Mostrando entradas con la etiqueta Ferrín. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ferrín. Mostrar todas las entradas

13 feb 2009

Paraninfo
X. L. Méndez Ferrín, Faro Vigo 13-12-09

O artigo completo


(...) Esoutro día estivemos, pois, no paraninfo da Universidade Compostelana para escoitarmos o discurso de recepción de Margarita Ledo Andión na Academia Galega. Por un momento, dúas academias sobrepuxéronse nun só paraninfo.Os paraninfos foron no século XIX templos da ciencia liberada da autoridade eclesiásticas. Habilitado o de Compostela no interior dun edificio que fora expropiado á Compañía de Xesús para ser destinado a sede universitaria polo liberalismo, axiña cobrou o paraninfo un intenso valor simbólico. Na súa decoración non locen elementos relixiosos e só figuran alegorías e os nomes das grandes figuras claustrais. Ninguén coma Otero Pedrayo soubo evocar os días da Lei Moyano nos que, rosmando os moderados o Himno de Riego polo baixiño, se ergueron os paraninfos das universidades e dos Institutos de Galicia e de España; mesmo como trasuntos dos templos masónicos. O cerimonial da universidade española contemporánea procede daquela época. Tamén vén dela a regularización do traxe académico e as cores das facultades en mucetas e barretes. A etiqueta académica española uniformouse visualmente e os usos e costumes tradicionais das vellas universidades desaparecen seguindo a pauta do centralismo burgués de inspiración napoleónica. A Universidade Central de Madrid era a única que podía dispensar o grau de doutor e, igual que Galicia desaparece escartelada polas catro provincias e os novos municipios, a Universidade Compostelana pasou a ser una simple dependencia de administración de instrucción pública con sede en Madrid. O latín desaparece das aulas pero o galego non entra nelas. A Universidade Compostelana convértese nun axente de castellanización de Galicia sumamente efectivo.Durante o século XIX e até días moi recentes a Universidade e a cultura galega viviron de costas. Non hai moito o historiador Villares Paz ingresaba na Academia Galega nun acto celebrado no paraninfo compostelano. Acaba de facer o propio Margarita Ledo, profesora universitaria coma Villares e Rosario Álvarez, e o presidente Barreiro. Todo parece indicar que as academias conflúen.

9 feb 2009

Ferrín: firme puño de liberdade.
Luís González Tosar.
ECG. 8-2-09

Cheguei -de Buenos Aires- a Vigo, en 1969. Matriculeime en 5º de bacharelato no Instituto Santa Irene e cadrei nun grupo moi xeitoso que agromou arredor de Xosé Luis Méndez Ferrín, o noso profe de repaso de Literatura española de 4º, polas tardes. Un día chéganos a nova de que Ferrín estaba preso. Nós sabiamos mellor ca ninguén que el non facía proselitismo barato. O seu estilo era moito máis fino, clarificador, didáctico, aprendéndonos a descubrir a realidade por nós mesmos, abríndonos os ollos adolescentes ás contradicións da abafante ditadura. Durante aquelas clases, fenomenais, nunca lle escoitamos unha palabra descalificadora de Ramón Piñeiro. Pola contra, animounos, aos catro ou cinco do grupo, a ir visitar a Piñeiro unha vez que estivesemos en Santiago. "Vaivos recibir ben, vaille gustar" afirmou. A grande aventura -promovida por Ferrín- daquel COU foi unha viaxe a Madrid, para asisitir ao teatro do Círculo de Bellas Artes. Representaban Luces de Bohemia e alá fomos -unha ducia, profe incluído- en autocar.
Regresamos felices polas reviravoltas da Canda e do Padornelo, cantando, orgullosos do noso profe, sabedores de que estabamos trasgredindo. E aínda que entón non entenderamos algunha cousa, foi un tempo de útil preparación para enfrontarnos á realidade universitaria dos 70, en Compostela. Coñecín, en 1974, a Carlos Casares e a Ramón Piñeiro, fun amigo dos dous. Non por iso cortei, nin enfriei, a vinculación con Ferrín. Piñeiro falaba ás veces de Ferrín, considerábao grande escritor, destacaba nel a integridade, a firmeza de carácter. Certa vez comentou que non lle importaba o de Ulm Roam. Consideraba o personaxe como literario e que tiña máis da creatividade ferriniana ca da súa propia biografía. Corenta anos que pasaron, desde a tardiña na que o vin entrar no bar do Santa Irene a coller tabaco, até hoxe, cando Galicia enteira homenaxea a Xosé Luis Méndez Ferrín, nos setenta anos do seu firme puño de liberdade.
Sen política portuguesa.
Méndez Ferrín.

Faro Vigo 9-2-09

A inexistencia dunha política exterior é unha das características da Xunta de Galicia que presidiu Touriño. Moi especialmente notouse a faltar unha política para Portugal. Con Fraga Iribarne a Xunta tivo unha política cubana e unha política portuguesa, secundada por Fidel Castro e por Mario Soares respectivamente. Mais toda a administración Touriño viviu de costas a Portugal, sen que Quintana ousase corrixirlle nesta materia a plana ao presidente. As conversas sobre o AVE foron vistas polo pobo como frías e insinceras. Nada semellante a aquela xeira do presidente Soares polo provincia do Alto Minho que culminou nunha recepción en Valença aos intelectuais galegos, nos que Fraga Iribarne se apresurou a incluir a Camilo José Cela e así. A liga dos concellos do Limia non sei se é viva ou morta e a dos concellos do Miño xa a anulara o gobernardor Jorge Parada (PSOE) hai un mundo de tempo, por ameazar a unidade de España. Funciona, con escaso ánimo apesares de que o seu xerente, meu amigo Mao, é un entusiasta sincero, o Eixo Atlántico. Esta alianza de municipios é de alcance político moi limitado e son moitos os galegos que aspiran a máis no que se refere ás relacións entre Galicia e Portugal.Entre as posibilidades reais que nos ofrece a Unión Europea está a de constituir euro-rexións. Unha euro-rexión factíbel cuxa posta en vigor reportaría beneficios de todo tipo aos pobos de aquén e de alén Miño e Xurés sería a que englobase o Noroeste ibérico, ou sexa a actual Galicia e o Norte de Portugal até a bacía do Douro (incluída). Os territorios galegófonos da Asturias Occidental, León e Zamora estarían incluídos nesta euro-rexión que só podería chamarse co vello nome de Gallaecia. Sei ben que existen reticencias ideolóxicas e políticas, así en Portugal como en España, que levan un mundo de tempo tratando de frear ou adiar o proxecto. Hai xa moito que a miña familia e os seus amigos vigueses somos, por utilitarismo, usuarios do Sa Carneiro do Porto, onde hai un letreiro que di: "O aeroporto de tódolos galegos" (en galego). Se observamos o movemento de mercadorías nas es-autoestradas e estradas de Galicia non podemos ignorar o aumento de vehículos portugueses ano tras ano. Cada vez más os visitantes portugueses de lecer non son só os siareiros do Corte Inglés de Vigo e chegan en masa a Compostela e á Coruña, cousa que hai pouco tempo non facían. Ao revés e en dirección ao Sul os nosos conveciños fanse cada vez máis frecuentadores de Portugal. As únicas librarías do territorio español que venden literatura en portugués son algunhas de Galicia.Pois ben, a Xunta actual BNG-PSOE non diu pasos avante na constitución da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Por suposto, á oposición do PP este tema parécelle espiñento e propicio a rachar España e, sempre maís de Aznar ca de Fraga Iribarne, Núñez Feijóo e Corina Porro únense ao histerismo da Galicia Bilingüe que detesta desde as simas da alma a restauración da unidade histórica galegoportuguesa. Esperemos que no próximo Parlamento do Hórreo se trate por fin deste tema despois das eleccións. Pro teñen que aparecer novos actores e actrices no escenario

