Mostrando las entradas con la etiqueta Ensino. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Ensino. Mostrar todas las entradas

2 feb 2009

FÍRGOAS 3. NO INSTITUTO.
Marcos Valcárcel
Curso 1974-1975. Pasei ó Instituto Masculino, o da Ponte, no curso 1974-1975 para facer o COU de Letras. Un ano decisivo na miña vida, cando tiña eu dezaseis: quizais o meu periplo vital fose diferente sen as experiencias e os amigos daquela hora. Había seis ou sete grupos de COU, pero aquel foi especial. Coincidimos na aula futuros escritores, historiadores, sindicalistas e políticos. Entre eles, Bieito Iglesias, Benito Alonso, Xoán Guerra, Carballude, Francisco García, Manuel Guede, etc. Tamén Manuel Prado, hoxe alcalde de Beariz, que se movía noutras coordenadas. Foi un curso polémico porque a mobilización cidadá, nos estertores do franquismo, xa estaba na rúa, sobre todo contra os proxectos de celulosas no Miño ourensán, tema do que nos falaba tamén o profesor de xeografía, Albino Núñez. Houbo moitas manifestacións aquel ano, contra a celulosa e por outros motivos (unha delas diante do Pazo Episcopal polos sucesos do atraco a unha ferretería, coa morte dun alumno do Instituto) , e os alumnos do Masulino eramos sempre os primeiros en saír á rúa.
Celulosa. Ademais, Otero Pedrayo escribía en LA REGIÓN, no seu estilo lírico e melancólico, contra a proxectada celulosa. Había un núcleo de ERGA moi activo e os estudantes nacionalistas distribuían o seu voceiro Lume, e de paso o Terra e Tempo, da UPG. Outros motivos de conflito eran as protestas contra a selectividade (que por medo non fomos quen de boicotear) e as medidas de apoio ó exprofesor do centro, Francisco Rodríguez, xa desterrado en Cádiz: eu mesmo redactei a carta de solidariedade co dirixente nacionalista que logo circulou polo Instituto e outros lugares. Ademais desenvolvemos un activo labor cultural, por exemplo vendendo libros galegos no 17 de Maio: fomos Bieito, Guede e eu pedirlle permiso ó director e non foi doado obtelo. Ata unha iniciativa tan moderada era entón vista con receo por algunhas persoas.
A profesora Usoz. O nivel do profesorado era bastante bo e as clases en xeral proveitosas, se deixamos fóra as do crego de Relixión e as do fascista que nos daba FEN, De Blas Escolante. Con Bieito Iglesias fixen un traballo de grupo cualificado como Notable sobre “O marxismo e a relixión”, moi ben documentado pero coas conclusións que xa esperaba o profesor, claro.
Mención á marxe merece a profesora de Historia, a señorita Usoz, unha leonesa saída pouco antes da Facultade que daba unhas magníficas clases e, sobre todo, nos deixaba debater na clase, nun clima de plena democracia, arredor dos Irmandiños, Castelao e o galeguismo e temas semellantes. Varios alumnos daquela promoción que a priori íamos camiño da Filoloxía (“o país necesita sociolingüistas”, dicíanos o xa citado líder nacionalista), acabamos na Facultade de Historia seducidos polos xeitos e a elegancia democrática da profesora Usoz. Un saúdo agarimoso para ela se lle chegasen, dalgún xeito, estas liñas.

