23 feb 2009
XOSÉ M. BEIRAS, Galicia Hoxe 22-2-09
"Glotófagos", escribín, non "lotófagos". Así que non se non trata do famoso episodio dos "comedores de lotos" na Odisea. Inda que mellor sería, se cadra. Os "lotófagos" eran inofensivos e hospitalarios habitantes nativos das costas das actuais Tripolitania e Túnez suroriental. Alí situou Victor Bérard, hai cousa de cen anos xa, o episodio narrado por Ulises no Canto IX da Odisea. Na illa de Djerba, conforme a Estrabón. Relembrareivolo, queredes?: "Enviei tres dos meus homes a exploraren aqueles lugares. Mais, logo de pórense en camiño, toparon ben axiña cos Lotófagos que, lonxe de pretenderen matalos, déronlles a comer lotos. Ora, des que calquera deles probaba eses froitos, doces coma o mel, xa non quería volver nin traguernos novas; todos querían ficar ali, saciárense deses froitos, e adiaren para sempre a data do seu retorno". O Ulises conta que tivo que os embarcar á forza, e facérense ao mar todos a escape. "Temía -di- que os outros compañeiros, comían dese dátiles, esquecemse a data do retorno tamén eles". Os gregos da época clásica chamábanlle "loto", amais de aos nenúfares de Exipto, a un froito que se daba nas terras costeiras de Libia, que segundo Herodoto "tiña o sabor doce do figo e do dátil" -ou támara- e a lenda aseguraba que facía perder a memoria. Na Odisea xógase coas palabras "loto" e "leté", que significa esquecemento (...)
O artigo completo
Na edición en papel, o artigo saiu coa caricatura que me fixo O Carrabouxo e esta dedicatoria de Beiras (moitas grazas):
Para Marcos Valcárcel,
entrañábel compañeiro,
perseverante loitador na
defensa da nosa cultura
e do noso idioma.
19 feb 2009
To!Bieito Iglesias, El Correo Gallego 19-2-09
Imaxe: Vacas amarela, vermella e verde, de Franz Marc - 1912 -
Que as universidades se ocupen da onomástica do gando vacún en lugar de investigar -por exemplo- as causas da crise económica dá que pensar. Quizais na era do baleiro que nos tocou vivir, os outrora templos do saber estean abocados a entreter as masas con chilindradas, en dura competencia coa televisión.Desde logo o telexornal da TVG fíxose eco de certa pescuda da universidade de Newcastle que constatou empíricamente como as vacas con nome propio baixan o leite mellor que aqueloutras non baptizadas. Os experimentos realizados durante miles de anos polos camponios galegos xa tiñan chegado a conclusións moito máis precisas. Como se sabe, nas cortes das nosas aldeas de antes, o gando bovino tiña nome mentres que porcos e ovellas, burros e eguas ficaban no anonimato da denominación xenérica; do mesmo xeito que se nomeaban os cans (Merola, Petís, Café, etc) e non se distinguía con ese privilexio a outros animais domésticos tales como gatos ou galiñas. As vaquiñas galegas todas tiñan a súa graza, así fosen rubias, marelas ou de raza limiá, caldelá e vienesa (tres castes que os cursidosos peritos agropecuarios inclúen entre as "morenas del norte"). Chamábanse Vermella, Pinta, Cabana, Marquesa, Linda, Barrosa?con nomes puramente descritivos da cor da súa capa ou encomiásticos. Agora ben, por máis que quixeses lisonxear a vaca chamándolle, coma tal, Bonita, ás veces ofrecía un ubre inchado e outras veces o leite púñaselle nas cornas en lugar de nos tetos. Querse decir que, baptizadas ou non, había vacas de leite (frisona holandesa), animais de carreto (as razas barrosas) e rubias galegas, boas para a carne, esclavas da canga ou da molida de mellor dente que as suízas ou holandesas. Que a TVG non saiba nada disto e se guíe por nonadas pseudocientíficas de Newcastle demostra que o mundo actual despreza a cultura labrega, un patrimonio milenario vivo aquí na Galiza ata antonte. Só se me ocorre exclamar "to!", voz usada no agro para tornar ou deter o gando.
