Mostrando entradas con la etiqueta cen anos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cen anos. Mostrar todas las entradas

17 feb 2008




Cen anos de historia cultural
1995: Rafael Dieste. A Domus
17.02.2008. MARCOS VALCÁRCEL. Imaxes: Rafael Dieste. Nun busto do escultor Ferreiro Badía; Chus Pato; novela de X. Miranda.
Foi o do 1995 un ano espléndido nas letras. Empezarei o meu percorrido polo ensaio e a investigación. Por exemplo, nos estudos literarios e lingüísticos, velaí os traballos sobre crítica literaria de Ramiro Fonte (As bandeiras do corsario); o estudo de Claudio Rodríguez Fer sobre A literatura galega durante a Guerra Civil; o volume Literatura e sociedade en Galicia, 1975-1990, de Xosé González Millán; Galicia desde Londres, sobre as crónicas na BBC dos galeguistas, de A. Raúl del Toro Santos; a esculca no teatro de preguerra en Ferrol (Laura Tato); a edición dos Manifestos das vangardas europeas, por Xesús González Gómez, ou o estudo sobre A poesía lírico galego-castelá (1350-1450), de R. Gómez Polín.
Da mesma andaina son os Estudos de sociolingüística galega de Henrique Monteagudo; A lingua galega en Cuba, de X. Neira Vilas, e a publicación dos dous primeiros volumes de Usos Lingüísticos. Mapa Sociolingüístico de Galicia pola RAG: con tal motivo a revista Luzes facía un debate sobre o noso idioma con Xesús Ferro e A. Santamarina. A RAG tamén publicaba, en edición de Xosé Luís Pensado, o volume Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de la agricultura, al castellano.
Os historiadores achegaban títulos como La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen, de Pegerto Saavedra (Crítica); Os traballos e os días na Galicia medieval, de M. Castiñeiras; un estudo sobre o pintor Manuel Colmeiro, de X. A. Castro; A cidade da Xeración Nós (M.V.); e un estudo sobre o arquitecto Manuel Gómez Román, da autoría de Xaime Garrido e Ramón Iglesias.En clave feminista aparecían volumes como O contradiscurso das mulleres, de Carme Blanco, e Escrita da certeza. Por un feminismo optimista, de María Xosé Queizán. Títulos dese ano son tamén Lendas galegas de tradición oral, de X. M. González Reboredo; Eduardo Blanco Amor dende Buenos Aires, o epistolario do ourensán recollido por Neira Vilas; Documentalismo fotográfico contemporáneo, de Margarita Ledo; Crónica de cine. O Carballiño 1990-1994, de Miguel Anxo Fernández; a tradución ó galego de Arredor da cuestión nacional, de Alain Badiou; e o volume coordenado por Ana María Platas Literatura, cine, sociedade.
Pero, sobre todo, 1995 foi o ano de Rafael Dieste no seu Día das Letras Galegas. Velaí obras como a biografía feita por Luís Rei Núñez, A travesía dun século (Do Castro); RD. Vida e obra en lingua galega, de Salvador García-Bodaño (RAG); o volume colectivo Rafael Dieste. Un creador total (Galaxia); Tentativas sobre RD (Sotelo B.); RD. Heterodoxia e paixón creadora (Xerais), etc.

10 feb 2008



Cen anos de historia cultural
1994: ‘O Correo Galego’


