6 feb 2008




BERAMENDI ANGUEIRA MEDIANTE

Falouse xa nesta casa da monumental obra de Beramendi, "De provincia a nación". Sen pechar nunca o debate, pois aínda non vimos unha crítica de conxunto, obxectiva e rigorosa, deste volume, por tantas razóns admirable, imos engadindo peziñas ó mesmo. Por exemplo estas observacións que engade Anxo Angueira na web das Redes Escarlata (Velaí o artigo completo)

(...) Na páxina 549 atopo un apartado dedicado ós angry young men. Moito ben me parece que un libro deste calibre se lembre do manifesto Máis alá. Agora ben, en ningures lin tal desconsideración cara o mesmo: "vacuidade ideolóxica total", "non pasaba dun anoxo xuvenil". Tal tipo de xuízos só poden ser produto dunha intelección do texto moi pouco cabal, e desde logo aínda menos entusiasta cá de Carballo Calero. O primeiro manifesto das letras nacionais galegas, aquel no que se fala por primeira vez, penso eu, da futura República Galega, aquel no que se amostra unha defensa intransixente do monolingüismo literario, aquel no que por primeira vez na nosa historia se fala da independencia do campo literario a respecto das diferentes heteronomías do seu tempo, dos temas obrigados, incluído o patriótico… O manifesto no que, por riba do transfondo político do momento, que o ten, se efectúan unha serie de lúcidas tomas de posición que, xeración tras xeración, das literarias e políticas, non se dan gastado nin envellecido… Si, ben merecía outro tipo de comentarios. Dan ganas de reeditar a “Carta” de Mourullo, Manoel Antonio. Claro, e nesa liña están as palabras dedicadas ó arredismo.Cando nas páxinas 156 e 157 se enumeran os principais cumes literarios do Rexurdimento ignórase a publicación en León e en 1861, dous anos antes pois cós Cantares Gallegos de Rosalía, dos Ensaios poéticos en dialecto berciano do cacabelense Antonio Fernández Morales, como é normal se se parte de Carballo Calero. Mágoa, era unha boa ocasión para indicar que, desde a fase provincialista, pasando pola rexionalista e a nacionalista que o autor trata, sempre houbo tensións e inquietudes políticas contra o mapa precisamente provincialista español que defenderon como galegos os territorios “arraianos” do Eo-Navia, do Bierzo e das Portelas. Tensións e inquietudes que na obra non aparecen rexistradas por ningures pero que son as mesmas que aínda hoxe resultan ben visíbeis para calquera lector atento da actualidade do galeguismo político.Na páxina 186, a propósito da maduración ideolóxica de Murguía, recoñécense os influxos dos tres ideólogos maiores do nacionalismo italiano (Gioberti, Mazzini e Mancini). Así e todo, cando na 199 se citan os referentes analóxicos de Murguía, en ningún momento aparece Italia. Aparecen as nacións célticas, o País Vasco e Cataluña, o resto das nacións sen Estado de Europa. E aínda que loxicamente Italia deixará de selo máis tarde, si foi modelo durante moito tempo. Pra Murguía (véxase o capítulo de Los Precursores dedicado a Sánchez Deus), pra Rosalía (“sol de Italia, sol de amore”) e pra Curros. Foi este último quen deixou ben clara constancia de que Italia era o gran modelo prá Galicia do Rexurdimento. O que pasa é que o fixo n´O divino sainete, teso cume do sistema literario galego que Carballo Calero, fonte literaria básica pra Beramendi, desconsiderou na súa monumental Historia da Literatura pra desgraza de moitos de nós, incautos lectores, meténdoa no fondo da mesma gabeta en que Pardo Bazán quería meter a poesía política e social do propio Curros. Mais quen lea O divino sainete poderá percibir perfectamente que moito del é un canto á Italia do Risorgimento como modelo da Galicia de Curros e Murguía, aínda que a marcha das dúas nacións por volta de 1888 fose ben diferente.

32 comentarios:

Anónimo dijo...

O "máis alá" é simpático e rompedor manifesto vangardista de época postvangardista. Pero unha caralladiña xuvenil... alentada indirectamente por Risco e que fai máis plural a nosa tradición. E se fala da República Galega, pois que fale. Pero non é peza fundacional de nada. As descalificacións de Valle Inclán, por exemplo, con esa tontería da "máis agresiva intransixencia na fala" como un dos poucos elementos de xuízo é un sen xuízo.
Debe entusiarmar aos mociños de 17 anos que pensan que antes de eles naceren non existía o mundo... pero nada máis.

