Mostrando entradas con la etiqueta Artes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Artes. Mostrar todas las entradas

21 feb 2009


Cabalos azuis

ANDOLIÑA 21-2-09


Hai agora cen anos, Franz Marc, un pintor de Múnic que viviu poucos anos, pintaba unha vaca de cor amarela. Formado no impresionismo, asimilou elementos do expresionismo e do fauvismo para chegar a un estilo propio. Eran os tempos das vangardas e Vicente Risco comentaba o movemento futurista, que agora celebra o seu centenario, dende as páxinas do xornal ourensán El Miño.
Obsesionado polas colores e polo movemento, Franz Marc pintou logo vacas amarelas, vermellas e verdes, e cabalos azuis e vermellos, e corzos e cans e gatos multicolores. Non era só un xogo: detrás estaba o rico debate intelectual de Der Blaue Reiter (O Xinete Azul), con figuras da talla de Kandinsky, que revolucionaron as bases teóricas das artes no tempo das vangadas-
Franz Marc prefería pintar animais antes que persoas, quería descifrar a parte interior e espiritual da Natureza. Nas súas palabras, tentaba sentir o tremor e o bulir do sangue na natureza, nas árbores, nos animais, no aire. Creo que o logrou, como Chagall : aínda hoxe nos sorprende a tenrura e a forza expresiva das súas vacas e cabalos. De certo, a realidade é algo moi complexo, non menos que a arte.

15 ene 2009


Xoias do Prado.
PAN POR PAN xoves 15 xaneiro 2009

Lembro que para preparar os exames de Arte en Compostela os alumnos tiñamos daquela que formar equipos de peso para carrexar os voluminosos tomos do “Summa Artis” ata a fotocopiadora. Ou copiar en bocexos improvisados as filminas que pasaba o profesor. Lembro isto ó coñecer o proxecto argallado entre Google e o Museo do Prado para expoñer dende Internet, en altísima resolución 14 pezas imprescindibles da gran pinacoteca española: entre eles obras de Van der Weyden, o Bosco, Velázquez, Goya ou o Greco. Grazas a este prodixio tecnolóxico podemos achegarnos a esas pezas cunha precisión que nin sequera puideron soñar os propios autores das mesmas. Mesmo descubrir os defectos artísticos, se os houbese, aínda que esta expresión é pouco axeitada para falar dos grandes xenios das artes. Benvida sexa esta revolución tecnolóxica que liberará ós alumnos de hoxe de cargar co “Summa Artis”.

29 sept 2008


Os Beatles, alto segredo
O Goberno británico seguiu durante anos os pasos da banda de Liverpool

Informes desclasificados tachan a Lennon de obsceno e drogadicto

ANDOLIÑA martes 30 setembro.
OS BEATLES VIXIADOS.
Perto de Londres, nos arquivos de Kew Gardens, consérvanse unha chea de informes reservados sobre a actividade dos Beatles entre 1964 e 1972. Acollen dende documentación diplomática sobre as súas xiras ata esculcas da Policía ou de funcionarios de Facenda. Con temas do máis diverso: dende unha moza fan que lle cortou con tesoiras unhas guedellas do pelo a Ringo ata denuncias do consumo de drogas e unhas litografías eróticas (pornográficas, se o prefiren) de John Lennon e Yoko Ono, requisadas en 1970.
Un investigador, Mario J. Cereghino, recuperou esta material e descubriu que os guedelludos da banda de Liverpool foron vixiados polo goberno británico durante anos. Estas novas xa non me sorprenden: hai anos sóubose tamén que a CIA pagou campañas a favor da arte abstracta. Pero si imaxino a cara dalgún funcionario gris que durante anos gozou en solitario posuíndo a chave secreta destes chismes duns mozos dos que quizais detestaba a súa música e estilo.
Velaí o soño do Gran Irmán. Está acochado, supoño, en todos os seres humanos, pero con máis xeito en certas profesións. Pero, cando fai falla, iso non quere dicir que a policía sexa eficaz. Nin moito menos.

