos que o bilingüismo que predicades é unha falacia ou gran mentira, pois non o queredes na escola, especialmente no ensino infantil e primario, que é cando os nenos interiorizan a lingua que despois van usar toda a vida. O que vemos é que na escola só se potencia o castelán, para impedir que o galego vaia por riba.

No ensino obrigatorio, os profesores impoñemos as matemáticas, a historia, o inglés e as demais materias do currículo escolar (excepto a relixión, por ser cousa de fe), pois todo ensino obrigatorio é unha imposición. Xa di Erich Fromm que a ensinanza dunha materia equivale á imposición dunha nova orde moral. Pero os españolistas, para enganar, andades dicindo desde un lado e outro, especialmente desde os ámbitos da política lingüística e do da cultura, que o galego vai sobre rodas, cando o seu futuro se coce na escola, onde non ten voz nin vós queredes que a teña. Entón, ¿haberá maior farsa có que vós dicides?

Por razóns políticas totalitarias, incompatibles coas democráticas dos galeguistas, non tratades o galego como ten dereito a ser tratado, por ser a lingua propia de Galicia, senón que o tratades coma a relixión. E disfrazades a vosa política lingüicida do noso idioma coa invención dun suposto e cacarexado dereito individual dos pais para elixir a lingua dos fillos. Segundo tal dereito, carente de fundamento, os españolitos que nacen e viven en Galicia non están obrigados a estudar en galego, nin sequera as materias chamadas marías, que eran as que co Decreto de Fraga de 1995 (decreto desgaleguizador) se impartían nesta lingua.

Vós defendedes que os novos cachorros do españolismo deben estudar en castelán, e incluso en inglés antes ca en galego. E por riba de que tratades a nosa lingua na escola peor cás estranxeiras, cometedes o escarnio de a usar só para falar mal dela ou para, ó seu través, introducir mellor o castelán, como propoñía facer Alfredo Brañas co seu descafeinado bilingüismo harmónico, copiado por Fraga, e fixeron os colonizadores europeos que, a través das linguas dos aborixes, lles meteron as deles. Porque, para vós, Galicia é coma unha colonia que debe seguir sendo españolizada.

A aversión que manifestades polo galego provén de que é o elemento identificador esencial de Galicia como pobo, a argamasa da cohesión da sociedade galega, que vós queredes desarticular, e a súa máxima creación cultural, patrimonio non só da nosa terra senón da humanidade, que calquera persoa medianamente culta debía saber apreciar. Polo tanto, o galego non se pode tratar no ensino coma a relixión, nin utilizalo politicamente como vós o facedes para dividir Galicia, e incluso España, co odio que nos inspirades.

¿E por que o galego non se pode impoñer? A Constitución non impide que as comunidades con lingua propia a impoñan no seu territorio. Por iso están impoñendo os cataláns a súa, sen que ninguén llelo impida.

En cambio, en Galicia, vós non queredes que o galego se impoña, nin sequera que se potencie, ó que obriga o Estatuto (artigo 5º-3), que tamén é materia constitucional, e tédelo prisioneiro nas vosas mans coma un paxariño ó que lle impedides voar. E peor indignidade cá vosa cométena moitos que se disfrazan de galeguistas para seguir recibindo prebendas do poder antigalego, sen importarlles ser falsos e enganadores do pobo. Eles son a peor vergoña deste país.

Ós profesores, que só somos o brazo executor da política educativa que dita o poder, resúltanos moi triste oírlles dicir ós responsables dela que a nosa lingua non se pode impoñer para recuperala. E a razón que nos dá a actual Xunta para repetir o mesmo é que os cidadáns lle deron a maioría absoluta para potenciar o castelán. Pero se lla deron foi porque lles fixeron ver con mentiras ós votantes que o castelán estaba en perigo de extinción por culpa da suposta imposición do galego, durante uns meses, co famoso Decreto de 2007 do Goberno bipartito, que en moitos centros nin se aplicou.

E tamén nos entristece que, para manterse no poder, os españolistas prescindan de toda clase de escrúpulos morais, lingüísticos e culturais, recorran ós instintos máis baixos do pobo (ós complexos, á galegofobia, á falta de cultura e a outros axentes negativos), e non teñan en conta a Constitución nin o Estatuto, salvo para o que lles convén.

Pastuki para todos”

Manuel Rico (http://trincheradigital.com/?p=1260)

Los tres jueces del TSJ valenciano que decidirán el futuro judicial de Francisco Camps tienen que adoptar una decisión muy sencilla: o blanquean la filosofía del “pastuki para todos”, que tan espléndidamente resume las actividades de los gurtelitos, o certifican que los políticos están sometidos al Código Penal, por muy presuntamente honorables que sean.
El PP lleva semanas insistiendo en una argumentación que causa asombro ético. En caso de que Camps no hubiera pagado sus trajes, sostienen los dirigentes de la derecha, sería algo de mínima importancia y bajo ningún concepto puede servir para terminar con la carrera de un presidente autonómico.
Es un razonamiento sibilino que equivale a defender que para los políticos hay dos tipos de delitos: los que conllevan castigo y los que deben ser perdonados en razón del cargo. Puro derecho penal de autor.
Si el tribunal aceptase esta argumentación del PP, debería tener la decencia de incluir en su fallo una lista de los delitos que en su opinión pueden cometer tranquilamente los presidentes autonómicos.
“Pastuki para todos” o “Código Penal para todos”. Esa es la alternativa, tan sencilla, tan simple, que tienen ante sí los jueces del TSJ valenciano. El debate, por tanto, no debería prolongarse durante más de diez minutos.