26 ene 2009

Fírgoas 2. Memorias escolares
Marcos Valcárcel, La Región 26-01-2009


Nos Maristas. Continúo esta xeira polas miñas memorias escolares, que iniciei aquí hai dúas semanas. Despois da experiencia do Colexio Pilar, os meus pais decidiron levarme ós Maristas, case fronte a miña casa e que levaban unha década no novo edificio. Falo de 1968, pois alí botei uns oito anos, creo, incluído todo o Bacharelato, que daquela era de seis cursos. Paseino ben naquel tempo e integreime en moitas actividades do colexio, dende os campionatos de xadrez ata as excursións e os campamentos. Era un centro disciplinado e na liña das estratexias da época. Tamén pegaban, cando menos algúns profesores. Un deles, laico, tiña un sistema propio para torturar coa regra os dedos dos cativos. Outro, relixioso, se sorprendía ós rapaces correndo polos corredores, agarraba a dous deles e facíaos chocar coa cabeza. Pero a maioría non chegaban a eses extremos. A min, que era bo alumno, de notas e comportamento, nunca me tocaron, agás unha labazada por detrás un día no salón de actos, por rirme dunha película das Misións. Dérama un Hermano alcumado Pinueve, pequeno, pero terrible: por suposto, non dixen nada en casa porque os meus pais de sabelo cambiaríanme de colexio de novo e eu tiña alí os amigos e non quería moverme.
Competencia. Dende os cursos máis baixos había unha exaltación da competitividade polas notas. O titor colocaba unha lista na parede dos mellores alumnos e iso creaba mal ambiente ente os pequenos. Tamén nos daban banderolas de cores polas mellores notas, que logo colgabamos nas paredes da nosa casa. Tiven bos profesores, como os Hermanos Vecino, de Literatura Española, ou Sandoval, de Latín e Grego, que pousaba as pernas na mesa estilo John Wayne por problemas de circulación. Tamén había outros patéticos por negadiños como un de Filosofía, do que por piedade omitirei o nome, ou algún de Ximnasia que humillaba con saña ós alumnos que non daban feito os exercicios: "gordo, que no subes la cuerda, que te estás cagando...."
Pouco sabiamos de política daquela. Tres anécdotas ó respecto. O día que mataron a Carrero Blanco, tres alumnos tiñamos que falar co Secretario do colexio. Estaba apesarado e díxonos esta frase: Siempre cae la mancha en el traje más blanco, engadindo que se fose preciso el ía buscar un sable para salvar a España. Cando os Maristas foron finalistas do concurso de TVE Cesta y Puntos, fun un dos moitos que acompañou a excursión. Os Hermanos leváronos de visita turística ó Zoo de Madrid, ó Santiago Bernabeu, ó Museo do Exército e ó Valle dos Caídos, que entón era só o mausoleo do fundador de Falange, pois o ditador seguía gobernando.
Levei unha gran sorpresa cun profesor de Formación del Espíritu Nacional (FEN): debía ser nacionalsindicalista de verdade, porque un día lle botou unha bronca impresionante a un alumno dicíndolle que era un hijo de papá e que lle estaba roubando o pupitre ó fillo dun obreiro.

28 sept 2008


Vanse os mellores
Por motivos de saúde, non poderei, como sería o meu desexo, acudir á despedida cívica do amigo de vello Xesús R. Jares. O blog Brétemas informa deste acto que terá lugar hoxe mesmo en Vigo.
Nacido en Viana do Bolo hai 53 anos, foi un dos nomes fundamentais da historia da renovación pedagóxica e da Educación pola Paz en Galicia. Hai uns poucos anos presentamos no Liceo algúns dos seus últimos libros cando xa loitaba, con todas as súas forzas, contra os fados do destino.
Hoxe é só o día das lembranzas, do seu labor en Auria no nacionalismo popular, hai máis de 30 anos, na Auriense ou na A.C. Os Nemetanos de Viana, que el impulsou naquelas datas.
Tamén o día para acompañar á familia, á súa dona Paz e á súa filla Sira, e a todos os seus familiares e amigos, entre os primeiros tamén o poeta Román Raña, irmán da súa muller.
(A engadir...)
ANDOLIÑA mércores 1 outubro
XESÚS R. JARES

