SEGURO AZAR. Todos menos un (Damián Villalaín en A Nosa Terra)
Aínda que é evidente que nas eleccións hai sempre quen gaña e quen perde, os resultados das municipais do pasado domingo introducen tantos elementos de compensación para uns e para outros que, finalmente, incluso os que perden votos poden considerárense, se non completamente satisfeitos, si polo menos mellor parados do que se prevía. Puido ser peor, estarán pensando aliviados, por exemplo, nas sedes pontevedresas do PP, e mesmo celebrando como unha gran victoria a agónica conservación da Deputación Provincial por un pequeno número de votos. Hai nacionalistas que se sinten decepcionados pola non consecución dalgúns importantes e explícitos obxectivos, pero o certo é que o seu descenso nas cidades vese compensado polo relevante papel que van desempeñar na súa gobernación. Os socialistas, dende logo, teñen que estar ben contentos. Por aí non hai queixa, aínda que algunha das moitas expectativas depositadas nestes comicios non fose finalmente cumprimentada.
Así que todos poden atopar nos resultados definitivos algún motivo para estar contentos e mesmo para sacar peito. O cal está moi ben, pois nada hai mellor para o tranquilo discorrer da convivencia que un sentimento xeral de triunfo e de poderes repartidos.
Só hai unha excepción a este estado global de felicidade absoluta e victoria para todos. Chorando polas esquinas, apiltrafados e catatónicos, andan os que máis o merecían. Vou facer leña da árbore caída e deixar aquí escrito que unha das alegrías que a moitos nos depararon estes comicios foi o boicot do electorado aos descarados executores da fea manobra de usurpación e manipulación política das siglas históricas do partido fundado hai oito décadas polos galeguistas das Irmandades da Fala e da Xeración Nós. Unha ducia de políticos rebotados, dispostos a especular co seu voto nos desafortunados concellos nos que conseguiron entrar, é todo o botín atrapado por esta nada romántica requitropa. Só exclúo da miña ledicia por tan contundente fracaso a unha candidata de Vigo, Maite Fernández, respetada ex-concelleira do Partido Popular, inexplicablemente implicada nesta trapallada. Pero que non lograse poñer o pé en María Pita o piernas que optaba a facerse co control do urbanismo coruñés, con abraiantes apoios mediáticos e económicos e con mensaxes radicalmente contrarias ao ideario representado polas siglas baixo as que se disfrazaba, é a máis edificante lección que os picaros da política poden obter destas municipais. E, ademais, evitóuselle un disgusto a don Avelino Pousa Antelo.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 6 días
13 comentarios:
Eu tamén participo da alegría de Villalaín. Estes falsos "galeguistas" son uns verdadeiros impresentables.
Bo artigo. Parabéns ao autor. E grazas por colocalo aquí.
O que non aclarou o autor do artigo é onde cre el que moran hoxe os sucesores das ideas daquel PG. Andarán, por ventura, dispersos e errantes na "diversidad de pareceres"? Estarán sendo utilizados, egoistamente, por algún partido de soberanía non galega? Ou sobrevoan, ceibos e ledos, o espazo aéreo que lles deixa o nacionalismo?
Ben, pois permítanme levar a contraria, en parte.
Os Sr. do PG, impresentables.
¿Pero cando foron en conxunción do POG e o PSG naquela Unidade Galega, the 1st, era outra cousa?
Se ese PG chega integranse no BNG como a súa póla semellantes PNG, alguén se atrevería a criticalo?
¿Alguén se atreve a criticar a Isaac Díaz Pardo por usar o vello nome do Seminario de Estudos Galegos para unha cousiña del? ¿ANT representa hoxe o que noutrora?
¿Non é igualmente criticable calquera utilización de sigla desaparecida e revivida por alguén que se declare amador da mesma, así, pola cara?
Se cara as únicas filiacións seguidas serían as do PSOE, PCE, PNV, e, dalgún xeito, ER e CNT.
En calquera caso, o mellro sería non usar nada daquel tempo. Porque a parte de todo, a xente esqueceu eses referentes históricos e a súa utiliacion tanto lle ten. ¿E positivo no mundo da ultracontemporaneidade e da sucesividade veloz, reivindicar un partido de hai setenta e tantos anos?
