24 sept 2006


O DEMO NA CULTURA POPULAR
(Andoliña sábado 23 setembro)
Manuel Quintáns Suárez é un vello coñecido dos lectores deste xornal. En “O Correo Galego”, antecesor destas páxinas de hoxe, publicou diversas series sobre literatura popular galega, coas cabeceiras “Cancioneiro galego” ou “Refraneiro e cancioneiro da Fisterra galega”, entre outras. Chéganos agora o seu último libro, publicado por tresCtres, co título “O Outro Mundo na cultura popular galega”, que ofrece un amplo percorrido polas crenzas da nosa cultura tradicional inmaterial arredor do Ceo, a Terra e o Inferno, Deus e o Demo, as bruxas e o curandeirismo ou os diversos males do espírito.
A maior aportación desta achega do profesor Quintáns é a rica documentación que nos fornece, recollida en comarcas afastadas entre si: as Terras de Soneira, Fisterra, Xallas e Outes e, doutra banda, as contornas de Celanova, A Limia e Baixa Limia e outros concellos ourensáns (con datos de M. Castro Mera). Dende eses materiais, e seguindo as teses de V. Mokienko, descóbrenos facianas ben sedutoras sobre a permanencia do demo no mundo, a corte do demo e a súa plural morfoloxía animal e humanizada, a sabedoría e bondade de Deus e do Demo ou sobre a consideración negativa das lavandeiras da noite.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Teño unha dúbida: Esta pintura, polo que asemella, pertence a unha obra máis grande, podes amosala completa, ou mandarma por email? porque mira que me atrae a min este demo...
Grazas

Marcos Valcárcel López dijo...

O problema é que a encontre. Procurarei dende o Google: sucede que polo xeral arquivo todas as imaxes que me gustan cando estou "a navegar" (teño centos delas) e desta só collín a referencia "un díaño italiano". Por certo, é moi semellante á que aparece na portada do libro que comento, que, esa si, debe ser dun relevo galego, supoño.

Anónimo dijo...

Non te preocupes, Marcos, xa me informo logo eu. Moitas grazas por responder. Unha aperta :-)