12 feb 2009
BIEITO IGLESIAS, ECG. 12-2-09
Ao acollido das refoladas de vento e dos aires cativos que sopraron o domingo a favor e en contra da manifestación polo apartheid lingüístico, tiven ocasión de mougar unha androlla achegada por Montse Aira, amiga que trouxo o embutido desde as terras do Cebreiro, do lugar de Rabaceira por máis sinal. Por parte dos ósos embuchados no pedro, tamén se comeron chourizos de carne (nada de chourizos de chofre), repolo e cachelos. Unha comerota ideal para combater este inverno caroal que amorica nos altos trousos de neve. Se aquí se implantase o sistema idiomático escolar do País Vasco, tal como defenden "Galicia Bilingüe" e o Partido Popular, cunhas aulas en galego e outras -separadas- en castelán, dacordo coa lingua materna, moitos rapaces non terían onde aprender palabras como "pedro", "chofre", "trouso", "caroal" ou "refolada", esta columna sería ilexible para eles e un servidor daría en comunicarse, vía médium e en sesións espiritistas, cos devanceiros que descansan onda o galo cataventos do campanario.
Non é que rabee por palicar con Gloria Lago, Rosa Díez ou Ana Pastor, preferiría practicar o reintegracionismo no Río de Xaneiro e faltaríame tempo para fuxir cara alá se tivese conta nas illas Caimán, como ese ex candidato do PP por Ourense. Vou facer, así e todo, unha precisión sobre a lingua materna e o fracaso escolar, que Díaz atribúe ao ensino en galego. A miña nai falou galego 63 anos e italiano 17 (os que morou na Suíza); conforme ao modelo dos manifestantes dominicais, debería ser instruído nas linguas de Rosalía e do Dante, pero estudei en instituto franquista monolingüe en castelán. Sendo galegofalante, seica estaba condenado a fracasar no bacharelato, porén obtiven o mellor expediente académico da miña quinta. Non llo apoñan ao idioma galego, o fracaso escolar élles cousa de parvos.
3 feb 2009
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO. Galicia Hoxe 3-2-09
Sexamos xustos, non todos os políticos galegos, porque existen notorias excepcións, falan mal o idioma propio de Galiza. Mais é ben certo que unha ampla maioría dos principais representantes das organizacións políticas galegas -velaí as 3 presentes no Parlamento- maltratan, non sen contumacia ou teimosía, cousa que sorprende, a "fala dos avós que temos mortos", como diría Celso Emilio Ferreiro. E, agora que estamos a piques de nos mergullar nunha nova campaña electoral, teremos ocasión de comprobalo. Os candidatos á presidencia da Xunta polos tres partidos con representación parlamentar deixan moito que desexar á hora de mexeren os beizos para dicir unha ou outra cousa. É ben certo que entre eles -velaí Anxo Quintana- hai quen se goberna con máis despexo ou desenleo; mais tamén este, candidato nacionalista, é quen de ferir, aínda que sexa levemente, a pel e o corazón do noso vello e nobre idioma cada dúas por tres. Un fillo dun meu amigo que estuda galego no colexio con máxima atención e proveito, todo cerebro e sensibilidade aplicado á causa, leva un caderno no cal levanta acta dos erros, moitos deles de vulto, nos que incorren nas súas comparecencias televisivas os políticos galegos máis coñecidos. Se un analiza o que alí figura, con data, nomes e apelidos, o menos que pode sentir, ben aos poucos, é unha cadea de roibéns a lle queimar as meixelas. ¿Non existe algunha alma caridosa -algún asesor asisado ou autente- que lle diga algo ao político maltratador da lingua? ¿Custa tanto corrixirmos erros de utilización do galego tan garrafais que fan enrubescer mesmo ao máis pintado? ¿Non ven que son milleiros os cidadáns galegofalantes -e moitos deles estudantes que se interesan polo idioma- que fican pampos diante da chafallada expresiva que adoitan exhibir os políticos? ¿U-la súa responsabilidade aos efectos? O fillo do meu amigo, non máis comece a campaña electoral, vai afiar o lapis vermello e inaugurar un caderniño novo. Ten moito traballo por diante. E logo podemos enrubescer xuntos.
