Mostrando entradas con la etiqueta damián villalaín. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta damián villalaín. Mostrar todas las entradas

6 dic 2008

TRES COLUMNAS, ANT
Xan Carballa tivo a ben enviarme as tres columnas de tres amigos en ANT.

Marcos Valcárcel, por Damián Villalaín. A NOSA TERRA 4-12-08.

Marcos Valcárcel é unha desas poucas persoas que suscitan simpatía e recoñecemento xeral no mundo cultural galego, tantas veces corroído pola egopatía, a cutrería sectaria, os resentimentos e a mala educación dos que nel participamos. Como uns e outros incorremos con maior ou menor intensidade e compracencia nesas malas prácticas, cando nos atopamos cun señor como Marcos Valcárcel é como se désemos cun lugar de acougo onde refuxiármonos dese trebón estéril e cansino. Durante un tempo frecuentei moito o seu blog, esas louvadas "Uvas na solaina" que Marcos fai madurecer cada día. Discutíanse alí moitas cousas dalgunha importancia e os debates case sempre se impregnaban da atmosfera amistosa e da serenidade non ataráxica coas que Marcos sela todo o que fai. Agora o amigo auriense vese asediado xa non polos inevitables trolls e pelmazos cibernéticos, senón por unha doenza absurda que lle resta capacidade física pero que non lle impide a elaboración diaria dos contidos do seu excelente blog. Nin tampouco dos seus libros e artigos. A vida semella ás veces unha carreira de atrancos pragada de contrariedades innecesarias e inxustas. Pero Marcos Valcárcel sabe, arestora, que hai moitas mans dispostas a axudalo a saltar, como se viu o sábado, 29 de novembro, na multitudinaria homenaxe que recibiu na súa querida cidade de Ourense. Como me compremetera a asistir e finalmente non puiden facelo, gustaríame aproveitar esta columna para dicirlle a Marcos que, aínda ausente do acto do Liceo e da cea do San Miguel, eu tamén estiven con el e cos centos de amigos que o acompañaron.

-Marcos Valcárcel, por Xosé Miranda.

No ano 1976, se a memoria non me é infiel, coñecín un grupo de rapaces ourensáns brillantes coma estrelas da mañá: Bieito Iglesias, Xan Guerra, Marcos Valcárcel, Bieito Alonso. No piso onde vivían celebrábanse reunións contínuas e clandestinas, non só de ERGA, a organización á que todos pertencían (menos Manolo Cao), senón tamén da UPG, e por alí pasaban xentes como Elvira Souto ou Margarita Ledo. Como toda regra ten a súa excepción, entre os ourensáns había un que non o era: Perfeto Ramos, que é de Crecente (pero que, penso, estudara en Auria).Marcos Valcárcel, naquela constelación de intelixencia, enerxía e xenerosidade que foi ERGA, (aínda que algúns dirán que ERGA foi máis ben unha supernova, e estalou en luces de todas as cores), foi desde o inicio, e continúa sendo hoxe, unha das máis belas estrelas. O seu lume daba calor verdadeira. Na faculdade de Historia ERGA contaba con personalidades autenticamente xeniais: os lucenses Xosé Manuel Sarille, Xullo Gaioso, Pilar Meilán; o coruñés Xullo Cuba; a ferrolá María Xesús Arias; Bieito Iglesias; tamén estaban Rosa Bassabe e Alberte Esteban, que non eran de ERGA, pero como se o fosen. Aínda así, Marcos destacaba pola elegancia, a seriedade e a bonhomía, ademais de por ser un auténtico sabio xa daquela.Marcos, o home tranquilo, o factotum cultural de Auria, é o home que todos quixeramos ser: partidario firme da igualdade, a fraternidade e a liberdade, da cultura, da paz e do progreso; amigo dos amigos e opoñente educado e amable dos inimigos (non dos seus, que estimo imposible que os haxa, senón dos das súas ideas); cunha cultura enorme, enciclopédica; ameno, claro e didáctico; demócrata practicante; tolerante, pero defensor das súas ideas; convencido, pero non tanto como para impoñerllas aos demais por activa nin por pasiva; bo, xeneroso, no sentido profundo e orixinario destas palabras; bo cos seus e cos outros; sempre con Galicia no corazón, sempre pensando nos desfavorecidos, sempre da parte dos oprimidos, pero sen sectarismo, sen demagoxia e sen ningunha caste de dogmatismo; capaz, eficaz, organizador incansable; con requintado gusto estético, literario, artístico, cinematográfico e musical.O seu mundo comeza e non remata coa súa familia, os amigos (que son, somos, numerosísimos), Ourense, Galicia, Europa e o Mundo, pois Marcos sabe, e di, que unha cousa non quita a outra; que o amor a Ourense fundamenta o amor a Galicia, e o amor a Galicia, o amor ao mundo. Que a atención aos seus funda o aprecio polos demais.Ninguén fixo tanto por Ourense, nin estudou tanto a súa historia, desde o seu devanceiro espiritual, don Ramón Otero, do que é lexítimo herdeiro. Non se comprende, por iso, que non lle teñan dado xa a medalla de ouro da cidade.A todo isto, e aos seus moitos libros, traballos, conferencias e artigos, engadiremos o seu prodixioso blogue, As uvas na solaina, que leva dado xa moito mosto e moito viño novo, e que a min me parece non só o mellor de Galicia (e se fose preciso do mundo mundial), senón un dos escasos foros de debates auténticos, libres e democráticos con que contamos no país.

