30 sept 2006

Islam, fanatismo e liberdades (segunda sesión da Tertulia no Liceo)

Celebramos onte a segunda sesión da nova Tertulia do Liceo (por certo, teremos que poñerlle un nome, non?). Asistiron máis de 20 persoas: a maioría dos que acudiron o venres anterior e novas incorporacións como Andrés Mazaira, Afonso Monxardín, Carlos Varela, Xulio Fernández, Jesús de Juana, Lalo Pavón e Pepe Trebolle. Tamén por vez primeira houbo mulleres no grupo (ata agora, non puidera asistir ningunha das convidadas): este venres estiveron Ángeles Castro, profesora de historia, e unha amiga.
Outra novidade foi que nesta ocasión o tema foi monográfico e deu moito de si: dúas horas de intelixente a apaixoada conversa. Propuxen eu que o debate xirase arredor da Alianza de Civilizacións e as relacións entre o Islam e Occidente. O peso do debate recaiu en Afonso Monxardín, Andrés Mazaira, Xulio Prada e Rosendo Fernández. Para empezar, Monxardín e Javier Casares resumiron algunhas intervencións habidas nos Encontros de Mondariz: as de Vallespín, A. Elorza e Tariq Ramadán, das que se falou abondo neste foro. Foi un bo punto de partida. É imposible resumir os contidos de dúas horas de debate, pero apunto, só a xeito de esquema, algunhas das ideas clave do mesmo (falar de conclusións quizais fose pretensioso). Por exemplo:
- A falta de correspondencia entre o tratamento do mundo musulmán en Occidente e as posibilidades de actuacións dos cristiáns e outras relixións nos países musulmáns (Rosendo Fdez.)
- O atraso histórico do mundo musulmán carente dunha serie de experiencias históricas vinculadas ao racionalismo: dende a Revolución Francesa ata os Dereitos Humanos e a liberdade da muller, entre moitas outras (múltiples intervencións neste sentido: Abelardo de Gabriel, etc.)
A necesidade de establecer un mínimo de valores que sexan aceptados como base para calquera diálogo intercultural. A.Mazaira foi o máis escéptico á hora de confiar na posibilidade de fixar unha serie de “valores universais”. Falouse, con todo, do Dereito á Vida, da Igualdade entre homes e mulleres, da Liberdade de Expresión, da Condea do traballo infantil, etc. Unanimidade na condena legal, dende as propias leis dos países occidentais, de prácticas como a ablación a menores.
- Debe haber un mínimo de valores irrenunciables e de carácter universal: quen o expresou con máis claridade foi Xulio Prada. De non aceptarse isto, estariamos negando a propia dignidade da persoa humano e dando voltas cara un retraso de moitos séculos en Occidente.
Xa na praxe concreta do que é hoxe a política internacional, houbo moitas intervencións sobre o que significa a democracia e o antiamericanismo (Monxardín, Eguileta, Abelardo, etc.). Mazaira foi moi crítico coas ideas occidentais sobre a democracia: que sucede cando gaña por medios democráticos un grupo que non nos gusta, Hamás por exemplo?
- Monxardín insistiu, por exemplo, con asentamento case xeral que, tal como están as cousas, a supervivencia do Estado de Israel (e de Siria) é imprescindible como contrapeso a unha situación insoportable de expansión do chiísmo en todo Oriente Próximo, nunha zona xeoestratéxica onde non abundan, todo o contrario, os réximes democráticos.
- Xa para rematar, destacaría a intervención de Xulio Prada que explicou moi ben, dende claves históricas, o por qué deste esplendor do Islam e a súa difusión en Occidente que tería que ver non só coa expansión da inmigración senón coa propia desestructuración dos países árabes despois do fracaso doutras experiencias (Nasser e o modelo socialista por exemplo). Nese contexto, só movementos como Hamás ou Hezbolá responden ás necesidades dun amplo tecido asociativo, como colchón económico, social e cultural, ante a inexistencia ou inoperancia dos Estados. Nesta liña apuntouse tamén a necesidade de prestar atención ó que suceda en Turquía, onde a occidentalización vai asociada ós militares, e á necesidade de que Europa lle abra as súas portas, precisamente para amosar que pode existir outro tipo de Islam non dependente do fundamentalismo. Pero tamén se observou o pesimismo de constatar que o que suceda con Europa e Turquía non dependerá tanto destes factores políticos estratéxicos como do medo dos países europeos a recibir a varios millóns de novos inmigrantes e traballadores de orixe turca, coas mesmas condicións laborais e legais que os cidadáns da UE.