6 feb 2009

O arraiano Martin Sheen e o poeta cimarrón,
Manuel Rivas

Ferrinianos e ferrinistas
O autor de 'Con pólvora e magnolias' recibe unha homenaxe no seu 70º aniversario
XOSÉ MANUEL PEREIRO 06/02/2009

Homenaxe a Méndez Ferrín, de MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Méndez Ferrín, por ANTÓN BAAMONDE
Ferro. Pan por pan 7-2-09
Foi onte o día de Xosé Luís Méndez Ferrín, homenaxeado en Vigo cunha cea e un libro de homenaxe, ‘A semente da nación soñada’.Estiven alí co corazón, non coa presenza física. Ferrín, a quen os amigos máis ferrinianos chaman o Ferro, é hoxe símbolo de moitas cousas. Antón Baamonde, que nunca foi ferriniano, comenta nun blog o impacto (perdón, don Vicente) que supuxo na nosa cultura a aparición de libros como Con pólvora e magnolias ou ‘Crónica de nós’: eu podería dicir onde estaba e con quen o día que lin por vez primeira eses libros.E o mesmo cabe dicir de obras mestras como ‘Arraianos’ ou ‘Estirpe’. Co tempo tiven a honra de presentarlle en Auria algunha novela e de ter con el certo trato de amizade, con citas periódicas en Celanova ou en actos da Academia. Hoxe teño outra imaxe do Ferro que en nada diminuíu a súa valía literaria, ó tempo que agrandaba a súa calidade humana.

26 ene 2009

Do nacionalismo plástico
X.L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo 26-1-09

No seu artigo de hoxe, Ferrín expón a súa posicióno no conflicto Israel-Palestina e tamén a súa concepción dos nacionalismos, liberadores ou non.

23 ene 2009

Amigo morto, de X.L.Méndez Ferrín, Faro Vigo 23-1-09

Deixounos para sempre o escritor e amigo Manuel Riveiro Loureiro e ficamos tristes e menos. Foi a súa unha vida ateigada de angueiras, dificultades, ledicia, esperanza múltiple; tamén de soedade e dúbidas. Foi un excelente narrador de historias e a historia da literatura galega acolleráo sen dúbida na súa redacción definitiva, que non é aínda para mañá. En cando ao relato meu persoal da literatura e da arte da Galicia en que vivín, nel ocupa un posto de honra a figura deste amigo morto. Riveiro Loureiro abre o capítulo titulado Lealtade no meu particular Libro dos Amigos, ou sexa no meu Cemiterio Privado, dito o cal tamén se me aparecen na memoria Otero Pedrayo e Celso Emilio por non variar.Riveiro Loureiro era fillo nobre da clase obreira desa cidade que non é Marineda na obra de M. Rivas. El foi broche e renovo daquela xente supervivinte que por non chorar ou enmudecer se puxo a cantar polas tabernas en 1936. Pola miña memoria pasan algunhas das mellores mentes da miña xeración, coruñesas. Pasa a sombra de Xohán Casal, precursor e facho da nova narrativa. Martínez Barbeito dixérame que era da familia de Ánxel Casal e na casa deste morto amigo había unha bandeira republicana onda o burros dos abrigos. Pasa, moi desdibuxado, Xosé Antón Arxona de Santiago, que soubo apoiar, o primeiro, a idea de Lois Soto e a insercción do marxismo no atraso político de Galicia -recentemente morto. Pasa Reimundo Patiño Mancebo, en cuxo sangue latexaba a totalidade das porencias cósmicas e das potencias revolucionarias do proletariado da Coruña. Patiño, en quen termina unha forma falsa de facer pintura galega e se abre outra vía que rematará na independencia. Pasa Avilés de Taramancos pegando chimpos e facendo pinchos carneiros polo Cantón vestido do uniforme da Mariña de Guerra Española, non lonxe de Lugrís, Urbano. Pasa o máis secreto dos escritores da Curuña, que non sei se é vivo ou se é morto: José Luis Aranguren, neto do coronel Aranguren que salvou Barcelona dos militares franquistas.Tamén non sei se é morto ou vivo, e ogallá sexa o segundo, Afonso Gallego Vila, mestre da pintura avanzada e do poema radical. E ignoro o paradeiro de María Cremaes, aquel espíro ceibe e boca carnal moi fumadora que sempre se abraza na miña memoria, artistas xémeos eles, con Jean Dubuffet. Esta é a miña Coruña de lembranzas, de sombras, de Saudade non piñeirista. Estes son os grandes coruñeses da miña xeración antifascista e nacionalista que me acompañarán mentres viva eiquí en Vigo e en Vilanova dos Infantes. "Ando en conversación con los difuntos", que escrira o Outro mais soberbio verso castelán.Manuel Riveiro Loureiro era da idade e do xorne destes mencionados e, seguramente, doutros que non se cruzaron comigo nin erraron o discurso dos seus anos polos mesmos carreiros que eu errei. Siescaso, únese aos citados un Xosé Alexandre Cribeiro que baixa agora do Castromil porque tiña que se examinar na Coruña para o título de procurador dos tribunais. Dedicatoria: a Ximeno Amil Edreira, que está vivo e lúcido en Bos Aires.

