10 ene 2008



Fototeca: os premios da Mesa en Ourense (anos 90)

Falamos nesta Solaina de Xosé M. Sarille estes días e recupero estas fotos do arquivo. Principios dos 90. O grupo local da Mesa de Normalización Lingüística (MNL), cando Sarille era o presidente da mesma, organizou uns premios chamados PASPALLÁS e PASPALLÁN, para subliñar accións en positivo en Ourense a favor do galego e accións contra o idioma. Os primeiros e únicos premiados (a cousa non continuou) foron, en positivo, o xuíz Daniel García Ramos, falecido pouco despois, e a Cámara de Comercio de Ourense que iniciara un proceso de galeguización das súas actividades (recolleu este segundo premio Celso Delgado, vinculado á Cámara e hoxe deputado do PP: daquela militaba no PNG de Peña, que non entrara aínda no BNG). O premio negativo foi para un delegado de cultura da Xunta en Ourense que fixera unhas declaracións despectivas contra o noso idioma: unha caricatura deste personaxe, feita polo Carrabouxo (a petición nosa), percorreu todos os despachos do país. Imos esquecernos agora do seu nome, porque o pobre tamén morreu anos despois.
Nas dúas fotos están, na superior, de esquerda a dereita: a dona de Celso Delgado (falecida recentemente); Celso Delgado; Daniel García Ramos; Xosé M. Sarille; M.V. Detrás, Mercedes Carnero, Celsa Perdiz, Adrián Dacunha e Asun Arias. Na inferior, Sarille, eu mesmo e a miña dona (María Xosé Picouto).
Naquel acto estiveron tamén (conservo unha ampla reportaxe fotográfica) amigos como Carlos Guitián, Xosé A. Calviño, Maruxa Guitián e Arturo, Felipe Ferreiro, Xosé A. Quiroga, Afonso Monxardín, Pepe Carballido e Pilar Gato, entre outros.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Vaia, Elisa, concelleira no Carballiño, boa amiga. Canto tempo.
E a Asun! Hoxe vín no Faro que tén unha editorial en Valdeorras. Non o sabía. Canto tempo.

Anónimo dijo...

Equivoquéi o post. :(

Anónimo dijo...

Foi naquela comida da Mesa onde xantamos Lingua galega estufada (de tenreira)?

Marcos Valcárcel López dijo...

Foi, foi nesas: Lingua galega estofada, aínda non había vacas tolas nin nada diso.