En fin, estes foron algúns dos temas que se trataron e espero non ter transformado o sentido das intervencións de cadaquén: se así fose, foi de forma inconsciente e pido escusas xa por calquera falsa interpretación que se poida derivar destas liñas.
(Imaxe: fotografía de Pavel Krukov)

15 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu engadiría dous aspectos: por unha banda sinalar que nos atopamos ante un problema poliédrico e moi amplo que require o uso dun gran angular, capaz de darnos unha visión de conxunto non focalizada en aspectos puntuais. Pola outra, a necesidade de enmarcar a inevitable, a lo menos dende o meu punto de vista, procura de espazos para a construción dunha sociedade multicultural a partir de valores compartidos, no marco do proceso de globalización mundial existente e nas súas esixencias e consecuencias (moi relacionadas os procesos de reafirmación identitaria por certo).

Nesa liña…. o xornal La Vanguardia na súa edición de hoxe, sábado 30, reflexa a clara aposta do mundo económico financeiro occidental por buscar a integración da charia, lei islámica que rexe a vida cotián dos musulmáns, en produtos e sistemas financeiros (a charia repudia a usura de xeito que as transaccións baséanse no principio de compartir riscos e beneficios).

De ese xeito o sistema financeiro bancario adaptado a lei coránica crece a un ritmo anual do 11% e opera en oitenta países…nese articulo refírense aos primeiros pasos da banca islámica europea (Islamic Bank of Britain ou o European Islamic Bank) pero tamén a progresiva entrada de entidades financeiras convencionais que ofrecen servizos adaptados aos códigos do Islam como por exemplo: Deutsche Bank, UBS, Citibank, HSBC, Grupo Credite Agricole e o previsto lanzamento en poucos meses dun paquete de produtos financeiros adaptados a charia polas institucións financeiras españolas mais dinámicas: Banco de Santander e La Caixa (estamos a falar de todo tipo de produtos financeiros dende as mais seguros os que asumen mais riscos: contas de aforro, fondos de inversión, mercado de debida exterior e interior, obrigacións islámicas ou sukuk........).

O igual que dediquei o outro día, noutra entrada deste blog, unha breve chamada a necesidade de prestar atención e extraer conclusións da debilidade da estrutura empresarial galega demostrada reiteradamente nos derradeiros meses, non deberíamos de menosprezar esta aposta do sistema financeiro pola integración.

Se queremos avanzar neste debate noutras ocasións entendo que deberiamos de evitar circunscribilo o ámbito da filosofía política e o choque entre valores e normas de conduta. Si alguén da por bo a teoría do choque de culturas, que derívase da reafirmación de cada cultura nos seus propios valores sen concesións e sen posibilidade de atopar confluencias, non habería mais saída que a posta en marcha das leis suízas de emigración e dos muros que constrúen Israel e EEUU (uns e outros son muros sempre facilmente de derrubar por certo). Ademais non sairemos da relatividade de eses valores universais atlánticos que hoxe en día non son tan homoxéneos nin sequera en Europa; valores que, ademais, mudan e evolucionan co paso do tempo, xa que os conforman os cidadáns, e non os territorios, polo que inevitablemente, unha visión a medio e largo prazo aconsella que non nos obsesionemos tanto coas táboas de valores de hoxe en día, xa veremos como son e que pensan os cidadáns europeos dento de 50 anos ….

