Mostrando entradas con la etiqueta Anxo Tarrío. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Anxo Tarrío. Mostrar todas las entradas

25 feb 2009

DE LETRAS E DE SIGNOS
Follas de limoeiro fritidas
POR ANXO TARRÍO VARELA, galicia hoxe 25-2-09

Adoitaba dicir Carlos Casares que para ter certo éxito ou suceso nisto de escribir columnas de xornalismo literario, á parte, naturalmente, de se manexar estilisticamente con algunha frescura e habelencia, cómpre non tocar nunca estes temas: política, relixión e sexo. A actualidade, no entanto, ponnos aos columnistas moi difícil driblar, quero dicir, canear por entre eses asuntos sen tocalos un chisco. Porque, imos ver, estamos no vórtice da campaña electoral e o cronista non pode pasar asubiando e mirar para outro lado, cando o certo é que a feira dos votos o tenta a cada intre a se pronunciar contra todo ese mercadeo onde do que menos se fala é das necesidades da cidadanía e moito das miserias dos políticos e das políticas, que deixan o campo de xogo cheo de detritos e inservíbel para o estabelecemento dun terreo de diálogo intelixente, dunha ágora civilizada, produtiva, creativa e lista para o progreso.
O da relixión tamén é asunto difícil de esquivar, pois entre outras intromisións das relixións na vida civil e laica, que tanto recordan o nacional-catolicismo dos corenta anos de marras, aparécennos agora os autobuses ateos e deístas disparándose anatemas e dogmas entre eles, cando o agnóstico cronista ten que se situar equidistante para poder manter unha certa coherencia, malia sospeitar que este negocio do universo pode estar rexido por un equipo de investigación ben cualificado e autofinanciado, quérese dicir sen subvencións de I+D+i nin pendente de índices de impacto, ao que decote se lle escapa o control das esferas parar amolarnos aos terráqueos e vai ti saber a cantos trillóns de seres intelixentes que andarán rolando a cen mil mi- llóns de anos luz procurando unha explicación a tanto misterio.
O do sexo sería quizais, a estas alturas, o máis doado de evitar, pero, claro, con Penélope Cruz a gañar un Oscar, algún pensamento se desvía sempre, quéirase ou non, e o cronista ten que disimular indiferenza diante da parroquia.
Polo tanto, o mellor, xa que estamos en pleno entroido, será falar de algo que, cando estaba a pensar na escritura desta columna, veu tocar o meu padal como unha epifanía. Trátase dunha fritura de sobremesa da que decote oín falar na contorna familiar pero que non recordo tela probado nunca até agora. Son as follas de limoeiro fritidas (case lle copio o título a Jon Avnet), consistentes nunha masa ou amoado semellante en todo ao das filloas ou das "flores" (que tamén teñen o seu aquel), co que se impregnan as follas de limoeiro para as meter a fritir en aceite ben quente. O resultado é excelente, e para este cronista, que non é nada lambón, foi todo un descubrimento, até o punto de que coloca esta arte de sobremesa no primeiro posto dos gustos de entroido, só por detrás do cocido e das filloas. Leo na arañeira que é un "postre típico murciano". Seica se chaman por alí paparajotes. Se as fan vostedes, que lles aproveiten! pero non lles coman as follas do limoeiro, só a fritura. De nada

11 feb 2009


DE LETRAS E DE SIGNOS
Eluana descansa
POR ANXO TARRÍO VARELA, Galicia Hoxe, 11-2-09. Ilustración, A.Goyanes.

Aínda sentindo un total respecto por quen poida pensar doutra maneira, resulta moi difícil comprender cómo hai quen prefire ver sufrir unha persoa e todo o seu entorno familiar antes que ceder a unha eutanasia que, en casos como os de Ramón Sampedro ou Eluana, estaba máis que xustificada. Un querería saber se quen defende esas cativas (cautivas) vidas, cheas de sufrimento e desespero pasou algunha vez por ter na súa familia un caso semellante. Dá a impresión de que non, non saben o que é ter un familiar enfermo no seu día a día, con dores ás veces insoportábeis; con dependencias absolutas, dende inxerir a comida até todo o que supón o necesario mantemento diario da hixiene, e sen esperanza de volver a ter unha vida normal nunca máis. O cronista sabe de que fala.
Resulta inhumano impoñer as propias crenzas sobre o sufrimento dos demais, administrando así os males alleos sen ceder aos argumentos máis elementais acerca dunha vida sen posíbel aumento de calidade pola que se xustificaría a esperanza de que algún día volvería o enfermo a gozar de plena autonomía e dos praceres aos que acceden os que están con boa saúde. É tan elemental que mesmo dá algo de vergoña dicilo en voz alta. (...)

