LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 6 días
Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".
15 comentarios:
Si, parece moi interesante e digno de leer de vagar.
Non sabía que Barreiro Rivas fose tan cristián. A súa defensado catolicismo é un pouco demodé.
Excelente traballo de Carlos Fernandez, coordinador do número.
JR
Moi pavera a estrevista con Deus.
Tampouco está mal a entrevista de Xavier Alcalá con Fernando Venacio.
Unha das marcas identirarias de Galicia, para Nós, era o catolicismo. Agora, o único que se atreve a facer profesión pública de fe é Barreiro, que defende o catolicismo dos seus maiores. Sen embargo, case sempre os procesos nacionalistas e nacionalizadores estiveron cohesionados polo cemento da relixión. Cal será o seu substituto?
Noraboa a Carlos Fernández por este excelente traballo de coordinación e tamén pola súa entrevista con Deus, unha auténtica exclusiva mundial que Fernández comparte con Anxo Rei Ballesteros.
En canto á cuestión que propón Xulián, creo que os "cementos" nacionalizadores que lle quedan ao nacionalismo galego son poucos e, ademais, un pouco febles. Está, por suposto, a lingua, un clásico que case nunca falta nestes procesos. Pero que en Galicia non ten socialmente unha dimensión ideolóxico-política demasiado marcada.
Así que a relixión, nada; a lingua, daquela maneira, e a conciencia "étnica" está un algo desacreditada e ninguén lle deu aquí nunca moita importancia. Tampouco se enfatizan demasiado como elementos propios dunha conciencia nacionalista nin o folclore nin as tradicións, que se viven con naturalidade e sen apenas carga política. E, por outra parte, e isto é moi importante, tampouco temos un pasado común compartido e recente que sirva para construír con certa verosimilitude a clásica narración nacionalista: posesión do ser-roubo do ser-regreso ao ser. Aínda que está moi estendido, incluso entre as bases máis populares do nacionalismo, que os protagonistas do roubo do ser foron os Reis Católicos, dáme a impresión de que é unha referencia demasiado remota para que poida ser operativa no presente. En Cataluña teñen o Decreto de Nueva Planta, unha moi potente e presente Renaixença e a propia Guerra Civil. No País Vasco, as guerras carlistas e tamén a Guerra Civil. Todo historia contemporánea.
En Galicia, co Ano da Memoria, fíxose un intento de "nacionalizar" a Guerra Civil saldado con resultados máis ben discretos. Máis complicados aínda son os intentos de que penetre na conciencia popular ou mesmo na das clases cultas os estudos históricos de tendencia nacionalista sobre o Reino Suevo (Galicia, como "primeiro estado europeo" despois da caída do Imperio Romano), nos que se empeña con abnegación e método Anselmo López Carreira. E tampouco, a xulgar polas vendas do seu libro, conseguiu Camilo Nogueira mobilizar demasiadas curiosidades coas súas extraordinarias revelacións sobre o Reino de Galicia no medievo.
¿Que queda, daquela, ademais da lingua? ¿A "discriminación"? ¿O "atraso"? Este item funcionou bastante ben, de feito foi e segue a ser unha das claves mobilizadoras do nacionalismo galego moderno e ten aínda, como se di agora, certo "percorrido". Ata se fai eco dela "La Voz de Galicia", cuxo editor xura en artigos moi solemnes e loubados que nunca a permitirá. Pero a verdade é que se miramos o comportamento electoral galego na democracia, poderemos comprobar que o atraso, en canto froito da discriminación e mesmo do "colonialismo interior", non chegou a traducirse nun apoio electoral masivo ao nacionalismo. E antes, o atraso de Galicia en relación coa media española era bastante maior do que é hoxe. No momento presente, pódense montar algunhas pirulas por agravios supostos ou reais en cuestións infraestruturais: os atrasos no AVE ou na Transcantábrica, o asunto de Navantia-Fene, o Plan Lácteo... Pero o certo é que os investimentos do Estado en Galicia medraron moito nestes últimos exercicios. E todo o mundo comparte a sensación de que se vive moito mellor que hai trinta anos e de que o país, mal que ben, vai avanzando. E eu creo que a maioría dos galegos é consciente de que esta terra se beneficia da solidariedade europea e española (ou sexa, de Madrid, Cataluña e Baleares), como o fan tamén as comunidades menos desenvolvidas.
