SEGUE O RUXE-RUXE: O DEBATE DE FALEMOS GALEGO.
Segue o debate nacido neste blog sobre o Galego En Positivo. Se hai uns días era Víctor Freixanes o que manifestaba a súa opinión, hoxe súmase, co mesmo entusiasmo e un fermoso artigo literario, Alfredo Conde dende a súa columna diaria en "El Correo Gallego" (sección "Os outros días").
Falemos e salvemos o galego (Alfredo Conde)
¿Fermosa é toda a nosa fala, palabra a palabra? Eo. Palabra por palabra. Palabra. Sucede que algúns aínda non o saben. Aínda están a tempo. Palabra.
Alá polas miñas terras de nación, alá por Ourense a Dourada, que tal a amosa o sol cando a baña no outono. No outono, cando a xente vai apañando uvas que poden dar chegado ata o nadal. Daquela, seino ben, pois no bico do cangallo deitabamoslle unha gotiña de cera derretida que algo debía axudar a elo, ou tal criamos; no outono, dicialles, pendurabanse os acios de uvas nas solainas de xeito que o dourado sol e mailos ventos que baixaban dos montes máis solemnes e rotundos, máis míticos e hoxe máis amados lle deran vida. E dabanlla. Dabanlla mentres a vida declinaba. Éralles o outono. Sol e vento a acariñar, dourandoas, facéndoas de ouro, as uvas na solaina. Bagos de uva coma ouro, ou coma bagoas. ¡Deus que fermosura! Así as palabras. E daban chegado ó nadal, á festa da luz que nace e se renova, vaia se daban.
Por Ourense a Dourada din que se a política non deu acabado co galego, a política tampouco non o vai salvar. Din que somos nós, a sociedade civil, os que temos a palabra. E a cera, diría eu. A xalea real. Mesmo a solaina. Tamén temos as gañas. Teñen razón. Non son as subvencións, nen esta nosa cultura suntuaria e de ilusorias pompas de xabón, quen van salvar a nosa fala.
O galego é de todos e salvarase entre todos ou non se salvará. Non é deste ou daquel, daqueles ou destes, deste partido político ou desta concepción do mundo. É de todos. Privilexio de ninguén en exclusiva, patrimonio común e sabiamente compartido. O galego non é un arma arreboladiza, un arma política ou partidaria, senón un fermoso intrumento de comunicación, o noso e peculiar, e enxebre instrumento de comunicación que non está enfrontado con ningún outro, que non exclue ningún outro e levamos no corazón como se fose unha bandeira. Unha fala nunca é nemiga doutra fala. Son os homes quen as veces se nemistan.
Tal din por Ourense a Dourada, onde se douran as palabras na solaina. Ogallá que o dito se espalle como auga que alague e que fecunde. Benvida a ilusión, benvida a luz neste mes polar ós que nos han dicir do outono. Falemos galego. Ten as palabras tan fermosas coma os bagos de uva dourados polo sol do outono e qué fermosa é a paisaxe contemplada dende a solaina solaz e serena deste tempo que por fin se anuncia sosegado. Palabra.
ac@alfredoconde.com
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 6 días
55 comentarios:
Ultimamente estou lendo en moitos sitios unha frase que me ten moi preocupado:
" se a política non deu acabado co galego, a política tampouco non o vai salvar"
Hai dúas opcións:
-Primeira opción: Esa frase dise para explicitar o seguinte: 'é a xente a que fala ou deixa de falar os idiomas'.
Totalmente de acordo con esa afirmación. Pero a verdade é que é unha afirmación TAN evidente, que non comprendo qué pode achegar a un discurso sosegado sobre o futuro do idioma.
-A segunda opción (interpretación) PREOCÚPAME. Sería esta: 'a política non ten nada que ver con que uns idiomas morran e outros medren'.
Acaso non vos PREOUCUPA a vós esta segunda interpretación?
A min PREOCÚPAME, e moito, porque a política ten moita importancia no futuro dos idiomas. Ollo! Non digo que a política sexa o único. O que digo é que é moi importante. A política foi a que decidiu levar adiante unha inmersión lingüística no Quebec; a política foi a que decidiu levar a diante unha inmersión lingüística en Cataluña.
E A POLÍTICA foi a que decidiu (ata agora, espero de corazón que mude) que en Galicia teñamos 'bilinguísmo harmónico'.
E cal é o resultado dese 'bilingüísmo harmónico'?
Vós sabedes de sobra cal é o resultado desa DECISIÓN POLÍTICA (porque o feito de que ata o de agora non se aplicase a Lei de Normalización no ensino é unha DECISIÓN POLÍTICA),
vós sabedes ben as consecuencias, aínda que (hei de confesalo) eu non pensaba que fosen tan DRAMÁTICAS,
eu vivo en Madrid, e aquí coñecín a moitos galegos nados na Coruña, a moitísimos galegos que, grazas a esa DECISIÓN POLÍTICA (dos gobernos do PP) non son capaces de falar nin unha soa palabra no noso idioma.
É triste, patético, non atopo palabras.
O menos que lles podemos pedir aos nosos políticos é que (dunha vez) fagan cumprir a lei, e que garantan que todos os galegos teñan plena competencia en castelán, e TAMÉN en galego.
Resumindo: a política non é o único, pero ten moita importancia na pervivencia ou non dos idiomas.
Estou bastante de acordo contigo.
Por suposto que a política ten moita importancia. Faltaría máis. Só os extraterrestres pensarían outra cousa.
Grazas á política Galicia existe administrativamente desde 1981. Grazas á política temos profesores de galego para os nosos fillos, grazas á política temos a TVG, grazas á política temos radios municipais en galego... Que se podía facer máis? Nesas, non teñas dúbida, andamos.
A frase por ti repetida, obviamente, encerra algo de provocador. Enteira, tal e como saiu no meu artigo do martes 16 de maio, dicía:
A política non deu matado o galego e a política, agora, tampouco o dará salvado, por moito que faga, que moito ten que facer.
Creo que con ela, pretendía provocar unha reflexión do papel persoal, individual, da xente na salvación do idioma. Que podes facer ti pola lingua? Falar. Falar sempre. Non deixemos todas as responsabilidades sempre noutras mans. Teño unha certa tendencia, recoñezo que excesiva sen dúbida, a desconfiar da xente que empeza o seu discurso dicindo "Hai que", "Había que", "Tiñades que"... Ben, de acordo. Fagamos.
Creo que ademais na frase -de esvaída intención litearia, como todo o artigo- se incluía unha referencia directa a "moito ten que facer", falando da política.