9 ene 2009

De acordo con Beramendi
X. L. Méndez Ferrín, Faro de Vigo 9-1-09

O ano pasado Galicia tivo a boa fortuna de que dous escritores en lingua galega, Agustín Fernández Paz e Justo G. Beramendi, recibisen senllos premios nacionais de literatura dos que concede o ministerio de cultura de España.
A obra de Beramendi que resultou premiada é unha voluminosa historia do nacionalismo galego que, co título de De provincia a nación, editou Xerais, Vigo. Que en pleno delirio anti-nacionalista vasco, castelán e galego (por esta orde) no que se achan sumidos os máis dos medios de comunicación se produza a atribución na capital de España dun premio tan importante a un libro titulado como se titula o de Justo G. Beramendi constitúe un feito sorprendente e desde logo insólito. Eu estou en desacordo con algúns enfoques e puntos de vista expostos en De provincia a nación e, ao mesmo tempo, aprezo moito a obra polo que ten de marco xeral no que se pode inscribir todo un debate sobre a historia do nacionalismo galego que é o mesmo que decer sobre a historia de Galicia dos séculos XVIII, XIX, XX e o que levamos de XXI. Se cadra, noutro lugar (no Fondo dos Espellos, n´ A Trabe de Ouro ou allur) teñamos ocasión de comentar De provincia a nación en todo ou en parte. Eu non son un historiador, pro desde Marx sabemos que a historia é algo demasiado importante para a deixar exclusivamente nas mans dos historiadores.
Esoutro día lin unha entrevista de xornal a Justo G. Beramendi. O entrevistador preguntáballe ao ensaísta e historiador sobre o goberno autonómico que se vai formar como resultado das próximas eleccións autonómicas en Galicia. Beramendi, como a xeneralidade das persoas, opinaba que a coalición actualmente gobernante coñecería unha segunda edición. O xornalista, entón, pregountoulle ao noso historiador premiado se sería posíbel que un partido nacionalista de centro ou de dereita acadase representación parlamentaria.-E por que non un partido nacionalista á esquerda do BNG dada a deriva centrista desta formación?, coido que respondeu Beramendi (cito de memoria).
Non podo estar máis de acordo con Beramendi, aínda que a deriva do BNG sexa, do meu punto de vista, non ao centro senón a un neo-rexionalismo e a unha dereita neo-liberal, entendendo por neo-liberalismo o que entende Xavier Vence nun libro fundamental para comprender as políticas do mundo e a política de Xunta de Fraga Iribarme e a de Touriño/Quintana. O atraso político de Galicia revélase no feito de que no parlamento autonómico non existen máis ca tres partidos representados. Nas cámaras de Euskadi ou de Cataluña hai polo menos cinco partidos políticos presentes, pro no Hórreo so hai tres. Dous no goberno (PSOE-BNG) e un na oposición: un PP en proceso de liquidación e desmoralizado. De xeito que, se se repiten os resultados electorais, a oposición será exercida unicamente desde un partido de dereita confisional e de pensamento e práctica ultra-españolista.Será posíbel que das próximas eleccións resulte o parlamento galego arrequecido (uns deputados de esquerda e independentistas que estimulen o goberno triste e gris de Touriño/Quintana nunha dirección oposta á do PP? Este cronista está moi interesado en que así sexa.

6 ene 2009

Xeoloxía e Historia de Galicia
X. L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo 5-1-09


Nas raices profundas da palabra Historia está o verbo grego historein "narrar". Chamámoslle, pois, Historia ao relato cronolóxico dos acontecementos humanos do pasado, especialmente se se manifestan en fontes escritas. Logo ampliouse a noción e pasouse a falar de Historia Natural porque somos, obviamente, antropocéntricos. Fálase e escríbese de Historia da Terra ao ordenar diacrónicamente as súas mudanzas, e tamén de Historia do Universo. A palabra Historia inclúe matices semánticos diversos se nos referimos á sucesión dos acontecementos dos seres humanos, á evolución das especies ou ao transformacións da materia no Cosmos. A aparición da vida e a súa complicación sobre a Terra até chegar á nosa especie constitúe un clic mínimo no reloxio do Cronos cosmolóxico. Pro a Historia dos humanos ten como característica a de ser a única Historia que os humanos temos.
Juan Vidal Romaní, xeólogo, parece militar nas fileiras dos descontentes polo activación do exercicio da Memoria galega do 36. E escribe un artigo no que fai un reconto daqueles bens xeolóxicos e paleontolóxicos que posúe Galicia que nin se protexen nin se divulgan debidamente. Refírese aos xacementos do Caurel cuns restos fósiles gravemente ameazados. Fala do colosal conxunto do Ortegal, o Pindo, as Cies, o Galiñeiro que se erguen sobre o fenómeno, singular do Mundo, das rías. Bon coñecedor do Cuaternario, o doutor Vidal Romaní fainos acordantes dos vellos glaciares dos Ancares, Pena Trevinca, Manzaneda, o Xistral, o Xurés. Logo, cedendo á fatalidade do antropocentrismo, o profesor considera as centrais térmicas como verdadeiros Auschwitz dos lignitos e restos orgánicos fosilizados. E sinala co dedo ao decer, coma tal, que unha cementeira (compría o nome da compañía e os nomes do consello de administración: Historia) vai acabar coa Cova de Eirós e sos seus vestixios do urso cuaternario. E despois de mencionar Ézaro como emblema da destrucción da Natureza, o doutor Vidal Romaní continúa coa súa lista de agresións á Galicia xeolóxica engadíndolle unha simpática especie de bolboreta viva que conserva as súas características inalteradas desde os días glaciares. Sen dúbida, os entomólogos galegos poderían falar de insectos actuais con morfoloxía máis arcaizante aínda. O profesor Vidal ten razón ao esixir unha política científica, hoxe inexistente, que estimule e investigación, o estudo e a divulgación da xeoloxía de Galicia pro resulta inmoral e suxo que faga esta política incompatíbel co exercicio da Memoria Histórica dos sucesos de 1936 e seguintes.
Se o doutor Vidal se achegase á Historia humana non diría Auschwitz, senón San Simón ou Celanova. Sen a axuda desa Historia non saberiamos que Isidro Parga Pondal, pai da xeoloxía galega, foi condenado ao ostracismo académico polo fascismo. Tamén sen a axuda da Historia contemporánea, social económica, ignoraríamos o importante rol dos xeólogos postos ao servizo do lucro burgués universal na predación da Terra e conseguinte padecemento dos colonizados. Se non pensamos, e sentimos, a Historia dos humanos e a loita de clases podemos chegar a lamentar a icineración dun xacemento de trilobites nunha central térmica en canto permanecemos indiferentes ante a memoria de nove mozos mariñeiros asesinados polos franquistas en Baredo, Baiona, 1936.

31 dic 2008



Robert Mulligan
X. L. Méndez Ferrín, Faro Vigo 27-12-08

Sobre o ano 1963 vemos unha película titulada en España Matar (a) un ruiseñor seguramente porque a ave laiona que figura no seu título orixinal inglés non existe en Europa. Trátase dunha dura e vindicativa estoria que saca á luz o racismo da sociedade conservadora do Sul dos EE UU, con interpretación inesquencíbel de Gregory Peck no rol do avogado humanista Atticus Flinch. Cando algún fato ou cretino nos acusa de "antiamericanismo primario" sempre me vén á memoria Atticus Flinch como exemplo perfecto da decencia dos norteamericanos que Pablo Neruda simbolizaba na figura do Leñador.

A película presentaba unha zona de sombra. Un non comprendía moi ben por que unha meniña, que había de ser agredida, andaba polo bosco disfrazada de cabazo en ocasión dunha festa infantil tradicional cuxas regras os espectadores de aquí descoñeciamos. Nós non sabiamos en 1963 que nos EE UU había unha festa chamada Halloween e os traductores españois que traballaron na dobraxe tampouco sabían nada da dita festa. Naturalmente, a min nin sequera se me ocorreu que aquilo tivese nada que ver cunha tradición céltica que levase o nome de Samain. No meu rudimentario gaélico daquela época, que segue a ser rudimentario, Samain ou Samhainn o nome que leva a festividade cristiá de Todos os Santos e mais o mes de Santos na lingua propia de Irlanda e da Escocia celtizante. Claro que, en inglés, Halloween significa tamén Todos os Santos. Ou Hallowe´en.