15 jul 2009

(Foto: A poeta Olalla Cociña Lozano)

A cuestión nacional repensada

Mulleres poetas reformulan o discurso político desde o de xénero

Galicia Hoxe, 15.07.2009
M. DOPICO
As poetas galegas que publican no novo século revisan, repensan o tema da nación, que non abordan desde a esencia ou desde un plano exclusivamente político, senón desde a denuncia de conflitos como a agresión á paisaxe ou a violencia de xénero. É unha das conclusións achegadas onte pola profesora María Xesús Nogueira na mesa redonda Nación e xénero nas poetas galegas e irlandesas contemporáneas, que se celebrou en Santiago no marco do IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos.
Nas obras publicadas do 2000 á actualidade, o discurso social que dominou a poesía ata os 70 non é abandonado, pero muda cara "á deslocalización", a distancia crítica, paródica..., en poetas que amosan a súa solidariedade cos conflitos da propia nación e doutras nacións, explicou Nogueira. Así, a cuestión nacional non é obviada, senón que se alude a ela a través do tema da identidade, (Olalla Cociña, Dores Tembrás...), da parodia (Pilar Beiro, María do Cebreiro...), engadiu.
Pola súa banda, a profesora Manuela Palacios presentou os debates en Irlanda nos últimos trinta anos sobre o concepto de literatura nacional. A emerxencia de mulleres poetas nos anos 80-90 deu lugar nesta illa a un cuestionamento das ideoloxías nacionais de finais do XIX e primeiros do XX.
"O catolicismo preservou", -en Irlanda do norte- "a identidade nacional durante o colonialismo", pero a Igrexa católica propuxo un modelo de muller -María, nai, virxe...- contra o que, salientou Palacios, as poetas reaccionaron, xerando un contradiscurso, alicerzado no feminismo. O nacionalismo tamén se apropiou do celtismo, e diversas autoras advertiron contra os elementos misóxinos e patriarcais da mitoloxía celta, segundo Palacios.
A tamén profesora Laura Lojo referiuse ao proceso de construción da subxectividade feminina na poesía irlandesa actual, oposto ás representacións patriarcais que, tanto no discurso colonial na literatura inglesa como no da resistencia irlandesa, consideraban as mulleres como seres pasivos e afastados do ámbito político. A escritora e profesora María do Cebreiro lembrou que "non hai xénero, senón xéneros, nin nación, senón nacións", e explorou o papel das mulleres que son á vez críticas e poetas na construción nacional e de xénero. "A crítica forxa modelos", salientou.
O Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos acolleu onte outras mesas redondas. Nunha delas, Anxo Angueira reivindicou a Rosalía de Castro feminista, "agresiva, radical e afouta", e Joaquim Ventura dixo que "Castelao non foi nacionalista, senón populista", na súa defensa dos explotados, tinguida de "moralismo".
(Foto: Damián Villalaín)

Sae á luz a rede galeguista do PSdeG
O edil de Porriño Iván Vaqueiro lidera o colectivo

Galicia Hoxe, 15.07.2009
Os galeguistas que hai no PSdeG reivindican o seu espazo. Un colectivo encabezado e coordenado polo concelleiro e secretario xeral dos socialistas no Porriño, Iván Vaqueiro, está a piques de saír á luz pública. Fanse chamar Rede Galeguista do PSdeG e este próximo sábado farán a súa presentación oficial, na galería Sargadelos de Compostela, ás 11.00 horas da mañá. O seu obxectivo é organizarse internamente dentro do PSdeG para potenciar o galeguismo no discurso e na acción política do partido e investigar máis a fondo os problemas propios do país. Queren que os aspectos de identidade, lingua e cultura galega se remarquen máis no discurso oficial que está a levar a cabo o PSdeG.
A rede conta xa coa complicidade de medio cento de agrupacións socialistas de toda Galicia que queren trasladar as súas ideas e propostas á dirección e á executiva do PSdeG, e non se descarta a presenza no acto do sábado dalgún membro da directiva dos socialistas galegos. O I Encontro Aberto da Rede de Galeguistas do PSdeG servirá, ademais de para a súa presentación pública, para constituír un foro de traballo e debate para propugnar o galeguismo dentro das ideas e as políticas do PSdeG.
O colectivo xurdiu a mediados de maio, impulsado polo edil porriñés a través do Facebook. Segundo relata o propio Vaqueiro no seu blog persoal, "cavilando sobre Ramón Piñeiro", deuse conta de que o PSdeG "ten un fantástico capital político pero ás veces denota certo esquecemento dos nosos referentes históricos do socialismo galeguista". "Tamén son dos que pensa (cada ano que me fago máis vello, máis), que ás veces parece que neste partido demos por perdida a batalla cultural e lingüística como se non fora moito con nós", engade. Por iso, "falando con algúns compañeiros", decidiu poñer en marcha o proxecto Rede de Galeguistas no PSdeG. Nun só día despois de abrir a páxina na rede social de internet, xa tiña 50 seguidores. Iso animou a seguir. "Se podemos canalizar esa forza na defensa do que Galicia nos demanda, saíndo á rúa polos nosos traballadores, defendendo sen complexos a lingua galega, a nosa cultura, as nosas xentes, o PSdeG dará un paso de xigante", defende, para aclarar que "o traballo dende a lealdade non é sinónimo de submisión, senón de autocrítica e de crítica positiva dentro das canles que nos marca o noso partido". Vaqueiro chama a directiva do PSdeG a non "aplastar a crítica interna" e anima o líder nacional, Manuel Vázquez, a ir un paso máis alá e potenciar o galego máis que o castelán. Tamén arremete contra a estratexia do seu partido de facer "oposición bronca". "Nós somos o Partido Socialista non o PP", afirma.

ACTO PÚBLICO, O SÁBADO
Falará o asesor de Pérez Touriño
No acto do sábado, baixo o título de "Bases para a construción do galeguismo socialista no século XXI", intervirá o propio Iván Vaqueiro para presentar o colectivo. Logo tomará a palabra Francisco Martínez Hidalgo, secretario de Formación da Executiva Local de Santiago, co texto "Galicia de todos". O director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, será o encargado de falar sobre "Galeguismo e socialismo" e tamén intervirá Damián Villalaín, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e asesor de Emilio Pérez Touriño cando este era presidente da Xunta. El ofrecerá unha visión contemporánea do galeguismo.