Así que tampouco lle vexo á "discriminación de Galicia" moito potencial para un proceso nacionalista clásico. O que non coñezo suficientemente a este respecto é outro elemento tan importante como o ensino.
Velai vai o meu traballo neste GRIAL:
LAIO POLO IRMÁN AUSENTE
(Marcos Valcárcel)
Tense anotado xa en diversas ocasións a escaseza de textos autobiográficos e memorialísticos que produciu a cultura galega contemporánea. Hai excepcións ben notables, pero son poucas. Tampouco foi moi habitual no noso contexto cultural o xénero das biografías (agás tamén algunhas excepcións, Otero en primeiro lugar). O galeguismo histórico foi algo reticente ó respecto ou, noutros casos, serodio: velaí a biografía que Paz Andrade escribe sobre Castelao en 1982 (Ediciós do Castro) que di tantas cousas sobre o autor de “Sempre en Galiza” como sobre o propio biógrafo, quen á súa vez non nos deixou en cambio a súa autobiografía.
Esta escaseza de textos autobiográficos estase a suplir nos últimos anos coa publicación de epistolarios moi valiosos, que poden axudarnos a reconstruír, sequera parcialmente, esas andainas vitais: as cartas de Castelao, Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro, etc. cobren así, de forma indirecta, ese gran baleiro da memoria que os protagonistas non quixeron redactar en primeira persoa. Será o investigador e o historiador quen reconstrúa logo eses períodos apoiado nestes textos epistolares e noutro tipo de documentación. Con todo, o noso coñecemento sobre o período inicial da posguerra franquista, tanto en América como na Galicia interior, ten aínda demasiadas eivas, malia a publicación de traballos ben valiosos ó respecto do historiador Xosé M. Núñez Seixas ou do libro de Xavier Castro “Castelao e os galeguistas do interior. Cartas e documentos, 1943-1954” (Galaxia, 2000), traballo que, sorpresivamente, tivo unha mínima recepción crítica (sobre todo na prensa), quizais porque non confirmaba algúns dos tópicos e prexuízos que sobre a interpretación do período estaban xa daquela máis difundidos entre a clase política (nacionalista, sobre todo) e intelectual.
Sobre este período chéganos agora un novo documento ben valioso: o libro preparado por Xesús Alonso Montero, “Laio polo irmán ausente. Castelao no epistolario de Otero Pedrayo e outras voces” (Galaxia). Un minucioso labor de recolleita de documentos epistolares arredor de Castelao, a súa enfermidade, a súa morte e a celebración posterior da súa memoria, concentrados sobre todo no período que vai de 1942 a 1953. Un período ben relevante para a historia do galeguismo do interior clandestino e as súas relacións cos galeguistas exiliados en América: son os anos da aparición do “Sempre en Galiza” (1944); da fundación do Consello de Galiza (1944); do pacto Galeuxca en México; da integración do Partido Galeguista na Xunta Galega de Alianza Democrática; da presenza de Castelao en París como ministro do Goberno Republicano de Giral; das viaxes de Ramón Piñeiro a París e da súa posterior detención e encarceramento (1946-1949), etc. Son todos estes sucesos que non teñen moita presenza no epistolario que comentamos e que recolleu Alonso Montero: probablemente porque era imposible referirse a estes temas sen chocar coa censura e a intervención da policía. De feito, o editor deste epistolario subliña como as referencias a este respecto están sempre redactadas nun estilo metafórico, imitando o rexistro dos corresponsais dunha empresa e da linguaxe dos negocios (“socios”, “hermanos”, “negocios”, “gerente”, “asunto jurídico”... para referirse ós galeguistas do interior ou a reconstrucción clandestina do galeguismo). Non esquezamos que a censura estaba nun momento de máximo control político, como tamén denotan algunhas cartas: “A “La Noche” chimpáronlle a metade do cupo de papel, para que non poidera dar máis estraordinarios”, escríbelle Cuevillas a Ben-Cho-Shey.
Pero estas cartas teñen moitos outros valores. En primeiro lugar, un valor emocional e mesmo literario máis que documental. Permiten reconstruír o espírito e o clima no que se moveu toda unha xeración de vencidos pola guerra; permiten adiviñar os acenos persoais de cada protagonista e os seus medos, teimas ou contradicións. Velaí a Florentino Cuevillas que nunha carta de febreiro de 1950 a Ben-Cho-Shey fai gala dunha ironía ben simpática:
“En Pontevedra houbo unha misa por Castelao. Ao P. Luís, que era o ofiociante, mandoulle recados o gobernador, ós que respondeu “non possumus”. En vista delo destacou un policía á eirexa pra que tomara nota dos asistentes, que eran os terríbeles comunistas Filgueira (Valverde), (Iglesias) Vilarelle, etc., etc.