Os lectores escoceses de Robert Burns (1759-96), o seu poeta nacional, non sabía grande cousa tampouco dunha celebración de Halloween en forma de nenos disfrazados e de lendas de meigas e cousas fantasmais que andasen polo mundo na véspera do día de Todos os Santos. Nada sabían os escoceses de finais do século XVIII sobre o folklore de espíritos ligados aos cabazos ou calacús do día de Halloween e Robert Burns tivo que lle-lo explicar de xeito erudito e mediante a minuciosa evocación dun costume que xa desaparecera naquel tempo. Así, o poema de Burns titulado "Halloween" acompañouse dunha nota explicativa e moi longa para os seus compatriotas comprenderen.
Moito máis tarde, e non antes de 1962, ano de Matar un ruiseñor, comezou a sair o Halloween como festa infantil nas películas norteamericanas. O seu nome inglés (arcaizante) entrou, sen ser traducido, nas dobraxes. Rapidisimamente, todo o mundo se enteirou de que existía Halloween e a súa festa de cabazos e de bruxas. En pouco tempo Halloween foi asumido, e este ano viñeron uns nenos da Avenida das Camelias, Vigo, a pedir na miña porta doces, como facían no maio de Curros os nenos que pedían castañas. Un grupo de agudos inventores de fantasías díronlle, coido que en Cedeira, unha volta de parafuso. Discurriron, despois de ler de xeito acrítico as novelarías de Jean Markale, que o Halloween en realidade é o Samhainn (as palabras significan o mesmo) e que en Galicia, que é celta, sempre se celebrara tal festa. E deron en decer que as carantoñas de cabazo que os nenos adoitabamos facer no mes de setembro para xogar a porlle medo ás nenas eran unha tradición antiga e sagra dos celtas galegos. Por tódolos Santos!

Do Halloween ao Samain: velaí unha impostura ben curiosa. Unha imposición cultural norteamericana feita a través do cine e do televexo pasa a adoptarse como unha falsa tradición folklórica galega. En realidade hoxe deberíamos falar da imposición, tamén imperialista, da árbore de Nadal que non é de orixe céltica nin sequera anglosaxona, senón alemá aínda que nola inculcasen vía EE UU. Pero ocorre que acaba de morrer Robert Mulligan, director de Matar un ruiseñor, unha das miñas películas favoritas, e os cabazos puxéronseme moi grosos na memoria.

23 dic 2008


Máis sobre o Ceregumil
X. L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo 22-12-08


A lectura dun artigo espléndido de José Manuel Ponte tiro o proveito de me facer sabedor de que o Ceregumil aínda existe e ten cen anos. Para os que non o saiban: Ceregumil é un xarope reconstituínte que lle administraban aos meniños e que, ao parecer, aínda funciona no mercado farmacéutico.Nos anos vinte a trinta do século pasado había un señor de Pontedeume destinado en Ourense como inspector de escolas chamado Couceiro Freijomil. Como home de letras e investigador erudito foi persoa prolífica. Autor dunha coñecida historia de Pontedeume, a súa erudición literaria faise evidente nun diccionario bibliográfico de escritores galegos, aínda útil a pesar das inexactitudes que contén. Como apéndice da xeografía de Galicia de Carreras Candi, Couceiro Freijomil escribiu El Idioma Gallego. Na parte gramatical, este Idioma plaxia sen dó a Gramática Histórica de García de Diego e, no apartado de literatura, pasan cousas piores. Vitriólico e virulento, Couceiro Freijomil, no seu apartado de historia da literatura galega contemporánea, fala con soberbia e desprezo contra Otero Pedrayo e trata de ridiculizar a Manuel Antonio e a Álvaro Cunqueiro -digamos só isto para amosar o modo como o bon señor foi contribuindo, aínda que en negativo, a construir as nosas preferencias. Como Deus escribe dereito con liñas tortas, Couceiro Freijomil insinounos o camiño real da literatura galega do século XX á beira do cal as estatuas de Otero, Manuel Antonio e Cunqueiro representan tres divinidades olímpicas para moitos. Chufábase Couceiro Freijomil de el ser o mellor recolector de cántigas populares galegas, que foi publicando periodicamente en La Zarpa, o xornal de Don Basilio Álvarez, baixo o epígrafe "Do meu feixe".

A obsesión de Couceiro Freijomil eran os galeguistas. Dedicaba a vida a observalos (mellor, a espialos) e a procurarlles os defectos. Armou unha polémica memorábel contra a bandeira azul e branca de Galicia nos días nos que a levantaba Cabanillas chamando á insurrección. Coma, antes ca el, Leopoldo Pedreira, e logo outros que chegan até os nosos días, Couceiro Freijomil formaba parte da tropa de galegos encabreados decer mal dos galeguistas e dos nacionalistas. Trátase dun xénero, dun tipo humano, dun modelo, que se vén reproducindo desde o século XIX deica hoxe: contra Rosalía, contra Murguía, contra a Academia Galega, contra as normas ou ausencia de normas ortográficas, contra os escritores, contra o Himno, contra todo o que se mova. Hai, mesmo, elementos no mundo universitario ou xornalismo que teñen como emprego principal do seu tempo o de lle buscar os defectos aos galeguistas e aos nacionalistas. Incluso hai prestixiosos xornais hoxe cuxa liña editorial preferente consiste nunha teimosa cruzada anti-nacionalista. Lendo a Couceiro Freijomil e a outros contemporáneos mesmo semella que nós os nacionalistas sexamos moi importantes e poderosos. Por veces a envexa termina por beneficiar un mundo ao envexado.Dicía todo isto porque nos anos vinte e trinta do século XX, os galeguistas, fartos de seren molestados por unha vareixa chamada Couceiro Freijomil que non paraba de lles zoar arredor da cabeza, decidiron poñer- lle un alcume. Como os nacionalistas de antano eran moi boa xente e non sabían odiar, o alcume que lle puxeron a Couceiro Freijomil carecía de solimán e era doce. Puxéronlle "O Cergumil". Inocentes! Explícanos José Manuel Ponte que o Ceregumil sigue despachándose en farmacias.