11 jul 2009

Vai xa para un mes que se editou e se presentou en Ourense o libro Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos.
Nel colaboraron 225 autores de toda Galicia, tanto con textos escritos como con parte gráfica. Desde aquí os coordinadores da obra queren agradecer publicamente a desinteresada achega de todos e cada un dos autores e autoras que a fixeron posible. A tal fin reprodúcense algúns parágrafos do prólogo:

Este libro homenaxe que ten nas mans, prezada lectora e estimado lector, é o froito da amizade, da admiración e do agradecemento ao home e ao amigo, ao escritor e ao estudoso, ao dinamizador e ao profesor, que obedece ao nome de Marcos Valcárcel López…
Os que nos encargamos da ilusionante tarefa de coordinar esta libro homenaxe propuxémonos desde o primeiro momento que fose unha obra singular e representativa, coidada e editada como a ocasión merecía. Como podes apreciar, amigo lector, amiga lectora, as colaboracións son abertas e libres: un poema, un artigo, un relato, un comentario, unha anécdota. Na idea estaba facer un libro para ler, gozar e aprender, e non unicamente unha recompilación de textos haxiográficos ou de gabanzas. Cremos que, entre todos, lle ofrecermos a Marcos un agasallo literario e artístico que vai perdurar no tempo e que reflicte o mellor dunha Galicia moderna que se proxecta vizosa no futuro.
Para tal misión foron convocados amigos máis próximos ou máis lonxanos, unidos todos nun espírito de banquete democrático consonte ao carácter xenuino de Marcos Valcárcel. Deste modo, aparecen todos por orde alfabética, sen distingo de rango, honores ou fama, desde o amigo ou compañeiro de traballo diario até o escritor consagrado ou o representante da máis alta institución académica, cultural ou política. Como se pode comprobar, unha amplísima nómina de escritores, profesores, investigadores, xornalistas, membros das diversas ramas das artes plásticas, políticos, compañeiros e amigos, achegaron o seu contributo. Dun xeito tal que só pode ser cualificado de canto limpo á amizade, de recoñecemento unánime a unha traxectoria tan exemplar como multifacética. Que fosen tantos e tan variados é, única e exclusivamente, mérito do homenaxeado, pois só o seu nome foi quen de convocar o mellor de nós mesmos. A todos e todas, o máis profundo agradecemento, así como ás institucións que tan xenerosamente sufragaron a edición deste merecido libro homenaxe…
Beizóns para Marcos, beizóns para todos os colaboradores, beizóns para todos os lectores.

"Como galego sinto vergoña"

Bragado cre que o PP rompeu o marco de convivencia

Galicia Hoxe, 11.07.2009

"Sinto vergoña, como cidadán deste país, que un presidente como Núñez Feijóo teña tan escasa consideración co esforzo colectivo que viñemos facendo todos no consenso do galego". Así de contundente se amosaba onte o editor Manolo Bragado pouco despois de presentar en Vigo a iniciativa popular Galego. Patrimonio da humanidade, da que é impulsor xunto ao filósofo Antón Baamonde e o pedagogo e escritor Xabier P. Docampo.
Bragado, "satisfeito e sorprendido" polo eco que a iniciativa está a ter, con máis de 1.300 sinaturas en poucos días, asegura que a situación actual co idioma é "de emerxencia" pero, sobre todo, ten é "medo e preocupación" polo "marco de convivencia" do país o que tras o ronsel de "desatinos" que se produciron nas últimas semanas na política lingüística da Xunta. "Xa non se trata da modificación do Decreto do Galego ou da modficiación do acceso á función pública. O que parece é que se quere cambiar o noso marco xurídico actual. E se se pretende iso, que se diga claramente".
Estamos, engade, "ante o primeiro retroceso no fomento do galego" na historia da autonomía. Declaracións do presidente Alberto Núñez Feijóo no Consello da Cultura como as que nos relataron onte, é un menoscabo en toda regra á cultura propia do país. É algo do que non tiñamos precedente".
Pero hai máis, subliña Bragado: "Un concelleiro do PP en Vigo, Ignacio López-Chaves presentou hai uns días unha moción na que lle protestaba ao alcalde (Abel Caballero) porque subvencionaba a Mesa, unha asociación, dicía, que fomenta a imposición. Cando se comeza a acusar de delito de imposición e de ser inimigos da liberdade aos que fomentamos o uso dunha lingua que está indubitablemente en inferioridade respecto do castelán, sobre todo nos usos públicos, estamos falando da convicencia e iso preocúpame".
Tamén cre que, de cara ao futuro, "hai que ser prudentes" e, nese sentido, "reconstruír o consenso arredor da lingua é unha prioridade política e social". Entre outros motivos, porque ese consenso "foi entre os partidos, senón entre outras moitas entidades". Trátase dun proceso que se iniciou hai vinte anos e agora, teme que se ese proceso "construído durante tanto tempo e organizado por todos" se poda "facer cachizas en apenas nuns meses, como sucede desque o PP chegou á Xunta. Pero eu confío en que haxa unha reconsideración".
Para Bragado, o texto da inicitiva -"breve e claro para concitar as máximas adhesións"- é "importante porque é unha chamada ao consenso, para recuperar o compartido. E no caso de que non obteñamos resposta, non desbotamos que co tempo se transforme nunha iniciativa popular lexislativa".


O TEXTO
Adhesión de 1.300 persoas
Unhas 1.300 persoas adheríronse á inicitiva Galego. Patrimonio da humanidade, onde se lle pide ao PP unha "volta ao terreo común" e que actúe en defensa e protección da lingua galega. O documento recorda que ata hai "pouco tempo" o autogoberno de Galicia se articulaba nunha serie de consensos entre os que figuraba o feito de que o galego "era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos".
Por iso, considera que "a pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego" en favor da "supremacía" do castelán. Así, o manifesto estima que quen sosteñen a existencia da citada imposición "queren evitar a presenza do galego nas súas vidas, para pecharse en ámbitos nos que o castelán sexa o único idioma".
O texto avoga por que o galego reciba unha "especial protección" con vistas a lograr a "igualdade" entre os dous idiomas. "Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía e da vixente Lei de Normalización Lingüística", engade, á vez que denuncia que, "o PP saíu do consenso". Así, o manifesto afirma que "gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia" e "un dos signos da nosa existencia como país".