27 ene 2009

Letras galegas
MARCOS VALCÁRCEL
Hai catro ou cinco anos e neste mesmo curruncho subliñaba eu o labor de difusión da causa cultural galega que no seu momento supuxo a revista española Triunfo, da man de Haro Tecglen, pois alí escribiron, entre outros, autores como Blanco Amor, Méndez Ferrín ou Alonso Montero. Este último acaba de publicar en Xerais o volume Letras galegas. Explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia, unha recolleita dos seus artigos de temas galegos nesa publicación e noutras como Canigó ou Cuadernos para el diálogo. Neles dominan temáticas moi queridas por Alonso Montero como a lingua galega, Castelao e Celso Emilio Ferreiro, e tamén a presentación ó público non galego de autores do exilio, non sempre recoñecidos daquela, como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Neira Vilas.
Por desgraza, algúns textos desta escolma adquiren agora unha nova actualidade: velaí a denuncia do "lingüicidio" que facía o profesor no seu popular Informe dramático sobre a lingua galega. Aínda que á altura de 1973 non se podía sospeitar que co tempo habían organizarse grupos hostís coa normalización da nosa lingua, mesmo avalados por figuras políticas como a viguesa Corina Porro.
14 ene 2009

3 ene 2009
M.A. FERNÁN VELLO, Galicia Hoxe 2 de enero de 2009
Felipe de Borbón e Letizia Ortiz, máis coñecidos como Príncipes de Asturias, felicitaron o Nadal cunha tarxeta escrita en castelán e en inglés. Xoán Carlos I e Sofía de Grecia utilizaron exclusivamente o castelán nas súas felicitacións e Elena de Borbón, máis afrancesada, incluíu tamén a lingua de Molière. Finalmente, Cristina de Borbón, duquesa de Palma de Mallorca e residente en Barcelona, utilizou só o castelán na súa postal de felicitación, esquecendo o idioma propio da nacionalidade histórica na que decidiu vivir. A Casa Real española, como se ve, ignora os idiomas oficiais do Estado, e non lles ten sequera ese típico e mínimo aprezo sentimental que se exhibe en datas tan sinaladas. O certo é que está ben fixada en España, resulta máis que obvio, unha forma de exclusividade impositiva do español, tanto no plano simbólico como no real, e os outros idiomas non se consideran, non se recoñecen, non existen. Se no conxunto de España se falan catro idiomas oficiais, sendo un deles o idioma maioritario do Estado, ¿por que se despreza a riqueza, o gran patrimonio histórico, cultural e social que representan os outros tres? Octavio Paz, premio Nobel de Literatura, definiu a poesía medieval galega como unha das xoias da Humanidade. E en galego escribiu o rei de Castela Alfonso X o Sabio. Chama poderosamente a atención a falta de sensibilidade lingüística e a falta de cultura humanística da Casa Real borbónica. Viven noutro mundo e o galego, o catalán e o euskera son, para eles, idiomas irreais.