5 dic 2008

Lydia Kuper
X. L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo, 5-12-08

O alzamento franquista perseguiu de forma terríbel varias familias xudías que radicaran entre nós vindas de lonxe. Refírome aos Dainoff de Ourense e aos Zsbarski e Kuper de Pontevedra e Vigo. Tratábase de xudeus de orixe europea-oriental que cambiaran o uso do yiddish ou jüdisch polo do ruso e do castelán (ou do galego) e que deixaran, naturalmente, de ser relixiosos. Os membros destas familias eran cidadáns (daquela si) moi cultos e de pensamento republicano de esquerdas. A actividade profisional destas xentes era a estomatoloxía ou a odontoloxía: como dentistas foron moi aprezados. Como veciños, respectadísimos.
Caso sonado foi o de Abraham Zsbarski, preso en San Simón e asasinado polos falangistas sen formación de causa. Un fillo deste ocupa un lugar central na historia de Galicia en 1936. Médico pola Universidade Compostelana e tenente de complemento, Zsbarski o Mozo foi, no Goberno Civil de Pontevedra, elemento fundamental do Comité da Fronte Popular que intentou o 20 de xullo de 1936 resistir o golpe fascista. Zsbarski (entendo que comunista), Guiances (socialista) e Bóveda (galeguista) resultaron condenados á pena capital por un consello de guerra formado por xefes e oficiais sen honor. A Guiances conmutáronlle a pena de morte pola de cadea perpetua pro os seus compañeiros caíron baixo as balas do pelotón de fusilamento. O franquismo perseguiu e dispersou o que quedaba das familias Dainoff, Zsbarski e Kuper. O sionismo e os amigos de Israel en Galicia nunca falaron destes xudeus galegos.Voces e foros novos están a facer historia das mulleres galegas que destacaron en tempos recentes. A viguesa Lydia Kuper (ou Kúper de Velasco), ben pouco tida en conta, merecía unha investigación biográfica en regra. Sendo ela mociña asistiu na Facultade de Letras de Madrid (a dos finos e esguíos ulmeiros: Otero) ás clases de luminarias intelectuais da escola de Menéndez Pidal como Pedro Salinas. Lydia viviu no departamento feminino da Residencia de Estudiantes so a tutela de María de Maeztu e alí coincidiu con Teresa Díaz, outra ilustre viguesa que foi catedrática de inglés e directora do Instituto Feminino que hoxe leva o nome de San Tomé de Freixeiro. Destruída e dispersada a familia Kuper, a xoven Lydia asentou para sempre en Madrid."Que tendrán los novelistas rusos que los traduce del francés un catalán que no sabe castellano y aún así nos fascinan". Non sei se estas palabras atribuídas a Lorca foron ou non pronunciadas algunha vez na Cervecería de Correos, en Bakanik ou no paseo á lúa pola Quintana dos Mortos (ou Quintá de Mortos). En todo caso Lydia Kuper traduciu do ruso ao castelán maxistralmente, incluíndose no seu catálogo os autores soviéticos. Hai pouco, Lydia culminou (con case 90 anos de idade), o seu Guerra y Paz: a mellor traducción que da obra catedralicia de Tolstoi se teña feito a lingua románica ningunha, din os que saben. Mario Muchnik (Taller e Persoa) foi o editor entusiasmado.Eu agora evoco o día no que esta intelectual recuperou emocionada de mans do gobernador de Pontevedra Virginio Fuentes a bolsa de papel que contiña unha presa de moedas de ouro que lle foran expropiadas á súa familia en 1936. Con Lydia estaba o seu curmao Elías, director dos deportes en Novidades de Moscova que sempre tiña presente o Celta nas súas crónicas nostálxicas. Luís Ferreiro Loredo, que estaba tamén no acto, poderalles contar mellor ca min todo isto.

28 nov 2008

A censura franquista de libros
X.L. Méndez Ferrín
(Faro Vigo 28-11-08)


Despois de botarlle unha ollada á exposición "Editar en galego baixo a censura franquista" que, organizada por Xosé Manuel Dasilva, foi inaugurada na Casa Galega da Cultura de Vigo (Fundación Penzol), penso no moito que hai aínda por investigar e divulgar neste material. Seguindo a liña aberta por Abellán, floreceu unha interesante corrente histórica e de crítica literaria centrada no fenómeno da censura franquista e nos efectos ocasionados na literatura castelá e na literatura catalá (non sei se tamén na vasca).
A censura franquista de libros (segundo teño entendido e tamén padecido), divídese en dous períodos. No primeiro, as obras presentadas á censura (na calle Génova de Madrid, que parece ter unha especial vocación inquisitorial) eran examinadas por tres "lectores" que corrixían, tachaban e emitían os respectivos informes. Logo un xefe redactaba a resolución final na que se prohibía a totalidade, se autorizaba ou se suprimían partes da obra. Parece ser que os "lectores" eran anónimos e non se coñecían entre si. O secreto era tal que hoxe ignoramos o nome dos que foron censores ou "lectores" dedicados á vixilancia das letras galegas. A segunda etapa da censura franquista de libros ábrese coa posta en vigor da Lei de Prensa de Fraga Iribarne, que, para algúns, foi aperturista. Cousa, como veremos agora mesmo, completamente falsa.
O Ministerio de Información de Fraga Iribarne abriu un libro de rexistro editorial no que se relataban as editoriais máis de confianza política do Réxime. As editoriais rexistradas e numeradas segundo decisión personal de Fraga Iribarne podían publicar libros sen se someteren á "consulta previa". Ora si, se o libro publicado e distribuído contivese proposicións contrarias aos intereses do goberno e do Réxime podía ser secuestrado, retirado da circulación e os editores e autores procesados.
En canto ás editoriais que non gozaban do privilexio de figuraren no rexistro, seguían obrigadas a pasar os trámites da censura igual ca sempre. Fraga Iribarne non permitiu que Galaxia e as restantes editoriais galegas, a excepción da Val Lemos de Monforte, figurasen no grupo selecto das acollidas no "rexistro editorial". O cal quer decer que para Fraga Iribarne a cuase totalidade das editoriais galegas eran sospeitosas de desafección ao réxime franquista. E penso que non se equivocaba nada, a excepción da Val de Lemos que era inequivocamente antifascista e nacionalista galega.
E aínda había outras censuras. As conferencias culturais tiñan que ser aprobadas, previa presentación do texto ou dun guión pormenorizado, polos Gobernos Civís. Se resultaban desautorizadas non podían celebrarse e se algunha asociaciación se atrevía a facelo, recibía unha boa multa gobernativa ou mesmo era obxecto dun procesamento por parte do Xuzgado de Orde Pública. Aínda me lembro das 50.000 pesetas de multa que lle caíron á Asociación Cultural de Vigo por un coloquio informal e matutino protagonizado por J.L. Aranguren sobre 1968 ¡E da sanción a Manuel María! Determinados oradores nunca ou case nunca eran autorizados a falar en público. Houbo un período no que o mesmo Rector da Universidade de Santiago, García Garrido, prohibía as conferencias dos profesores de Instituto que figuraban na súa propia lista negra.
Naturalmente, nesta ínfima nota non se esgota a historia negra da censura exercida contra a cultura galega. Dos libros que eu publiquei co meu nome, o derradeiro que pasou a censura franquista foi o titulado Con Pólvora e Magnolias e fíxoo en 1976.

