31 oct 2007


Contada por un cadáver

Contada por un cadáver, como lembraba Arume nun seu comentario. Cine e puro cine, en estado virxinal, indeleble: cine de verdade. Había moitos anos que non me achegaba a Sunset Boulevard (O crepúsculo dos deuses), de Billy Wilder: xeniais Gloria Swanson e Erich Von Stroheim, tamén William Holden, un actor que non brillou demasiado noutro tipo de papeis. Cando un ve películas como esta, pura arte (e alégrome moito de coincidir con Arume e seguro que con moitos máis), un queda reconfortado, aliviado, relaxado. Para min é como acudir a un balneario a liberarme de impurezas, da chea de estulticias que padecemos a cotío: na rúa, nos xornais, na televisión... Por desgraza, dixémolo xa outras veces, este é un mundo case vedado ós mozos e mozas de hoxe: moi poucos coñecen estas grandes películas do cine clásico.
Alguén debe estar moi interesado en apampalos cos títulos de moda: que se pode agardar dunha “oferta cultural” como Supersalidos? Lembro aquilo dos ácratas da televisión como droga que ninguén persigue e ás veces penso que tiñan toda a razón. O mundo está cheo de beleza, de intelixencia, de arte, de bo cine, e non ten perdón que moitos mozos non reciban outra cousa que esa “cocaína espiritual” en pílulas que se lles ofrece todos os días.

37 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Por certo, hai uns meses revisei tamén QUE FOI DE BABY JANE?, que vira hai moitos anos, con Bette Davis como centro. Unha pelicula que, vistas agora, non podo deixar de relacionar: a de Bette Davis débelle moito, moitísimo, a O CREPÚSCULO DOS DEUSES: a escena da actriz maior bailando, etc.

Anónimo dijo...

Dúas cousas:
1. O impresionante que resulta ler as fichas técnicas no Internet Movies Database: no caso de Sunset Boulevard: http://www.imdb.com/title/tt0043014/
Recomendables os apartados de Trivia, Goofs e Quotes. Por non falarmos das localizacións da película ou de precisións aínda máis miudas.
2. O da película Supersalidos. No Fotogramas deste mes, danlle tres críticos catro estrelas. Pode pasarlle que os traductores tiren de repertorio tipo Porky's e inventen un título escasamente afortunado para ganar o público adolescente e rexeitar o adulto. Hai tempo que decidín dubidar: películas como Entre pillos anda el juego (parafraseando un título de teatro clásico) ou Ratas a la carrera foron comedias bastante maís divertidas do que o título pode aventurar. Supersalidos, desde logo, non promete, pero parece ser, polo que teño escoitado, unha boa comedia. Non de primeira categoría, pero no ranking de Fotogramas vai de terceira, por riba, por exemplo, do Casandra's Dream de Woody Allen.

bouzafria dijo...

Arume e vostede son demasiado duros con William Holden. A min encántame en "Pic-Nic", "A ponte sobre o río Kwai", e sobre todo en "Grupo Salvaxe". Esa película ao meu gusto é impresionante, do xénero do "western crepuscular" e non podo imaxinar mellor Pike Bishop que Holden.
Por outra banda, sempre se asocia a Bily Wider coa comedia, e iso é lóxico porque algunha das súas son perfectas, pero fixo todos os xéneros - menos o western - ("Irma La Dulce" case é un musical) e todos os fixo moi ben.

Anónimo dijo...

Martin Pawley tamén trata no seu blog días estranhos o tema das traduccións dos títulos a propósito de Lío embarazoso, filme que recomenda vivamente.

Anónimo dijo...

Concordo con Bouzafría: en "Grupo Salvaxe" Holden está magnífico.

Anónimo dijo...

Holden en "Pic-Nic": extraordinario de por si e no contrapunto receptivo con Kim Novak. Pensar na idade que tiña intensifica o mérito.

Anónimo dijo...

"Los años de papel
te vuelven a cegar
como a Gloria Swnason
en Sunset Boulevard..."

Anónimo dijo...