Para seguir e avanzar, deberíase de situar o debate penso eu, como xa se ten apuntado por diversos autores, en atopar o xeito de transformar a nosa sociedade nesa sociedade mais multicultural que esixe a inmigración, capaz de xerar código híbridos sen perder as identidades, sen caer na xenofobia e superando a intolerancia (case sempre interesada). Sendo conscientes, como se dixo xa, de que se está a producir unha utilización de comentarios e xestos con claros fins políticos nos ámbito internos”.

E saíume longo o texto....síntoo.

Anónimo dijo...

????????????????

Anónimo dijo...

Asi de pronto :NOVO LECER NO LICEO

Anónimo dijo...

Discrepo do expresado a respecto da necesidade de exportar os dereitos humanos ao mundo árabe-musulmán. O máis fondo da cultura musulmán conspira en contra dos dereitos humáns, non porque "eles" sexan crueis e "nós" nobles e xerosos, senón pola importancia que entre eles ten a comunidade, e pola serodia e problemática recepción das ideas democráticas occidentais. Poñamos un só exemplo: cando, a principios do XIX se quixo traducir ao árabe o noso concepto occidental de "libertade", pasou algo parecido a cando os pastores protestantes quixeron traducir "Deus" ao innuit (a lingua dos esquimais): non encontraban a palabra axeitada. Os predicadores cristiáns optaron por traducir "Deus" por unha palabra que significaba "gran cazador de osos"; os árabes "libertade" por unha que significa algo así como "manumisión" ou liberación de algunha servidume, unha palabra, en suma, moi alonxada do noso moi abstracto concepto de "libertade" como capacidade de opción e decisión. Non é que a linguaxe sexa unha cárecere, pero pode server de referencia para amosar as dificultades que a cultura árabe-musulmán ten para recibir os nosos conceptos políticos medulares.Ademáis, o modernismo musulmán tivo mala sorte, pois apostou por unha serie de reximes de matriz occidental (primeiro o liberalismo en Exipto, despóis o nacionalismo e socialismo árabes) que, co tempo, se revelaron corruptos e incapaces de cumprir as súas propias promesas. Fronte a eles, o islamismo político aparece coa lexitimidade que lle reporta non estar manchado pola corrupción, falar en nome de Alláh e proporcionar redes de asistencia social que, en algúns paises, constitúen a seguridade social de estados en crise. Fronte a ese "reformismo musulmá" (esquerdista no social, conservador no político-cultural, segundo os nosos propios esquemas) atopamos un laicismo marxinal, case testemuñal, que non sabe ou non pode dar unha alternativa crible. De ahí que haxa que contemplar con interese ao islamismo político que tan inflamada e seductoramente representa Tariq Ramadán, o seu portavoz para Occidente. Con interese, pero con cautela. E digo con cautela, porque cabe sospeitar que os seus chamamentos, ademáis de buscar a integración (eu creo na súa sinceiridade, neste aspecto) busquen tamén traducir en termos electorais o progresivo peso demográfico da emigración árabe-musulmá en Occidente. Cautela que compre termos, igualmente, á hora de aceptarmos os seus modelos políticos para o mundo musulmán. Cabe aceptar unha democracia "árabe" distinta da occidental; cabe incluso aceptar (sería unha medida de realismo político) unha democracia non exactamente multipardista. O que é inaceptable é a ausencia de libertade de expresión e de garantías xurídicas. Porque "o Islam" tamén é a discrepancia interna. E non acaba de quedar claro se os islamistas, de gobernaren, respetarían correntes ideolóxicas e conductas que se desvíen da Sharía.

Anónimo dijo...

O autor do comentario anterir son eu, Jim Morrison.

Anónimo dijo...

O texto de Jim Morrison pon o dedo na chaga e amosa o problema da cadratura do círculo.

Por unha banda, sinala que toda exportanción -neste caso dos dereitos humanos- ao mundo islámico remata por convertirse nunha imposición de corte neoimperial (por dicilo comodamente).

