Unha valiosa análise do blogomillo
No Faro de Vigo de hoxe Manuel Ángel Candelas Colodrón, profesor da Universidade de Vigo, fai unha interesante e atinada análise do blogomillo galego. Paga a pena ler o traballo completo, que demostra que é un excelente coñecedor deste mundo virtual e que ten o don da síntese e da interpretación do conxunto. Para abrir boca deixo aquí un anaco amplo deste artigo de opinión, que, ademais, nos dedica algunhas gabanzas, que agradecemos de corazón:
O primeiro que chama a atención no blogomillo é a diversidade de intereses que xunta. Pola esperable xuventude destes protagonistas, os asuntos vencellados coas diferentes formas artísticas (poderiamos dicir de vangarda) son maioría: innumerabeis blogs de música, con impagables crónicas das euforias nocturnas (Beliscos pequenos ou Apocalipse do porco), ou senlleiras mostras de afeccións á xéneros (O niño do moucho co seu heavy metal) ou a cantantes (+ dylan, con Chiquito de la Highway 61). Tamén aparecen numerosos blogs de artes plásticas (con tendencia á fotografía), con galerías enteiras, que permiten amosar a incandescente creatividade de moitos artistas descoñecidos fóra deste ámbito. Aínda que non son estrictamente diarios, como é habitual nos blogs, contaminan o blogomillo co seu xermolo de orixinalidade e deseño, como pode verse en páxinas coma Selva de Esmelle ou A pícara de Allegue, bitácoras, por certo, suliñadas cunha preponderante e poderosa voz feminina. O mundo do cinema, que ten tanta devoción interneteira, cabe no blog de Días estraños, cun dos máis activos blogueiros, Martin Pawley, quen provoca, con sentido lúdico e vitriólico, aos cinéfilos máis recalcitrantes da galaxia galaica. Dentro deste aspecto do cinema, é inevitable a mención do bizarro Cinema Friki ou ás diferentes reflexións, máis ocasionais, de Mario, desde O porto dos Escravos, ou do dono de As túas balas, que poñen con perspicacia e unha vontade de estilo notoria o seu persoal contraponto. O do cinema é asunto que se repite en boa parte das bitácoras, coa aportación xa ineludible do You tube para ilustrar os comentarios.Pero é indudable que a importancia do blogomillo mídese no (ultra)terreo dos libros. É celebrado, cunha perspectiva específica de editor, o de Manuel Bragado, Brétemas, que engade, de cando en vez, reflexións de corte político e social, fenómeno moi frecuente, mesmo obrigado, nesta caste de cadernos. Desde o mundo bibliotecario (Ana Bande) ou da edición institucional (Fragmentos da Galaxia), danse a coñecer iniciativas útis que desde outros lugares non é doado atopar. Os escritores non resultan alleos a este esforzo intelectual e acostuman levar ás súas bitácoras as súas consideracións sobre o mundo da cultura como fan Jaureguizar no Cabaret Voltaire, Francisco Castro na Canción do náufrago ou Fran Alonso en Cabrafanada. Outros, coma Moralla (Yolanda López) ou Gradicela, prolongan nas páxinas do ordenador a súa pulsión literaria, que acompañan con ilustracións fotográficas ou con debuxos. Neste caso, o diario convírtese nun acto creativo de primeiro orde e abre a posibilidade, aproveitada por moitos, de dar o salto á maxia do papel, amenazada xa por esta virtualidade. A conexión entre o blogomillo e a industria libresca atopa nestes casos un extraordinario punto de encontro, que eu agoiro pasaxeiro por ver que moitos (e moitas, xa que as mulleres ocupan un lugar preminente) son máis lidos por este formato ca pola súa impronta impresa.A creatividade comparte espazo coa crítica cultural, social ou política. Un dos blogs máis lidos e respeitados é o que comanda con espíritu xeneroso Marcos Valcárcel desde As uvas na solaina. É un dos casos senlleiros da trascendencia do blogomillo no mundo do papel diario. Non é raro ler nas páxinas de opinión dos xornais temas ou asuntos tratados nesta bitácora, chea de suxerencias e conversación civilizada. Á política deriva boa parte do blogomillo, de xeito inevitable: desde blogs de partidos ou candidatos á alcaldía (de pouco peso dentro do espíritu combativo e creativo do blogomillo que non gusta de consignas ou de ideas preconcebidas) ata máis sesudos (e elegantes, como o de Manuel Gago) espazos de reflexión (Zerovacas ou Calidonia), sen esquecer os xa clásicos (e consabidos) blogs que serven para o desafogo persoal do creador e dos comentaristas que entran a algo que nin de lonxe pode parecer un debate.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
13 comentarios:
A ligazón do traballo completo non me funciona...
