Mostrando entradas con la etiqueta sociedade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta sociedade. Mostrar todas las entradas

3 mar 2009


Pedagoxía política
aFONSO Monxardín, g.h.-3-3-09. Debuxo de R. Patiño.

Un día, hai para aí vinte anos ou así, comezaba eu unha visita ao Parlamento británico cando unha vella desas de gafas picudas e plástico na cabeza para a chuvia se achegou onda un bedel e pediulle que lle fose chamar o deputado do seu distrito, que non sei que lle tiña que dicir. Entrementres nós subimos ao poleiro a tempo de ver como o subalterno entraba e libraba dun crispado discurso do reverendo Ian Presley a un deputado daqueles que estaban apertadiños nun escano e que parecía a espera do médico en día de feira en vila pequena. Aos dez minutos xa nós cheos de espectáculo, baixamos. E alí estaba a boa da señora rifando co seu representante, aceando co dedo índice, mentres el aturaba impasible, sentados ambos nun banquiño á entrada da sala.
Como anglófilo confeso pareceume preciosa e entrañable esa proximidade entre a rúa e o poder. Proximidade si, pero iso non quere dicir darlle a razón sempre á xente, demagoxicamente, pois ás veces a opinión pública convértese só nun perigo público. Como cando se mesturan sangue e sentimentos. Digamos o caso do asasinato da parella de gays de Vigo onde a opinión pública en forma de xurado público absolveu o inabsolvible. É preciso xulgar desde a lei e non desde os sentimentos, ideas e prexuízos. Para iso lles pagamos a profesionais. Non quero eu esa responsabilidade. E nos últimos tempos vexo os nosos políticos coxeando do pé de querer congratularse sempre coa xente que máis sae ou berra nos medios de comunicación.
Falemos claro. Coa dor das persoas debemos ser solidarios e punto. Pois temos a seguranza de que o puro sufrimento non é fonte inmaculada de sabedoría. Así, os pais das nenas asasinadas en episodios macabros non teñen por que ser recibidos polos presidentes de nacións. Esas persoas despois desas experiencias traumáticas desexan, loxica e humanamente aínda que non o digan, vinganza. Queren cambiar leis movidos só pola dor e esgazamento íntimo e non por coñecementos forenses. E non señores. Non pode ser. Que falen, que se desafoguen cos amigos, coa familia, -ou cos deputados provinciais se queren-, pero os presidentes dos estados non deben de andar ás cousas das dores íntimas e de circos mediáticos.
Hai que educar á opinión pública para facela máis responsable, máis esixente co poder, e non darlle a razón sempre e tratar de gobernar en función de Salsa Rosa.

11 feb 2009


DE LETRAS E DE SIGNOS
Eluana descansa
POR ANXO TARRÍO VARELA, Galicia Hoxe, 11-2-09. Ilustración, A.Goyanes.

Aínda sentindo un total respecto por quen poida pensar doutra maneira, resulta moi difícil comprender cómo hai quen prefire ver sufrir unha persoa e todo o seu entorno familiar antes que ceder a unha eutanasia que, en casos como os de Ramón Sampedro ou Eluana, estaba máis que xustificada. Un querería saber se quen defende esas cativas (cautivas) vidas, cheas de sufrimento e desespero pasou algunha vez por ter na súa familia un caso semellante. Dá a impresión de que non, non saben o que é ter un familiar enfermo no seu día a día, con dores ás veces insoportábeis; con dependencias absolutas, dende inxerir a comida até todo o que supón o necesario mantemento diario da hixiene, e sen esperanza de volver a ter unha vida normal nunca máis. O cronista sabe de que fala.
Resulta inhumano impoñer as propias crenzas sobre o sufrimento dos demais, administrando así os males alleos sen ceder aos argumentos máis elementais acerca dunha vida sen posíbel aumento de calidade pola que se xustificaría a esperanza de que algún día volvería o enfermo a gozar de plena autonomía e dos praceres aos que acceden os que están con boa saúde. É tan elemental que mesmo dá algo de vergoña dicilo en voz alta. (...)


