Hóuboche un grande incendio...´, X.L. Méndez Ferrín 3-10-08
Tal como reza ó título desta bagatela comezaban unhas coplas de entroido que, pasada a festa, ficaron para sempre no depósito do folklore familiar dos vigueses. Se os últimos alcaldes de Vigo concorresen cos metalúrxicos ás festas profanas de Bembrive en lugar de ir con cana de mando á procisión nacionalcatólica do Cristo da Victoria coñecerían tamén a cántiga que, en clave de sátira pillabá, perpetúa a lembranza dun incendio que ocorrera a principios do século XX na Porta do Sol. Caracterízanse os vigueses, de pura torgueira ou aveciñados de novo, por teren, ma memoria local. As súas autoridades semellan tamén alleas á historia e á tradición da cidade que gobernan, por iso reinciden cada ano nos fastos do Día da Reconquista ignorando que o bon rei Xosé Bonaparte foi quen propiciou, na constitución de Baiona, que Vigo fose capital da primeira provincia centralista das constituídas á queda do Antigo Réxime: Vigo, e non Tui nin Pontevedra, foi designada como cabeza departamental polos partidarios do bonapartismo e non por Cachamuíña nin polo abade de Valadares nin por Pablo Morillo (grande felón). Penso que as autoridades municipais non saben moito da cidade e inexplicabelmente ignoran o xeito aberrante e disparatado de medrar que ten, á marxe de calquera regularización racional. As autoridade permitiron durante moitas décadas instalacións industriais e comerciais sen taxa. Nun escrito recente, Miguel Pérez González enumerou un rosario de asentamentos fabrís cuxo espazo carece de calquera garantía de salubridade pública, de seguridade no traballo e, mesmamente, de legalidade. Os nomes dos asentamentos, moi eufónicos, son O Gorxal, O Seixiño, O Gandarón, A Vagunda ou Bagunda, A Raposeira, Fragosiño, Freixo, O Lameiro, O Caramuxo, Coruxo en varias zonas. A enumeración de asentamentos de talleres e armacéns irregulares podería incrementarse cos localizados nos concellos limítrofes de Gondomar ou Mos. Os territorios portuarios de Vigo están inzados de depósitos, fábricas, establecementos que non teñen que ver nada coa actividade marítima. Os activistas que consideran o castelán como lingua "propia" de Vigo e Galicia deberían visitar eses dédalos labirínticos que ao cronista lle parecen encantadores pro que fan tolear os transportistas doutros lugares e países á hora de lles entregar as mercadorías aos destinatarios. Verían con espanto que ningunha de tales zonas industriais, primitivas pro dinámicas, teñen un nome en castelán. Soubemos que o pasado 6 de Setembro se orixinou un grave incendio nunha nave na que desempeñaban as súas funcións, algunhas non autorizadas, once empresas diferentes. Houbo quen tivo medo polos veciños que habitan casas próximas aos armacéns que arderon, os cales (beizón aos bombeiros) non sufriron dano esta vez. O alcalde e a cámara municipal non ofreceron explicacións razoabeis. A idea de Vigo é confusa para moitos dos cidadáns do seu vasto, activo multiforme e contradictorio termo municipal. E os gobernantes deste semella que padezan tamén dunha grande ignorancia sobre a realidade urbanística que eles solicitaron administrar. Inoperancia, desidia, abulia, descoñecemento, constitúen a tónica das maioranzas municipais de Vigo desde que temos uso de razón política.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
6 comentarios:
Os nosos políticos e as súas ideas de cidade cada vez me lembran máis as personaxes de "Topaze", obra de teatro de Marcel Pagnol.
Un dos mellores artigos de Ferrín.
E para máis inri o misterio do coche que ía a 120.
Urbanisticamente Vigo tende ao Kaos. Mentalmente o exceso ameaza con sobardar continuamente a comprensión da cidade. Sempre hai forzas por baixo que inzan a pasión e anegan unha razón incipiente. Pola ría, emerxe as veces a cabeza ou o lombo dun monstro, dunha maldición:
Por máis que medres, por máis vida que latexe e corra baixo os teus sumidoiros, nunca serás capital de nada, presa e esteril entre o bravío da ria e a herdada estulticia dos teus rexidores. E Vigo, medra e medra, acumula toda a enerxía do pais par non capitalizar nada...até que chegue un pequeno Sebatían mate a besta e desapareza a maldición. Entón o bravío da ría terá unha potente cabeza que lle dará futuro a esa profunda sensación: Vigo capital, Galicia indepente!
"Indepente"?
Independente.
como siga imos ocupar todo o fio.
Publicar un comentario