De apelidos e bonecas
de Afonso Vázquez Monxardín
("Camiño do Vao", Galicia Hoxe, 9 xaneiro)
Ten razón o deputado Lobeira cando pensa nestes temas. Equivócase ao falar na forma e lugar, pois a xestión política dos gobernos mídese pola efectividade e non polos titulares de xornal conseguidos. Repasemos. Hai anos organizouse unha "comisión de toponimia" coas persoas que máis sabían disto do país e peneiraron os nomes dos núcleos de poboación da terra e arranxaron o asunto. Creo que é precisa unha comisión técnica semellante de antroponimia -de sabios, non de políticos- como lugar discreto de traballo, estudo, reflexión e planificación.
Sabemos que os nomes de persoas se moven en catro esferas. O nome propio que cada un escolle para os seus fillos -María-; o hipocorístico, ou sexa, como se lles chama aos dese nome -Maruxa ou Marica, pola vella-; o alcume, moitas veces de familia -A Roxa-; e os apelidos, que en España son dous, primeiro o do pai e logo o da nai (en Portugal é ao revés, a ver quen espabila e é o primeiro en pedir o fuso onomástico do sur).
O noso sistema de nomes propios está moi estragado e o tema é complexo por moitas causas, entre elas a secularización do sistema -xa non é preciso pór nome de santo-; a unificación planetaria de hipocorísticos -Mary-; o feito de coincidiren as onomásticas galega e castelá nunha boa parte, fai que erradamente, só identifiquemos como propias as marcadamente diferenciais (Uxía pero non María); as modas (Jonathan), etc.
O dos apelidos foi un esmorecer progresivo que coñecemos ben desde o Concilio de Trento, cando comezaron os arquivos parroquiais sistemáticos e require un traballo de restauración previo, tendo presente que ao ser un tema de decisión individual e familiar, só se pode facer desde a sedución. E para iso cómpre resolver dúbidas ¿Que facemos cos clásicos? ¿Outeiro Pedraio, Ramón Cabanelas e Val Inclán?¿E cos modernos? ¿Victor Freixáns, Anxo Quintá? ¿Galeguizamos os Otero como Outeiro ou Do Outeiro? ¿Valle como Val ou Do Val? ¿Xunto ou separado? ¿Hai que volver os Silva a Da Silva? ¿Como se promove a rectificación masiva?
O lugar para falar de que as bonecas -videoxogos, etc.- se expresen en galego non parece ser o Parlamento -por esencia reservado a cuestións máis elevadas-, senón os foros de colaboración que teñan coa súa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Porque hai ou só Goberno. Non lles arrendo a ganancia do que parece un desleal dobre xogo.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
24 comentarios:
Compártese o esencial canto a política antroponímica, se se me permite a chocante expresión. Non o referente a política lingüística.
O Bieito Lobeira poderá ser tosco, se cadra; a política do BNG, nalgúns aspectos, artesanal de máis. Pero estas cousas xorden así, ao mellor, porque quen debe non fai que se manifesten doutra e desexable maneira.
Canto á incidencia do BNG na "súa" Secretaría Xeral de Política Lingüística... a salvo de maiores concrecións, aínda resoa aquela manifestación de Marisol López: "Eu só respondo ante o Presidente da Xunta"; se non é exactamente vero (ou literal) coido que resulta bastante ben trovato semanticamente.
Non sería de máis, con todo, que alguén, quizá máis cercano ou simpatizante, pedise política e industria lingüística de impacto social, por parte do departamento correspondente. Que tal os que só critican as artesanías doutros, seica por ganancia ou "dobre xogo"?
Ten razón. A próxima vez tócalle aos outros. O que pasa é que como nada din nunca, non se ven. E iso é, claro está, moi perigoso.
Moi oportuno este artigo de MOnxardin, moi claro e sinalador para quen ten as posibilidades de acción: os politicos.
Jimy de Rairo
Semella evidente que Monxardín está pondo o seu gran de area na mesma dirección que as mensaxes do PSOE, tratando de facer pasar ao BNG como partido pouco responsable, con pouco sentido da responsabilidade do goberno, ou cousas así. Hai poucos días un deputado socialista saía nun coñecido xornal dicindo que o BNG fai oposición pola mañá e goberna pola tarde (ou viceversa, xa non lembro ben).