De aí deriva Morrison unha postura cruamente realista que dá conta da “inconmensurabilidade” entre os valores angulares de tipo occidental e os valores tradicionais e comunitarios do islamismo, que se achan todos eles subsumidos nunha concepción integral (integrista?) da relixión.

O exemplo da “tradución”, oportunamente traído a colación, non é algo anecdótico ou meramente lingüístico-terminolóxico, senón que demostra que o “horizonte do pensable” é radicalmente diferente e que posúe uns efectos prácticos ben evidentes. Se non se pode pensar o “individuo” como un ser libre e autodeterminado ao estilo liberal-occidental, tampouco se poden pensar os dereitos humanos asociados a tal concepción. O que non é pensable é non factible.

Mais, por outra banda, partindo da óptica realista da inconmensurabilidade, Jim Morrison procura unha saída ao labirinto e aposta, con todas as cautelas posibles, por dar cancha á perspectiva que representa, tan brillantemente, Tariq Ramadán.

Ora ben, no texto de Morrison, ponse de manifesto que a cautela remata por anular a “confianza” e por convertirse en “sospeita”.

Porque se, alén da idea de integración, tamén se atopa a tácita intención de traducir o peso demográfico da emigración árabe-musulmá en peso político-electoral (unha longa marcha de islamización de Occidente por métodos pacíficos e democráticos?), e porque se, ademais, hai que aceptar tamén con cautela “os seus modelos políticos para o mundo musulmán”, as boas intencións iniciais de aceptar, por realismo, unha democracia “árabe” distinta á occidental rematan por clausurarse.

Unha democracia que non teña multipartidismo pero que, porén, garanta a liberdade de expresión e as garantías xurídicas? Velaí a cadratura do círculo.

Porque, como amosan as crúas réplicas da historia, un réxime político no que non estea garantido o pluralismo político tampouco respecta a liberdade de expresión e as garantías xurídicas.

O propio Morrison é consciente desta cadratura do círculo: “non acaba de quedar claro se os islamistas, de gobernaren, respetarían correntes ideolóxicas e conductas que se desvíen da Sharía”.

E nesas estamos. Polo de agora, non se atopa o camiño. Vamos, parécemo a min.

Un saúdo.

Anónimo dijo...

Pois si, amigo político-cultural, a cousa está difícil.

Anónimo dijo...

JIM MORRISON E O POLÍTICO CULTURAL.

