28 mar 2008


en poleiro alleo (imaxe: Héitor Picallo)

* Soberanismo precursor. Héitor Picallo Fuentes reivindica a figura de Xohán Xesús González. Nun ensaio no que lembra a traxectoria deste xornalista, político, escritor e avogado de Cuntis (GALICIA HOXE 28-3-08)
Galiza era a súa patria, terra e nación. Avogou pola autonomía, pero non tal como se entende agora. Participou na campaña a prol do Estatuto. El propoñía para o Estado un modelo federal ou confederal, unha federación ibérica, que incluíse a Portugal. Era nacionalista, arredista, -quería que Galiza tivese autonomía, soberanía, leis propias-, socialista e marxista, aínda que era partidario da pequena propiedade privada", subliñou Picallo.
"Estivo na UGT e no PSOE. Despois deixou o PSOE debido a discrepancias xurdidas polo seu autonomismo. Entón creou Unión Socialista Galega (USG). Pero cos resultados electorais do 1933 decidiu deixar este proxecto en letargo. Máis adiante integrouse en Izquierda Republicana, organización da que foi expulsado, eu penso que por tentar manter o ideario de USG. Vangarda de Izquierda Republicana foi o último partido que creou. A USG desapareceu, pero sitúase nos alicerces das ideas da UPG, e por iso transcende a súa época. Hai que ter en conta que o mataron cando tiña 40 anos. Se seguise vivo, seguro que tería participado na fundación da UPG, como di Méndez Ferrín", aclarou.

* Pérez Bouza: “Non agardaba, nin moito menos, ser senador” (GALICIA HOXE)
O nacionalista renunciará hoxe ó seu posto de portavoz do Bloque na Deputación de Ourense co fin de centrarse na Cámara Alta estatal. Tacha de anecdóticas as críticas sobre que fora o candidato menos votado da provincia.

16 comentarios:

Anónimo dijo...

Non lin este libro sobre XXG, polo que non podo opinar sobre el.

Pero tamén teño que dicir que, por principio, desconfío de todo intento de buscar febrilmente "precursores" e "alicerces".

Non sei se é este o caso e non sei, de selo, cómo fundamenta o autor o asunto. Haberá, pois, que ler o libro.

Anónimo dijo...

Que o Sr. Pérez Bouza fose o candidato menos votado do BNG da provincia non é unha anécdota: é simple realidade.
Como que o seu grupo non se atreveu a nomear a unha senadora, a máis votada da súa candidatura, por Ourense, se o que qeurían era alguén que representase a Galicia Interior.
Debe ser que iso das mulleres está ben para a galería... pero en realidade... en fin. Velaí o que hai.

Anónimo dijo...

A busca do "homo antecesor" é unha recorrencia nestas ideoloxías idealistas.
O profesor Beiras Torrado tamén establece un fío simpatiquísimo que, dándolle, dánolle, liga directamente ás Irmandades da Fala co benegá.
En fin. Velaí o que hai.

Anónimo dijo...

Quen é Pérez Bouzo?

Anónimo dijo...

Xa non lembro como souben por primeira vez de Xoán Xesús González, nos anos 70; posiblemente sería naquel libro de Vilas Nogueira ou algunha outra obra semellante. Soubera, en todo caso, que se declaraba galeguista e socialista, que a diferenza de Quintanilla deixara o PSOE, que fundara a pouco exitosa USG e fora fusilado.

O meu coñecemento quedou aí. É mágoa que unha parte, polo menos, da súa obra non fose -canto ao que me consta, igual foi e non sei- publicada para poder avaliar de fonte directa. O traballo que se anuncia aquí ben pode suplir como fonte secundaria, aínda que ao mellor é unha desas contribucións -por razóns de paisanaxe- a unha gloria local, ao xeito de Peña Novo-Vilalba ou Fuco Gómez-Becerreá. Isto último non é descualificador, e en todo caso benvido sexa.

Anónimo dijo...

Supoño que Pérez Bouza foi aquel que no 2003 non foi alcalde da Porqueira por transfuguismo da candidata do PSOE. Como for, na entrevista comparece discreto, humilde e con certo bo senso; nunha cousa leva toda a razón: sendo o terceiro da súa lista por orde alfabética, resulta irrisorio -como argumento cuestionador- que fose o menos votado da devandita lista. O adxectivo non é del, xa digo, máis discreto ca min. Hei esperar para ver que fai, e como.

Marcos Valcárcel López dijo...

Ademais da obra política e xornalística, que estará por recoller, XOÁN XESÚS GONZÁLEZ foi escritor de ficción e Xerais publicou (2002) na Bibl. Letras Galegas a súa noveliña A MODELO DE PACO ASOREY. Eu léraa e gustárame.

