22 feb 2008


Eleccións e valores (3).
Pan por Pan venres 22 febreiro

Para facer política real, nos anos 30, o Partido Galeguista tivo que aliarse coa Fronte Popular e sacar adiante así o Estatuto de Autonomía. Hoxe o único partido nacionalista con presenza parlamentaria goberna nunha coalición de esquerda, pero as mensaxes da súa campaña non inciden nesa dirección: prefiren subliñar a súa fasquía de forza galega e unha posible capacidade de decisión en Madrid, se fosen necesarios. Discurso que non anda moi lonxe dos mellores tempos do “Fagámonos respectar” de Coalición Galega. O partido que se quere herdeiro de Castelao xoga a diluír os seus sinais ideolóxicos e algúns dos seus votantes non o entenden: velaí os berros da manifestación “Galiza non se vende”. A incógnita é saber se unha estratexia de apelación identitaria é abondo para manter un digno nivel de votación nun contexto de máxima confrontación e bipolarización.

18 comentarios:

Anónimo dijo...

Coido que, por diversos motivos, o amigo Saavedra debeu quedar encantado ao ver onte en El País unha foto a toda cor do bispo de Lugo en amor e compañía co Conselleiro de Innovación e Industria. Ou sexa, un da Conferencia Episcopal + outro da UPG.

:-)

Anónimo dijo...

E hoxe aínda máis: no PAÍS, Universidade de Lugo (sic).
Segue La Región, por certo, empregando aquelo de Universidade Sur?

Anónimo dijo...

Ao mellor iso de Universidade de Lugo ten que ver co protocolo secreto asinado por Monseñor e o Comunista Patriótico.

(Que é brincadeira, ho, que é brincadeira)

Anónimo dijo...

Os clásicos empregaban a aliteración co r para suxerir tormenta ou terror. Alfonso Carrasco Rouco é octosílabo que mete medo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu case non o tratei, pero foi hai uns anos un dos dirixentes clave do BNG e publicou diversos traballos sobre Historia de Galicia. Deixo aquí unha nota máis relevante:

Finou o dirixente do BNG Lois Obelleiro
O membro do Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego Lois Obelleiro morreu nesta xornada, despois de padecer unha prolongada enfermidade. O seu sepelio terá lugar mañá venres en Arcade (Soutomaior). Obelleiro naceu en 1955 e era licenciado en Xeografía e História pola Uniersidade de Santiago de Compostela. Lois Obelleiro comezou a militar no nacionalismo en 1974. Participou na elaboración de varios libros sobre a história de Galicia. Exerceu tamén como edil do BNG no Concello de Soutomaior. Na actualidade representaba ao Bloque no Consello de Administración da CRTVG. Obelleiro colaborou con Radio Fene a comezos da década dos 80. Preme aquí e escoitarás un fragmento do programa "O Remuiño" adicado á música folc e presentado por Lois Obelleiro. Autor. : Hennrique Sanfiz Raposo.

Anónimo dijo...

Eu tampouco o tratei. Pero vaia o meu pésame para familiares e amigos.

Recentemente publicou en ANT un libro groso sobre o labor educativo dos emigrados en Galicia, ou cousa así. Lembro lerlle a Sarille un comentario gabancioso sobre o mesmo. Eu non o lin e non podo opinar.

Anónimo dijo...

Non sei se estaban vostedes alí, pero no discurso da "pegada", o candidato nacionalista por Ourense tivo palabras pra él, lamentando o seu pasamento, o que fixo arrancar aplausos entre os asistentes.

Anónimo dijo...

En paz estea, eu si que o tratei, e bastante; probablemente non sexa este sitio adecuado para unha necrolóxica, xa que non o trataron.

Canto ao tema do fío: a proclama electoral do Bloque non é identitaria, é directamente política. O resto son boas preguntas.

Anónimo dijo...

Pois se lle apetece, creo que non estaría de máis que fixera unha necrolóxica.

Anónimo dijo...

Debeu nacer no 1952 ou 53; en todo caso, cando no 71 eu cheguei á universidade el xa estaba por alí, un ou dous cursos máis arriba. E debía ser un dos máis falangueiros e parrandeiros de Filosofía e Letras, xulgando polo teor, aparencia e comportamento, xa fose nos corredores ou a biblioteca Bustamante; onde, por certo, algunha vez ben podía ficar máis calado do que adoitaba.

Non era galego o que lle viña escoitando eu naquel primeiro e conflitivo curso; nin tiñamos trato de palabra. Unha e outra circunstancia deron para me sorprender cando (1975?) nas festas da Ascensión me abordou para compartirmos seria preocupación: caera o aparello de propaganda da organización, e nunca un sabía o que ía pasar decontado; estaba, iso si, a confianza en que a causa e o partido superarían tales continxencias. Por outra banda, aquilo non ía aniquilar o Obelleiro; botamos uns bailes.