Ben, creo que todos imos tendo unha percepción semellante, mutuamente enriquecida do planteamento da cuestion.
É obvio que hai un problema de valores éticos e de comunicación entre culturas ou entre “sistemas ou complexos culturais”, para cinguir a expresión “cultura”, ás pequenas, -anglosaxona, nordica, italiana, galega, española, ou o que sexa.
Hai unha diversidade de orixe que foi solucionada de formas distintas. No mundo occidental, a civilización científico técnica, desenvolvida por evolución das élites cidadáns e intelectuais occidentais, asolagou á cultura tradicional, de forma que mesmo as expresións máis permanentes e ideoloxicamente arcaizantes –como a igrexa católica ou protestante- deberon adaptarse aos novos tempos e repregarse no plano do íntimo relixioso, do individuo ou da familia, deixando só algunhas manifestacións retóricas –nas constitucións, nas “vodas” reais etc. como debedoras desa tradición no plano global. E mudaron fondamente. A teoloxía da liberación. A convivencia cos laicos sen afán de exclusividade. A permeabilidade á colaboración con outras confesións e ideoloxías...
Así, nós tendemos crer que os valores actuais científico-técnicos –de orixe occidental e onde están máis asentados, os valores éticos, humanos –individuais- e políticos –solidarios e de organizacón social- deberían ser aceptados universalmente por todos os habitantes do planeta.
Certo que hai un problema de emisión no mundo occidental que fai que aos ollos islámicos apareza como imposición a extensión deses dereitos, pero tamén é obvio que hai un problema de parte do recpetor. Non debemos só martirizarnos e botarlle todas as culpas da falla de permeabilidade á política de USA respecto de oriente medio. Apuntábase antes que os estados fallidos, ou mellor os modelos fallidos de occidentalización de países islámicos –Exipto de Nasser, Persia do Xa, Iraq de Huseín, - aos que se lles podería engadir outros moitos que se as circunstancias fosen propicias poderían acabar sendo derrubados (Marrocos, Turquía, Siria, Iraq, Paquistán...) son un lastre fundamental. Fronte ao estado fallido, a eficacia e hornadez islamista. O estado que non existe, fronte a unha sociedade civil organizada e que funciona. Pero non unha sociedade civil no noso sentido, non. Unha sociedade islámica, onde funciona o grupo como único valor. Onde se un é detido por colaborar co inimigo, non se lle aplica a presunción de inocencia senón o linchamento simple e inmediato. Aínda sen simpatía ningunha por esa eficacia social, hai que tela en conta.
Creo que é interesante reflexionar ademais sobre os modelos orientais. China, Xapón, etc. Xapón, por exemplo, fillo directo da industrialización e organización administrativa dos estados europeos, logrou na década dos trinta unha envexable situación económica, e unha occidentalización dos modos de produción e organización social que se sobrepuñan a unhas fondas raíces e formas de pensamento que seguiron ancoradas na máis aguda tradición e eticidade nacional. ¿Como aqueles xaponeses ocidentalizados asumiron orgullosos o modelo harakiri e a vocación de morrer polo emperador antes que a redición, e que á postre fixo xustificable, para algúns, o emprego da bomba atómica como forma de aforro de vidas humanas ante a fin da guerra?
¿Como aquel país machacado como ningún do planeta o fora na historia, non construíu unha ética de rexeitamento e odio a occidente, senón pola contra, se ocidentalizou aínda máis e conservou, mesmo, o empredaor Hiro Hito ata antonte?
E que dicir da China, nominalmente marxista-leninista e en realidade unha excentricidade precisa para o capitalismo máis salvaxe da historia. “Se vós, obreiros de occidente queredes cobrar máis, encontramos a quen o faga por menos, por un prato de arroz, e como mandan os comunistas, pois ninguén protesta. E xa veredes o que pasará andando o tempo, que teredes que baixar os vosos soldos”. E os escravos están contentos. Como en Roma, sen dúbida. Como nas beiras do Mississippi, tal vez. A submisión ao estado e ao emperador é o mesmo. Despois de décadas de oír a falsidade do “poder popular”, non se cuestiona o colectivo. A saída é individual. Tendas de toda a cen polo mundo. Traballo de 14 horas nunha fábrica en Shangai. Pero ninguén cuestiona a transaformación colectiva. A aceptación dos valores occidentais –de mc donals á riqueza insolidaria, - ata que punto vai acompañada no querer colectivo dun desexo da chegada dos Dereitos Humanos, políticos e sindicais?
Porque oriente participe da nosa civilización científico técnica, non creamos que son parte da nosa cultura. Non sei se poderá confiar nun programador informático hindú que non fale cun paria. Ou cun gobernante chino que nos arranxa papeis –con suborno- para abrir a nosa fáabrica en Shangai.
Se cadra este modelo de convivencia planetaria, na que nós non preguntemos máis que para contentar as nosas conciencias, polos dereitos dos parias na India ou polos humanos en Peking, pero si esteamos integrados economicamente, sexa o futuro. Sería posible integrar aos musulmáns nalgo parecido e non lles preguntar polas mulleres nin polos partidos políticos?. Como dicía o outro día Xulio Prada, o problema é a fronteira. ¿Onde poñemos a fronteira do tolerable,. para que non salte todo?

Anónimo dijo...