Pero me parece que tamén nos debemos dirixir á sociedade, lembralle as súas posibilidades de actuación normalizadora... Que na súa casa non se mete ninguén para prohibirlle manter a lingua. Animar, por exemplo, aos galego-parlantes a seguir falando galego con quen lle fale castelán, tamén, por respecto a eles, por non consideralos tan parvos como para que non entendan o galego.
A vida non é só política, aínda que esta sexa importantísima. E moitas veces nos esquecemos das inciativas particulares e da vontade dos falantes.
Unha profesora norteamericana -non me lembro do seu nome- empezou a cruzada das minas antipersoa e logrou mobilizar o mundo, á base, ata que as empresas armamentísticas tiveron que parar.
Obviamente non é o mesmo. Pero creo que xa é tempo de dirixirse á xente, en positivo, para reforzar o seu papel, a súa importancia no futuro...
O tema político, no único no que últimamente e se leva incidido, tamén está aí, noutro nivel.
Son tantos os campos nos que hai que traballar!!!
Cada un que se poña no seu.
Eu, desde logo, prefiro empuxar desde fóra e con cara amable.
Unha aperta.
Totalmente de acordo co que dis.
Eu sempre fun consciente da importancia que todos e cada un de nós temos na pervivencia do galego. Por iso falo galego sempre que estou en Galicia. E por iso falo no noso idioma cos galegos que encontro en Madrid, mesmo con aqueles que nunca usan o noso idioma.
De todos os xeitos, como ti ben salientas, a política ten moita importancia neste tema, e penso que nese aspecto temos que estar vixilantes.
Cóntoche. Teño unha irmá que vive en Santiago e que ten tres nenos. Educounos en galego porque quere un futuro para o noso idioma. Eses nenos (algún deles xa grandiño) falan o galego na casa. Pero na escola, cos seus compañeiros, xa dende o primeiro día de clase, falan en castelán.
É triste, pero a pesar dos esforzos de miña irmá e de meu cuñado, a situación dos meus sobriños é a seguinte:
-Unha língua A (castelán) que usan na escola, cos seus compañeiros/amigos e na relación con moita outra xente.
-Unha língua B (galego) que usan coa familia.
Sei que o que estou a contar non é ningunha novidade. Pero o certo é que o feito de presenciar con tanta claridade os efectos devastadores para o galego da política seguida polo PP co 'bilingüísmo harmónico'
faime sentir que se os políticos non cambian o rumbo da nosa política lingüística, o galego non ha sobrevivir moitos anos.
Concordo na preocupación do usuario anónimo e coincido co que sinala AVM: non se pode deixar só nas mans dos políticos o que é unha arela colectiva..na mesma medida na que non se debe deixar nas dos lingüistas, académicos e demais profisionais do ramo pois, pra uns e máis pra outros, media un interese "profisional", media un prexuicio de escola ou filiación que, á máis da xente, a arreda e espanta.
Resumindo: que hai que namorar á xente da súa propia fala, seducila.
Nada pior que o estricto profesor que exixe a conxugación do infinitivo con precisión astronómica e nada millor que o profesor que encadila con versos lidos a modo, con comentarios de textos feitos con paixón creadora, antes que co rigor que conduza a que, a queima de libros de mates a finais de curso, sexa (como xa o foi) substituida pola queima do libro de galego.
Sabendo que hai momentos nos que se desfalece, sigamos por ese camiño polo que xa debiamos ter andado dende hai anos, pero que aínda estamos a tempo de recorrer por enteiro. Ou seica non?
(Por certo, quería agradecerche, Afonso Vázquez-Monxardín, os teus comentarios.
Teño que confesar que eu tamén fixen o primeiro post un pouco para provocar.
Porque sei que, aínda que poida haber diferencias de matiz, aínda que poida haber enfoques non totalmente coincidentes,
tamén sei que no fundamental estamos de acordo.
Unha aperta)
Cópiovos unha noticia que acabo de ler e que me deixou abraiado. Que a DXPL decida despidir á persoa que denunciou o fraude que se está a cometer co galego, en fin, non ten palabras. A situación paréceme realmente SERIA e MOI GRAVE. Cunha POLÍTICA lingüística coma esta, o galego non ten futuro ningún.
(Copiado de xornal.com :)
A Mesa reclama que se "poña orde na Secretaría Xeral de Política Lingüística"
Carlos Callón, presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, reclámalle ao presidente, Emilio Pérez Touriño, que "cambie a política lingüística ou á secretaria xeral, mais isto non pode continuar así". Segundo A Mesa a Secretaría Xeral de Política Lingüística "xustifica o pagamento de materiais en castelán para a promoción do galego na Bretaña francesa e pretende despedir a profesora que o denunciou".
(martes 23 de mayo de 2006)
XORNAL I A Coruña.- O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, dirixiuse por carta ao presidente da Xunta, para lle reclamar que “poña orde na Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), un departamento que depende directamente del e que non deixa de recibir críticas polo seu mal funcionamento e polo seu negativo continuísmo a respecto de gobernos anteriores". “Señor Touriño, ou cambia a política lingüística ou cambia a secretaria xeral, mais isto non pode continuar así”, conclúe Callón na súa misiva.
A SXPL leva estes oito meses tendo como unha das súas principais liñas de traballo os lectorados de galego, un aspecto que A Mesa non comparte pois "aínda que consideramos que é importante que se coordine de xeito eficiente e eficaz a difusión exterior do noso idioma, este punto non pode ser o central da SXPL, dado que o galego parte dunha situación de anemia aguda no espazo social que lle é propio, e aquí é onde se debe centrar a intervención nestes momentos".
Porén, no traballo da SXPL a respecto dos lectorados "non houbo nin eficiencia nin eficacia", segundo considera A Mesa que denuncia que mentres, se crearon novos lectorados sen que exista un labor previo de planificación. Hoxe mesmo denunciouse publicamente a intención de Marisol López "de despedir a lectora de Rennes, debido a que esta criticou a situación do seu lectorado".
Segundo denunciou a profesora de galego en Rennes, a coñecida escritora Olga Novo, o director do Centro de Estudos Galegos, un profesor de español oriúndo de La Rioja, estivo a xestionar os 6.010 euros anuais que recibía da Xunta, para a difusión da lingua e a cultura galega, en actividades en castelán: conferencias sobre La Regenta, un “Ciclo de cine gallego”, etc, etc.