Pois ¨Supersaidos¨ é unha pelicula para xente do Botellón e pros que suspenden catro ou cinco asignaturas e que pasan o seguinte curso pra que non se depriman. Obviamente, eiqui ó do botellón non ten solución, porque eiqui a autoridade é igual a fascismo, eso sí, vai por Europa adiante de botellón...(en menos de cinco minutos estás camiño á comisaria).

Anónimo dijo...

Por certo, en Lugo ó que non fixeron os barbaros vanno conquerir os do botellón. Resistira a muralla romana o asedio?

Anónimo dijo...

A muralla ben resiste, o problema é o Parque de Rosalía.

Por certo, polo que parece a Muralla de Lugo resistiu os bárbaros e tamén ao PSOE: hai ben anos lera eu que -antes da Guerra- a agrupación local seica pedira o derrubamento para evitar o "esganamento" da urbe, ou algo así. Que conste: isto non leva mala intención, sería pura historia.

Anónimo dijo...

A finais do século XIX seria unha postura do mais progresista, habia que imitar os ensanches das demais cidades...

Anónimo dijo...

En efecto, o amigo Saavedra "esqueceuse" de contextualizar o dato. Daquela había outra sensibilidade diferente á de hoxe: a idea positivista de "progreso". Non esquezamos que a avaliación favorable das "ruínas" é algo relativamente recente.

E así chegamos ao día de hoxe: á apoteose da conservación de todo o conservable e da museiñización de todo o museilizable. Conste que a min me vai esta apoteose.

Anónimo dijo...

Museilización, tiña que poñer.

Anónimo dijo...

Non esquecín. Acontece que o tal sucedido datará máis ben das primeiras décadas do século XX e que a Muralla de Lugo nunca foi unha ruína.

A contextualización debería neste caso levar outro camiño: a Muralla foi declarada Monumento Nacional polo Estado Español, e iso respondeu a unha iniciativa particular que non sentara, polo visto, nada ben no Concello. De feito, aparenta que a eventualidade de ser derrubada levaba xeito, e a proposta que indiquei na mensaxe anterior situaríase dentro de tal dinámica.

É certo que Lugo debía ser unha cidade ben pobre e atrasada. A min todo iso, máis ca progresismo paréceme miseria.

Chámanme para a cea. Teñan boa Noite de Defuntos.

Anónimo dijo...

Unha película interesante, tamén baseada no mundo do cine de Hollywood, é "The Bad and the Beautiful" (1952), de Vincente Minelli, con Kirk Douglas, Lana Turner, Gloria Grahame, etc.


Hai uns días vin unha que me encantou. Desde logo pareceume moi adiantada ao seu tempo. Non sei se algún de vostedes a viu. É "Get Carter" (1971), unha historia de vinganzas, cine porno (ilegal) e os baixos fondos nunha cidade industrial do norte de Inglaterra. Michael Caine é o protagonista.
Se están interesados na (horripilante) arquitectura de entre os sesenta e setenta (e que aquí chegou anos máis tarde), teñen estómago para un tipo de violencia nada hollywoodiense, e queren ver a primeira escea de sexo telefónico da historia do cine, pois adiante. Poden ver varios anacos no youtube.

Velaquí o tráiler de
Get Carter

Anónimo dijo...

Precisamente a pobreza, a miseria, foron as que salvaron a Muralla.

Hoxe o concello o que tiña que facer é un circuito de carreiras de fórmula 1 pola Ronda da Muralla, como fan en Mónaco. (Tamén lles vale a rua Carrero Blan... perdón, como é que lle chaman agora?).
En todo caso, só co san Fraulein e con dicir que temos Muralla romana non damos posto a cidade no mapa.

Anónimo dijo...

A museabilización é unha moda que, como todas, pasará. É un xeito fácil que teñen as institucións (incluídos algúns bancos, caixas de aforros e grandes empresas) de meter, literalmente, cartos na cultura.

Anónimo dijo...

Musealización coido que é o termo correcto. Eu púxeno mal.

