4 nov 2007



Cen anos de historia cultural
1983: Nace o Consello da Cultura
(Imaxes: reedición de Logos, por Sotelo Blanco, e Xosé M. Mtez. Oca, premio Blanco Amor, por Beiramar).
Con fortes debates no Parlamento Galego aprobábase en 1983 a Lei do Consello da Cultura Galega. Deputados como Camilo Nogueira e Anxo Guerreiro presentaron emendas, trasladando á cámara o sentir de moitos grupos culturais de base que vían entón a institución excesivamente elitista e dirixida polo poder político. Era conselleiro de cultura da Xunta de Galicia Xosé Filgueira Valverde e esa consellería tiña un orzamento de 767 millóns de pesetas. En novembro entraba na xunta, como Director Xeral de Cultura, o xornalista Luís Álvarez Pousa, que integraría novos nomes no organigrama cultural. O primeiro presidente do Consello sería o intelectual Ramón Piñeiro. Tamén por aquelas datas púñase en marcha, por vez primeira, os Premios Trasalba, instituídos pola Fundación Otero Pedrayo, que presidía Agustín Sixto Seco, para recoñecer o labor dunha figura destacada da cultura galega en relación ó legado de don Ramón: o primeiro homenaxeado foi un dos discípulos do mestre, don Xoaquín Lorenzo Fernández. Pero foi o de 1983 un ano rico en nacementos. Citemos algúns. Nacía a Casa das Ciencias na Coruña e o Outono Fotográfico en Ourense, cunha boa chea de exposicións pola cidade. Fundábase o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e tamén a Asociación Galega de Editores, con sede en Santiago. E nesa listaxe de efemérides debe figurar tamén a fundación do Museo das Mariñas en Betanzos; da Fundación Alfredo Brañas en Compostela, e da Asociación Galega de Artesáns. No plano político, xurdían en Santiago os Comités Abertos de Escola e Facultade (CAEF), nos que militaría a actual conselleira de cultura, Ánxela Bugallo. O Concello de Redondela recibía o Pedrón de Ouro e exhibíanse Galicia adiante dúas mostras importantes, patrocinadas polo Ministerio de Cultura, unha sobre a Guerra Civil Española e outra sobre o debuxante e humorista Bagaría, comnpañeiro de Castelao. (...)

Tamén rexistramos moitas novidades no campo da prensa escrita. Nacía a revista Escrita, fermosa e brillante realización da Asociación de Escritores en Lingua Galegas (AELG), coordenada por Margarita Ledo, e tamén a xenial revista de humor Can sen dono, dirixida por Pepe Carreiro, e a feminista Andaina. Da mesma xeira é a fundación da revista cultural e literaria Festa da Palabra Silenciada, tamén conducida por mulleres, e de Terra, revista dos xeógrafos galegos. Nacían aínda El Orzán, na Coruña, dirixida por Carlos Luís Rodríguez; a Revista Galega de Teatro; o Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega en Vigo e o Boletín do Museo Provincial de Lugo. A editorial Sotelo Blanco sacaba ó mercado unha reedición facsímile de Logos, a revista católica e galeguista dos anos da Segunda República, cun limiar de Filgueira Valverde. No eido teatral eran éxitos Celtas sen filtro, obra de Ferrín, polo grupo Artello e dirixida por Eduardo Alonso, ou o Percival do mesmo autor, por Vidal Bolaño e Antroido. Marigaila andaba con A noite das Tríbades e Artello tamén coa obra infantil Mandatruco. Manuel Lourenzo gañaba o premio teatral de Ribadeo con Medea dos fuxidos e polos escenarios andaban Troula, Caritel e a Compañia Luís Seoane, entre outros grupos profesionais ou semiprofesionais.

17 comentarios:

Anónimo dijo...

Aínda hoxe me pregunto a narrativa de Martínez Oca non deu logo os frutos que prometían execelentes novelas coma "A chamada escura dos caborcos" ou "Beiramar. Por exemplo, "O tempo en ningunha parte" pareceume infumable.
Pasoulle o mesmo a varios narradores que empezaron a publicar acabalo dos 70 e os 80, xusto cando aparecen algunhas editoras importantes.

Anónimo dijo...

É algo bastante habitual o que sinala Swann, e non só nos que comezaron a publicar a cabalo dos setenta e oitenta.

Por causas diversas que sería interesante dilucidar, hai escritores que quedaron truncados, que non renderon os froitos que prometían, que quedaron nunha única obra, que abandonaron a escritura, ou simplemente que non daban para máis.

Dame a sensación que tales casos son maioría e que os que tiveron e teñen continuidade no tempo, mantendo unha calidade elevada, son os menos.

Pero vostedes dirán...

