Don Manuel Díaz e Díaz
Varios contertulios, Arume, XMG, Apicultor, citaron a Manuel Díaz nestes días. A miña única relación con el foi facer un traballo sobre o Cristianismo en Galicia usando os seus estudos, ben rigorosos. Lembrarémolo con este artigo de Anxo Tarrío en GH o pasado mércores
Extinguiuse a vida de don Manuel Cecilio Díaz y Díaz. A Universidade de Santiago e os Estudos Clásicos perden un valor difícil de substituír. Todos perdemos algo. Por moi diferentes razóns, en varias ocasións tocoume en sorte estar preto del, e dalgunhas quedoume unha lembranza e unhas imaxes indelébeis. Foi a primeira en xaneiro de 1968, estudante eu de primeiro curso de Filosofía e Letras. O escenario: paraninfo da que hoxe é Facultade de Xeografía e Historia. O motivo viña dado pola derradeira lección de don Abelardo Moralejo Lasso, que se xubilaba naquel entón e a cuxas clases lograra eu asistir durante o primeiro trimestre do curso 1967-68. O encargado da laudatio fora don Manuel, que me deixou apampado pronunciando dende o estrado un discurso de viva voz en latín, sen ler!!! Non entendín nada, naturalmente, pero aquela voz rotunda que el tiña levoume cara aos escenarios romanos onde eu imaxinaba Ciceron estrondante dirixíndose ao Senado e a un Catilina algo engurrado que seica abusara da paciencia de todos. Foi unha experiencia que deixou marcado dun xeito intuitivo en min o significado diso que moitos anos despois chamariamos excelencia académica ou universitaria.
(artigo completo)
Actualización 9 febreiro. Víctor Freixanes no seu "Vento nas velas" rememora tamén a figura do vello latinista (tamén María do Carme Enríquez Salido noutro artigo xa colgado no fío de comentarios). Do artigo de Freixanes:
Non deixa de ser curioso, e emocionante, que a nosa literatura fundacional teña dous referentes femininos. En latín, Exeria, «que non era monxa, como algunha xente di, senón unha muller culta, produto da súa época», en palabras de don Manuel. En galego, Rosalía de Castro, iniciadora do noso Rexurdimento no século XIX.
A Manuel Díaz debemos moitas destas descubertas, con proxección internacional, pois foi unha das autoridades na materia, recoñecido en todas as universidades europeas. E sobre todo, debémoslle que os seus discípulos, formados na escola compostelá, orientasen os seus traballos de pescuda e investigación cara a estes mundos pouco coñecidos: a existencia desa riquísima tradición do latín medieval e da primeira cristianización. Martiño de Dumio, fundador de mosteiros, arcebispo de Braga, autor de De correctione rusticorum , documento fundamental para saber dos costumes e das crenzas daquela Gallaecia semirromanizada. Prisciliano, executado en Tréveris (385). Paulo Orosio, discípulo de Agostiño de Hipona, traducido ao anglosaxón e mesmo ao árabe, contra o século X, por encargo de Abderramán III, califa de Córdoba. Hidacio de Chaves, que declara nos seus escritos «ser da provincia da Gallaecia», cronista dos reis suevos. A literatura toda do Calixtino, esoutro mundo marabilloso, que chega ata nós a través da néboa do tempo... Loubor ao vello mestre, que se nos foi. Mais que fica connosco para sempre.
O VENTO É UN CAN
-
Vento de noite
O vento é un can sen dono,
que lambe a noite inmensa.
A noite non ten sono.
E o home, entre sonos, pensa.
E o home soña, durmido,
que o...
Hace 1 día
14 comentarios:
Fun alumno en contadas ocasións da súa mestría: nun curso de doutoramento. Impoñía a súa sabiduría e, sobre todo, a súa estampa de vello cátedro, severo e probablemente autoritario. Deixou un ronsel de marabillas, de coñecementos eruditos impagables e unha escola de estudos que causa admiración. E tamén, e de non menor importancia, herdeiros de altura intelectual que xa quixeran outras universidades: o seu fillo Díaz de Bustamante, eminente latinista como o seu pai, un xenio da filoloxía (a mellor clase da miña carreira, na materia de Literatura Galega, douma el un día en que afortunadamente non podía vir o profesor encargado). Unha aperta para Pimpo e para a súa familia.
Da lenda que circulaba por Santiago (curso 1971-72, a miña chegada), só direi que pasaba por ter aprendido holandés para ler non sei que libro; sempre pensei que sería o Vidos (Manual de Lingüística Románica), se cadra improbable.
Quede o resto na memoria. Se a filla Pula se achega a este blog, ou hai quen llo diga, reciba unha aperta de quen non a ve hai case trinta anos. Requiescat in pace.
As lendas sobre a capacidade intelectual da familia abranguía mesmo aos netos. Un deles, cando apenas tiña 4 anos, foi levado á biblioteca mentres os pais ían facer unha pequena tarefa ao despacho. COmo o vira por alí o bibliotecario, con intención de entretelo, amosoulle un libro e díxolle: "Mira este señor, que cara de serio ten". E o neto de Díaz dixo: "Non é un señor: é Cicerón".