23 dic 2008

Máis sobre o Ceregumil
X. L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo 22-12-08
A lectura dun artigo espléndido de José Manuel Ponte tiro o proveito de me facer sabedor de que o Ceregumil aínda existe e ten cen anos. Para os que non o saiban: Ceregumil é un xarope reconstituínte que lle administraban aos meniños e que, ao parecer, aínda funciona no mercado farmacéutico.Nos anos vinte a trinta do século pasado había un señor de Pontedeume destinado en Ourense como inspector de escolas chamado Couceiro Freijomil. Como home de letras e investigador erudito foi persoa prolífica. Autor dunha coñecida historia de Pontedeume, a súa erudición literaria faise evidente nun diccionario bibliográfico de escritores galegos, aínda útil a pesar das inexactitudes que contén. Como apéndice da xeografía de Galicia de Carreras Candi, Couceiro Freijomil escribiu El Idioma Gallego. Na parte gramatical, este Idioma plaxia sen dó a Gramática Histórica de García de Diego e, no apartado de literatura, pasan cousas piores. Vitriólico e virulento, Couceiro Freijomil, no seu apartado de historia da literatura galega contemporánea, fala con soberbia e desprezo contra Otero Pedrayo e trata de ridiculizar a Manuel Antonio e a Álvaro Cunqueiro -digamos só isto para amosar o modo como o bon señor foi contribuindo, aínda que en negativo, a construir as nosas preferencias. Como Deus escribe dereito con liñas tortas, Couceiro Freijomil insinounos o camiño real da literatura galega do século XX á beira do cal as estatuas de Otero, Manuel Antonio e Cunqueiro representan tres divinidades olímpicas para moitos. Chufábase Couceiro Freijomil de el ser o mellor recolector de cántigas populares galegas, que foi publicando periodicamente en La Zarpa, o xornal de Don Basilio Álvarez, baixo o epígrafe "Do meu feixe".
A obsesión de Couceiro Freijomil eran os galeguistas. Dedicaba a vida a observalos (mellor, a espialos) e a procurarlles os defectos. Armou unha polémica memorábel contra a bandeira azul e branca de Galicia nos días nos que a levantaba Cabanillas chamando á insurrección. Coma, antes ca el, Leopoldo Pedreira, e logo outros que chegan até os nosos días, Couceiro Freijomil formaba parte da tropa de galegos encabreados decer mal dos galeguistas e dos nacionalistas. Trátase dun xénero, dun tipo humano, dun modelo, que se vén reproducindo desde o século XIX deica hoxe: contra Rosalía, contra Murguía, contra a Academia Galega, contra as normas ou ausencia de normas ortográficas, contra os escritores, contra o Himno, contra todo o que se mova. Hai, mesmo, elementos no mundo universitario ou xornalismo que teñen como emprego principal do seu tempo o de lle buscar os defectos aos galeguistas e aos nacionalistas. Incluso hai prestixiosos xornais hoxe cuxa liña editorial preferente consiste nunha teimosa cruzada anti-nacionalista. Lendo a Couceiro Freijomil e a outros contemporáneos mesmo semella que nós os nacionalistas sexamos moi importantes e poderosos. Por veces a envexa termina por beneficiar un mundo ao envexado.Dicía todo isto porque nos anos vinte e trinta do século XX, os galeguistas, fartos de seren molestados por unha vareixa chamada Couceiro Freijomil que non paraba de lles zoar arredor da cabeza, decidiron poñer- lle un alcume. Como os nacionalistas de antano eran moi boa xente e non sabían odiar, o alcume que lle puxeron a Couceiro Freijomil carecía de solimán e era doce. Puxéronlle "O Cergumil". Inocentes! Explícanos José Manuel Ponte que o Ceregumil sigue despachándose en farmacias.