Souben da triste nova por unha nota necrolóxica no xornal “La Región”: nacera en Viana do Bolo, hai 53 anos. Lembro que alí impulsou no seu día a Agrupación Cultural Os Nemetanos e tamén o nacionalismo popular de ERGA e da AN-PG: coñeciámonos de vello, hai máis de 30 anos. Falo de Xesús R. Jares, falecido o pasado sábado en Vigo. A nova conmocióname aínda que fora temida xa hai algún tempo: o propio Suso despediuse no limiar dun seu libro dos seus seres queridos. Unha grave enfermidade cruzóuselle no fatal destino, pero non logrou derrubar o seu espírito nestes anos, de seguro tan duros.
No ano 2005 presenteille no Liceo ourensán o seu libro “Educar para la verdad y la esperanza”: tan fermoso título sintetiza con acerto toda a filosofía que conduciu a andaina vital de Suso Jares. Foi un nome fundamental na historia da pedagoxía, da renovación educativa e dos movementos de Educación pola Paz. Todo iso é moi importante e remito ó lector a Brétemas, o blog de Manuel Bragado que relembra con xeito ese longo e intenso labor. Pero por riba de todo foi unha excelente persoa. Por iso escribín na miña bitácora: “Vanse os mellores”. Unha aperta para os seus familiares e os seus moitos amigos.

22 sept 2008


A MIRADA RETIDA, La Región 21-9-08
Marcos Valcárcel
O Instituto que ardeu.

A foto da Mirada de hoxe é antiga, pero só o sabemos pola vestimenta dos personaxes en primeiro plano: como ese rillote que semella saído das “Cousas” de Castelao. Máis de cen anos de historia (dende 1896) repousan tras destes muros, que no seu día acolleron tamén o Museo Provincial e a Biblioteca Pública. Cando aínda se chamaba Centro Provincial de Instrución, no mítico 1898 que desvelou que España non era invencible e que nos deixou sen colonias, o neno Ramón Otero Pedrayo ingresaba nas súas aulas; logo sería profesor alí e co tempo, con toda a xustiza, o Instituto adoptou o nome do escritor. Foi só un dos moitos nomes egrexios deste centro educativo.: José García Mosquera, Juan Antonio Saco y Arce, Joaquín Gaite, Salvador Padilla, Eduardo Moreno López, Marcelo Macías, Xoaquín Lorenzo: unha longa xeira da historia cultural desta cidade. Tamén houbo cita para o fado desgraciado: en novembro de 1927 un incendio destruíu o seu vizoso tesouro bibliográfico, formado a partir das bibliotecas dos mosteiros, e parte dos fondos do Museo. Aínda que o propio don Ramón contou despois que alí ía moito frío, iso si.

16 sept 2008


Cando os xirasoles se murchaban
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 16-9-08
(a foto de Martiño Rivas vai dedicada ás posibles lectoras mozas, que algunha haberá...)

O outro día fun ver, claro, ‘Los girasoles ciegos’. Eu, coma todos, buscaba nos extras e figurantes a coñecidos. E coma todos, non vin a ningún. Entre Salvador -Raul Arévalo-, Maribel Verdú e Cámara enchen a pantalla. Só por xenerosidade e simpatía dese ourensán que é Cuerda xa -pode ir escollendo entre Corda ou Sedeño- grazas a el, a cidade aparece como fermoso telón de fondo, incluso co inhabitual detalle de sinalar explicitamente a localización nun texto ao comezo.E logo do cine, cunha cervexa na terraza sobre o río, xulguei a presenza do Cara al Sol no filme excesiva, e pensei nas veces que eu o cantara. Bastantes, por certo. Creo que os nacidos en 1960 e incluso algúns dos anos inmediatamente seguintes que estudamos no Curros Enríquez fomos os últimos en entoalo de forma regular. (...)
O artigo completo

13 sept 2008


ourensáns no seu recuncho gloria vidal suberbiola
«Unha cousa é a educación e outra o ensino. Un profesor de matemáticas pode dar valores»

