O vento da ruína e dos estragos
(Andoliña xoves 24 maio)
"No escudo en que descansa/ o corredor voado/ fan niño as anduriñas volandeiras/ i escóndense os lagartos;/ e na cima da torre/ o galo da veleta desprumado,/ remela os ollos cara o vento Leste,/ ¡o vento da ruína e dos estragos!": estes versos pertencen a "O último fidalgo", un poema de
Curros Enríquez que describe a decadencia dun pazo fidalgo, non sen certa compracencia e ledicia por parte do gran poeta republicano. Iniciábase así a longa andaina literaria sobre a fidalguía que deixou tan forte pegada nas letras galegas e españolas, dende dona
Emilia Pardo Bazán ata
Valle Inclán ou
Otero Pedrayo.
Os pazos e casas fidalgas de hoxe están en ruínas, afirmaba nestes días
Carlos Acuña, presidente da Asociación de Heráldica. Uns 400 pazos corren serio perigo de conservación e moitos están á venda en Internet. Outros foron recuperados para funcións de turismo rural e similares. Aínda no franquismo tolerábase a venda de escudos e labras de armas: por sorte hoxe non se permite trasladalos e mesmo esíxese un permiso da Xunta para a súa limpeza e restauración. É esta só outra das moitas tarefas pendentes na defensa do noso patrimonio. Como a salvagarda das casas reitorais ou das nosas vellas pontes medievais.
(Imaxe: unha nova peza de
Antoine Wiertz, pintor belga que estou descubrindo nestes días:
"Cabeza guillotinado", 1855).
No hay comentarios:
Publicar un comentario