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región, 23-12-08
A cousa non ten moita ciencia que digamos. Hai moitos nomes de ríos, en masculino, que bautizan co feminino as terras por onde pasan, sexan comarcas ou núcleos de poboación. Sen sairmos da provincia temos o río Arnoia e os pementos da Arnoia, ou sexa das terras e concello homónimos. Indo para Coruña, temos o río Ulla e os viños ou queixos da Ulla. E sen sairmos da nosa cidade, hai outro topónimo case perdido que contrapuña o río Barbaña, á Barbaña, ou sexa a unha pequena valgada que ía desde a cidade de Ourense pola banda leste aos cumes da Carballeira ou montes do Seminario. Hoxe, coa urbanización intensiva, os topónimos urbanos de rúas e prazas (Erbedelo, Avda. de Portugal, etc) ou asociados á actividade humana (Praza, Polvorín, Parque Barbaña...) case acabaron coa distinción entre terra e auga, e mesmo hai xente que pensa que simplemente o nome do río sería feminino. E non tal. Serían as terras bañadas por. E o da Loña é exactamente o mesmo. O río é o Loña, con ‘ñ’ para un son palatal que, como non o había en latín, nas linguas derivadas houberon de asociar dúas letras, porque unha non había específica. Así, sabemos todos que os portugueses acabaron usando por influencia provenzal o ‘nh’, os cataláns o ‘ny’, os italianos e franceses o ‘gn’, e os galegos e casteláns a reduplicación do ‘n’, ou sexa ‘nn’, acortada en ‘ñ’ xa desde vello. O caso é que tamén se usou, antes de fixar esta nova grafía, o dígrafo -dúas letras- de ‘ni’ porque non hai cousa máis próxima á pronuncia de ‘España’ que ‘Espania’. E así, a cousa é simplemente esta.O nome do río e o nome do lugar de poboación onda a confluencia do río e Miño, só pode ser Loña. O lugar da Loña, ao pé do río Loña. Non hai lugar a dúas evolucións distintas dun mesmo étimo en tan pouco lugar. O río Loña nace nas terras de Loñoá, e no seu último tramo ábrese nun recanto fermosísimo protexido dos ventos do norte que son as terras da Loña onde se localiza unha aldea do mesmo nome. Evidentemente eu non lles invento nada. Se un colle, por exemplo, a xeografía de Risco dos anos vinte, aparece todo tal como digo. Que os veciños pasasen a querer distinguir o nome do río do lugar das casas non é estraño. De todas formas, como o lugar é tan próximo á cidade, a evolución a ‘Lonia’ sospeito se debeu máis ás xentes de Ourense nos últimos setenta anos a través dunha recuperación ‘cultista’ dunha vella forma que soaría máis fína e elegante. Pero eu creolles que estamos a tempo de non perder o nome Loña para ese fermoso lugar, sexa a Loña de Arriba -da parte de alá polo monte arriba- ou a Loña, ou sexa, a de abaixo, e para unha zona máis difusa que antigamente integraba incluso ao barrio das Lagoas, pois nos vellos papeis fálase do ‘Hospital da Loña’.En fin, vaian dar un paseo ata a ponte, que se non é xa venerable ruína é útil ponte restaurada.
18 dic 2008

17 dic 2008
Rosa Aneiros, GALICIA HOXE 17-12-08
O recente informe do Consello de Europa sobre a situación lingüística en España supón un tirón de orellas para Galicia ou, desculpen a violencia politicamente incorrecta, unha boa reprimenda. Non para a Consellaría de Educación, nin para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, nin tan sequera para Galicia Bilingüe.
O informe é, ou debería ser, unha boa chamada de atención a toda a cidadanía. Entre outras cousas, considera insuficiente o galego na educación e alenta para unha necesaria mellora en ámbitos como a xustiza ou os medios de comunicación. A pregunta é obrigada: ¿por que este temor á lingua?
Os galegos poderiamos erixirnos como a porta de Europa para América xa que co galego, o castelán e o inglés -linguas de aprendizaxe no ensino- podemos comunicarnos co continente americano e outra boa parte do mundo.
O galego abre camiños a moitos mozos e mozas que, ao presentarse a probas internacionais, teñen a vantaxe dunha lingua máis no seu currículo e, con todas elas, a capacitación lingüística para se relacionar con cidadáns do Brasil, de Angola, dos Estados Unidos ou de Arxentina.