23 jul 2008

Méndez Ferrín, profesor
Andoliña 23-7-08


Máis de 30 anos nas aulas: "un observatorio magnífico para ver a evolución de hábitos, modas, músicas, tendencias da mocidade, pero tamén para comprobar que hai cousas que non cambian coas xeracións. A rebeldía, o descubrimento do amor, os desánimos profundos e a forxa do carácter son eternos". Son palabras, no Faro de Vigo, onde escribe tres veces á semana, do noso egrexio escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, que nestes días entra nesa etapa de xubileu ou xubilación que o arredará das aulas do Instituto Santo Irene de Vigo.
O creador de ‘Estirpe’, nacido na ourensá rúa de Reza, na vella casa que se tirou para facer agora a sede da Academia Postal, cumprirá 70 anos o próximo 7 de agosto: é da quinta do 38. Polas súas aulas pasaron centos de mozos, entre eles moitos escritores e científicos de hoxe, de memoria lembro a Antón Reixa e a González Tosar. Como sería o Ferrín profesor? Falei con el algunha vez das súas ideas sobre o ensino, para min moi sensatas: en pro dun ensino humanístico, laico, contra a titulite excesiva, crítico cunha especialización esaxerada.
Sería bo que agora algúns dos seus alumnos nos falasen do Ferrín profesor. E que el mesmo escribise sobre ese seu maxisterio.

21 jul 2008

´Guardiamarines´

Sobre o uso do castelán (e o Manifesto) escribe hoxe Ferrín no Faro.
Por certo, onte contaba o mesmo xornal que nestes días se xubila o noso egrexio escritor no Santa Irene: velaí algunhas das súas opinións sobre o ensino, en xeral moi sensatas (sinto non poñer a ligazón, pero buscar novas atrasadas na web do Faro é insufrible).

18 jul 2008


Recordar doe (Andoliña venres 19-7-08)

A mediados dos 70, algúns alumnos comprometidos da Facultade de Historia de Compostela latabamos de cando en vez as clases dalgún profesor reaccionario e iamos, en cambio, ás aulas de Fonseca, onde daquela impartían maxisterio profesores de Economía e Pedagoxía. Así, seguimos parte dos programas de Xosé M. Beiras e López Suevos e do pedagogo Herminio Barreiro. Ando agora a ler as memorias deste último, cun título en verdade espléndido, Recordar doe (Xerais): vaia en agradecemento por aquelas clases gratuítas.
Como era de agardar, hai moito de historia da pedagoxía neste volume: de Rousseau a Montessori, pasando por Makárenko, Luzuriaga ou Carlos Lerena, entre outros. Pero son citas ben inseridas no propio discurso do seu elan vital, dende a primeira escola (1940) ata a ruptura universitaria (1965). Pero hai moito máis: evocacións de amigos e familiares, sentimento da Terra, notas de cine e libros, etc.
A pedagoxía é só o fío condutor. Velaí tamén a reafirmación da propia identidade de esquerda, dende a China de Mao ata a Cuba castrista. Sen dúbidas. Lembroume neste plano ó poeta Antón Tovar, pero este viviu desconcertado coa crise da URSS os seus últimos anos.

5 jul 2008

Seica malos resultados nas linguas (galego, castelán, inglés) en selectividade

Os docentes achacan as baixas notas nas linguas á cultura audiovisual
Aseguran que os alumnos de secundaria len pouco e xa usan a linguaxe das mensaxes de móbil nos exames

19 jun 2008

Herminio Barreiro/ Don Armindo

Don Armindo Iglesias vaise facer famoso coas súas babecadas. Machista, misóxino, antigalego... un pobre home, creo, un homiño. Suscribo totalmente o artigo de hoxe de Fernán Vello.
Se esa é a cruz (e sendo crego, nunca mellor dito), a cara é Herminio Barreiro, que saca parte das súas memorias en Xerais: "Recordar doe". A Revista das Letras de Galicia Hoxe ofrece un gorentoso adianto (en PDF).

6 jun 2008


Alumnos e alumnas
Andoliña venres 6 xuño (Imaxe: J. Opie)