A compoñente local, polo demais, sempre existe. Pero, xa o di XMG, non descualifica: a figura de Peña Novo é nacional e ten importancia de seu no pensamento económico e político do país, sen dúbida.

Marcos Valcárcel López dijo...

PÉREZ BOUZA é, de certo, o non electo (por transfuguismo) alcalde de Porqueira. Logo foi portavoz do BNG na Deputación ata agora. É un home moi próximo a Quintana, segundo é obvio. Participa tamén a cotío nos debates de Telemiño, con outros representantes do PPG e PSdG-PSOE e adoita ser discreto e moderado nos xeitos de falar. Quizais para o estilo BNG, agardaríase del algo máis de contundencia ás veces...

Anónimo dijo...

Xohán Xesús González e citado como un precursor por Méndez Ferrín no seu precioso libro de poemas Con Pólvora e Magnolias:
.....En Compostela soterraron a semente
chamada Xohán Xesús González, porta dun futuro suntuoso e proletario
que avanza cara nós con alboroto
e venme o arreguizo somentes de pensalo e de amalo...
O libro e do 76.

Anónimo dijo...

En efecto, ese magnífico poema das polonesas, plenilunio e derrotados, tan pleno de lirismo, magnificencia estética, decadencia. Grazas pola lembranza.

Aínda que moralmente prefiro a Novoneyra.

Anónimo dijo...

Sería moito pedir, amigo Saavedra, que desenrolara esta última oración. Esa contraposición (moral?) entre a poesía de Novoneyra e Ferrín resúltame moi interesante.

Anónimo dijo...

Posiblemente o decepcione, Arume, porque a cousa non ten demasiada fondura. Moral, neste caso, non é tanto conxunto de ideas ou principios -guiadores- de comportamento coma actitude ética e forza interior. Tampouco non me refiro -tanto- globalmente á obra de ambos autores, senón aos dous grandes e respectivos poemas de motivo compostelán:


En Compostela pode un home
escoller óboe e docísimo cor ao contrapaso,
decair nos tremedoiros
(VIBRA, CORAZON GASTADO!),
tenra especie de prantas espiráis
e añuca ou seixo de xogar antre os dedos.


Pode pedra luída
alzarte sobre sí coma un guerreiro
é proclamado rei de oucas e carballeiras vellas.


En Compostela pode un vento duro
estremecer o corazón da Europa campesina
que todos temos dentro sen decilo.


En Compostela soan polonesas,
nacionalmente, en moitos plenilunios
cabo de trasparentes ollos, mortos,
e un barroco de bronce ergue paxaros de duro mármore
e oubear oubean os couselos
nas murallas de san Martiño Pinario.


En Compostela, enfin,
compañías de mortos compañeiros
comen caldo insumiso na lembranza ilustrada
(VOTO POR VOS: ROSALIA, PONDAL, FARALDO)
das cabezas alzadas.

En Compostela está o que perdemos
e vai nacendo noutros i esto é o grande milagre
(¡UNHA LAPA LENE, UNHA CANDELEXA!)
da conciencia desta patria
conservada en pequenos corazóns
ardentes con fogo doce que non morre.


En Compostela soterraron a semente
chamada Xohán Xesús González, porta
dun futuro suntuoso e proletario
que avanza cara nós con alboroto
e venme o arreguizo somentes de pensalo e de amalo.


En Compostela estamos
moitos xa para sempre derrotados.
(Xosé Luís MÉNDEZ FERRÍN, Con pólvora e magnolias).



DO COUREL A COMPOSTELA

Os que así nos tein
Só tein os nosos nomes no censo,
Que astra a nosa suor sin alento se perde na terra.

GALICIA, ¿será a miña xeración quen te salve?
¿Irei un día do Courel a Compostela por terras liberadas?
¡Non, a forza do noso amor non pode ser inutle!
(Uxío NOVONEYRA, Os eidos).

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Entendo. Ou sexa moral como sinónimo de esperanza ou ilusión. Derrota fronte a liberación. Supoño.

Marcos Valcárcel López dijo...

Entendo eu tamén agora. Pero compartía o desconcerto de Arume: o de "moralmente" pode suxerir outras lecturas, para a maioría dos contertulios, supoño.

Anónimo dijo...

Moral, do latín, Mos-moris: "O costume".

Saúdos para o meu medio-irmán, da Coba.

Da Coba hai tempo que pasa totalmente de min.

Cando regrese, heille cantar aquelo de:

"Quien es??"
"Soy yo"
"Qué vienes a buscar???"
"A ti"
[................................]

Olvídame y pe
ghja la vuelta, etc...

·

Anónimo dijo...

Máis ca nada, referíame a actitude vital. Ten que ver co que menciona o Arume, pero non é ben a cousa.