Ademais, tras as críticas expresadas perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Olga Novo achouse coa seguinte resposta por parte deste departamento da Xunta: “eu mesma recibo unha chamada telefónica da subsecretaria de Política Lingüística”, a cal “xustifica, ante as miñas críticas, a compra dunha cámara fotográfica de alto valor económico e outros materiais non demasiado adaptados ás necesidades do ensino do galego, como investimento en material videográfico, fonográfico, etc, contemplado no convenio. E por suposto, apóiase a publicación dos Cadernos de Estudos Galegos dedicados a Pardo Bazán argüíndo que Política Lingüística tamén publica libros en castelán.” (A publicación do número 4 dos Cadernos de Estudos Galegos dedicado, monograficamente, a Emilia Pardo Bazán, no inicio contiña máis do 90% dos artigos en castelán e só un en galego.)
PIDEN QUE NON SE DESPIDA A OLGA NOVO.- A Mesa exixe que "se paralice inmediatamente o proceso de despedimento de Olga Novo e que se reformule a política de lectorados no estranxeiro levada a cabo até o de agora, dentro do cambio xeral que precisa urxentemente a Secretaría Xeral de Política Lingüística".
Con tanto "usuario anónimo" un non se aclara.
Poñede "nick names", carallo.
O galego vaise salvar na Bretaña ou no Nepal?
Non estou de acordo, Exte.
Estamos falando en bo ton entre xente amable a amante das nosas cousas, non sei por que temos que usar pseudónimos.
Así non nos recoñeceriamos se nos visemos no super ou nos viños.
Vou seguir co usuario anónimo expatriado en Terra Ancha e despois sigo co que se preocupa polos profes antipáticos.
Un día case choro cando a miña filla maior que acababa de entrar na gardería, me preguntou, estrañada, porque lle estaba contando contos en galego cando no cole todos os nenos falaban castelán...
O problema dos teus sobriños está aí. Existe e é unha verdade como un templo. Como un templo grande. A escola non frea. A escola non asenta nin fixa... A escola non serve case para nada.
(Hoxe a maior parte do que aprenden os nenos e que lles resulta satisfactorio, atractivo e gratificante, é fóra da escola. Por exemplo, manexar un Mp3, baixar música co emule, falar inglés -os que algo saben van ás EOI ou clases-, bailar funcky ou xogar a montar coreografías, conectarse ao messenger... Tiñamos que incluír en 2º Bac unha materia de "conducción" e que sacasen o carné, nos institutos, etc.).
A escola non serve nin altera radicalmente as inercias lingüísticas... pero igual que hai os teus sobriños, tamén hai outros moitos nenos que se achegan por primeira vez ao galego a través do mundo escolar.
E se seguisen campañas como as de "Entre nós en galego", -reformada, transformada, etc. o que se queira pero con promocións anuais, etc., -e carallo, aí a MNL non dixo nada-, pois con esas e outras cousas, sí que se provoca un achegamento á fala que despois, debemos socialmente modificar en actitude positiva.
Así, grazas á escola, somos todos os habitantes deste "sitio distinto" cando menos, falantes pasivos... ou escoitantes activos. Por iso sería fácil, de lograrmos motivar ao persoal, que se producisen modificiacions sociais de conduta en favor do galego en amplas capas da poboación.
Moitos nenos achéganse algo... e a escola non fixo o sufiente, pero Ai as familias... Non me preocupa tanto que os teus sobriños reciban as clases en castelán, como que non o falen ao intentar ligar ás súas compañeiras fóra das aulas... O futuro da lingua decídese nas discotecas e nos pubs.Lingua na que ligas, lingua na que te asentas.Ou te deitas...
Respecto do repugnantismo dos profesores de galego. Menos mal que mentres o pau vai e vén, descansa o lombo. Cáennos os paus de todos e non creo que os nosos alumnos nos vexan como bichos raros.
Pola miña banda, teño definida a miña vocación de "profesor-choio". O que non sei é se farei ben. Cando vexo profes -de galego ou do que sexa- que queres prestixiar a materia a base de suspender afeito, eu digo que a miña liña é a contraria.
Quero para a miña materia a paixón polos deportes e pola música que acompaña aos aprobados xerais -agás repugnantes, que os hai en todos os lados- das referida Eduación Física e Música.
Se cadra fago mal, pero prefiro un sorriso na rúa dun exalumno a unha segmentación verbal dun verbo irregular, correcta. Equivocareime, pero eu soíño.
Tamén sabemos ben os que andamos no ensino, da tendencia á hiperconsideración que cada profe tende a ter a súa materia... Das Matemáticas ao Ceo... Pois anda que desde a Física... E desde a Xeografía... Sobre todo os de Ciencias... e tamén, algúns profes de lingua galega, ao considerárense os únicos con fío directo coa terra.
Eu que sei. Mal que ben, estamos a pé de obra continuamente, e creo que agora, en conxunto, somos menos repunantes que antes... Iso que temén tivemos que tourear cunha certa ollada ideolóxica por riba... ¿O de galego... do BNG ou pailán, pensaban algúns compañeiros, incluso?
Eu tiven a sorte de que o primeiro ano que dei clases me tocou compartir seminario cun profe de galego, alcade do PP, e logo senador... Moitos non debe haber...
Estou un pouco cheo do tema dos profes... aínda que hai de razón haberá.
Hai que desgaleguizar aos profes de lingua galega. Que deixen de ser misioneiros da lingua...
¿Alguén pensa que a destrución da catedral de Santiago só lle debía preocupar aos profes de Arte? ¿Alguén cre que os incendios forestais ou o tema do "prestige" debe ser cousa só dos de Ciencias?.
¿Quen dixo que a Música é só para as profes de Música?
Pois igualiño. Non quero máis vinculación co galego, que os de ciencias co "Prestige". Eu como cidadán o que queiran, como profe, gaitas. Non vou arranxar o mundo, que é moi grande.
A lingua é cousa de todos... e esta é a mensaxe que debemos facer chegar á sociedade, de forma alta e clara: Ou arranxamos entre todos o asunto ou imos pró carallo, con perdón das súas caras.
Moitas apertas.
Fala menos Monxardín, que non vas arranxar o mundo... Ou fai un blog para ti.
Eu non me fio da positividade deste señor Conde. Tanto anos a sombra do poder, e agora...tan positivo...mira que non puido facer el antes cousas en positivo polo idioma. E van agora...non sei se será un recubrimento, e busca seu lugar na nova embarcación. Non me fio
Desculpemos ao señor Monxardín: un ataque de verborrea teno calquera, eu inclúido. Pero indo á cerna do asunto: como van as negociacións?