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu non lin todas as obras, nin moito menos, de MTEZ. OCA, pero as que lle lin, hai anos, gustáronme bastante. Ademais, creo que estudou na súa mocidade en Ourense e iso está reflectido nalgunha das súas novelas. Si é certo que non é un dos autores "e moda", por dicilo así, pero si un narrador respectable e moi constante ó longo do tempo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Sen contradicir o que afirman M.Swan e Apicultor, decátense de que é moi difícil "manter o tipo" cando falamos de autores dos 70 ou primeiros 80 (niso andamos na serie): son case 30 anos de distancia e algúns quedaron polo camiño ou dedicáronse a outras tarefas. Pero, aínda así, polo que eu sei, a maioría seguen en activo, publicando ás veces poucas obras, pero non renegando da literatura. Alguén sabe que foi de Xoán Ignacio Taibo, tan fecundo literariamente nesta época e do que (eu cando menos) non volvín saber?

Anónimo dijo...

Nunca é tarde. Aínda sigo agardando "super" novelas de autores como Martínez Oca, Xosé Fernández Ferreiro e Xabier Alcalá.

Anónimo dijo...

Este último aínda segue moi activo. Recentemente publicou unha triloxía baseada na historia dos protestantes en Galicia. Que eu non lin, porque non me atrae a temática, aínda que a temática sexa o de menos cando a obra é boa. Houbo alguén de vostedes que a lera?

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu non puiden aínda ler a triloxía de Alcalá, pero tivo moi boas críticas, polo xeral. Supoño que sería un libro moi lido entre os protestantes, anque algún deles contoume que a realidade deles na historia galega foi aínda máis crúa.

Anónimo dijo...

Hai temas que, pola razón que sexa, parecen dar máis xogo: a guerra civil, por exemplo.

Anónimo dijo...

Para "A Escrita" traducira eu dous textos que foron publicados no número 1: "Comunicazione di massa e sistema politico: il caso della spettacolarizazione", de Mauro Wolf, e "Sobre Joyce", de Phelim Henry. Dato para pescudadores futuros que non lembro se figura na propia revista; boh, tampouco probablemente se vaian fixar niso.

Anónimo dijo...

Que non lle puxeron o seu nome ás traducións? Moi típico. Seguro que os "compoñedores" da revista ben que se encargaron de que os seus propios textos aparecesen asinados. Pero os dos demais, que máis ten... fano pola sacrosanta causa (ou sexa, que son uns pardillos).

Así lle pensan e fan moitos, Saavedra, non o dubide. Por moita faramalla retórica que lle boten, van exclusivamente ao seu.

Anónimo dijo...

Non, igual si que lle mo puxeron, non me lembro. De todas maneiras, naquel caso non penso que Margarita Ledo actuase como vde. suxire, e iso que a súa suxestión parece calquera cousa, con carácter xeral, menos gratuíta.

Anónimo dijo...

Eu lin a primeira entrega da triloxía de Alcalá sobre os protestantes en Galicia. E pareceume moi digna, como en xeral todo o que fai Alcalá. Non é un escritor xenial: fáltalle algo que non sei definir con precisión. Ás veces dá a impresión de que a súa cualidade fundamental -un gusto clásico por narrar feitos a través de personaxes ben contorneados- é tamén o seu maior defecto. Tampouco logra ser orixinal nin, no sentido máis radical da palabra, creativo. E quizais por iso tamén se lle note un interese excesivo e un tanto forzado por mostrarse orixinal. Pero é un narrador eficaz e interesante, dos poucos que lograron facerse cun público bastante fiel no esfiañado mundo de relacións entre escritores e lectores na literatura galega.

Anónimo dijo...

Abraia pero non conmove, escribiu alguén sobre Cunqueiro. Eficacia sen muxica: ¿Alcalá?

Anónimo dijo...

Parabéns, Apicultor, ben saberá por que llo digo; non encontro outro lugar, mellor ca este, para mandarllos. Eu, xaora, non podo ir, e iso que o concerto tripartito é, indiscutiblemente, de luxo.

Anónimo dijo...

Tentaremos por todos os medios posibles -por terra, mar ou aire- ir a ese extraordinario concerto tripartito, xaora. Ao rematar brindarei a súa saúde cun porto vintage.

Anónimo dijo...

Xa ve, González, que aos socialistas tamén lles tira o país irmán... Tamén vén Ryao Kao. E Saura a presentar "Fado".

Anónimo dijo...

Paréceme ben adecuado, elemental, que haxa polo menos unhas Xornadas Portuguesas organizadas desde a Xunta de Galicia. Ora que eu, desde logo, faríao posiblemente doutra maneira, máis frecuente, máis extenso e máis dotado; estratéxico, diría.

Sen menoscabo da calidade no que se vai facer, indubidablemente. Só lamento que todo quede na capital.