Pola paga mensual no xulgado
Andoliña 17 marzo. Imaxe de Javier Rosendo, fotógrafo cántabro.
Andoliña 17 marzo. Imaxe de Javier Rosendo, fotógrafo cántabro.
Un mozo de vinte e dous anos, residente en Dos Hermanas (Sevilla), levou ó seu pai ó Xulgado porque este se negaba a subirlle a súa paga para extras, que chegaba ós 150 euros ó mes (a familia xa lle cubría ademais os gastos básicos). Onde leo a nova non se ofrecen máis datos: só que o Xuíz desestimou o caso e que lle deu a razón ó pai; non lle terá que subir a paga, pois. Se se engade que o pai está en paro hai meses e que só cobra 700 euros de pensión e que iso ten que chegarlle para o gasto de toda unha familia de cinco membros (son tres irmáns), é doado entender que o ditame xudicial foi atinado e de sentido común.
Por riba diso, a anécdota permite outras lecturas. Como unha certa conmiseración polos pobres xuíces ós que lles chegan casos cada vez máis disparatados: teñen que solucionar leas de saias e camas, conflitos de cartos e corrupcións varias e ata temas de relacións privadas, coma este caso entre pais e fillo. Algo vai mal cando unha sociedade se infantiliza ata estes extremos e chamamos para todo a papa Estado (ou papa Xuíz). Non funciona demasiado ben o sistema cando moitos, como este mozo carota, chapan de memoria a lección dos dereitos e nin sequera abren a páxina do libro que fala dos deberes.
6 comentarios:
Oi, xa me imaxino eu o que acontecería nos tempos dos meus pais se fosen ao meu avó a pedirlle a paga con 22 anos. Incríbel!
Esto non é nada comparada co que nos vai vir enriba das nosas cabezas, xentiña que todo lle son dereitos e ningunha obriga... camiñamos cara a gran desfeita!!!
Caro Valcárcel...
hoxe escríbolle despois de ficar abraiado con esta nova, para dicirlle que se pase polo meu blog...
alí poderá disfrutar novamente dun poemiña de Alba Cid...
esta rapaza promete, non hai dúbida ningunha.
Vivimos nunha sociedade de consumo á que non estamos dispostos a renunciar. Como o tinglado ten que se retroalimentar para poder colocar os novos produtos e desfacerse dos vellos, xorden individuos infantís, con moitas necesidades, coma eses cativos que lle piden un vaso de auga ao pai ou á nai, e cando lla dan xa non a queren, para volver pedila máis tarde.
Nunha sociedade así, que deberes hai? O único que se me ocorre é o deber de ter pasta para poder seguir alimentando a máquina.
Nesta sociedade consumista a cousa pode ir tirando mentres haxa cartos, mais que pasara cando non os haxa?
Este tipo non ten vergoña, incríbel...
Publicar un comentario