Mil Marcos, por Federico Cocho.

De seguro que con mil Marcos este país sería outra cousa. Galicia non necesita mil primaveras máis, como adoitamos repetir nos nosos rituais literarios. Galicia necesita clonar Marcos, repartilos ben de norte a sur e deixalos facer. Outro galo cantaría.Pero Marcos, por desgraza, non hai máis ca un. Só temos un e andamos a mimalo estes días, xusto cando saca un novo libro. Desde Ourense para o mundo, un clamor cívico reivindica o impagable labor do Marcos Valcárcel historiador, animador e organizador. Do referente da cultura galega na cidade de Otero Pedrayo. Do intelectual convertido en punto de encontro cultural ao longo de media vida dedicada, con discreción e xenerosidade infinitas, a espallar saber. Literario e histórico, sobre todo.E sempre desde un compromiso galeguista aberto e integrador, prefectamento reflectido nesa súa perenne expresión beatífica, mesmo merecente de compartir gloria pétrea co sorriso do profeta Daniel, alí no alto do pórtico compostelán.Durante a homenaxe do sábado, lembreino coa esa mesma faciana pacífica mentres o irmán Sandoval, cos pés enriba da mesa por cousas da circulación, corrixíanos as traducións de grego nos anos dos Maristas. Co mesmo aire anxelical e imposible que levaba o día do noso reencontro andaluz, vestidos de caqui os dous no 1981. Con esa mesma serenidade sabia coa que fai cultura e fai país. A dos bos e xenerosos, que aínda non somos quen de clonar. Iso si que sería I+D+i estratéxico.

1 nov 2008

Lujo y vileza, de DAMIÁN VILLALAÍN, El País, 01/11/2008



Conozco a Emilio Pérez Touriño desde hace bastante tiempo, trabajé durante tres años en su Gabinete y puedo asegurar que será difícil que en el futuro Galicia llegue a tener un Presidente más indiferente al lujo. Es una cuestión de carácter, de trayectoria personal y también de convicciones, de gusto y de sensibilidad. Llevan razón quienes dicen que no va a ser sencillo avistar a Touriño cazando corzos con marqueses y banqueros. Y es probable que uno de los sectores de la sociedad gallega más descontentos con la manera que tiene Touriño de acometer el trabajo presidencial sea el de los restauradores de alto copete de Santiago de Compostela, sin duda añorantes de los old good times peperos.



artigo completo

26 jun 2008

en poleiro alleo
Dous artigos de "A Nosa Terra" quizais de interese para o debate

Damián Villalaín intervén na polémica "Galicia e Galiza"

e Belén Regueira opina sobre Eurovisión, Erasmus, euroescepticismo, Eurocopa, etc.