O día de Reis do ano 1994 toda a sociedade galega recibía como un grande agasallo o nacemento do xornal O Correo Galego, dirixido por José M. Rey Nóvoa e antecesor inmediato deste que agora nos acolle. É o primeiro diario monolingüe da historia de Galicia e informaba na súa primeira portada das inundacións do Umia en Caldas e dun comentario sobre os vilancicos de A. Cunqueiro. Xa nos primeiros días contou con colaboradores como Rábade Paredes, M. Anxo Seixas, C. Pajares, X. Ferro Ruibal, Antón Fraguas, M. Dourado ou Iago Seara entre moitos outros (tamén deste cronista, honra da que me gusta presumir). A Mesa de Normalización Lingüística pediu máis subvencións para a prensa en galego e editou 8.000 postais con bicos ó galego e ó novo xornal, coa lenda "Múa!" e con deseño de Suso Otero.
Foi tamén bo ano para as letras. Na narrativa Darío Xohán Cabana gañaba o premio Xerais, ditaminado no Ferrol, cunha das súas mellares novelas: O cervo na torre.Outras entregas do ano foron En salvaxe compaña, de Manuel Rivas; A cidade das chuvias, de Xosé Fernández Ferreiro, dende a voz reflexiva dun vello docente compostelán; o relato de terror A neve e a cadeira e A biblioteca da iguana, ámbolos dous de Xosé Miranda, recolleita de relatos que abanean entre a verosimilitude e o fantástico; Diário de inverno, novela lírica e sorprendente dende a voz narrativa dos escritos do diario dun demente. A novela negra seguía nunha etapa de esplendor, con títulos como Criminal, de Xurxo Borrazás, ou A man dereita, de Aníbal Malvar, e Xesús Rábade Paredes volvía ó mundo do barroco (despois de Branca de Loboso) coa novela As sombras do barroco. Da mesma andaina son Contos de indianos, de Olegario Sotelo Blanco; Polas rúas de Padrón, colección de relatos de Úrsula Heinze; e Trabalhos e paixôes de Benito Prada, novela tamén policíaca do escritor e xornalista portugués Fernando de Assis Pacheco, ambientada en terras ourensás. Manuel Riveiro Loureiro gañaba o premio Modesto R. Figueiredo e Carlos Casares publicaba O galo de Antioquía, logo reeditado varios veces, a primeira na serie dos Contos do Castromil. Xosé Cid Cabido gañaba o premio Blanco Amor con Panificadora, novela de denuncia do capitalismo dende unha aparencia irónica e despreocupada (DLG). No rexistro temático da ciencia-ficción movíanse tanto A sombra cazadora, de Suso de Toro, como Hipogrifo, de Antón Risco. (Segunda imaxe: debuxo de Gonzalo Araúxo, para Estirpe, de Méndez Ferrín)

2 dic 2007


CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1987: DIARIO SEN DATAS

(Imaxes: portadas de dous libros daquel ano e da película "Divinas Palabras", de García Sánchez, rodada en Galicia)

No eido da narrativa, o 1987 foi un ano fecundo e con valores indiscutibles. Podemos salientar obras como Os mortos daquel verán, de Carlos Casares, unha achega do ourensán ó subxénero da guerra civil, cunha aposta no modelo de escrita ousada e ambiciosa; Arnoia, Arnoia e Bretaña, Esmeraldina, dúas obras clave da narrativa de unha achega do ourensán ó subxénero da guerra civil, cunha aposta no modelo de escrita ousada e ambiciosa; e dúas obras clave da narrativa de Xosé Luís Méndez Ferrín, concibidas como relatos xuvenís pero moi vinculadas ó persoal imaxinario do universo literario ferriniano; Contra morte e amor, novela intimista de Marina Mayoral; Tempo novo, de Xosé Neira Vilas; O ano do cometa, de Xosé Bernárdez Vilar, premio Xerais no ano anterior; Irmán Rei Artur, de premio Xerais no ano anterior; de Carlos G. Reigosa, outra reviravolta sobre a materia de Bretaña; Doncos, o pacífico, de Xoán Ignacio Taibo, que coincide coa anterior no tema artúrico; Foumán, de Xosé Cid Cabido; Land Rover, de de Suso de Toro, unha incursión no mundo marxinal dos arrabaldes; Detrás do silencio, de Xosé M. Martínez Oca (premio Casado Nieto); e Longo voo do paxaro, de Fermín Bouza. Na narrativa xuvenil aparecían obras como O globo máxico, de Andrés García Vilariño (premio Barco de Vapor 1987); A chave das noces, unha das obras máis populares de Xabier P. Docampo, un dos creadores máis potentes da narrativa xuvenil; e Viaxe a Illa Redonda, de un dos creadores máis potentes da narrativa xuvenil; e de Helena Villar, que tamén mereceu un Barco de Vapor. Palmira González Boullosa gañaba o segundo premio Merlín con A princesa e o enigma de Kian e na colección Xabarín aparecían, ademais do libro de Carlos Reigosa, títulos de M. Tournier, J.M. G. Le Clézio e Italo Calvino (Marcovaldo).

Quizais non se poida incluír na narrativa, pero, fóra de xéneros, está ese magnífico ensaio autobiográfico de Antón Tovar titulado Diario sen datas, unha peza excepcional na súa fondura nas letras galegas. O Premio Xerais, resolto nese ano na vila de Baiona, gañábao Xosé Ramón Pena coa novela Para despois do Adeus. Recuperábase ademais, no ano que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas, unha escolma de textos e descrición da vida e obra de Francisca Herrera Garrido, preparada por Carlos Casares e publicada pola Real Academia Galega.
(...) (...) Tampouco foi mal ano para este cronista pois daquela saía o seu primeiro libro, A prensa en Ourense e a súa provincia, publicado pola Deputación ourensá e con limiar de Ramón Villares Paz.