En xaneiro do 76 marchei para a mili, e non sei cando nin de que maneira souben que el andaba por non sei que cuartel en Jerez de la Frontera; dificilmente darei explicado, mediante termos comprensibles, con que ansia adoitabamos buscarnos en tal tesitura. Comezando o outono, a miña unidade foi de manobra de Getafe a San Fernando, e unha tarde libre achegueime á cidade do Marco; na caserna fórono buscar e compareceu adurmiñado, o tempo xusto para recoñecerme, botarse a min, preguntar pouco, mudar a roupa e saírmos case toda a tarde. Falar? Pouco sobre a milicia, moito sobre o país ou o Paco Rodríguez, desprazado forzoso daquela en Puerto Real. Manteño sentido dun serán tépedo, paredes caleadas e a taberna dun galego da Estrada, seica máis ben conservador.

Arrombado o uniforme, mergullados na Transición, algunha vez coincidimos. A política acabou afastándonos, el onde sempre, eu fóra. Nos peores anos do nacionalismo, seguín vendo o seu nome como concelleiro en Soutomaior, dos non moitos lugares onde o vello Bloque resistía. Nos mellores, desempeñou papel orgánico relevante, e algo daquel renovo terá que ver con el.

Ultimamente ben lle vía a cara, pero a miúdo un tende a non pensar feo. Non volvemos falar, pero aqueles anos son aqueles anos. Descanse en paz Luís Obelleiro Piñón, sit tibi terra levis.

Anónimo dijo...

Sería interesante, para unha socioloxía política do nacionalismo, que un día nos explicara detidamente as circunstancias políticas e persoais que o levaron a deixar de militar organicamente na UPG e no nacionalismo organizado, amigo Saavedra. E como, con todo, nunca deixou de ser nacionalista.

A primeira frase dó derradeiro parágrafo seméllame críptica de máis.

Anónimo dijo...

Non ten nada que ver coa política, Apicultor, senón coa saúde: víalle mala cara, pero non quixen pensar nun cancro: tiña case a miña idade.

O outro daría para moita la.

Anónimo dijo...

A estratexia electoral do BNG é controvertida; como o é moito da estratexia política global. Leo aquí -ou entendo iso- que non se significar pola esquerda é arriscado. En ANT, pola contra, asegura alguén esta semana que o arriscado é atacar moito ao PP -como están a facer- e deixar de lado ao PSOE; tamén se queixa diso un coñecido meu, pequenísimo empresario, de esquerda, con pasado vinculado ao PC.

Aceptado o difícil que é poñer contento a todo o mundo, e os problemas propios do aínda case estreado papel de gobernante, parece claro que o Bloque non para quieto. A candidata luguesa leva en danza e prensa todo o mes; o programa, se coñecido, apunta ao que a miúdo se considera máis ben esquerda; a imaxe e frases básicas tiran polo nacional e a utilidade de que no ámbito político que máis orzamento manexa haxa presenza activa e efectiva de quen non obedece máis a Galicia e mailos seus específicos intereses: como lóxica indesmentible de actuación parlamentaria, e nun sentido de eficacia e consecución real, tamén indesmentible.

Anónimo dijo...

Ten perfil típico o votante do Bloque? Teno a súa afiliación, os asistentes aos seus actos? Aquí si que os automóbiles adoitan ser modestos, a roupa non particularmente atildada. Por que un votante se achega ao BNG?

Hai dous aspectos básicos: dunha banda, o vello perfil do crítico social, vixente, actuante, pero de efecto electoral bastante relativo. Doutra, a conxugación de progresismo -as máis das veces, traducido en xustiza social e igualitarismo- con sentido, sensibilidade e perspectiva galega; este daría máis para medrar.

En tal sentido, a banda sonora Xente resulta ben suxestiva; Anxo Quintana represéntaa ben, e eu considero -non son único, nin é pura intuición- que en tal sentido a súa figura, case literalmente, axigantouse. Falta, iso si, que unha parte da organización o siga; e que outra parte o comprenda.

Houbo un tempo no que as campañas electorais eran obxectivamente pedagóxicas, porque aínda as persoas sentían interese. Trinta anos despois, a maioría social denota fastío, non particularmente co BNG nin moito menos. Máis alá do titular e a agarrada mediática, ¿notan vdes. grande interese polas eleccións? Eu non, xaora.

Marcos Valcárcel López dijo...

Calc�lase, amigo XMG, que haber� 13 mill�ns de persoas pendentes do debate de hoxe: eu creo ue si hai interese polas elecci�ns... Ou moi mal percibo as cousas.

Anónimo dijo...

Interese máximo, amigo Saavedra. Non se fala doutra cousa. E é mágoa, porque os do Madrid que andaban chufando agora falan dun tal Zapatero e Rajoy que non sei en que equipo xogan.

Anónimo dijo...

No meu arredor ninguén fala delas. Interese ben sei que hai, madia leva, moito xa depende. E se non hai audiencia no debate, logo da matraca que dan todos, cada día...

Por certo: no Hai debate da semana pasada, Louro, Quintana e Rueda seica tiveron 104.000 espectadores -dato da prensa-, cifra máis ca notable. Aquí, nin sequera un comentario. Nin que a visión galega quedase fóra da Liga.

Marcos Valcárcel López dijo...

Ten razón, XMG. Pero eu non vin o debate da galega e aquí ninguén fixo tampouco alusión ó mesmo. Teño visto noutras a Louro e Rueda e tampouco entusiasman, a dicir verdade.