Anónimo dijo...

O desmusealizador que nos desmusealice,bó desmusealizador será.

O destestosteronizador que nos destestosteronice....

Anónimo dijo...

Se "musealización" non vén no Dicionario Gerais ("da Lingua"), non existe.

Marcos Valcárcel López dijo...

Teño entendido, non sei estou errado, que foron os conservadores daquela os que salvaron a muralla de LUgo como patrimonio. Foi así?
En Ourense pasou algo semellante nos anos 60. Algunha cabeza "lúcida" quería ampliar as rúas do casco antigo e propuña facelo xa coa que sae da Praza Maior cara o Posío, ó prezo de derrubar un anaco do Pazo, Torres e Curral do Bispo (onde está o Museo Arqueolóxico e cerna da historia da cidade). Por sorte, detivo aquel disparate don XESÚS FERRO COUSELO, que ben merece as maiúsculas.

Marcos Valcárcel López dijo...

Tomo nota, M.Swan, de GET CARTER: polo que vexo en internet e polo tráiler non ten mala pinta.

Anónimo dijo...

Non parece que a Muralla se salvase por iniciativa de ningún grupo político ou ideolóxico. Por algunha lectura eu tiña idea que respondera a iniciativa particular dalgún ou algúns veciños; unha web municipal dedicada ao monumento conta algo parecido, aínda que non exactamente o mesmo:

"Abríuse o oco [para a que sería Porta do Bispo Odoario, máis coñecida popularmente coma do Hospital] en 1921, con motivo da colocación da primeira pedra do Hospital de Santa María. O alcalde Ángel López Pérez ordenou dinamita-la Muralla para abrir a porta, pero fíxoo sen permiso e cinco veciños denunciaron o feito, que deu lugar a un contencioso fallado contra o Concello.

Este feito provocou que ese mesmo ano, o 16 de abril, o Estado declarase a Muralla Monumento Nacional, para dotala de máis protección. Nomeouse coma arquitecto oficial do monumento a Ramiro Sainz Martínez, que fixo o proxecto para a nova porta, construído finalmente en 1928".

O tal López Pérez (que tivo moito prestixio aquí, foi nomeado Alcalde Perpetuo) era conservador. E leron ben: pola súa conta, mandou dinamitar un lenzo de muralla para abrir unha porta. O meu instituto está xustamente a carón desa porta, o aparcadoiro e campos de deporte dan á Muralla; hai varios anos, abriu por alí unha regaña que levaba moi mala pinta: déronlle a culpa (penso que oficialmente, aínda que non estou certo) a aquel episodio explosivo de hai oitenta e seis anos.

Anónimo dijo...

Sobre tema patrimonial lugués trata a miña primeira columna na nova sección de El Progreso.

Anónimo dijo...

Unha inauguración de luxo da sección. Excelente texto, milimetricamente tallado. O remate, pechando o círculo que se inicia coa cita, de antoloxía. Ademais, ten razón.

Marcos Valcárcel López dijo...

o ARTIGO de Xosé Manuel no Progreso, magnífico, sen dúbida, como del agardabamos. Eu recomendaríalle que esixa, se é sección fixa (creo que si), unha cabeceira propia da mesma, para no futuro recollelos ou cando menos telos ben localizados. É moi útil.

Marcos Valcárcel López dijo...

Na mesma páxina, vemos ligazón a este artigo de ANDRÉS PAVÓN no Progreso. Pégoo aquí porque nos compara ós lucenses e ós aurienses e pode ter certa graza:

Lucus Auriensis
Xa que non son lucense pero traballo aquí, vou facer de Pelúdez –sen a súa sabedoría- e vou escomenzar a miña andaina nesta aventura contrastando as diferencias e similitudes entre as dúas cidades ás que a miña Chantada natal sempre estivo vencellada: Lugo, por ser a capital provincial e Ourense pola cercanía xeográfica. Son as dúas cidades do interior de Galicia, as eternas destinatarias duns fondos para o desenrolo que, ou non chegan, ou non se notan. Medran, si, pero grazas ós pobos do resto da provincia que se baleiran para enchelas e, como en tódolos lados, ós inmigrantes. As dúas teñen unha orixe romana, as dúas compiten por acoller sedes institucionais e nas dúas todo o mundo acaba coñecendo a todo o mundo. Son as únicas cidades miñotas, as grandes capitales rurais. E, nembargantes, as diferencias entre elas son moi notables.