(Nota: como a versión dixital do artigo sae hoxe un pouco "traspapelada", prefiro poñer o artigo enteiro en COMENTARIOS).

18 nov 2007











Cen anos de historia cultural
1985. Leliadoura. ‘Luzes de Galiza’





Imaxes: a primeira novela de Margarita Ledo. Retrato de Lois Pereiro, por R. Patiño. Cartel dogrupo Antroido.
A editorial Sotelo Blanco lanzaba no 1985 a súa colección de poesía Leliadoura, que contou co asesoramento de Basilio Losada e Xesús González Gómez e que duraría 12 anos. Entre os primeiros títulos estiveron Baladas nas praias do Oeste, de Manuel Rivas; Livro das paisaxes vivas, de Miguel Anxo Fernán-Vello; Seixo de desfacer entre os dedos, de Paulino Vázquez Vázquez; o primeiro poemario de Manuel Guede, Contra Serenou, e un dos grandes libros da poesía do noso tempo, os Cantos Caucanos, de Antón Avilés de Taramancos, que con este volume mereceu o Premio Nacional da Crítica.
Da mesma andaina son poemarios como O tempo na auga, de Fermín Bouza; Os laberintos da xerfa, de Rodríguez Barrio, premio Celso Emilio Ferreiro no 84; A lenda das árbores de prata, de Manuel Vilanova; O regreso das ninfas, de Manuel Forcadela; Ortigas da memoria, de Cesáreo Sánchez Iglesias; O corpo e as sombras, de Eusebio Lorenzo Baleirón; Memorial de brancura, IV premio Esquío, de Fernán-Vello; Sima-cima do voar do tolo, de Bernadino Graña; Lembranzas do areal, de Xavier Rodríguez Baixeras; Iniciación e regreso, de Xavier Seoane; Emaín, de Xesús M. López Valcárcel; Extramuros da noite, de Román Raña, e Historia do rock and roll, de Antón Reixa. Ediciós do Castro publicaba unha nova edición de Longa noite de pedra, de Celso Emilio, preparada por Xosé María Álvarez Cáccamo, e publicábase a antoloxía preparada por Xosé Lois García, Escolma de poesía galega 1976-1984 (meses antes saía tamén a de César A. Molina en Júcar). No campo da narrativa, hai que subliñar a aparición de obras tan relevantes como Arnoia, Arnoia, de Méndez Ferrín e Das cousas de Ramón Lamote, un auténtico bestseller na literatura xuvenil, de Paco Martín. No campo da ciencia ficción, Xosé Fernández Ferreiro sacaba A fraga dos paxaros salvaxes, finalista no Xerais 1984, e Lois Xosé Pereira, un autor novo e ata entón descoñecido, gañaba o Xerais 1985 con As horas de cartón. O premio Blanco Amor era nese ano para Xoán Manuel Casado, pola novela O inverno do lobo. Xavier Alcalá publicaba a súa novela Tertúlia; Margarita Ledo daba á luz Trasalba ou Violeta e o militar morto, e O Castro publicaba a Narrativa completa de Ricardo Carballo Calero. Na narrativa breve, saía O delirio do lume, de Antonio Costa Gómez. Na narrativa estreábase tamén Manuel Rivas, con Todo ben, novela curta inspirada no mundo do xornalismo deportivo.
Foi tamén o ano de saída de Luzes de Galiza na Coruña, unha das grandes revistas culturais das últimas décadas. Dirixida por Manuel Rivas, tiña no seu consello de redacción a Xavier Seoane, Lino Braxe, Antón Baamonde, Mato Fondo ou Miguel Anxo Murado e sacou os seus números 0 e 1 en xullo e novembro, co apoio de Ediciós do Castro. Entre os primeiros colaboradores estaban Xavier Alcalá, Xosé M. Martínez Oca, Xesús González Gómez, Xosé Chao Rego, Xosé M. Beiras, Fernán Vello, Antón Reixa e Xosé A. Castro. A moi coidada edición contaba entre os primeiros ilustradores da revista con nomes como Reimundo Patiño, A. Lamazares, Xaquín Marín, Alfonso Sucasas e Luís Seoane. O número cero ofrecía ademais unha entrevista de M. Rivas co poeta Lois Pereiro (Iste é un povo que sabe suicidar-se).
Morría no exilio o escritor ourensán Ángel Lázaro e en Galicia o poeta e erudito Xosé María Álvarez Blázquez e o arqueólogo Manuel Chamoso Lamas. Fundábase a Asociación Internacional de Estudos Galegos. Os cineastas galegos (Chano Piñeiro, Carlos Piñeiro, García Pinal, Daniel Domínguez, etc.) colleitaban éxitos no Festival de Cine de Figueira da Foz e rodábanse no noso país películas como La vieja música (Mario Camus), Los pazos de Ulloa (Gonzalo Suárez), La hora bruja (Jaime de Armiñán), e Monsignor Quixote, de R.Bennet, con visita de Graham Greene ó mosteiro de Oseira. No campo do ensaio e da investigación encontramos múltiples traballos de interese. Velaí: O galeguismo na encrucillada republicana, dous tomos, de Xavier Castro; Castelao e Souto en Valencia, de Pablo Porta; A prensa galega en Cuba e Castelao en Cuba, de Neira Vilas; A nosa literatura II, da A.C. Alexandre Bóveda; Loureses, de Manuel Mandianes; Os anos escuros, de Xosé Luís Franco Grande; Franquismo y transición política en Galicia, de Carlos Fernández, e Crónicas de una transición intransigente, de Lueiro Rey. Reeditábase o Cancioneiro de Paio Gomes Chariño, publicado por Cotarelo en 1934 (a cargo da Xunta) e nacía a colección de Clásicos Agrarios Galegos (Xunta de Galicia) con libros de Valeriano Villanueva, Nicolás Tenorio, Alfredo Vicenti e Prudencio Rovira. Xerais reeditaba a López Ferreiro con estudo de Anxo Tarrío. A RAG e a Barrié publicaban a edición crítica da Crónica Troiana, a cargo de Ramón Lorenzo. Carlos Alvar e Vicente Beltrán publicaban en Alhambra unha antoloxía da poesía trobadoresca galego-portuguesa. Jesús de Juana estudaba a Risco e Filgueira Valverde sacaba o seu III Adral. Na Biblioteca Galega de LVG saían El gallego, Galicia y los gallegos a través de los tiempos, de José Luís Pensado; El puerto de la Coruña en el s. XVIII, de A. Meijide Pardo; Las fronteras atlánticas de Galicia: de la prehistoria a la baja edad media; Temas de lingüística galega, de Constantino García; e a Historia del cine en Galicia, 1896.-1984, de Emilio C. García Fernández.