Ou a carta de Carlos Maside, dende Vigo, a un Castelao aínda doente (18-X-1949), que dá boa conta do inicio do proceso de simbolización en Castelao de toda unha época e o espírito dunha xeración:
“Querido e grande Castelao: Sei que estás doente. O teu mal sufrímolo tódolos galegos; e a nosa terra toda: os carballos, o mar, as pedras, os paxaros, as hervas e as sementes. Pregamos e fiamos que o teu corpo saberá non menos resistir a ferida do que soupo teu grande espíritu soportar as súas”.
A nivel documental, o historiador saberá esculcar de vagar e sacarlle moito rendemento a este epistolario colectivo. Primeiro, para confirmar o papel central de Ramón Otero Pedrayo como “epicentro desta constelación epistolar”. É Otero quen se constitúe en referente político e persoal indiscutible para a comunicación entre as dúas beiras da galeguidade nese momento histórico, a Galicia interior e a exiliada, É Otero quen deixa testemuño da súa amizade fraternal con Castelao e o seu desconsolo trala súa perda física. É a través desas cartas a Otero Pedrayo como sabemos con detalle da evolución e proceso da enfermidade de Castelao e da propia esperanza e consolo que as cartas que chegaban de Trasalba producían na alma do dirixente doente. Como apunta Alonso Montero, son decisivas as intervencións epistolares dun galego emigrado (Rodolfo Prada, tan próximo a Castelao) e outro exiliado (Xosé Núñez Búa), ámbolos dous en nome da colectividade galega de América.
Despois, o historiador poderá elaborar hipóteses e suscitar novas reflexións dende os textos destas cartas. Un par de exemplos. A ledicia que sente Castelao ó saber do nomeamento de don Fernando Quiroga como arcebispo de Santiago, expresa axeitadamente a importancia que o rianxeiro lle daba a que a Igrexa asumise a mensaxe galeguista, malia a conduta da xerarquía eclesiástica na guerra civil? Por que Castelao tiña tanta interese en que Otero Pedrayo opositase á cátedra de xeografía da Universidade de Compostela: era xa ben consciente do fondo significado político que tería a estadía do de Trasalba nesa cidade e o seu papel central nos faladoiros ós que acudirían os novos nomes da literatura e do compromiso galeguista, futuros líderes moitos deles da mesma Galicia de hoxe?
En suma, o epistolario que nos fornece Alonso Montero no novo libro de Galaxia é un documento único para achegarse a ese período tan mal coñecido da nosa historia política e cultural; un momento histórico en que o galeguismo que sobrevive á barbarie da guerra civil é extremadamente minoritario: en 1951 o total de sucriptores da colección “Grial” en toda Galicia sumaba 343 persoas, segundo transcribe nun dos seus traballos X.M. Núñez Seixas. Iso era o que había naquel momento, contando antigos cadros políticos e sinxelamente persoas interesadas na cultura galega. Nada máis. O certo é que entre esas trescentas persoas estaban algunhas das grandes cabezas intelectuais deste país e dos líderes máis xenerosos no seu laborar por Galicia que nunca existiron: esa é unha realidade que tamén debe ser transmitida ós novos, por desgraza ignorantes en grande medida deste seu pasado histórico.
Graciñas pola referencia, Marcos.
Sr Leituga: Despois da súa mensaxe de "alto ao fogo e erga as mans", só me resta des-nacionalizarme, des-colonogaleguizarme e des-galegoparasitarme. Son xa un embaixador do mundo, un cidadán universal, un internacionalista ceibe e sen ataduras. Así que hablemos el castejano que nos van a entender mejor, y dejemos en manos ajenas el choio.
Agora en serio: mire: as mellores mentes que produciu Galicia nos últimos tres séculos eran proto-galeguistas, galeguistas e nacionalistas. Ninguén, que eu saiba, reivindicou Galicia desde Madrid. Tampouco o fixo o tal Pablo Iglesias que, para o caso, tan ben puido nacer en Guadalaxara, provincia do mesmo nome.
Quixera, co permiso dos demais contertulios, felicitar ao señor Leituga 1 polos seus sempre enxundiosos comentarios, que non deixan a ninguén indiferente.
