OS XORNAIS NO FAIADO (1): NOVA SECCIÓN
Dende hai case 30 anos colecciono recortes dos xornais: é un vicio coma outro calquera, aínda que este ocupa moito tempo e moito espazo (no meu caso un faiado e outros dous recunchos, que algún día catalogarán con paciencia, quizais, algúns becarios). Teño centos de arquivadores con artigos e suplementos culturais e, entre eles, milleiros de artigos que vou ir recuperando parcialmente e de vagariño neste blog. Na miña propia biografía vital cubrín ben o período 1976-2006, pero ademais diso, despois, fun fotocopiando artigos de etapas anteriores (tanto de 1900 a 1936 como de 1936 a 1976, de diferentes medios galegos), co que se pode dicir que teño unha boa colección do xornalismo galego do século XX (tamén teño recortes de prensa española, catalana, etc., pero iso non vén agora a conto).
E empezaremos esta antoloxía, cómo non, cun dos grandes mestres: Carlos Casares e o seu xornalismo na Voz, máis os antecedentes de La Región e outros medios. Da súa sección “Á marxe” abre esta colección un dos artigos que lle dedicou a Newt Gingrich, presidente da Cámara de Representantes americana, a quen lle tiña especial manía. Utilizaba tamén a este personaxe, creo, para denunciar dalgún xeito a hipocresía da sociedade norteamericana no que respecta ós “vicios privados e as virtudes públicas”: como é evidente aqueles rematan sempre por aboiar a superficie e personaxes como Gingrich quedan en coiros ante a sociedade. (O xornalismo de Casares na Voz está a ser publicado tamén, en varios tomos, pola Editorial Galaxia).
Unha lembranza de Carlos Casares na súa morte:
www.culturagalega.org/eventos/especial_casares/index.htm
E a miña evocación persoal naquela hora (marzo 2002):
www.culturagalega.org/eventos/especial_casares/colaboracions.htm
Retirada
As persoas que exercitan a paciencia de ler estes artigos que escribo cada día coñecen ben a idea que teño de Newt Gingrich, o presidente da Cámara de Representantes americana. Un golfo. Aínda que non me considero un bo psicólogo, senón máis ben un pouco tonto á hora de ler no interior da xente, os desta especie non se me escapa ningún. Débollo á miña avoa, que dicía: “Cando alguén berra moito a favor de algo, hai que pensar mal automáticamente”. E Gingrich gritaba demasiado a favor da decencia, da familia e da corrupción dos demais. Como parecía lóxico, non tardaron en cazalo. O ano pasado foi censurado pola Cámara.
Agora acaba de dimitir como responsable do fracaso electoral republicano, pero aínda queda en pé o seu socio, o fiscal Starr, outro moralista vociferante que debe de estar tamén a punto de caer. Ambos os dous quixeron converter os pecados de Clinton no símbolo contrario da decencia que eles predican para América. Unha decencia que exclúe as trampas, as mentiras e as manobras; só pensa no sexo.
De cando en vez, xente como esta empéñase en fastidiar. Existiron sempre e sempre dixeron e dirán sempre o mesmo. A miña impresión é que, a largo prazo, nunca gañan, pero fan mal. Supoño que eles non cren no que din, pero hai moitas persoas inocentes dispostas a seguilos, poñendo na batalla o peor, é dicir, exceso de corazón, e deixando a un lado o mellor, ou sexa, un pouquiño de cabeza. Gingrich foise dicindo que non entendía nada, o cal é certo. Se non foi capaz de entender as encuestas que os puñan a el e ó seu cómplice ó fronte da lista de personaxes máis detestados de América, parece lóxico. A rabia perturba o pensamento.
(La Voz de Galicia, 9-XI-1998)
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
8 comentarios:
Paga a pena lerte por estas cousas que tes...Innovas cada pouco tempo!
Excelente artigo de Casares. Lémbroo vagamente.
Paréceme unha magnífica idea a de escolmar artigos dese seu -polo que me teñen contado- amplísimo e variadísimo arquivo de prensa.
Os artigos de Casares eran, case todos, interesantes. Con todo, recordo un pouco afortunado. Publicouno en "El País" e titulábase "Colonia o champú"
Pode ser que aquel artigo fose pouco afornutado e que o ton irónico do mesmo lle sentase mal a algunha xente.
Mais a reacción dalgunha desa xente foi aínda mil veces máis desafortunada.
O bochornoso episodio aquel (protagonizado por quen hoxe é un coñecido novelista e, daquela, un descerebrado total), no que se pretendeu dar unhas hostias a Casares, foi absolutamente lamentable.
Aquel día estaba eu en Vigo e decidín ir escoitar a conferencia de Casares no concello. Cando entraba pola porta, vin saír a toda pastilla ao futuro escritor con outro acompañante. Logo, no salón de actos, entereime do sucedido. A conferencia suspendeuse, pero os presentes fomos convidados a un piscolabis no ático do concello, onde se falou distendidamente tomando unha copa e uns pinchos. E Casares, como sempre, adoitou unha postura de cabaleiro sen tacha, perdoando ironicamente a aqueles descerebrados.
En efecto, foi aquel un artigo moi polémico e que provocou unha agresión contra Casares en Vigo: en calquera caso, el simplemente deu a súa opinión, o que é respectable, sobre a evolución do nacionalismo. O máis duro do artigo era o título (Colonia o champú?) e, sen querer defender a Casares, que xa non lle fai falla, non foi responsabilidade del: el mandoullo creo que a Juan Cruz e esqueceuse titulalo. E Cruz escolleu, do conxunto do texto, ese reclamo anecdótico e quizais sensacionalista. Dicir tamén que, gusten ou non, Casares foi sempre moi coerente cos seus artigos de tema político, dende vello, e nunca se definiu como nacionalista: ninguén lle pode pedir contas por iso.
Aledoume moito saber, despois de tantos anos, que non fora o propio Casares quen escollera o título do artigo. Casares sempre foi coherente coas súas ideas, efectivamente, esteamos ou non de acordo. Iso non se pode dicir de todo o mundo.
O que pasa é que, debido aos distintos e simultáneos cargos que ocupaba, non sempre podía ou quería manifestar en público as opinións que mantiña en privado sobre personaxes coma Fraga.
o que non me gusta é que teña que ser un bolseiro o que "catalogue" as manías dun. Paréceme un desprezo.
Corroboro o que di o señor Valcárcel sobre a elección do título daquel artigo. Casares contoume que, en efecto, esquecera titular o artigo cando o enviou a "El País". Recibiu unha chamada de Juan Cruz, quen lle recordou ese pormenor. E Casares, que non tiña gana de poñerse a pensar nun título, díxolle a Cruz que o titulase el. Entón, Juan Cruz lembrou unha historia que o propio Casares lle contara: un grupo de ácratas pola parte vella de Santiago berrando como se fosen nunha manifestación: "¡Que se defina la U: Galicia, ¿colonia o champu?". E ocorréuselle que podía ser un bo título para o artigo...
De todos modos, a clave do cabreo dos "afectados" non foi tanto o título como o que o artigo contaba sobre un intento de atraco en A Derrasa...
Publicar un comentario