No estudo que xa citei onte neste recuncho fálase tamén das aptitudes dos rapaces e rapazas no seu rendemento escolar: as mozas, cando menos en Primaria e ESO, obteñen mellores puntuación que os nenos, agás nas materias de Matemáticas e Física. Tamén melloran as rapazas, en varios cursos, en Lingua Castelá, por diante dos seus compañeiros (creo que o estudo non ten datos de Lingua Galega).
Esta é unha realidade que non será estraña a moitos profesores: por suposto, hai alumnos mozos de magnífico currículum, pero tamén moitos cursos onde son elas a que levan a dianteira. Véxanse os premios de Bacharelato dos últimos anos. Ou a xa decisiva feminización de moitas carreiras, incluídas as que esixen mellores notas para ingresar. Esoutro día dei unha charla nun colexio ourensán e o seu director confirmaba esta tese: "O mundo futuro é delas. Non hai volta".
Que pasa cos mozos? Menos motivación, outras distraccións, menos capacidade de concentración nos estudos, etc. Se a iso sumamos o esterotipo dos adolescentes masculinos nas películas americanas e nas series de TV, imos apañados: parvalláns, infantís, obsesos co sexo, a comer hamburguesas. Algo terán que facer para espabilar, digo eu...

5 jun 2008

O ENSINO E A DEMOCRACIA
Andoliña xoves 5 xuño

Publicáronse nestes días os resultados dun estudo da Universidade compostelá sobre competencias de estudantes de Primaria e ESO. Varios xornais destacaron en titulares unha realidade que xa era coñecida: a cultura dos pais e o seu estatus económico e educativo son determinantes no rendemento escolar dos alumnos. E isto é así, dicía Luís Sobrado, director do estudo, tanto nos centros públicos como privados, aínda que haxa que supoñer unha mellor posición económica nas familias dos alumnos que acceden ó ensino privado. Outro dato a subliñar dese traballo é a constancia dos mellores resultados das nenas en Lingua, mentres os nenos destacan en Física e Matemáticas.
Unha escola igualitaria é unha das máis grandes conquistas do mundo moderno. E convén lembralo cando dentro duns días milleiros de alumnos se enfronten ás probas de selectividade. O ensino público non só é unha peza fundamental da democracia, en canto axente valioso para a construción de cidadáns libres, senón que tamén axuda a construír a igualdade de oportunidades necesaria nun réxime de liberdades: porque, que temos as persoas, á marxe da educación, como apoio para un futuro mellor sen privilexios nin favoritismos?

11 may 2008

en poleiro alleo

* A educación física e o moucho bus, Afonso Vázquez-Monxardín (LR. 10.5.08)

* De ´mafioso´ a futuro presidente da Xunta. Tras criticar a Quintana polas galescolas, alcaldes do PP piden perdón e ensálzano (Faro Vigo 11.5.08).

29 abr 2008


No momento exacto, a imaxe perfecta (vía Afonso)
Unha imaxe da presentación da folga estudantil contra as taxas (do fotolog de Ceivinho). Está tomada na galería Sargadelos de Pontevedra e fai un xogo espectacular entre a estrela da camiseta e a icona barroca e dourada do fondo: no mesmo fotolog alguén escribe que poderían ser alumnos de Acción Católica e non dos CAE, que son os que convocaban.
(Se o presentasen nos locais da CIG de Ourense, sairía unha foto enorme de Lenin detrás e creo que tamén teñen outra do Che Guevara). Cuestións de estética.

22 abr 2008


Albino Núñez.
Pan por Pan martes 22 abril

Presentouse onte no Simeón, cunha acollida entusiasta de público, o segundo volume que recolle textos do profesor Albino Núñez: hai uns meses publicáronse os seus poemas, agora os seus descendentes recolleron os seus “Ensaios e artigos, 1956-1973”, ámbolos dous libros prologados por Alonso Montero. Nestas entregas dos xornais, en “La Noche”, “La Región” ou na prensa de América, hai moitas cousas de interese, pero hai que ler con atención, entre liñas, por riba do que permitía dicir a censura ou a autocensura.
Albino Núñez fala da Historia de Galicia, da súa xeografía, da pedagoxía renovadora, da lingua e da literatura galegas. Tivo especial querenza coa defensa das nosas toponimias, campaña que compartiu con “Ben-Cho-Shey” na prensa. E tampouco lle gustaba o castrapo: que diría don Albino dos que se empeñan en "castrapear" o nome da Festa do Polbo do Carballiño?