7 nov 2008

La Corte de los Milagros´, de X. L. Méndez Ferrín (Faro Vigo 7-11-08)


Vexo na tele Pilar Urbano. A xornalista intervén, ex deliquio, cos olliños faiscantes e sen dar terminado unha triste oración, sobre un seu libro/entrevista a lo divino no cal deixou falar a Raíña de España. Fíxome moita graza cando dixo de Rouco Varela algo así como "que Dios le conserve el báculo", pro que facía mal en andar nas manifestacións. "Los curas que se limiten a lo suyo", engadiu ela con esa sinxeleza tan característica do estilo mañico e nada solemne da Escrivá de Balaguer. Ouvindo a Urbano veume á memoria a famosa diatriba contra as beatas que saía en El valor divino de lo humano, libro (dun autor non sei se Urteaga ou Arteaga) que representou (non tanto Camino) a pedra angular sobre a que se edificou en Compostela A Estila e noutros lugares diferentes edificios, non espirituais senón fisicamente tanxibeis, do Opus Dei para dar cobexo a actividades de signo nacional-católico. Sábese que o Opus gosta moito da doutrina da Graza de Estado, por iso "La perfecta casada" de Luis de León e as "Coplas" de Manrique son textos literarios moi aprezados no seus círculos. De xeito que os metalúrxicos deben ser bons metalúrxicos, as criadas de servir boas criadas de servir, os ministros de Franco bons ministros de Franco, os xornalistas bons xornalistas e os arcebispos de Madrid-Alcalá nada máis ca iso. Loitar por saír fóra do propio estamento no agrada aos ollos de Deus, provoca revolucións tribulación e non favorece a santidade das almas. Para Pilar Urbano a clase de tropa que forma a camarilla de Rouco Varela (kikos neocatecumenais, legionarios de Cristo e seitas así) leva o purpurado por mau camiño."O corazón aberto e as portas fechadas", soe decerse no seo da Opus Dei cando alguén o abandona ou cando un competidor disidente lle atranca o camiño a algún membro disciplinado da facción. Pilar Urbano, no mesmo programa de televexo, axustoulle as contas a Jaime Peñafiel usando do tópico vixente na Casa: "como persona le puedo donar un riñón pero como periodista mis puertas le están tan cerradas como las de la Casa Real, donde no lo reciben". Despois do seu éxito, Pilar Urbano parece chamada a ocupar o posto vacante de Sor Patrocinio no retábulo isabelino de Valle-Inclán en versión de debuxos animados.Si, Pilar Urbano acaba de lle render un grande servizo á Casa Real. Chamaba demasiado a atención a simpatía do Rei polos socialistas e, antes, pola xente que aglutinaba Adolfo Suárez. Mercé á Urbano isto contrapésase xa coa identificación da Raíña cos principios irrenunciabeis do Opus Dei a respecto do aborto, da eutanasia, da homosexualidade, obrigado ensino de Relixión e así. Veleiquí unha interesante diversificación das imaxes das dúas testas coroadas. Pro os éxitos do Opus non paran aí.Hai pouco Covadonga O´Shea entrevistaba Amancio Ortega en virtude dos bons oficios interpostos por Francisco Vázquez, veciño do home de negocios na coruñesa Rúa das Tabernas. Covadonga O´Shea é impulsora do novo feminismo católico e da atención que este lle empresta a Pardo Bazán, que tamén morou nas Tabernas. En canto a Vázquez, sempre se supuxo el ser a cabeza visíbel do grupo de presión do Opus Dei no seo do PSOE.O PP cabalga cara o ocaso, coma as personaxes de M.L. Estefanía. Por unha banda a Casa Real non perde o seu ligame co PSOE e pola outra interésalle non cortar os contactos co esencialismo católico. O Opus, con Urbano, asegura esta ambigüidade. Pro tamén o Opus, con O´Shea´, mantén drenadas as canles vivificadoras entre o PSOE e o grande capital.

3 nov 2008


Visibilidade da nación galega
X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Faro Vigo 4-11-08)

Usamos moito o substantivo abstracto visibilidade e invisibilidade para nos referir a que Galicia e o seu idioma sexan ou non perceptibles no mundo exterior. A concesión do premio nacional (español) de ensaio en Madrid a unha obra de Justo Beramendi titulada precisamente De Provincia a Nación e na que non se fai referencia á nación española senón á nación galega constitúe todo un fito histórico. De algún xeito, o feito de o Ministerio de Cultura de Madrid lle outorgar tamén a Agustín Fernández Paz o premio nacional de literatura xuvenil por un libro, O único que queda é o amor, escrito precisamente en idioma galego, vén completar o proceso de revelado ao final do cal a foto dun país con características e idioma de seu pode ser contemplada nidiamente. Haberá xente digamos o clube financiero de Vigo, onde funciona a variedade lingüística local na que o ver se confunde co ollar ou co mirar, que siga na contumacia. Por outra parte o PEN Club acaba de despregar a súa actividade maior do curso actual coa celebración da Bienal Literaria Internacional en Compostela na que escritores de diferentes mundos, entre os que se inclúe o premio Nobel de orixe chinés, falaron entre si e coñeceron Galicia como cultura diferente a todas as culturas humanas.CSertamente, cada un dos visitantes viu o que quixo ou estaba capacitado para ver. O PEN galego cumpriu moi ben a súa misión de chamar a atención dos visitantes sobre a nosa existencia.Galicia débelle unha homenaxe de masas a Manuel Rivas por dúas razóns principais. Unha, porque el é un grande escritor vivo e vastamente seguido por infinidade de lectores. Outra, porque é o autor noso máis aprezado, non só en Madrid senón tamén alén dos Pireneus en nunha chea de linguas ás que foi traducido. Francia e París xa non son o centro da República Mundial das Letras segundo nos explicara con intelixencia e donaire Pascale Casanova nun libro destinado a permanecer, pro aínda mandan moito, estabelecen xerarquías, e infunden respecto universal. E tamén é verdade que na tal República Mundial das Letras as edicións da Gallimard representan o Tabernáculo ou a Arca da Alianza na que os máis valorados tesouros literarios son facturados desde Francia para o Mundo.E ben: a última novela de Manuel Rivas (brillante e conmovedora), Os libros arden mal, foi editada en francés por Gallimard co título moi cortante e feliz de L´ ´eclat dans l´ abyme (ou dans l´ abîme, non sei porque non vin a traducción aínda). Xosé Manuel Pereiro, sempre coa ollada posta (el si) na nosa realidade, infórmanos de que Radio France emitiu fragmentos de L´éclat durante unha semana e de que o noso querido O´ Rivas foi entrevistado a toda plana como escritor en galego en Le Monde e en Le Figaro. Libération, máis afín sen dúbida, colocou ao autor coruñés en primeira por causa da súa novela sobre a Coruña e sobre Galicia en días de horror. Finalmente, o Premio Medicis, sempre de Francia, que se concede á mellor obra literaria en lingua non francesa, escolleu esta novela en galego de Rivas entre as 15 finalistas. O clube financiero de Vigo, para quen o galego é perxudicail para os negocios, debería reparar en que ningún libro escrito en castelán foi escolleito para o Medicis.Os que teñen ollos para ver que miren e os que teñan ourellas para ouvir que escoiten.