O caso xaponés non é de occidentalización simple senón de remodelación a partir do ethos confuciano preexistente, relixión "racional" á súa maneira (contra o que pensaba Max Weber), que aínda modela a vida xaponesa. China é confuciana (como o era Mao, anque atacase ao confucianismo), pero, a non ser que a democracia sexa algún dia funcional ao desenvolvemento do capitalismo chino (neste momento o funcional é o capitalismo burocrático), non se albiscan moitos chinos partidarios dun sistema político á occidental. O caso do mundo árabe-musulmán é aínda máis problemático. Os islamistas políticos constitúen, en moitos paises, a única sociedade civil realmente existente e operativa, co agravante de que, ao traballaren áreas asistenciais que tradicionalmente detentou o estado, tamén é estado, ou, cando menos, o prefigura.Unha paradoxal situación que se poder resumir así: os islamistas crean sociedade civil para disolvela, se os deixan, convertíndoa en estado, unha vez cheguen ao poder. Qué debe facer "Occidente": resolver o conflicto palestino, negociar co islamismo moderado, presionar para que acepte sistemas garantistas, apoiar un laicismo interno que non se limite a doblar en negativo as posturas integristas: calquera cousa agás seguer entonando ata o aburrimento o mantra universalista.

Anónimo dijo...

Pois si, amigo Morrison, hai moito por facer.

Anónimo dijo...

Si señor,
calquera cousa agás seguer entonando ata o aburrimento o mantra universalista.

Anónimo dijo...

Está ben eso de detectar os problemas e redactar solucións (sempre moi unilaterais por certo e dende unha perspectiva moi occidental...... case sería mellor que falemos por e de nos e que deixemos que os outros “sistemas culturais” falen por eles e nos digan ata ónde queren/poden chegar .... ). En calquera caso, antes de que se acheguen todos os mundos mundiais as solucións que aportamos, preséntanseme unha dúbidas previas : ¿Cándo, Como e quen buscará solucións?.... Está ben que busquemos solución maximalistas ao problema de xeito que sexamos que de superar ese chamado "mantra universalista", pero eu xa me conformaría con empezar a ler un debate real sobre a posible metodoloxía a utilizar no proceso de dialogo capaz de superar unha tensión que irá crecendo....... e a verdade non vexo as elites políticas occidentais neses temas....

Por certo, eu no comparto esa idea de iniciar o proceso con unha fronteiras xa fixadas de antemán dende a cultura occidental (lúcida e desenvolvida) como premisa ao dialogo (e dicir repetir ata o absurdo a postura occidental no asunto da enerxía atómica en Irán); non somos nos os que poremos as fronteiras ... haberá que buscar límites compartidos, por moito que lle pexe aos unilateralistas tipo Merkel, normas aceptables para todos que ou son postas entre todos e son asumidas polos diferentes sistemas como piares da convivencia global ou non valerán....

Anónimo dijo...

Tentarei abordar este debate dende esa perspectiva pragmática, porque o mellor estamos dándolle demasiadas voltas a un análise, no que con matices temos case todos unha percepción semellante (en palabras de Etxeokeai Fernández). Simplificándoo moito o asunto ten, a lo menos, dúas vertentes diferentes: unha endóxeno e outro esóxena, que requiren enfoques distintos

