Nin moito nin pouco, X.M. Pereiro en Faro de Vigo 5 agosto
Eu penso que gano pouco, e sei que non é certo, e logo contraataco que non saco moito beneficio para o esforzo que fago, e máis tarde cáeme a cara de vergonza mirando paro o salario medio, pero arrepóñome analizando algunhas cousas que todos sabemos que pasan. Esta mesma firmeza de criterios habería que aplicala ó caso dos salarios da clase política.De entrada, discrepo do argumento clásico de que os políticos teñen que ter un bo salario para evitar tentacións de complementalo por métodos ilegais. Se fose por iso, ademais de estar ben pagados políticos, xuíces e policías -que son os gremios que se adoitan citar nese argumentario- tamén o deberían estar os médicos, para que se centren no que teñen que centrarse e non se distraian pensando en como chega a fin de mes; e os asesores fiscais, para que non se desesperen vendo que lle aforran ós clientes cartos que eles non teñen; e desde logo os xornalistas, para non caer na tentación de... dalgunha tentación na que caer. As ganas de facerse un peto pola porta de atrás hai que aguantalas a pao seco, por decencia, ou polo medo a que pase algo si se descobren. Porque sabemos todos por experiencia (allea) que amasar cartos, como rascarse, é todo empezar, e non hai salario que colme a ansia logo de desencadeada. Os políticos, etc. deben estar ben pagados porque fan un traballo o mellor que poden en beneficio de todos (esta é a teoría, claro). É na práctica cando aparecen os problemas. Se o que cobra Fulano ou Mengano é moito ou pouco, merézao ou non. Como norma xeral, parece un pouco raro que un concelleiro gane máis ca un conselleiro, ou un alcalde que un presidente, e pasa. E non debería aceptarse como normal que un edil dobre os ingresos do seu antecesor, e acéptase. Nin, ó reves, tampouco que un alcalde, por moi pequeno que sexa o concello, se ten dedicación exclusiva, gane menos que un funcionario. A raíz da polémica xurdida logo das eleccións municipais (e curiosamente, nunca antes) o PP propuxo suxeitar os soldos municipais a uns parámetros (medida tan sensata como algo sospeitosa de oportunismo se temos en conta que sempre tivo a presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias, organismo idóneo para debater estes asuntos). A contestación do outro lado, de que iso atentaría contra a autonomía municipal non deixa de ser tan certa como pouco consistente, porque os concellos son autónomos, pero os alcaldes son militantes de partidos que lle marcan as directrices a seguir (esta é outra teoría). A realidade é que, merecementos e dedicacións aparte, a clase política actúe en materia salarial como un comité de empresa que non tivera que negociar coa patronal nin aterse á conta de resultados. Así se aparcan diferencias partidarias e enconos ideolóxicos para adxudicarse complementos vitalicios de 14.000 euros para os altos cargos da Xunta (en proporción, bastante máis diñeiro que os 54.000 e pico anuais que lle acaba de regalar o Banco Mundial a Rodrigo Rato por tres anos de servicios prestados). Claro que quizais estas medidas teña máis xustificación do que parece. Antes pedir e recibir que ter que acabar de comisionista, como Aznar.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
6 comentarios:
Moi ben o artigo de Pereiro. Parabéns.
Dicía Cornelius Castoriadis que somos unha sociedade á deriva onde os gobernantes "pensan que todo, ou case todo, lles está permitido, coa condición de que o medidor político da audiencia televisiva non reaccione demasiado mal. Ademais, xa non gobernan de verdade, pois a súa única preocupación é permanecer no goberno ou acceder a el".
Está é a posición que emite o BNG sobre o tema:
Dado o debate público xerado arredor do denominado plus dos ex-altos cargos e co fin de aclarar algunhas cuestións transmitidas de xeito confuso enviámosvos a seguinte nota aclaratoria:
En PRIMEIRO LUGAR a denominada consolidación de grao para os altos cargos leva 17 anos en vigor pois foi introducida no ámbito da Administración do Estado pola Lei 31/1990, de Orzamentos Xerais do Estado para 1991, cando o PSOE dispuña de maioría absoluta
En SEGUNDO LUGAR, esta consolidación de grao para os funcionarios que sexan altos cargos da Administración de Galiza lévase a cabo co goberno do PP mediante a Lei 2/1998 de medidas de réxime orzamental, función pública, patrimonio, organización e xestión.
En TERCEIRO LUGAR, recentemente aprobouse a nivel estatal o Estatuto Básico do Empregado Público (lei 7/2007, de 12 de abril) no que se amplía esa consolidación a novas categorías de altos cargos. Este Estatuto é de aplicación no conxunto das Administracións Autonómicas e, polo tanto, tamén en Galiza.
En CUARTO LUGAR, o proxecto de lei de reforma da Lei 4/1998, da Función Pública de Galiza, pactado entre o PSOE e o BNG e aprobado polo Consello da Xunta non contiña ningunha modificación a respecto deste tema e merecía globalmente o noso apoio.
En QUINTO LUGAR, o PP presentou unha enmenda no Parlamento, que logo foi transacionada co PSOE, na que se contempla a igualación da cantidade a percibir polos altos cargos da Administración Galega cos da estatal. Isto supón que o incremento aprobado é de 2.988 euros ao ano, e non de 15.000 como se reflexou nalgúns medios.
En SEXTO LUGAR, cómpre aclarar o sentido do voto do BNG en base ao seguinte:
A aplicación no Parlamento do pacto de goberno subscrito entre BNG e PSOE determina que sexa a forza política que ostenta a Consellaría promotora de cada proxecto de lei a que teña a última palabra para, tras da correspondente negociación, acordar a aceitación, rexeitamento ou transacción das emendas apresentadas durante a tramitación parlamentar. Do mesmo xeito, este pacto determina que as dúas forzas que sustentamos o goberno manteñamos unha mesma posición nas votacións.
É por iso que, como BNG, votamos favorabelmente determinados proxectos de lei, como o da presente ocasión, pese a manter reservas sobre algúns dos seus aspectos. Mais é tamén por esta razón que o outro socio de goberno tivo que facer o propio con outros proxectos promovidos por Consellarías dirixidas polo BNG.
Actuar no Parlamento doutro xeito, rachando a unidade de voto da maioría que dá sustento á Xunta bipartita, debilitaría o acordo de goberno, a nosa capacidade para sacarmos adiante as nosas actuacións nas consellarías que rexentamos e afortalaría un dos eixos principais de oposición do PP. Sempre e cando, claro é, que non se pretenda que o BNG apoie decisións expresamente contraditorias co contido do pacto de goberno.
Con todo, ao non estarmos de acordo con ese aspecto da reforma da lei e conscientes do malestar social creado, o Grupo Parlamentar do BNG ten a disposición, nun marco de diálogo cos outros Grupos Parlamentares, para chegar a unha reformulación da mesma.
Xa colgaran noutro fío ese comunicado.
Francamente, por dicir isto agora coa que ten chovido e non antes, eu considero que son desculpas de mal pagador (se se me permite a retranca).
De momento, foi o único partido que reaxiu. A ver en que para todo.
Por certo: pódese ser socio leal, e respectar os pactos e non ter que dicir "si bwana" a todo. E aquí incluímos os sobresoldos, a Cidade (sic) da Cultura (sic), teletouriño, as axudas á prensa, as excelentísimas deputacións coas súas provincias, etc, etc. Se o fan, daquela teremos que entender que os outros son uns sociolistos.
A estas alturas da película, a min reaxir con palabras non me chega. Só me valen os feitos. E estes, de momento...
Publicar un comentario