Mostrando entradas con la etiqueta Anxo Angueira. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Anxo Angueira. Mostrar todas las entradas

6 feb 2008




BERAMENDI ANGUEIRA MEDIANTE

Falouse xa nesta casa da monumental obra de Beramendi, "De provincia a nación". Sen pechar nunca o debate, pois aínda non vimos unha crítica de conxunto, obxectiva e rigorosa, deste volume, por tantas razóns admirable, imos engadindo peziñas ó mesmo. Por exemplo estas observacións que engade Anxo Angueira na web das Redes Escarlata (Velaí o artigo completo)

(...) Na páxina 549 atopo un apartado dedicado ós angry young men. Moito ben me parece que un libro deste calibre se lembre do manifesto Máis alá. Agora ben, en ningures lin tal desconsideración cara o mesmo: "vacuidade ideolóxica total", "non pasaba dun anoxo xuvenil". Tal tipo de xuízos só poden ser produto dunha intelección do texto moi pouco cabal, e desde logo aínda menos entusiasta cá de Carballo Calero. O primeiro manifesto das letras nacionais galegas, aquel no que se fala por primeira vez, penso eu, da futura República Galega, aquel no que se amostra unha defensa intransixente do monolingüismo literario, aquel no que por primeira vez na nosa historia se fala da independencia do campo literario a respecto das diferentes heteronomías do seu tempo, dos temas obrigados, incluído o patriótico… O manifesto no que, por riba do transfondo político do momento, que o ten, se efectúan unha serie de lúcidas tomas de posición que, xeración tras xeración, das literarias e políticas, non se dan gastado nin envellecido… Si, ben merecía outro tipo de comentarios. Dan ganas de reeditar a “Carta” de Mourullo, Manoel Antonio. Claro, e nesa liña están as palabras dedicadas ó arredismo.Cando nas páxinas 156 e 157 se enumeran os principais cumes literarios do Rexurdimento ignórase a publicación en León e en 1861, dous anos antes pois cós Cantares Gallegos de Rosalía, dos Ensaios poéticos en dialecto berciano do cacabelense Antonio Fernández Morales, como é normal se se parte de Carballo Calero. Mágoa, era unha boa ocasión para indicar que, desde a fase provincialista, pasando pola rexionalista e a nacionalista que o autor trata, sempre houbo tensións e inquietudes políticas contra o mapa precisamente provincialista español que defenderon como galegos os territorios “arraianos” do Eo-Navia, do Bierzo e das Portelas. Tensións e inquietudes que na obra non aparecen rexistradas por ningures pero que son as mesmas que aínda hoxe resultan ben visíbeis para calquera lector atento da actualidade do galeguismo político.Na páxina 186, a propósito da maduración ideolóxica de Murguía, recoñécense os influxos dos tres ideólogos maiores do nacionalismo italiano (Gioberti, Mazzini e Mancini). Así e todo, cando na 199 se citan os referentes analóxicos de Murguía, en ningún momento aparece Italia. Aparecen as nacións célticas, o País Vasco e Cataluña, o resto das nacións sen Estado de Europa. E aínda que loxicamente Italia deixará de selo máis tarde, si foi modelo durante moito tempo. Pra Murguía (véxase o capítulo de Los Precursores dedicado a Sánchez Deus), pra Rosalía (“sol de Italia, sol de amore”) e pra Curros. Foi este último quen deixou ben clara constancia de que Italia era o gran modelo prá Galicia do Rexurdimento. O que pasa é que o fixo n´O divino sainete, teso cume do sistema literario galego que Carballo Calero, fonte literaria básica pra Beramendi, desconsiderou na súa monumental Historia da Literatura pra desgraza de moitos de nós, incautos lectores, meténdoa no fondo da mesma gabeta en que Pardo Bazán quería meter a poesía política e social do propio Curros. Mais quen lea O divino sainete poderá percibir perfectamente que moito del é un canto á Italia do Risorgimento como modelo da Galicia de Curros e Murguía, aínda que a marcha das dúas nacións por volta de 1888 fose ben diferente.

12 ene 2008




Fotos do recital-concerto de Angueira no Liceo (enviadas por Pepe Trebolle)
Graciñas a Trebolle porque permitirá, ós que non puideron asistir, contemplar, só en parte, a beleza monumental do mural dos irmáns Xoán Carlos e Xosé Luís de Dios (na foto inferior, tralo recital, con Angueira, Delfín Caseiro M.V.).

11 ene 2008

FÓRA DO SAGRADO
Pan por Pan venres 11 xaneiro (como verán, o Pan de hoxe debería ir asinado polo amigo Arume: dende aquí grazas pola súa cita)

Presenta hoxe Anxo Angueira en Auria o seu gran poemario “Fóra do sagrado”, cunha montaxe artístico-musical. Libro que concitou xa moitos aplausos, velaí as palabras dun amigo: “un poema de intensa envergadura, de corpo mítico con Vigo ao fondo. En forma de caos metalúrxico, como as faíscas que vemos xurdir ao templar barcos por Teis, Angueira nomea, a xeito de himno ou ladaíña vigorosa, o seu mundo. Máis ben ponlle nome ao mundo, substantivos, nomes propios de persoas, lugares, literaturas que cobran vida de novo ao ensarillalos verso a verso, case sen pausas, contendo a respiración, estertor heroico dun Vigo que Angueira ama. Do val de Manselle a Sárdoma, do Cúa ao Lagares, de Oscos ao Galiñeiro, Angueira recorre unha xeografía de derrotas, de oprimidos, de desaparecidos. Entre eses mapas, amizade, camaradas, fraternidade. (Arume dos Piñeiros).”

Velaí o post orixinal de Arume.

P.S. despois do concerto (12 xaneiro)
Xa se me adiantaron todos vostedes (nos comentarios). Angueira montou un espectáculo impresionante, todo un prodixio de esforzo escénico (excelente e monumental o mural do Berbés dos irmáns Xoán Carlos e Xosé Luís de Dios) e de xogo de rexistros lingüísticos. O poeta dramatiza, o poeta reconvirte o texto nunha nova realidade: é moi diferente ler o texto no sillón da casa a escoitalo na voz do Angueira. A música, ben ás veces, disonante outras para o meu gusto, pero non son un entendido no tema, xa saben. O éxito de público, espectacular tamén: moita xente e xente moi fiel ó poeta, entusiasta, un público moi próximo ós artistas e ó proxecto das Redes Escarlata, entre eles/as varios amigos. O poemario é tamén un proxecto ideolóxico, sen dúbida: ben o viron vostedes. Creo que Fóra do Sagrado, así llo dixen ó autor, é o libro das últimas décadas que mellor dialoga con todo o imaxinario e o simbolismo do macrocosmos ferriniano (Angueira díxome que o mesmo lle comentara Manuel Outeiriño, polo visto). Non é só un gran poemario sobre Vigo, é toda unha visión do mundo, nacida dende as raíces, con referentes ben nidios (hai que ler o poema con moito vagar para gozar de todas as súas marxes).
Por alí andaban Trebolle, Xoán Fonseca, Lobo Neghro, Apicultor, Carlos Varela, Andrés Mazaira, Begoña Muñoz, S. Bobillo, Delfín Caseiro, Celina Ramos, Xosé M. Cid, Fernando Román, Xavier Paz, Tacho Puga, moitos deles contertulios desta casa: seica tamén Xoán da Coba. Opinen vostedes, se lles parece pertinente (por certo, existe un CD-Rom da gravación en Vigo, no Instituto Santa Irene, agasallouma logo o propio autor: paga a pena gardar testemuña visual dun espectáculo destas características).