Anónimo dijo...

"Derribemos as iconas da iconoclastia", pois.

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu non lle quitaría relevancia ó MÁIS ALÁ dende a perspectiva da historia cultural e literaria. Aínda que apareza como unha arroutada de mozos, cantos manifestos das vangardas europeas non naceron igual?
Outro problema, e isto excusa en parte a Beramendi, é que teña a transcendencia política que Angueira lle quere dar. A referencia á República Galega existe pero era unha retórica habitual nalgúns textos daquela. En calquera caso, na recepción do MÁIS ALÁ (hai algúns estudos, eu mesmo achegueime a iso dende La Zarpa) insístese na iconoclastia literaria e artística. Pero non lembro que se lle dea importancia, no seu momento histórico, como "texto político".

Anónimo dijo...

Darlle tanta importancia ás oito páxinas do manifesto "¡Máis alá!" semella, cando menos, esaxerado.

Lembremos que comeza coa cita: "Sin pretensións de suficenza doutoral, nin de ningún outro xeito somellante, a rebeldía d´uns mozos galegos fai esta chamada a Mocedade intelectual d´a nosa Terra".

Desde logo, non se derivou del ningunha nova orientación política, ideolóxica ou estratéxica para o aínda nacente -e xa internamente divido- nacionalismo galego doutrora.

De feito, tres meses despois do efémero rebumbio que causou o Manifesto, dicialle Manoel Antonio a Taibo: "A nosa folla deron-lle mais voltas que un argadelo".

Algúns aínda seguen a darlle voltas.

En fin, eu destas cousas entendo ben pouco.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

O manifesto de Manoel Antonio está inscrito, desde un punto de vista estrictamente estético, dentro das corrientes futuristas e ultraístas (en sentido estricto) daqueles anos. Pode un considerar que tales manifestos, de xoves airados sen dúbida, son expresións literarias, exabruptos coxunturais, que de forma cíclica se escriben contra o pasado, a tradición ou as formas académicas e obsoletas da arte. E, porén, son máis que nada arroutadas de breve lume, pouco consistentes. E, sobre todo, desde un punto de vista político de escasa importancia. Sen embargo, creo que Angueira pretende rescatar o que ten de novidoso precisamente verbo dese tipo de manifestos: a singularidade nacionalista desa apoloxía do ultra. E, polo tanto, fai ver a necesidade de reparar en que esa "vacuidade ideolóxica" pode ter máis interés do que superficialmente estamos dispostos a admitir. Por poñer unha analoxía doada: é o Manifesto Futurista (1909) de Marinetti un texto sen fundamentos ideolóxicos? Por aí creo que vai Angueira.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Se mo permite o anfitrión, eu poñería outro título ao post. Beramendi Angueira mediante.

Anónimo dijo...

Non semella moi afortunada a comparación do "¡Máis alá!" co Manifesto Futurista, Arume, sobre todo nos fundamentos ideolóxicos. Non, non me parece moi afortunada a analoxía.

Mais xa digo, eu disto entendo moi pouco. En realidade case nada.

Anónimo dijo...

Case perfecto, Arume.

Cabe indicar que o tizón de Manuel Antonio prendeu cincuenta anos de el morrer, no literario. No político, aquela rebeldía -con probable correspondencia nalgún sector das Mocidades Galeguistas- non andaría moi lonxe, canto a sensibilidade, do nacionalismo de esquerda contemporáneo.

Non pretendo dicir que Manuel Antonio, de seu, chegase a conformar un pensamento explicitamente de esquerda. Niso, atéñome ao que diversas veces se ten dito: que darían de si un Pérez de Rianxo e un Amado Carballo, de chegaren á madurez? Non sei se terá sentido elucubrar, pero xaora a árbore quedou tronzada.

Marcos Valcárcel López dijo...

Cambiareille o título ó post como suxire Arume. De acordo.
Entrando no terreo da anacronía, o aceno de M. Antonio poderíase relacionar co nacionalismo de esquerda contemporáneo só dende unha posición moi radical. O seu "arredismo explícito" está moi lonxe dun BNG hoxe cogobernante e autonomista (na práctica).
Por outra parte, xa se ten observado un certo "anarquismo", non só estético, na posición manuelantoniana, moi lonxe tamén da ortodoxia nacionalista de hoxe, penso eu.

Marcos Valcárcel López dijo...