11 nov 2007










CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1984: CENTRO DRAMÁTICO GALEGO



Nace o Centro Dramático Galego, dirixido por Eduardo Alonso. Nace o Premio Xerais de Novela (Carlos Reigosa, Crime en Compostela). Traslado dos restos de Castelao a Galicia. Homenaxe a Vicente Risco
Xa vai o griffon no vento, de Alfredo Conde. Amantia, de María Xosé Queizán. Estrea poética de Miguel Anxo Fernán Vello. De Pondal a Novoneyra, de Méndez Ferrín.
Mamasunción, de Chano Piñeiro. Cen augas, revista poética. La Naval. Tintimán.
NOTA: vou colgar o artigo enteiro en Comentarios (sen a ligazón ó xornal, porque hoxe está chea de erros e saltos, cando menos na versión informática)

23 sept 2007


CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL

1978: nacen os Premios da Crítica de Galicia (O artigo completo)

Fernández Ferreiro. Alfredo Conde. Xavier Alcalá. Xoán Ignacio Taibo. Benito Vicetto.
Tempo de Compostela. Libro das baladas. As rúas do vento ceibe.
Mar e naufraxio. Silabario da turbina (Rompente)
Manuel Lourenzo. Silvania, de Millán Picouto. Os irmandiños, de D. Cortezón. Almas mortas. Cadernos da Escola Dramática Galega. Artello. A Ilustración e a sociedade galega. A Historia de Risco.
Ricardo Palmás. Alonso Montero.
Paz Andrade. Escola Aberta. Ensaios marxistas. Gaspariño (Xaquín Marín). Secuestro do libro de estudos colectivo Galicia: realidade económica e conflicto social. Os soños na gaiola. Os nomes das cousas.
Nace Fetsival de Ortigueira. Jei Noguerol, Pilocha. Primeiros Premios da Crítica de Galicia: Pexegueiro, Torres Queiruga, etc. As Roladas 2. Nova Galiza. A Nosa Terra.
Morren Lorenzo Varela e Madariaga.
Primeira Xunta preautonómica e aprobación da Constitución.
Alúmina-Aluminio. Un renacido PG con R.Martínez López e Avelino Pousa Antelo.