Pero nós, no canto de aproveitar as sinerxías que nos entrega a Historia, turramos en negalo. Como se tivésemos vergoña.
28 oct 2008
Dicho esto ¿son liberales las propuestas de los que abogan por la así llamada libertad lingüística? Y es que en España, según afirma la Constitución, existe el derecho, pero también el deber, de conocer el castellano. Es de suponer que esa cláusula se le ocurrió a alguien que, precisamente, temía por la salud que el castellano podría tener en las nuevas condiciones que estrenaba España después de muerto Franco. Si en efecto los que abogan por la libertad lingüística fuesen efectivamente liberales deberían impugnar la Constitución dado que obliga al conocimiento del castellano. Pero no es la libertad lo que parece llevarles a plantear sus exigencias, sino el deseo de plasmar la supremacía del castellano.
En realidad, sería posible no sólo que hubiese padres que quisieran que sus hijos aprendan únicamente en castellano, eusquera, catalán o gallego, sino en algunos de los muchos idiomas que los nuevos inmigrantes traen de sus tierras. Sería pensable que no hubiese una norma que regulase esas situaciones, dando por hecho que la realidad tendería a facilitar la comunicación y la integración entre diversas comunidades. Así sucede, de hecho, en algunos países. Entiendo que la defensa de esta posición sería más propia de liberales. Estos incluso podrían llevar más allá sus puntos de vista, hasta las fronteras del anarquismo -que a veces coincide con las del fundamentalismo religioso- y pensar que el estado no tiene derecho a educar a los propios hijos.(...)
o artigo completo

Pensa que dicir que ou castelán corre perigo en Galicia é unha falacia;
O Membro MÁIS NOVO Dá REAL ACADEMIA GALEGA
Por Nacho Mirás Fole
-Iso é unha auténtica falacia. Se un Parlamento, por unanimidade, aprobou un plan de normalización, acordado, agora débese aplicar. ¿Entón aparecen con que se quere meter ou galego ou se tal? Un Goberno ten que gobernar e, aínda que aplique unha discriminación positiva, que non é tanto, cara ao galego... home... ¡Estamos en Galicia! Hai que ser amablemente intransixentes non uso diario do galego. Ou castelán segue a gozar de todo ou prestixio, non corre perigo ningún; non tes máis que poñer a televisión.
-¿É catastrofista coa situación dá lingua?
-Non. Son moi consciente do que había hai trinta anos e son moi consciente do que hai hoxe. Con todas as carencias que pode haber, con todos vos defectos e problemas de normalización. Tamén teño claro que ou nacionalismo foi ou motor fundamental dá normalización e dá dignificación do idioma. Pero ou idioma é de todos, e na normalización caben todos, galegos de nación e galegos de corazón.
21 oct 2008

Nunca me gustou o nome de Museo do Chocolate para o lugar que había en Compostela, ao lado do Candilejas por fronte da vella Filoloxía. Porque hai palabras que teñen, ou debían, un uso blindado e pactado. Por exemplo, militar. Así non é lóxico que eu poida constituír unha Agrupación Militar Galega só con pasar pola subdelegación do Goberno e copiar uns estatutos calquera. Museo, Universidade e Academia debían estar neste nivel. Por iso resúltame estraño que unha de amadores da lingua portuguesa (que de tanto amor sóñana por súa) teña esta cualificación. Moitas veces volvín e moitas máis heino facer, pola conveniencia e pola utilidade de introducir no ensino as diferenzas fonolóxicas, ortográficas e sintácticas entre galego e portugués. Para abir portas sen pechar ningunha. Neste tema eu pártolles de varias premisas, se cadra enganadas, aínda que non mo parece.
1.- A conciencia de identidade élles a clave. Non se poden confundir desexos e realidades. Os galego parlantes teñen moi claro que falan galego e saben ben cando alguén lles fala portugués ou castelán.
