CUBA, LUGRÍS, NEIRA VILAS
(La Región, luns 8 maio)Cuba. Moito falamos da Cuba galega na tardiña do venres, na conferencia de Xosé
Neira Vilas sobre
Curros Enríquez e a Academia Galega. Na miña presentación do noso “Balbino emigrante” falei eu daquela Cuba que foi xermolo de identidade galega: a Cuba do Centro Galego, da Asociación Protectora e Iniciadora da Academia, do Teatro Tacón e de tantas cousas. Alí naceu a idea e alí xurdiron os fondos necesarios para a posta en marcha da Real Academia Galega, da man de Curros e
Fontenla Leal; alí se interpretou por primeira vez o Himno Galego: teremos que celebrar ese centenario no 2007. Xa o teño dito máis veces: sen entender as achegas da emigración galega a América non se pode entender a historia do noso país. Un de cada tres galegos (medio millón en total) marcharon aló na segunda metade do XIX: todas as familias temos antepasados que estiveron en Cuba, na Arxentina, en Uruguai, en Nova York, etc. Entre eles, voces moi cualificadas: a finais do XIX con Curros Enríquez,
Lugrís Freire,
Álvarez Insúa, Armada Teixeiro, etc. A principios do XX con
Antón Villar Ponte e
Roberto Blanco Torres, Basilio Álvarez e
Ramón Cabanillas: e alí fundan xornais, publican libros, fan teatro, axitación política, recadan fondos para o agrarismo, unha chea de iniciativas.
Lugrís Freire. Entre eles estivo, chamado dende aló polo seu irmán Plácido, Manuel Lugrís Freire, a quen conmemoramos estes días nas Letras Galegas. Como todos os anos estou a dar conferencias sobre el (nesta ocasión, en compaña de
Monxardín) polos institutos ourensáns e gústame insistir nesta súa etapa cubana. É o momento en que traballa no Centro Galego, fai teatro (descobre esa súa vocación) e nace como escritor e publica as súas primeiras obras, como o poemario “
Soidades” (1894). Consegue que llo prologue Curros Enríquez, quen por certo fai un limiar non demasiado gabancioso. Pero, qué importa! É coma se a un mozo novo de hoxe lle prologase o seu primeiro libro de poemas
Méndez Ferrín: todo un orgullo, dende logo. Na historia da Galiza cubana queda
“A Gaita Gallega” como a maior contribución de Lugrís Freire a ese tesouro cultural: por certo, o seu compañeiro Armada Teixeiro non se portou moi ben con Lugrís e despois criticouno e atacouno no mesmo xornal, mesmo con caricaturas.
Neira Vilas. Falou máis de hora e media de todo isto e aínda outras dúas horas longas na cea posterior: qué memoria portentosa! Neira Vilas ten a sorte de pertencer a unha xeración esplendorosa: a que nos anos 50 se formaba arredor de
Luís Seoane e tantos outros. Algúns derrotados pola vida (
Lorenzo Varela, Suárez Picallo), case todos esquecidos en Galiza ata hai moi poucos anos. Por sorte, por alí andaba o Pepe Neira Vilar para gardar para sempre esa memoria e transmitírnola. Por sorte tamén chegou logo a Cuba e salvou o tesouro patrimonial galego (prensa, libros, etc.) antes de que se esfarelara. Por iso, e por moitas máis cousas, sempre lle estaremos agradecidos.
(Imaxe: un Neira Vilas aínda novo con Lorenzo Varela nun acto en Sargadelos).
No hay comentarios:
Publicar un comentario