9 sept 2007







cen anos de historia cultural
1976: CON PÓLVORA E MAGNOLIAS
Se o ano 1975 foi importante para as nosas letras, sobre todo na narrativa, o 1976, xa morto o ditador, foino para a poesía. De feito en todos os estudos sinálase esta data como fulcral na renovación lírica pola aparición de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín, e tamén de Mesteres, de Arcadio López-Casanova, versos de cadencia salmódica e litúrxica, e aínda de Seraogna, magnífico libro do quizais algo esquecido Afonso Pexegueiro. O poemario de Ferrín aborda os grandes temas da literatura universal vistos desde Galicia: o paso do tempo e a nostalxia ("Triste Stephen"), o amor e o erotismo ("Posturas para copular en homenaxe"), as raíces da patria (o celtismo), a revolución ("Reclamo a liberdade pró meu pobo") e mesmo a derrota e o asasinato fascista dos militantes republicanos e galeguistas ("En Compostela pode un home..."). Versos de amor e loita cunha forma preciosista e experimental, inzada de referencias culturais, xestos vangardistas e inquedanza universalista.
(...) No campo musical Bibiano publicaba o seu primeiro disco, Estamos chegando ó mar, con textos propios, de Novoneyra e de Vázquez Pintor e a famosa canción "O can (de palleiro)", que nas asembleas universitarias se cantaba cambiando un pouquiño o seu refrán: "Abaixo a dentadura", xa poden imaxinar o cambio. Amancio Prada publicaba Caravel de Caraveles, baseada na música popular galega, acompañado de Alejandro Massó e Eduardo Gasttinoni, e nacía o grupo Roi Xordo, integrado polo Movemento Popular da Canción Galega e por "Bem-Virá": Romaní, A. Seoane, Pi da Bahía, Ze Luís e Quico de Cariño, música folc-rock con acentos reivindicativos.
Foi 1976 un ano fundamental en moitos aspectos. O gran dinamismo da sociedade, que conquistaba de vagariño a democracia, manifestouse nunha morea de iniciativas políticas, sociais e culturais. O 5 de xaneiro fundábase o Consello de Forzas Políticas Galegas, composto pola UPG, o PSG e o PGSD. Noámbito estatal creábase a Federación de Partidos Socialistas, na que se integraba o Partido Socialista Galego (PSG). En xullo nacía a Táboa Democrática de Galicia, que agrupaba varios partidos estatais de esquerda, e en outubro, na Coruña, a Asamblea Popular Galega, escisión da AN-PG nacionalista que viña funcionando había uns meses. Tamén nese ano nacía a Intersindical Nacional Galega (ING), encallaba o petroleiro Urquiola na ría da Coruña, empezaban as loitas contra a expropiación das terras dos labregos nas Encrobas e tamén as obras da Autoestrada do Atlántico. Nun consello de ministros celebrado na Coruña e presidido polo rei Juan Carlos, o Goberno aprobaba a demandada Amnistía para os delitos políticos e de opinión. Nese mesmo ano nacía a asociación ecoloxista Adega, con nomes como González Laxe e Xosé M. Beiras entre os seus promotores; a Asociación Sociopedagóxica Galega (ASPG) e a feminista Asociación Galega da Muller. Rexurdía o Ateneo de Ferrol; e nacían a Sociedade Galega de Historia Natural e a cultural Afonso Eans en Negreira. A Facultade de Económicas de Compostela pasaba dende o edificio de Fonseca a súa actual localización, despois de ser ocupada en varias ocasións por peches de universitarios.
(...)
Víctor Freixanes publicaba o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos (Galaxia), toda unha redescuberta de Galicia dende o xornalismo literario: a memoria do país dende Otero Pedrayo e Luís Seoane ata Beiras, Ferrín, Alonso Montero e Carlos Casares. En xullo fundábase en Compostela o Museo do Pobo Galego, que abriría as súas portas poucos meses despois, tamén co pulo detrás de moitos intelectuais galeguistas e o apoio de figuras históricas como Xaquín Lorenzo e Antón Fraguas.

8 jul 2007





CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL


Beiras Torrado. Abrente. Euloxio Ruibal.
As laranxas... de Casares. Alonso Montero: Informe dramático de la lengua gallega. Prehistoria, Cuevillas. Otero, Noite Compostelá. As Farsas de Blanco Amor. Barriga Verde, Manuel María. Mariñas del Valle
Contos da néboa, Fole. Carlos Durán. Xavier Carro. Cimiterio privado, Celso Emilio. UPG Poemas, de F. Sesto.
Varela Jácome. Cancioneiro Musical de Galicia. Falemos Galego.
Teatro de Blanco Amor en Conxo. Literatura infantil e xuvenil.
Xornadas do Cine en Ourense. Teatro Candea en Noia. Os Cigurros na Rúa.
A Cova das Choias. Morre en Noia Claudio Guerin.
Ferrín, Tovar e Celso Emilio e María X. Queizán na homenaxe a León Felipe en México. José Afonso e Francisco Funhais cantan en Ourense.
As despedidas: Bouza Brey. Augusto Casas. Urbano Lugrís. Xesús Carro. Xoán López Durá, etc.

