ENTRE HORTAS E PORTAS
13. Nabú (Xosé M. González)
13. Nabú (Xosé M. González)
Certa moza do meu tempo, daquela cando aínda eramos mozos, nun mercado de Londres indicáralle ao froiteiro os nabos. Ao observar as operacións previas -selección do tubérculo, envío ao lixo das follas- seica proferiu un “No, please”, translación comedida e británica do “Pero ti que fas, hom?” seguramente concibido. Temporeira en Inglaterra, ela experimentara o desexo -necesidade quizá- do caldo de nabizas. E o grocer non era de Lugo.
Non sei cando empezaría a moda, nin o vin rexistrado -por exemplo- nas miñas ben incompletas lecturas do Rexurdimento; pero hai anos era ben corrente asociar a cidade co nabo. A pouco de chegar a Santiago, alguén me fixo unha pregunta que soar, soaba así: “Cal é a maior potencia naval do mundo?”; tras breve pausa para o cálculo, houbo resposta plausible, “a Gran Bretaña”. Pois non, a primeira potencia nabal era Lugo e un introducíase na sutileza e balance homografía-homofonía; ou sexa, que non todo é como soa.
As hortas, moitas hortas, chegaban ao pé do casco urbano cando non se inserían dentro del. A terra cultivada lucía os seus nabos e a mentalidade local asumía como propio aquel estereotipo. Nos sesenta, durante algunhas campañas o clásico futbolístico por excelencia foi o Lugo-Ferrol, de feito eu pensaba erradamente que o pasodobre homónimo de Gregorio Baudot tiña ese motivo. Unha vez, “El Progreso” destacou o enfrontamento cun debuxo: sobre a Muralla, sorrinte xogador co uniforme de listas branquivermellas -brancas e negras en realidade, coma todo- arrimaba lume a un vello canón inmóbil que lanzaba nabos; desde o exterior, moderno buque de guerra devolvía peixes. Onde o país restante manifestaba abraio cun “manda truco”, para nós mandaba nabo; encomiábanse feitos e destrezas como “de moito nabizo”.
A metáfora erótica resulta obvia (“levou un nabo...”), e así e todo non me parece que os de aquí obtivésemos ao respecto fama especial nin mediante hipérbole ou metonimia. E iso que a asociación froito-cidade chegaba lonxe, transcendendo a moderna fronteira do país para abranguer espazos da antiga Gallaecia; “Lugo, a terra do nabo!” berráranos no Porto, con arrastrado erre uvular e riso intencionado, un daqueles rapaces que as adegas destacaban na cidade a buscar visitantes entre os que identificaba aquela matrícula automobilística, branca, negra e con indicativo provincial.
No aspecto culinario penso que o lugués -auténtico especialista- prefería a temperá nabiza ao serodio grelo, entre nós chamado cimo. Ou polo menos é o meu caso, dado que aquela caracteriza o prato rei da gastronomía universal, caldo de nabizas; ou máis ben o vice-rei, por debaixo do caldo de nabizas requente ao segundo día. Gustado e enxalzado, coma o queixo homónimo, polo labrego da aldea e o patricio da urbe, o gungan e o nabú.
Unha coincidencia fonética non dá para tanto, seguro; as fervenzas acó son modestas, non hai impoñente construción se cadra cun algo bizantino. Quero ver, con todo, na superficie onde reinou Amidala coma un airiño da vella terra, o espazo verde e as nobres fábricas. Imaxe especular onde tamén fican enriba algo arrogantes e pálidos suxeitos, debaixo bravos loitadores con bastante receo pola arrogancia daqueles.
A vella terra... Desacóugame certo acordo: onde de neno dúas veces na semana, o caldo coce agora en todo caso mes a mes; fogares haberá que perderían a letra da receita, o senso do vagar e celme do arrecendo. Se as hortas inzan de silva e non hai tempo para o caldo, eslúese algo máis ca un hábito, o senso profundo dun sabor irrepetible.
Pero hoxe é San Froilán, o outono mozo e Lugo loce espléndido.
16 comentarios:
simpática, evocadora e divertente evocación, coma todas as súas da petite grande ville
ata lugo...
Non pode atopar mellor homenaxe ao san Froilán (Fraulein) que este "Encomium Napi" do ilustre Saavedra.
Pero han saber que no Diccionario de Autoridades que eu tanto quero define así a nabiza:
"El nabo pequeño y delgado, que como bretón nace del nabo redondo, el cual es muy tierno y sabroso y muy usado en Galicia con este nombre."
Nos diccionarios modernos, despois de 1817, esa mención de Galicia desaparece.
O curioso xogo de palabras naval/nabal xa aparecera no Buscón, canda o episodio de rei de galos cunha liorta entre praceiras que se tiran verduras, onde di o protagonista Pablos: "Yo viendo que era batalla nabal, y que no se había de hacer a caballo, quise apearme".
E unha última nota lexicográfica: en Autoridades "nabo" en xermanía significa "embargo". Pode ser que "levou un nabo" poida ter ese significado, e non erótico. A mín, de todas maneiras, este último non me parece mal acaído.
Felicidades en todo caso ao Lugués (por excelencia e por antonomasia) e aos demáis habitantes daquela fermosa parte da Galicia camiño do domingo de mozas.
Tamén me gosta moito aquel conto no que un paisano lle dí ó cura:
-Eu o misterio da Santísima Trinidade enténdoo perfectamente.É como o nabo,a nabiza e o grelo,que son tres cousas distintas na mesma cousa.
