22 abr 2007


Cafés e salarios.
Pan por Pan 22 abril (Imaxe: Carta amorosa, de F. Clouet, s.XVI)

A min non me parece relevante que Zapatero ou Rajoy saiban o que vale un café nunha cafetería da rúa: é obvio que poucos cafés pagarán eles e de seguro teñen cousas máis importantes nas que pensar. Hai grandes problemas no país ós que deben atender con prioridade e xa terán asesores e xestores para estas miudezas que, ó cabo, son determinadas polo mercado. Tampouco me preocupa saber o qué gaña cada político, sempre que o faga ben no seu posto: pero quizais Rajoy foi un pouco covarde ó eludir o tema e declarar que “miro mi cuenta a final de mes porque lo necesito, y muchísimo”. Outro pobre de solemnidade como Esperanza Aguirre. Pero isto non é certo e pode ser un insulto ós millóns e millóns de persoas que non vemos nin en soños os nove mil ou doce mil euros ó mes que din que gaña Rajoy. Non somos ricos, xa o sabemos, pero tampouco parvos.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Pero si que é importante que no asunto do café se arme tal rebumbio porque o prezo que dixo Zapatero non coincide cos prezos de Madrid. O que os perde é o "madridcentrismo" que lles corroe os miolos.
Son moitos os lugares fóra de Madrid onde o café custa máis ou menos 80/85 céntimos, pero os xornalistas e tertulianos madrileños non saben da existencia deses lugares: Madrid é a medida do Universo.

Anónimo dijo...

Eu tamén me quedei atónito cando lle escoitei contar as súas penurias para chegar a fin de mes. Non estivo moi fino afirmando iso. O parecer temía dita pregunta e vese que non levaba unha resposta preparada quizá por que non imaxinaba que a pregunta fose tan directa. E certo que os posibles 12.000 € que pode chegar a cobrar poden resultar excesivos a vista dos nosos petos pero en realidade son pequenas cantidades en comparación co que gañan outros ex da política sentados en consellos de administración de grandes empresas (Boyer, Martín Villa etc) e por riba coa tranquilidade de non ter que estar na palestra política cada día. Imaxino que a Rajoy lle iría mellor económicamente como rexistrador da propiedade. O sábado viña en El Pais que Emilio Botín cobrara 3,5 millóns de soldo e 9,3 millóns en pensións mentres Alfredo Sáenz percibira 8 millóns de soldo e 10 millóns en pensións. Incluso Luis Angel Rojo chegaba aos 232.000 €. Xa sei, falamos do mundo da empresa privada, pero ¿de onde saen ises cartos?. Pois das hipotecas que pagan millóns de persoas que por ise motivo sí chegan xustos a fin de mes e nadie se escandaliza.

Anónimo dijo...

Cousa que nos levaría ao de sempre: a xente zorrega nos políticos e quere ser coma os grandes tiburóns das finanzas. Sen dúbida hai explicacións para tal comportamento, e non son sinxelas. Quen aventura algunha?

Anónimo dijo...

Eu teño unha teoría, pero mete polo medio aos periodistas. Eu creo que hai unha loita aparentemente inocua, pero no fondo encarnizada, entre políticos e periodistas. Estou falando de Galicia. Os periodistas dispútanlle aos políticos a capacidade para establecer a axenda social, a influencia sobre a poboación e mesmo o liderazgo propositivo. Os periodistas saben -ou actúan como se soubesen- que un periódico ou un medio de comunicación é, máis alá da retórica informativa, unha empresa especulativa que vende poder e influencia. A maneira en que o periodismo controla aos políticos non é descubrindo un escándalo de cando en vez, senón facéndolle ver aos políticos que os periodistas e os medios teñen poder e capacidade para segarlle a herba debaixo dos pés en canto políticos ou "clase política", independentemente da honradez ou a probidade de cada individuo dedicado a esa actividade. Son os periodistas os que labran, día a día, o desprestixio controlado dos políticos, os que introducen o "todos son o mesmo", os que os pintan como "afastados da sociedade" e enleados en liortas que só a eles lles interesan. Pero só os periodistas máis tontos ou máis inxenuos cren iso de verdade. Os donos dos medios, os directores, os cadros da comunicación saben que ese é o xeito de que o periodismo manteña un poder sobre os políticos que é imprescindible para a continuidade e o éxito dos negocios da comunicación. Entre políticos e periodistas hai unha rivalidade desigual: o periodista pode criticar ao político, pero o político raras veces se sinte lexitimado para criticar ao periodista, pois isto será aireado (polos periodistas) como un ataque á liberdade de información e de expresión. Mentres tanto, o medio de comunicación ten diariamente a capacidade de crear un estado de opinión, de filtrar como queira as actuacións dos políticos, de nesgar cara aquí ou cara alá, mesmo ata a terxiversación, o que fan ou deixan de facer os políticos. Detrás de todo isto está o interese empresarial, moito máis que o informativo. O único problema é que despois os que se presentan ás elecións son os políticos. E a rivalidade e a loita por arrancar prebandas dunha parte, e titulares favorables doutra continúa e reprodúcese sen fin. Pero os políticos saben que o seu prestixio público, xa non individual, senón colectivo (e, por tanto, tamén individual, está nas mans dos medios de comunicación e dos seus prebostes. Non me fagan moito caso...

Anónimo dijo...

No ano 1977, cando a campaña das Eleccións Xerais, o daquela chamado Bloque Nacional-Popular Galego celebrou o seu mitin lugués no Pavillón dos Deportes. No seu uso da palabra, Xosé Luís Rodríguez (daquela aspirante ao Senado, desde aquela sempiterno cabeza de lista no Saviñao) criticou a actitude da prensa en relación co grupo nacionalista; seica a iniciativa particular, os representantes dos medios, asentados en lugar preferente (cadeiras de pista), abandonaron ostentosamente o lugar; un ou dos días máis tarde, escoiteino na sede: interpelado por teléfono, o daquela iniciativa seica asegurara que, con aquiescencia do seu director, as notas que recibía do Bloque eran directamente arquivadas na papeleira.

Obviamente, a mensaxe apuntaba ás empresas e non aos profesionais. Parece que dá igual. Nalgún momento certos comportamentos en ámbito mediático lémbranme remotamente os da policía de New York nas películas: falade de quen queirades, pero a nós, nin tocarnos.

Con todo, eu insisto na admiración que o éxito económico e o diñeiro suscitan no ámbito popular. No outro extremo do abano, non debe haber profesión menos popular cá de político; a de profesor tampouco non anda moi lucida (demasiada vacación, seica), pero eles gañan.