Sen dúbida, un sabio menos entre nós.
Imos ficando orfos dos que saben e quedando atrapados entre marrulleros cutres de medio pelo.
Non o coñecín, pero lembro perfectamente a súa imaxe de lentes escuras, bigote cano e porte adusto de sabio distinguido polas rúas compostelás.
Aínda que o seu non é o meu, línlle algunha vez algún texto breve da súa autoría que me pareceu maxistral (coido lembrar que quizais fose sobre a idea da morte da Idade Media).
Súmome á merecida homenaxe e ao pésame aos familiares. Descanse en paz, don Manuel.
Eu sonlles un optimista histórico e coido que tamén agora hai xente con ese talento. Sempre os hai. Só a perspectiva dos anos pode conceder o mérito da excelencia.
Home, claro que os segue habendo, por fortuna. Por iso dixen que "imos ficando orfos", non que esteamos xa orfos. Pero acordará comigo que hai un sabio menos.
Fermosa lembranza a de Anxo Tarrío, por certo.
Pois agora que o di, voulle facer unha proposta que non poderá rexeitar, sobre todo agora que estamos orfos de Saavedra Saavedrete, artigo novo e...
Vostede que sabe tanto de historia contemporánea e da segunda guerra mundial (creo eu), por que non escribe todas as semáns un artigo sobre anécdotas ou historias da segunda guerra mundial? Haberá un sabio menos, pero dos que segue habendo haberá que sacarlles partido? Ou non?
Únome aos seus lamentos pola morte de Díaz y Díaz e aos seus sentidos eloxios fúnebres. Nunca o tiven como profesor, aínda que si ao seu fillo, pero cheguei a coñecelo, xa moi vello, no Consello da Cultura Galega. Un sabio e tamén un home moi sensato.
Se existe o Ceo, que non existe, estará alí, facendo as presentacións entre Ciceron e Isidoro de Sevilla.
A última frase de Leituga1 fíxome lembrar a frase que lle berróu un velliño da aldea a un seu irmao máis vello aínda,cando o estaban enterrando:
- Irmao! Si vas pró Ceo, que ao Ceo non irás, pregúntalle ao pai onde deixóu a rella nova do arado!.
A súa presenza acharase de menos en Santiago e no mundo da investigación e da cultura, non do mercadeo e da propaganda.
María do Carmo Henriquez Salido
In memoriam de um mugardês universal FARO DE VIGO, 9/02/2008
Nuns momentos em que o estudo das disciplinas relacionadas com as fontes que explicam a cultura, a história, a arte, a filosofia, o direito, a origem das línguas e da ciência da Europa ocidental, tam mal consideradas polos responsáveis de organizar e planificar o sistema educativo do Estado espanhol, acaba de deixar-nos um dos latinistas mais ilustres do século XX.
Era Dom Manuel Cecilio Díaz y Díaz, catedrático de Filologia Latina da Universidade de Santiago, um prototípico sábio universitário, no qual confluíam um cúmulo de saberes (filológicos, históricos, lingüísticos, literários) que sempre punha ao dispor, bem na sua morada sita na Rua Nova bem na Faculdade, de umha simples licenciada em Filologia Românica que no ano 1970 estava redigindo a sua tese de doutoramento ou de todo esse extenso conjunto de discípulos, colegas e cientistas, situados em universidades como as d'A Corunha e Vigo, as de Lisboa e Coimbra, por mencionar só as que o nomearom Doutor Honoris Causa, ou a de Salamanca, essa alma mater matriz dos estudos clássicos.
Dom Manuel partiu para reunir-se com a sua querida Quiquina com todos os deveres feitos, os seus últimos livros e trabalhos finalizados (apenas a consulta bibliográfica para ter a certeza de que umha nota a rodapé era a correcta), rodeado dos seus filhos, amigos, discípulos e companheiros. Todos os presentes no funeral celebrado na capela da Confraria do Rosário, da igreja de Sam Domingos de Bonaval, sentimos a perda do amigo, do mestre, do cientista, do investigador, do colega e sentimos acaso ainda mais que o legado aportado por Grécia e Roma à Humanidade, que souberom explicar-nos homens como Dom Manuel, nom tenha o reconhecimento que merece por parte das autoridades políticas encarregadas da formaçom dos homens e mulheres no século XXI. Dom Manuel já nom está na Galiza, mas em todas as universidades do mundo ficará para sempre o seu saber e a sua obra. "Finis coronat opus".
Afágame a súa proposición e a súa avaliación máis que xenerosa das miñas supostas capacidades, amigo Arume.
Pero hai moitas razóns -de maior a menor peso- que me impiden atender a súa proposta. Espero que saiba comprendelo, aínda dentro da súa decepción.
Saúdos.
Moi bo ese conto, don Xohán
XDDD
Publicar un comentario