Nos próximos días seguirán producíndose mensaxes deste tipo. A intención non é outra que preparar as explicacións públicas por se non hai acordo coa reforma do estatuto e a posición do PSOE non pode ser explicitada de xeito claro sen danar os intereses do partido. Para eso nada mellor que tratar de transmitir unha idea do seu socio como partido que non está á altura das circunstancias.
Ao Monxardín non lle resulta moi difícil situarase en posicións críticas co nacionalismo, xa o ten feito en numerosas ocasións, pero sempre así, de esguello, porque de fronte resulta difícil para unha persoa do seu perfil. Non resulta fácil para quen vai de galeguista, ir de frente na súa crítica ao BNG. Especial teima ten coas iniciativas lingüísticas que saen do campo do nacionalismo (A Mesa) e agora coa iniciativa de Lobeira. Como non pode dicir que a iniciativa sexa mala, di que ese non é o lugar e mesmo lle indica a táctica política que ten que levar (nos “foros de colaboración”).
A cuestión é tratar de meterlle un dedo no ollo ao BNG, non sabemos se con carné do partido ou lles resulta máis interesante a ambos que se manteña “independente”, pero a súa posición é clara. A min non me engana.
Eu sempre votarei esquerda. Teño esa teima, qué lle vou facer. Por iso, e nono podo evitar, parecen peores as políticas que eu sempre critiquei nos partidos aos que voto. Masoquismo? Pode, pero desde logo non vou calar se o que fan os que considero máis próximos non parece correcto. A propaganda, por exemplo, nos media é vergonzosa: non hai programa de radio sen cuñas dalgunha consellería nen xornal que non amose o seu caderniño convenientemente pagado, por non falar desas esmolas para universitarios que poden chegar a parecer pagos clientelares. En fin, o de Lobeira ata parece folclórico e divertido.
Amigo Martiño:
Non me sobrevalore. Son un simple opinador sen vergoña. Non lle estou en ningunha campaña mediática para xustificar nada.Ninguén me dixo nada, polo menos.As miñas críticas ao BNG,ou a calquera, creo que teñen sido claras, nunca esguelladas.
Preocuparíame que non saíse o da reforma do estatuto por consenso -non porque me importe especialmente, non creo que fose prioridade ningunha da sociedadade galega, pero xa que estamos nese fregado da reforma do Estado, non debemos quedar atrás. Non me gusta a verborreoa sobre o "Estatuto de Nación" que me parece a resurreccion das "Bases" pola simple intención de enfrontamento e excluisivadade con que me parece se plantea. Preocúmpame que da lingua só se fale desde o nacionalismo e que a xente siga asimilando lingua a militancia... Precùpame a falla de exercicio da normalidade e a retórica eterna da normalización pendente. Eu que sei. Preocupame que o PSOE e boa parte da sociedade civil non deseñe unha política linguística propia e sen complexos... Preocúpanme moitas cousas, que non haxa máis voces políticas nacionalistas ou galeguistas que un BNG cos mesmos dirixentes que hai trinta anos, e non sei se coas mesmas ideas. Preocúpame a desconfianza a Europa, Preocúpame a manipulación da historia que representa a exposición sobre a memoria do antifranquismo, etc.
Sinceramente, non trato de meterlle o ollo ao BNG, ora ben, tampouco lle teño un respecto especial, como a outro calqeura. Ríome coa hipertrofia mediática da Vicepresidencia e cos bailes dos vellos, Téñolle bastante respecto á xente que provén do mundo do traballo -Alfredo Suárez Canal, por exemplo- menos aos que proceden da política pura, como os liberados profesionalizados que sempre afianzarán os aparellos. Tampouco lle teño respecto especial aos iluminados ou exclusivistas, aos que descoñecen o poliédrica que é a realidade, etc. e que dan carnés de patriotas.