Hai tempo que algúns lle inquerimos que escribise e publicase un ensaio, pois ten pluma, capacidade e formación abondas. É un intelectual, vaia.
Todo o que aquí escribe configura unha sorte de excelente guión que, cun pouco máis de desenvolvemento, darían para un libro polémico, e, por iso, dobremente extraordinario.
Anímese.
Os elementos nacionalizadores sobre os que opera a construcción da nación foron, especialmente, a escola e o exército. A escola para que os nenos aprendesen a lingua e o relato da nación; o exército para que os mozos se desarraigasen do seu terruño natal e aprendesen que a nación tiña un espacio e mesmo un tempo moi distinto aos marcado polos lindes da parroquia e o sonido das campás da igrexa. Agora xa non hai que facer a mili, polo que só queda a escola e os medios de comunicación, especialmente a televisión. Sobre estes esteos, e aproveitando materiais preexistentes (lingua, historia, territorio, costumes, relixión) constrúese a nación. Qué queda dos materiais tradicionais da construcción nacional? Descartada a apelación á historia, polas razóns que deu Leituga, semella que só a lingua, pois anque a relixión aínda é relativamente importante, non é un elemento identitario, porque non xoga en oposición á cultura dominante (ao contrario do irlandeses dos servios, dos croatas, e dos bosnios). E, no que se refire á lingua, os galegos (alienados ou non) son bastante reacios ao monolingüismo en galego. Así as cousas, o sentimento nacional fica en mans de quen poida utilizar o "agravio", pero tamén polas razóns que deu Leituga, este non parece funcionar, pois cada vez fica máis en evidencia as vantaxes da unión con España. Non é descartable que surxan máis posibilidades de sentírmonos agraviados, que a vida é moi longa. Polo que a min respecta, economicamente, non me sinto ferido por España, lingÜísticamente, penso que se pode mellorar dende a unidade federal, e, culturalmente, síntome máis de Voltaire, Kant e Thomas Mann que de Menéndez Pelayo, Menéndez Pidal, Ortega, Unamuno, Castelao, Risco e Ramón Piñeiro. Cousa distinta é que, no fondo, sexa galego e estea encantado de selo. Pero non admito que ese ese fondo se convirta en discurso político, porque, cando se fai, deixa de ser "fondo" e pasa a ser pura e simple propaganda.
Súmome á consideración de Anónimo PC e as súas felicitacións a Leituga: eu mesmo teño observado outras veces esa formación, pluma e capacidade do citado para abordar ensaios novidosos. E o dito para Leituga vale para moitos dos que, xenerosamente, compartides este espazo. O que sucede é que non sempre hai gañas: tamén APC debería deixarnos por escrito moitas das súas reflexións (el mesmo llo demandaba hai uns meses a Monxardín, creo). En fin, hai moito pensamento, moita reflexión, moito saber, nas seccións de comentarios do blog (que servirían para alimentar moitos ensaios): polo menos que cheguen ata este recuncho para enriquecernos mutuamente todos/as. Graciñas.
Vou rebater punto por punto os argumentos que leituga 1 expuxo nunha mensaxe deste fío. Vouno facer, sobre todo, porque aquí ninguén o fixo. É máis, parece que levou parabens pola súa intervención.
Leituga1 explica que os "cementos" nacionalizadores que lle quedan ao nacionalismo galego son poucos e, ademais, un pouco febles”.É dicir, o nacionalismo e a idea de nación (xa) non teñen razón de ser na actualidade porque os seus valores están a desaparecer (quen os fixo desaparecer?) e o peso da historia (española) xa hai tempo que nos caeu enriba (quen nola fixo caer?), polo que e xa é tarde de máis para nos desentullar.
1.- “Está, por suposto, a lingua, un clásico que case nunca falta nestes procesos. Pero que en Galicia non ten socialmente unha dimensión ideolóxico-política demasiado marcada.”
A lingua é un dos piares do proceso, si. Agora ben, iso de que a lingua non ten unha dimensión ideolóxico-política en Galicia é un “achádego de cadeirádego” impresionante. Tena, e tanto, que até os políticos do PP e do PSOE que non a falan na “intimidá” farfullan unhas palabriñas no vernáculo para quedar ben. Vaia vostede a unha reunión de pais de alumnos nun colexio da Coruña ou de Vigo e fale galego en público. Intente vivir en galego en Galicia as 24 horas do día.