Políticos.
Pan por pan 11-2-09

Dicían os manuais do xornalismo que só as malas novas se converten en noticias. Será por iso que os políticos que saen nos telexornais son noticiosos, pero pouco dignos de aplauso. Políticos enfouzados na corrupción que estenden o mar da dúbida sobre toda a clase política, para desgraza dos honestos, que tamén os hai. Políticos que gañan as eleccións co poder do medo: velaí a vitoria da dereita e a extrema dereita en Israel, nación que se sente acosada, mesmo despois de causar máis dun milleiro de mortos en Gaza. Políticos carroñeiros como Berlusconi, quizais o máis detestable de todos, querendo forzar as leis para impoñer os seus dogmas contra o sentido común. Dezasete anos en coma irreversible e en estado vexetativo: quen pode desexar esa tortura para a propia enferma e a súa familia? A única verdade do caso Eluana está no que o seu pai sufriu ó despedirse dela nos seus últimos dez minutos de vida.

1 feb 2009


VERGOÑA
PAN POR PAN 31-01-2009

Onte sentín vergoña, unha vez máis, escoitando unha nova de tema galego nun telexornal. Non era un crime da Galicia máis profunda nin nada sobre o narcotráfico.A tele informaba que Sogama non incinerou ningún dos millóns de fármacos recollidos en España, en vinte mil farmacias, dende 2002 ata hoxe.Doce mil toneladas de medicamentos usados ou caducados que, en contacto coa auga e outros residuos, poden ser altamente tóxicos. De nada vale o esforzo dos cidadáns levando eses fármacos ós contedores da farmacia, porque, en vez de ser destruídos, logo son enterrados en Cerceda, co perigo evidente de contaminar augas e terras. Pero, en que mans estamos? A alguén lle importa de verdade garantir a nosa saúde? Para que se gastan cifras millonarias en campañas a favor do medio ambiente? Haberá un responsable deste disparate: que poñan xa a súa foto na portada dos xornais.

7 ene 2009


Zapping.
PAN POR PAN mércores 7 xaneiro.
Imaxe, Christine Dumbsky.
Está claro que a Televisión ten outras linguaxes, outros medios e outras teimas. Por, exemplo, nos últimos tempos, a obsesión pola neve. Cada dez minutos sae un reporteiro dalgún programa nun pobo asolagado pola neve, entrevistando a algún paisano aterecido: é como se os xornais titulasen todos os días NEVA E SEGUE NEVANDO en letras grandes. A TV domina moi ben a linguaxe fragmentaria, a mensaxe rápida, breve e pouco substanciosa.
Velaí os múltiples programas de zapping con contidos morbosos ou escatolóxicos, curiosidades de bichos e animais, batacazos e choques de coches ou motos e algunha desgraza, ademais de artistas aspirantes a un record Guinness. Con todo ese barullo faise unha televisión fácil, tantas veces repetitiva e, sobre todo, barata. Co auxilio ademais de Youtube onde hai un catálogo millonario de chorradas diversas para copiar e difundir na pantalla de TV.

3 dic 2008

Leis hiperbólicas, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 2-12-08)

O que é un recurso do humorismo popular e para a literatura como a hipérbole non debería pasar ao serios mundos da política, das leis, da alimentación da economía. Así, se decimos dunha moza que está como un tren, entendemos inmediatamente a hipérbole e non nos pasa pola imaxinación que teña rodas e ventaniñas.Pero os consumos hiperbólicos son espantosos. Se vostede come un quilo de cacao puro, seica morre de obstrución intestinal fulminante. Se come cinco quilos de marisco -fóra cascas- tamén morre intoxicado por non sei que. Agora que o penso, se come cinco quilos de calquera cousa, de vez, o máis problable é que morra de indixestión... ¿E pensa vostede que se debe prohibir o cocholate, o marisco ou as racións abundantes? Nada diso.A raíña de España cando foi á Bolivia en tempos pre-evistas ou pre-moralistas, mas cou folla de coca e a ninguén se lle ocorreu a hipérbole de chamarlle drogadicta. O outro día, aí atrás, cando a mesma señora se dedicou a acariñar e -puagh- a bicar burros a ninguén se lle ocorreu... En fin, xa me entenden, que hai que andar con cuidado e non esaxerar en exceso.E nestas zaca, hiperbolicamente queren meter nas leis que o viño é unha droga. ¡Mi madriña! O Papa pois -que misa con viño e non con gaseosa- no mesmo grupo dos yonkis. Seguro que foi cousa da vicepresidenta, que transmite confianza e seguridade, pero ten cara de anoréxica e de non comer quente. Non confundamos as nosas simpatías e gustos persoais co que debemos lexislar ou non. Se vostede é abstemio, felicidades. Se vostede sabe medir e gozar dos praceres do viño e a mesa, pois moitas máis felicidades, aínda. Pero distingamos ben excesos e normalidade. Se vostede conduce por riba dos límites de velocidade debe ser vostede o multado e o reeducado polas boas -convencemento- ou polas malas -multa que te criou-.Se vostede é borracho, debe tamén ser obxecto de atención sanitaria e reeducativa e é vostede o que ten necesidade de reconducir a súa conduta, non eu. Así, non poden prohibir conducir, nin considerar o viño unha droga. Isto forma todo parte da deleznable parte do espectáculo da acción política. Deses grandes xestos hiperbólicos que ao final se escapan como os globos dos nenos nas festas. E non pasa nada.