E o das Mocidades Galeguistas, aínda é moito máis complicado. É certo que tiña tendencias de esquerda, pero non só.
E ademais os riscos das Moc. Gal. non son homologables hoxe. Por ex., no caso ourensán, o que mellor coñezo, bastante, habia arredistas (separatistas) moi intransixentes nesa liña (críticos coa autonomía) e á súa vez católicos e conservadores noutros aspectos (incluída a relixión).
Non sei cantos membros da Federación de M.G. seguirían o ronsel do radicalismo de M. Antonio: pero quizais menos dos que pensamos.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Aparte dos puntos de contacto, que son moitos, por certo (entre outros a iconoclastia, o antiacademicismo ou o desprezo polo pasado e o sentimentalismo), non pretendo identificar políticamente ambos manifestos: senón a súa "non vacuidade ideolóxica".
En todo caso, xa me explicará que quere dicir con que a analoxía non é afortunada.

Anónimo dijo...

Cando dixen nacionalismo de esquerda contemporáneo, máis ca ao BNG actual queríame referir ao momento histórico no que xorde, polos anos sesenta, e se desenvolve inmediatamente. Con todo, quede claro que nas hipóteses que refiro -sendo pura intuición plausible, e en absoluto convencida- refírome a un posible aire de familia (probablemente inconsciente) e non a herdanza ou xinea asumida. Pero esas coincidencias danse; sexan froito semellante do mesmo tempo histórico ou outra cousa.

Outra cousa: sobre a correspondencia ou empatía italiana xa se discutiu aquí, dalgunha maneira.

Marcos Valcárcel López dijo...

eXCELENTE Memoria, XMG. É certo que xa falamos diso aquí, aló por xuño do 2007: graciñas por poñer a ligazón; coa velocidade que leva o blog eu xa non sería quen de encontrar esa referencia. E aquel foi un debate moi interesante, de certo.

Anónimo dijo...

O amigo Saavedra é un fenómeno á hora de localizar ligames subterráneas que, como forzas xeolóxicas, agroman á superficie para imbuír á novas xeracións sen que estas se decaten.

Así non hai quen poida! Con esa peculiar metodoloxía -que me atrevo a cualificar de fantasmática por canto os espíritos ancestrais posúen os corpos e as mentes das xeracións futuras-, con esa metodoloxía, repito, pódense atopar aires de familia até cos aguerridos devanceiros que viviron nas Gándaras de Porriño, aló polo Paleolítico inferior.

Verbo do que dixen de analoxía non afortunada, Arume, referiame a que -alén de certos aspectos xenéricos comúns a case todas as vangardas- o Futurismo foi unhas das fontes de preguerra que confluirían na síntese ideolóxica do fascismo italiano, segundo demostran, convincentemente ao meu ver, Zeev Sternhell et al., El nacimiento de la ideología fascista, Madrid, Siglo XXI, 1994, pp. 37-41 e ss., entre outros, como o gran estudoso de Mussolini, Renzo de Felice. Isto é algo comunmente admitido polos especialistas. Así, na antoloxía comentada de Roger Griffin (ed.), Fascism, Oxford, O.U.P., 1995, aparece o "Manifesto aos Estudantes" (1914) e o "Manifesto do Partido Político Futurista" (1918), dentro do apartado "Pre-1918. Tributaries of Fascism", pp. 25-26 e 29-31.

Nada que ver neste transcendental sentido, pois, co Manifesto ¡Máis Alá! e cos seus promotores.

Anónimo dijo...

Apicultor: con franqueza, non o dou seguido.

Anónimo dijo...

Que o Manifesto futurista e moitos futuristas deron no fascismo (como tamén na outra banda), como mesmo pasou co seu promotor Marinetti, está lonxe de toda dúbida. Pero non era a miña intención establecer afinidades políticas entre Manoel Antonio e Marinetti, senón a de marcar precisamente como un manifesto artístico pode derivar en fonte de ideoloxía. política. En todo caso, moitos asinantes de manifestos vangardistas caeron en brazos de ideoloxías fascistas, parafascistas ou totalitarias. O camiño, visto con perspectiva, parece máis doado do que nun principio poida pensarse.

Anónimo dijo...

Ao respecto da posición política en vangardistas -en moitos casos forte militancia- pode resultar suxestiva a notable presenza de comunistas, por unha banda, e fascistas pola outra. As dúas correntes políticas que convocan máis enerxía na Europa do 1900-1940.

Se o podo dicir sen reparo.

Anónimo dijo...