Efectivamente creo que a postura dunha parte do BNG non é leal... Se cadra é imposible nuns aliados ocasionais que competirán nas eleccións próximas... Pero por iso estou lonxe da política. Creo que moitos dos que ollábamos con esperanza un relevo preciso nas istitucións galegas, nos sentimos un tanto defraudados, e a iso non contribúe a sensación dun goberno dúplice. E iso, meu amigo, xa o veño dicindo desde os meus priemiros artigos alá por marzo pasado, lembro un que titulei, "¿Goberno bipartito ou bigoberno partito?".
A lealdade qeu amosou Touriño con Suárez Canal cando lle ardeu o mundo baixo os pés, xa a quería ver eu desde o BNG..
En fin, boa noite que mañá hai que traballar.
Si, está ben como desabafo, non direi eu que insincero e polo tanto perfectamento respectable. Ora ben, sempre rechama a referencia parcializada, ou selección motivada de obxectos da crítica; xa sabe, vostede fala do que quere e como quere -non faltaba máis- e os demais extraen consecuencias que non teñen por que andar totalmente desencamiñadas e mesmo poden auxilialo. Sen que isto pretenda en ningún caso indicar que precise auxilio.
É que, mire, chama un tanto a atención que lle disguste tanta concreta pauta e actuación do Bloque e tocante ao PSOE só lamente unha ausencia de política lingüística en todo caso en liña co interese ou falta del por parte da sociedade civil; xa o dixo alguén: "o partido que máis se parece a España" (ou aos españois, non son especialmente bo para a lembranza literal). Podería ser que a crítica ao nacionalismo "real" fose síntoma dunha dor de familia por particular achegamento, pero pouco das outras manifestacións aboarían semellante sospeita.
Non me acaba de cadrar, tampouco -permítame dicilo- considerar a acción de Touriño cando os incendios (intachable canto a min, xaora) como "lealdade" que marque pauta e dea exemplo. Non sería, máis ben, exercicio lóxico do cargo presidencial? Que xustificaría, en todo caso, acción ou posicionamento en contrario? Non é a política en materia de incendios cousa explicitamente compartida bipartitamente?
Dito doutra maneira. Ten Quintana, ou calquera outro conselleiro nacionalista, saído ao paso -publicamente e en negativo- de problemas relevantes que afectaron e afectan a áreas dirixidas polo socio? En Medio Ambiente, Pesca ou Sanidade, por exemplo? Sería iso lealdade, segundo vostede, ou outra motivación oculta radica no silencio?
Diferente cousa, xaora, é o Parlamento e son os medios. Lugares onde o grupo do BNG alude a episodios gubernamentais e Laura Seara criticou desde o empezo políticas da Vicepresidencia. Ou a rúa, onde as Unións Agrarias -desde un punto de vista puramente sindical, I should probably guess- convocan a manifestarse contra Medio Rural en relación con resolucións do Ministerio de Agricultura.
Nunca vin que vostede opinase sobre tales feitos. Obviamente, ninguén nin nada pode obrigalo. Desculpe a extensión, un ten tamén os seus desabafos.
Acabo de abrir esta bitácora, logo de varias semanas nas que non entraba e ademais de unhas imaxes moi suxerentes que colocou o señor Valcarcel atopo un artigo do señor Monxardín que tamén me daría pé a contestarlle. Máis o tema quizais non é para tanto, -ou si?-.
Porén é a súa resposta ao señor Martiño a que me permite saír a decirlle algunhas cousas.
Dende logo que vai ás claras, para nada de esguello.
Para vostede non resulta prioritaria a reforma do Estatuto e ademais resúltalle "verborrea" falar de Estatuto de Nación. So está afirmación daría para un debate, cousa que non é a miña intención. Só unha cousa a este respecto ¿parécelle pouco importante o marco xurídico de Galiza? A capacidade de autogoberno? As competencias? O finaciamento? o estatus xurídico da lingua? ...?
