28 ene 2008


Quand'eu vejo las ondas
Para Xosé Manuel González

Quand'eu vejo las ondas
e las muyt'altas ribas,
logo mi veen ondas
al cor pola velyda:
maldito seja'l mare,
que mi faz tanto male!

Nunca vejo las ondas
nen as altas debrocas
que mi non venhan ondas
al cor pola fremosa:
maldito seja'l mare,
que mi faz tanto male!

Se eu vejo las ondas
e vejo las costeyras,
logo mi veen ondas
al cor pola ben feyta:
maldito seja'l mare,
que mi faz tanto male!

Cancioneiro da Biblioteca Nacional 903, Cancioneiro da Vaticana 488
Cantiga de amor (mariña) de Roi Fernandiz, clérigo de Compostela
(Na imaxe, A onda, de W. Bouguereau, s. XIX)

17 comentarios:

Anónimo dijo...

Na Bublioteca Virtual Cervantes os versos de Martin Codax. Nas distintas versións facsímiles: Martin Codax. Unha marabilla.

Anónimo dijo...

Ben interesante cantiga de amor, que pola expresión e a retórica suxire arcaísmo. A ver se mañá lle podo meter o dente ao asunto. Obrigado pola dedicatoria.

Arume, no seu enlace encontro outro á Bancroft Library. Obrigado igualmente.

Anónimo dijo...

A ver se lembran esta. Non a atopéi en youtube, cantada. Aposto a que o XMGlz aprendeuna de neno.

LA SIRENA
Cuando mi barco navega
por las orillas del mar
pongo atención por si escucho
a una sirena cantar.
Corre, vuela, surca las olas del mar
quien pudiera, a una siera encontrar.
Dicen que murió de amores
quien su canción escuchó
yo doy gustoso la vida
siempre que sea de amor.
Corre, vuela, surca las olas del mar
quién pudiera, a una sirena encontrar.
Salí de día del puerto
con mi barco a navegar
tuve la suerte a la noche
de una sirena encontrar.
Corre, vuela, surca las olas del mar
quién pudiera, a una sirena encontrar.
Triste es la noche sin luna
triste es el día sin sol
pero más triste sería
vivir lejos de tu amor.
Corre, vuela, surca las olas del mar
quién pudiera, a una sirena encontrar.

Anónimo dijo...

A cantiga é notoriamente de amor, por ter voz masculina; pero iso -a voz- é o único que a separa das cantigas de amigo aparentemente de matriz máis popular e tradicional.

A de amor pasa por ser unha imitación consciente da cançó occitana: así, a miúdo suxire ambiente cortesán e non infrecuentemente a expresión dos conceptos e supostos sentimentos reviste unha complexidade propia de idade, se moza, non adolescente; tamén coñecemento do xogo cortés, sen excluír o uso de occitanismos léxicos.

A expresión, nesta cantiga, segue esquemas simples, no aire e modo das mociñas populares que levan a voz nunha boa parte das de amigo; o paralelismo é ben notorio, coma o refrán, e se carece de leixaprén tamén é certo que o número de cobras (estrofas) é impar. O tópico expreso polos epítetos velida e fremosa (= doncela) está presente noutras composicións lingüisticamente ben arcaicas (tal a das avelaneiras, de Joan Zorro); a resonancia popular (aínda no noso propio século) da expresión ben feita; o mesmo refrán (con ese -e paragóxico non demasiado frecuente -penso- no corpus trobadoresco) soa a letriña tomada directamente de boca popular, posiblemente múltiple.

Pode evocar outras cantigas de temática mariñeira. Pode parecer, mesmo, unha mariña (de amigo) onde muda o xénero do protagonista; e o lamento de ausencia se asimila ao trazo semántico -a coita- máis relevante da galega cantiga de amor.

Unha fermosura, sexa como for.

Anónimo dijo...