2 dic 2008

UN CONTO TRISTE
Marcos Valcárcel
Hoxe voulles contar un conto triste, que dicía o mestre rianxeiro. Un conto doutros tempos. Ou quizais non. Antonia é unha muller moi humilde que traballa como asistenta e leva a diario a roupa a enxaboar no lavadoiro público de Marineda, aterecida polos fríos do inverno. O seu propio marido asasinou á súa nai, movido pola cobiza dos cartos da sogra, e paga agora a súa pena no cárcere, mentres ela vese condenada a sobrevivir en condicións de extrema miseria criando a un pequeno. Foron vinte os anos de castigo para o esposo e a pobre muller confía en que o prazo é abondo para curar o medo: en vinte anos, pensa ela, pode o seu home morrer no cárcere, ou podo morrer eu, ata aló falta moito tempo aínda. A morte natural nunca lle asustou, conta con ela: só lle aterroriza de verdade a posibilidade da volta do cónxuxe criminal.
Pero o azar histórico, co nacemento dun herdeiro de El-Rei, facilita un indulto que deixa ó preso libre na rúa. A Xustiza dálle ademais o dereito a compartir a casa onde vive a súa muller e onde el cometera noutrora o seu grave delito. Antonia vive angustiada, pensando na hora dese regreso, temendo ser ela a próxima vítima da violencia do bruto liberado. Chega o día fatídico e é obrigada a acoller ó seu home no fogar e mesmo a compartir leito co asasino. De todos os xeitos, el non chega a matala. Antonia morre “de morte natural”. O corazón non puido máis: morre de medo.
Velaí un breve resume do argumento de “El indulto”, un magnífico conto de dona Emilia Pardo Bazán, publicado en 1883 en “La Revista Ibérica”. O paso do tempo non deixa de ser un xogo un pouco absurdo. Os grandes problemas, os dramas e traxedias, tamén as nosas ledicias, son os mesmos dende que se escribiu a Odisea ata hoxe. O ser humano, para ben ou para mal, non cambiou tanto. Quizais cambiou moito menos do que somos capaces de albiscar. Iso, cando menos, é o que nos fai pensar este relato tan oportuno, no seu tempo e hoxe, da autora de La Tribuna.
“El indulto” é literatura aínda viva: nin sequera é preciso contextualizala. Por desgraza, os xornais contan cada día historias moi semellantes.

ANT, novembro 2008

8 nov 2008


Incomunicación
andoliña 8-11-08
Ilustración de E. F. Granell

En todas as épocas houbo diferenzas entre xeracións e tamén desconfianzas mutuas. Xa saben do filósofo grego que se queixaba, hai moitos séculos, da vida ousada e desordenada dos mozos do seu tempo. É normal que mozos e adultos e vellos lean libros distintos, escoiten música moi diversa ou sigan programas de televisión e películas moi dispares entre si. Sempre foi así e iso non vai cambiar polo de agora.
O que quizais non pasou nunca, non deste xeito dende logo, é que se chegase a formas de comunicación tan arredadas que fosen incomprensibles entre si. Onte vin, nunha reportaxe televisiva, como interpelaban a persoas da rúa para que descifrasen este enigma: ktaptccr oi, unha simple mensaxe de móbil como as que usan os nosos fillos acotío. De trinta anos para enriba ninguén era capaz de ler aí nada. Por baixo desa idade, en cambio, a comprensión era doada e absoluta: a mensaxe preguntaba ¿
Que te apetece hacer hoy?
Deixemos agora as regras de ortografía, condenadas ó esquecemento co novo sistema. O certo é que mozos e adultos están hoxe ben incomunicados en moitos aspectos: quizais a linguaxe do móbil non fai máis que referendar, con contundencia, esta realidade.

