23 jul 2007






Cen anos de historia cultural
1974: Nace a grande enciclopedia galega



Obra de referencia indiscutible, foi para toda unha xeración primeira fonte de información: a Gran Enciclopedia Gallega, baixo o pulo do editor asturiano Silverio Cañada, que empeza a editarse neste ano. O seu primeiro fascículo abríase cun fermoso ensaio de Otero Pedrayo, que era tamén presidente do consello consultivo da obra. Neste órgano asesor figuraban Álvaro Cunqueiro, Filgueira Valverde, Camilo José Cela, Luís Seoane, Álvaro Gil, Sebastián Martínez-Risco e Alberto Vilanova, entre outros, e nomes ben procedentes do galeguismo, como Beiras Torrado, e outros máis próximos á praxe política do réxime como Pío Cabanillas, daquela ministro de Información e Turismo, e José Luis Meilán Gil. Para o deseño gráfico da obra e o encabezamento dos seus capítulos encargáronselles unha serie de debuxos moi coloristas ó artista ourensán Virxilio. Proseguía o activismo cultural en todas as frontes. En Ourense, coas segundas Xornadas do Cine, patrocinadas pola A.C. Auriense, que levaban como lema O pobo e o cine. Na edición deste ano participaban o actor Fernando Rey, o director Antonio Román (de orixe ourensá), o escritor Ramón Piñeiro e os críticos de cine españois máis destacados do momento; Carlos Casares incorporabase á comisión organizadora. O mesmo Casares que nese ano remataba no xornal La Región a súa sección de retratos literarios de personaxes, titulada "Con esta lupa", con caricaturas de Siro López (creada un ano antes).
E o mesmo noutros campos. Nacía o grupo teatral Antroido, dirixido por Roberto Vidal Bolaño, e Abrente celebraba a segunda Mostra do Teatro Galego en Ribadavia, á que acudiron grupos como Ditea e Rosalía de Castro, de Santiago. No xurado daquel ano estaban Eduardo Blanco Amor, Manuel María, Euloxio Ruibal (gañador o ano anterior), Francisco Rodríguez e Xavier Fábregas. Pola súa banda Televisión Española inauguraba os seus informativos co Panorama de Galicia, en castelán, con pequenas cuñas e entrevistas en galego (era a primeira vez que o galego se asomaba á linguaxe da TV). Cando Franco viña pasar as súas vacacións a Galicia, unha unidade móbil desprazábase ata o Pazo de Meirás. As asociacións culturais tiñan unha vida moi dinámica, con cursos de galego, audicións de discos, proxeccións de cine en formatos pequenos, etc. A Auriense, por exemplo, convocaba naqueles tempos a escritores como o poeta Fiz Vergara Vilariño (cando aínda estudaba COU), Francisco Rodríguez, Ramón López Suevos ou X. Vilas Nogueira. En Ribadavia, en Abrente, Luís Álvarez Pousa daba unha multitudinaria charla, diante de máis de trescentas persoas, para informar do que estaba a pasar en Portugal: a revolución dos caraveis. O acto rematou con todo o mundo en pé cantando o Himno Galego. Xornalistas como o propio Pousa ou Celso Montero ían ata Porto e Braga para informar os galegos da caída da ditadura salazarista. E a música estaba tamén moi presente. Creábanse novos grupos e entidades melómanas. En Vigo, cunhas moi activas Xuventudes Musicais (nacidas en 1972). En Lugo, co grupo Folc 72, que pouco despois pasou a conformarse como Fuxan os Ventos. Tamén no 72 nacera o cuarteto de gaiteiros Faíscas do Xiabre. E a figura de Amancio Prada, co seu primeiro gran disco de temas galegos, cantados na nosa lingua: Vida e morte (Hispavox). No mesmo, o berciano cantaba poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Darío Xoán Cabana, ademais doutros, en castelán, de Nicolás Guillén, Miguel Hernández, Luis López Álvarez e do propio cantautor. O disco gravouse en París e Prada á guitarra estivo acompañado de Eduardo Gattinoni ó violoncelo. Os de Voces Ceibes (Benedicto, Bibiano, Miro Casabella, etc.) proseguían cos seus recitais por toda Galicia.