Como lle preocupa de que só se fale da lingua dende o nacionalismo vostede carga contra iniciativas do nacionalismo e como lle dicía o señor Martiño lles di o que teñen que facer e como. Se vostede mesmo di que practicamente só o nacionalismo se preocupa pola lingua logo se queixa de que se asocie lingua e militancia. Que quere? Que os que usamos o galego e estamos a prol do seu uso en todos os eidos da vida galega, e en Galiza, renunciemos á militancia nacionalista para que vostede se sinta máis cómodo?
Unha de tópicos que non podía faltar: Os mesmos dirixentes no nacionalismo de hai trinta anos. Non é certo, ou se quere é xa moi pouco certo. Mire a lista do C.N. do BNG e a da Executiva.
A desconfianza a Europa. Outro tema que daría para outro debate. Mire señor Monxardín cando menos recoñecera que para Galiza a integración nas comunidades europeas tivo luces e sombras. Eu non lle teño desconfianza refírome a feitos. Eu que valoro moito as aportacións de Camilo Nogueira e de EG ao nacionalismo teño que dicir que vinte anos despois moitas das teses do BNG daquela ao respecto cumpríronse. ¿Falamos delas?
Ordia!: "Preocúpame a manipulación da historia que representa a exposición sobre a memoria do antifranquismo", afirma vostede. É moi forte dicir eso. A min preocúpame a desmemoria, a historia roubada por setenta anos. E resulta que cando se enceta un camiño de recuperación da mesma vostede sae por esas.
Dalle risa o que vostede cualifica como "hipertrofia mediática da Vicepresidencia e cos bailes dos vellos". A min tampouco me gusta, aínda que o considero unha desas portaxes da política que en maior ou menor grao paga todo goberno. Para min aquí a cuestión é de elegancia e de grao. Suxírolle que algún amigo seu lle grave os anuncios que todos os días saen nas radios de Vigo da autoridade portuaria e o seu presidente, por certo candidato do PSOE a alcalde, e seguro que despois non falaría de "hipertrofia" de Vicepresidencia. Lamento dicirllo pero non emprega a mesma vara de medir. Por certo os anuncios do porto de Vigo son en español.
Coincido con vostede en que a realidade é poliédrica, creo que eso dos carnés de patriota é outro tópico. Penso que o carné de patriota, expresión que non me gusta, o dan os feitos e as traxectorias sen complexos, con erros e acertos como non.
Grande artigo, coma sempre, o de Monxardín. Talvez o señor Lobeira debería adicar o seu tempo a labores máis rendíbeis politicamente, e deixar ese tipo de propostas para outros foros. Desexábel é que as bonecas falen galego -os fabricantes faráno se se lles subvenciona, coma sempre-. Desexábel é tamén que os persoaxes públicos galeguicen os seus apelidos, pero para iso poderíase comezar por dar exemplo entre moitos deputdos nacionalistas. O que pasa é que é complexo: moitos galegofalantes do PSOE ou PP (josé Manuel Lage, por exemplo) consideran que galeguizar o nome é parecer do Bloque. E, viceversa, moito intelectualoide con apelido hiperenxebre e nome galeguizado hai tempo escribe e fala en castelán todo o día.
De todo o debate colixo que o señor Monxardín ten que publicar un artigo dándolle caña ao PSOE. Motivos hainos, o mesmo que os hai para o BNG ou, non digamos xa, PP.
O señor Monxardín que escriba do que lle pete, que para iso é unha persoa física e xurídica, libre e constitucional, maior de idade e domiciliado en Ourense, que non ten que darlle contas nin explicacións a ninguén.
E xa falando do que se fala, eu creo que Lobeira é un pouco cantante. A min as cousas que propón non me parecen mal, pero creo que el as fai mal. Dálles sempre un toque inconveniente, un estilo agresiviño de asociación cultural dos anos 70, un aire de denuncia dos que non son tan "coherentes" coma el (¡). Ademais, sendo político (creo que non é nin foi nunca ningunha outra cousa), debería saber que é moito máis eficiente falar con Ansede e con Goretti e presentar un Plan en Política Lingüística para galeguizar a xoguetería toda, non só as Nancys. E logo pacta con Marisol o protagonismo do asunto e listo. O problema é que un Plan hai que traballalo, estudialo, redactalo, orzamentalo, xestionalo e curralo. E moito me temo que non son eses os verbos que máis lle gustan conxugar a este eterno deputado. Por certo, presidente da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento Galego. ¡Manda huevos!, como dixo o outro.