10 jul 2009

Manifesto

Mil firmas apoian xa "Galego. Patrimonio da Humanidade"

Galicia Hoxe, 10.07.2009

O filósofo Antón Baamonde, o escritor Xabier P. Docampo e o editor Manuel Bragado presentan hoxe en Vigo o texto en defensa da lingua

O Salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo acolle hoxe ás 12:30 horas a presentación do manifesto Galego. Patrimonio da Humanidade, que foi asinado até o momento por máis de 1.200 persoas. En nome dos redactores do documento, intervirán o filósofo Antón Baamonde García, o escritor Xabier P. DoCampo e o editor Manuel Bragado.
A iniciativa, que se pode consultar na web http://galegopatrimoniodahumanidade.blogaliza.org/, quere constituírse en grupo promotor para a elaboración e presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa lexislativa popular que protexa a oficialidade do idioma galego. "A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán", asegura o manifesto. O texto deixa claro que o PP "saíu do consenso" mantido durante estes anos arredor da lingua propia, pero advírtelle ao goberno de Núñez Feijóo que "gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país".
"O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación", conclúe o manifesto que se insire dentro dunha serie de movementos de apoio social á lingua como a plataforma "Queremos Galego" que está de impulsar a Mesa pola Normalización Lingüística.


O Concello de Ourense homenaxea ó alcalde Manuel Suárez, impulsor da modernización da cidade nos anos trinta, que foi represaliado en 1937

08/07/2009
Foto:EL País.
(Lolita, filla de Manuel Suárez.)

O Concello de Ourense ven de abrir un expediente de honras en recoñecemento á traxectoria persoal e política de Manuel Suárez, o primeiro alcalde socialista da cidade, que foi fusilado o 27 de xullo de 1937 por ser fiel as súas ideas progresistas nas que predominaba unha grande humanidade e unha actitude pacífica. O prazo de presentación para as Adhesións á homenaxe está aberto ata o día 15 de xullo.
O Pleno do Concello de Ourense aprobou por unanimidade abrir un expediente de honras ó alcalde Manuel Suárez. Ata o día 15 de xullo está aberto o prazo de información pública, no que tódalas persoas que estean interesadas poden presentar as súas suxerencias, impresións, propostas de homenaxe e escritos de adhesión a este recoñecemento que o Concello quere rendir a un alcalde que salientou polo seu compromiso social e o seu traballo a prol da modernización da cidade.
Tódolos cidadáns que o desexen poderán presentar escritos de adhesión a esta homenaxe, no Rexistro Municipal do Concello na Praza Maior ou ben nas dependencias municipais ubicadas na Avenida de Santiago número 7.
Coa apertura do expediente de honra ó ex alcalde da Cidade Manuel Suárez Castro culmínase a iniciativa socialista iniciada no mes de xaneiro de 2004 cando se solicitou que se lle adxudicase o seu mone a unha céntrica rúa da cidade, moción que foi aprobada por unaminidade é á que se engadiu a necesidade de rendirlle unha homenaxe máis por considerar que se trata dun xusto recoñecemento a unha persoa que fixo tanto por Ourense.
Cinco anos despois, Manuel Suárez Castro será homenaxeado o día 27 de xullo na cidade pola que traballou como alcalde preocupado por todolos ourensáns á marxe da sua ideoloxía, crenzas ou condición social tal e como queda recollido nas actas plenarias dos anos en que foi concelleiro e naqueles en que estivo á fronte da Alcaldía.
Político comprometido, impulsor da modernización da cidade nos anos 30
O expediente de honra aprobado polo Concello ten como finalidade realizar un recoñecemento público á traxectoria persoal e política de Manuel Suárez Castro (1890-1937). O que fora alcalde de Ourense é unha das figuras políticas máis notorias da historia recente da nosa cidade.
A súa activa militancia política, no partido socialista e sindical, na UXT, o seu ideario democrático e as súas calidades como persoa fixeron del a principal figura do socialismo ourensán dende os primeiros anos da década do 1910, chegando a ser concelleiro, vicepresidente da Deputación e, posteriormente, alcalde de Ourense en 1936.
A súa foi unha vida dedicada á defensa dos dereitos dos traballadores, á loita contra o caciquismo e polo progreso económico, social e democráctico da cidade. Dende os diferentes cargos políticos tanto no Concello como na Deputación efectuou unha política eminentemente social baseada na modernización das infraestruturas e impulsando iniciativas coma o saneamento das principais rúas da cidade, a mellora na calidade de atención dos servicios médicos do hospital, coa achega de medios materiais e persoais ou o desenvolvemento da Escola de Artes e Oficios.
Dende 1931 Manuel Suárez participou activamente nos traballos de constitución da Caixa de Aforros Provincial de Ourense, da que sería un dos fundadores. Tralos acontecementos revolucionarios de outubro de 1934, foi desterrado da cidade en compaña de José Fernández Pérez, tamén concelleiro socialista, ó atribuirénselle as responsabilidades das actuacións dos sectores obreiros da cidade. Recuperarou a acta de concelleiro en febreiro de 1936, pasando a ser alcalde ata os tráxicos acontecementos de xullo de 1936.
Suárez Castro permaneceu en paradoiro descoñecido durante case 7 meses ata que o 16 de febreiro de 1937 é atopado oculto no seu domicilio e detido para serlle incoado un xuízo sumarísimo que tivo lugar no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, no que lle foi imputado un delito de rebelión militar e foi fusilado.
Un curioso parecido con Los Girasoles Ciegos
Manuel Suárez foi un de tantos outros políticos, intelectuais ou, simplemente, defensores da democracia, que morreron a mans do exército franquista. Escondido durante 7 meses nun caixón de dobre fondo na súa casa a súa historia lémbranos á de Ricardo, da película de José Luis Cuerda Los Girasoles Ciegos: un mestre de escola obrigado a esconderse pola persecución ideolóxica á que se ve sometido. Tanto o libro como a película, rodada en Ourense, reflexan fielmente a situación da época e o terror e a penuria de persoas que, como Manuel Suárez, eran perseguidas polos seus ideais.