20 jun 2008


Velázquez (3).
Pan por Pan venres 20 xuño

Os retratos de ananos do artista sevillano son todos apaixonantes, pero un deles sempre me pareceu moi especial, cheo de misterios. Falo do chamado neno de Vallecas que non é tal: de certo é o retrato de Francisco Lezcano, o Vizcaíno, porque era de aló. Pintado cara 1634, foi bufón do príncipe Baltasar Carlos. Velázquez retrátao coa faciana inchada, vestido de verde, dentro dunha cova e barallando unhas cartas. Pero o noso ollo o que rexistra é o aceno desgarrado da boca entreaberta: bocexa un sorriso, como din algúns estudosos? Ou é unha expresión de dor? Ou a felicidade do infortunio e a non conciencia? O catálogo do Prado cualifica o personaxe como vítima de cretinismo con oligofrenia. A doutora mexicana Marcela Vela sostén que ese retraso mental viña causado por un hipotiroidismo conxénito. O seu rostro, en calquera caso, queda impregnado na nosa memoria.

19 jun 2008




Velázquez (2).
pan por pan xoves 19 xuño
Imaxes: a infanta Margarita María, por Picasso, e o Inocencio X, de Bacon.

Os xenios son os escritores, músicos, artistas, científicos, que saben ler a realidade do seu tempo e logo reinterpretala e transformala. Velázquez bebeu nos clásicos do seu tempo: Miguel Ángel, Tiziano, Rubens. Pero non se quedou aí, foi máis alá. E en Velázquez beberían logo centos de pintores, algúns mesmo “copiando” as súas pezas para crear nova obras. Dalí encheu de ovos fritidos a súa versión do anano Marro do sevillano. No ano 1957 Picasso pintou obsesivamente a súa serie de “Las Meninas”, cun tratamento grotesco, metamorfose dos personaxes orixinais: estas son as “miñas” Meninas, dixo Picasso, que lle dedicou 58 óleos. Bacon atreveuse co retrato de Inocencio X, que lle fixera exclamar en 1650 ó retratado que era “¡Demasiado real!” . As dúas obras mestras, a de Bacon quizais máis tráxica, desgarradora: retrato da angustia do home do noso tempo.

18 jun 2008


Velázquez.
Imaxe: o bufón "O anano de Morra"

Jonathan Brown, catedrático da Universidade de Nova York, é un dos hispanistas máis prestixiosos. Leva 50 anos a estudar a vida e obra de Velázquez e acaba de publicar outro volume sobre o xenial artista sevillano. Home intelixente, Brown recoñece que aínda non chegou ó fondo de moitas obras de Velázquez, malia ser o máximo especialista nese autor. O pintor foi revolucionario na pintura: nos seus conceptos, formas, estilos. Pero conservador na súa ideoloxía, con desexos de ennobrecerse e de asentar unha certa fortuna. Pero, se un observa os seus motivos populares, verá que están tratados coa mesma solemnidade que os retratos dos monarcas e a súa familia. Velaí a vella a fritir ovos, o Baco rodeado dos borrachos, as fiandeiras ou os ferreiros que reciben a Vulcano na fragua. Mesmo os seus ananos e bufóns están cheos de nobreza, sobriedade e autenticidade: as marcas do xenio.

25 feb 2008




Capas dos libros
Do blog portugués Abrupto (está na columna da dereita), que me recomendou un amigo hai meses, escollo estas dúas capas ben fermosas de novelas de aventuras e de xénero (ímosllas dedicar a Medela e XDC, que teñen falado deste mundo cultural). Por certo, "Crime e castigo", que título tan bonitiño para unha colección!
Hai marabillas tamén nas letras galegas, por suposto. Pero, que eu saiba, non se fixo aínda un estudo sistemático e rigoroso da ilustración nos libros galegos. Que eu saiba, insisto: sei que nalgunha Facultade si se fixeron teses doutorais sobre artistas ilustradores, pero tampouco teño noticia de que estean publicadas (Se alguén sabe máis, que nos informe a todos/as).

18 feb 2008


DIÁBOLOS, CILINDROS, CAMPÁS…
La Región 18 febreiro. Imaxe: As Tres Gracias, 1530, de Lucas Cranach O Vello.