E por seguir con famas gastronómicas luguesas,recomendar,cos grelos lugueses,as fabas de Lourenzá,cuia festa de exaltación creo que se celebra tamén nestes días.
Non fíe moito en tales autoridades, Arume, cando de matiz semántico galego se trate. Se lle fosen dados anos (así o espero e desexo) ao Antón Santamarina e outros ILGos, posiblemente o establecemento de corpora e tesouros lexicográficos galegos collese camiño de man propia e mediante escola.
Agradezo me lembre a esquecida cita do Buscón. Agradezo fondamente a achega da xentil manifestante de admiración posiblemente non moi merecida. E a do da Coba, a quen desexo nesta fin de semana unha estadía luguesa grata polo menos na medida do que manifesta con respecto a outros anos.
O tempo segue espléndido.
E, en efecto, andan en Lourenzá coa Festa da Faba; na Feira Exposición de aquí teñen mostra dela tamén ata o domingo, xunto con gando, maquinaria, outros produtos alimenticios e materia diversísima. Despois virán as San Lucas de Mondoñedo.
En Betanzos Unidos de Norteamérica, concretamente no sur daquel bonito país, tamén comen "turnip tops", é dicir, as follas do nabo ou cimós. Alí os tastei eu.
Penso que en Italia tamén os poñen con pasta, aínda que semellante galdrupada non pode ser do noso, galego, agrado.
Non fío das autoridades nunca, pero dame que naquelas sesións académicas máis dun galego había e ben sabía diferenciar algunhas cousas. Non obstante, eu xa dixen que a metáfora erótica parecía acaída, pero ben sabe vostede que a mín as cousas tan doadas e sinxelas non me convencen moito.
En Italia, eu nunca comín galdrupada algunha. Se o fan con grelos, haberá ser con pappardelle que son anacos máis grandes de pasta que terman con todo. Pero non lles sei: prometo información.
A las pruebas me repito: hoxe Alfredo Conde, sen asomo de chovinismo ou campanilismo, declara o indeclarable:
O descobremento das capesantas débollo a unha delas que cenei esoutra noite en Turín -corso San Maurizio 41/A, por se caen por alí- no restaurante Ravello. Tratóuse dunha "capesanta gratinata" que se convirteu na vieira máis exquisitamente cociñada da miña vida. Pra que logo digan que se o Carretas e o Sancle, que se non vexo máis alá das necoriñas e o arroz con zamburiñas. En fin, que se Afrodita é unha deusa -e a ver quén mo nega- eu comunguei con ela no Ravello, un templo gastronómico cheo de luz e de pinturas de Klint no que as cunchas de Venus teñen unha elaboración divina. Certo que antes comera un "involtino" de peixe espada que lle abrira camiño debidamente -xa é coincidencia- e que todo estaba consorciado pró disfrute da vida e dese pracer excepcional e único da inxesta alimentaria. Digámolo así, anque só sexa a efectos distractivos pois, o de comer, xa o saben, é o único pracer que se pode levar a cabo, a tódalas idades, tres veces ó día, día tras día, vestido, e sen suar. ¡Ah, qué capesanta!
con todo, é no último parágrafo onde mestura o erótico co festivo, e aí si cae no alfredismo
Nunca comín pappardelle nin os coñezo, procedo a googlear nas imaxes. No que di das autoridades (galegos presentes) pouca dúbida pode haber, onde non hai galegos.
Googleei e aparecen presuntos pappardelle de varios tipos: de extremo liso e recurtado en serra, curtos e longos. Demando tres informacións:
Curtos ou longos?
Se o segundo, ¿cal a diferenza cos tagliatelle?
Hai algún establecemento galego que os despache?
Moitas veces as papardelle son os restos de cortes da pasta para lasañas ou cousas parecidas. Son grandes e son perfectas cando a salsa é ben espesa ou leva comida consistente: son míticas as papardelle alla lepre, ou sexa con lebre preparada coa correspondiente salsa especiada e forte (loureiro, tomillo ou romeiro). Se algunha vez vai por Italia (ou a algún italiano de certa sona) e ve iso no menú (que de seguro ha ser especialidade da casa) non deixe de pedilo.
Con grelos, non obstante, estou pensando nalgunha posibilidade, aínda que a mín nin nabiza nin grelo, como creo dixen algunha vez, me entusiasman. Pero aínda estou a cavilar.
Entre o polbo e o mencía onte, e o Atlético de Madrid e o Messi do Arume, esquencin felicitalo irmán no nabo unido.
Saúdo para todos no entreacto entre neno-barracas e concerto de Son de Seu. Hai multitudes e o tempo como debe ser. Segundo datos d' "El Progreso" a asistencia aos concertos gratuítos nos tres primeiros días cóntase por milleiros, tres mil, catro mil, cinco mil... En efecto, polos diversos acentos debeu caer por aquí medio país e unha parte da poboación doutras terras peninsulares. Insulares, non sei.
Non busco dar envexa; pero temos sol, dezaoito graos e hai un momento tocaba na Praza Maior un grupo local animado merengue. Un dos cantantes falaba presentaba en excelente galego cun aquel caribeño; varios centos de persoas bailaban ou escoitaban a música.
Por que non estou alí? Tiña deberes familiares, escoitei unha, o comezo doutra e viñen. Non procuro envexa, non, pero o San Froilán remata aínda o festivo venres. E eu véndoo.
Publicar un comentario