28 may 2008

Bilingüismo, de Damián Villalaín (en ANT., 26.05.2008)

Non entendo a xenreira que certos sectores nacionalistas profesan contra unha idea como a de “bilingüismo”. Non entendo qué estratexia normalizadora pode haber detrás de lemas como “as cobras tamén son bilingües” ou “bilingüismo é colonialismo”, exhibidas na recente marcha a favor do galego. Non entendo a pertinencia de agasallar a organizacións como “Galicia bilingüe” cun concepto que goza do aval do sentido común e, por democrático e igualitario, dunha moi positiva consideración social.
Que o reseso batallón de Gloria Lago faga circular unha imaxe falsa e indocumentada do bilingüismo non é motivo de abondo para darmos por boa esa manipulación. Todo o contrario: habería que reapropiarse desa bandeira, explicar que o bilingüismo implica igualdade de oportunidades e de presenza pública das linguas coexistentes e, sobre todo, igualdade de dereitos dos falantes. Esa é a batalla do galego hoxe, ese é o cerne dunha “normalización” que non pasa por unha Galicia monolingüe nin en castelán nin en galego.
Pero hai medios e entidades que se empeñan en clamar contra o bilingüismo, aludindo a historias de “diglosias” que ninguén entende nin lle importan. Un activismo que se empeña en crear un “conflito lingüístico” co castelán no que o galego levaría todas as de perder. Un discurso que segue a vivir de diagnósticos elaborados hai case 40 anos e aínda hoxe non revisados…
Que se pretende co galego? Que sexa a lingua única dos nacionalistas ou unha das dúas da sociedade? A pregunta segue sen recibir unha resposta clara e acaída.

5 jun 2007

SEGURO AZAR. Todos menos un (Damián Villalaín en A Nosa Terra)
Aínda que é evidente que nas eleccións hai sempre quen gaña e quen perde, os resultados das municipais do pasado domingo introducen tantos elementos de compensación para uns e para outros que, finalmente, incluso os que perden votos poden considerárense, se non completamente satisfeitos, si polo menos mellor parados do que se prevía. Puido ser peor, estarán pensando aliviados, por exemplo, nas sedes pontevedresas do PP, e mesmo celebrando como unha gran victoria a agónica conservación da Deputación Provincial por un pequeno número de votos. Hai nacionalistas que se sinten decepcionados pola non consecución dalgúns importantes e explícitos obxectivos, pero o certo é que o seu descenso nas cidades vese compensado polo relevante papel que van desempeñar na súa gobernación. Os socialistas, dende logo, teñen que estar ben contentos. Por aí non hai queixa, aínda que algunha das moitas expectativas depositadas nestes comicios non fose finalmente cumprimentada.
Así que todos poden atopar nos resultados definitivos algún motivo para estar contentos e mesmo para sacar peito. O cal está moi ben, pois nada hai mellor para o tranquilo discorrer da convivencia que un sentimento xeral de triunfo e de poderes repartidos.
Só hai unha excepción a este estado global de felicidade absoluta e victoria para todos. Chorando polas esquinas, apiltrafados e catatónicos, andan os que máis o merecían. Vou facer leña da árbore caída e deixar aquí escrito que unha das alegrías que a moitos nos depararon estes comicios foi o boicot do electorado aos descarados executores da fea manobra de usurpación e manipulación política das siglas históricas do partido fundado hai oito décadas polos galeguistas das Irmandades da Fala e da Xeración Nós. Unha ducia de políticos rebotados, dispostos a especular co seu voto nos desafortunados concellos nos que conseguiron entrar, é todo o botín atrapado por esta nada romántica requitropa. Só exclúo da miña ledicia por tan contundente fracaso a unha candidata de Vigo, Maite Fernández, respetada ex-concelleira do Partido Popular, inexplicablemente implicada nesta trapallada. Pero que non lograse poñer o pé en María Pita o piernas que optaba a facerse co control do urbanismo coruñés, con abraiantes apoios mediáticos e económicos e con mensaxes radicalmente contrarias ao ideario representado polas siglas baixo as que se disfrazaba, é a máis edificante lección que os picaros da política poden obter destas municipais. E, ademais, evitóuselle un disgusto a don Avelino Pousa Antelo.