16 mar 2007


Día mundial da poesía, Helena Villar Janeiro
(El Correo Gallego, 16 marzo. Na imaxe, Luís Pimentel)

A Unesco, por iniciativa das autoridades marroquinas, iniciou en 1998 un estudio de viabilidade sobre a proclamación dun Día Mundial de Poesía. No empeño foi secundada polo escritor Alexander Blokh, ex secretario do PEN Club Internacional, que efectuou unha enquisa verbo diso entre cincuenta organismos especializados de todo o mundo.
Á xuntanza establecida para analizar a idea asistiron 15 poetas representantes das diversas rexións xeoculturais. Tras do debate formularon conclusión positivas sobre o papel da poesía como motor de socialización intersubxectiva, de impulso do recoñecemento dos valores ancentrais, do recoñecemento das orixes, e de promoción da tolerancia e do respecto pola diversidade cultural.
Por todo isto, recordando a importancia da linguaxe poética na construción dunha cultura de paz e non violencia, o Consello Executivo decide recomendarlle á 30ª reunión da Conferencia Xeral (París, 1999) a celebración do Día Mundial da Poesía cada 21 de marzo, día equinocial da nosa primavera, instando a que no evento participen as organizacións públicas e privadas: escolas, concellos, comunidades poéticas, asociacións, museos, editoriais e medios de comunicación.
Os poetas foron definindo ese poliedro que chamamos poesía de xeito luminoso. Pimentel di que é o gran milagre do mundo. Celso Emilio Ferreiro busca a verdade na rexa poesía. Para Mallarmé é a linguaxe humana tornada ao ritmo esencial. Segundo Miguel Ángel Asturias, o poema é o lugar polo que escapa a alma dun pobo. Non hai mellor exemplo que a obra de Rosalía de Castro, un dos grandes poetas universais por ser radical na expresión da espiritualidade colectiva de Galicia.
A Casa de Rosalía, vinculada a esta celebración case desde os inicios, foi escenario dunha das actividades do World Poetry Day que organizou o PEN Clube de Galicia no 2001. No 2006, houbo alí unha homenaxe ao soneto cun recital de sonetistas. Para este 2007, a Fundación Rosalía de Castro ten programada unha lectura pública da súa obra na Casa da Matanza. Alén diso, a institución anima a que ese día se lean versos de Rosalía de Castro, que escribe mollando no propio sangue a dura pluma, ten os máis variados rexistros, toca diversas poéticas, posúe a sinxeleza expresiva e fai canto individual canda a epopea colectiva.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu hai cousas que non entendo: a poesía como "motor de socialización intersubxectiva". Qué quere dicir? Despois queixámonos do "segmento de ocio" para o recreo.

Anónimo dijo...

A min, desde logo, que case todos os día do ano sexan "o día de algo" (da árbore, da poesía, dos pobos indíxenas, etcétera, etcétera, etcétera), paréceme unha patochada e, paradoxalmente, un modo absurdamente ritualizado de devaluar as verdadeiras e urxentes reivindicacións. Porque as árbores non deixan ver a floresta. Celébrase todo: daquela, non se celebra nada.

Anónimo dijo...

...versos rosalianos nas bolsas dos supermercados...carpas culturais...barcos da memoria...o mago Antón...dia da poesía...xornadas do Lacón...noite da cultura. Panteón de Laias
jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Errata:
No canto de Laias, léase Gaiás.
Jimy

Anónimo dijo...

Jimy: panteón, lugar onde moran os deuses, é Laias, a do río balnear, non Gaiás, que é onde morren as esperanzas, sempre vanas.

Anónimo dijo...

Arume, de Panteón, tomo a entrada que se refire a monumento funerario e con Gaiás, refírome ao monte Gaiás onde se está a construir a Cidade da Cultura.
Gracias pola corrección.
Jimy de Rairo