A propia relación co Miño distingue claramente a Ourense de Lugo. Na cidade das murallas podemos decir que se vive de costas ó río: só hai unha ponte (confiemos en que pronto chegue a nova) e apenas hai vivendas na beira do Sur. En Ourense hai ata catro pontes abertas ó tráfico e unha pasarela peonil. A cidade está dividida polo río. A xente de Lugo achégase con contagotas a pasear pola beira do Miño e prefire as antigas rúas de intramuros; só o clube fluvial atrae ós lucenses. Os ourensáns báñanse, pasean e fan boa parte da súa vida pegados o río.¿Por qué esta diferencia?, ¿Por un efecto magnético da muralla?. Non o sei, pero confío en que Lugo medre hacia o Sur, hacia Ourense e Portugal, e o Miño deixe de ser fronteira e barreira.

As “filiacións” son outro dos aspectos que diferencia, non ás cidades, senon ós cidadáns. Ourense está claramente vencellada a Vigo por razóns económicas, por lazos familiares entre habitantes, por proximidade e, recentemente, pola autovía. Lugo está claramente vencellada á Coruña (e permítaseme eludir a estéril polémica entre La ou A) por razóns, coido eu, sentimentais ou de certa sucursalidade, e tamén por autovía, por suposto.

E, pese ós moitos bares que hai en Lugo, Ourense segue a ser máis parrandeira. Vexan: o músico “oficial” de Lugo é Bal y Gay, mentres que en Ourense o rei da esmorga era Cuco de Velle co seu “Paraguas do José”

Pero, por riba de todo, o que máis diferencia a lucenses e ourensáns é a absoluta indiferencia que os uns semellan sentir polos outros. Mesmo me atrevería a decir que en Lugo hai certo desprecio hacia os paragüeiros. Pero levamos décadas tendo que pasar as curvas de Guntín, ou as de Taboada; pensar en conexión ferroviaria semella unha utopía e ninguna das dúas urbes quere saber nada do Porto Seco de Monforte do que ambas se poderían beneficiar. Son moitas as cousas, xa que logo, que diferencian as dúas cidades pero son moitas máis as que as unen e, se cadra, habería que empezar a camiñar da man e non só para reclamar todo aquelo que nos falta senon tamén para levar a iniciativa e para actuar de xeito conxunto e coordenado. Nin lucenses nin ourensáns podemos seguir sendo as eternas víctimas e, máis aló de pedir inversións e axudas, deberamos amosar que somos quen de rentabilizalas. Creo que xa é hora de deixarse de localismos e de poñer os ollos en Vigo ou na Coruña e comenzar a pensar nesa Lucus Auriensis que non ten por qué ser unha utopía.

Marcos Valcárcel López dijo...

DOUS MATICES SÓ ó artigo de Pavón: ata hai moi pouco (15, 20 anos?) tamén Ourense viviu totalmente de costas ó Miño, falo do Ourense moderno, oficial e urbano, que fixo cara o río as traseiras das súas casas, cando non depósitos de lixo. Outra cousa é que as xentes sempre mirasen cara o río como espacio de lecer, baño, andainas e esmorgas.
Tampouco estou moi de acordo nesa suposta indiferenza entre lugueses e ourensáns: este blog é unha boa proba do contrario, non?

Anónimo dijo...

O que pasa, Marcos, é que este blog é minoría absoluta. De calquera maneira, eu tampouco non estou dacordo co termo "indiferenza" e todo o que implica.

Cando era eu neno, a referencia a Ourense e ourensáns no meu contorno era cousa habitual; os tópicos dos "paraugueiros", a "terra da chispa", etc., daban fe de coñecemento e relación; a rivalidade futbolística (adoitabamos estar na mesma categoría, e clasificados por arriba) tamén axudaba.