28 feb 2008


en poleiro alleo
(Foto: Cris Tobío, de ECG)

Panfleto antipedagóxico (Anxo Tarrío, Galicia Hoxe 28 febr.)
Anxo Tarrío comenta o "panfleto" de Ricardo Moreno Castillo do que xa falamos nesta casa hai uns meses.

Amancio Prada canta temas do músico francés Leo Ferré (ECG 28 febr.)
La niña de Lerroux, de J.M. Ponte (Faro de Vigo 28 febr.)

8 feb 2008

Don Manuel Díaz e Díaz
Varios contertulios, Arume, XMG, Apicultor, citaron a Manuel Díaz nestes días. A miña única relación con el foi facer un traballo sobre o Cristianismo en Galicia usando os seus estudos, ben rigorosos. Lembrarémolo con este artigo de Anxo Tarrío en GH o pasado mércores

Extinguiuse a vida de don Manuel Cecilio Díaz y Díaz. A Universidade de Santiago e os Estudos Clásicos perden un valor difícil de substituír. Todos perdemos algo. Por moi diferentes razóns, en varias ocasións tocoume en sorte estar preto del, e dalgunhas quedoume unha lembranza e unhas imaxes indelébeis. Foi a primeira en xaneiro de 1968, estudante eu de primeiro curso de Filosofía e Letras. O escenario: paraninfo da que hoxe é Facultade de Xeografía e Historia. O motivo viña dado pola derradeira lección de don Abelardo Moralejo Lasso, que se xubilaba naquel entón e a cuxas clases lograra eu asistir durante o primeiro trimestre do curso 1967-68. O encargado da laudatio fora don Manuel, que me deixou apampado pronunciando dende o estrado un discurso de viva voz en latín, sen ler!!! Non entendín nada, naturalmente, pero aquela voz rotunda que el tiña levoume cara aos escenarios romanos onde eu imaxinaba Ciceron estrondante dirixíndose ao Senado e a un Catilina algo engurrado que seica abusara da paciencia de todos. Foi unha experiencia que deixou marcado dun xeito intuitivo en min o significado diso que moitos anos despois chamariamos excelencia académica ou universitaria.
(artigo completo)

Actualización 9 febreiro. Víctor Freixanes no seu "Vento nas velas" rememora tamén a figura do vello latinista (tamén María do Carme Enríquez Salido noutro artigo xa colgado no fío de comentarios). Do artigo de Freixanes:

Non deixa de ser curioso, e emocionante, que a nosa literatura fundacional teña dous referentes femininos. En latín, Exeria, «que non era monxa, como algunha xente di, senón unha muller culta, produto da súa época», en palabras de don Manuel. En galego, Rosalía de Castro, iniciadora do noso Rexurdimento no século XIX.
A Manuel Díaz debemos moitas destas descubertas, con proxección internacional, pois foi unha das autoridades na materia, recoñecido en todas as universidades europeas. E sobre todo, debémoslle que os seus discípulos, formados na escola compostelá, orientasen os seus traballos de pescuda e investigación cara a estes mundos pouco coñecidos: a existencia desa riquísima tradición do latín medieval e da primeira cristianización. Martiño de Dumio, fundador de mosteiros, arcebispo de Braga, autor de De correctione rusticorum , documento fundamental para saber dos costumes e das crenzas daquela Gallaecia semirromanizada. Prisciliano, executado en Tréveris (385). Paulo Orosio, discípulo de Agostiño de Hipona, traducido ao anglosaxón e mesmo ao árabe, contra o século X, por encargo de Abderramán III, califa de Córdoba. Hidacio de Chaves, que declara nos seus escritos «ser da provincia da Gallaecia», cronista dos reis suevos. A literatura toda do Calixtino, esoutro mundo marabilloso, que chega ata nós a través da néboa do tempo... Loubor ao vello mestre, que se nos foi. Mais que fica connosco para sempre.

18 oct 2007

en poleiro alleo
De bandeiras fala hoxe Bieito Iglesias (velaí esa tremenda definición da Enciclopedia Álvarez) e da presenza de Carod-Rovira en TVE escriben Fernán Vello e Anxo Tarrío (por certo, á marxe do que se pense do político catalán, admitirán vostedes que estamos ante un dos políticos máis listos do mapa peninsular dos últimos tempos). O contertulio Xosé M. González incide nos problemas da educación do alumnado inmigrante, tema que tamén se tratou nesta casa.

Bandeirantes (Bieito Iglesias, ECG, 18 outubro)
Carod-Rovira e os idiomas menosprezados (Miguel Anxo Fernán Vello, GH, 18 outubro)
Pensamento estepario (Anxo Tarrío, GH, 18 outubro)
Chegan e chegan (X.M. González en www.xornal.com)