6 nov 2008


Vixilancia e acoso
andolñiña 6-11-08

Hai debate nos medios e nos faladoiros televisivos sobre esa multiplicación de cámaras de vixilancia nas rúas que aparecen como fungos por todas partes. Invocando o deus supremo da Seguridade, xa nos obrigaron a resignarnos a ser gravados continuamente como sospeitosos delincuentes: o éxito definitivo do Gran Irmán. Que pasará pola cabeza dos vixilantes encargados de espiarnos paso a paso, que nos contemplan nas pantallas como míseras formigas desorientadas?
Oxalá puidésemos estar tranquilos nas nosas casas. Pero nin iso. Aí están os vendedores e comerciais de todo tipo, a importunarnos decotío con seguros, telefonía ou servizos bancarios. Eu xa hai tempo que decidín ser maleducado con esta nova forma de acoso á nosa intimidade e contesto cun simple "Non me interesa" que corta calquera posible diálogo. Porque tamén é mala educación que te chamen da mesma empresa varios días seguidos co pretexto de que son servizos arrendados e cada un deles chama pola súa conta. Hai uns días chamou un comercial dun banco que parecía saber máis da miña economía ca min. E dábame consellos para gastar os cartos, reformando a casa ou cambiando de coche. A min tamén me pareceu outro maleducado.

29 sept 2008


Socioloxía do autobús,
de Marcos Valcárcel (La Región, 29-9-08)

A fotografía é da coruñesa Victoria Diehl, sobre a que escribía onte mesmo Brétemas.

A prendendo. Dende hai varias semanas só me desprazo en autobús por esta cidade. É un sistema máis lento e que che obriga a esperar de cando en vez, pero tamén se aprende algo. Como en todo o que facemos de novo na vida. Da miña experiencia nestes días voume atrever a facer para vostedes, agardando que lles interese, un bocexo de Socioloxía do Autobús. Porque este medio de transporte público ten ó seu arredor todo un microcosmos propio digno de atención.Para empezar, é obvio que a maioría dos usuarios do autobús son persoas humildes ou da clase media baixa. Nun mundo onde o automóbil é símbolo máximo de status, os máis posuidores, digámolo así, raramente soben a un autobús nos seus desprazamentos cotiáns. Entre o público máis habitual deste medio eu distinguiría tres sectores ben definidos. Chamarei grupo A ós máis maiores, xubilados sobre todo, que collen o bus para acudir a citas médicas, ir coidar os netos ou, sinxelamente, dar un paseo cos amigos á solaina da Alameda. O grupo A é maioritariamente galegofalante e entre os seus viaxantes non é raro aínda escoitar a expresión ‘imos coller o carrito’, que garda a cerna dos sabores emotivos doutros tempos.

24 sept 2008

Spanair, de X.M. Sarille

(...) Creo que se confirmou esa pulsión cando os medios de comunicación anunciaron que outro avión da mesma compañía realizara unha aterraxe forzosa. Estábase máis perto de atopar unha válvula para tanta impotencia. Mais todo o mundo sabe que nos países ricos os accidentes aéreos son excepcionais, e pouca xente sabe que as aterraxes preventivas son moi frecuentes, e que case nunca son noticia. Spanair puido converterse inmediatamente e de xeito arbitrario nunha ruína económica, porque ía prevalecer a idea de que é unha empresa perigosa. Non é que houbese unha estratexia calculada para arruinala, senón que o grande teatro da información, este descomunal simulador da realidade, ten vida propia, e nalgunhas ocasións crea monstros sen basearse na razón, aínda que case sempre os críe interesadamente e baseándose nela. (...)