Coda: engádase o arcaísmo do artigo las, presente no refrán, que reforza a suxestión e hipótese de ser este letra popular, e de longa tradición.

Cruzamento de tópicos xenéricos. Ou había tamén de vello, entre nós, cantiga tradicional amorosa de voz masculina?

Anónimo dijo...

E isa diferencia de amor e de amigo, en función da voz de quen fala, non lles resulta pouco acaída?
Que Rodrigues Lapa e o Tavani me perdoen.

Anónimo dijo...

Tén razón, Arume d.p. De ser sinceiro a asunto terían que chamarse de sexo e amor, respectivamente.

Anónimo dijo...

Neste caso, non lles hai remedio: a mesma Arte de Trovar incluída no Cancioneiro da Biblioteca Nacional, marca a tipoloxía; ou sexa, que os propios trobadores e o seu mundo observaban tales denominacións e correspondencia.

Na lírica trobadoresca occitana, todas as composicións de temática amorosa eran cançons, sen distinguir sexo de autores nin xénero de voz. É certo que case todos os coñecidos son varóns, pero hai varias trobairitz, entre elas a Comtessa de Dia; suponse que expresan experiencias e sentimentos propios.

Na lírica galega, pola contra, non se coñece o nome de ningunha muller compositora: así, as cantigas de amigo (voz feminina) responderían a unha ficción, xa que a autoría é ou pasa por ser masculina. Non sei se de tal correspondencia (u falta dela) virá a diferenciación de tipos; tamén pode que cantiga de amigo fose denominación xa popular, para un xénero tradicional de temática amorosa e voz de muller.

Canto ao outro, da Coba. Non escoitou nunca, de xente que agora será maior, a expresión "ten un amigo", "ten unha amiga", sen que a alusión sexa precisa, exactamente de amizade?

E a expresión "fala con..."? Vexa esta cantiga de amigo (variante de romaría), aínda que o verbo non teña exactamente ese valor intencionado:

Fui eu, madr', en romaria a Faro con meu amigo
e venho d' el namorada por quanto falou comigo,
ca mi jurou que morria
por mi; tal ben mi queria!

Leda venho da ermida e d' esta vez leda serei,
ca falei con meu amigo, que sempre muito desejei,
ca mi jurou que morria
por mi; tal ben mi queria!

D' u m' eu vi con meu amigo vin leda, se Deus mi perdon,
ca nunca lhi cuid' a mentir por quanto m' ele diss' enton,
ca mi jurou que morria
por mi; tal ben mi queria!
(Joan de Requeixo)

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Pode ser, pero o argumento de que xa estaban na época tampouco vale, por moi escandalosa que poda parecer a miña ousadía.
Tamén agora, cando un vai ao cine a ver unha película que se desenvolve no Oeste americano, di que é de vaqueiros (western, para os máis así), pero poden ser As aventuras de Jeremiah Johnson, Brokeback Mountains ou A dilixencia. E abofé que lle son ben diferentes.

Marcos Valcárcel López dijo...

Interesante tamén o que apunta XMG:
"Na lírica galega, pola contra, non se coñece o nome de ningunha muller compositora: así, as cantigas de amigo (voz feminina) responderían a unha ficción, xa que a autoría é ou pasa por ser masculina. Non sei se de tal correspondencia (u falta dela) virá a diferenciación de tipos; tamén pode que cantiga de amigo fose denominación xa popular, para un xénero tradicional de temática amorosa e voz de muller."
Hai uns anos, cando o Día das Letras Galegas, algunhas especialistas femininas empezaron a discutir isto: a posibilidade de que algunhas cantigas fosen de autoría feminina.
Non sei en qué quedou o debate, quizais vostedes estean máis enterados...
A min, ó respecto, a expresión que máis me gustou conceptualmente sobre os homes que escriben no lugar das mulleres é unha que encontrei nun estudo histórico de GEORGES DUBY: creo que falaba de "travestismo lírico" ou "sentimental" ou algo así (escribo de memoria).