3 jun 2007







CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1969: o ano en que naceu a revista CHAN


Púñase en marcha a revista bilingüe dirixida por Borobó.

Nun ano cargado de bos libros de poesía, narrativa e ensaio:
Marcial Suárez, Luís Seoane, Neira Vilas, Fariña Jamardo, Carlos Casares, Manuel Casado Nieto, Celso Emilio Ferreiro, Xesús Alonso Montero, Otero Pedrayo, A. Cunqueiro, etc.

27 may 2007



CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1968: NACE VOCES CEIBES.




En maio, nunha xuntanza no Hotel Compostela, nacía oficialmente o grupo Voces Ceibes, nome proposto por Xavier e onde estaban presentes tamén Benedicto, X. Moscoso, A. Conde, Margariña Valderrama e Vicente Araguas (este último foi quen historiou este proceso en Voces Ceibes, Xerais 1991)
A nova do ano foron os conflitos estudantís na Universidade de Santiago (Maio do 68) e o nacemento do grupo Voces Ceibes e da Nova Canción Galega. Tralo recital de Raimon en Compostela (maio 67), un novo concerto celebrado o 26 de abril de 1968, na Facultade de Medicina, daba saída definitiva á NCG: actuaron alí Benedicto, Xavier González del Valle, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso e Vicente Araguas, con letras propias ou dos escritores Alfredo Conde, Celso Emilio Ferreiro, Lois Diéguez, ademais de textos de poemas cataláns e doutras culturas traducidos por Xosé L. Franco Grande, Carlos Casares e Salvador García-Bodaño, etc. En maio, nunha xuntanza no Hotel Compostela, nacía oficialmente o grupo Voces Ceibes, nome proposto por Xavier e onde estaban presentes tamén Benedicto, X. Moscoso, A. Conde, Margariña Valderrama e Vicente Araguas (este último foi quen historiou este proceso en Voces Ceibes, Xerais 1991).
Outros nomes asociados logo á NCG foron Miro Casabella, Andrés Lapique do Barro (a quen se lle prohibe algún concerto), Xoán Rubia, Suso Vaamonde, Jei Noguerol, Luís Emilio Batallán, entre outros. En decembro de 1968 houbo outro concerto, no Cine Capitol de Santiago, presentado por Manuel María e para esa ocasión fixo un fermoso cartel Reimundo Patiño. Ó longo dese ano houbo máis de 13 concertos programados: na A.Cultural de Vigo, no grupo Rumbo de Ourense, en O Facho da Coruña, en O Galo de Santiago, Pontevedra, etc.
Algúns destes encontros foron prohibidos e os seus protagonistas multados, como testemuña o informe da policía que Xan Fraga vén de publicar na revista Grial (n.173): poemas como ‘Vencermos nós’, ‘Loitemos’ ou ‘Carta a Fuco Buxán’ eran aplaudidos e cantados por grupos de mozos (arredor de 300 en cada actuación). Benedicto era multado con mil pesetas por cantar "No al Vietnam" en Pontevedra. Os primeiros discos apareceron da man do selo Edigsa, con Galaxia, e da recén creada Xistral: entre eles Poemas ditos coa súa voz, de Manuel María, e Miro canta as súas cancións, de Miro Casabella. No mundo literario foi tamén ano de bos libros. Aínda que se publicou máis tarde, desa data é o poema ‘Vietnam canto’, de Uxío Novoneyra, que marcou a toda unha xeración. E o polémico libro de Celso Emilio Ferreiro, Viaxe á país dos ananos, que foi recortado pola censura (non se autorizaron os poemas ‘Anaina polo Che’, ‘Proieuto final’ e ‘Contribución ao Plan de Desenrolo’) e provocou un gran debate no que non faltaron voces críticas co poemario (Luís Seoane ou Fernández Ferreiro, por exemplo). No mesmo ano, en Caracas, Celso Emilio editaba as súas Cantigas de escarnio e maldicir, unha das pezas claves da súa poesía satírica. (...)

