Mostrando entradas con la etiqueta violencia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta violencia. Mostrar todas las entradas

3 mar 2009


Pedagoxía política
aFONSO Monxardín, g.h.-3-3-09. Debuxo de R. Patiño.

Un día, hai para aí vinte anos ou así, comezaba eu unha visita ao Parlamento británico cando unha vella desas de gafas picudas e plástico na cabeza para a chuvia se achegou onda un bedel e pediulle que lle fose chamar o deputado do seu distrito, que non sei que lle tiña que dicir. Entrementres nós subimos ao poleiro a tempo de ver como o subalterno entraba e libraba dun crispado discurso do reverendo Ian Presley a un deputado daqueles que estaban apertadiños nun escano e que parecía a espera do médico en día de feira en vila pequena. Aos dez minutos xa nós cheos de espectáculo, baixamos. E alí estaba a boa da señora rifando co seu representante, aceando co dedo índice, mentres el aturaba impasible, sentados ambos nun banquiño á entrada da sala.
Como anglófilo confeso pareceume preciosa e entrañable esa proximidade entre a rúa e o poder. Proximidade si, pero iso non quere dicir darlle a razón sempre á xente, demagoxicamente, pois ás veces a opinión pública convértese só nun perigo público. Como cando se mesturan sangue e sentimentos. Digamos o caso do asasinato da parella de gays de Vigo onde a opinión pública en forma de xurado público absolveu o inabsolvible. É preciso xulgar desde a lei e non desde os sentimentos, ideas e prexuízos. Para iso lles pagamos a profesionais. Non quero eu esa responsabilidade. E nos últimos tempos vexo os nosos políticos coxeando do pé de querer congratularse sempre coa xente que máis sae ou berra nos medios de comunicación.
Falemos claro. Coa dor das persoas debemos ser solidarios e punto. Pois temos a seguranza de que o puro sufrimento non é fonte inmaculada de sabedoría. Así, os pais das nenas asasinadas en episodios macabros non teñen por que ser recibidos polos presidentes de nacións. Esas persoas despois desas experiencias traumáticas desexan, loxica e humanamente aínda que non o digan, vinganza. Queren cambiar leis movidos só pola dor e esgazamento íntimo e non por coñecementos forenses. E non señores. Non pode ser. Que falen, que se desafoguen cos amigos, coa familia, -ou cos deputados provinciais se queren-, pero os presidentes dos estados non deben de andar ás cousas das dores íntimas e de circos mediáticos.
Hai que educar á opinión pública para facela máis responsable, máis esixente co poder, e non darlle a razón sempre e tratar de gobernar en función de Salsa Rosa.

13 ene 2009


Violencia cotiá.
PAN POR PAN martes 13-1-09
Imaxe de Claudia Böhm

Un sicario entra nun hospital de Madrid e asasina a tiros a un narco colombiano alí ingresado. Nunha discoteca de Madrid, de novo problemas con porteiros, un tiroteo e dous mortos. Dous vixiantes de tranvía de Barcelona reducen a golpes no chan a un discapacitado psíquico que non lles entregaba o seu bono de viaxe. Son mostras de violencia cotiá, con matices. Nun caso, importación do estilo expeditivo do mundo da droga en México ou Colombia. No caso da discoteca, polo que se sabe, loitas de poder de bandas mafiosas chegadas de países do Este para controlar o mercado da noite, coa droga polo medio tamén. No último caso, a estupidez duns servidores públicos ós que se lles soben os fumes ó vestir o uniforme. O poder do diñeiro, a ruín chulería de mandar. Di un proverbio chino que a violencia é o refuxio das mentes pequenas. E tamén o último refuxio do incompetente, engade Isaac Asimov.

5 dic 2008


Azpeitia, medo, desconcerto
Andoliña 5-12-08

Estiven en Azpeitia hai anos, convidado por amigos vascos. Confeso que daquela, finais dos 70, non percibín na rúa o medo ós violentos, quizais porque non o quixen ver, quizais porque entón o apoio pasivo ás teses de ETA era moito maior que hoxe. A imaxe que dan agora as televisións, tralo covarde asasinato dun empresario, é moi diferente: albíscase o medo na xente que nin quere falar cos xornalistas, nunha parte dos obreiros de Ignacio Urrutia que non protestan pola súa morte, nese deixar pasar as cousas como se non sucedese nada.
Ou como se todo se debese a un fatal accidente da natureza. A foto que onte publicaba un xornal de Madrid é incomprensible dende un mínimo sentimento de empatía coas vítimas: os compañeiros de baralla do empresario seguen a xogar a partida como se tal cousa. E logo que farían se morrese nun accidente de tráfico: permanecerían tamén impasibles? Son realidades moi difíciles de entender, aínda nun concello gobernado por ANV, brazo político hoxe dos violentos.
A banda terrorista segue a ser un poder fáctico en Euskadi: quere unha nova vitoria como as de Lémoniz ou a autovía de Leizarán. E moitos vascos miran cara a outro lado, co sangue a secar na rúa.