15 oct 2008


Traficantes de insectos,
de XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Faro VIgo 13-10-08)

Cando eu era neno pasaba moito tempo a observar o que pasaba nun tanque de auga situado, para regar, en certa horta da cidade de Ourense próxima ao río da Barbaña. Chamáronme a atención uns pequenos esgarabellos que vivían nas augas verdosas, que nadaban moi ben e que, de tarde en tarde, subían á superficie sacando o abdomen e se proveían dunhas burbullas, non finaceiras senón de ar, que levaban consigo ás profundidades nas que habitaban. Unha vez que conseguía apañar algún individuo e depositalo no bordo do tanque, o becho soía despregar as alas membranosas e saía voando coma mesma habelencia coa que un momento antes navegaba a bucío. Nunha ocasión, e só nunha, vin, nun relanzo do Miño, contra os herbais que daquela había onda a acea e cachón de Oira, como un insecto moi parecido na forma aos esgarabellos do tanque pero grandísimo, subía á superficie e puña en contacto a cabeza co ar para, logo de facer visibel un instante o seu corpo poderoso e ovalado, perderse de novo nas fonduras do río. "É unha vacaloura de río" -díxome o Suso, que me acompañaba-. En verdade, aínda que o insecto de Oira ofrecía unha certa semellanza coa femia da vacaloura, non era tal. Supoño que o que vin daquela no Miño era un coleóptero da familia ou superfamilia dos Hydrophilidae, moi seguramente, un especimen do grande esgarabello acuático cuxo nome é Hydrous piceus. O insecto do tanque ao que me referín anteriormente pertencería a outra familia, a dos Dyscidae, e podía ser o coñecido como Acilius sulcatus.Pasado domingo ofrecéronme no quiosco, en compañía de determinado xornal, un fascículo que trataba, penso que de xeito claro e correcto, dos esgarabellos acuáticos. Comprei decontado tal literatura que, para a miña sorpresa, estaba acompañada dun poderoso exemplar de insecto da familia dos Hydrophilidae que na publicación se presentaba, sen nome científico, como "escarabajo buceador asiático". O exemplar viña empacado nun bloque de metracrilato e, en tanto non o dou clasificado, el está agora no meu despacho en lugar privilexiado pois tivo a virtude de me retrotraer á infancia facendo as veces da magdalena ranurada en forma de vieira da que fala Proust nunha pasaxe memorábel. Ora ben, considero ilícito o tráfico de insectos que supón esta oferta. Os sete euros que custa o becho e mailo folleto, de divulgación entomolóxica revelan un tráfico de animais en grande escala que non debería estar permitido. Quen queira coleccionar insectos, que saia á natureza a cazalos, e aínda así que o faga con moito respecto. Calquera das especies de esgarabellos acuáticos merece a mesma consideración que calquera das especies de baleas e de mamíferos mariños que tanto lles preocupan (e con razón) aos ecoloxistas e amigos da Natureza. Debemos defender a biodiversidade e o tráfico de insectos como este ao que nos estamos a referir representa un negocio ilícito e non sei se constitutivo de delito ecolóxico ou non.
(Nota de M.V.: sempre haberá sitio nas Uvas para os artigos de Ferrín, sobre todo os que evocan a súa infancia ourensá. O clima literario deste non está lonxe do conto "O Suso": o mesmo Suso que se cita no artigo?)

10 oct 2008

O Capital, de X.L. Méndez Ferrín (Faro Vigo, 10-10-08)

De súpeto os medios de comunicación volven usar a palabra que durante tantos e tantos anos ignoraran: capitalismo. A crise do capitalismo que estaba tan prevista coma o próximo terremoto de San Francisco está aí e é froito da acumulación desordenada e da cobiza de lucro. Fálase de capitalismo pero os grandes sabios da economía burguesa que tan ben nos ensinaron que a historia chegara ao seu fin e que a liberdade absoluta de mercado é o principio que debía rexer no mundo e que a disciplina do Estado tiña que ser sustituida pola disciplina da Empresa e que o liberalismo debe gobernar as nosas vidas coa mesma violencia con que a selección natural e a adaptación ao medio gobernan na Natureza viva, non saben senón tatexar desculpas. E agora é o Estado o que ten que salvar o capitalismo. É decer, despois de que os burgueses levaran o mundo financeiro ao caos temos que ser os probes os que paguemos o desastre a través do Estado. Non existe a alternativa socialista en forma de URSS pero a soa posibilidade de remedio segue a ser o socialismo. Tamén se pode revisar a política económica e facer que o Estado interveña para controlar a crise e que, unha vez esta superada cos sacrificios dos traballadores e do resto do pobo, voltemos ao desorde que terminará por culminar nunha outra crise e así polos séculos dos séculos. Xa iremos vendo a ver.Pola miña parte, leo cada día a prensa de Galicia por ver o que o club financeiro de Vigo, despois de informarnos de que o idioma galego constitúe un inconveniente para o empresario florecer, nos informa sobre a resolución da crise financeira. Gostaríanos comprobar que o clube financeiro de Vigo, alén de estar formado por sociolingüistas expertos, tamén pode falar de asuntos tan relacionados coas finanzas como é o da crise na que nos achamos enchoupados. O feito é que a avidez capitalista nos levou ao crack e á crise e que é o Estado e os pobres os que temos que llela solucionar. Estes días, como todos os días, a lectura de Marx pode servirnos para centrar as ideas. Eles prefiren botar unha man do fondo de reservas intelectuais keynesiano. Pro a admonición de Altusser será máis fructífera para os espíritos ceibes: ler O Capital e, como non, o Manifesto Comunista (hai versións en galego).Neste intre dexenerativo fálase do capitalismo pero no é doado ouvir falar do fracaso do capitalismo, aínda que no carozo máis interior e fundamental de tal sistema encóntrase necesariamente o seu propio fracaso. Neste clima de crise celebrou o pasado sábado catro de outono, en Vigo, a Central Unitaria de Traballadores (CUT) o seu congreso, e del saíron uns novos estatutos co cal esta sindical se aprechou para os tempos difíceis e para facer visibel o espectro que percorre, xa no só Europa senón o globo terráqueo. O pensamento obreiro é rico e en Galicia encóntrase (ao revés que en Cataluña) ben enxertado no discurso nacionalista. A perversión advírtese no feito de que cando hoxe o pensamento hexemónico fala de "igualdade" non está a falar da idea de Igualdade que aflorou na Revolución Francesa e que constitúe o único horizonte verdadeiramente alternativo a este desastre e a esta miseria que hoxe amosa a faciana dos cadáveres.