O meu post era de brincadeira. Por suposto que Monxardín faga o que lle pete. Non coñezo a Lobeira, pero a imaxe que me transmite é semellante á do señor Leituga.
Quería dicir semellante á que describe o señor Leituga.
Pois miren como vexo o das bonecas.
Se un galego do común -ou sexa un bilingüe afeccionado ao pulpo, que ten parentes vivindo en Vigo e quere enviar a estudar os fillos a Santiago, ao que aldea lle vai quedando cada vez máis lonxe, que ve o futbol os domingos e se alegra cando gaña o seu equipo, que vota o que lle peta, e lle gusta rañara a barriga mentres toma unha cervexa nun chiringo da praia- digo, se un galego do común -podería suavizar o retrato anteior, certo- ve a noticia na prensa de que as bonecas de famosa saen falando en galego este ano, ten unha sensación positiva. Mira ti que ben. Non sei se compralle unha a neta. O carallo, o caso é que diga "Mamai cólleme no colo" ou "Os nenos deben axudar na casa igual cás nenas". Fóra gromas, unha onda positiva.
Se a noticia é que alguén leva ao Parlamento o tema, o pensamento é "Arre carallo, Xa están os políticos. Se traballasen e deixasen de tocar o nabizo. Se se preocupasen de que non marchara Pescanova. Xa están estes co gallego ás voltas. Non terán nada nada mellor que facer ou? Xa faleremos o que nos pete.
PD. O que me molesta do "Estatuto de Nación" é quen é bo definidor que define o indefinible. Pois si, que é un estatuto de nación? Un que leva a palabra nación? Un que recolle moitas competencias? Blindadas? Etc. Quen é o bispo político que manda nesta terra para abenzoar e dicir !Este vale. É suficiente! Aqueloutro non?. Que o vai dicir? O que se opuxo noutrora á consititución e ao estatuto de que gozamos a pesar deles? Na miña idea, quede claro, non lle dou máis importancia á opinión do BNG sobre o estatuto que a do PSOE ou o PP. Alégrome que o BNG sexa autonomista. E constitucionalista. E que nos centremos no ben do país, etc.
Non busquemos terreos estériles de enforntamento e tensión do país.
Por suposto que non me dán o mesmo as leis. Quéroas liberais e son bastante autonomista, o que non quere dicir que me considere máis que o que pense outra cousa.
Unha vez veu a Ourense Pujol e dixo: Galicia es una nación pero tiene que creerselo. E ese é o tema, máis alá das leis, que poden dicir misa. Pero o miolo do choio é o nivel de asunción que nos queremos, e compatibilizar isto coa aceptación normalizada da vontade colectiva. Deixemos xa as revolucións pendentes e vivamos aquí e agora no texto e contexto que vivimos. Dicía Rosalía, "moita luz deslumbra os ollos e causa inquietude o moito desexar" e non sei quen, "sempre que se quere construír o paraíso, acábase construíndo un inferno". Pois que queren que lles diga, a min gústame Galicia así. Se estivese tan incómodo, marchaba. Pero gústame o meu país. Claro que pode ser mellor, pero hoxe respecto de hai trinta anos, é moito mellor. As comunicacións, o nivel de vida, etc. que temos e o que tiñamos hai vinte out trinta anos. E fixémolo entre todos. E moito hai por diante, pero máis o que imos deixando atrás. Os sabañós, as escolas unitarias, os carros de bolas, as pelexas de pandillas, os baches, as pistas de terra, o usted no sabe con quien está hablando.
Claro que o mundo pode ser mellor, pero cando se vive como eu vivín unha pelexa entre un can e un indixente polos restos da comida do meu prato, tende un a relativizar moita cousa. Todo é asegún. Ala, que hai que durmir. Que eu, como non son parlamentario nin liberado, ás sete, en pé.
