27 jul 2007


EN POLEIRO ALLEO
(Imaxe do artista italiano Alberto Sughi)

Os poetas e Deus, Helena Villar (OCG, 27 xullo)
Hai indagacións poéticas que pretenden descubrir ese camiño descoñecido que nace na emerxencia temporal do pozo escuro e frío que nos precede, e buscan a continuidade dese fluír no que procuramos algún xeito de inmortalidade. Neste longo camiño os poetas patentizan a miúdo actitudes moi próximas aos sentimentos relixiosos. Por exemplo, cando perciben de forma elexíaca un algo que perdemos e resulta difícil de reconquistar, feito que que conduce á saudade dun paraíso. Cando intúen que a morte é un momento supremo de transformación do dinámico en estático, do perecedeiro en eterno. Cando conciben o amor como a única enerxía liberadora e guía durante a espera. Ou cando se abrazan á paisaxe como á parte aglutinadora de nós mesmos cara atrás e cara adiante, porque é ela quen nos integra na harmonía do universo, na redondez edénica da prácida envoltura da que debemos proceder e cara á que camiñamos.

Falan de nós (e falan ben): Alfredo Conde en Narcisismo umbilical
Son, estes extremos que se recordan, consecuencia da lectura -nese impagable blog que Marcos Valcárcel mantén aberto baixo a denominación de www.asuvasnasolaina.blogspot.com- da última polémica habida nel por conta de Herge, o seu Tin-Tin e o filonazismo do debuxante belga.
De certo que sería difícil que os máis dos habituais do blog cairan en trampas saduceas de índole semellante á descrita. Agachados baixo pseudónimos amosan coñecementos e actitudes que se antollan alleas á máis da intelectualidade oficial, mesmo á non oficial-oficial, e fan desexable a súa irrupción nunha vida cultural que pide a berros un oreo, unha ventilación, consecuencia de novos aires e actitudes, tamén da posta ó día dunha comprensión do mundo baseada nos coñecementos e non no estricto orde escalafonal que rixe esta apampanada, esta estática vida cultural que padecemos, ofrecida por xente disposta a asinar calquer apoio que se lle pida pra calquer nación eslavona que se nos poña a tiro.

O pracer (Bieito Iglesias, OCG, 26 xullo)

Ver cine na sala de estar, pouco máis hai que rañar nun período estival que nos escorrisca das praias a poder de choviscas ou nordés. Por fortuna contamos coa expectativa de viaxar en agosto e cos actos do 25 de xullo para entreter a espera. Esta data tráeme bos recordos das verbenas do Santiago no barrio ourensán da Ponte, amenizadas polas míticas orquestras Bellas Farto ou Los Chicos del Jazz, co seu vocalista Manolito el Pescador á frente. Tamén das manifestacións anteriores á conquista da santiaguesa praza da Quintana polos nacionalistas, cando había que espilirse para safar das cachamorras da policía. O 24, amais do tradicional folión, este ano pudemos desfrutar dunhas recuperadas Vésperas do Apóstolo na sé compostelá. O 25 reservámolo algúns para soñar coa Alba de gloria de Castelao.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

A min este Conde cada día que pasa me cae mellor.

Anónimo dijo...

A min caíame peor cando mandaba algo. Pero iso sempre pasa. Por iso nós, repeinados fillos da nada, caemos tan ben.

Anónimo dijo...

Benvido amigo Swann: qué tal de vacacións?
Don Alfredo: xa ten pagada unha caña onde queira. Pago eu.

Anónimo dijo...

Ola, Mr. Swann, acabo de darlle a benvida noutro post.

Gustoume moito a súa expresión "repeinados fillos da nada". Talmente, si señor.

Por certo, fixo este ano a peregrinaxe para gañar a paulina patriótica?

Marcos Valcárcel López dijo...

Tamén eu lle quero dar a benvida, Mr.Swan. Agardo que gozase as súas vacacións: eu tomareinas dentro duns días. Como todos os anos o mes de agosto é sagrado e neses días non publico na prensa nin tampouco neste blog, casa común de todos vostedes.

Anónimo dijo...

Estupendo tamén o artigo de Henry Siegman en EL PAIS de hoxe

Anónimo dijo...

Estupendo, efectivamente, e durísimo, sobre todo vindo dun, creo polo apelido, xudeu e estadounidense. Para que logo digan os europeus ensimismados coa progresía. Non teño lidas cousas máis contundentes contra Bush e o imperio americán cás propias da intelectualidade estadounidense, fóra o clásico un pouco reseso de Chomsky. Sería bó, con iso, revisar os nosos prexuízos. Coma fixo o outro día o amigo Valcárcel ao traernos a Mailer e a Miller de testemuñas.

Anónimo dijo...

Ola, Swann, agardo que ande ben e que o pasase aínda mellor. Eu pago a segunda ronda de cañas con Alfredo Conde.