En ECG. 23-9-08

Violencia
PAN POR PAN mércores 24 setembro

Hai menos dun ano, no instituto de Tuusula, perto de Helsinki, un mozo mataba a oito persoas antes de suicidarse. Onte mesmo, en Kauhajoki, outra pequena cidade finlandesa, repetíase o mesmo argumento: neste caso co asasinato de dez compañeiros. A nova sorprende sobre todo pola súa ubicación: Finlandia non está habituada a situacións violentas e os seus resultados educativos son os mellores en diversos estudos como o Informe Pisa. O tema, pois, é moi complexo: o que antes só pasaba nos Estados Unidos hoxe pode pasar en calquera lugar. É unha consecuencia tóxica da globalización: non hai fronteiras posibles nun mundo onde os autores destas macabras fazañas se ven a si mesmos como personaxes mediáticos que colgan as súas ameazas en Internet. Houbo épocas máis violentas na historia, pero daquela só as vítimas directas coñecían o horror. Non se invenrara aínda o Youtube.

19 sept 2008


Xenofobia.
sábado 19 setembro


Unha vez máis, rexistrouse unha agresión xenófoba no metro de Madrid. Nesta ocasión foi contra unha moza peruana. Primeiro, un mala besta racista que se botou contra dela a golpes; despois, dous gardas de seguridade e seica a propia revisora do metro no mesmo plan. Catro persoas contra a moza, a berrarlle e a humillala. Retida dúas horas sen poder pedir axuda. “Sudaca de mierda! Que venís a quitarnos el trabajo a los españoles”, seica dixo o agresor, entre outras cousas. E o meu cerebro recolle a carpeta de información dunha recente intervención de Mariano Rajoy falando da inmigración e culpando ós inmigrantes do paro e da crise. Se eu fose o líder do partido da oposición, con moitos millóns de votos detrás, daríame moito medo estar a dicir nas rodas de prensa o mesmo que berran estes descerebrados mentres agraden a unha moza peruana.

12 jul 2008



O tempo.
Pan por Pan sábado 12 xullo. Imaxe: Venus de Willendorf.


Pois síntoo moito, de verdade. Pensando nos que xa están na praia: en Baiona, en Praia América, en Sanxenxo (por favor, non nos insulten co castrapo), en Muros ou en Fisterra. Como pasou o ano pasado, o mes de xullo anda chunguiño. Días de sol a medias, con nubeiros por todas partes, ás veces ben negros, e pequenas choivas de cando en vez. Quizais faga un tempo mellor nas praias, oxalá para os que están de vacacións. Ese tempo que vivimos pendentes da TV e dos mapas meteorolóxicos do telexornal. Eu non son ningún lagarto de praia, nin moito menos, pero nese tempo interrompido agradécese o sol para moitas cousas. Pero, que queren que lles diga? Para os que pasamos xullo na fochanca auriense, isto é a gloria. O paraíso: días fresquiños, ledos, aínda entre nubes. Nada que ver co bochorno doutros tempos. Síntoo moito, de verdade, pero ben contentos que estamos.

22 may 2008

Noxo. (Pan por Pan 22 maio)
Imaxe: "Angustia", de Siqueiros.

“O noxo” é un excepcional conto de Blanco Amor, do libro “Os biosbardos”. E noxo sentimos tamén ó ler certas novas no xornal: por exemplo, ese xuízo contra un individuo que abusou dunha rapaza de dez anos, a cal quedou logo embarazada. É fácil imaxinar polo que tivo que pasar esa rapaza e a súa nai, chegadas dende fóra. Pero, á marxe da sentenza, que non podo valorar en termos xurídicos, é indignante a estratexia da defensa do acusado neste caso: afirmando que o adulto foi seducido pola nena (por unha nena de dez anos ?) e que a cousa non ten maior importancia porque é habitual no seu país de orixe. O acusado, colombiano, afirma que tal cousa, ter relacións cunha nena, é case o normal no seu país, que é tamén a terra de orixe da nena vítima e da súa nai. Se hai asociacións de inmigrantes colombianos ou suramericanos, xa deberían estar xa denunciando tal agravio. Digo eu.

14 may 2008

Makelele segue en prisión por ser un "perigo" para os cidadáns (ECG 13 maio. Foto ECG)
Cantos "gilis" como este seguen soltos polas nosas rúas, nas estradas e mesmo nas cidades. Que facer para controlalos con xeito antes de que causen máis desgrazas?