Pois refírome a que unha pura e dura elucubración como a que vostede fixo non é, nin remotamente, nin sequera unha hipótese previa de partida. Non conduce a nada ese vía, só á mixtificación e á confusión.

Non mo tome a mal. Xa sei que vostede o fai de boa fe. Pero non se pode confundir a imaxinación ou o desexo coa realidade histórica, moito máis complexa, contraditoria e chea de rupturas e camiños diversos.

O de vostede é pura teleoloxía: todo conduce a un mesmo fin previamente tracexado non se sabe ben por quen, é dicir, todo conduce sempre á plenitude da Nación, manifestada no presente ou no futuro. Deste xeito, o pasado perde sentido, perde entidade por si mesmo, a súa complexidade esfúmase, porque só é entendido como unha preconfiguración que, de modo liñal e ascendente, conduce ao que conduce.

Non mo tome a mal, repito. Quizais non sexa moi consciente disto, pero o telos guía boa parte as súas palabras.

Anónimo dijo...

Pura teleoloxía, tiña que dicir.

Anónimo dijo...

Oh, puxérao ben xa nun comezo.

Anónimo dijo...

Non creo que moitos futuristas desen na "outra banda". A grandísima maioría deron no mesmo. Digo eu, vamos.

Anónimo dijo...

Pois fixen ben en interrogar retoricamente, porque iso nin se me ocorrera. Eu non tomo a mal que me critiquen a persoa ou o discurso, principalmente se a crítica leva forma aceptable, e non suxiro para nada falta ou limitación no rigor.

Nestes termos si que podo explicar algo, para o caso de que a análise da miña persoa ou discurso revistan algún interese. A cuestión do téleos (ou téleios), como atribución de sistema, podería aceptala se considerásemos que a fin (ollo, non o fin) é a situación actual e se adoptase como método explicativo unha procura -digamos, dedutiva- de causas e motivacións históricas. Se, pola contra, o sentido aplicado do concepto contempla un pensador (scilicet, eu) distinguindo inequivocamente na historia unha serie de inevitables pasos conducentes a que se conforme de maneira irremediable o que o pensador desexa; superando, notoriamente, formas ben acabadas de optimismo universal... bonita figura de parvo me queda. Ora que así xa entendo eu os seus reiterados chamamentos (tamén retóricos) a evitar o autoconsolo.

Mire, neste caso concreto eu aludín, por unha banda, a Manuel Antonio como vangardista; e por outra, a Manuel Antonio como nacionalista. Utilicei a expresión aire de familia e fixen referencia a posible semellanzas entre elementos que se ignoran: é fenómeno, penso, acreditado que se da coincidencia entre descoñecidos, de maneira frecuente, nunha mesma época; e non é miña a concepción de que iso, non infrecuentemente, atopa explicación no tempo e os seus caracteres (vaia enredo, todo para evitar a palabra espírito e volvela enredar pola terminoloxía).

Se de política falamos: Manuel Antonio, no que a min se me alcanza, debeu ser un home bastante moderno; por outra banda, non xa no Máis alá!, na propia correspondencia é patente que o seu patriotismo non admite dependencia española; en tal aspecto, e algún outro, non anda lonxe a súa vivencia e concepción da do nacionalismo de esquerda que xorde nos 60.

Había algo latexante que salta catro décadas desde os 20? Tiñan algo en común, canto a sensibilidade e concepción, o poeta de Rianxo e os da Nova Narrativa Galega / Brais Pinto? Dígano outros, se teñen certeza absoluta.

Anónimo dijo...

Canto a futuristas: os italianos adoitaban ser fascistas; os rusos, comunistas. Xa digo, o tema é ben interesante.

E teñan boa noite.

Anónimo dijo...

O que discutimos daquela, no momento ao que nos retrotrae González co seu memorioso "link", paréceme que ten máis que ver coa analoxía entre o Rexurdimento galego e o Risorgimento italiano que Angueira bota de menos no libro de Beramendi e que xa debatemos naquela ocasión.

Sobre o manifesto "Máis Alá" creo que teñen razón tanto Beramendi como Angueira se vemos a cousa asegún. Beramendi despreza o documento dende o punto de vista do seu contido ideolóxico-político. Angueira exáltao dende o nacional-literario, no que quere ver tamén elaboracións ideolóxicas serias e implicacións e consecuencias políticas, o cal é dubidoso pero non totalmente descartable.