12 comentarios:

Anónimo dijo...

Amigo Valcárcel: foi primeira a Gran Enciclopedia Asturiana ou foron simultáneas?

Marcos Valcárcel López dijo...

Teño entendido que a Asturiana foi a primeira e a Galega debeu ser despois. Lembro que cando facían a propaganda da GEG, arredor de 1974 (quizais xa meses antes), xa falaban da Asturiana, de Silverio Cañada, e lembro que de agasallo dábanlle ós subscritores algún libro galego (a edición do Catecismo do Labrego de Lamas, con estudo de Alosno MOntero) e unha colección de novelas policíacas, creo. O meu pai suscribiuse e eu fun quen coleccionou e encadernou (e ata subliñou ás veces, perdón!!!) tomo por tomo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Daquela houbo un forte debate sobre o tema de facela en castelán, con moitas críticas lóxicas dende o galeguismo. Para os promotores pareceulles moi aventurado lanzala en galego naquelas datas e supoño que ata houbo xente que se negou a mercala por isto.
Por todo o que dixen non vou falar mal da GEG, aínda que sexa desigual e irregular. E aínda que a miña experiencia persoal tampouco sexa unha marabilla: aínda redactei unhas cantas voces, cando xa ían varios tomos publicados, sobre todo de prensa ou de temas ourensáns. E de todos eles non cobrei nin unha peseta das prometidas (que prometidas foran). O responsable ten nome, pero non farei o feo de poñelo aquí. Eu era un rapaz, claro, pero espero que non fixeran o mesmo cos nomes daquela consagrados na cultura galega que tanto escribiron nas súas páxinas.

Anónimo dijo...

A GEA tena a miña tía: cando vou á súa casa paso o tempo botándolle unha ollada e lendo sobre todo o vocabulario asturián e curiosamente moitas das coplas populares. É moi útil e interesante aínda hoxe: andaba por aquelas leiras o Juan Cueto. Creo que hai varios herdeiros detrás da Enciclopedia da miña tía ;)

Suso Lista dijo...

Gratamente sorprendido polo que leo. Xente enamorada da literatura, e da terra.

Marcos Valcárcel López dijo...

Sempre será benvido por estes lares, amigo Suso Lista. Ademais, en terras aurienses, sempre presta ese alento mariñeiro do seu blog: as uvas, e sobre todo o bon viño, non son incompatibles cos percebes.

Anónimo dijo...

"Teño entendido" ¿Non é un tempo composto?

Anónimo dijo...

Non, é unha frase feita. Na sintaxe orixinal, probablemente era unha construción verbo + complemento predicativo.

Anónimo dijo...

¿Frase feita?¿Pode conxugarse?

Eu teño entendido,tú tés entendido...
Eu tiña entendido...
Eu teréi entendido...

¿Pode negarse?

Eu non tiña entendido...

¿Pode pasarse a pasiva?

Anónimo dijo...

En efecto, é frase feita que pode conxugarse, negarse e admite a pasividade, como expresión transitiva que é.

Chámolle "frase feita" por canto se converteu en expresión acuñada onde se mantén a relación sintáctica entre o participio e o complemento directo (aquel, complemento predicativo deste), pero cambiaría a denotación semántica desde o concepto "comprensión" ao de "coñecemento subxectivo, punto de vista". É certo que a súa variabilidade morfolóxica cuestiona aplicarlle esa categoría, por máis que nas frases feitas a fixación non é absoluta.

Sexa como for, nin é tempo composto nin sequera perífrase.

Anónimo dijo...

Paréceme frase feita: non se pode dicir, por exemplo, "tiña comprendido" ou "tiña sabido".
É unha desas frases feitas, tan típicas do galego, empregadas para amortecer a opinión propia, evitando colisionar coa do interlocutor: "tiña entendido", "seica", etc.

Anónimo dijo...

Swann, tíñao eu pendente: benvido, aínda que sexa cando outros imos marchar.