20 may 2007


Cen anos de historia cultural: Casares, García-Bodaño, Neira Vilas (1967)
(Nas fotos, Carlos Casares nos 60 e Tovar nun retrato de Blanco Amor)

Empeza a miña crónica dos Cen Anos... hoxe cunha referencia á gran homenaxe de despedida a Celso Emilio Ferreiro en 1966 (non me colleu o domingo anterior).
Falo logo da estrea de Carlos Casares (Vento ferido) e de Neira Vilas (Camiño Bretemoso) e de Salvador García-Bodaño (Ao pé de cada hora). E doutros libros de Franco Grande, Manuel María, López-Casanova, Antón Tovar (Non) e a edición bilingüe da Longa noite de pedra, de Celso Emilio en El Bardo. // Outros autores do ano foron Ramón Piñeiro, Ferro Couselo, Cunqueiro e Lago González. Del Riego e García-Sabell instaban un comunicado da Academia Galega ó Ministerio de Educación pedindo a introducción do galego no ensino.
Morrían María Mariño, Uxío Carré, Plácido Castro, Peña Novo, Rafael López de Haro e Ángel Romero Lojo. // Outros nomes do ano: Alexandre Finisterre. Arturo Baltar.
Nacía a Auriense e Amigos da Cultura de Pontevedra. E nacía a colección popular "O Moucho", con O Catecismo do labrego. (etc. etc.)

7 ene 2007













Cen anos de Historia Cultural
1949: o suplemento cultural de La Noche

Aparece o suplemento cultural dos sábados de La Noche
Nace en Pontevedra a colección Benito Soto de poesía
En Lugo nace a revista Xistral da man de Luís Pimentel e Ánxel Xohán

Publican libros autores como Ramón Cabanillas, Luz Pozo Garza, Pura Vázquez, Rey Romero, Rey Soto, etc. sae a Poesía inglesa e francesa vertida ó galego, de Plácido Rodríguez Castro, Lois Tobío e Delhado Gurriarán.
En Ourense conmemórase o centenario do nacemento de Valentín Lamas Carvajal.
Isaac Díaz Pardo e dous socios máis poñen en marcha Cerámicas do Castro.
Honrábase o 50 aniversario de Xoán Montes
O pintor Manuel Colmeiro instálabase en París e facía amizade con Picasso.
Nacía Bibliófilos Galegos e o Ballet Rey de Viana.
Morrían Eladio Rodríguez González e Luís Manteiga.
Nacían Xoán Ignacio Taibo, Xesús Rábade Paredes, Antonio Simón, F. Fariña Busto, Manuel Moldes, X.L. Barreiro Rivas, Xosé Lois González Vázquez ("O Carrabouxo") e un moi longo etc.
VELAQUÍ O ARTIGO COMPLETO.
(Nas imaxes Xosé María Álvarez Blázquez e a portada dun poemario de Emilio Negreira na colección Benito Soto de Pontevedra)

26 dic 2006

1948: Tempo de revistas.
Foi o ano de Alba. Hojas de Poesía e de Mensajes de Poesía, empresas culturais vinculadas, na cidade de Vigo, a Ramón González-Alegre e a Eduardo Moreiras.
O artigo completo aquí.

En 1948 aparece en Buenos Aires La catedral y el niño, de Eduardo Blanco Amor, obra tan insólita como grandiosa que, non obstante, pasa desapercibida no ámbito da literatura en castelán. Lorenzo Varela publica o seu estudo monográfico sobre Luís Seoane e o músico Julián Bautista crea a composición musical Catro poemas galegos, inspirada nos Catro poemas pra catro grabados de Varela. Ramón Villar Ponte gaña os Xogos Florais de Betanzos co romance histórico Mandeu e Fernández Oxea, co pseudónimo Eubensei, publica unha defensa do idioma galego en La Noche en resposta a unhas reticencias de Manuel Blanco Tobío.
Deste ano é tamén o primeiro poemario de Uxío Novoneyra, Abrojos, inédito ata que do mesmo deu noticia Alonso Montero na revista Madrygal.Ingresaban na Academia Galega Victoriano Taibo e Aquilino Iglesia Alvariño e Otero Pedrayo mandáballe a Ramón Piñeiro, preso en Madrid e enfermo dos ollos, unha emocionada carta con esta e outras novas culturais do país. Nacía a Asociación Cultural Cantigas e Frores e ademais o Centro Galego de Barcelona, como fusión de diferentes grupos e peñas galegas (Casa de Galicia e Sociedade Artística), xa nos seus locais das Ramblas e baixo a presidencia de Santiago Guisán Pardo.
Torrente Ballester publicaba Compostela y su ángel e Camilo José Cela, Viaje a la Alcarria e o poemario Cancionero de la Alcarria. Ó remate do ano finalizábase tamén o Teatro Colón na Coruña, obra do arquitecto Rodríguez Losada, cando era alcalde Alfonso Molina (edificio recentemente reformado e reinaugurado). En Vigo inaugurábase o Cine Fraga, do arquitecto Gutiérrez Soto, e o edificio La Equitativa na rúa Marqués de Valladares. Nos cines estreábase Sabela de Cambados, película moi popular de Ramón Torrado, rodada en Santiago e na Coruña con Cesáreo González como produtor. María Fernanda Ladrón de Guevara, Amparito Rivelles e Jorge Mistral eran os seus protagonistas.