9 jul 2009


Currículum Vitae
BIEITO IGLESIAS
El Correo Gallego, 09.07.2009

Eses días de atrás o rexedor lugués Orozco contou nunha entrevista que foi profesor no bacharelato de dous altos cargos actualmente no presenteiro: o ministro Blanco e o conselleiro de medio rural Juárez. Revelou, supoño que por satisfacer a curiosidade da lingua preguntadora encargada de entrevistalo, que ningún dos dous próceres pasou dun ben na súa asignatura. Este dato carece de importancia porque a democracia non é a república dos sabios prevista por Platón senón o goberno dun calquera, do lláparo común. De por parte, as estatísticas do fracaso escolar coñecidas mostran que o seis alcanzado polos políticos á cima aludidos pode considerarse unha notaza en comparación coa media. Outramente o facto de ser un chapón non garante o suceso neste mundo castrón onde a excelencia reside nos colexios de pago, querse dicir na billeteira paterna. Así e todo, a indiscreción de Orozco tróuxome ao acordo o meu COU do Instituto Masculino de Ourense, escarranchado entre os anos 1974 e 1975. Na orla daquel curso figuran Francisco García Suárez e Manuel Prado, alcaides de Allariz polo BNG e de Beariz polo PP respectivamente; o sindicalista Xan Guerra; dous historiadores de vulto como Bieito Alonso e Marcos Valcárcel; e os escritores Manuel Guede Oliva e Pepe Carballude. Deste último acabo de ler dous libros: Xograres dun tempo novo (publicado en 2009 e dedicado a honrar a memoria das Misións Pedagóxicas) e Paisaxe con fondo gris, novela que evoca precisamente episodios autobiográficos vividos polo autor no internado do Colexio Menor e no Instituto auriense. Se nos guiásemos polas cualificacións obtidas, Carballude aspiraría ás máis eminentes maxistraturas, pois era un coleccionista de sobresalientes e matrículas, pero chéirame que non ten ansia ningunha de entrar nos gabinetes de Zapatero ou Feixóo, contento como está cos seus labores de docente, tradutor de linguas clásicas e romancista. O meu ex compañeiro e amicus certus sabe latín.

7 jul 2009

Rapa das bestas.Sabucedo.Pontevedra.



Complicacións inútiles

Afonso Vázquez-Monxardín
La Región.07.07.2009


Creo que á maioría nos gustaría ter menos trato cos bancos. Non porque sexan mala xente, non. Que ao final todos recorremos a eles para que nos acaben prestando o diñeiro que precisamos -o que non se estila que o fagan os particulares- aínda que logo nolo cobren sobrados, rabuñándonos aquí e e alá, comisionciñas constantes.

Por iso, como as xentes do común funcionamos con lóxica e sentidiño, se lle queremos pedir a alguén vinte ou corenta céntimos para a máquina do café o que menos se nos ocorre é solicitarlle unha transferencia bancaria. Pero non todo funciona así.
PREMER <>

.........................................
Ruth Matilda Anderson.
Leiteiras regresando de Carnoa.Muros.A Coruña.1924.
Fundación Caixa Galicia.Lugo
..........................................

Golpe contra Obama.
Xosé Manuel Sarille.
El Correo Gallego.07.07.2009
(Profesor e escritor.)

O día que derrocaron a Zelaya en Honduras, o embaixador de EEUU en Tegucigalpa continuaba a ser o que designara Bush. As anteriores administracións estounidenses trataban os poderes fácticos dos países latinoamericanos como subordinados. Os golpes de estado cociñáronse sempre nas embaixadas, e este tamén, porque nun país tan pequeno, sería imposíbel organizalo sen o visto e prace da embaixada. Barack Obama non estaba ao tanto.

Premer.
Las Confesiones do libro "La España Oculta".
Saavedra.Lugo.1928.
Cristina García Rodero.

O fanático, ¿nace ou faise?
ALFREDO CONDE.
El Correo Gallego, 07.07.2009


Fixo antonte sete días que no telexornal dunha televisón xeneralista deron a noticia de que en Xerusalem se montara a de Xehová e o Gran Rabino; algo así como la de Dios es Cristo, pero con kipá e filacterias. Resulta que non sei se o alcalde, se un empresario do sector -non me atrevo a escribir do ramo; por se falando de fundamentalismos sae algún e me corrixe por ponla, ou por calquer outra trangallada léxica- en fin, alguén, decidira axudar á xente abrindo ó uso público un aparcadoiro en sábado. Grave ofensa. Os ultraortodoxos consideiraron tal decisión unha profanación do día sagrado dos xudeos e armaron a que xa se dixo.

O fanático ¿nace ou faise?

4 jul 2009





Valcárcel: Medalla Castelao.
Marina Sánchez Soto.

La Región. 04.06.2009.
Fotografía: Maribel Longueira.

Que feliz vive Castelao sobre o teu peito! ¡Que digno lugar o cobixa! ¡Que corazón tan ardente de compromiso pola terra, tan ‘bo e xeneroso’ o agarima! Poucos atoparía igual, Marcos, poucos poden agradarlle tanto a el, aquel home de sensibilidade anxélica que quixo tanto ó seu pobo, digno discípulo es tí que tamén quixeches, como Daniel, dar o mellor de ti en ben de todos, o teu saber, o teu traballo e docencia, o teu esforzo e esperanza, digno home da nosa terra da chispa.

¡Como forxa o destino dos homes esta terra pequena! ¡como nos arroula con amor de nai coa súa lingua amorosa e melosa...

E nós, os seus fillos queridos, pechamos os ollos e volvemos soñar...! ¡Que mellores mans que as túas para agarrar este talismán espada-medalla coa que nos parece que che se pegan todas as túas batallas, noso gladiador! A viva voz cho dicimos: é un honor para todos os de Ourense -e para os nosos afiadores e paragüeiros de Nogueira de Ramuín- que sexa gardada en ti a medalla Castelao, no sagrario do teu peito.

¡Escoita!, son as voces dos teus alumnos (onte eran futuro) é a dos teus compañeiros de traballo, a dos que compartiron contigo utopías e realidades, é a voz dos que te len e a dos que se moveron por ti en aras da cultura... escoita, son as voces dos ancestros, dos pobos que nos deron o sangue, a dos nosos antepasados ilustres a quen ti lle devolviches tantas veces a voz, e a voz dos que te presinten...

¡Escoita, escoita a voz das gradas, noso gladiador! ¡ves! todos erran o teu nome.


Tamén o amigo González Tosar:O día:festa da palabra
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Meténdose en Honduras.
Alfonso Vázquez Monxardín.
La Región 4.07.2009.
Imaxe: Lenzo de Leandro.

O mundo occidental desenvolvido parece que ten mala conciencia. Se cadra ten algo que purgar, non sei, pero a min non me presta moito considerarme culpable de ‘pecados’ feitos por outro seres humanos ou por outros gobernantes hai centos de anos. Parece certa -aínda que tamén pode ser inventada con verosimilitude, que para o caso tanto ten- a vella anécdota do galego que cando era interpelado de malos modos por un americano -mexicano ou arxentino, non sei- dicíndolle ‘sus antepasados vinieron acá a explotarnos’, retrucaba dicindo: ‘Serían los suyos, que los míos los tengo enterrados en Galicia’.