Deixen en paz as siglas e nomes todos.
Non lle nego, señor Tralaira, que leve algo de razón no que di. Pero tampouco non me negará vostede que os intereses de Díaz Pardo ao "resucitar" o SEG -malamente, por certo- eran ben distintos destes, tan espurios, dos Soto, Troitiño, Marcos e compañía.
Por suposto, Sr. Leituga 1, por suposto.
O Sr. Díaz Pardo é un home imprescindible na organización da conciencia deste país na segunda metade do XX e eses que cita son lixo.
Pero para non ter tentancións de exercermos de xuíces de quen está lexitimado para usar nome vello (ANT Isaac...) e quen non, era mellor deixar a historia no seu caixón...
Sta., por favor.
Non Santa pero Señorita, por favor.
A historia non cala.
Subscribo o resto do que di o Leituga. Xa non pola ideoloxía, o labor conservador (sic) de Díaz Pardo nos últimos corenta anos déixano, para min, bastante libre de calquera crítica ao respecto.
Na nómina do PG inclúan o concelleiro electo por Sarria, Pablo López Barrera. Profesor da universidade, antigo e coñecido colaborador do PP, é neste momento a raíña da festa; hai uns días anunciou que non declarará a quen apoia ata o mesmo día dezaseis. En castelán, claro, igual que di case todo. Composición da corporación sarriá: PP 8, PSOE 7, BNG 1, PG 1.
Da peste sobre as históricas siglas fáganme o servizo de deixar libre o seu representante en Lugo, Xaime da Pena. Foi condiscípulo meu, é bo rapaz e galego fala.
A idea de "resucitar" o Seminario de Estudos Galegos (boa idea para un novo fío) paréceme MOI AXEITADA. Estou pensando nunha asociación sen ánimo de lucro, na que a xente non necesariamente vinculada á universidade colaborase para traballar no que aínda falta por facer, sen recibir un can, emulando o tipo de traballo que facía o SEG orixinal, pero empregando as novas tecnoloxías como forma de espallamento. Sería un esfozo amateur na súa orixe pero profesional nos resultados, sen as trabas burrocratizantes das actuais institucións académicas e culturais.
Infelizmente, amigo Marcel, penso que esa idea súa é unha inxenuidade.
Neste caso, señor Swann, lamento coincidir con AP-C, pero coincido. O de amateur na súa orixe e profesional nos resultados... Non me cadra.
Eu o que desexo é que as cousas, tamén na cultura e na investigación, se fagan ben e con profesionalidade. E se hai ánimo de lucro non me parece mal se os resultados o merecen.
O de Isaac co SEG ten o seu mérito, pero é un mérito un pouco triste. Unha morriñada con boas intencións. O SEG, tal como se pensou nos anos 20, tiña que ser hoxe unha especie de MIT galego.
Excelente artigo. En politica aparte das alegrías ou simulacións das mesmas o que conta, ainda que sexa paradoxalmente, "perdendo votos", é acadar poder.
Hai recambio no poder, e o PP sae moi mal parado, a pesar da súa alegría e optimista interpretación dos resultados.
Pero estes cambios hai que interpretalos nun horizonte de significación mais amplo, paréceme a min, que se inicia co emerxemento da sociedade civil polo caso do Prestige e que continuará lentamente a transformar o pais. cousa a que o PP se terá que adaptar, ben en clave estatal, ou galega.
Jimy de Rairo
Moita graza me fai o de "grazas"...
Sí,señor,por qué non...
O inglés ten o "slang",o francés o "jargon",o aleman "mundart",o castelán o "cheli"... A ver si o galego vai tér menos categoría...
Está aparecendo no galego o "slang bloqueiro" (Acuñen vostedes un termo máis axeitado)...
En todolos idiomas o "slang" acábase incorporando a linguaxe ortodoxa,pero pra eso fai falla o guiño cómplice de ciudadanía.Se queren que esto último ocorra,abandoen esa actitude "posh" cando o falan...
Ansí,la peña rajará dabuten "grazas,grazas..."
O troll ágrafo
Publicar un comentario