8 may 2006



Dúas voces que se despiden, para un merecido lecer, de "La Voz de Galicia"
Nestes días tivemos noticia de dúas despedidas de dúas voces moi representativas do xornal La Voz de Galicia. Siro López (Ferrol, 1943), mestre de humoristas, que nos contou a historia da transición democrática en Galiza dende as súas viñetas, autor de estudos moi valiosos sobre o humor e a arte da caricatura (entre moitos outros, os seus traballos sobre Castelao, Celestino Fernández de la Vega e Xosé María Cao), decidiu xubilarse do seu labor no xornal coruñés. Aínda hai pouco inauguraba unha magnífica exposición no Araguaney de Compostela e aínda hai pouco compartimos unhas horas de conversa e compaña na Bienal da Caricatura ourensá. Coñecendo a Siro, sabemos que seguirá a traballar polo país, pintando, pensando, escribindo ou soñando futuros mellores. E tamén este domingo, dende o seu pequeno recuncho da Voz ("Ao abeiro da fe", cada vez lle deixaban menos espazo), anunciaba a súa despedida como colaborador semanal Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932), un nome fundamental na historia da Igrexa máis comprometida co país, ensaísta e autor de moi valiosos estudos (Eu renazo galego, O misterio do lume, Para comprendermos Galiza, etc.) e responsábel de tantas iniciativas na nosa terra a través das revistas e movementos Encrucillada e Irimia. Coñecíno tamén como profesor (foi compañeiro meu só mes e medio) e sei como lle querían os seus alumnos e compañeiros de departamento. En La Voz de Galicia viña colaborando dende xaneiro de 1970, onde calcula que publicou máis de dous mil artigos, con diferentes cabeceiras de sección ("Pobo sen fronteiras", "A chouzana", etc.). Esperemos poder seguir compartindo os seus saberes, dende o libro, a conferencia ou os medios que el mellor dispoña.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Cantos amigos ten vosté.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois si, teño amigos abondo nas lerias culturais e, sen fachenda ningunha, ben orgulloso estou diso.
Tamén hai outros que son máis ben "pouco amigos", pero deses procuro non falar, para non perder o tempo.

Anónimo dijo...

Pois non sabía nada e tampouco non me alegra moito sabelo. Sintoo ben. Os dous son dúas figuras sobranceiras e se iso cheira a xubilación, aínda me gusta ben menos pois, os dous, teñen aínda moito que dicir e nós moito que escoitar deles. En fin, que non axuda enteirarse destas cousas. Menos logo de ler que Costa Clavell marchou pró que o meu pai chamaba o reino da verdade.

Marcos Valcárcel López dijo...

Dedícolle a miña Andoliña de mañán en GALICIA HOXE a Costa Clavell. O tempo pasa e as xeracións mudan: é inevitábel, claro.