ENSINO.- A Mesa denuncia que a Consellaría de Educación non pretende aplicar o Plan de Normalización en toda a lexislatura
[19/05/2006]
A intención de agardar ao desenvolvemento da LOE, que finalizará en 2010, e o sistema de gratuidade de libros de texto por empréstimo, impedirían o 50% de ensino en galego en toda a lexislatura
Carlos Callón: “A Conselleira de Educación búrlase do acordo de goberno polo cal é Conselleira”
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que “frente a retórica propagandística destes últimos días”, en que se falou do compromiso do Goberno coa aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, a Consellaría de Educación continúa “insensíbel” á situación do galego no ensino.
O Presidente da Mesa, Carlos Callón, lembra que a nova medida da gratuidade por empréstimo anunciada onte pola Consellaría significa “hipotecar a aplicación do Plan de Normalización no ensino, xa non só para o curso próximo, senón para o resto da lexislatura, pois os libros de texto que se compren agora teñen que manterse como material pedagóxico de referencia durante varios anos”. Por iso, “a gratuidade é outro argumento máis para que o Plan de Normalización se aplique xa para o curso próximo; do contrario, só haberá dúas opcións: ou non se aplicará ou a Consellaría terá que desembolsar unha importante cantidade de diñeiro para comprar novos libros en galego no curso seguinte.”
Ademais, Callón fai notar que a Consellaría se escusa no desenvolvemento da LOE para non aplicar o Plan de Normalización no curso próximo, o cal considera unha “triste evasión das súas responsabilidades, que falta á realidade competencial da Xunta”. Cómpre ter en conta que os plans do Ministerio son que o desenvolvemento da LOE finalice en 2010 (con quinto e sexto de primaria e segundo de Bacharelato). Daquela, o Plan de Normalización non se aplicaría nin para o curso próximo nin para o seguinte: Non se aplicaría en toda esta lexislatura. “Así, a Conselleira de Educación búrlase do acordo de goberno polo cal é Conselleira de Educación”, acordo onde se afirma literalmente que o Goberno galego se compromete “activamente coa efectiva e inmediata aplicación das medidas de galeguización do ensino recollidas no Plan de Normalización Lingüística aprobado unanimente polo Parlamento galego.”
Se a Consellaría de Educación non anuncia neste mes de maio medidas “reais e non propagandísticas” para a aplicación do Plan de Normalización “no curso próximo, de xeito efectivo e inmediato, tal e como di o acordo de Goberno polo cal a Conselleira de Educación é Conselleira de Educación”, A Mesa comezará un “intenso proceso mobilizador” que terá a súa primeira plasmación a principios do curso 2006/07.
Esta noticia esta sacada da web da MNL. ¿É falsa? De ser certa abonda só con actitudes "en positivo", que non son outra cousa que facianas amábeis e non reivindicativas?
Está moi ben iso de que cada un aporte "en positivo". Mais se todos os esforzos fican só niso non abonda.
Non sei se entendín mal ou é que vázquez-monxardín quere quitarlle importancia ao papel da política e da escola no que se refire á normalización dos idiomas.
Non sei se prentende que creamos que a solución é unha enchenta de bicos e encher todo de cartaces ('Falemos galego').
Se é así, non podo estar máis en desacordo.
Da política creo que xa se falou abondo neste fío.
Sobre a escola, tan só quería dicir algo que creo que é evidente: unha inmersión lingüística nun idioma é un factor moi importante na sobrevivencia dese idioma.
Cando falo de inmersión lingüística, falo de inmersión lingüística ben feita.
Explícome: se un comeza a inmersión lingüística con rapaces de 8 anos, está claro que o idioma principal (A) deses rapaces (o que usan cos seus compañeiros) seguirá a ser o que usaban ata os 8 anos.
Conclusión: a inmersión, para que sexa eficaz, ten que comezar canto antes, cando os nenos entran nas garderías ou nas escolas.
Hai un par de días lin no Faro de Vigo unha carta ao director dunha rapaza que vive en Cataluña. Comentaba que, cando vai ao parque, escoita a moitos nenos de moitas nacionalidades falando cos pais nos seus respectivos idiomas, PERO tamén escoitou que eses mesmos nenos falan e xogan entre eles en catalán.
Unha pregunta para vázquez-monxardín: por que cre el que eses nenos usan o catalán como língua de comunicación entre eles, cando a língua familiar é outra?
Unha aperta
P. D. Da mesma maneira que antes se dicía que a política é moi importante pero non é o único factor, eu penso que a escolarización en galego é moi importante, aínda que está claro que non é o único factor
Non sei que me dá ser o único que fala sen tapar o nome. Non creo que sexa exceso de pedantería ou de intención de chupar cámara, senón que veu ao fío do primeiro correo que se citaba unha frase que utilizara eu nun artigo do Galicia hoxe do día 16 de maio. Non me importaría nada, insisto, saber con quen falo, o que non alteraría unha areixa o meu discurso. Saquemos as carautas ou quedémonos coa rara liberdade do anonimato.
Pero imos ao conto.
Se vostede leu o meu artigo de onte no Galicia hoxe, verá como digo que, obviamente, o meu modelo é o catalán. Digo que as garderías deben ser en galego. E máis, só en galego. Nada de dúas vías que nos esgacen a sociedade desde neniños... E temos que lograr que o coxunto do pobo, votantes do PP, do PSOE e do BNG, recoñezan e asuman todos a lingua como algo seu.
A nosa inmersión, nun país etnicamente homoxéneo, onde a pouco rañar sae a aldea de todos, entre dúas linguas tan próximas, sería especialmente fácil e só traeria beneficios. E témolo que vender ben para que a inmensa maioría da poboación, o asuma e faga dela unha demanda social colectiva, non só duns "grupiños de galeguistas", entre os que, por suposto, me contaría. Doutro xeito, alguén venderá que inmersión ten que ver con "afogamento" e non é a vía e que coarta liberdades. E nós sabemos que é sumamente beneficiosa, e como tal temos que facerllo ver á maioría, sabendo que a unanimidade non existe.
Unha farta de bicos, certamente non nos solucionaría nada, e uns carteis tampouco... É que lle quere? O bico é a metáfora da boa cara. Para que non nos vexan como galego-repunantes en vez de galego-amantes. E o cartel é a metáfora da publicidade de atracción.
Como a broma da Kidman que se comentaba noutro artigo.
Saúde e grazas por opinar.
"Unha pregunta para vázquez-monxardín: por que cre el que eses nenos usan o catalán como língua de comunicación entre eles, cando a língua familiar é outra?"