18 abr 2008


en poleiro alleo (18 abril)

Firmes! , de X.L. Méndez Ferrín (Faro Vigo 18 abril)

O acoso escolar é unha realidade, pero tende a magnificarse (Xesús R. Jarés en FV)

10 abr 2008

Eu xa asinei... (Filosofía, E. Física e Historia ou Relixión?)

A Consellería de educación pretende introducir unha hora de relixión en 1º de Bac. (eliminando unha das dúas horas de Educación Física) e outra en 2º de Bac. (eliminando unha hora de Historia e outra de Filosofía). Desde a Asociación Sine Nomine fixemos o seguinte comunicado e, se estás de acordo, podes asinalo para facerlle chegar a nosa prtesta á Consellería de Educación.Para leer o Manifesto e asinar en rede, abre o seguinte enlace:http://nexosfilosofia.org/sine/index.htm.

31 mar 2008


GLOSA A UN ARTIGO
Imaxe de Grandville.

Carlos Marzal (Valencia, 1961) é un relevante escritor da poesía da experiencia nas letras españolas. Autor de libros como “Los países nocturnos” (1996), “Metales pesados” (2001), “Fuera de mí” (2004) ou da novela “Los reinos de la casualidad” (2005), recibiu os premios de poesía Antonio Machado, Fundación Loewe, Nacional de Poesía e da Crítica. Pero non falarei agora da súa excelsa obra poética, senón dun seu artigo sobre a educación, titulado “Atajos” e publicado o pasado mércores no xornal “El Mundo”. Empeza definindo cal é a función dun mestre. En poucas palabras ofrece unha interpretación ben axeitada, ó meu ver: “Un maestro, en cualquier ámbito por el que nos preguntemos, es, sobre todo, un depositario de lo mejor. Lo que convierte a los maestros en verdaderamente útiles radica en el hecho de que representan -deben representar- una síntesis de la sabiduría que se ha alcanzado en la disciplina que conocen. Su obligación es orientar, dirigir, aconsejar, para evitarnos perder el tiempo, para evitar que nos perdamos en el tiempo, para que no nos extraviemos en el bosque de la información, para que sepamos distinguir los árboles tutelares en ese bosque. Un maestro es quien nos ayuda a distinguir entre los datos y el saber, entre lo adjetivo y lo sustantivo, entre lo ornamental y lo fundacional. Un maestro es un atajo.”
A liña recta. E a primeira obriga dun verdadeiro mestre, engade logo, é ensinarnos que os atallos non existen. Que o único atallo auténtico é a liña recta, “el que no se entretiene en las vueltas y revueltas del camino. El que sabe jerarquizar, conceder importancia a las cosas, rebajar el valor de los asuntos que no merecen tener valor”. O auténtico mestre non é só, pois, o que sabe salvagardar a memoria da excelencia do pasado, senón o que ten capacidade para discernir, cun certo aquel visionario, “qué formará parte inmediata de lo mejor, de entre todo aquello que se está haciendo en el presente”.
Saber buscar. Un mestre é tamén o que sabe buscar, o que sabe onde se gardan as ferramentas útiles para chegar ó coñecemento. O que sabe o que é necesario e o que é superfluo. E hoxe o mundo do ensino é tamén territorio apropiado para a demagoxia: algúns pensan que todo se arranxa con poñer ós alumnos diante dun ordenador con conexión a Internet. E remato cunha última cita de Carlos Marzal, que desmitifica e pon no seu lugar a mitoloxía das novas tecnoloxías: “La selva de internet y sus infinitas derivaciones significan un artilugio de extremo provecho, pero también el lugar indicado para perderse. Para perderse en tonterías. Para perderse en simples datos. Para perderse en la frivolidad de la información que sólo es eso: información. Información sin jerarquizar, sin cribar, sin cernir. Para perderse en el falso atajo, el que no existe. Para confundir la facilidad con la línea recta, con el camino idóneo. Internet, en ese sentido, es todo lo contrario de lo que representa un maestro. Todo lo contrario de un buen libro, que es el producto acrisolado del magisterio real. Ellos son, por el camino más largo, el atajo verdadero.”