- Polo que respecta as tensións en medio e próximo oriente, ao cidadán europeo tipo penso non lle importa moito si saen berrando a rúa miles de fanáticos nin que din o papa, nin si se retira a opera unha estraña adaptación de Idomeneo ( por certo moitos seguro que comparten a columna de hoxe de Eduardo Mendoza no xornal El País co título de Idomeneo), en canto a rede institucional-empresarial esta non ten problema en redeseñar estratexias e produto cos que todos desenvolven novas oportunidades de mercado e todos gañan (xa se dixo aquí) . O que desexa o cidadán europeo maioritariamente é que non lle poñan unha bomba no tren ou no metro que utilizan, e poder seguir coa súa vida cotián e de benestar.
Unha vez todo o mundo e xa consciente da incapacidade de parar o terror dende aquí a base de muros e invasións, guerras e poñendo e quitando gobernos; so nos queda apostar pola construción de gobernos fortes na zona que admitan esa premisa de paz e que sexan capaces de controlar ese fanatismo a través de estrutura sociais e económicas potentes. Xa que non ten volta atrás a torpeza de eliminar o réxime de Irak, a solución pasa por fortalecer gobernos estables en países claves da zona: Siria, Exipto, Xordania, e por que non: Irán, Arabia S. E algún outro (pode estar Monxardín tranquilo que non deixaremos tirado a Israel o igual que o resto dos países decisivos da zona, simplemente porque nos interesa non porque esteamos de acordo coas posturas dos seus lideres) e acordar paz por benestar, sen fronteiras occidentais mais que a Paz . Por certo si tivera que optar por estender un valor para este obxectivo eu trataría de facer fincapé nos de redistribución e igualdade (mais que nos de democracia e liberdade). Nesta chamada a convivencia planetaria dos “sistemas ou complexos culturais” do que se trata e de coexistir, e dáme a impresión que nel pouco ten que dicir Tariq Ramadán e os seus grupos islamico-intelectuais europeos (por certo chegar a acordos non implica a inexistencia de proclamas populistas... que permitan facer política interna os gobernos árabes: como aspirar a desaparición do estado de Israel)

- Polo que respecta a situación dentro dos países Europeos, a integración debería de vir da man da progresiva incorporación dos inmigrantes a vida política mediante os procedementos de representación. Chegados a este punto parece posible que os partidos tradicionais non estean a altura do reto que supón promover a interculturalidade (moito mais interesante que a absurda multietnicidade ou que a simple multiculturalidade) a medio e largo prazo e aí si que os ocos dos partidos occidentais si poden ser ocupados por xente tipo Tariq Ramadán.

Anónimo dijo...

Monxardín está tranquilo e escoitando porque sabe que Israel seguirá existindo, e que non se deixará asoballar. Outra cousa é que sexa moi difícil pedirlle cordura a uns dirixentes que conviven a diario coa morte que sofren e provocan. Por iso, tamén hai que ser autocríticos desde as posturas pro-israelís, pero sen caer na flaxelación barata.
Pero a permanencia de israel non é custión, en absoluto, baladí. Á parte da traxedia humana e económica que significaría, tamén dentro do discurso radical islámico, hai un triplete: Os cruzados estiveron en Palestina 200 anos e acabron no mar. Os xudeus levan 50 anos e acabarán no mar. Despois, a recuperar o nivel máximo da expansión histórica do Isalam. E,pensemos, ¿Que zonas teñen abandonado historicamente o as zonas baixo poder islámico? A indenpendencia dos países balcánicos está aí ao lado -lembremos que Kosovo e Bosnia foron Turcos ata finais da 1º guerra mundial- pero aínda hoxe en Albania, Bosnia, e zonas de Macedonia, seguen con maioría musulmana.
No pasado mítico islámico, non é o mesmo esas zonas que Al Andalus. A Catedral de Córdoba no medio da mezquita é algo moi forte para eles que prefiren visitar a Alhambra e pensar...
Non é coña que Al Quaeda fale de Al Andalus como terra islámica que foi e deberá ser.
En certa medida, metafóricamente, a sorte de Al Andalus xógase no Líbano, na faixa de Gaza e na beira esquerda do Jordán. Por iso hai que arranxar ese problema que é madre de todos os problemas.
Como a madre do vinagre que estropea todos os viños, o conflito de Israel derrama todos os intentos,por bos que sexan.
En frase moi repetida estes días, serán uns fillos de puta estes israelís, (que eu non o creo) pero en calquera caso, son os nosos fillos de puta. Hai que axudalos a saír do paso. E turrarlle das orellas para que o fagan ben.

Anónimo dijo...

Visto como se prolonga a TERTULIA equí. ¿Non estaría ven o nome:
"Os Blogqueiros"...........