8 jun 2006


Felicidades !!
Coñecino no Instituto de Ourense, aló polo ano 73 ou 74. Non, non é certo. Xa o coñecía un ano antes, dos cursos de Lingua e Literatura Galega da Auriense. Eu era un mociño aplicado dos Maristas (un bon rapaz, "educadito" que diría o Luís G.T.) e el era un mozote moi espelido e facíase notar polo ben que falaba en público: hoxe é un dos mellores conversadores deste país, todo un espectáculo escoitalo e compartir tertulia con el. Tamén un dos nosos mellores escritores. E o autor dalgunhas das mellores columnas de xornalismo cultural publicadas na prensa escrita, en Tempos Novos ou en El Correo Gallego. Falo de Bieito Iglesias, un ourensán de Vilarchao e da Chabasqueira, fillo de emigrantes, estudante sempre brillante. Vivimos cinco anos xuntos en Compostela (devorabamos os relatos de Cortázar e outras cousas), fixemos moita política xuntos, e acción cultural. Pouco despois iniciou a súa convivencia con Merche, que perdura 25 anos despois. E o sábado pasado casou, motivo desta nota de noraboa. El mesmo o conta no seu "Pan e coitelo" de hoxe.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Parabéns, logo, a Bieito, gran tipo, simpático a máis non poder, ocurrente sempre, escritor máis que notable, e con quen Cesare Pavese ten un "problema persoal".

Marcos Valcárcel López dijo...

Cóntenos o de Cesare Pavese, que os lectores quizais non se decaten (e eu neste momento, tampouco).

bouzafria dijo...

Xa que intima con Bieito, trasládelle parabéns, xa que a súa escrita transpira ledicia. Para min, agora é o mellor escritor vivo no noso idioma que escribe en papel ( concordo con Manuel Rivas na opinión de que o mellor escritor galego actual escribe no ar: Quico Cadaval)

Anónimo dijo...

Exactamente era Keats, que dicia que os seus mellores poemas os escribira cun dedo na auga.
Noraboa a Bieito
Bo elemento si señor.
Formaba parte daquela famosa célula da UPG...Anselmo Lopez...Chus Pato...Quintana Garrido... Romasanta Armesto...Manuel Guede...
que teñen dado xa bos frutos para a cultura galega.
Sobre bieito habería que falar en Ourense, sobre a súa obra...porqué non?

Anónimo dijo...

Con esa inmensa graza que o caracteriza e que flúe nel con absoluta naturalidade, ten feito Bieito (eu escoiteillo nunha conferencia) unha analoxía entre os escritores galegos e o que dicía Pavese nas súas memorias (coido que era nelas). Dicía Pavese: cando me poño a pensar que neste preciso intre hai no mundo varios millóns de persoas facendo o amor, tómoo como un asunto persoal. Como Bieito escribe tan ben (e como tamén hai vintetantos anos deixou un "recordo" dos seus dotes amatorios baixo da cama da miña habitación de estudante, que lle prestara toda unha tarde), Pavese, e os escritores galegos, teñen con el un "problema persoal". E todos temos con el unha débeda persoal por alegrarnos a vida cando o escoitamos ou lemos. Outravolta: parabéns, Bieito!

Anónimo dijo...

Eu lembro cando cheguei a Compostela no 77 a Bieito Iglesias como mitineiro na Aula 8 de Medicina. Estaba en todas : Ascón, non ó CAN, non a autopista (TAMÉN ALGÚN SÍ) Era contundente. Agora sei que esa enerxía derivouna cara a Literatura ferlizmente. NORABOA.

Anónimo dijo...

Felicidades, Bieito.
Sobre todo pola felicidade transitoria que nos fas vivir ao ler as túas cousas.

Marcos Valcárcel López dijo...

Un dos moitos méritos de Bieito é saber converter todo en literatura: para iso válelle o mesmo a súa biografía e tradición familiar que as "notas de sociedade". Podería facer un libro de relatos sobre Julio Iglesias, Marujita Díaz e outros folclóricos. Oxalá un día se poña ao conto...

Anónimo dijo...

Bieito forever!