Anónimo dijo...

Para o exemplo que vde. pon, Arume, igualmente se podería aducir que o western é un xénero cinematográfico aberto; aínda que poucs películas se fagan arestora que aí sexan incluíbles, a última que menciona é ben recente, e se cadra é mellor establecer varios ficheiros para clasificar tanta materia, ou mananciais para tanta auga.

Pola contra, a lírica trobadoresca galega quedou clausurada coa escola galego-castelá, a non ser que queiramos considerar a posterior poesía de cancioneiro coma epigonal; en cuxo caso, así e todo, Manrique poñería o ramo no século XV. As reelaboracións contemporáneas (tal o neotrobadorismo de Cunqueiro, Bouza-Brey, Álvarez Blázquez) xa, obviamente, non se abordan nin catalogan con base nos vellos criterios.

Anónimo dijo...

Canto á escola medieval strictu sensu, a min a vella taxonomía paréceme ben útil. Non estaría en contra de que o novo tempo procurase unha nova abordaxe, consonte os seus criterios e coñecemento; sempre que se conservase memoria da orixinal, á que se podería volver en todo caso. Pero, xa digo, a vella estrutura trimembre, con algún engadido menor e discutible, entendo que é adecuada.

É ben certo que se producen cruzamentos canto a tópico temático e trazo formal. Non sei se vde., Arume, alude a algo disto coa obxección.

Anónimo dijo...

Eu teño a idea -así a transmito na docencia- de que puido haber trobadoras (trobadoresas, trobatrices?) e xograresas que escribisen poesía na escola galega; pero coidado coa simple obxección por militancia de xénero: animosa será, rendible politicamente tamén, rigorosa xa depende.

Si as houbo, quedou dito, no ámbito occitano. Pero era unha sociedade diferente, madia leva, ben diferente.

Se houbo aquí mulleres poetisas, a falta de transmisión puido responder a criterios selectivos específicos; do tipo doutros, de clase por exemplo, que a crítica moderna detecta e indica.

Anónimo dijo...

Sonlle voltas que eu lle dou a este temas desde sempre, por insatisfacción metodolóxica máis que nada. E por pura estratexia tamén investigadora. A mín sérvenme para ver as cousas doutro xeito. Despois podo voltar ao rego e ver se vale ou hai que cambialo. A mín estas reflexións, case epistemolóxicas, se me permite o palabro, resúltanme moi fértis.

Anónimo dijo...

Unha pregunta ignorante, túzara e mal intencionada.

Nas cantigas de amigo seica o autor é un home que fala por boca dunha muller que suspira polo seu amado. Non?

Daquela, non podería haber trobeiros ou xograres que, en realidade, fosen devotos do vicio nefando e que aproveitasen as convencións estilísticas para expoñer o seu amor ao seu querido sen que lles pasase nada?

Espero as respostas dos especialistas, se acaso as houbese.

Anónimo dijo...

Terán que ser especialistas en sexoloxía da época, pero os de literatura non lle van servir.

Estudiarán os expertos no cine de Bergman se os espectadores acudían ás súas películas (perdón: filmes) polo rollito intelectual, polo frío que facía nas rúas de Estocolmo, pola escuridade para o magreo ou por durmiren quentes durante unha hora?

Anónimo dijo...

Apicultor, permítame dicirlle que isto é a caraba.

Hoxe á mañá, nun grupo de 3º da ESO, tocou repaso das cantigas de amigo. E dixen eu, mutatis mutandis: "Considérase que nas cantigas de amigo hai unha ficción poética. Xa que os autores serían homes e a voz poética de muller, supoño que sempre ou case sempre". Vde. ben me entenderá, igual ca entendeu algunha delas, xulgando polo sorriso.

Veume outra vez o choio á cabeza cando poñía as mensaxes anteriores. Ou sexa, a caraba.