Tallas. Como vostedes xa saben, hai uns días o ministerio de Sanidade presentou o primeiro estudo antropométrico da poboación feminina feito en Europa. Disque as tallas habituais da roupa das mulleres non se corresponden en moitos casos coas súas formas naturais e afírmase que o 41 por cento das españolas tiñan problemas ata agora coas tallas da roupa. Os consumidores aplauden a medida e o estudo será enviado agora á industria téxtil para que adapte os deseños á realidade. Oxalá sexa efectivo: iso favorecería a todos, fabricantes e consumidores. O estudo tamén esculcou na relación das mulleres co seu corpo e concluíu que a maioría están bastante satisfeitas, agás un tramo da adolescencia (16 a 19 anos). Preocupante pode ser constatar, á vista doutros problemas ben coñecidos, que o 70 por cento das mozas cunha delgadeza severa están en cambio moi satisfeitas co seu corpo.
Morfotipos.
O citado estudo, realizado con datos de máis de dez mil mulleres de todo o Estado e presentado polo ministro Bernat Soria, tamén establece tres morfotipos dominantes na poboación feminina do noso país: os chamados cilindro (medidas de peito, cinturas e cadeira similares); diábolo (perímetro de peito e cadeiras simétrico e cintura máis estreita) e campá (dimensións de peito e cintura semellantes e as cadeiras máis anchas). Os nomes dos tres modelos molestaron nalgúns sectores: eu, ignorante destas cousas, non sei de onde os sacaron, pero supoño que será unha terminoloxía habitual ó respecto. Tamén dixeron que o modelo cilindro abrangue ó 36 por cento das esculcadas, sendo dominante nas mulleres máis novas; un 39 por cento veríanse retratadas no modelo diábolo, con máis presenza entre os 30 e os 60 anos, e un 25 por cento, no modelo campá, que é o maioritario entre as mulleres de máis de 60 anos.
A beleza na Historia. Eu non sei nada disto, repito, pero creo que ninguén debera sentirse molesto coa nova taxonomía. Porque nada hai máis variable na historia que o propio concepto de beleza e diso falamos hai unhas semanas neste recuncho. As mulleres de Rubens seguro que caían no morfotipo cilindro, incluída a encantadora Helena Fourment, a súa segunda esposa, que tiña 16 anos cando casou co gran pintor barroco e que tantas veces lle serviu como modelo nos seus cadros. O mesmo pasaría con moitas mulleres retratadas por Durero ou por Tiziano. En cambio, serían consideradas anoréxicos algúns corpos esqueléticos que representaban o ideal da beleza para Jan Van Eyck no século XVI. Cando retratan mulleres que representan grandes virtudes (Eva, a prudencia, a xustiza, etc.) autores como Lucas Cranach ou Hans Baldung Grien escollían corpos máis ben redondos, con barriguiñas prominentes e amplas cadeiras, na liña do morfotipo campá. Estes artistas europeos, en cambio, pintaban a Morte (no topos das Tres Idades, por exemplo) cun corpo esplendoroso digno dunha modelo de hoxe na Pasarela Cibeles. En fin, que non se contenta o que non quere.

14 feb 2008



Mundo tolo. Cranach.


A Venus de Cranach (1532) prohibida como recurso publicitario no metro de Londres.

(Ofrecemos tamén a imaxe orixinal completa e unha das imaxes publicitarias de Lisa Charmel das que falo na columniña seguinte: poden amplialas clicando nelas).



Cranach. Pan por pan domingo 17 febreiro.

As fotos son elegantes, moi ben realizadas, man dun magnífico profesional da imaxe. Están colocadas nas esquinas de moitas rúas, nos respectivos soportes publicitarios. E non me estrañaría que nestes días aumenten os accidentes de tráfico no marco urbano: non sería a primeira vez. Refírome a unha campaña publicitaria dunha empresa de lencería que tira dos ollos dos automobilistas que dá xenio. Ó seu carón pouco teñen que facer os rostros electorais de Rajoy, Zapatero e Iago Tabarés: non sei se iso non será competencia desleal cos políticos. En Londres, en cambio, prohibiron poñer no metro uns carteis cun cadro de Lucas Cranach O Vello, porque exhiben un espido feminino. Pobre Cranach, pintor de santos e ata editor de Biblias! E os islamitas queren quitar da Wikipedia a imaxe de Mahoma. Debe haber por aí moita “mirada sucia”, como di un coñecido personaxe da tele.
Manolo Figueiras
Dende hoxe na Galería Visol, de Ourense.