Por que a lingua é o cemento da nación na que escolarizan a todos os nenos e porque alí fan as cousas ben feitas.
Por certo, sen cambios desde o goberno CIU ao actual do PSOE e socios, e como se fará agora sen nacionalistas no mesmo.
Por que? Porque se lle explicou ben á sociedade, a sociedade asumiuno e aplicaron medidas decididas sen esperar a unanimidades imposibles. Pero tendo a maioría social por detrás. Esa maioría que nunca apoiaría un alcalde anticatalanalista en Barcelona. Por exemplo.
Moitas grazas, Alfonso, pola túa opinión.
Eu son o que comecei estes posts (falando da importante relación entre política e língua) e eu tamén fun o que puxen este último post (falando da importante relación entre língua e escolarización).
En ambos os dous casos fixen uso da provocación, aínda que (gostariame que isto quedase claro) só o fixen como unha maneira de provocar un debate.
Sobre os anónimos tamén tes razón.
Eu, como xa dixen, vivo en Madrid, e teño algúns libros publicados de literatura infantil e xuvenil (Daniel Ameixeiro).
Aproveito para che comentar que me gustaría, tanto a ti como a Marcos, mandarvos un par de libros para a bibliotaca dos vosos colexios (non sei os enderezos, teriasmos que dicir). Sería unha da miñas contribucións á farta de bicos para o galego.
Saúdos,
Daniel
Esta mañá, recén lido este blog, contestei dunha arroutada o comentario de Rimao; logo, ó asinalo co meu nome e entender que non era anónimo, cliquei en blogger e perdino. Intentareino de novo, agora que un amigo que avisou de que millor escribir o meu comentario á parte, por si volvo facer o mesmo, e de que debo seguir sendo anónimo, logo de que o pegue onde debo, por se non o volvo facer axeitadamente.
Teño sesenta e un anos. Herdei do finado do meu pai unhas cartas, escritas por min dende o internado no que me consumía, que el gardaba coma ouro en pano –meu pai pai era o afiliado 617 do partido galeguista- porque, datadas a partires do ano 55, estan escritas en galego. Nese ano, no que data a primeira das cartas, tiña eu dez dos da hoxe xa miña longa vida.
No ano 60 tiña eu quince anos e participaba en Radio Pontevedra, EAJ 40, nun programa radiofónico semanal en galego no que estaba responsabilizado da sección de poesía. De entón data a miña primeira ficha policial na brigada político-social. Mediada a década, non poucos dos exemplares de “Sempre en Galicia” que chegaban ó país faciano a bordo do “Covadonga” un barco no que eu navegaba daquela. No ano 68, convertinme no autor máis novo editado por Galaxia.
De entón a hoxe, escribín unha trintena de libros, non poucos deles de seiscentas páxinas; publiquei non menos de seis mil artigos en galego e falei da nosa lingua e da nosa literatura nunhas duascentas universidades de todo o mundo. Unha vez, un fato de escritores, fóronlle explicar a Saramago quén era eu, expresándolle as mesas suspicacias e dúbidas que manifesta Rimao.
Saramago atallóunos. Díxolles que non facía falla que lles explicaran nada, que me coñecía ben e que, grazas a mín, el e moita xente coma el, sabían da nosa literatura e dos nosos escritores polo mundo adiante. Saramago é moi boa xente e moi bo amigo meu… e pasóuse. Pero Rimao tamén se pasa. Faino sen que do seu comentario se derive a mesma bonhomia que do de Saramago, nin a mesma capacidade de asumir información en positivo.
Non permanecín á sombra do poder. Fun poder. Mentres ese poder foi lexislativo participei activa e diría que determinantemente na elaboración de leis aportantes á comunidade cultural e política na que me inscribo por propia decisión e vontade; da mesma maneira que o fago na miña literatura que non é, precisamente a que me da de comer, vivindo como vivo do meu oficio literario; por rercordarlle algunhas destas leis a Rimao, e a calquer outro desinformado ou que pretenda ignoralo, citareilles a lei de normalización lingüística, a de criación da CRTVG, a de criación do consello da cultura galega e xa, cando fun conselleiro de cultura, cando exercín o poder executivo, baixo a miña estricta resposabilidade, promulgaronse a lei de bibliotecas de Galicia, a lei de criacion do IGAEM, o decreto-lei de conservación do patrimonio, as ordes e decretos de criación do Centro Galego de Arte Contempoanea, a do Centro Galego da Imaxe, a da Hemeroteca de Galicia e un longo etcetera que omito pra non resultar oneroso, pero que resumo afirmando que, mentres estiven na consellería, nela se traballou en galego e prós galegos. Nin por un só momento deixou de ser así.
Podo resultar exahustivo na enumeración do realizado. Non me importaría selo. A miña executoria está rexistrada e se pode contabilizar en libros, nos diarios de sesións do Parlamento de Galicia, nas actas do consello do governo de Galicia e non hai xeito de que eu poida mintir a este respecto. E o que non está por escrito está en obras. Dende o Auditorio de Galicia ós centros citados, pasando polo Palacio da Ópera da Coruña en Santa Margarita e así ata resultar plúmbeo. Sábese quen son e pódese constatar o que levo feito. ¿De cánta xente se pode afdirmar o mesmo? De mouta, sen dúbida, pero tamén de mín.
Coñece o señor Rimao algún escritor, vivo, que leve escrito máis do que eu levo feito na nosa fala? Pode apoñerme algún novelista que nos seus textos teña deixado tan claro o concepto nacional galego coma min? Leu a miña obra? Houbo na consellería de cultura quen, dun xeito estructural, deixara máis asentada a nosa cultura? Quen? Por que dúbida entón de mín? Porque oiu que lle dixeron que oiran, que dixeran que eu…? ¡Xa está ben!
É certo que cando o ex presidente Fraga falou de Administración Única e da aínda hoxe imprescindible reforma do Senado eu apoiei o seu achegamento ó que sempre defenderamos os galeguistas; tamén apoiei a súa proposta de resolución de que Galicia tivera competencias en augas xurisdicionais deica as catorce millas náuticas fóra de puntas. E qué? Volveriao facer. Non tiña nin obedencia, nin militancia partidaria e, dende a miña independencia, volvería facelo. É certo todo iso. Tamén o é que a partires da segunda lexislatura fun crítico, por escrito, Rimao, por escrito, non no café, e que me manifestei frustrado pola falta de iniciativa política galeguista demostrada polo ex presidente nesa e nas lexislaturas que permaneceu no poder, que fun o primeiro en denunciar, por escrito, o disparate da cidade da cultura ou unha politica cultural propia de coros e danzas, festivais de España e concerniente máis a unha comisión de festas que a un departamento guvernamental. Non podo mintir, todo esto está recolleito en non poucos deses seis mil artigos que lle cito. Pode atopar resumes nos compedios que anualmente publica, ou publicaba o Centro Ramón Piñeiro. Neles pode constatar tamén que, ó longo de todos eses anos, ningún comentarista tratou máis ca min de temas atinxentes á nosa lingua, a nosa literatura e por ende á nosa cultura, que moitos se amosarían tan preocupados por elas ca mín, pero ningún máis ca mín. ¿En nome de que se permite dubidar de mín?