Hoxe un manifesto como o de "Máis Alá!" non pasaría á historia da literatura galega, ou polo menos non o faría en letras tan grandes. Eu creo que o seu mérito principal foi o de introducir no amansado e feble panorama literario da época a "tradición da ruptura", paradoxal expresión acuñada por Octavio Paz para sinalar unha das constantes máis perceptibles e necesarias na andaina das vangardas.

Manuel Antonio e Cebreiro fixérono -é certo- dun xeito abondo adolescente, ou sexa presuntuoso e un punto faltón. Pero é que eran un par de rapazolos. Hoxe andarían no "bravú", probablemente.

Anónimo dijo...

Mais, xa sabe vostede, Saavedra, que:

El 14 de abril de 1930, a las 10:15 de la mañana Vladimir Maiakovski se pegó un tiro en el callejón de Lubianski con el revólver que le había servido doce años antes para su papel en la película "No nací para el dinero".

Contínuamente perseguido por la burocracia revolucionaria, el 9 de marzo de 1930 el diario Pravda realiza una dura crítica titulada "Sobre los caprichos del izquierdismo" en contra de su obra teatral Los Baños. Decía: "la intelectualidad pequeño-burguesa revolucionaria, que se unió al proletariado cuando ya se había definido y establecido firmemente su victoria, comienza a sentirse la sal de la tierra. Desconectada del pasado proletario, de su tradición de lucha, la intelectualidad tiende a considerarse como más a la izquierda, más revolucionaria que el proletariado mismo. No cabe duda de que oímos una falsa nota izquierdista en Maiakovski".

Anónimo dijo...

Fronte á visión antano en boga do fascismo como algo que buscaba retornar a etapas anteriores, supostamente idílicas, hai que dicir que o fascismo, nas súas versións italiana e alemana, é un fenómeno moderno e modernizador, pero á súa maneira. Porque carece de locus amoenus ou lugar idealizado de seguridade ao que regresar; e porque, polo contrario, pretende construir unha nova orde chantado na técnica e na movilización total. Tamén é moderno o comunismo soviético, na medida en que participa dos supostos citados do fascismo, pero, a diferencia do nazi-fascismo, que é un sistema basicamente "decisionista" (o poder fica lexitimado pola decisión de ter o poder), o comunismo soviético busca a súa lexitimación nas leis ineluctables da historia. E precisamente por iso, porque a historia camiña (na versión marxista-leninista) cara á un final mellor e superador de todo o anterior, o sistema estético-cultural soviético, no seu período auroral, é moderno e vangardista. Lémbrese senón ao antiurbanismo, a Meyerhold ou ao propio V. Maiakowsky, o primeiro torturado e fusilado por Stalin e o segundo suicidado despóis de que quedaran craras as súas diverxencias co exseminarista advenido Sumo Pontífice. O fascismo español é, tal vez co rumán e o portugués, unha das excepcións á regla. Excepción que non reproducen Ramiro Ledesma, nin José Antonio, nin, por suposto, os Ridruejo e Tovar da primeira época, pero que se converte na regla que marca a súa evolución histórica real, converxente co tradicionalismo e outros atavismos hispanos. O fascismo portugués é craramente arcaizante en case todas as súas manifestacións.

Anónimo dijo...

Os manifestos vangardistas teñen moito, como non podía ser doutro xeito, de scherzo. Incluso forma parte do tópico resaltar a suposta parvada do intento.
Pero quizáis o futurismo sexa un dos movementos máis manifestantes: de feito, pode afirmarse que alomenos o futurismo literario consiste en manifestos constantes sobre o futurismo ou futurismos (como lembraba aquela célebre exposición de 1986 -qué tempos!- no Palazzo Grassi de Venecia que serviu para revisar en parte na Italia moderna o pasado artístico do fascismo).

Anónimo dijo...

Aínda que a efectos analíticos quizais se poida falar de fascismo xenérico (cfr. Roger Griffin) -o que Jim denomina ao modo antigo “nazi-fascismo”- porén, e a carón de analoxías, hai notorias diverxencias entre o fascismo italiano e o nazismo alemán. Entre outras, a centralidade absoluta da utopía racial no nazismo.