2.- Cito: “Así que a relixión, nada.”
A forma de vivir a relixión dos galegos (o loito e o duelo, a relación cos mortos, o culto á Virxe...) e as festas relixiosas teñen aínda moita presencia en Galicia.
3.- Cito: “a conciencia "étnica" está un algo desacreditada e ninguén lle deu aquí nunca moita importancia.“
Se por étnicos se refire a elementos antropolóxicos e culturais, penso que os galegos somos a día de hoxe os máis “diferentes” de todos os españois. Tal afirmou, por exemplo, Felipe González cando veu a Galicia por primeira vez de campaña electoral. E isto que lle digo tamén vale para as súas afirmacións sobre o “folclore” e as “tradicións”, que, según vostede, non serían elementos propios dunha conciencia nacionalista ao non levaren consigo “carga política”. Evidentemente, non teñen porque levala se se viven con naturalidade, pero precisamente por iso son un sinal de identidade noso.
4.- Cito: “E, por outra parte, e isto é moi importante, tampouco temos un pasado común compartido e recente que sirva para construír con certa verosimilitude a clásica narración nacionalista: posesión do ser-roubo do ser-regreso ao ser. Aínda que está moi estendido, incluso entre as bases máis populares do nacionalismo, que os protagonistas do roubo do ser foron os Reis Católicos, dáme a impresión de que é unha referencia demasiado remota para que poida ser operativa no presente.“
Claro: aquí non houbo corenta anos de franquismo, nin séculos de absolutismo español. España sempre se volcou con Galicia, de aí o noso comercio con América aberto aos portos galegos xa desde o século XVI, a nosa relación directa con Portugal e o apoio desde os gobernos de Madrid á nosa Revolución Industrial. Ao contrario doutros pobos da península, non sufrimos unha enorme sangría demográfica no XIX e XX por culpa da emigración. Todo isto, afortunadamente, non pasou.
5. En Cataluña teñen o Decreto de Nueva Planta, unha moi potente e presente Renaixença e a propia Guerra Civil. No País Vasco, as guerras carlistas e tamén a Guerra Civil. Todo historia contemporánea.
Según vostede, hai un “pedigrí” nacionalista que viría marcado cuantitativamente e cualitativamente pola historia contemporánea. Castelao dicía aquilo de “Eu maldigo da historia” As nacións non se constrúen só polas batallitas da historia, nin as recentes nin as doutro tempo. Que ten que ver o carlismo co nacionalismo vasco? Que ten que ver unha guerra sucesoria, na que a nobreza catalana apoiaba a outro monarca absoluto, co nacionalismo catalán actual?
6- “En Galicia, co Ano da Memoria, fíxose un intento de "nacionalizar" a Guerra Civil saldado con resultados máis ben discretos.“
Eu non vexo ese intento de nacionalizar a guerra civil que vostede ve. O que pasa é que os que facían cultura galega estaban cerca do PG, así que, en certa maneira, o nacionalismo tiña máis presencia na sociedade do que nas institucións. Mais con todo, non me negará que o PG foi o elemento clave na aprobación do Estatuto, e un dos eixos do Consello de Galicia, leal a causa republicana despois da guerra.
Di vostede que os resultados deste Ano da Memorai foron discretos. Madia leva, despois de anos e anos de silencio. Exposicións coma esa eran impensables hai dous anos, e xa sabe por que. Por outra banda, o PSOE da transición tamén preferiu esquecer.
7. “No momento presente, pódense montar algunhas pirulas por agravios supostos ou reais en cuestións infraestruturais: os atrasos no AVE ou na Transcantábrica, o asunto de Navantia-Fene, o Plan Lácteo... Pero o certo é que os investimentos do Estado en Galicia medraron moito nestes últimos exercicios.”
Todo isto sóame a Publireportaxe dos que detentan o poder en Madrid. Eu non vexo por ningures o Plano Galicia. Tivemos catástrofes mariñas cos socialistas e cos populares, e aínda non aprendemos. Os investimenteos en infraestruturas seguen a ir case todos para o arco mediterráneo e Andalucia. Ultimamente tamén para Cataluña, novo “caladero” de votos socialista. Cos socialistas en Madrid nós nunca teremos financiación blindada coma vascos e cataláns. Por outra banda, durante os gobernos socialistas de Felipe González Galicia foi unha das comunidades máis castigadas pola reconversión industrial, sen que tiveramos o paraugas do turismo e das axudas agrícolas doutras autonomías. Estabamos á cola en PIB hai trinta anos e seguimos á cola en relación con outras autonomías.