Levo aturado e padecido este tipo de actuacións, semellantes a que hoxe corresponde a Rimao, un número abondo de veces como pra que xa sexa tempo de que empece a falar eu. Estou traducindo ó español, pra poder comer, a última novela escrita. Tan axiña como a remate e vexa publicada empezarei a escribir a propósito destes anos e destas cousas. E sei bastante. Pregunto ¿deberei pagar coa mesma moeda? ¿Eh, Rimao? ¿Coa mesma?
De momento se ten algunha dúbida pódolla responder. Expoñama pública ou privadamente. Constesto sempre. O meu enderezo-e é ac@alfredoconde.com.
Tranquilo, señor Conde, non se alporice. Comprendo que estea farto de ser acusado dos máis variopintos "crimes", cando, como moitos fillos de veciño, só teñan cometido algún que outro "homicidio" máis ou menos involuntario.
Quizais vostede non teña unha traxectoria plenamente limpa, pero tamén afirmo que tampouco a pode ter plenamente suxa. Circunstancias humanas poden explicar algúns pecadiños, e eu tendo a simpatizar cos pecadores, porque eu tamén o son. Como dicía o célebre dito, "o que estea limpo de culpa que tire a primeira pedra".
Porque culpas, o que se di culpas, hainas de moitos tipos e de moitas cores.
Eu rexeito a sistemática liquidación que se ten tratado de facer con vostede por únxidos da graza divina (xa me entende). Pero recoñeza que algunha "culpiña" de algo ha de ter ao longo destes anos, por acción ou por omisión. Así sería máis críble o seu alegato autoafirmativo. Ademais, nunca é tarde se a dita e boa.
Con todo o meu respecto, reciba un cordial saúdo.
Onde dicía "crimes" quixen dicir "asasinatos".
Asi si, señor anónimo político-cultural, así si; asi recoñezo eses pecados que vostede insinua, eu tampouco non estou limpo de culpa, só faltaria; pero conveña vostede comigo en que xa está ben, xa está ben, e que xa abonda por hoxe e pra sempre. Outro cordial saúdo e xa sabe onde me ten.
Alfredo Conde
Totalmente de acordo, señor Conde.
Xa está ben, xa abonda por hoxe e para sempre de tanto linchamento. Se vostede fixo algo mal, coido que xa o ten pagado de abondo. Ademais, de sabios é rectificar. Rectifiquemos todos no que temos que rectificar, e haxa paz e despois gloria.
Un cordial saúdo.
Dicía Novoneyra
"De tanto calar... xa falo eu solo".
Pois non. Xa está ben de calarlle aos linchadores e inquisitoriais "supermans" e "hipergaleguistas" A tomar por saco. A ceo aberto.
¿É certo que no Val de Xosefat haberá un porteiro pedingo carnés da UPG? A min dixéronmo
Moi interesente a polémica. E moi documentada. Eu só quería propoñer un matiz, que penso que xa foi comentado nalgún outro sitio. Ten que ver coa capacidade da escola, da familia e da sociedade para impoñérmons un ou outro idioma, e penso que pode servir de contraexemplo.
O caso e o seguinte: atopámonos en Bilbao, nun barrio non céntrico, no que nos anos 80 houbo fortes mobilizacións veciñais, entre outras cousas, na defensa dunha ikastola que promovían un grupo de pais.
A ikastola en cuestión está agora integrada na rede pública, e o barrio conta ademais cun Instituto de modalidade D (ensino complerto en euskera e inmersión lingüítica) ao que acuden maioritariamente os alumnos da ikastola despois de completaren o ensino primario. Así pois, estamos a falar de alumnos que levaron a totalidade da súa vida escolar (incluído o preescolar) integramente en euskera.
En canto aos pais, loxicamente hai de todo: pais euskaldun e pais castelanfalantes, pero todos cunha compoñente ideolóxica, digamos "proclive" ao ensino en euskera.
Pois ben: o conxunto dos profesores están a ter auténticos problemas para que os alumnos utilicen o euskera, xa non no patio ou na rúa, senón mesmo no interior das aulas.
Máis nada, e desculpen o extenso do post.
Señor Alfredo Conde, non dubido da sua coherencia e da súa valía nos primeiros feitos que vostede relata. A miña reserba, refírese a un único feito: Vostede colaborou co Atila de Galicia, con Manuel Fraga. Certo que non foi o único, que non foi unha practica tan aillada, que "outros" se plegaron a facerlle a política cultural, alá onde o PP non chegaba. Este aspecto é o que eu nomeo, a súa conducta nun tempo para min e outros negro e de agresión cultural, da que afortunadamente comezamos a sair. Non me refiro as súas intencións, non as sabía, vislumbroas agora polo enfase que vostede pon nelas. Refirome a conducta politica, dunha determinada politica "cultural". O meu recelo é este, únicamente este.
Polo que menos compunximento e impliquse mais vostede, se é o que quere, redímase pola lingua e siga a darnos o mellor de si na súa literatura. Eu oferézolle a miña man. Un saudo
Miguel Rimao Blazquez
Amigo Esedidió:
Asústame o exemplo por dúas cousas.
Primeiro que poida haber separación de nenos no ensino público por actitudes ideolóxicas dos pais.Polo que afirmas, a maioría dos pais que envían aos fillos ao sistema D, non é pola maior facilidade lingüística que poidan ter os seus fillos ao estudaren alí -moitos pais nin case entenden a lingua da escola dos fillos- senón por unha actitude ideolóxica determinada, neste caso nacionalista. Escolas pois, cun marcado compoñente nacionalista, de onde sairán alumnos que poden ver o mundo dunha forma distinta aos doutras escolas. É unha opción pero non me atrae.
A outra cousa que me asusta é a información lingüística que transmiste, pero que é fácil de intuír.