Por outra banda, está máis que claro que o fascismo e o nazismo son, ante todo, produtos da modernidade. Pero cómpre subliñar, non obstante, que a súa modernidade compúñase dunha peculiar “síntese de contrarios”, na que se entrelazaban o moderno e o antimoderno, o tradicional e o revolucionario. De aí toda a impregnación völkistch do nazismo ou o cultro á romanitá italiano, por exemplo. Tratábanse, cada un no seu estilo, dun “modernismo alternativo máis ca un rexeitamento da modernidade” (Griffin). De aí que, como di Emilio Gentile verbo do fascismo italiano, aínda que se servía do uso mítico da Historia para construír novos universos míticos e simbólicos que sostivesen a relixión da nación, o nacionalismo modernista [Griffin fala de “ultranacionalismo palinxenésico”] non tiña un culto fetichista da tradición, non ollaba con nostalxia a un imaxinario orde do pasado que debía ser preservado ou restaurado, senón que quería participar nas transformacións da vida moderna, mais a súa maneira.

Agora ben, o de que eran uns cacho cabrãos, non llo tira ninguén.

Anónimo dijo...

E ciscándome en todos os totalitarismos habidos e por haber, este servidor de todos vostedes retírase a un merecido descanso, que mañá é día de laburo e -arre demo- hai que erguerse cedo.

Que teñan unha boa noite.

Anónimo dijo...

Tocante a Maiakovski: eu teño a idea de que, en xeral, o poder soviético estimaba bastante máis a literatura de Ostrovski, Sholojov e Gorki (por caso) cá de Pásternak e semellantes. Non cadraran co realismo socialista os formalistas e seguramente tampouco o futurismo, que dificilmente podería ser de masas nunha sociedade tan rural. Pero o tal Vladimir non creo que fose cercano ao fascismo.

Sobre este: unha corrente así de enérxica dificilmente podería ser nostálxica. Construír modernidade en diálogo co pasado é proxecto, ou método, ben suxestivo no crítico momento histórico das vangardas. En tal sentido, nas diferentes correntes autoritarias (e, dalgún modo, conservadoras) europeas hai gradación nacional. O aire de familia e mutua simpatía dálles sentido de conxunto, pero nin sequera é claro que o termo fascismo sexa adecuado para categorizalos; ou non me é claro a min.

Anónimo dijo...

En relación con modernidade ab nihilo vs. diálogo co pasado: un artiguiño interesante. Pouquiña cousa, para interesados non iniciados, xaora.

O da broma e xogo ou provocación nihilista, nas vangardas, eu adoito asocialo particularmente ao dadaísmo máis ou menos caníbal. Está obviamente presente nalgunha outra corrente (lembro agora un manifesto estridentista), pero o futurismo italiano, máis ca do scherzo era explicitamente do schiaffo; e do puño.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Espoleado polas notas de Angueira estou empezando a ler o tocho. Xa lle metín o dente ao introito in altare deo, a parte que fala da prehistoria do protonacionalismo, nos séculos da idade moderna. E cheguei, pasado Murguía, ao RExionalismo. Parei aquí un rato para coller folgos e funme ao capítulo final sobre o nacionalismo despois da guerra ata hoxe.
Hai, así, a primeira vista, unha diferencia (desproporción incluso) entre o sintético da introducción (por veces demasiado deudora de bibliografía canónica: hai resumos do século XVII demasiado esterotipados) e o miudo da análise de periódicos ou revistas do século XIX nos que albiscar diferenciacións moi ben sinaladas (ás veces dunha finura que o propio autor define como pouco productiva) entre os distintos conceptos que marcan o libro. Esta parte nuclear do traballo estáseme facendo demasiado árida, probablemente como resultado dun exceso en ocasións de erudición e exhaustividade metodolóxica, propia por outra parte dunha monografía académica prestixiosa.
A última parte está considerada polo propio autor como menos elaborada, a expensas de que os partidos permitan a consulta demorada da súa documentación e dunha maior perspectiva histórica. Polo que vou lendo, o discurso faise máis livián e mistura apreciacións de alcance macrohistórico con detalles case domésticos (como ese relato da legación que vai visitar a Beiras á súa casa). É interesante, pero boto en falta, así a primeira vista, un pulimento maior do estilo porque deixa que en ocasións a propia voz coloquial do autor apareza entre o relato de apariencia obxectivada como cando fala da contumacia ("sostenella e non enmendalla") da UPG fronte aos sucesivos fracasos tras a transición ou cando di que o PSOE obtivo demasiados froitos para "leira tan pouco traballada".
Seguirei lendo porque é ben interesante o que conta, pero mentres o lía pensaba se non sería cousa de alixeirar o volume para lecturas menos académicas e máis divulgativas. Mil e pico páxinas son moitas páxinas, sobre todo se nalgunhas se detén a contar os procesos históricos para contextualizar o nacionalismo.
Sirva esto como adianto do que penso sobre o libro.