3 oct 2008

Hóuboche un grande incendio...´, X.L. Méndez Ferrín 3-10-08

Tal como reza ó título desta bagatela comezaban unhas coplas de entroido que, pasada a festa, ficaron para sempre no depósito do folklore familiar dos vigueses. Se os últimos alcaldes de Vigo concorresen cos metalúrxicos ás festas profanas de Bembrive en lugar de ir con cana de mando á procisión nacionalcatólica do Cristo da Victoria coñecerían tamén a cántiga que, en clave de sátira pillabá, perpetúa a lembranza dun incendio que ocorrera a principios do século XX na Porta do Sol. Caracterízanse os vigueses, de pura torgueira ou aveciñados de novo, por teren, ma memoria local. As súas autoridades semellan tamén alleas á historia e á tradición da cidade que gobernan, por iso reinciden cada ano nos fastos do Día da Reconquista ignorando que o bon rei Xosé Bonaparte foi quen propiciou, na constitución de Baiona, que Vigo fose capital da primeira provincia centralista das constituídas á queda do Antigo Réxime: Vigo, e non Tui nin Pontevedra, foi designada como cabeza departamental polos partidarios do bonapartismo e non por Cachamuíña nin polo abade de Valadares nin por Pablo Morillo (grande felón). Penso que as autoridades municipais non saben moito da cidade e inexplicabelmente ignoran o xeito aberrante e disparatado de medrar que ten, á marxe de calquera regularización racional. As autoridade permitiron durante moitas décadas instalacións industriais e comerciais sen taxa. Nun escrito recente, Miguel Pérez González enumerou un rosario de asentamentos fabrís cuxo espazo carece de calquera garantía de salubridade pública, de seguridade no traballo e, mesmamente, de legalidade. Os nomes dos asentamentos, moi eufónicos, son O Gorxal, O Seixiño, O Gandarón, A Vagunda ou Bagunda, A Raposeira, Fragosiño, Freixo, O Lameiro, O Caramuxo, Coruxo en varias zonas. A enumeración de asentamentos de talleres e armacéns irregulares podería incrementarse cos localizados nos concellos limítrofes de Gondomar ou Mos. Os territorios portuarios de Vigo están inzados de depósitos, fábricas, establecementos que non teñen que ver nada coa actividade marítima. Os activistas que consideran o castelán como lingua "propia" de Vigo e Galicia deberían visitar eses dédalos labirínticos que ao cronista lle parecen encantadores pro que fan tolear os transportistas doutros lugares e países á hora de lles entregar as mercadorías aos destinatarios. Verían con espanto que ningunha de tales zonas industriais, primitivas pro dinámicas, teñen un nome en castelán. Soubemos que o pasado 6 de Setembro se orixinou un grave incendio nunha nave na que desempeñaban as súas funcións, algunhas non autorizadas, once empresas diferentes. Houbo quen tivo medo polos veciños que habitan casas próximas aos armacéns que arderon, os cales (beizón aos bombeiros) non sufriron dano esta vez. O alcalde e a cámara municipal non ofreceron explicacións razoabeis. A idea de Vigo é confusa para moitos dos cidadáns do seu vasto, activo multiforme e contradictorio termo municipal. E os gobernantes deste semella que padezan tamén dunha grande ignorancia sobre a realidade urbanística que eles solicitaron administrar. Inoperancia, desidia, abulia, descoñecemento, constitúen a tónica das maioranzas municipais de Vigo desde que temos uso de razón política.

15 sept 2008

O atraso político de Galicia, de X.L. Méndez Ferrín (FV. 15-9-08)

Nos parlamentos autónomos de Cataluña e de Euskadi están presentes non sei se cinco ou seis formacións políticas. E isto ocorre en dúas das que oficialmente son chamadas "nacionalidades históricas" e que na práctica real, oral e escrita, ninguén chama así. Nas cámaras autonómicas definidas como rexionais, digamos Navarra ou Madrid, tamén hai pluralismo parlamentario. Pola contra, no Hórreo de Compostela non sentan máis ca tres partidos políticos, como é ben sabido: dous formando goberno de coalición e un na oposición. É a isto o que lle chamamos "o atraso económico de Galicia" modificando unha migalla un título famoso e fundacional de Xosé Manuel Beiras. (...)

O artigo completo

14 sept 2008







Metamorfose dos anxos, de X.L. Méndez Ferrín
(Faro Vigo 12-9-08)

Nas fotos Gerardo Diego, Blas de Otero e Cunqueiro: este último si que sabía de anxos aínda que o esquecera aquí Ferrín.

De neno, contáronme a estoria da sublevación de Luzbel, o máis belo dos anxos, contra Deus. Impresionoume a súa grandeza máis ca épica e o relato serviume para imaxinar nitidamente a invención do Inferno e aparición de Satán no mundo e no trasmundo. Anxos, Arcanxos, Serafíns, Querubíns, Dominacións, Tronos, Virtudes e Potestades son as diferentes castes de anxos ou espíritos puros que conseguín manter na memoria. Logo estaban o Anxo da Garda e os anxiños consistentes na cabeza dun pícaro con dúas aliñas apegadas que poboan os retábulos barrocos. O pior dos meus pesadelos infantís foi un no que me vin acosado por un enxamio de tales mostros cativos, que rían perversos. Mahoma veneraba estas figuras incorpóreas, que el herdara da Biblia, e nada menos ca o Corán lle foi transmitido por Deus a través dunha delas. De mozo, poucas veces me divertín tanto como o día no que lin no Padre Feixóo unha humorística distinción racionalizada ao modo tomista entre a natureza dos anxos e a dos trasnos, co fin de deixar en ridículo coido que aquel Padre Laínez que defendía a existencia dos segundos.
Eu teño moita máis simpatía polos tardos ou trasnos galegos ca polos anxos inconsúteis e sobrehumanos. Unha extrañísima afección dos anxos revelouse en certos poetas do século XX, entre os que non se contan certamente Pound nin Maiakovski, afección producida pola irradiación que un día exerceu Rainer Maria Rilke. É certo que poetas crentes coma Gerardo Diego escribiron bonitas bagatelas sobre os Angeles de Compostela. Pro tamén contumaces materialistas (Alberti) foron capaces de convocalos como tal no libro Sobre los Ángeles. O comunista cristianizante e unamuniano Blas de Otero é autor dun duro libro titulado Ángel fieramente humano. En canto a Lorca, este poeta máximo meteu, entre ciganos inesquencibeis, figuras andróxinas ou asexuadas de arcanxos belísimos representados en estatuas públicas de Granada. Estes anxos literarios non deben, digo eu, de provir de Lost Paradise, o poema perfecto de Milton. Como tampouco pensaría nel Ricardo Carballo Calero cando deu á luz na Benito Soto o libro titulado Anxo de Terra, nin tampouco Aquilino Iglesia Alvariño, castelanizante ocasional, ao poñerlle ao seu, cuase contemporáneo do anterior, Contra el Ángel y la noche. A moda dos anxos literarios debeu de se ir cando Ánxel (tamén) Rei Ballesteros deu á luz a súa novela Dos anxos e dos mortos, coa cal o espírito da nova narrativa pareceu ter unha continuidade do máis esixente. De meniño non tiven demasiada fe na existencia dos anxos (había tantísimos seres invisibeis nos que crer!) e de maior nunca sentir a necesidade de xogar á fantasís fabricando anxos poéticos. Un día non lontano durmín incómodo nun hotel alemán debido a que este estaba situado nunha Engelstrasse. Coidei ao principio que se trataba dunha rúa á memoria de Federico Engels; pro non: era só a Rúa do Anxo.Vexo apegado nun farol da Porta do Sol, Vigo, un carteliño no cal calquera de esas sectas modernas que andan polo mundo captando diñeiro dos inocentes anuncia un curso sobre "Metafísica de los Angeles". Xa non se trata, ai, de anxos poéticos senón da nova relixión dos anxos que, procedente dos EE UU, irrumpeu con forza na cultura de masas hai anos. Por iso, na actualidade, cando me falan en anxos non penso en San Miguel, nin no da Garda, nin nos das cabeciñas aladas, senón na cara de apalambrado que pon Nicholas Cage cando fai de anxo no cine.