O EPISTOLARIO DE CARBALLO CALERO
Empecei a ler o epistolario de Carballo Calero a Fernández del Riego. Grazas sexan dadas a don Paco polo seu esforzo de devolución da memoria a este país publicando os seus epistolarios con Ramón Piñeiro, con Álvaro Cunqueiro e agora con Carballo Calero. Neste último hai 50 anos de vida e historia: dende 1932 ata 1984. Dende os seus tempos de estudantes universitarios e militantes das Mocidades Galeguistas ata os días do repouso, tras dunha vida chea de dificultades e proxectos: con páxinas, para don Ricardo, como o seu paso pola prisión militar de Xaén trala guerra ou o seu papel, dende 1972, como primeiro catedrático de galego en Compostela.
Recomendo ao lector que se achegue a estas cartas coma quen le unha novela epistolar: o protagonista, xa verán, tiña unha mente sistemática, minuciosa, perfeccionista. Xa de novo aconsella coma un mestre a Del Riego e recoméndalle que non imite o barroquismo literario de Otero e que copie a Víctor Casas que “sempre di cousas, inda que non literaturice”. E amosa unha dureza espectacular nos seus xuízos: “os teus artigos son palla frorida, sen migalla de gran”, dille ao mozo Del Riego. Por sorte don Paco seguiu escribindo toda a súa vida.
UN CONSELLO DE CARBALLO CALERO
Cando se proclamou a Segunda República, Carballo Calero tiña só 21 anos. Dende Ferrol incorpórase ao galeguismo con capacidade de liderado e maxisterio mesmo sobre os mozos da súa idade, como demostran as cartas que agora publica Del Riego. Era tan minucioso na organización (especifica o tempo que debía durar cada conferencia) como duro nos seus xuízos. Chámalle “ignorantón” a Lugrís Freire, o vello galeguista da Solidaridad e das Irmandades que festexaremos este ano, e protesta por unha subvención concedida a un cursiño impartido por el. A Salvador Cabeza de León cualifícao, nos conflitos do Seminario de Estudos Galegos, de vil, traidor e covarde.
Pero tamén exercía o realismo na definición das estratexias do galeguismo, velaí o que dicía ante unha das “aventuras” de Álvaro das Casas: “O peor que lle pode pasar ao galeguismo é converterse nunha xuntanza de esaltados visionarios sen método nen mesura. Non vos concitedes odios. Sede nemigos cordiás. Sobre todo, derretédevos de cortesía. E deixade en paz todo o que lembre fouces. Atacade os problemas concretos, con inxenuo ár de técnicos, aparentando frialdade científica. Eisí vos escoitarán”. Un consello que non perdeu vixencia.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 1 semana
No hay comentarios:
Publicar un comentario