2.- A maioría temos conciencia de que a nosa lingua galega e a portuguesa son irmás. Polo tanto excluímos que sexan a mesma. Un, por moito que o queira, non pode ser seu irmán.
3.- Os lusistas fixéronlle un fraquísimo favor á lingua galega ao espallar un debate suicida, unha pexa engadida no proceso normalizador. ("Uns queren escribir dunha maneira, outros doutros, mellor en castelan e xa está"). Galicia Bilingüe ha de estar encantada.
4.- As concesións -que disciplinadamente asumo- que se fixeron na normativa oficial para facilitar o achegamento ao sur -tipo aquí, para, ao, grazas-, non aproximaron a xente á súa lingua nin eliminaron o problema lusista.
5.- Nós falamos galego, ou sexa latín de Galicia. Non, desde logo, portugués de Galicia, aínda que, por sorte, a lingua irmá do sur sexa fácil de comprender.
6.- Os funcionarios públicos e os políticos teñen o seu dereito de opinión pero no exercicio do seu traballo deben cumprir, escrupulosamente, leis, normas e normativas oficiais. Igual sexa do tráfico que do gas ou da lingua.
7.- O galego en defintiva, non hai que marealo tanto. Hai que falar menos del e falalo máis. E punto.
6 oct 2008

Marcos Valcárcel (La Región, 6-10-08)
Da lingua. Sempre é oportuno debater sobre a situación do galego e a súa historia na evolución social deste país. Por iso estou a ler o traballo de María Pilar Freitas Juvino “A represión lingüística en Galiza no século XX” (Xerais). Nacido nunha tese de doutoramento, de certo o volume é máis unha historia da normalización do galego nese período que o que anuncia na portada. Quizais as páxinas máis valiosas do mesmo sexan as do capítulo III sobre a lexislación represiva e coutadora do idioma, constante dende 1902: hai aí achegas curiosas como a prohibición doutros idiomas fóra do castelán nas caixas de mistos. Escúlcase tamén con detalle no papel represivo da escola, na desgaleguización da Igrexa ou no desprezo da Real Academia Galega (“Academia del estrume” na peculiar definición dun dos seus críticos).
Tamén se revisa, con detalle, a memoria que quedou na nosa literatura desas políticas represivas: velaí o papel dos Seminarios, tan ben retratado en “Amigos sempre” de Alfonso Eiré. Noutros aspectos hai simplificacións que conviña matizar moito máis: un exemplo, non se pode despachar en dúas liñas de descualificación o que supuxo no seu momento o “Informe dramático sobre a lingua galega” (1973) de Xesús Alonso Montero.
Da crise. Transcribo, do meu blog, a explicación que dá un asiduo, Lobo Neghro, sobre a xénese da crise económica. Cando menos é orixinal e divertida, e quizais non moi disparatada: “Na prensa recollen que a movida toda dos bancos e crise foi debida a persoeiros psicópatas. Xa sabíamos que son o un por cento da humanidade, o cal é unha brutalidade. Eu xa calculara que ese un por cento se concentra como un almíbar na política e alcanza o rango dun cinco á dez por cento, o cal fai que a actividade política de partidos sexa altamente perigosa, enfermiza, e ás veces insufrible. Seica estes persoeiros caracterizados por unha ausencia total de moral e unha incapacidade de distinguir entre o ben e o mal tamén se concentran en lugares de poder económico. Eu víaos en direccións de multinacionais, pero non pensara velos no temón da banca trapalleira. Para chegar aí teñen que ter unha intelixencia moi aguzada e capacidade de traballo, alén da falta de moral. Pola intelixencia, a psicopatía non ten tratamento, só teríamos que detectala. Difícil porque son auténticos encantadores de serpes.”