Pois si, temos un certo complexo que nos impide ver como frutifican os camiños de normalidade e liberdade que desexamos para nós e tememos falar coa claridade do emigrante popular. O máis obtuso da intelectualidade europea xogou irresponsablemente á respectabilidade da alternativa violenta e insurrecional -primeiro o Che e logo a narcoguerrilla das FARC- mentres tomaba viño francés en copa de cristal fino e cantaba cancións revolucionarias en calquera cafetería da gauche divine no barrio parisino de Saint Germain. Pois si. Témolle ás varias varas de medir. ¿Imaxina alguén un presidente dun país europeo, sen apoio parlamentario nin do seu propio partido, en contra da opinión da xunta electoral central e da corte suprema de xustiza, e destituído polo Parlamento do seu país, que intentase montar un referendo paralelo sen garantías ningunhas, co obxectivo explícito de perpetuarse no poder? Inimaxinable, ¿non é? Pero se isto o situamos nunha república de Hispanoamerica, todos podemos opinar e condenar só con ver ao lonxe algo de cor caqui. Con dúas varas etnocéntricas, podemos dicir que só os nosos militares poden evolucionar. Antonte franquistas, hoxe forzas de paz no mundo. Un orgullo. Pero en Iberoamérica, ¡ca! Así, hoxe, en Honduras, lonxe de ver aos uniformados como defensores das instruccións da cadea de mando do país, vémolos como golpistas, pero ¿un golpe militar que pon de presidente do país ao presidente que designa o Congreso -Roberto Michelettie que sinala que as eleccións presidenciais que tocan se celebrarán o 29 de novembro? Pois os nosos medios van polo camiño fácil e falar dun golpe militar, a todas luces inexistente. Parecemos absolutistas que pensamos que o ditado polo presidente está por riba de toda cuestión e lei. Tal que Chávez.

Para máis esperpento, a comunidade internacional, con Obama á cabeza, acaba de reaccionar cunha inocencia incrible, con moi escaso ollo e cargada de prexuízos. Vaise arrepentir. Sen presa. Se cadra é só unha cuestión de bigotes. Todos os políticos que o teñen, acaban pensando no poder absoluto. Stalin, Hitler, Franco... e arestora o ex presidente de Honduras, Manuel Zelaya. Que se poñan de acordo, que pode haber moito mal.

2 jul 2009





Castelao entre nós
CAMILO NOGUEIRA
O texto "O retorno dos restos de Castelao" corresponde á intervención do autor no Parlamento de Galiza defendendo a proposición non de Lei apresentada en nome de Esquerda Galega. Da mesma autoría, o artigo "Castelao entre nós" foi publicado en 1984, no momento do retorno.

O retorno dos restos de Castelao (1983)
Señor presidente, señorías, a iniciativa desta proposición non de lei ten a súa orixe no xeito máis estrito da palabra, no intento por parte deste deputado -que supoño compartido por todos os deputados aquí presentes- en que retornen os restos de Castelao, que retornen na harmonía de todos os galegos, e que retornen co significado político non discriminatorio que ten a figura de Castelao.
Das facultades que nos concede o feito de integrar este Parlamento eliximos a vía de facer unha proposición non de lei a esta Cámara, porque nos pareceu o lugar máis apropiado para determinar que o conxunto do pobo galego acorde, na medida que lle corresponde, a volta dos restos de Castelao ou, o que é o mesmo, manifeste a vontade desta volta. En ningún sitio hoxe en día pode estar mellor representado o pobo galego que neste propio Parlamento.
Non pola miña presenza aquí, senón polo xeito mesmo da proposición non de lei, e tendo en conta o carácter de solemnidade que ten esta Sesión que aquí estamos a protagonizar, limitareime a ler literalmente, con algunhas modificacións que teñen que ver coa situación que hoxe vivimos e que poden contribuír ao bo fin desta proposición non de lei, o texto que figura publicado no Boletín do Parlamento de Galicia.
Dicía que no seu desterro da República Arxentina, despois de entregar os seus mellores esforzos á causa democrática e á procura da liberdade da Nación Galega, Castelao manifestaba o desexo -cito literalmente- de "retornar a Galiza, mais non para morrer, senón para vivir". Na loita daqueles anos contra a ditadura e fronte á incomprensión dos demócratas centralistas, Castelao sempre defendeu os dereitos de Galicia "como unha Nación perfectamente diferenciada", admitindo a vía da autonomía política -que hoxe en día estamos aquí a protagonizar- como un paso cara ao autogoberno nacional, mais non unha autonomía subordinada, con "atribucións precarias e restrinxidas", segundo as súas propias palabras.
Castelao deixounos en Sempre en Galiza o recordo do seu pensamento e da súa inesquecible obra política.
A volta de Castelao significa o retorno dun dos pais da Galicia moderna, dun dos construtores de Galicia como nación. O noso pobo necesita da volta de Castelao. A presenza en Galicia dos seus restos simboliza o dereito da nosa Nación á súa liberdade.
Castelao sempre pensou en volver en vida. Mais presentiu a súa morte no desterro. Dicía: "Se a vida se acaba no desterro, sen poder devolverlle o meu corpo á terra que mo emprestou, aínda había de ser para Galiza o meu derradeiro alento".
Para que retorne a Galicia o alento da obra de Castelao é preciso lograr xa o retorno dos seus restos. E é precisamente o Parlamento de Galicia, como dixen antes, o lugar apropiado para que se tome este acordo, esta decisión ou esta vontade.
Este acordo debe tomarse coa conciencia clara do significado da obra de Castelao, inequivocamente unida á súa crenza no carácter nacional de Galicia e da necesidade de lograr o pleno autogoberno nacional, na libre solidariedade cos pobos do Estado Español e de Portugal.
Tendo isto en conta, este deputado propuxo nunha proposición de lei que, considerando tanto as circunstancias neste momento -que dalgunha forma sempre sofren modificacións-, mesmo considerando as informacións que este deputado ten das diversas iniciativas que xorden querendo a volta dos restos de Castelao, e tendo en conta tamén o espírito dalgunhas emendas presentadas, se puidese chegar a unha emenda transaccional, de tal xeito que a nosa institución teña o protagonismo debido, que vaia precisamente no sentido de procurar que ninguén se sinta separado ou discriminado do feito histórico da volta de Castelao.
Creo que debemos conxugar o protagonismo do Parlamento coa necesidade de que, xustamente, todo tipo de institucións, todo tipo de forzas políticas, sociais e económicas poidan sentirse representadas na volta de Castelao. Para iso considero que a forma apropiada é xustamente que o feito material e concreto da volta sexa protagonizado en sentido estrito polos que custodian os seus restos en América, polos galegos da emigración e pola familia aquí presente en Galicia. Todas as institucións, cada quen co seu protagonismo -e o Parlamento co seu deber de facer as xestións oportunas- debe adherirse a este feito de tal forma que poidamos estar todos.
Mais nada. Moitas grazas.