29 ene 2008


Capa. Pan por Pan 29 xaneiro.

Escoito nun informativo que se descobren en México tres mil cincocentas fotos de Robert Capa, un dos máis grandes da fotografía mundial, que contou a nosa guerra civil dende a súa cámara. A realidade é así de caprichosa e arbitraria: especialistas que levan anos a estudar as fotos de Capa terán que reiniciar agora os seus estudos. Aínda andamos a esculcar cousas sobre a Gioconda (confírmase que era Lisa Gherardini, esposa de Francesco do Giocondo, mercador de Florencia) ou a estudar os aparellos científicos e tecnolóxicos que soñou e deseñou Leonardo: algúns ata poden chegar a funcionar. En cambio, a emoción dun poeta medieval ou dun artista renacentista segue tan viva como no momento en que naceu. Por exemplo, nestes versos de Pero Meogo: “Levou-s´a louçana, / levou-s´a velida;/ vai lavar cabelos/ na fontana fría,/ leda dos amores,/ dos amores leda”.

23 ene 2008


en poleiro alleo
(Imaxe da rodaxe de Vértigo, que non vén a conto, pero se xustifica por si mesma)

"Juego sucísimo", de Pedro de Silva (Faro de Vigo 23 xan.). Sobre gafes e cenizos na política.
"Arturo Baltar: barro de sentimentos", de Delfín Caseiro (La Región 23 xan.)

"Permiso de paternidade na Universidade", de Santiago Lago (La Región 23 xan.)

"El "vueling" del congrio", de Xosé M. Ponte (La Nueva España 23 xan). Sobre a lingua das tertulias radiofónicas.

31 dic 2007


A SALA RESERVADA DO PRADO
La Región 31 decembro 2007


A visita do Rei. “La habitación prohibida correspondía a una torre, la del norte-este. Estaba a oscuras. Tanteando, halló una ventana y la abrió. La habitación carecía de muebles, pero de las paredes colgaban cuadros. Cuando sus ojos se habituaron a la luz escasa, pudo ver que en todos ellos había mujeres desnudas, solas o en compañía. Se hallaba ante las mitologías que su abuelo había coleccionado, y que solo podían contemplarse con un permiso especial de la curia toledana, firmado de puño y letra del primado: privilegio de éste que el Gran Inquisidor le discutía, y que, como pleito de los que jamás se resuelven, se hallaba en Roma hacía lustros. Por fortuna, el otro rey, su padre, jamás había penetrado en aquel lugar pues de lo contrario el pleito lo habría zanjado el fuego.
- Los teólogos más sutiles, Majestad, tienen dudas de que su abuelo, el Gran Rey, se haya salvado, sólo por haber gastado en estas porquerías el dinero del pueblo”.
Así se conta, na novela de Torrente Ballester “Crónica del rey pasmado”, a visita do Rei de España á sala reservada onde se gardaban as pinturas eróticas e mitolóxicas ocultas por motivos morais. Torrente imaxina en tal situación a Felipe IV que un día pide tamén ver a súa muller espida co tremendo escándalo que iso desata na Corte. Pero o certo é que Felipe II e os seus sucesores tiveron esa cámara reservada, unha habitación privada, onde eles podían contemplar, en total soidade, tales marabillas. Tiziano escríbelle a Felipe II unha carta en 1554 informándolle de que lle envía á súa “Venus e Adonis” para ese camerino. De Felipe IV consta que se retiraba a ese lugar “despois de comer”. E alí estaban aquelas xoias de Tiziano, Durero, Tintoretto, Veronés ou Annibale Carracci, que se conservan hoxe no Prado: tamén “As tres gracias” e “O xuízo de París”, de Rubens ou “Hipomenes e Atalanta” de Guido Reni. Entre elas, obras cargadas de gran erotismo simbólico baixo pretextos relixiosos: “Susana e os Vellos” de Tintoretto ou “Lot e as súas fillas”, de Francisco Furini.

