18 dic 2007


Os maiores na cultura
Imaxe: Doña Rosita Morillo, de Frida Kählo

O Club de Maiores de Caixa Galicia en Ourense está a celebrar os seus primeiros 25 anos de vida. Con ese motivo, a través da súa responsable, Carmen Bonet, convidáronme a dar unha conferencia sobre a visión dos maiores (ou dos vellos, como prefiran) na cultura, nas artes e na literatura. Preparei un power point duns 60 paneis sobre temas ben diversos, unidos só por esa condición: como reflectiron o mundo dos vellos en diferentes épocas e coxunturas históricas e xeográficas. Algúns de vostedes colaboraron co apartado "Os poetas" cos seus comentarios no post "A idade" que aquí apareceu a comezos de decembro.
É por iso que case me sinto obrigado a traer aquí un esquema desa miña intervención, para que se fagan unha idea de por onde foi. Máis ou menos isto:
Paneis 1 a 11. Imaxes dos Maiores na cultura galega. Castelao: Cousas, Retrincos, Os vellos non deben de namorarse. Carlos Casares: "A vellez" (Á marxe), "Agarda longa ao sol" (Vento ferido).
Paneis 12 a 15. Os vellos na historia da fotografía.
Paneis 16 a 26. Os maiores nas artes plásticas. Un código de valores, virtudes, a santidade. Pero tamén o mundo do desexo, o pecado. As Tres Idades. Susana e os vellos. Cimón e Pero, a Caritas Romana. O paso do tempo, a continuidade da vida.
Miguel Ángel, Rembrandt, Zeus, Caravaggio, Donatello, Cranach, Rubens, Gentileschi, Hans Baldung Grien, Giorgione, Tiziano, Ghirlandaio, Klimt, Rafael Zabaleta, etc.
Paneis 27 a 39. A voz dos poetas. A melancolía, a elexía, a sátira.
Rosalía, Celso Emilio Ferreiro, Fernando de Herrera, Quevedo, Pero da Ponte, Afonso Eanes do Cotón, Lorenzo Gomis, Aleixandre, L. Cernuda, etc.
Velázquez, Rembrandt, Giorgione, Goya, Zabaleta, Frida Kählo, Guaysamín, Zuloaga, Fortuny, Boucher, E. Munch, Emil Nolde, etc.
Paneis 40 a 49. Os maiores no cine. Umberto D (De Sica). Fresas salvaxes, Bergman. A balda de Narayama, S. Imanura. Calabuch, Berlanga. El abuelo, Garci. Sunset Boulevard, B.Wilder. Que foi de Baby Jane?, W.Wyler. Iris, R. Eire. No estanque dourado, Mark Rydell.
A lingua das bolboretas, M. Rivas, Cuerda, Fernán Gómez: don Gregorio.
O subxénero dos avós: de Minnelli a Pedro Lazaga.
O home bicentenario. As uvas da ira. Dous vellos gruñóns, etc.
Paneis 50 a 60. O lecer de Isolino, de Xaquín Marín.
Durero. Lucien Freud. A gran lección de Goya: "Aún aprendo".
Foi todo isto un pequeno intento de historia cultural que non saiu tan mal. O público, cando menos, quedou encantado. E eu, preparando todo, aprendín unhas cantas cousas.
PAN POR PAN mércores 19 decembro 07
O luns pasado estiven no Club de Maiores de Caixa Galicia, que celebra os seus primeiros 25 anos de vida. Convidáronme a falar da visión do mundo dos maiores na literatura e nas artes e preparei un power point que revisa o que do mundo da vellez dixeron ou pintaron, en diferentes épocas, poetas e artistas. De todo houbo na viña do Señor: dende os deuses e santos que simbolizaron as grandes virtudes e valores no Renacemento ou no Barroco ata a visión sarcástica dun Quevedo ou dos poetas trobadorescos de escarnio a bulrarse dos desexos e pecados da vellez. Entre todos eles, poucos tan lúcidos como o noso xenial Castelao, dunha excepcional empatía, sobre todo en “Cousas” pois en “Os vellos non deben de namorarse” deixouse levar por un certo moralismo. O público, ben agradecido: levaba eu uns 40 minutos a falar e pregunteilles se querían que seguise. Dixeron que si: non se aburrían.

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Está feito un fenómeno, Valcárcel. Parabéns.

Anónimo dijo...

Idem. Que sorte. Debe ter vostede un coco moi amoblado.

Anónimo dijo...

A presunción do Monxardín no seu artigo leva xeito. Do argumento en fonética histórica eu só cuestionaría o exemplo de convento < lat. conventu(m), dado que o t non é intervocálico aí. Coma nota, Natal podería ser cultismo, de orixe probablemente eclesiástico, e aquel tabeliónico, musical...

Os Cancioneiros profanos sustentan a tese: en seis cantigas encontro a voz Natal, en ningunha Nadal; os autores: Johan Airas, El Rei Don Alfonso, Garci Mendiz d'Eixo (nunha das máis antigas cantigas, de texto presuntamete occitano-galego) e Lopo Lias por tres veces.

Ora ben, non se desbote a existencia posible dun Nadal xenuíno. A fonética histórica sustentaríao; e J. P. Machado testemuña o seu uso nunha cantiga das de Santa María, entendo que a número 292. A fonte non é moi acreditada, e eu non dispoño do texto aludido en edición ningunha. Quede só o apuntamento.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

É vostede dun cruel, amigo Valcárcel. Mira que falarlles da balada de Naraiama. Eu só espero que non vaian ao videoclube a alugala. Mimá.
A vella Orín tivo sorte:/ o seu fillo vaina levar ao Naraiama.
Sería millor O imperio dos sentidos.

Anónimo dijo...

Na aldea portuguesa de Tourem, fronteiriza có concello ourensán de Calvos de Randín, vin unha frase grabada en madeira,adornando unha rúa: "Nao te rías de mím nem da minha velhice: Eu fun como ti e tí serás coma mím"

Anónimo dijo...

Eiquí tedes frases sobre a Velhice i eiquí máis

Anónimo dijo...

Ummm teña coidado Valcarcel ou rematará de xira con Superpiñeiro sendo teloneiros dos bailes de Vicepresidencia...

Xaime dijo...

A Marcos non hai que porlle frenos senón que animalo. Parabéns.

Anónimo dijo...

Mr. Adam: Non creo que teña nada que facer con nós. Fai anos que coñecemos o "teorema do billete de quinientos dólares".

Anónimo dijo...

En moitos pobos primitivos, a idea de "forza" non vai ligada á capacidade de mover obxetos pesados, senón á lonxevidade. Os novos sinten admiración polos vellos, canto máis vellos mellor, por que demostraron ser "fortes".