Castelao entre nós (1984)
Se o pensamento político e a actitude moral de Castelao son pre­cisas na procura dos obxectivos políticos e culturais que el e os seus compañeiros defenderon, o seu lugar de repouso debe ser a propria Galiza.
Estou convencido disto, sen necesidade de entrar en polémicas sobre os contidos da autonomía política actual e da prefigurada no Estatuto da República, nin sobre a realidade das condicións que Castelao necesitaría para volver nos anos coarenta, acabada a guerra mundial, se a sorte que nos tocou vivir non fose fascista e si democrática.
A súa presenza entre nós pode servir como unha axuda singular na loita dos que aspiramos a liberdade de Galiza como nación.
Dificilmente calquera intento de manipulación da volta de Castelao, e hainos de diferente signo, pode negar esta realidade. Os que acreditan en que o pensamento de Castelao pode ser deturpado ou recuperado polas forzas políticas centralistas que hoxe dominan a Xunta e o Parlamento de Galiza consideran pouco as ideas de Castelao, a súa clareza inequívoca a prol da República e da nación galega, o seu valor en momentos históricos tráxicos e o seu arraigo popular. A constatación de Galiza non contar aínda cun Goberno nacionalista lonxe de ser un impedimento para a vinda dos restos de Castelao debe ser un estímulo para facelo. Somos nós os que debemos facer o necesario para tornar esta situación, pois hoxe como nunca antes depende do povo galego que as nacentes e precarias institucións de autogoverno conten coa presenza maioritaria dos que partillan as ideas do militante político que pensou o Sempre en Galiza.
Galiza non pode prescindir da presenza de Castelao. Cómpre achegar a memoria de Castelao e facela patrimonio vivo e ac­tuante do pobo. Castelao morreu no desterro polo seu compromiso político e moral antifascista. Acabado o franquismo debe estar entre nós, para axudarnos na trasformacións das condicións históricas e políticas que explican que a nación galega non sexa como tal aínda libre. Para lograrnos a Galiza pola que aquela xeración de galeguistas entregou a súa vida.
Castelao é un dos pais da Galiza moderna, un dos construtores da nación. A súa presenza en San Domingos de Bonaval en Compostela debe simbolizar o direito da nosa nación á liberdade. El sempre pensou en voltar en vida. Máis presentiu a morte no desterro: "E se a vida se acaba no desterro, sen poder devolverlle o meu corpo á terra que mo emprestou, aínda había de ser para Galiza o meu derradeiro alento".

Extraído de www.vieiros.com
Imaxe: P.Trebolle



Amor.

ROSA ANEIROS

OPINION:Galicia Hoxe-01-07-2009



Soubemos estes días da entrega da Medalla Castelao a Marcos Valcárcel. Do Premio Trasalba recibido por Xosé Manuel Beiras. Da entrega do Premio Nacional de LIX a Agustín Fernández Paz e do de ensaio a Beramendi. Da elección pola RAG de Uxío Novoneyra como homenaxeado no Día das Letras 2010. E ficamos nas palabras do poeta do Courel, como unha ladaíña, como un mantra, como un berro irrenunciable: "Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! Eiquí séntese ben o pouco que é un home..." e "GALICIA, ¿será a nosa xeración quen te salve? ¿Irei un día do Courel a Compostela por terras liberadas? ¡Non, a forza do noso amor non pode ser inútil!". As súas palabras gardan a neve da Devesa da Rogueira e a pedra de Compostela; a chamada dos eidos e a irrenunciable beleza de quen "anda as rúas como se fose a praia". Por iso, aquí, un fragmento da súa Letanía de Galicia: "(...) recóllote i érgote no verbo enteiro; no verbo verdadeiro que fala o pueblo; recóllote pros novos que vein con forza; pros que inda non marcou a malla d"argola; pros que saben que ti podes ser outra cousa; pros que saben que o home pode ser outra cousa; Sabemos que ti podes ser outra cousa; sabemos que o home pode ser outra cousa."


30 jun 2009



Villares: "A mensaxe é: abriuse a veda sobre a lingua galega"

De entrevista de LUIS POUSA (El Correo Gallego)

(Autocolante -da fábrica caseira de Monxardín - na lapela de Marcos Valcárcel e amigos, na imposición das medallas Castelao en Santiago. [xdr])

A conflito en torno o Decreto de Normalización Lingüística afectará á cultura galega?

Si. Hai debate político en torno á lingua, e hai unha desafección dunha parte da sociedade galega respecto do galego. E está o triunfo da mensaxe, que non comparto, de que aquí hai inmersión lingüística. O que obriga a pensar para o futuro políticas lingüísticas distintas. Sería un erro moi forte que esas políticas lingüísticas se pensasen como unha contraposición galego/castelán, pois o futuro é o multilingüísmo. Imaxinemos que toda a xente se pasase a falar en español e abandoase o galego. Que utilidade tería iso para Galicia? Eu non acabo de velo. Temos máis valor falando galego, español e inglés que soamente falando español e inglés. A xente non se dá de conta de que iso supón que te teñan en conta, que te respecten un pouco. Os partidos políticos teñen que facer un exercicio de realismo e responsabilidade, baixar o diapasón e entrar nunha situación de certa concordia, que eu creo que si é posible. Hai que considerar a lingua non como un problema senón como un recurso.

Debe someterse a lingua galega a un plebiscito?