Carlos III. Que pasaría pola cabeza do Rei, contemplando tanta sensualidade, tal desbordamento de paixóns, tal esplendor dos sentidos? É difícil sabelo pero imaxinamos que aumentaría ese pracer a idea da total soidade, da transgresión da norma nunha sociedade puritana e ultracatólica, na cal o Rei se erguía como paradigma moralizante. Pero os Austrias, por fortuna, preferiron gardar aquelas pinturas. E tamén os Borbóns aínda que en 1762 Carlos III mandou queimar algúns dos cadros de espidos: por sorte o pintor Mengs e o marqués de Esquilache evitaron a queima, ocultando de novo as obras. Na galería da sala reservada chegarían tamén, no seu momento as dúas “Majas” de Goya, vestida e espida, pintadas arredor de 1800. Trinta e oito anos despois a Sala Reservada desaparecía e as pinturas eróticas que a integraban pasaban ás salas das escolas nacionais dos seus autores. Ninguén puido nunca contemplalas coa suprema liberdade e privacidade daqueles monarcas dun Reino tan católico e exemplar.
(Nas imaxes, a “Dánae” de Tiziano, 1553; "Dama que ensina o peito", de Tintoretto, e "Susana e os vellos", do mesmo artista).

30 dic 2007

Imos ter que crer no fado...



só un ano despois ou pouco máis da morte do seu fillo, tamén pintor.

O noso pésame a toda a súa familia, con especial agarimo para os seus irmáns Antonio e Carlos Quesada, tamén dous artistas excepcionais, cada un no seu campo, ademais de amigos.
En homenaxe ó artista vai tamén o cartel que fixo para a Asociación de Amigos da República no 2001, que me pasa XLC.

23 dic 2007




Unha descuberta: Pablo Auladell
O último libro de Agustín Fernández Paz estame dando moi bos momentos. Conmovedores os relatos "Esta estraña lucidez" e "Unha historia de fantasmas". E serviume tamén para descubrir a un gran ilustrador e artista: Pablo Auladell (Alacant, 1972). Os seus debuxos son un luxo para calquera texto. Velaí dúas probas. Poden tamén acudir á súa bitácora: www.pabloauladell.blogspot.com. Eu xa o fixen para felicitalo.

8 dic 2007

























Estatuaria urbana de Ourense (I)

Xulguen vostedes mesmos:
Castelao, de Buciños (foto Pili Prol).
A leiteira, de Ramón Conde (foto Nacho Rego).
A muller coa bola do mundo, na rotonda de Pardo Bazán, dun discípulo de Buciños (?), foto Trebolle.
O Otero Pedrayo, de Buciños, na praza do Correxedor.
Ladislao Reverter e Colemán, Los chicos del rallye (descoñezo o autor..., case mellor así).
O Fauno e a Serea (1995), no Parque Barbaña, as dúas de Acisclo Manzano (da web artebronce.com).

5 dic 2007


Erotismo e historia: Contra la desnudez, de Óscar Tusquets (Anagrama)

Varios xornais (El País, La Vanguardia, etc.) falan hoxe deste novo libro de O. Tusquets. Velaí a reseña en El País (de Agustín Fancelli). Tamén hai un artigo interesante de Román Gubern na contra de El Mundo, na vella columna de Umbral, pero non o encontrei na rede. (Imaxe: Anxélica e o eremita, de Rubens, 1624).

30 sept 2007


Hazañas Bélicas.
Pan por Pan domingo 30 set.
Lembran vostedes “Hazañas Bélicas”? A historieta saíu á rúa dez anos antes de nacer eu, pero era das de maior éxito nos días da miña infancia. En “Los comics del franquismo” Salvador Vázquez de Parga sinala que era un de tantos tebeos fieis á liña oficial do réxime: racismo, belicismo e anticomunismo radical. Os xaponeses eran presentados como “simios amarillos” e “sabandijas color de plátano”: o guionista debía ser un bo colorista. Os malos eran sempre os comunistas rusos e os bos os heroes os americanos, pero á vez tamén se defendía a Alemaña nazi, que estaba entre os amigos de Franco. A guerra aparece idealizada nunha cita como esta: “La guerra es uno de los azotes de la humanidad, pero en ella cristalizan los mejores valores humanos”: Iso si que era Educación para a Cidadanía! Por certo, sobre a guerra dixo babecadas maiores o poeta Marinetti.