18 ene 2008

Unha mensaxe para Mariano (M. Rivas, EP 18 xaneiro)
O artigo completo
(e, dende aquí, vaia o meu saúdo cordial para os que moven os pulos da asociación Xarmenta no Bierzo, que me consta que tamén se achegan por esta solaina. Co meu aplauso para o seu labor).

As linguas non restan, Mariano. As linguas suman. As linguas non pesan. Non son un lastre para quen as leva. Pola contra, son elas as que levan o peso da historia enriba da cabeza. Móvense por unha sorte de enerxía interior, alternativa. O xeito en que traballan as verbas, a maneira de elas viviren, é moi semellante á relación que ten a avelaíña coa lámpada na noite. Porén, malia non ter peso, as linguas pertencen á natureza. Mesmo son o enxerto máis logrado e actúan coma o pole para a semente. Verbo desa fecundación, quixera lembrar que na lingua galega os seres máis nomeados son dous cativos coleópteros. O vagalume (de nome científico, lampyris nocticula) é chamado de máis de cen maneiras diferentes e algo semellante ocorre coa xoaniña (coccinella septempunctata). O vagalume emite luz. A xoaniña, coa súa forma esférica e sete puntiños mouros sobre o vermello dos élitros, trae a boa sorte se se pousa na man. O vagalume e a xoaniña escasean agora por mor dos herbicidas.
Unha lingua é comparábel a un senlleiro ecosistema. Se sentimos noxenta a queima dun bosque amazónico ou a seca dun río, ou a perda dunha obra artística e monumental, cómo ser insensíbel ante a vida das linguas!
Non hai fotografías das linguas feridas, das verbas fanadas, mais cada unha desas perdas deixa un cráter na boca da humanidade, unha chaga na gorxa da historia. Se tiveramos esas imaxes, serían estarrecedoras. Porque as linguas non son abstraccións nin simples artificios gramáticos. Teñen corpo e alma, que non van esgazados o un da outra.
A vida das linguas é unha metáfora das nosas vidas.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Como se agraden apoios como este de Manuel Rivas, por parte dos que somos galegofalantes e bercianos.

Sentín moito non poder estar no Bergidum, a gripe, da que comez a sair retívome entre imaxes febrís. Non como estas cos que os agasallo, ainda que algo de automatismo teñen coa freve, escoiten sobre todo a música, os que comoa min padeceron ou padecen este andazo.

saindo da gripe