Logo de acordar ás sete e algo -coma case todos os días- repaso o pendente de tan interesante fío. Se non mo levan a mal, tería tres preguntas, unha por contertulio: Leituga, ¿por que á Marisol non se lle ocorrerán campañas coma a das bonecas?; Apl, ¿haberá papel nos parlamentos para deputados voluntarioso-voluntaristas, non sobrados de formación pero desbordando empuxe?; Monxardín, ¿que lle parece o último de Quintana tocante ao Estatuto ("en última instancia, apoiarei a proposta do Presidente")?
Se non contestan, créanmo, non llelo hei tomar a mal. As cousas deben ter coda, e eu son tamén galego do común, con reparo de molestar. Disimulen.
Señor González, alégrome moito de que me faga esa pregunta, aínda que, lamentablemente, non vou ser quen de contestarlla. Iso si, cando vexa a Marisol, prométolle que llo preguntarei e tanscribirei a súa resposta neste Liceo cibernético.
Amigo AP-C: talvez deduciu vostede que eu lle contestaba a vostede cabreado polo do artigo de Monxardín. De ningunha maneira. Mesmo foi vostede, coa ironía que percibín no seu post "colexidor", quen me deu pé, tamén de brincadeira, a reivindicar a libre elección de temas por parte do señor Monxardín. Unha aperta.
Por suposto que o señor Monxardín pode escribir o que lle pete, quen o dubida?, de feito xa o fai. Nin tan sequera creo que teña que seguir a recomendación do señor Anónimo Político – Cultural de escribir un artigo dando brasa ao PSOE, cada un ten que escribir o que lle pareza. Teño por certo que o señor Monxardín non escribe ao ditado de ninguén, e ademais escribir un artigo por “compensación” non resultaría ben, sae ben o que un sinte.
A quen si me gustaría responder agora é ao señor Leituga 1 en referencia ao deputado Lobeira. Lobeira é para o señor Leituga 1 “un pouco cantante”, pero que ninguén pense que sexa porque o señor Lobeira propón cousas que non lle gusten ao señor Leituga 1. Non, non é por iso, os motivos son “un toque inconveniente”, “un estilo agresiviño (sic) de asociación cultural dos anos 70”. Manda carallo! Agora os do bloque ademais de facer boas propostas teñen que ter un estilo que xa nos dirá o señor Leituga 1 como debe ser.
A min non é o estilo de Lobeira o que máis me gusta, pero gusto da súa claridade de ideas e como di outro comentario neste fío do “empuxe” no seu traballo parlamentar. Se a min se me permite un pequeno desabafo direi que só por certas reaccións que provoca desexo telo de deputado moito tempo. Xa nun plano máis serio, señor Leituga 1, creo que ningunha das críticas que fai ao señor Lobeira se sosteñen, só manifestan unha evidente xenreira, ¿ideolóxica?. Moito lle preocupa se ten algunha profesión ao marxe do seu traballo parlamentar (eterno deputado,...) e xa para colmo, “colúmpiase” (randéase debería dicir, creo) cando critica o feito de que preside a Comisión de Educación e Cultura do Parlamento. Os que presiden as comisións non son os que coñecen dun tema, se non precisamente os que non coñecen, porque o seu traballo e presidir e ordenar os debates e os traballos, non participar nos mesmos. Nesa Comisión de Educación e Cultura os portavoces do BNG son os deputados Paz Antón e Blanco que si entenden deses temas. O señor Lobeira actúa como portavoz do BNG na Comisión do Parlamento que trata os temas de pesca. Tema, a pesca, da que o señor Lobeira ten desenvolvido un traballo grande e positivo.
Que Quintana diga que apoiará, en última instancia o que diga o Presidente, paréceme lóxico e unha mostra de sensatez. Primeiro porque reforza a idea de coalición fronte á dereita, non situando ao BNG nunha posición de neutralidade imposible. Segundo porque presupón a sensatez do seu –noso- Presidente e que se fía del, porque doutro xeito non se entendería un apoio tipo cheque en branco. (Escoitaremos algunha voz no futuro “matizando” o dito por Anxo?).