A cousa non morreu, pero noto que foi a menos. Os circuítos de relación tradicionais (feiras, etc.) perderon e a estrada por Chantada non chama nada; polo mesmo San Froilán, vexo moita máis xente das Rías Baixas ca de Ourense, igual é porque se fan notar máis. Eu mesmo botei anos sen ir, ata que certos factores -unha visita escolar recorrente, o cámping- me volveron facer asiduo, polo menos, anualmente.

E non é nada lóxico, non, debía haber outro lazo. Vese ben no blog, xaora.

Anónimo dijo...

Canto á columna do xornal, é un proxecto do propio medio: unha cabeceira, seis columnistas diferentes en idade, perfil social e punto de vista; a idea ten o seu aquel, a ver como resulta.

En todo caso, grazas polo apoio de sempre.

Marcos Valcárcel López dijo...

Ata a miña xeración, e sobre todo na anterior, si houbo moita, moitísima relación entre Ourense e as xentes do sur de Lugo: Chantada, Monforte... Centos de rapaces de Chantada estudaron en Ourense e dalgún xeito quedaron vinculados á cidade: velaí o caso do amigo e profesor Carlos Varela e moitos outros/as.

Marcos Valcárcel López dijo...

E na prensa ourensá ata 1936 hai sempre un apartado grande, media páxina cando menos, de información desas zonas, Chantada e Monforte. Os investigadores locais deberían telo en conta e acudir a LA ZARPA, por ex., onde escribía o pai de Xavier Costa Clavell.

Anónimo dijo...

Eu empecéi a coñecer Lugo cando estaba farto de coñecer Pontevedra,Vigo e A Coruña.Pero imaxino que é porque o enlace por carretera hasta fai bén pouco era desatroso.Ir a Lugo desde Ourense mediados os noventa era como ir a Vigo mediados os sesenta.Pero agora vou moito máis a Lugo e provincia .De feito,a miña dona i eu imos moitas veces ex-profeso a pasar tardes de domingo a Portomarín.

Anónimo dijo...

A relación entre vilas/cidades/comarcas márcanas os ríos (cando había que pasalos en barca) e as estradas.
A pouquidade das relacións entre Lugo e Ourens ten que ver coa cativas comunicacións entre estas dúas cidades: a liña de ferrocarril e aquela estrada infernal que había até hai cinco ou seis anos.

Na provincia de Lugo ocorre unha cousa moi curiosa: a mariña vive moi de costas da capital. ALí, por exemplo, lese máis a "Voz de Galicia" que "El Progreso".

Hai comarcas de Galicia verdadeiramente incomunicadas. Algunhas están saíndo moi lentamente dese estado: velaí o caso da Costa da Morte, outra grande descoñecida. Queda lonxe de todo e a medio camiño de nada. En xeral, e pola razón que sexa, son zonas que estiveron sempre pouco poboadas. Velaí todo o interior da provincia da Coruña de Ordes cara a Costa da Morte: Negreira, Santa Comba...

Anónimo dijo...

Volvendo ao rego cinematográfico do post, recoméndolles moi vivamente O asesinato de Jesse James polo cobarde Robert Ford. Un peliculón, cuns vinte minutos finais de antoloxía.

Anónimo dijo...

Así e todo, o de Chantada e Monforte non é exactamente do caso: eu penso que nunca deberon ter Lugo como referencia comercial. A de Chantada é claramente Ourense; Monforte, pola súa banda, é centro comercial que irradia, pero tamén deben tirar máis cara Ourense ca cara aquí.

De todos modos, isto do afastamento hai que amañalo.

Anónimo dijo...

Se son ourensás,cantas amistades teñen que casaran en Vigo,ou na Coruña?Seguro que moitas.I en Lugo?seguro que bén poucas.Se son doutras cidades,poden facerse preguntas semellantes.Da unha idea do grado de interrelación entre cidades.