O blogomillo ten que ir cara adiante, eu creo que é o futuro real da difusión de ideas...
Saúde.
Gabanzas ben merecidas, por outra parte.
Agora mesmo, en cantidade, publícase moitísimo máis en lingua galega (e sobre cultura galega) no blogomillo que en papel (revistas especializadas, ensaio, etc).
O blogomillo presenta ademáis características moi interesantes á cultura libresca:
- é participativo, aberto; a creación e o pensamento xa non son algo individual.
- crea lectores en galego que antes non vían os seus intereses recollidos nas publicacións en papel.
- os blogs abren canles para expresarse aos novos creadores, que non sempre teñen doado acceso á publicación editorial.
Estanse a enteirar do que está a pasar no blogomillo na Conselleira de Cultura e nas editoriais? Pois moi pouco; mais ben parece como se a cousa non existise. Por que? Boa pregunta. Reflexionen vostedes. Ten un a impresión de que aquí o importante é subvencionar libros que ninguén le e montar modernas arquitecturas coa ilusión (ilusa) de que algún día nos visiten milleiros de turistas xaponeses.
O desabafo, sen dúbida, é a motivación que xerou a maioría de blogs no blogomillo. Hai blogs cunha excelente calidade. Tamén persiste un certo sentemento de comunidade non totalmente diluído.
Escribir é un acto de humildade pois calquera pode comentar e sacarche os defectos e a maioría dos autores non son, ou non somos, escritores profesionais, nin sequera, no meu caso, somos xente de letras.
Mágoa non ter asinalado no artigo tamén a Suso Lista, percebeiro do Roncudo; para min resulta unha das bitácoras máis persoais, orixinais e inclasificábeis que teña visto.
Sobre a regalía das Uvas nada que decir que xa se saiba, nen mellor co xá dito.
Máis dun xornalista, que eu sei pasa por aquí para ollar a actualidade e o debate, quen sabe se tamén para inspirar a súa columna.
Coincido con Carreira, incluiría a creación do percebeiro do Roncudo nos clásicos, ou o vigués-italianista Arume que ainda novo, leva camiño diso, pero de vello e de sobra coñecido aquí coas súas sobranceiras opinións.
Pra meu gusto xornalísticamente o texto de Candelas está ben construido só sacaría a catro ou cinco blogues, e incorporaría outros catro ou cinco, vese que domina o blogomillo, pero nin tanto.
E de Arume, reconméndolles que vaian facer brasa polo seu bogue estase producindo un intenso debate sobre as "burkas en Alcobendas", entren pasen e vexan...vale a pena!
O señor Cancelas é demasiado xeneroso con algúns blogs (dos que non vou dicir o nome).
Dos poucos que eu coñezo, pagan a pena tres ou catro. Os demais son prescindibles, na miña opinión.
APC, xa o dicía ese grande filósofo italiano da bola que é Giovanni Trappatoni: todos somos útiles e necesarios mas non hai imprescindíbeis.
Nun só artigo é imposible abordar toda a realidade do blogomillo galego, por fortuna. Eu insisto na valía deste traballo aproximativo, aínda que feito dende o seu persoal punto de vista (por suposto, faltan blogs interesantes: entre outros moitos, Fíos Invisibles ou Mendinho). Pero é importante como reflexión inicial e iso quería eu subliñar.
Está, está como non, Fíos invisibles contra o último do artigo.
Excusas logo. Fieime do meu recorte e pasouseme.Marcos de Auria.
Boto en falta unha pequena reseña á gastronomía. Qué menos que http://colineta.com cun blog que leva anos adicado a este tema.
Mario, e R.R. afirma, chama a esto blogoleira: non está nada mal, tendo en conta a fertilidade do conto.
ejem
Publicar un comentario