Por certo, no tema que o sr. Anómino di sobre a opinión do sr. Leituga1 sobre a situación laboral do deptuado Lobeira, teño que dicirlle que a min si me preocupa moitísimo a situación laboral previa dos políticos.
Sen unha independencia baseada no propio traballo profesional está un suxeito á conservación do machiño como elemento de vida. ¿Deixar paso a outros? ¿Pensar en deixalo? ¿E de que come o ex? Así como uns empezan nas APAS e acaban de concelleiros, empezar de liberado político-sindical e choutar a parlamentario soa a oco.
Así algúns se agarran aos cargiños como lapas.
A min pareceume moi ben cando o sr. Manolo Montero (que por certo morreu o pobre hai uns días) lle dixo a Fraga que a el non lle berraba ninguén e que ata aí chegarán e good by, Manolo. Busca a outro que cho aguante. Se chega vivir do tema político, ou non ter forma de se valar fóra, podería ter feito o mesmo? Creo que hai que entender a actividade política como unha dedicación temporal e sincera á sociedade, sen que supoña unha vía de medre e estabilidade... na burbulla do coche oficial, a secretaria e o crese máis cós demais. Chámese Lobeira, Pepe Blanco ou Perico dos Palotes...
Por outra banda, dicirlle que non acabo de ver a relación entre ser ignorante de algo e que esta ignorancia compute como mérito positivo para presidir unha comisión na que se fale do asunto que un ignora. Reducindo ao absurdo, o mellor presidente, un analfabeto funcional, podería presidir calquera!!! Manda descubrimento galaico.
Señor Monxardín non interprete ou saque conclusións de cousas que eu non dixen. Non se trata de que descoñecer un tema sexa mérito para presidir unha Comisión do Parlamento. Trátase de que os deputados/as que coñecen a fondo un tema van a esa Comisión como portavoces, ponentes ou como se diga en representación dos seus grupos. De iren de presidentes perderíanse as súas achegas. A situación non se da só na Comisión á que fai referencia o señor Leituga 1, póñolle o caso da Comisión de Industria que a preside o deputado Xosé Ramón Paz Antón, que ónde defende as posicións do seu grupo é na comisión de Educación e Cultura como portavoz de cultura do BNG; na comisión de Industria fai o traballo de presidir e dirixir os debates, non defende a posición do BNG, traballo que fan outros/as deputados/as máis coñecedores do tema.
O caso de Lobeira é o mesmo, non creo que sexa difícil de entender e dende logo non creo que dea lugar a ningún tipo de crítica que se sosteña.
Con respecto á profesión dos políticos ao marxe da súa actividade institucional aínda no caso de aceptar o que vostede di, eu de feito concordo bastante, non é razón para descualificar o traballo político dunha persoa. Eu de Pepe Blanco podereille criticar actuacións políticas, mais non tería sentido criticalo porque leva vivindo da política dende que era das JJ.SS. cando tiña vinte anos. Ou non?
Interesante fío este, sen dúbida. Sairon moitos temas e diversos a debate. Un dos de maior interese é o que se refire ás relacións entre as dúas forzas do goberno bipartito: nos últimos meses semella existir unha mellor relación que ó principio, que eran bastante disparatadas. Aínda así hai contradiccións e son lóxicas porque son forzas que compiten por un semellante ou moi próximo espazo electoral: necesitan ante os seus electores diferenciarse para recadar os votos. Pero creo que nesta ocasión vanse equivocar se privilexian esa liña de análise: unhas tensións excesivas poderían perxudicar por igual ó PSdeG e ó BNG (quizais máis ó BNG). A proba de lume do goberno será a xestión e a lealdade entre os seus compoñentes. Iso non soluciona o problema da competencia electoral: cando sobe o BNG é con votos que antes foron ó PSdG e viceversa. Así é moi difícil avanzar. Ou o BNG penetra noutros espazos (mesmo en terreo electoral do PP) ou seguen a competir polos restos. Digo o BNG porque creo que o tería máis doado: o PSOE xa está moi marcado a nivel estatal e hai votantes do PP que nunca votarían "socialista" e si un voto galego ou galeguista, moderado e centrista. As cuestións de imaxe e de formas son esenciais en democracia. Hai unhas semanas vimos ós tres cogobernantes do tripartito catalán facerlle homenaxe conxunta a Francesc Maciá: sería posible en Galicia, por exemplo, facer o mesmo en homenaxe a Castelao? Difícil imaxinalo, non?