Igual que a escola allea ao vasco e galego centos de anos non matou definitivamente as nosas linguas, a escola, tampouco a vai salvar.
Cómpre que faga moitas cousas, que cre cidadáns competentes, galegofalantes ou esukalduns cando menos pasivos... pero non pode facer outra cousa.
As modas, as evolucións sociais, o que resulta atractivo para os mozos, é moito máis importante que o que se faga na escola.
Debemos traballar pois en multiples direccións. Gañar a escola, gañar a rúa, gañar o pub e a discoteca igual ca o bar de botar a partida...
É posible?. Ten que ser. Imaxinación e acción.
É certo, Rimao, é certo que as intencións foron boas, que delas esta enlousado o inferno e que me equivoquei en moitas cousas; aceptoo. O que non admito son xuicios morais. Equivocado si, e moito. Pero deshonesto, non. Fixen o que crín millor, rfesultou que o señor que vostede alcuma engañounos a máis dun. Os parvos fumos nós. Eu principalmente. Como xa escribín abondo desto, e aí o que sí fixen un xuicio moral fun eu, non bou abondar máis nelo. Agradezolle esa man tendida.
Un saúdo cordial
Alfredo Conde
"Igual que a escola allea ao vasco e galego centos de anos non matou definitivamente as nosas linguas, a escola, tampouco a vai salvar".
"Gañar a escola, gañar a rúa, gañar o pub e a discoteca igual ca o bar de botar a partida..."
Concordo, mais a escola apréndelles matemáticas, natureza, xeografía e tamén linguas.
Suponse que ao remataren a primaria os nenos e nenas galeg@s teñen de ter un coñecemento, propio da idade claro está, en castelán e en galego. a realidade non é esa, e sei do que falo.
As culpas varias. Pero a realidade é que gañar a escola posibilita gañar o bar, o deporte, os xogos...
O caso do Pais Vasco podía ser peor, de non iren a unha ikastola non saberían a súa lingua. Agora polo menos teñen a capacidade de usala. Noutro caso nin eso.
No caso do galego hai nenos e nenas en primaria que non saben dicir dúas frases seguidas en galego.
Cando puxen o exemplo, non pretendía facer interpretacións ideolóxicas sobre o por qué uns pais fan elección sobre a lingoa na que quere escolarizar aos seus fillos, senón chamar a atención sobre o feito de que, nun contorno que leva a unha crianza a falar un idioma, outras realidades e outros feitos poden condicionar a súa posición. Non creo estar preparado para interpretar os por qués últimos.
Da interpretación "asustada" que fai o Sr. AVM, teño que facer dous matices:
1.- O feito de que pais castelanfalantes queiran que os seus fillos sexan escolarizados en euskera non ten necesariamente que ver con ideoloxías nacionalistas. (de feito, e centrándome nese caso, coñezo pais que son votantes do PSE-PSOE). Máis ben ten que ver, por exemplo, co desexo que os seus fillos podan falar os dous idiomas ou con moitas outras razóns demasiado longas de explicar.
2.- Na miña opinión o pretendido adoctrinamento ideolóxico que se leva a cabo nas ikastolas ten moito máis que ver cun mito urbano (as máis das veces interesado) que con outra cousa, partindo da base que, sempre na miña opinión, non existe educación ideolóxicamente aséptica.
Qué teima reduccionista esta nosa! Por qué nos ha dar sempre en funcionar por exclusións? O que hai que ter en conta da proposta de AVM é o ánimo que a alenta, a actitude que emana dela. De certo que abrangue tódalas situacións que se sinalan e que pode e debe ser aplicada en todas e cada unha delas. Non é o regulamento do que Romanones reclamaría pra si a facultade de redactalo, senón o espírito da lei. Temos regulamentistas e redactores de régulasmentos abondos neste país, abóndannos. Precisamos dun novo espírito, arredado de "profisionais" do tema, próximo ó sentir da xente. Iso é o que ofrece o artigo de AVM, entendo que iso é o que alenta na proposta do amo deste blog, deste eido de esperanza; habitémolo pois, "vivamos" nel e deixémonos de lerias e de querer ser e pasar polos máis agudos, máis listos e máis informados da parroquia, recoiro, que queda pouco tempo
Estimado amigo Esedidió:
Vostede sabe máis ca min disto. Certo que se cadra é un exceso dicir que os pais castelán parlantes que queren educar aos seus fillos en euskera son nacioalistas. Seguramente hai moitos -espero- que non teñen máis que o desexo de que os seus fillos se poidan expresar en ambas linguas.
Do mito das ikastolas... mito urbano? Tampouco lle sei.
Sei, como vostede, que non hai educación aséptica e que non hai un mundo xusto, aínda que teñamos que tender a iso.
En calquera caso, a escola non arranxa definitivamente nada.
E Sr. Gustavo Lago, non desmerezo nin minusvaloro eu o papel da escola. Nin moito menos. Pero o que apunta o Sr. Eseididió está aí. Nin sequera con linguas tan distantes, estudando sempre nelas, se logra frear inercias negativas completamente.
O meu apelo é á sociedade. Aos pais. Aos amigos. Á xente do común, que son os que a van deixando de usar.
Por suposto son partidario da escola monolingüe... e de que a sociedade entenda, igual que en Catalunya, -e isto temos facerllo ver ben, con amabilidade e firmeza- isto como unha oportunidade de conservación e permanencia no mundo da nación dos galegos en tempos de globalización, e non unha imposicion.
Todos nós estamos da mesma parte, con pequenos matices. Se cadra é bo saber que podemos falar e falarmos. Polo menos recuperamos a esperanza.
Saúde
Estou totalmente de acordo co que di Gustavo Lago.
O modelo de inmersión lingüística no País Vasco estálles a dar a competencia en euskera.
Parécevos pouco iso?
Repito o que xa dixen unhas cantas veces: a escola, o mesmo que a política, non son o único camiño para a normalización do galego, pero son dous factores FUNDAMENTAIS.
Sendo o euskera tan distinto do castelán, esas escolas consiguen que os estudantes poida falar o euskera.
E que pasa en Galicia coa escola e o galego?????
Xa o dixen (é realmente para chorar, unha auténtica traxedia):
-Coñezo a moita xente da Coruña que NON son capaces de dicir dúas palabras en galego (e o mesmo que pasa na Coruña, pasa en Vigo, etc., etc.).
-Para os meus sobriños, educados nun ambiente familiar galego-falante, nestes momentos (e cada día que pasa máis) a língua de relación predominante é o castelán: na clase, cos seus compañeiros e amigos, etc., etc.