17 dic 2006


1947: Parladoiro, de Otero Pedrayo
Cen anos de Historia Cultural

Unha das novas culturais do ano foi a aparición no xornal compostelán La Noche (nacido un ano antes) da popular sección Parladoiro, de Ramón Otero Pedrayo, polo que supón a recuperación regular do novelista ourensán como columnista en galego na posguerra: antes desa data só publicara algún artigo en galego de xeito esporádico (por exemplo, en Sonata Gallega de Pontevedra). Os artigos de Otero Pedrayo en La Noche están aínda pendentes de reedición en libro: Carlos Baliñas ten apuntado que tal recuperación estaba prevista para o tomo I das Obras Selectas de Galaxia, que nunca chegou a saír (publicáronse os tomos II e III cunha escolma de ensaios e a novela Os camiños da vida).
Tamén foi 1947 o ano dalgúns libros de interese. Sobre todo, Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, un poeta con obra destacada xa nos anos 30 (Señardá; Corazón ao vento), que marca con este novo título a reaparición da literatura en lingua galega na Galicia interior da posguerra. Libro de madureza, Cómaros verdes (Vilagarcía, Editorial Celta) recolle todos os rexistros líricos do autor, dende versos dun coidado clasicismo formal, ata outros de ritmos populares e hilozoístas, xunto con versos que dialogan co neotrobadorismo ou que fan da paisaxe e da natureza o centro de atención lírica. Pero tamén das Baladas, cantigas e donaires, que Celso Emilio Ferreiro publica en Céltiga (Pontevedra) ou de Terra liñar, de Ánxel Sevillano, con ilustracións de Laxeiro, o terceiro libro deste autor tras a súa estrea poética en 1935 e O amor, o mar, o vento e outros gozos, editado este en plena Guerra Civil (1938). Outros volumes desa hora foron Debezos, do poeta emigrado a Arxentina Avelino Díaz, que ese mesmo ano publica tamén o poemario en castelán Flor de retama; os versos do libro Soaces dun abade, do crego copleiro Mariano Piñeiro Groba (editado en Ponteareas); Nuevos estudos crítico-históricos sobre Galicia (Madrid, CSIC-I.Padre Sarmiento), do P. Atanasio López Ordóñez, e o álbum Pontevedra é boa vila, con debuxos do artista Agustín Portela Paz e textos de escritores galegos.
En París aparecía o xornal ‘Galiza’, Órgano do Bloque Repubricán Nazonal Galego, publicado polos exiliados en Francia, con moita información sobre a represión en Galicia, que contou con colaboradores como Castelao, Enrique Líster, Johán J. Pla, Ramiro López, César Alvajar, Antonio Núñez ou Ramón Cabanillas, ademais de reproducir textos de Curros.
E en Londres iniciábanse as emisións en galego do programa ‘Galicia desde Londres’, que coordinaban dende a Galicia interior Fernández del Riego e Alexandre Reimúndez: os textos daquel programa, que lanzou ás ondas a BBC londiniense entre 1947 e 1956, están recollidos nun libro preparado por Antonio Raúl de Toro Santos, con debuxos de Conde Corbal (Ed. Tambre, 1994). Tamén en Cuba empezaba outro programa radical conducido por galegos, ‘Páginas de España’, a cargo de Ángel Lázaro e Manuel Villares Vázquez. O profesor exiliado Manuel García Gerpe, que fora alcalde de Ordes de izquierda Republicana, publicaba o libro ‘Alambradas’, con portada de Luís Seoane, narrando a súa experiencia nos campos de concentración franceses.
Na Galicia interior a antiga Federación de Guerrilleiros de Galicia e León, conducida por socialistas, anarquistas e comunistas, transformábase en 1947 no Exército Guerilleiro de Galicia. Dende América vén a Galicia Rodolfo Prada, home de confianza de Castelao, para entrevistarse con Ramón Piñeiro e cos dirixentes do Partido Galeguista no interior e aclarar algúns malentendidos políticos entre ámbolos dous sectores do galeguismo.
(O artigo completo, aquí)