Home non, o plebiscito da lingua son os falantes. A consulta que está en marcha deriva dun compromiso electoral; é unha solución só para iso. Isto levanta un aire de sospeita sobre a lingua. A mensanxe está clara; abreuse a veda sobre a lingua galega. O cal é lamentable. Pois unha cousa é que baixe número de falantes, e outra que se culpabilice a unha lingua. Temos que ter en conta que, polo menos a medio prazo, Galicia non será nin monolingüe galega nin monolingüe española. Iso esixe administrarar da forma máis intelixente posible uns recursos, que son dúas linguas. Nisto estamos implicados todos, por iso as solucións teñen que ser integradoras e non provocar unha fractura.

Hai que volver ó consenso lingüístico?

En efecto. No debate que se abreu hai unha falacia. Os galegofalantes somos bilingües e os que estan promocionando a idea dunha Galicia bilingüe, no fondo o fan contra o galego, propugnando no futuro unha Galicia monolingüe e non unha Galicia bilingüe.



25 jun 2009

Folía
Bieito Iglesias
El Correo Gallego, 25.05.2009


O Volter.Do Blog de Ana Bande.

As aflitivas noticias recibidas un día si e outro tamén sobre o trato dispensado á cultura galega desde que Feixóo se subiu á caixa da fruta (supresión dun programa de radio dedicado á música propia conducido por Xurxo Souto e morte morrida do espazo literario "Libro aberto" nas pantallas da televisión autonómica) compénsase co florecer de eventos underground como o heavy metal vigués ou a poesía neovirxilianista dos tractores a trepar as rúas citadinas.
Percibo incluso un revival de manifestacións artísticas populistas esquecidas nos últimos anos, tales como o cántico tabernario. A semana pasada coincidín cuns amgios canoros nun local ourensán do Eironciño dos Cabaleiros e alí entoamos un repertorio internacional: desde a Rianxeira a Guantanamera, pasando por "Se te casas en Ourense, pide a proba primeiro da cacheiriña do porco e o bo viño do Ribeiro".
Tense a impresión de que se esgaza o corpo político galaico en dúas comunidades irreconciliables. Pode ser, pero eu vivín unha experiencia distinta aí atrás, nunha casa mariñeira das Rías. O anfitrión foi en tempos simpatizante do Bloque e agora milita no PP. Despois de mougar un opíparo xantar, celebrouse unha sesión de canto con interpretación de temas antigos e modernos (os éxitos de Nino Bravo saíron mallados). Nunha desas, o mariñeiro que me convidara destapouse con versións de Fuxan os Ventos e Suso Vaamonde. Admiroume oír que se pode votar ao PP e cantar aquilo de "Cando me falan de España, sempre teño unha disputa, que se España é miña nai eu son un fillo dos puntos suspensivos".
Teño para min que os problemas do país non se han gobernar no parlamento senón nos mostradores dos bares e nos karaokes. Máis que votar, cómpre andar de foliada.

23 jun 2009





Pranto polo camiño da Martinga

Afonso Vázquez-Monxardín

(La Región, 23/06/2009)

Na nosa Lombardía -que era como Otero Pedrayo lle chamaba aos Chaos de Amoeiro- hai moitas xoias. Estas naturais, como o Barbantiño de fervenzas enlazadas. Aquelas prehistóricas como os petroglifos do Chao das Ferraduras. Estoutras artísticas como a igrexa románica de Cornoces. Tamén literarias como o pazo de don Ramón en Trasalba. Se cadra por estas cousas, por esta multiplicidade de marabillas sempre foi lugar atractivo. Aínda lembran os vellos como nas primeiras décadas do século pasado os señoritos de Ourense, para escaparen das calores do verán que os afogaban no fondo do pozo, subían a Amoeiro de veraneo, para pasear entre as carballeiras ou gozar co refresco das noites. Logo veu a moda da praia. Hoxe son centos as casas que como segundas vivendas de ourensáns da cidade, inzan o Concello, desde a Bóveda hístórica á dinámica Parada ou a oteriana Trasalba. E tamén, claro, tamén están os pazos que nos falan doutras formas de vida e relación social. O dos Miranda en Parada, o dos Rivas en Bóveda, o que foi dos Suances en San Damián, o de Pedrayo en Trasalba, e, esquecendo varios, o que arestora nos interesesa, a Martinga en Cornoces.

A parroquia de San Martiño de Cornoces -con ese topónimo rabiosamente céltico e relacionado con Cork, Cornualles ou Corcubión- vémola especialmente fermosa. O río Barbantiño abrazándoa polo pé; a igrexa empoleirada no alto dun antigo castro cunha inscrición medieval que ocupa toda a fachada sur na que relata as circunstancias, persoas, reliquias e tempos da fundación, sen dúbida das máis espectaculares de España. E alí, preto da igrexa, érguese, abandonado hoxe, o vellísimo Pazo da Martinga. O nome evócanos a unha ‘Martinica’ latina, se cadra relacionada coa propia advocación da parroquia. Pois ben, ata hai uns meses, un dos percorridos máis gorentosos que se podía facer a pé por ese labirinto de camiños abandonados que o noso país, era o que ía desde a estrada que comunica Amoeiro con Ponte Mandrás ata o pazo da Martinga. As fondas rodeiras de carro, cheas de follas secas no outono, os muros de cachote con liques centenarios e couselos como carnosas ventosas vexetais, as sombras que o acobillaban, frescas no verán, quentes no inverno, o suave son do trepar nas follas do chao, os fentos de debaixo dos piñeiros e as fentas das sombras máis húmedas, as luces ocres coadas entre as follas dos carballos, os sons das cascas dos piñeiros ao abrir no medio das raxeiras do verán... Todo isto está, parcialmente perdido. Esta fin de semana, vin que onde había unha encrucillada hai un cruce. Onde había musgo e pedra, había macadán e grava. Unha longa pista que vai de ningún sitio a ningún sitio, que non pasa por núcleo habitado ningún, subrepuxérase ao vello camiño medieval. Os centos de anos de paso de carros fendendo a pedra ata facer as rodeiras guiadoras, volatilizáranse rapidamente coa acción da pala e das escavadoras. Eu non sei ver razóns de tipo económico que xustifiquen ese violento pasar páxina. Se cadra as hai. Pero tamén pode que sexa só un soño que se esvaeza deixando ferida a natureza, o camiño.