A escola e as decisións políticas teñen unha importancia fundamental na pervivencia dos idiomas: negalo paréceme un tremendo erro. Unha actitude, atreveriame a dicir, suicida.
Sr. Ameixeiro, non trate de pór na boca doutros palabras aquí non ditas.
Todos recoñecemos a importancia da escola e da política... Pero permitame que lle conte unha anécdota. Cando vivía na Arxentina había un famoso grupo que se presentaba ás eleccións que se chamaba MAS (Moviemento al Socialismo) e opúñaselle nos comicios universitarios o simpático MENOS (Movimiento de Estudiantes no obsesionados con el Socialismo).
Eu non lle estou obsesionado coa escola nin coas leis. Despois de declararme a favor da escola monolingüe que máis quere que faga? Non me apelido Piñón nin Martínez.
Gañemos a sociedade -que non é o mesmo que gañar eleccións-
Suicida é seguir co mesmo discurso sen evolucionar cando a sociedade cambia.
Provoco: Todo o que estea fóra do multingüísmo é perder o tempo e remar para atrás.
Os amadores do galego, somos os que máis amamos as linguas porque empezamos pola nosa. ¿Como podo querer ao xénero humano se non quero ás persoas que teño preto?
Sabemos que no futuro -xa- as capas ilustradas necesariamente falarán varias linguas e cómpre que isto o entendamos ben para saber "desde cal" imos ver o mundo, cal é a das nosa identidade.
Estoulle feliz porque en xullo levo a 27 mozos a aprender inglés a Irlanda e por suposto, como comprenderá, a miña única ligua de relación cos pais é a que agora nos provoca.
Moi ben dito... mais non poderian por imaxes de Nicole Kidman (ou cadros de Boticcelli,...) en troques da vella bruxa e a cachola cortada do homiño ese pra animarmos e ser mais positivos (queiras ou non estas imaxes influen no ánimo do debate).
Por exemplo: ¨O nacimento de Venus¨ ou ¨A primavera¨... Invita ó optimismo e ponte de bo humor... Pra andar queimados xa andamos tódolos días.
Admito a crítica de Roi Queimado. As últimas imaxes foron algo deprimentes, o que sucede é que descubrín a obra deste pintor belga, Antoine Wiertz, e quedei fascinada. Recoñeza, en calquera caso, que a súa "lectora de novelas" si era seductora e sensual. En fin, prometo que en post sucesivos alegrarei as imaxes.
No anterior, quixen dicir "fascinado".
Foi politicamente correcto.
Hai que dicir quedei fascinado e fascinada, para respectar a parte feminina que hai en nós...
¿ou é unha conachada? Máis ben.
Pois todo aquilo que sexa ¨seductora e sensual¨ animaría o debate e invitaría a pensar en positivo. Non hai mais deprimente que esas novas que invitan a facer o testamento en galego, etc.
Escriba na súa lapida en galego, faga o seu enterro en galego, ... Eu quero vivir en galego!!!
Si, Roi Queimado, pero a morte (eu asinei aquel manifesto de Galegos de Por Vida) é tamén unha parte da vida. E poucas cousas hai tan tristes como ver o enterro en castelán, con todos os textos en castelán, dunha persoa que en vida foi galeguista e usou a lingua de seu como vehículo habitual. É case unha burla (aínda peor: eses forzados enterros relixiosos de persoas laicas e mesmo ateas en vida; en Auria houbo exemplos ignominiosos...).
Si, Estou dacordo. Mais eu vou mais ala. Eu digo polo uso que certos medios de comunicación que fan deso. É algo subliminal (identicación do galego como algo anticuado, necrolóxico, rollo cultural, etc)
Súmome á xuizosa proposta de Roi Queimado. Eu non recorrería a Boticelli porque está xa moi visto, pero vostede, señor Valcárcel, ha atopar fermosos cadros, dos simbolistas ou dos neorrafaelistas, por exemplo. Tamén, por qué non, pode recorrer a imaxes do cinema (clásico, que "mola mazo" nun blog cultural). Con todo, eu adhirome entusiasticamente á sabia proposta inicial de Roi Queimado: poña, por favor, a Nicole Kidman, a nosa deusa protectora do galego.
Apertas.
Súmome á xuizosa proposta de Roi Queimado. Eu non recorrería a Boticelli porque está xa moi visto, pero vostede, señor Valcárcel, ha atopar fermosos cadros, dos simbolistas ou dos neorrafaelistas, por exemplo. Tamén, por qué non, pode recorrer a imaxes do cinema (clásico, que "mola mazo" nun blog cultural). Con todo, eu adhirome entusiasticamente á sabia proposta inicial de Roi Queimado: poña, por favor, a Nicole Kidman, a nosa deusa protectora do galego.
Apertas.
Non quero falar de escuras conxuras xudeo-masónicas de certos medios de comunicación , mais... se les os xornais deste pais escomezas a pensar na existencia dunha conxura, ou algo parecido.
O mellor é que lín demasiados libros desos de tematica ocultista (O derradeiro catón, o derradeiro mohicano, O derradeiro templario, o derradeiro ilumindado, etc)
Máis misterios sen resolver? Xente que sempre escribiu en galego e de súpeto cambia de idioma ... Que cousa tan sospeitosa!
Mi dispiace la parola "sospeitoso", troppo "sospeitosa".
facíame ilusión chegar ó medio cento de comentarios
O contador do blogger pita 50, pero realmente son 48, Monxardin, e Anónimo-politico cultural, coa discusión emocionáronse e clicaron unha vez de máis.
Marcos, cando poidas bórraos, para que quede a cousa ben, pero non do mapa.
XulioDRabal
...tampouco non hai que ser tan matemático, rediola, así que a se amolar que xa son cincoenta, ou qué?
Ou cincuenta e un.
Bikos.
Bueno, bueno, amijiños sí, pero a vaquiña polo que vale.
E porque non nos marcamos outro reto, os cincuenta saben a pouco, imos polo cento.!
Sei dunha bitácora que pásaos largo, pero é dos paos que lle dan ós donos, pola conducción inconsciente do mesmo, leva dous meses, e nós levamos días.
E o Sr de Rabal, doulle a razón, non vaia ser despois veña un listiño e nolo restreje na cara.
A POLO CENTO, MEUS, PERO QUE TEÑAN TANTA LUCIDEZ COMA OS PRIMEIROS!
¿Pero que facedes por aquí?
O debate xa mudou, está moito máis arriba...
Deixade a parvada esta de chegar ao cento... na que acabo de colborar.
Publicar un comentario