6 may 2008


DEZAOITO EUROS
Andoliña 6 maio

Vin esoutro día a película “As mulleres de verdade teñen curvas” (2002), ópera prima da directora colombiana Patricia Cardoso, que fai cine nos Estados Unidos. Unha ben contada historia, interesante, da inmigración sudamericana, que combina a conquista da propia autoestima sobre o seu físico na moza protagonista, e a súa loita polo dereito a un mellor futuro, a través dunha beca para ir acceder á Universidade, mesmo contra as arelas dunha nai castradora.
As mozas sudamericanas, a medio camiño entre as dúas culturas, traballan ata a extenuación nun taller de costura, atafegadas pola calor, e fan fermosos vestidos de deseño ó custe de 18 euros: os mesmos vestidos que se venderán logo nas tendas máis fashion a 600 euros a peza, segundo se afirma na propia cinta.
O mundo é inxusto: alá e aquí. En Galicia tamén se podería rodar unha historia semellante, quizais coas mozas dalgún taller téxtil semiclandestino. Os nosos labregos e gandeiros recollen unha parte moi cativa do que producen: hai outras mans máis cobizosas. Ó cabo, 6 de cada 10 fogares teñen graves problemas económicos. Un de cada catro vive con menos de mil euros ó mes: cóntano os xornais, todos os días.

3 may 2008


en poleiro alleo:
Austria no diván, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 3.5.08)
http://www.laregion.es/opinion/1551/
(Imaxe: O pesadelo, do pintor simbolista H. Füssli)

(...) este mundo rebentou dúas veces coas dúas Grandes Guerras. Pero sen culpables aparentes. A primeira reduciu o imperio á Austria actual, dúas veces e media o tamaño de Galicia, habitado por menos de oito millóns de persoas, e case matou Viena (no ano 2000 tiña setecentos mil habitantes menos que en 1916). Desapareceu o Imperio e a el foron as culpas todas. Logo, houbo vinte anos de resentimento para alborozarse coa chegada de Hitler; e de novo compartir un tráxico destino imperial. E cando cae Hitler, todos calan, todos teñen moito que calar. Érguese un inmenso muro de silencio e inventan o papel de vítima que convén a vencedores e vencidos. Así, con ese saber e calar, Kurt Walheim, ex nazi, chega ao cume das Nacións Unidas e logo, á presidencia do país.Todo é posible, pois. Só hai que disimular. A culpa non existe se non se publicita. Ademais, non é educado falar. O crime sen castigo. Nunca pasa nada. A Viena escura do ‘terceiro home’, dos refuxios antiaéreos, dos sotos onde agacharse de nazis, de aliados, de rusos... parece que agroma nos arrepiantes casos que por alí se producen. Austria necesita resucitar a seu veciño Sigmond Freud, deitarse no seu diván e falar, falar e falar dos anos mozos para tratar de enfrontarse de novo ao futuro con ollos máis limpos.

A vida dos maiores

Andoliña 3 maio 2008. Imaxe: Cabeza de home,
de Van Dyck.

Escoito na Radio Galega un anaco dun programa que trata sobre a Lei da Dependencia e a atención ós nosos maiores. Chaman persoas dende as casas contando as súas experiencias. Eu debín coller o programa en mal momento. Vexan. O primeiro que chama quéixase con detalle porque non lle pagaron aínda nada e, aínda que fixo todos "os papeis", logo llos perderon polo camiño: "Son uns mangantes, eles e elas, todos", di, indignado cos funcionarios que lle importunan a vida. Chama logo unha señora e case bota a chorar porque di quen os seus fillos si que a atenden, pero non lle dan agarimos: nada os que están fóra, que nin chaman, e insinúa que tamén pouco os que viven con ela.
Xa chegaba, pero hai máis. A terceira persoa ó teléfono está aínda máis cabreada cás outras. Segundo ela, atendeu á súa nai enferma durante vinte anos. Logo levouna canda ela outra irmá e esta quedou cos cartos da nai e secuestrouna en vida, sen deixala falar con ninguén. A segunda filla di que a primeira tíñaa mal coidada e chea de merda. Supoño que estes casos son certos. E haberá máis. Pero, unha vez máis, os medios sen querelo amplifican a traxedia. Se esa fose toda a realidade, habería que concluír que as familias galegas son un inferno.