27 dic 2006


Castelao, a súa gran ferida, os cruceiros

Viviu Castelao toda a súa vida con graves problemas nos ollos, aterrorizado polo medo a quedar cego: por iso seica decidiu preparar oposicións e facerse funcionario de Estatística, en busca dun futuro máis seguro. A marcha ó exilio trala guerra foi un dos momentos máis negros da súa andaina. Pero non o peor. En xaneiro de 1928, cando tiña Castelao 42 anos, morre o seu único fillo, de catorce anos, de nome Afonso Xesús, un rapaz con moitos problemas de saúde.
Cae Castelao nun fondo abatemento e non escribe nin debuxa durante meses. Nunha carta ó presidente do Centro Galego de Buenos Aires (publicada na biografía de H.Monteagudo) maniféstase así: “he perdido a mi hijo, que era toda mi esperanza (...),una desgracia irreparable que me ha dejado ciego y harto de todo, puesto que no veo nada ni tengo deseos de nada”. Por consello dos amigos, pide logo unha beca da Junta de Ampliación de Estudos para viaxar á Bretaña e estudar as cruces de pedra. Castelao amaba a arte popular e moi en especial os cruceiros galegos e bretóns. Tense dito que os seus libros sobre os cruceiros amosan unha certa intención penitencial do autor: dende logo, poucas veces a dor transformouse en arte con tal forza.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Ese episodio da vida de Castelao é tremendo. E esa carta tamén. É a peor desgracia que lle pode pasar a ninguén.