Penso que a cualificación intelectual e técnica do parlamentario autonómico de tipo medio é bastante deficiente. E isto é igualmente predicable para os tres grupos parlamentarios. Son as servidumes derivadas do que, en vedraño e perigoso termo, se denominaba “partitocracia”.
Cando un grupo parlamentario é pequeno –caso do Bloque- debería por especial coidado na capacitación de todos e cada un dos seus integrantes. E cando falo de capacidade non me refiro á acumulación de títulos universitarios, senón a experiencia e intelixencia. Experiencia e intelixencia que só se poden desenvolver na vida civil, profesional e persoal, non “dentro” dos aparatos partidarios, porque neles os “vicios privados” non se convirten precisamente en “públicas virtudes”.
Non teño feito un acaído seguimento da actividade de Bieito Lobeira como parlamentario nas diversas lexislaturas que leva como tal e, polo tanto, o meu xuízo non pode ser máis que nesgado. Agora ben, o que semella moi curioso, amén de sintomático, é o argumento que se adoita usar para defender o labor dalguén que carece de capacitación intelectual e técnica: é moi traballador!
Con esta expresión estase a recoñecer implicitamente a escasa valía do susodito. Porque ser traballador e entusiasta, sen nada máis que o acompañe, non é, na miña falible opinión, un plus que xustifique a súa presenza en foro parlamentario.
Francamente, e a risco de meterme onde non me chaman, penso que os partidos –todos, e o BNG tamén- deberían ollar máis para a sociedade civil e extraer dela os elementos máis valiosos. E que ninguén pense que o digo a beneficio de inventario. Porque este servidor de todos vostedes, ademais de ter unha escasísima capacitación intelectual e técnica, tampouco é un gran traballador nin un entusiasta de ningunha causa. De aí que os meus vicios privados serán sempre iso, e nunca pasarán a ser vicios públicos. Menos mal, dirán todos vostedes, e non dubiden de que lles asiste toda a razón!
(Por se non tivo ocasión de lelas, aproveito para indicarlle ao Señor Leituga 1 que respostei a dúas interpelacións que me fixo en dúas entradas. Están no arquivo do mes de xaneiro chamado "Uvas pasas")
Agradezo a resposta de todos e as puntualizacións do Amigo. Abren, en xeral, camiños polos que seguir transitando, como tamén a irrupción do anfitrión, tan complexos nalgún caso como a propia actual idiosincrasia do sistema político galego.
Así é que, non sendo que alguén decida enveredar por vía específica, eu déixoo nesta encrucillada. Non sen indicarlle, tamén pola miña banda, ao Leituga (desculpe a familiaridade inherente ao uso do artigo) que tamén, xa hai tempo, abordei o prometido tema do que poida ser galeguismo. Está en http://www.xornal.com/article.php3?sid=20061129083518
Pois discúlpenme tanto o señor AP-C como o señor González por non ter visto aínda esas respostas nin ese artigo. Fareino inmediatamente.
Ao señor Amigo debo dicirlle que eu non teño nada persoal contra Bieito Lobeira, aínda que é certo que non me gusta nada o seu estilo político, cousa na que por outra parte parece coincidir comigo o señor Amigo. En canto á bondade política das súas propostas, creo que é moi alta se se privilexia unha maneira teatral de contemplalas, pois entendo que son propostas dirixidas fundamentalmente ao consumo e a valoración interna da masa militante do Bloque e, particularmente, de certos líderes con moito mando á hora de elaborar as listas electorais. Dubido moito máis das virtudes das propostas de Lobeira se as observamos dende o punto de vista da eficacia. Como xa dixen no meu post anterior, unha proposta como a da galeguización da xogueutería, se se fai en serio, hai que facela de outro xeito.
Publicar un comentario