Padrazos, de Bieito Iglesias
(El Correo Gallego, serie Pan e Coitelo, 22 marzo 2007)
Malia o suceso da novela histórica entre o lectorado contemporáneo, a pesar dos programas retro en tv -La imagen de su vida, Cuéntame, As leis de Celavella- e de Anos da Memoria demediada (podes lembrar as vítimas da guerra civil pero póñenche un preito se sinalas os vitimarios), o caso é que a amnesia domina a época. A sociedade en que vivimos fúndase no esquecemento, como moito tolera a "saudade do presente", expresada en spots con banda sonora dos anos sesenta, no remake cinematográfico e no eterno retorno das modas: ciclos de cabelo lambido con brillantina ou de guedellas á solta, vaivén de minisaias e calzas piratas que brincan sobre abismos temporais desde a illa da Tartaruga aos paseos das nosas cidades.
A velocidade e rotación de produtos imposta polo mercado revélase incompatible con calquera forma de permanencia. Os libros duran quince días no trinque, múdase de automóbil cada poucos anos, de roupa cada estación, de cónxuxe con frecuencia e de traballo cada dous por tres. A duración exaspera á humanidade presentista. A este abalo nervioso cómpre agregarlle o xuvenilismo, unha histeria fáustica que induce dietas, ximnásticas e cirurxías plásticas, en inútil lideira contra a obra do tempo.
Con tal pano de fondo, explícase a actitude deses pais dun recanto da provincia de Ourense -omitimos o seu nome por vergoña- que non queren que os vellos velliños viaxen a prezo módico aproveitando os autocarros do transporte escolar. Protestan porque temen a mestura dos seus nenos con persoas idosas presuntas portadoras de virus. Imaxinan o escándalo se discriminasen, en lugar de por idade, por raza ou orientación sexual?
Os vellotes contaxian sentidiño, rachan a idea de que o mundo naceu onte e prefiguran a morte, un tabú da modernidade. Eses raparigos empanicados apenas aturarían a impresión de sabérense mortais e se cadra máis parvos que os decrépitos avós. Os seus pais, tan protectores e solícitos, arríscanse a inspirar noxo eles propios á volta de catro días, porque fugit irreparable tempus .
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
5 comentarios:
Cánta sabiduría benedictina eclesiástica!
En Galicia ese esquecemento do pasado é aínda máis radical, pois aquí en corenta anos pasamos do precapitalismo á moderna sociedade de servizos. Do turreiro e dormir coas vacas a ver o leito en tetrabrik. Velaí os efectos dese esquecemento na lingua que os pais empregan cos fillos, no urbanismo alleeiro, na eleción de presidente dun personaxe como Fraga, etc, etc.
Están tolos eses proxenitores.
Só unha pega ao artigo: a ximnástica e algunha forma de dieta producen efectos positivos. Tamén o saben os vellos.
A verdade espanta, contamina, punto crítico sensibel da nosa cosmética sociedade. Bó tema para un extraordinario escritor como é Bieto Iglesias.
A firma:
Jimy de Rairo
Publicar un comentario