24 sept 2008


Violencia
PAN POR PAN mércores 24 setembro

Hai menos dun ano, no instituto de Tuusula, perto de Helsinki, un mozo mataba a oito persoas antes de suicidarse. Onte mesmo, en Kauhajoki, outra pequena cidade finlandesa, repetíase o mesmo argumento: neste caso co asasinato de dez compañeiros. A nova sorprende sobre todo pola súa ubicación: Finlandia non está habituada a situacións violentas e os seus resultados educativos son os mellores en diversos estudos como o Informe Pisa. O tema, pois, é moi complexo: o que antes só pasaba nos Estados Unidos hoxe pode pasar en calquera lugar. É unha consecuencia tóxica da globalización: non hai fronteiras posibles nun mundo onde os autores destas macabras fazañas se ven a si mesmos como personaxes mediáticos que colgan as súas ameazas en Internet. Houbo épocas máis violentas na historia, pero daquela só as vítimas directas coñecían o horror. Non se invenrara aínda o Youtube.

14 jun 2008

Perder a razón, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 14.6.08)

Que o home é un ser racional sabémolo desde pequenos. Precisamente esa capacidade de raciocinio e reflexión sobre o propio ser é o que sinala a principal diferenza co resto dos animais, sexan nécoras, xirafas, paspallás ou lagartos, e que agrupamos todos nun lote a eito, baixo o rubro difuso de ‘irracionais’. Así pois, o home actúa guiado por esa razón esencial que nos caracteriza e cando perde as referencias da realidade e crea un mundo imaxinario no que se instala moitas veces como único habitante e cunhas pautas de comportamento e actuación tamén únicas, dicimos que se volve tolo ou que perdeu a razón. E a razón tamén se pode perder, non por construír e vivir nese universo onírico particular, senón por responder a circunstancias da vida cotián con actuacións desproporcionadas, agresivas ou absurdas.Por exemplo, se un ve a alguén emporcado con rotuladores a fachada da súa casa, está claro que se lle rifa, reprende ou denuncia, tería toda a razón. Pero se toma a xus tiza pola man e lle rompe os brazos para que non o volva facer, está claro que perdería a razón que orixinalmente puidese ter.
(o artigo completo)

3 may 2008


en poleiro alleo:
Austria no diván, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 3.5.08)
http://www.laregion.es/opinion/1551/
(Imaxe: O pesadelo, do pintor simbolista H. Füssli)

(...) este mundo rebentou dúas veces coas dúas Grandes Guerras. Pero sen culpables aparentes. A primeira reduciu o imperio á Austria actual, dúas veces e media o tamaño de Galicia, habitado por menos de oito millóns de persoas, e case matou Viena (no ano 2000 tiña setecentos mil habitantes menos que en 1916). Desapareceu o Imperio e a el foron as culpas todas. Logo, houbo vinte anos de resentimento para alborozarse coa chegada de Hitler; e de novo compartir un tráxico destino imperial. E cando cae Hitler, todos calan, todos teñen moito que calar. Érguese un inmenso muro de silencio e inventan o papel de vítima que convén a vencedores e vencidos. Así, con ese saber e calar, Kurt Walheim, ex nazi, chega ao cume das Nacións Unidas e logo, á presidencia do país.Todo é posible, pois. Só hai que disimular. A culpa non existe se non se publicita. Ademais, non é educado falar. O crime sen castigo. Nunca pasa nada. A Viena escura do ‘terceiro home’, dos refuxios antiaéreos, dos sotos onde agacharse de nazis, de aliados, de rusos... parece que agroma nos arrepiantes casos que por alí se producen. Austria necesita resucitar a seu veciño Sigmond Freud, deitarse no seu diván e falar, falar e falar dos anos mozos para tratar de enfrontarse de novo ao futuro con ollos máis limpos.

9 sept 2007

A facilidade do mal.
Pan por Pan domingo 9 setembro. Imaxe: Niobide sagitta, de J.J.Pradier

É máis doado destruír que construír: en só minutos, quizais segundos, podemos botar por terra construcións do noso patrimonio ou da natureza que se tardaron centos ou milleiros de anos en erguer. Algúns mesmo lle chaman a iso progreso tecnolóxico. Muñoz Molina lembraba esta axeitada cita de Paul Valéry: “a horrible facilidade de destruír”, que por certo tamén encantaba a Josep Pla. O terrorismo é a plasmación evidente desa facilidade no mundo no que vivimos: velaí os atentados masivos dos últimos anos. En Alemaña lograron parar un inmenso masacre detendo unha célula de integristas islámicos: dous dos detidos naceron na propia Alemaña, nunha contorna burguesa, e logo se converteron ó islam, un deles ós 15 anos. Vítimas do fanatismo, non sería despois difícil convencelos, nun campo de entrenamento de Pakistán, do acerto letal da cita do poeta francés.