Segundo o entendo eu, creo que o amigo Marcel Swann intrepretou mal boa parte das argumentacións do señor Leituga 1.
Penso que este non nega que existan factores diácríticos que podan definir a Galicia como unha "nación-cultura" (ou territorio, ou comunidade, ou nacionalidade, ou rexión, ou realidade nacional, ou nazón de Breogán, así ad infinitum) con características diferenciadas, tales como lingua, pasado común, relixiosidade popular, folclore e tradicións propias, etc., etc., etc.
O que penso que el afirma é que tales factores teñen hoxe unha escasa eficacia á hora de ACTIVAR a mobilización nacionalista no conxunto da cidadanía galega e, polo tanto, que a "nación-política" derivada da vontade política é deficiente.
E, sinceramente, eu opino algo semellante.
Hoxe gran parte dos sinais de identidade (o que antes chamaba factores diacríticos) son asumidos por un amplo sector da sociedade galega e tamén, en maior ou menor grao, polas forzas políticas existentes.
Porén, esta “conciencia de sermos galegos” non se traduce, directa e mecanicamente, nunha maior “conciencia política nacionalista” tendente a lograr maiores cotas de autogoberno, tal como amosan os resultados electorais elección tras elección dende hai trinta anos.
Enténdase que este é un diagnóstico, non unha satisfación.
Por outra parte, chámanme moito a atención algunhas das afirmacións do contertulio Marcel. Vexamos algúns exemplos.
- “Que ten que ver o carlismo co nacionalismo vasco?”
- Pois ten que ver moito coa xénese do nacionalismo vasco a finais do século XIX.
- “Que ten que ver unha guerra sucesoria, na que a nobreza catalana apoiaba a outro monarca absoluto, co nacionalismo catalán actual?”
- Pois ten que ver na medida en que o nacionalismo catalán fai un uso político do pasado, simbolizando nel os “agravios” do presente.
- “Cos socialistas en Madrid nós nunca teremos financiación blindada coma vascos e cataláns”.
- Pode ser, non lle digo que non. Pero cos “populares” gobernando en Madrid aínda moito menos. En todo caso, é inevitable que en Madrid gobernen os socialistas ou os populares, sós ou en coalición ou con apoios parlamentarios.
Daquela, o que ten que facer o nacionalismo galego é ter un grupo parlamentario forte en Madrid que condicione a acciòn de goberno e que esta lexítima reclamación se faga realidade. A proba da carga recae, pois, no nacionalismo galego. Cando conseguirá ese grupo parlamentario forte?
Un saúdo para todos.
O señor Anónimo Político-Cultural explica moi ben o equívoco que permea toda a resposta que o señor Swann dedica á miña primeira intervención. Creo que o señor Swann confunde, en efecto, o que pretendía ser un diagnóstico -suxeitivo, por suposto- sobre a situación actual dos elementos susceptibles de desencadear ou substentar un proceso nacionalista clásico cunha negación da existencia mesma deses elementos.
É evidente que eu non nego eses riscos diferenciais que conforman o que adoitamos chamar "identidade de Galicia". O único que digo é que non dan para ao que o nacionalismo lle gustaría que desen. ¿Significa iso que Galicia vai ter máis ou menos identidade? Non, dende logo que non se non se fai unha equiparación abondo reduccionista entre "identidade galega" e "conciencia política nacionalista". A identidade, e isto sería outro tema de debate, non é unha categoría tan perfilada e estática como se derivaría da devandita equiparación. Eu, particularmente, penso que se xa é difícil definir a propia identidade individual, que lle vou dicir das colectivas. Dende logo, estas non me parecen definibles nin defendibles se non é dende a asunción da pluralidade, o cal inclúe a pluralidade tamén nos sentimentos de pertenza.
Grazas aos que me animan a escribir un libro con estas cousas que se me ocorren e que, en realidade, xa están ditas, e mellor ditas, por outras persoas máis sabias. Se cadra, un día póñome. Pero non lles prometo nada: esta leituga é un pouco vagoneta. E hai tanto que ler, que ver, que falar cos amigos, tantas cousas por escribir no blog do señor Valcárcel, que non sei se terei tempo para escribir ese opúsculo. Ademais, íanme caer ostias por todas partes, con perdón das súas caras.
Publicar un comentario