Morenas e brancas.
Pan por Pan 6 xullo. Imaxe de Cranach.
Houbo tempos en que as mozas chegaban a darse cremas para branquear a súa pel, moito antes do costume de torrarse nas praias baixo o sol. A literatura popular dá boa conta desa realidade, na que o ser moreniña, asociado ó duro labor campesiño, non era aínda un valor estimado: “Anque che son moreniña,/ déracheme Dios a gracia;/ si nacín para ser túa,/ aínda m’o tempo non pasa”.
Ou nestoutra: “Chamácheme moreniña/ inda máis podía ser;/ o Señor que me pintou,/ pintoume ó seu parecer”.
Gustaban máis daquela as de pel máis branca, como a tiñan as señoritas: “Eres branca como o leite,/ vermella como o coral,/ delgadiña da cintura/ como unha dama real”.
Quizais a color da pel era motivo abondo de escolla, segundo esta copla: “Olvidei unha morena/ por querer outra máis branca;/ agora xa vou sabendo/ onde m´o zapato manca”.
3 comentarios:
Das cantigas trobadorescas conservadas, probablemente é das máis antigas:
No mundo non me sei parella
mentre me for como me vay,
ca ja moiro por vós e, ay!
mia sennor branca e vermella,
queredes que vus retraya
quando vus eu vi en saya?
Mao dia me levantei
que vus enton non vi fea!
E, mia sennor, des aquella
me foi a mi mui mal di' ay!
E vus, filla de don Paay
Moniz, e ben vus semella
d' aver eu por vós guarvaya?
pois eu, mia sennor, d' alfaya
nunca de vós ouve nen ei
valia d' ûa correa.
(Pai Soarez de Taveirós)
Entre outros misterios figura o sentido da expresión "branca e vermella" aplicada á dama. Un dos posibles sería "muller de dúas caras", onde "vermella" podería implicar alusión erótica.
A partir do motivo do "branco", reproduzo aquí a seguinte cantiga de amor:
Moyr', e faço dereyto,
por hûa Dona d' Elvas
que me trage tolheyto,
como a quen dam as hervas.
Des que lh' eu vi o peyto
branco, dix' aas ssas servas:
"A mha coyta non á par,
ca ssey que me quer matar,
e quero eu morrer por ela,
ca me non poss' ém guardar".
Amor ey ..................
Véxase a expresión "peyto branco" que foi visto, cousa insólita nunha cantiga deste tipo. Inclúo a seguir outra do mesmo autor e carácter, con algúns motivos que se consideran de posible orixe oriental:
Faz-m' agora por ssy morrer
e tras-me muy coitado
mha ssenhor do bom parecer
e do cos bem talhado;
a por que ey morte a prender
come çervo lançado,
que sse vay do mund' a perder
da companha das cervas.
E mal dia non ensandecy
e pasesse das hervas
e non viss' u primeyro vi,
a muy fremosinha d' Elvas.
Que ........................
............................
............................
............................
............................
............................
............................
............................
E mal dia non ensandecy
e pasesse das hervas
e non viss', u primeyro vi,
a muy fremosinha d' Elvas.
Oymais a morrer me conven,
ca tan coytado sejo
pola mha ssenhor do bom sem,
que am' e que desejo,
e que me parec' er tan ben
cada que a eu vejo,
que semelha rrosa que ven,
quando sal d' antr' as rrelvas.
E mal dia non ensandecy
e pasesse das hervas
e non viss', u primeyro vi,
a muy fremosinha d' Elvas.
O poeta é Vidal, un xudeu da localidade alentexana de Elvas. O único xudeu dos cancioneiros, e o fenómeno de aparecer un da súa relixión é tan extraordinario que alguén se debeu ver na obriga de xustificalo mediante esta rúbrica que acompaña ambos textos: "Estas duas cantigas fez huu judeu d'Elvas, que avia nome Vidal, por amor d'ua judia de ssa vila que avia nome Dona. E pero que é ben que o ben que home faz sse non perça, mandamo-lo screver; e non sabemus mais d'ela[s] mais de duas cobras, a primeira cobra de cada ua".
Queden poemas e rúbrica como achega ao intercambio de comentarios sobre xudeus, sociedade europea, marxinación e interaccións. As palabras "huu" e "ua", na rúbrica, deberían levar signo de nasalidade, pero non llo sei pór; se alguén coñece a maneira e me fai o favor...
ANDOLIÑA 11 xullo
Mozas brancas e morenas
MARCOS VALCÁRCEL
Houbo tempos en que as mozas chegaban a darse cremas para branquear a súa pel, moito antes do costume de torrarse nas praias baixo o sol. Na publicidade da prensa quedan simpáticos testemuños de diversos produtos de consumo feminino deste estilo. E tamén a literatura popular dá boa conta desa realidade, na que o ser moreniña, asociado ó duro e ingrato labor campesiño, non era aínda un valor estimado, senón máis ben todo o contrario: “Anque che son moreniña,/ déracheme Dios a gracia;/ si nacín para ser túa,/ aínda m’o tempo non pasa”. Ou nestoutra cantiga: “Chamácheme moreniña/ inda máis podía ser;/ o Señor que me pintou,/ pintoume ó seu parecer”.
Gustaban máis as mozas de pel branca, como as señoritas: “Eres branca como o leite,/ vermella como o coral,/ delgadiña da cintura/ como unha dama real”. Quizais a color da pel era motivo abondo de escolla: “Olvidei unha morena/ por querer outra máis branca;/ agora xa vou sabendo/ onde m’o zapato manca”. E o amigo Xosé M. González informoume da fermosa cantiga de amor en que Vidal, xudeu de Elvas, morre de amor por unha moza cunha imaxe insólita no mundo trobadoresco: “des que lh’e eu vi o peyto branco”.
Publicar un comentario