19 sept 2008
A serpe traía cola. Steiner pide perdón nunha mensaxe cargada con dinamita
O racismo lingüístico aumenta en Europa, segundo a Axencia para as linguas minorizadas e a desculpa de George Steiner non mellora as cousas
XABIER CORDAL en Galicia Hoxe 20-9-08
9 sept 2008
Balcóns e vacacións, de Afonso Monxardín (GH. 9-9-08)
Os recursos da lingua galega, de Xosé M. Sarille (ECG. 9-9-08)
Afectados pola planta acuícola de Laxe Brava acusan de 'Xudas' ó BNG
Séntense traizoados polos conselleiros nacionalistas que aprobaron o plan e eloxian a Lobeira (ECG. 9-9-08)
6 sept 2008
escribe sobre os
Alcumes medievais (Galicia Hoxe, 6-9-08)
Como a relación é moi extensa, non propia dun artigo xornalístico senón dun bo traballo para unha revista especializada, cinguimos a dar non máis que varios acompañados co ano en que se rexistran, empezando polo que acadou a capela de San Xusto para fundar naquel lugar o mosteiro: Petrus Cresconii cognomento Infanzon (1127); Anaia (1197), Auricula (1161), Badarra (1254), Baluga (1168), Batalia (1241), Beschoquino (1217), Bispo (1245, Petrus Fernandi dictus Bispo, presbiter de Oluaria, Bochon (1274), Boleyro (1264), Caladus (1236), Calvo (1172), Calza (1224, monxe), Canela (1152), Caninus (1227), Chapas (1210, vicario do arcebispo), Cheyron (1267) Chicus (1156), Colonio (1167), Corvo (1257), Cotalaya (1242, presbítero), Curvus (1153), Das Capas (1201), Dente (1202), Esquerdus (1249), Falcón (1226), Feo (1241), Ferus (1163), Fiel (1219), Fol (1215), Francus (1244), Garavitus (1204), Gatinus (1245), Gatus (1244), Granion (1191), Gordus (1247), Lavaromeus (1238), Leyno (1247), Leyton (1218, presbítero), Lucho (1267), Lupo (1242), Maladus (1215), Mosca (1241), Moxe (1260), Navaya (1247), Patuchu (1213), Pexon (1190), Picito (1234), Pinctus (1157), Porrinus (1239), Qui Venit (1226, Martinus Pelaiz dictus...), Rabiosus (1238, racioneiro compostelán), Rapatus (1245), Rectus (1242), Rubeus (1202, cóengo), Sardina (1217), Serpe (1255), Sicarius (1245) Siccus (1161), Testa (1228), Teyxafin (1217), Tofinus (1237), Tourel (1228), Tuvius (1244), Varelle (1234), Vilanus (1242)...
Os alcumes das mulleres son contados, non por careceren deles, senón porque a súa presenza nos documentos é moi escasa, e ás veces referida ao home: Bochoa, muller de Petrus Fernandi dictus Bochom (1274).
Algúns remataron en patronímicos: Batalla, Chico, Seco, Tubío... A excepción é Varela: pasou a apelido, pero tamén segue aínda actualmente como alcume na zona.
P:S: dedicamos este artigo ó Julio Medela, se é que ten Internet nos calabozos do castelo de Allariz.

Creo que é máis preocupante o segundo caso, porque parte do propio seo do país e reproduce fielmente os prexuízos diglósicos tan presentes na burguesía galega. Cómpre precisar que non todos os empresarios pensan así: como lembraba o amigo Fernán Vello, nunha liña ben diferente, comprometida coa lingua de noso, están outras grandes empresas galegas, non demasiadas, tamén é certo. Doutra banda, algo de ignorancia hai tamén no Club Financeiro de Vigo: baste dicir que no seu novo "manifesto" falan de "gimnasia" e "manualidades" para denominar materias que nin así se chaman.
Cataluña é un país rico e dinámico, motor de España en tantas cousas, e para iso as súas clases dominantes nunca tiveron que refugar do seu idioma. Seremos os galegos máis parvos ou qué?

